Novas

Cervo entrega os cheques para as axudas aos centros escolares do municipio

O Concello de Cervo, da man do rexedor Alfonso Villares e da edil de Educación, Dolores García Caramés, fixo entrega dos cheques coas axudas dirixidas aos centros escolares do municipio -CEIP de Cervo, CEIP Península da Paz e IES Marqués de Sargadelos-.

Apunta o rexedor Alfonso Villares, “o obxectivo destas axudas é o de poñer o noso grao de area para apoiar aos centros educativos na súa gran labor de ensinanza. Esta aportación serve como punto de apoio para que os centros desenvolvan a súa actividade e facilitar a dinámica escolar, ademais de reforzo á hora de facer fronte aos seus gastos de funcionamento”.

Villares apuntou que “estas axudas forman parte dunha partida orzamentaria de 7.500 euros que dende o Concello diriximos á comunidade educativa tanto para a compra de libros e material escolar como para transporte”.

A rexedora de Lugo destaca en Ferrol a oportunidade de aproveitar os fondos europeos para acadar “a Galicia dunha soa velocidade”

A rexedora de Lugo, acompañada polo tenente de alcaldesa e voceiro municipal participou, esta mañá, na festividade de San Xiao. A outra das xornadas, logo do San Froilán, coa que os Concellos de Lugo e Ferrol celebran o seu irmandamento e na que a institución anfitrioa distingue ao Ferrolán do Ano e entrega as Insignias de Ouro da cidade.

“Recoñecementos moi valiosos cos que, ao igual que Lugo fai coas Medallas de Ouro, recentemente entregadas, se pretende poñer en valor a importancia das accións e do impulso cidadá na construción social dos municipios”, sinalou a alcaldesa.

Durante o acto, ao que asistiron representantes de todos os grupos da Corporación ferrolá (PP, BNG e Ferrol en Común), así como os voceiros do PSOE e do PP por parte da Corporación lucense, a alcaldesa puxo de manifesto a complexidade do ano 2021, cando, tras superar a chegada da COVID, “os Concellos tivemos que afrontar a recuperación dos nosos municipios nun contexto sanitario, social e económico realmente duro e no que aínda se mantén a preocupación polo devir da pandemia. Un 2021 no que quedou manifesta a transcendencia das Administracións locais na protección da veciñanza e no desenvolvemento das prestacións públicas para que ningún cidadán e cidadá se quede atrás nestes momentos de tanta dificultade”, sostivo.

A rexedora lembrou tamén os lazos de amizade que ámbalas dúas cidades comparten dende 1906 e que se intensificaron a partir de 1913 coa entrada en funcionamento do ferrocarril. “Porque Lugo e Ferrol tamén mantemos retos e demandas en común e unha delas é, precisamente, non quedar descolgadas das infraestruturas viarias e ferroviarias tanto para o tráfico de pasaxeiros como o Ave, como o Corredor Atlántico de Mercadorías. Reivindicacións nas que as dúas somos aliadas porque resultan claves para que os nosos territorios sexan competitivos. Un obxectivo no que tanto Ángel como eu estamos a traballar como alcaldes pero tamén noutros foros nos que estamos presentes como pode ser o Eixo Atlántico”.

Unha similitude que a rexedora extrapolou, igualmente, ao modelo que segue a transformación dámbalas dúas cidades, “en prol de acadar urbes mais sostibles, nas que as persoas son o centro das nosas políticas, as principais protagonistas da nosa acción”.

“Estas serán, sen dúbida, cuestións cruciais na etapa na que estamos: a da recuperación; a das oportunidades que esta crise nos brindou deixando ao descuberto primeiro as debilidades que debiamos atallar, pero tamén as fortalezas que temos e que debemos aproveitar para saír reforzados da actual situación socio sanitaria”, engadiu a rexedora.

“Un fin para o que – abondou – resultará importantísima a xestión dos fondos europeos, como mecanismo imprescindible que axudará a rachar coa Galicia de dúas velocidades que dende Ferrol e Lugo combatemos cunha comprometida política municipal, logo de anos de hándicaps que se foron superando. Unha única velocidade á que nos incorporaremos e que chegará tamén da man da interconexión e da vertebración do territorio”, afirmou a alcaldesa.

78 persoas perderon a vida nas estradas galegas no 2021

Iniciamos novo ano, e toca facer balance da pasada anualidade en todos os sectores posibles. E precisamente iso foi o que fixo o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, na presentación dos datos de sinistralidade viaria de 2021 das que se desprende unha evolución positiva de redución dos sinistros en estradas estatais.

