Novas

Lixeiro aumento no ritmo de contaxios o día que Lugo supera os 5000 casos activos

Lugo continúa a bater os seus propios récords. E é que nas últimas 24 horas a provincia conseguiu doblar o número de casos activos de Covid que se daba en anteriores vagas.

Así, segundo informou o SERGAS con datos recollidos ata as 6 da tarde de onte, Lugo rexistra hoxe 5068 casos activos, 391 máis que na xornada anterior. Pero a cousa non queda aí, senón que o ritmo de contaxios tamén aumentou no día de onte, eso sí, de forma moderada. E é que nas últimas horas o SERGAS detectou 468 probas de diagnóstico que resultaron positivas, fronte as 397 de onte, pero lonxe xa das 560 do sábado ou das 620 notificadas o xoves.

No tocante á presión asistencial, na última xornada Lugo mellorou moi lixeiramente as súas cifras. En total, na provincia permanecen ingresados -con Covid- 26 pacientes, catro menos que na xornada anterior (3 menos en planta e un na UCI). Deles, 6 están na UCI do HULA e os outros 2 en unidades convencionais, 12 no HULA e catro en cada un dos hospitais comarcais.

Hoxe a peor nova son os falecementos. E é que a última hora de onte o SERGAS notificaba 3 novos decesos de positivos Covid na provincia. O primeiro deles tivo lugar o 30 de decembro, foi unha muller de 91 anos que finaba no HULA. Nese mesmo hospital tiña lugar un segundo óbito o primeiro día do ano, o dun home de 89 anos. Por último, o pasado domingo, día 2 falecía no Hospital de Burela outro home de 94 anos de idade por mor da Covid. Todos eles tiñan patoloxías previas. En total, dende a chegada do virus á provincia, en marzo de 2020, foron 262 os falecidos.

Para rematar esta información con mellor sabor de boca, non podemos deixar de mencionar ás 72 persoas que onte recibían a alta médica despois de seren diagnosticadas co coronavirus. Con elas, suman xa 21.527 os lucenses que poden dicir que superaron a enfermidade dende o inicio da crise sanitaria.

Os Reis Magos visitarán Lugo cunha cabalgata estática en Frigsa

Os Magos de Oriente visitarán Lugo, un ano máis, para saúdar a todos os nenos e nenas horas antes de deixar os agasallos nas casas. Así o confirmou a pasada semana o Rei Melchor, nunha conversa telemática coa edil de cultura do Concello de Lugo.

A súa maxestade destacou a “prudencia e o bo comportamento dos nenos e das nenas lucenses durante este último ano de pandemia” e afirmou que xa teñen todo listo para a súa visita de mañá.

Os Reis Magos farán, ao igual que o ano pasado, unha cabalgata estática, “seguindo as recomendacións das autoridades sanitarias” como precaución ante a evolución da sexta vaga da Covid.

Os nenos poderán visitar ás súas maxestades no exterior do Auditorio Municipal Gustavo Freire en horario de mañá, entre as 12 e as 14 horas e, pola tarde, de 17.30 a 19.30 horas. Ademáis, o Concello ten organizadas diversas actividades para amenizar a espera dos nenos.

Miñones destaca que a Lei da Cadea Alimentaria garantirá prezos xustos para os produtores agrogandeiro

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou que a nova Lei da Cadea Alimentaria marcará un antes e un despois nas relacións que manteñen as industrias produtoras, a distribución e os mercados ao “garantir uns prezos máis xustos para os produtores que, como sabemos, son o elo máis débil da cadea”. José Miñones fixo esta valoración da nova Lei durante unha visita que efectou á empresa láctea Airas Moniz, de Chantada, tras recibir unha das distincións dos Premios Alimentos de España 2021.

José Miñones explicou que nova Lei 16/2021 da Cadea Alimentaria, que entrou en vigor este mes, transpón a directiva europea contra as prácticas comerciais desleais e aposta por un mercado máis transparente, xusto e equilibrado.

O delegado recoñeceu as dificultades puntuais que atravesan algúns sectores, especialmente o lácteo, polo encarecemento dos custos de produción como os produtos de alimentación animal e a enerxía. Neste senso, lembrou que un dos obxectivos fundamentais da nova Lei é acadar que os prezos que se paguen ao vendedor estean sempre por encima dos custos de produción, como demandan as organizacións agrarias.

