Novas

Aberto o tramo do viaduto de O Castro da A6 sentido A Coruña na comarca de O Bierzo

Hoxe quedou aberto o tramo da A6 a altura de O Bierzo que colapsara en xuño de 2022, cando se realizaban traballos de mantemento. Deste xeito quedaron abertos ao tráfico os tres carrís da calzada sentido A Coruña e o segundo carril da calzada sentido Madrid, quedando totalmente operativos os cinco carrís do tramo da autovía situado no km 430, na contorna das localidades de Vega de Valcarce (León) e Pedrafita do Cebreiro (Lugo).

Un carril da calzada sentido Madrid púxose en servizo a finais de 2023, permitindo restituír parcialmente o tráfico, tras concluírse en apenas sete meses a construción dos viadutos pequeno e mediano. O viaduto grande, que conta con 14 vans e 595,5 m de lonxitude, é o que se abre hoxe completamente tras executarse nuns once meses.

O ministro Oscar Puente, presidiu o acto, ao que tamén acudiron o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o presidente da Junta de Castilla y León, Alfonso Fernández Mañueco.  No transcurso da inauguración o ministro declaraba que “coa posta en servizo deste novo viaduto en sentido A Coruña recuperamos unha conexión vital entre Galicia e Castela e León. A circulación no límite provincial León-Lugo volve á plena normalidade”.

Tamén, tal e como explicou o ministro, neste tramo fíxose moito máis que unha reconstrución. “O seu deseño estrutural é de última xeración no que autovías de montaña refírese, con taboleiros de gran robustez, visitables e monitorizados en tempo real. Esta é “unha obra nova e non un remendo. É unha estrea e non unha reposición”, aseverou

Descarrila un tren de pasaxeiros en Foz tras atropelar dous cabalos

Ás 7:40 horas, o persoal de Renfe contactou co 112 Galicia e informou do descarrilamento dun tren de pasaxeiros tras atropelar dous cabalos á altura de Vilaronte, en Foz.

No momento do accidente, no convoi só viaxaban o maquinista e o interventor. Cubría o traxecto Ribadeo – Ferrol e a liña ferroviaria permanece cortada entre aquela localidade lucense e Viveiro. Os equipos de emerxencias traballan para restablecer a circulación o antes posible.

Nada máis ter constancia do acontecido, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a acción da Garda Civil e do persoal de ADIF Emerxencias. Ao mesmo tempo, alertouse aos Bombeiros de Barreiros, ao GES de Cervo e aos voluntarios de Protección Civil de Foz por se fose necesaria a súa intervención.

Nestes momentos trabállase para restablecer as condicións de seguridade na vía.

Percorrido da Cabalgata dos Reis Magos

A edil de Cultura confirmou esta mañan o percorrido definitivo da cabalgata, que volverá ser o habitual, partindo ás 18:00 do Parque da Milagrosa e continuando pola avenida da Coruña. A entrada no recinto histórico será pola Porta de San Fernando e  continuará percorrendo as rúas San Fernando e San Marcos, para chegar á praza de Santo Domingo e continuar pola rúa da Raíña, antes de rematar diante do Concello aproximadamente ás 19:30, momento no que os Magos de Oriente recibirán a todas as nenas e nenos que entren no Concello.

A Xunta Local de Seguridade conta coa representación de Bombeiros, Protección Civil e Policía Local, ademais de Garda Civil e Policía Nacional.

O desfile contará cas catro carrozas, as tres dos Reis e a dos agasallos. En total haberá 14 espectáculos que inclúen a partipación de 80 actrices, actores e músicas. Submarinos, caravanas cirquenses, zeppelíns, grandes animais, músicas diversas e moito máis, unha espectacular posta en escena que acompañará ás súas maxestades no seu percorrido pola cidade. Durante o desfile, os paxes reais repartirán 1500 quilos de caramelos entre todas as nenas, nenos e maiores que se acheguen a saudalos.

O Concello abre un proceso de actualización de datos para o acceso de vehículos ao Centro Histórico

O Concello de Lugo iniciará nos vindeiros días un proceso preliminar de actualización da base de datos da que xa dispón para regular, posteriormente, o acceso de vehículos ao Centro Histórico e poñer en marcha mecanismos de control do tráfico nas zonas recentemente peonalizadas (O Carme, Recatelo, Calzada da Ponte, Mosqueira e barrio da Milagrosa: rúa Menorca e Pintor Luis Seoane, entre outras). O obxectivo desta iniciativa é simplificar a residentes, persoas usuarias e empresas que operan nestas zonas a tramitación administrativa para así, no momento que corresponda, axilizar a concesión das autorizacións oportunas.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos,  indicou que a atención ao público arrincará o próximo luns día 30.  O servizo terá unha duración de tres meses durante os que cinco auxiliares administrativos/as realizarán as tarefas que permitan avanzar neste proceso de consulta de datos. Catro desempeñarán o seu labor desde as dependecias de Novas Tecnoloxías, na parte traseira da Casa do Concello, mentres que outro/a auxiliar operará  desde a Unidade de Mobilidade da Policía Local, en San Fiz. Este último atenderá ao público de luns a venres, desde as 8 ata as 15 horas, mentres que os catro situados na praza Anxo Fernández Gómez estarán a disposición da veciñanza os luns, mércores e venres de 9.00 a 14.30 e os martes e xoves  no mesmo horario de mañá e desde as 16 ata as 19.45 horas na quenda de tarde.