Así, durante o 2021 nas estradas do Estado producíronse 921 sinistros nos que perderon a vida 1.004 persoas e outras 3728 resultaron gravemente feridas. Estas cifras representan 97 falecidos menos (- 9%) que en 2019 (ano de referencia) e o segundo mellor ano da serie histórica, só por detrás de 2020, ano no que faleceron 870 persoas pero que se trata dunha estatística distorsionada pola pandemia.

O ministro do Interior, Fernando Grande- Marlaska, sinalou na presentación destes datos que “o balance de sinistralidade viaria de 2021 indícanos que mantivemos a tendencia positiva de redución da sinistralidade que experimentamos na última década, pero hai que engadir que a valoración non pode ser positiva porque 1.004 falecidos na estrada o pasado ano son demasiados”.

Grande- Marlaska presentou o balance provisional de sinistralidade viaria 2021 referido aos accidentes ocorridos en vías interurbanas con falecidos no momento do sinistro ou nas 24 horas seguintes. O ministro estivo acompañado polo director xeral de Tráfico, Pere Navarro; o xefe da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, xeral José Ignacio Criado, e o fiscal de Sala de Seguridade viaria, Bartolomeu Vargas.

A cifra de 3.728 feridos graves como consecuencia dun sinistro viario tamén se reduciu en 705 persoas, un 16% menos á rexistrada en 2019 (4.433).

Datos en Galicia

No tocante aos datos da comunidade, as estradas galegas rexistraron no último ano un total de 2.213 accidentes con vítimas, dos cales 74 foron sinistros mortais. Cifras que amosan tamén ese descenso acusado dende 2019 con 2783 sinistros con vítimas rexistrados e 81 deles mortais.

En canto ás vítimas, no pasado ano 2021, Galicia rexistrou 78 falecementos en accidentes de tráfico e 307 feridos de gravidade, fronte aos 88 e 420 do ano 2019 (respectivamente).

Dos 78 falecidos, 57 eran homes e 21 mulleres. Confírmase tamén o peso dos usuarios vulnerables (peóns e motoristas) na accidentalidade mortal de Galicia, xa que representan o 33 % da accidentalidade mortal. Asemade, segundo revela o balance presentado polo Goberno, o 34% dos falecidos en turismos e en furgonetas non facían
uso do cinto de seguridade. O 100% dos falecidos en motocicleta (13) e en bicicleta (1) si facían uso do casco.

Na nosa provincia, se rexistraron en 2021, 261 accidentes con vítimas dos cales 11 foron mortais. No relativo ás persoas, 40 resultaron feridas graves en accidentes de circulación mentres que 11 perderon a vida.

Mobilidade, parque e censo de condutores

No que a mobilidade refírese, durante o pasado ano rexistráronse 393,7 millóns de movementos de longo percorrido por estrada, o que supón un 8% menos que os realizados en 2019 (427,1 millóns) e un 23% máis respecto a 2020.

Este descenso na mobilidade produciuse en vehículos lixeiros (-10%) e principalmente en fins de semana cun (-15%). En cambio, o tráfico de vehículos pesados foi superior (+3%) ao rexistrado en 2019. O parque de vehículos incrementouse nun 2% respecto a 2019, chegando aos 33,2 millóns de vehículos e o censo de condutores mantense  igual que en 2019, con 27,3 millóns de condutores.

Ribadeo pon a dispor de Sanidade o novo pavillón polideportivo para realizar test de antíxenos sen cita previa

O Concello de Ribadeo pon a disposición de Sanidade o pavillón polideportivo novo para que se fagan probas de antíxenos en saliva sen cita previa, para toda a poboación sen síntomas que queira asegurarse de que non está contaxiada de Covid. Así o anunciou hoxe o alcalde da localidade, Fernando Suárez Barcia, quen explicou que fai esta oferta tras escoitar a petición feita polas autoridades sanitarias e así, “colaborar nesta interesante posibilidade para que a cidadanía de Ribadeo, ou se cadra de concellos achegados a nós, poida facerse probas de antíxenos sen cita previa, para evitar ter que desprazarse a Burela ou a outros puntos máis distantes, co que gañaremos en comodidade, en rapidez e polo tanto, en efectividade”.

O rexedor sinala que a día de hoxe a localidade que goberna conta con 132 casos activos, unha situación de alta incidencia que cotninúa tamén no resto da comarca e da provincia.

Suárez Barcia manifesta que “as autoridades sanitarias indícannos que estarán desde a semana que vén e ata novo aviso, os luns, os mércores e os venres, de 10:00 a 14:00 horas. Serán autotest que farán as persoas que vaian alí e haberá sempre persoal sanitario, para explicar, e indicar as instrucións precisas. Os resultados destas probas sábense ao cabo de poucos minutos”.