Sobre os custos da enerxía, avanzou que o Goberno ten en marcha un programa específico de subvencións para mellorar a eficiencia enerxética das explotacións, que en Galicia xestiona a través da Xunta, cun orzamento de 30M€. Por outra banda, os orzamentos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para 2022 adicarán 118,3M€ para modernizar as explotacións con medidas de eficiencia enerxética e uso de renovables.

José Miñones fixo tamén balance dos pagos de achegas directas da Política Agraria Común (PAC) da campaña 2021. Estes alcanzaron en Galicia, a 31 de decembro, os 147.002.389,17 euros. Suman o pago básico, o de prácticas beneficiosas para o clima e o medio ambiente, o de agricultores mozos, pequenos agricultores e a achega asociada voluntaria.

O delegado destacou que o sector agroalimentario, que foi central na resistencia contra a pandemia, garantindo a subministración de alimentos, debe ser tamén protagonista da etapa de recuperación económica. Apuntou que ten diante unha excelente oportunidade pola confluencia de varios instrumentos de apoio: a nova Política Agraria Común (PAC), cuns fondos de 47.724 M€ para o período 2023-27, e a aplicación dos fondos europeos de recuperación, que no compoñente para o sector primario dispón dun orzamento de 1.051M€.

“O Goberno cumpriu cos prazos marcados por Bruxelas, e xa enviamos a Europa o Plan Estratéxico da Pac que nos permitirá acceder a este instrumento clave no futuro do sector”, engadiu

Cajoto lembra á Xunta que segue agardando unha reunión co Executivo por Altri

O presidente da Mancomunidade da Mariña e alcalde de Foz, Fran Cajoto, téndelle a man á Xunta de Galicia para traballar conxuntamente na implantación da fábrica de fibra téxtil na Mariña.

“O 18 de novembro remitimos unha carta ao vicepresidente Francisco Conde solicitando unha reunión cunha representación de alcaldes da Mariña. O obxectivo é colaborar e superar calquera atranco administrativo para implantar a fábrica de fibra téxtil de Altri na nosa comarca, buscando a mellor situación para a factoría. E aínda non recibimos resposta”, explica Fran Cajoto.

Na solicitude, pídeselle ao vicepresidente que abra a reunión a máis membros implicados para que sexa unha verdadeira xuntanza de traballo: “queremos traballar desde o minuto un coa parte técnica. A Xunta de Galicia, como socio maioritario do consorcio Impulsa Galicia que xestiona fondos Next Generation da Unión Europea, debe convocar a técnicos con capacidade decisoria para a reunión: Igape, Altri ou calquera outro actor que considere de relevancia”.

O presidente da Mancomunidade apremia á reunión ante a posibilidade de que a fábrica non se instale finalmente na Mariña: “estamos preocupados polas verbas do vicepresidente nos xornais. Está a falar de implantar a fábrica de Altri na provincia de Lugo, pero esquivando sempre confirmar a ubicación na comarca da Mariña. Ninguén entendería que ante a grave crise industrial que estamos sufrindo e tendo en conta que somos os principais produtores de eucalipto, se escollera outro punto da provincia. Máis custo de transporte e deixar de novo á Mariña no esquecemento non pode nin debe ser unha opción”.

O tamén alcalde de Foz fai referencia á grave situación que está a vivir Alcoa: “trasladeillo á ministra de Industria, Reyes Maroto, o pasado 30 de decembro. Alcoa, Xunta de Galicia e Goberno do Estado teñen que ir cumprindo os distintos fitos con datas concretas e que non haxa ningunha escusa para que Alcoa poida funcionar en dous anos a pleno rendemento, parece moito tempo pero non o é. Un deses fitos fundamentais é a ampliación da balsa de lodos e os trámites medio ambientais que require, non se pode separar en ningún caso a planta de alúmina da de aluminio. Sería un auténtico disparate contar cunha planta de aluminio cun prezo competitivo de enerxía e que a planta de alúmina tivese que botar o peche por falta de capacidade na balsa de lodos. Sen alúmina non hai aluminio. Pido responsabilidade a todas as administracións. Isto non é un xogo de escapismo, cada un debe cumprir cos seus deberes”.