Alvarellos, explicou que “as persoas solicitantes serán atendidas en primeira instancia de xeito telefónico para axendar a súa asistencia presencial”. Nese primeiro contacto se indicaráselle a data e o horario da cita personalizada e  informaraselles da documentación que precisan adxuntar en función de se son residentes ou empresas instaladas no Centro Histórico, ou se pertencen ao sector de distribución de paquetería e servizos profesionais. O concello recabará por outra vía os datos correspondentes ás flotas de vehículos tanto da administración local como do resto de organismos públicos.

“Antes de nada os veciños e veciñas deberán chamar ao número 982 29 73 77 onde o persoal muncipal lles asignará unha cita presencial en calquera dos dous edificios municipais, segundo o seu interese. Así mesmo, ofertarase a posibilidade de realizar os trámites de maneira telemática, a través do procedemento habilitado na sede electrónica do Concello para o que poderán contar con asistencia telefónica para cumprimentar o proceso se así o precisan. Pola súa banda, as empresas deberán chamar tamén para coñecer a documentación que teñen que adxuntar, pero a tramitación será exlcusivamente telemática como así determina a normativa “, explicou a alcaldesa.

Programación do mercado Nadalmente Lucense para despedir o ano

O mercado Nadalmente Lucense, que se celebra na Praza Maior, ofrece unha ampla programación para despedir o ano con ilusión e diversión para pequenos e maiores. A iniciativa busca dinamizar o comercio local e crear un ambiente festivo e familiar no corazón da cidade.

Mercado de Nadal conta con casetas decoradas, iluminación especial e un horario amplo: de 11:00 a 14:30 e de 16:30 a 21:00 horas, excepto o 31 de decembro, con horario reducido ata as 14:30 horas, e o día 1 de xaneiro, cando permanecerá pechado.

A programación de actividades para os vindeiros días será a seguinte:

Venres 27

  • De 11:00 a 14:30h: Visita do Paxe Real
  • De 11:00 a 12:30h: Obradoiro de manualidades de Nadal
  • De 12:30 a 13:30h: Xogos tradicionais
  • De 13:30 a 14:00h: Contacontos infantil
  • De 16:30 a 21:00h: Visita do Paxe Real
  • De 17:00 a 18:00h: Exhibición da Escola de Música Rossini
  • De 18:00 a 19:30h: Obradoiro de manualidades “Escribindo a carta aos Reis Magos”
  • De 19:30 a 21:00h: Xogos tradicionais

Sábado 28

  • De 11:00 a 14:30h: Visita do Paxe Real
  • De 11:00 a 13:00h: Obradoiro de manualidades “Escribindo a carta aos Reis Magos”
  • De 16:30 a 21:00h: Visita do Paxe Real
  • De 16:30h: Chocolatada (ata fin de existencias)
    Contará con opcións especiais sen glute e sen lactosa para persoas intolerantes.
  • De 17:00 a 18:30h: Actuación da Charanga Filarmónica Lucense
  • De 18:30 a 20:00h: Obradoiro de manualidades “Escribindo a carta aos Reis Magos”

Domingo 29

  • De 11:00 a 14:30h: Visita do Paxe Real
  • De 11:00 a 12:30h: Obradoiro de manualidades “Escribindo a carta aos Reis Magos”
  • De 12:30 a 13:30h: Actuación do Mago David Méndez
  • De 13:30 a 14:00h: Teatrillo de Nadal con monicreques
  • De 16:30 a 21:00h: Visita do Paxe Real
  • De 16:30 a 18:00h: Xogos tradicionais
  • De 18:00 a 19:30h: Animación coa batucada Cadabatú
  • De 20:00 a 20:30h: Teatrillo de Nadal con monicrequeDe 20:30 a 21:00h: Obradoiro de manualidades “Escribindo a carta aos Reis Magos”

Luns 30

  • De 11:00 a 13:30h: Xogos tradicionais
  • De 13:30 a 14:30h: Xogo “A caixa dos desexos”
  • De 16:30 a 21:00h
  • De 17:00 a 19:00h: Obradoiro de manualidades “Escribindo a carta aos Reis Magos”
  • De 19:00 a 20:00h: Xogos tradicionais
  • De 20:00 a 21:00h: Xogo “A caixa máxica”

Martes 31

  • De 11:00 a 13:30h: Obradoiro de manualidades “Escribindo a carta aos Reis Magos”
  • De 13:30 a 14:30h: Xogos tradicionais

 

A Asociación de Veciños Centro de Lugo esixe ao Concello a reparación urxente do pavimento das rúas San Marcos, Rúa Nova e Praza de Santo Domingo

A asociación denuncia o “estado lamentable que está a provocar constantes accidentes que leva meses informando ao Concello desta situación, expresa a súa máis enérxica protesta ante a actual situación de abandono e deterioro que atravesan estas tres rúas, con motivo das obras de peonalización”. “As condicións das rúas non só non melloraron, senón que, en moitos casos, empeoraron, provocando un elevado e constante número de caídas. As obras, que orixinalmente planeáronse para mellorar a infraestrutura urbana, converteron actualmente o centro de Lugo nun auténtico caos”. Denuncian dende a asociación.