E engade: “desde o Concello de Ribadeo habilitaremos os circuítos de entrada e saída neste pavillón da Avenida de Luarca para que todo o proceso se faga con toda a prevención e seguridade posibles”.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Vilalba Aberta preguntará ao pleno polos recortes de servizos no Centro de Saúde

A responsable de organización de Vilalba Aberta, Mónica González, anunciou na mañá de onte a que será unha das iniciativas centrais da formación municipalista no Pleno Ordinario de xaneiro. Un chamamento ao “consenso político da corporación” ao respecto da necesidade de “reverter os recortes de servizos no Centro de Saúde de Vilalba” e na defensa do “reforzamento da Atención Primaria no Municipio”.

Denuncian dende VA que non se cubran as últimas baixas por xubilación en medicina xeral e advirten do risco que supón que as próximas sigan o mesmo camiño. Na mesma liña, dende a formación lémbrase que dende o mes de Xuño hai veciños que están sen médico de tarde sendo, neste caso, o motivo o cambio de facultativo a outro Centro de Saúde. “En todo ese tempo só tiveron dúas substitutas que, entre unha e outra, estiveron arredor dun mes e agora tanto poden ter cita pola mañá ou pola tarde, independentemente de que que teñan o medico de tarde”, censurou González.

Así, e ao tempo que cualificou de “inconcibible” que haxa esperas de “ata 15 días para unha cita presencial ou telefónica nalgúns supostos”, a responsable de VA explicou que a esta “acelerada perda de servizos” cómpre sumarlle que dende hai tres anos “non temos oculista”.

Para a formación, o denunciado deterioro na asistencia sanitaria redunda negativamente tanto no empeoramento das condicións laborais duns “profesionais que ven redobradas as súas tarefas por ter que facer o que antes facían os seus compañeiros”, como nuns “pacientes que comproban como diminúe a calidade asistencial que reciben, despois de agardar semanas para ter unha cita co seu médico”.

Así, dende Vilalba Aberta houbo palabras de eloxio para os profesionais do Centro de Saúde que, tal e como explicou González, se ven “inxustamente obrigados” a atender a pacientes que quedaron sen asignación médica habitual, o que se traduce nunha “máis que evidente saturación”, tendo e moitos casos estes sanitarios que prolongar a súa actividade fóra do horario laboral ou aumentar a cota correspondente. “A precaria situación na que se atopa o noso Centro de Saúde non é boa nin para usuarios nin para profesionais da sanidade pública”, criticou.

Coa anunciada iniciativa, a formación municipalista pretende que o Concello de Vilalba inste á Xunta a “rectificar os recortes na sanidade pública e poña en marcha unha estratexia que lle dea forza ao “corazón do sistema”, isto é: a Atención Primaria.

“A Atención Primaria, baseada na proximidade, na accesibilidade, na relación directa profesional-doente e na continuidade da asistencia está en risco”. Así o retratou Mónica González, non sen antes urxir a PP e PSOE locais a “unirse á reivindicación” co fin de “dar a batalla” diante dunha situación na que “o descontento, a preocupación e o malestar da veciñanza non fan máis que medrar”. Así e logo de enumerar os recortes autonómicos ao longo dos últimos 12 anos, González criticou que “nun momento de maior capacidade de gasto, pola achega de recursos extraordinarios da UE e do Estado, e en plena sexta onda da maior pandemia sanitaria que coñecemos, “o orzamento medrara tan só un 0,03%”.

Para a responsable de Organización de VA, cando máis sería precisa unha auténtica aposta pola Atención Primaria para sacala do “colapso” no que se atopa, “o orzamento aínda é máis baixo que no ano 2020, 2 millóns de euros menos; 47 millóns de euros menos que no 2009, hai 12 anos, que de aplicarlle o IPC, serían máis de 277 millóns
menos”.

“Estase a recortar aínda máis o orzamento destinado á Atención Primaria, cando xa estamos á cola de todo o Estado, tan só o 12% do orzamento, máis de 2 puntos menos que a media: non só non se aproxima ao 25% que aconsellan todos os estudos, senón que se afasta”, alertou.