O PP teme que se dilate a apertura da cafetería do Vello Cárcere ao carecer de aseos adaptados

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, teme que se dilate varios meses máis a apertura da cafetería do Vello Cárcere, xa que se trata dun recinto que carece de aseos adaptados a persoas con mobilidade reducida.

Agora que están a piques de cumprise cinco anos da apertura do Vello Cárcere “vemos como nada se fixo dende o goberno local para garantir a apertura da cafetería e que contase cun baño adaptado para persoas con mobilidade reducida”, como se esixe legalmente, polo que urximos ao goberno de Lara Méndez a que corrixa esta deficiencia de inmediato para poder sacar os pliegos a licitación, xa que o que non tería sentido e que o Concello de Lugo esixa aseos adaptados a calquera hostaleiro da cidade e logo que unha cafetería, de titularidade municipal, non cumprise coa legalidade”.

Unha deficiencia que se detectou na visita realizada esta mañá polos concelleiros populares á cafetería do Vello Cárcere, visita que, curiosamente, se autorizou esta mesma mañá, sete minutos despois de que o Grupo Municipal Popular emitise unha nota de prensa na que criticaba a falta de transparencia do Goberno de Lara Méndez ao pedir o acceso a esta instalacións aos populares, que o pasado 23 de decembro rexistraban a petición de acceso para poder entrar esta mesma mañá. “É curioso ver como nos autorizaron a entrada unha vez que denunciamos a ausencia de resposta a nosa petición. Tomamos nota de cara a outras visitas que queremos realizar a edificios municipais e aos que nos denegan o acceso ou tampouco nos dan unha resposta”, sinalou.

Os populares pedían a entrada á cafetería do Vello Cárcere despois de ter coñecemento de que o goberno local semella que está permitindo a entrada a certas persoas sen saber que criterios seguen nin a quen lle permiten e incluso algunhas informacións apuntan a que se trata de hostaleiros para que poidan revisar o estado no que se atopa a cafetería.

Unha situación ante a que o vicevoceiro popular aproveita para preguntarao goberno de Lara Méndez a quen están  autorizando a entrada á cafetería, que no caso de ser certas esas informacións podería provocar unha clara vantaxe para as persoas que lle interesa ao bigoberno, deixando nunha situación de desvantaxe ao resto, xa que “Lara Méndez e Rubén Arroxo semella que poderían permitir que haxa interesados con información privilexiada antes de que salga a concurso”, sentenciou.

Unha situación da que o Partido Popular ten fotografías que o certifican, polo que reiteran a Lara Méndez de quen se trata e quen autorizou a entrada porque semella que non se trata dun suceso puntual e que é algo xa pasou en varias ocasións.

A asociación de Veciños da Milagrosa reúne máis de 4000 kg de comida na Operación Quilo

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais Distrito da Milagrosa de Lugo clausuran mañá a 30 edición da ‘Operación Quilo’ e ‘Operación Xoguete’.

Durante 3 décadas, desde a entidade levaron a cabo a entrega de alimentos, roupa e xoguetes a familias necesitadas, grazas á solidariedade conxunta da sociedade lucense, e en particular, deste barrio da Milagrosa, onde centran ambas as campañas.

O pasado día 28 de decembro procederon á entrega de máis de 300 caixas de alimentos –cada unha delas de ao redor de 14 Kg- e roupa para as familias que llelo requiriron, dentro da ‘Operación Quilo’.

Así, durante a xornada de mañá procederán a facer o propio dentro da ‘Operación Xoguete’, coas familias necesitadas que así llelo demandaron para os seus fillos. Así mesmo, queren facer un agradecemento especial á  Confederación de Empresarios de Lugo “pola súa implicación e chamamento ás empresas” para que realizasen donativos; “e tamén ao Colexio Galén, cuxo fomento da solidariedade entre os seus alumnos viuse patente na entrega tanto de roupa e alimentos como de xoguetes”.

“A este respecto cabe destacar tamén a colaboración dos supermercados da nosa cidade, Gadis –de Avenida da Coruña e Rúa Ourense- e Eroski –de Camiño Real e Rúa Milagrosa- por facilitar que os usuarios depositasen alí os seus donativos de alimentos”, agradecen dende o colectivo veciñal.

