Novas

Vilalba Aberta levará a pleno as reclamacións para a mellora do ‘Camiño de Pígara’

Vilalba Aberta saiu esta mañá0 ao paso das necesidades da veciñanza das parroquias. Logo dunha xuntanza cos veciños do Vilar de Pígara (parroquia de Goiriz), a formación municipalista vén de rexistrar unha nova iniciativa coa que pretenden dar resposta ás demandas dos seus residentes, pola vía da renovación e mellora do camiño público que lle da acceso.

Coñecida como Camiño de Pígara, trátase dunha vía que, na actualidade, da servizo a unha decena de vivendas e a cuxo deterioro, cómpre sumarlle a ausencia de canalización, co que isto representa para veciños/as e residentes, nomeadamente, nos meses nos queas choivas adoitan ser máis intensas.

Dende hai xa demasiado tempo, estes veciños veñen reclamando do goberno local que se atenda esta solicitude; mais, tal e como lamentou o voceiro da formación, Modesto Renda, “ninguén os está a escoitar”.

Renda, que denunciou o feito de que “tiveran que ser os mesmos veciños/as os que, nos últimos anos, asumiran tanto o custo como os propios traballos de compactado de zahorra”, adiantou que Vilalba Aberta esixirá a inclusión desta “máis que necesaria actuación” na inminente negociación dos Orzamentos para 2022.

Unha opinión compartida pola súa compañeira e vicevoceira da formación, Mª Xosé Fernández, quen non quixo deixar pasar a oportunidade para agradecer a confianza dos veciños/as do Vilar de Pígara no Grupo Municipal de Vilalba Aberta para, de seguido, apelar ao consenso de todos os grupos políticos con representación no Concello de Vilalba, con vistas a atender “unha reivindicación de tempo” que debera facerse, ao fin, efectiva “na vindeira anualidade”.

Axudas para o lecer nocturno que decida pechar en Noitevella, ou apertura ata as 3

O lecer nocturno poderá abrir para as festas de Fin de Ano. Así o decidiu a Xunta que limita esta apertura ata as 3 da mañá. Con todo, aqueles negocios que decidan abrir as súas portas dende este xoves día 30 e ata o domingo 2 de xaneiro, quedarán fóra dun novo paquete de axudas que sacará á Xunta para aqueles locais que decidan pechar esta fin de semana.

Así queda resolto o último asunto pendente, que quedaba en mans do Goberno galego e que contou con representantes de varios colectivos e asociacións do sector de pubs e discotecas de Galicia. Así, os locais poderán abrir durante Noiteboa pero como máixmo ata as 3. Eso si, quen abra non terá opción a acceder ás axudas da Xunta de entre 2.500 e 45.000 euros en función do tamaño do establecemento.

Finalmente, e trala reunión o Goberno Galego ampliou o horario do lecer nocturno para as vindeiras catro semanas (ata o 18 de xaneiro); e é que, nun primeiro momento, a Xunta anunciou o peche ás 2 da mañá para pubs e discotecas, sen embargo, a realidade é que, dende mañá, 30 de decembro, poderán abrir ata as 3 da mañá.

Un horario que tamén cambia o denominado “toque de non queda” é dicir o horario no que se prohíben as reunións de non conviventes, que será de 3 a 6 da mañá.

Peche á medianoite para a hostalería e Fin de Ano pendente de decidir

Os bares e restaurantes deberán pechar, dende este 31 de decembro e ata o 18 de xaneiro, á medianoite. Así o decidiu a Xunta logo da reunión de onte do comité clínico. Esta é só unha das medidas claves adoptadas polo Executivo Autonómico para loitar contra esta sexta vaga da Covid, moito máis intensa en canto a contaxios, e que intenta pór freo a unha situación extrema.

Así a Xunta vén de acordar que, durante as vindeiras 4 semanas a hostalería e o lecer nocturno adiantes os seus peches. Así, a hostalería deberá pechar a medianoite por regla xeral, aínda que os venres e sábados este horario poderá alongarse ata a 1 da mañá. Pola súa banda, o lecer nocturno baixará rexas ás 2 da mañá calquera día da semana.

O único que queda pendente de axustar serán os horarios para a noite de Fin de Ano, e é que a Xunta buscará o consenso co sector, ou ben abrir ata as 3 da mañá, ou ben o peche completo dos locais esa noite se o sector considera “inviable” a apertura. O que si está claro é que a hostalería, a noite do 31 de decembro deberá pechar á 1 da mañá e non poderá abrir ata as 10 da mañá do día 1.