Oscar Cabana Picado, gañador do XXXII Certame Galego de Arte ‘José Domínguez Guizán’

O Xurado do XXXII CERTAME GALEGO DE ARTE “JOSÉ DOMÍNGUEZ GUIZÁN”, reuniuse hoxe na sala de exposicións da Delegación territorial da Xunta de Galicia en Lugo, convocado polo Centro Cultural do mesmo nome, promotor do Belén Electrónico begontino, formado por María José Gómez Rodríguez, Xefa territorial de Cultura de Lugo; Aurelia Balseiro García, Directora do Museo Provincial de Lugo; Manuel Gulín Rodríguez, pintor; Gonzalo Sánchez Folgueira, pintor; e Xulio Xiz, xornalista, en representación do Centro Cultural convocante.

Por unanimidade, o Xurado acordou destacar a alta calidade das obras participantes no Certame, e conceder o premio José Domínguez Guizán de arte, dotado con 1.500€ e estatuíña de Sargadelos, á obra Avda. da Muralla (Lugo), da que é autor Oscar Cabana Picado, de A Coruña.

O premio será entregado o próximo 29 de xaneiro, sábado, no decurso do acto de clausura de O NADAL EN BEGONTE na súa 50ª edición.

As obras participantes nesta edición do Certame seguirán expostas na sala da Delegación territorial da Xunta de Galicia en Lugo ata o próximo 15 de xaneiro. Do 17 ao 28 deste mes poderán ser visitadas na Casa da Cultura de Begonte.

O PP pregunta ao goberno local por que non cubre as numerosas baixas que hai nos centros sociais

As baixas que estes días asolan os diferentes centros sociais municipais están a colapsar aínda máis un servizo xa saturado habitualmente e que estes días “non da máis de si”. Así o explica a concelleira popular, Macamen López, despois de ter coñecemento da situación que están a sufrir os poucos traballadores que están dispoñibles e que non reciben ningún tipo de axuda xa que o Concello non está a cubrir as baixas.

Unha situación pola que preguntará a concelleira popular, sobre todo para coñecer os motivos que ten o goberno local para non cubrir estas baixas, independentemente do tempo de duración que teñen, xa que “se os traballadores dos servizos sociais están saturados a diario, cando un compañeiro se pon de baixa, o traballo se acumula aínda máis, o que bloquea aínda máis o servizo”.

Polo que informan os traballadores, a realidade é que o servizo está saturado o que redunda en que hai usuarios aos que non se pode atender, polo que Macamen López pide ao goberno local que abra as listas de traballo para que novos traballadores se poidan incorporar aos centros sociais para axudar aos empregados que hai na actualidade, aliviar a carga de traballo e dar unha mellor atención aos usuarios.

No seu día, o goberno local informou que abriría as bolsas de emprego en función das prioridades existentes en cada servizo, “polo que non entendemos que non boten man desta opción, sobre todo agora que hai tantos traballadores de baixa e usuarios sen atender. Se isto non é unha prioridade, o goberno local debería de explicar que é unha prioridade”.

Macamen López tamén preguntará en comisión polo funcionamento dos diferentes centros sociais, así como polo sistema empregado para cubrir as baixas dos traballadores, ademais de solicitar un informe con todas as incidencias rexistradas nos mesmos.

Meira Polígono – GOOGLE MAPS!!!!

O PP de Meira lamenta “a falta de implicación do goberno local co impulso da actividade empresarial”

O Grupo Municipal do PP de Meira lamenta “a falta de implicación do goberno local coa dinamización empresarial do municipio”. Así o manifestan ao coñecer que “o Concello de Meira non disporá dun axente de emprego porque o goberno local non solicitou esa axuda á Xunta”.

O voceiro, Carlos Veiga, considera “incrible” que “Meira perda servizos e axudas pola falta de xestión do goberno local” porque “agora perdemos ao axente de emprego que ata o de agora compartiamos cos Concellos de Riotorto e Ribeira de Piquín” para colaborar na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial.

“O Concello de Meira perde outra axuda da Xunta dirixida á creación de emprego”, segundo manifesta o popular ao lembrar que “tampouco solicitou ningún obradoiro de emprego dende que goberna o PSOE”. Veiga explica, por outra banda, que “Meira dispón dunha orientadora laboral dirixida á atención aos desempregados”, pero lamenta que “só vén ao Concello de Meira unha vez cada quince días”. É por iso polo que o Grupo Municipal Popular xa lle ten pedido ao goberno local que “faga as xestións oportunas para ampliar o horario de atención en Meira”.

É que para os populares “precisamente debido á crise da covid-19, o tema laboral debe ser dos máis importantes, xunto aos servizos sociais”. Polo tanto, “as administracións, como está a facer a Xunta, deberían poñer recursos e aplicar políticas para xerar emprego, desenvolver proxectos e novas oportunidades laborais”.