Así, no día de mañá  ás 12.30 h. a Concelleira do Concello de Lugo e Deputada Provincial, Ana González Abelleira visitará o local da Federación de Asociacións Veciñais “ Lucus Augusti” da provincia de Lugo e compartirá cos voluntarios desta entidade unha parte da xornada de clausura da 30 edición da ‘Operación Xoguete’.

“Desde a nosa entidade agradecemos, unha vez máis, a solidariedade da sociedade lucense; máis necesaria que nunca nestes tempos de pandemia. Dita solidariedade é a que permitiu que se faga realidade, unha vez máis o lema da nosa entidade: A Milagrosa: o barrio solidario.”

A campaña ‘Merca no comercio local’ da Deputación deixa 4,3 millóns de euros na provincia

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou hoxe no Pazo de San Marcos, xunto ao presidente da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas, no derradeiro sorteo da campaña Mercando en Lugo. Merca no comercio local. Merca na provincia de Lugo, que a institución provincial impulsou cunha achega económica de 50.000€ en colaboración coa Federación de Comercio.

A iniciativa resultou ser un éxito, logo de que xerara un volume de negocio de preto de 4,3 millóns de euros en compras realizadas en 5.500 comercios de proximidade da provincia entre o 15 de novembro e o 31 de decembro en máis de 40 localidades en colaboración coas asociacións de comerciantes e centros comerciais abertos da provincia de Lugo.

En total rexistráronse 71.525 tíckets, cun especial volume de implicación nos municipios de Lugo, Sarria, Lourenzá, Viveiro, Vilalba, Monforte de Lemos, Quiroga, Foz e A Pontenova. A Deputación de Lugo achegou 50.000€ co obxectivo de incentivar e promover entre a veciñanza as compras nos comercios de proximidade da provincia durante os meses de novembro e decembro, dentro da súa folla de ruta de traballar da man co tecido asociativo da provincia e mellorar o actual contexto económico e social derivado da pandemia.

Mercando en Lugo. Merca no comercio local. Merca na provincia de Lugo consistiu no sorteo de bonos de consumo de 30 euros cada un para gastar nos 5.500 establecementos comerciais minoristas da provincia de Lugo, seguindo a estratexia dos Bonos Impulso da Deputación, xa que resultaron ser un éxito.

Os consumidores rexistraron na web mercandoenlugo.com os seus tíckets de compra. Desta maneira participaron nos sorteos ante notario ao realizar as súas compras feitas no comercio local por un importe mínimo de 10 euros. Repartíronse un total de 1.000 bonos para investir nos negocios da provincia, o que supón poñer en circulación 30.000 euros en premios polas compras feitas no comercio local.

Cervo entra as axudas para o transporte aos alumnos que estudan fóra do termo municipal

O rexedor de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Educación, Dolores García Caramés, veñen de entregar as axudas para transporte dirixidas ao alumnado que cursa estudos fóra do termo municipal; sempre que se trate de formación ou titulacións que non se impartan en ningún centro do Concello. Nesta ocasión foron 27 os estudantes que recibiron un cheque de 150 ou 250 euros, en función da renda familiar.

Tal e como sinalou o alcalde, “trátase dunha subvención financiada ao 100% con fondos municipais, e é unha forma  de aportar o noso grao de area á formación e educación dos nosos mozos e mozas”. Apunta a delegada de educación, Dolores García, que “o obxectivo non é outro que o de “dar apoio ás familias, porque somos conscientes do gran esforzo económico que supón para moitas delas a educación dos seus fillos”.

Entre os requisitos, por exemplo, téñense en conta os ingresos económicos da unidade familiar, que debe estar empadroada no Concello de Cervo; e o alumnado debe ser menor de 30 anos. Ademais ten que cursar algunha destas titulacións fóra do municipio: ensinanzas universitarias, estudos musicais en conservatorios e escolas de música, Bacharelato (nalgunha das modalidades que non se imparten no Concello de Cervo), ou calquera das seguintes ensinanzas en grao medio ou superior, como son FP, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño, ou deportivas.