“A falla de sinalización axeitada, o paso de vehículos por rúas que non están preparadas para o tráfico, a falla de control, transformaron o que debería ser unha mellora, nunha trampa diaria para quen transita pola zona. Estes problemas son especialmente graves para persoas maiores, rapaces e persoas con mobilidade reducida, que enfrontan riscos cada vez que se aventuran a camiñar por estas vías. No que vai de ano, reportáronse un número crecente de caídas, algunhas delas mesmo requiriron atención médica”, os veciños din,” vímonos na obriga de sufrir as consecuencias dunhas obras interminables, que afrontamos con paciencia, responsabilidade e colaboración, polo que ante esta situación actual insostible, esiximos ao Concello de Lugo : 1. O arranxo inmediato do pavimento destas rúas, co compromiso de mantelas en condicións axeitadas para o tránsito seguro de todas as persoas. 2. A instalación dunha axeitada sinalización e medidas de seguridade temporais para previr accidentes no curto prazo. É hora de que o Concello asuma a súa responsabilidade e actúe de xeito urxente, garantindo a seguridade dos veciños”. Rematan.

Soñar con Marcial

De noite, soñei con Marcial. Estaba para entrar nalgún lugar, e apareceu Marcial en silla de rodas… Saudou coa súa natural ledicia, e eu non cheguei a decir palabra, pensando: Pero Marcial, se estás morto, como é posible que esteas aquí?. Non recordo máis do soño. Non sei se alguén entendido en temas evanescentes, me pode indicar o significado de que soñe vivo a un benquerido amigo que morreu hai once anos.

Por Santos acudo en familia ao cemiterio de San Froilán, poñer dúas rosas bermellas na súa sepultura. Sempre se me adianta Chema, amigo e compañeiro, que mantén viva memoria e agarimo, e colocamos as flores entre as que Chema e familia colocaron primeiro. E fago unha foto para lembrar que o tempo corre mentras seguen frescos os recordos deste especial amigo de aventuras radiofónicas e vitais.

Marcial José González Vigo, estradense que despois de percorrer medio mundo afincou en Radio Popular de Lugo, foi un xigante da comunicación, e á súa beira fíxenme maior na radio. Conquistamos cumes que parecían imposibles, e premiáronnos en Sevilla e Mallorca, en Lugo, en Madrid ou en Salou, nos felices setenta.

De grandcorazón, foi este quen cansou de marcarlle o ritmo, de impulsar tanta humanidade e calor humana, tanto traballo que merecía o dito do Campeador: ¡Dios, qué buen vassallo si oviesse buen señor!
Soñei con Marcial, e algo ten que significar. Como mínimo, a súa pervivencia na vida dos que o coñecemos; que ninguén morre de todo mentras alguén o recorde. Non me explico o da cadeira de rodas. Sexismundo, soñado por Calderón, dame unha razón vital: “pues que la vida es tan corta, soñemosalmasoñemos”.

A mala combustión dun quentador deixa cinco persoas trasladadas ao hospital na Pontenova

A mala combustión dun quentador deixa cinco persoas intoxicadas. Todas elas foron evacuadas ao Hospital Lucus Augusti. O aparello funcionaba cunha bombona de gas butano. O 112 Galicia tivo constancia dos feitos dez minutos despois das 23 horas, a través do persoa de Urxencias Sanitarias de Galicia-061: varias persoas sufriran mareos nunha vivenda da avenida de Taramundi, na Pontenova.

De inmediato, desde o 112 Galicia solicitouse a colaboración do GES e dos voluntarios de Protección Civil da Pontenova, así como dos axentes da Garda Civil. Tamén se informou dos feitos aos Bombeiros de Viveiro.

Os servizos de emerxencias realizaron as medicións correspondentes no punto e confirmaron que se producira unha mala combustión dun quentador, que funcionaba cunha bombona de gas butano.

Finalmente, cinco persoas foron evacuadas ao hospital e os efectivos do GES ventilaron as estancias da vivenda.

Nova convocatoria de Masa Crítica

Mañá xoves 26 de decembro, como tódolos últimos xoves de mes, a Masa Crítica de Lugo sairá ás rúas da cidade para promover o uso da bicicleta, como medio de transporte, porque, como declaran os organizadores é saudable, operativo, rápido e eficaz.

A de mañá será a 200 edición, polo que, parece ser, haberá  algunha que outra sorpresa.

A partir das 20:30 horas, desde a Praza Maior.

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com