Veiga non pode entender esa desidia do rexedor en relación á dinamización económica de Meira tendo en conta que “o noso pobo é a vila de referencia para moitos veciños non só de Meira; senón tamén de concellos veciños. Ten, polo tanto, moito potencial para medrar, desenvolver novas actividades económicas e, en definitiva, asentar servizos e  poboación”.

Ampliación do polígono
A este respecto, lembra o popular que “a Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas xa se comprometeu a desenvolver unha nova ampliación do polígono industrial, unha vez estea executada a que está prevista cun orzamento de 515.000 euros que a Xunta contempla nos seus orzamentos deste 2022”.


Imaxe: Google Maps

Os paxes reais recollen as últimas cartas dos nenos antes da noite máis máxica do ano

Unha comitiva de nenos da cidade de Lugo recibiron no Salón de Plenos do Concello a tres paxes reais para entregarlles, acompañados da alcaldesa da cidade, centos de cartas rezagadas que os pequenos foron deixando nos últimos días na caixa de correo real instalada na Casa Consistorial.

A rexedora, que máis tarde foi a visitar aos Reis Magos á carpa instalada xunto ao Gustavo Freire, pediu aos paxes que lembrasen a Melchor, Gaspar e Baltasar que as cartas dos nenos de Lugo estaban avaladas por un certificado de bo comportamento expedido pola cidade despois do grandísimo esforzo que os máis pequenos da casa están a facer para adaptarse ás cambiantes medidas de prevención ante a crise sanitaria. O certo é que os nenos superan en bo comportamento á gran maioría dos adultos da cidade.

A alcaldesa destacou, unha vez máis, que “as nosas crianzas comportáronse como auténticos heroes, e demostraron unha responsabilidade e unha comprensión extraordinaria. Por este motivo, preparamos un diploma, incluído na carta para as súas maxestades, coa finalidade de ser un aval para que as autoridades competentes, os Reis Magos,  accedan, na medida do posible, aos desexos de todos os nenos e nenas de Lugo” explicou a alcaldesa.

Xa na Cabalgata, que este ano polas limitacións derivadas da pandemia é estática, a alcaldesa agradeceu aos Reis o esforzo para chegar a todos os fogares e lembrou que para miles de persoas, nenos e adultos, esa noite “será un momento máxico”.

Galicia rexistra o seu terceiro decembro máis cálido da serie histórica

Galicia rexistrou un mes de decembro normal en canto ás precipitacións e moi cálido no que respecta aos termómetros, ata o punto de que a temperatura media obtida nas estacións máis representativas da Comunidade se situou 2,1º por riba do agardado. Esta anomalía térmica, de feito, fixo que o mes pasado fora o terceiro máis cálido da serie histórica de referencia 1981-2010.

Estas son as principais conclusións do avance do último informe climatolóxico de MeteoGalicia, que subliña tamén que decembro tivo tres partes moi diferenciadas, cun período inicial de 10 días no que predominaron as borrascas, con ambiente húmido e temperaturas suaves propias da época; unha segunda parte con outras 10 xornadas de tempo anticiclónico, seco e temperaturas baixas; e unha recta final marcada de novo polas borrascas, aínda que neste caso con vento do sur e temperaturas elevadas.

A característica máis salientable do mes foi, de feito, a temperatura, cunha anomalía media en Galicia, obtida a partir das anomalías medias das 11 estacións meteorolóxicas máis representativas, de 2,1º por encima do habitual en decembro.

A explicación hai que buscala tanto nas temperaturas mínimas como nas máximas, xa que en ambos casos foron moi cálidas. O precedente máis próximo neste sentido foi o mes de decembro do ano 2015, cando a temperatura media se situou en 2,87º por riba do habitual, e o anterior foi o de 1989, cunha anomalía positiva de 2,84º.

Con carácter xeral, os termómetros marcaron rexistros moi elevados no conxunto de Galicia, aínda que os valores máis salientables en canto á anomalía media concentráronse na comarca de A Coruña e no leste da provincia de Lugo, con valores que case chegaron aos 3,8º por riba do normal. Pola contra, as anomalías máis baixas acadáronse no Barbanza, cunha temperatura media case un 1º por riba do agardado.

Menos chuvia e concentrada en poucas xornadas
Segundo os datos recollidos nas estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade, a chuvia acumulada en decembro foi similar ao que se considera normal, pero o número de días con precipitacións supera en xeral os valores climáticos habituais para esta época. Isto foi debido aos dous períodos de inestabilidade cos que comezou e rematou o mes, que trouxeron asociados episodios de borrasca bastante activos en días concretos e derivaron nunha precipitación media acumulada de 205 L/m 2 .


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com