A Biblioteca Nodal celebra este mes os días das persoas usuarias e da Ilustración

A Biblioteca Pública da Xunta en Lugo celebra en xaneiro o Día das persoas usuarias, con visitas guiadas na xornada do 11, e o Día da ilustración cun obradoiro creativo para afondar nesta técnica. Trátase das dúas datas sinaladas para ese mes no Calendario do libro e da lectura elaborado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

A maiores, a programación de xaneiro inclúe sesións de contacontos para bebés e público infantil. A axenda con todas as actividades, para as que se require inscrición previa, pode consultarse na web do centro bibliotecario.

Así, no Día das persoas usuarias, o martes 11, haberá visitas guiadas para coñecer as instalacións e servizos da biblioteca. Os percorridos terán lugar ás 12,00 e ás 18,00 horas. Por outra banda, no marco do Día da ilustración, instaurado pola Xunta o 30 de xaneiro en conmemoración do nacemento de Castelao, organizouse o obradoiro creativo Contando con imaxes. Será o venres 28 ás 18,00 horas e está dirixido á rapazada de seis a 12 anos.

Ademais, os venres previos haberá contacontos para bebés e público infantil. Así, o día 14 Olga Cuervo ofrecerá o espectáculo para nenos e nenas de ata tres anos Mamá, papá, pipí con xogos, cancións e bailes arredor do momento de quitarlles os cueiros aos bebés. Na xornada do 21 será a quenda de Erica González con A sala de Catapunchimpún, unha sesión de narración oral para nenos e nenas de 4 a 12 anos.

Ecoloxistas en Acción Galiza pide á Xunta e a Núñez Feijóo que teñan “sentidiño” e suspendan os campionatos de raposo deste ano

Galicia comeza 2022 con 5.252  contaxios novos de coronavirus e unha cifra de casos activos que superarán os 50.000 nos próximos días e aínda non celebramos Reis. Nesta situación de pandemia cun incremento do número de contaxios alarmante resulta “perigoso e neglixente”, por parte da Xunta de Galicia, seguir a autorizar actividades cinexéticas. Así o din dende Ecoloxistas en Acción quen pide ao Goberno Autonómico e ao seu presidente que teñan “sentidiño” ante esta situación e suspendan os campionatos de raposo deste ano.

“O período hábil para a caza menor remata o 6 de xaneiro, salvo algunha autorización de prolongación. A partires desta data empréganse só modalidades de caza maior como batidas e montarías onde os grupos de cazadores son moito máis numerosos. Na batida o número mínimo de cazadores é de 10 e o máximo de 30. Na montaría o número de cazadores está entre 20 e 50 ademais dos batedores”, razona o colectivo.

Asemade, Ecoloxistas en Acción dise coñecedora de que se están a celebrar competicións de caza durante todo o ano “organizadas pola Federación Galega de Caza ou por sociedades de cazadores”, sendo xaneiro o mes que máis competicións concentra, pois “só para o día 8 e só programadas pola Federación Galega de caza hai 5 competicións”, resalta o colectivo.

“Nas circunstancias actuais da pandemia, coidamos que é necesario e urxente suspender as batidas, montarías e competicións de caza polo elevado número de participantes, polos desprazamentos que supoñen e polas celebracións que adoitan levar aparelladas”, aconsellan.

Ademais, dende o colectivo critican a falta de transparencia e de información coa cal a Xunta protexe esta actividade o que “fainos temer que os participantes non cumpran coas precaucións que se nos esixen ao resto de galegos e galegas, nin que se lles someta aos controis aos cales somos sometidos o resto de cidadanía como test de antíxenos, PCR, pasaporte COVID, distancia de seguridade, máscaras, etc”.  Lembran, asemade, que malia que se trata dunha actividade ao aire libre, “precisa de reunións e contactos entre os participantes”.

“Os cazadores tamén teñen familia, amigos, veciños, compañeiros de traballo, aos cales poden contaxiar se algunha das cuadrillas resulta afectada”, destaca Ecoloxistas en Acción.

Por iso, dende Ecoloxistas en Acción Galiza “esiximos  SENTIDIÑO tanto á Xunta como a Alberto Núñez Feijóo e que cancelen estes mal chamados ‘campionatos’ e demais actividades cinexéticas que poidan comprometer a saúde dos galegos e a súa economía”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com