Entre as medidas a Xunta tamén impón unha reducción no número de comensais por mesa en bares e restaurantes que baixan ata 10 persoas en exterior e 8 en interior.

Asemade, o Goberno Autonómico emitiu, como tende xa a ser habitual, certas recomendacións de cara ás festividades de Noitevella e Aninovo. Aconsella non superar a burbulla familiar nas comidas ou, de ser o caso, non xuntar máis de dúas burbullas, ao igual que recomendaron polo Nadal. Tamén recomendan que, no caso de xuntarse dúas burbullas, sexan as mesmas que xa se xuntaron polo Nadal, é dicir, non realizar reunións con distintas persoas en función da data.

De todas as medidas propostas pola Xunta, hai algunha que deberá ser ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). A primeira delas é a prohibición de reunións con non conviventes entre as 2 e as 6 da madrugada, unha medida que xa se levou a cabo en anteriores vagas da Covid, co fin de evitar aglomeracións nocturnas fóra dos locias de lecer así como os botellóns. A outra das medidas pendentes de ratificación será a ampliación do certificado Covid a todo o horario da hostalería, xa que, ata o momento en locais con licenza de bares tan só se pide a partir das 9 da noite.

O PP acusa a Tomé de faltar ao respecto no pleno provincial ao presidente da Xunta e ás vítimas da covid

O Partido Popular na Deputación denunciou este mediodía a “teima inxustificable” do Goberno provincial  de votar “sistematicamente” en contra das propostas do grupo do PP, “por máis interesantes que sexan para os lucenses”.

Así o dixeron logo de que na sesión celebrada hoxe “se puxo de manifesto a propensión que ten a bancada da esquerda a tensar os plenos cos acusacións e descualificacións dos deputados do PP e mesmo con falta de respecto ás vítimas da covid e ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo”.

Segundo advertiu o portavoz popular, Javier Castiñeira, o seu grupo bota en falta cordialidade por parte do presidente do Executivo. “Xa non pedimos cordialidade por parte da bancada da esquerda, que o que fai en innumerables ocasións é insultar e mandar recados que non son propios dunha institución como esta. Pero cremos que é grave que o presidente provincial, no día de hoxe, fora capaz de faltarlles as máis de 2.750 vítimas da covid que ten Galicia neste momento, cando indicou que o presidente Feijóo ben deitou da pandemia para gañar as eleccións, nun arranque que non é digno do presidente dunha institución”.

Castiñeira considera estas declaracións do presidente unha falta de respecto ao propio presidente da Xunta ao mesmo tempo que tildou estes feitos de falta de respecto institucional pero, “especialmente, ás vítimas da covid e as persoas que viven neste momento unha situación delicada por culpa da pandemia”.

Por outro lado, o portavoz popular denunciou que “unha vez máis” o Goberno provincial aplicou “o rodillo” contra as mocións presentadas polos populares. Neste caso, facía referencia a unha proposta para pedir máis apoio da Deputación para o sector pesqueiro na provincia de Lugo, para a nosa frota, en definitiva. E outra, centrada en Foz, na que pedían financiamento da Deputación para a construción dunha senda peonil entre a basílica de San Martiño e o castro das Engrobias, contra a que tamén votaron socialistas e nacionalistas.

A Xunta sacará a concurso 88.000 m² de solo no polígono das Gándaras

A Xunta convocará no primeiro trimestre de 2022 o concurso de venda de solo no parque empresarial das Gándaras, co que se disporán 88.000 m² para a instalacións de empresas.

Así o adiantou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que visitou esta zona empresarial e fixo entrega ao Concello de Lugo – representado pola alcaldesa, Lara Méndez- das obras de urbanización da segunda fase.

Vázquez Mejuto salientou a función de polo empresarial das Gándaras non só para a provincia de Lugo, senón tamén para Galicia e destacou o compromiso do Goberno galego con esta área empresarial á que xa ten destinado 53 millóns de euros para actuacións executadas ou en curso.

Detallou que na actualidade neste parque hai dispoñibles 14 parcelas nos ámbitos xa urbanizados, que representan unha superficie de case 52.000 m 2 , ás que se suman as 27 que resultarán tras a execución das obras de urbanización da 3ª fase. Nese sentido, avanzou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo prevé adxudicar en breve esta actuación, que permitirá crear unha bolsa de solo de case 36.000 m 2 , unha praza de máis de 3.000 m 2 e case 140 prazas de aparcamento.

A conselleira de Medio Ambiente recordou que este solo empresarial tamén se porá á venda cun prezo bonificado dun 50%, e engadiu que os empresarios que adquiriron 257.000 m 2 neste parque da cidade de Lugo, xa se beneficiaron destes descontos cos que aforraron máis de 12 millóns de euros.

O Goberno de Monterroso paga unha sanción por “deficiencias na vivenda comunitaria” atopadas na anterior lexislatura

O Concello de Monterroso vén de liquidar o pago dunha sanción imposta ao Goberno local da anterior lexislatura. En concreto, trátase dunha sanción en base a actas de inspección anteriores a entrar ao goberno o actual equipo e que supera os 11.000 euros. que se viu reducida nun corenta por cento pois inicialmente eran case 20.000 euros.

A sanción, que se viu reducida nun 40%, impúxoselle ao Concello “dada a gravidade do risco ou perigo” xerado para as persoas usuarias dos servizos sociais, en especial dos centros autorizados como vivendas comunitarias xa que, segundo explica o actual Executivo que di a sentenza, “non dispoñen do equipamento destinado a persoas de todos os graos de dependencia no que se poda prestar os coidados específicos que precisan e comportan un risco tanto para o benestar da persoa usuaria como para a súa seguridade”.

Ademais, din, tal e como constan na acta vén dado do incumprimento de advertencias previas nas visitas realizadas nos anos 2015,2018 e 2019.

A sanción vén motivada tamén polas deficiencias atopadas “constantemente” na vivenda comunitaria ocasionadas polas constantes humidades, pois a pesar de ser unha obra inaugurada no 2014 presenta un estado estrutural deficiente. O equipo de goberno lamenta que teñan que cargar con esta sanción motivada pola incompetencia de anteriores equipos de goberno, especialmente do grupo socialista, pois trátase dun centro posto en marcha incumprindo a ilegalidade ao entrar xa no momento da súa apertura persoas cun grado de dependencia superior ao permitido. Ademais a ampliación feita recentemente tampouco se aprobou pola consellería pertinente.

Destacan, dende o Goberno, que se está a traballar na búsqueda da mellor solución en coordinación con Política Social da Xunta de Galicia. En concreto, xa leva uns meses en mans dos arquitectos da xunta para saber se o centro se pode converter en Fogar Residencial.

Lamenta a falta de rigor no relativo a este centro pois manteñen que os socialista de Monterroso enganaron á veciñanza vendendo que era un centro no que tiña cabida calquera usuario cando non é así. Asimesmo fíxose unha ampliación da vivenda co fin de se converta en fogar residencial sen cumprir a normativa.

Sinalan que dende que entraron no equipo de goberno sempre intentaron a búsqueda da mellor das solucións para as persoas que non podían residir na mesma axilizando todos os trámites para ser derivadas a outros centros.

Asemade sinalan que é un centro cun custe anual de máis de 200.000 euros e que tan só alberga catro usuarios, polo que a búsqueda de solucións é a maior premisa para o equipo de goberno pois actualmente non é atractivo para os veciños de Monterroso ao non prever as necesidades dos mesmos.

Cs reta ao Goberno: deberán presentar o estudo de custes da derruba do Garañón antes de marzo

A voceira municipal de CS, Olga Louzao, anunciou esta mañá que o seu grupo instará no pleno ordinario do xoves ao Goberno local a que presente ao longo do primeiro trimestre de 2022 un informe económico que contemple todos os custes asociados a conversión en zona verde da unidade de actuación CS-5 (O Garañón).

“Este documento debe ter en conta o custo do derrubo das torres, as posibles indemnizacións ao promotor pola perda total de edificabilidade nesa zona e todos os aspectos que poidan supoñer un custo para as arcas municipais, tal e como se contemplaba no acordo plenario de novembro de 2018», sinalou a concelleira da formación laranxa”.

“É necesario que, non só os grupos deste Concello, se non todos os lucenses coñezan a canto ascenderá, entre outras cousas, cumprir coa sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, xa que será toda a veciñanza a que pague pola nefasta xestión levada a cabo polo partido socialista ao longo da última década. Desde Cs levamos meses solicitando esta información e o único que obtemos é un non por resposta. É imposible que o Goberno estea traballando neste asunto sen ningún tipo de estimación e, de ser así, sería un auténtico despropósito. É lamentable que Lara Méndez engane aos veciños con anuncios propagandísticos que o único que pretenden é branquear a xestión do seu goberno e dos seus antecesores e que pospoña intencionadamente dar cumprimento a esta sentenza para non evidenciar que a derriba supoñerá hipotecar as contas do Concello durante décadas”, concluíu.

Louzao relatou que na Xunta de Goberno Local do 16 de xuño de 2021, aprobouse a elección da alternativa na que se vai basear a redacción do proxecto de modificación puntual do PXOM, que prevé a eliminación total do aproveitamento lucrativo previsto do PXOM (16.418 metros cadrados), incorporando esa superficie ao sistema xeral de zonas verdes. Cando o equipo de goberno presentou, nese mesmo mes de xuño, o suplemento de crédito de case un millón de euros para o derrubamento das torres, o grupo municipal de Ciudadanos xa solicitou que se presentara o estudo económico no que se baseu a alternativa escollida, tal e como se contempla no acordo plenario de novembro de 2018, pero Méndez declinou facilitar esta información.


Imaxe de Arquivo da formación diante do Garañón

O Pleno aproba o Plan Unico 2022, malia a abstención do PP

O Goberno da Deputación de Lugo sacou adiante no Pleno ordinario celebrado este martes as bases do Plan Único do ano 2022, que está dotado con 21,5M€ e que simplifica aos concellos a xestión dos fondos ao eliminar trámites administrativos intermedios. A proposta foi aprobada cos votos a favor dos grupos do PSdeG e do BNG, e coa abstención do Partido Popular.

O Presidente da institución provincial subliñou a importancia de dar este paso no ano anterior ao período de  ixencia do plan porque así as entidades locais “poden planificar as accións municipais con maior antelación e traballar con máis previsión e tempo, co que aproveitan mellor os recursos económicos”.

José Tomé destacou así mesmo que dende o inicio do mandato “incrementamos a dotación económica do Plan Único de 21 a 21,5M€”, a ferramenta “máis importante que ten a Deputación para a colaboración cos concellos” e, ademais, “cada ano melloramos as condicións para que sexa máis útil”, subliñou o Presidente, destacando neste sentido que no 2022, como novidade, os concellos só deberán enviar a documentación que acredite e xustifique debidamente as actuacións realizadas, eliminando trámites intermedios.

Pola súa banda, a voceira socialista do Goberno incidiu en que este programa “forma parte do noso compromiso de máxima cooperación cos concellos. Cada ano tratamos de incorporar melloras no Plan Único, sempre pensadas para facilitarlles a planificación e a xestión dos investimentos e para que estes fondos sirvan da mellor maneira posible para atender as necesidades dos seus veciños e veciñas”.

Neste sentido, a deputada provincial afirmou que a simplificación dos trámites administrativos, coa supresión de prazos intermedios, que se aplicará no 2022, “algo moi importante sobre todo para os concellos máis pequenos, que teñen menos recursos humanos e técnicos”, súmase a outras melloras implantadas nos últimos anos, “como o incremento do Plan Único ata acadar os 21,5M€, que mantemos este ano, a apertura dunha liña para que os concellos poidan ofrecer apoio á hostalería, ao turismo e ao comercio, dos sectores máis afectados pola pandemia, ou a posibilidade de imputar gastos con cargo a estes fondos dende principios de ano”.

O Goberno da Deputación prevé que a principios de xaneiro xa se poida abrir o prazo para que os concellos presenten os proxectos que queren desenvolver cos fondos do Plan Único, ao aprobarse as bases esta semana.

A abstención do PP

Como dixemos, este Plan Único saíu adiante, malia a abstención dos populares que xa anunciaran onte que non ían apoiar este documento. O voceiro da agrupación, Javier Castiñeira, asegurou que o Goberno Provincial ten “tan pouco cariño” ao Plan Único que “para o 2022 conxela o importe do Plan”. Un estancamento no orzamento destinado a este plan que foi suficiente para que o PP se abstivera na votación. E é que, segundo denuncian, “dado o incremento dos prezos da enerxía e dos materiais de construción”, en realidade, “supón unha rebaixa moi considerable, da aportación real aos concellos”.

Advertía así Castiñeira, antes de entrar no pleno, que o PP “non vai ser cómplice da súa devaluación”. “A enerxía subiu, case un 30% a luz e un 25% o gasóleo, e os produtos da construción tamén un 20%”, explicou o voceiro popular que engadía que “os concellos con este Plan Único van poder facer un 25% menos de obra; non estamos de acordo,  especialmente nun momento de recuperación”.

Os populares avisaban antes do pleno de que non serían “cómplices desa situación e non van apoiar este Plan Único que entendemos que é insuficiente para a recuperación e que non axuda aos concellos a pasar este momento tan complexo cunha suba de prezos que está impedindo investimento e melloras nos nosos municipios; non é o Plan Único que necesitamos para o 2022”.

A Sociedade Micolóxica Lucus presenta ‘A cociña dos cogomelos na Reserva da Biosfera Terras do Miño’

A Sociedade Micolóxica Lucus presentará mañá, 29 de decembro ás 20 horas, a versión dixital do libro A cociña dos cogomelos na Reserva da Biosfera Terras do Miño, no Salón de Actos da Deputación.

No 2021 cúmprese o cincuenta aniversario do Programa Persoas e Biosfera (MaB) da UNESCO en cuxo marco decláranse as Reservas da Biosfera. Ademais cúmprese este ano o vixésimo aniversario da fundación da SMLucus, que impulsou que un vello anhelo de moitos afeccionados e socios se materialice coa edición deste libro no que ademais das receitas de numerosos chefs da Provincia participan tamén coas súas achegas numerosos socios. Para as receitas deste libro utilizáronse produtos con D.O.P., I.X.P. ou razas autóctonas e cogomelos que se atopan na Reserva da Biosfera Terras do Miño. Contén ademais das fichas destes produtos e cogomelos un pequeno manual para a conservación e tratamento dos cogomelos.

Participarán na presentación representantes da Deputación de Lugo, o Presidente da SMLucus, responsables dos procesos de edición e varios Chefs e afeccionados que contribuiron coa achega de receitas. Entregarase a todos os asistentes un impreso coa información de descarga da edición dixital do libro e a opción de conseguir a versión impresa de balde cando estea dispoñible. A entrada é libre e gratuíta.

Amplían a 15 edificios da provincia a iluminación ornamental de benvida ao Xacobeo 2022

A Xunta de Galicia ilumina 15 edificios emblemáticos da provincia de Lugo para darlle a benvida ao Ano Santo 2022, nunha edición ampliada da iniciativa Acende o Xacobeo a desenvolver nas fins de semana do Nadal e que comezou o pasado día 23.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, volverá iluminar entre o 30 de decembro e o 2 de xaneiro as localizacións seleccionadas, coa frecha frecha amarela e o logo do Xacobeo 21-22 sobre un fondo azul. Con respecto ao ano pasado, sumáronse tres novos puntos en Triacastela, Monterroso e Palas de Rei.

Así, no Camiño Francés ilumínanse a Igrexa de San Miguel de Monterroso, as Casas Consistoriais de Palas de Rei e Triacastela, a igrexa de Santa María A Real do Cebreiro, a de San Nicolas de Portomarín e a de Santa Mariña en Sarria.

No Camiño Norte, lucirán de novo a iluminación o mosteiro Benedictino de San Salvador de Lourenzá, a Catedral de Mondoñedo, a igrexa parroquial de Santa María do Campo de Ribadeo, e o Parador de Vilalba. No Camiño Norte elixíronse a Casa de Lemos de Chantada -Casa da Cultura- e a Torre da Homenaxe de Monforte de Lemos. E por último no Camiño Primitivo acéndense a Catedral de Lugo, a igrexa de Santiago Apóstol de Castroverde, e a de Santa María da Fonsagrada.

No conxunto de Galicia ilumínanse medio cento de edificios distribuídos polos dez itinerarios xacobeos, e tamén se trasladou este proxecto ao resto das comunidades autónomas polas que pasa o Camiño e ás Oficinas de España no Estranxeiro (OET) para que se poidan volver unir á celebración deste Xacobeo; xa están confirmados os primeiros oito emprazamentos internacionais en cidades como Dublín, Bruxelas ou Lisboa. O ano pasado a iniciativa permitiu iluminar máis dun cento de puntos por todo o mundo para darlle a benvida á celebración do Xacobeo, iluminándose emprazamentos en cidades como Londres, Dublín ou Torn, en Polonia.

Concurso fotográfico
Do mesmo xeito en que se fixo na primeira edición, Acende o Xacobeo tamén ten o seu concurso fotográfico nas redes sociais para animar a compartir esta iniciativa. Os participantes só terán que publicar unha fotografía na que se vexan persoas xunto a un dos monumentos iluminados baixo os hashtags #AcendeOXacobeo ou #EnciendeElXacobeo e etiquetando as redes sociais do Camiño de Santiago. As fotografías poderán publicarse nas redes sociais de Facebook, Twitter ou Instagram do Camiño de Santiago (@camino_xacobeo).

O concurso estará aberto ata o remate da iluminación e as tres mellores fotografías recibirán un premio consistente nunha estadía para dúas persoas nun fin de semana nun hotel-balneario de Galicia en réxime de pensión completa.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com