Novas

Entregados os premios do XXIX Certame literario Manuel Oreste Rodríguez López no concello de Paradela

Vén de celebrarse a entrega de premios do certame literario Manuel Oreste Rodríguez López, do Concello de Paradela, na súa XXIX edición, nun acto presidido pola Alcaldesa Montserrat Mulet Sar, e o Secretario Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín GarcíaGómez, aos que acompañaron os membros do xurado Ángel Fernández,Antonio Giz e Xulio Xiz, o Xefe territorial de Cultura da Xunta de Galicia, Manuel Antonio Fernández, e os representantes da Familia, Irene López, viúva do escritor homenaxeado e o seu neto, Carlos Rodríguez.
O acto contou coa colaboración musical de Martín Vázquez, Director da Banda de Paradela, que interpretou ao trombón pezas de P. Tchaikovski e Schubert.
Leron anacos dos seus traballos os premiados que acudiron ao acto da entrega: cinco de diversos puntos de Galicia e un, Ricardo Arjona Antolín, de Sevilla.
Na súa intervención a Alcaldesa expresou o sentimento do concello e dela mesma polo pasamento de dous membros do xurado (Xesús Mato, Fillo Predilecto de Paradela, e Santiago Rodríguez, Fillo adoptivo a título póstumo), e a satisfacción por incorporar ao xurado da próxima edición a Xaime Félix López Arias, Arlindo, historiador e escritor con raíces en Paradela, e a Carlos Rodríguez Otero, musicólogo, neto de Manuel Rodríguez López; así como a Irene López, viúva do escritor que da nome ao Certame, como Presidenta de Honra.
Fixo constar asimesmo a Alcaldesa a satisfacción que en Paradela produce que “o novo Auditorio de Lugo se vaia chamar “Fuxan os Ventos”, polo que supón de homenaxe permanente a Xesús Mato, inspirador e creador deste xa mítico grupo que revolucionou a canción galega a comezos dos anos setenta do século XX.”

Inaugurado o novo auditorio de Lugo “Fuxan os ventos”

Onte inaugurábase o novo Auditorio municipal de Lugo, ao que denominou Fuxan os ventos, na honra do grupo de folk que fundara o crego Xesús Mato aló polo ano 1972.

No transcurso do acto, Tereixa Novo, unha das compoñentes históricas e a voz máis recoñecida do grupo, descubriu unha placa antes de comezar o concerto de Ainhoa Arteta.

Ao acto asitiron representantes dos tres partidos políticos que teñen representación no Concello e na Deputación,  así como o Conselleiro de Cutura da Xunta de Galicia, que sinalou á este novo contedor cultural como “ novo e importante referente cultural para a cidade e toda a provincia, grazas á relevante contribución realizada polo Goberno galego.

O responsable de Cultura da Xunta lembrou os case 25 millóns de euros que o Executivo autonómico destinou para a construción desta infraestrutura de preto de 20.000 metros cadrados e tamén para a dotación de equipamento”.

Pola súa banda o BNG, que será a partir de agora o que xestionará esta infraestrutura, non fixo declaracións sobre o auditorio e limitouse a sinalar as protestas dos veciños de Coeses que se manifestaron durante o acto de inauguración, para esixir a paralización da planta de biometano que se pretende instalar na súa parroquia, “a delegación do BNG saudou á veciñanza afectada pola planta de biometano proxectada en Coeses, que se concentrou á entrada do auditorio”.
No tocante ao Psoe, organizador do acto, o mandatario provincial destacou a “boa sintonía que mantemos co Concello de Lugo para sacar adiante proxectos e iniciativas que non só beneficien aos veciños e veciñas desta cidade, senón tamén a todo o conxunto da provincia. En concreto, para a realización deste evento de inauguración recordou que a institución provincial colaborou coa contratación dos concertos principais a través dun acordo coa entidade local”.

O Presidente da Deputación, acompañado da alcadesa de Lugo, subliñou tamén que “este novo espazo fortalecerá a identidade cultural da provincia con espectáculos de primeiro nivel que tamén impulsarán o turismo, a economía local e que ademais, xerarán novas oportunidades para os lucenses e o noso territorio”

 

O xornalista Manuel Silva publica o libro “De todo un poco”

O xornalista galego Manuel Silva García publicou “De todo un poco”, libro que recolle quince Cartas ao Director/a, nas que se tratan cuestións moi variadas e diversas, así como outra quincena de recensións necrolóxicas de destacadas personalidades.

O libro -publicado en Santiago por ‘Tórculo’- leva na portada unha ilustración realizada de Rufus (Leopoldo Fernández Ortega), na que, segundo dixo Manuel Silva, “denuncia con nitidez e contundencia o sarcasmo cruel co que algúns actuaron durante a pandemia do coronavirus para facer sucios negocios -moi lucrativos para eles– coa compravenda das famosas máscaras”.

No interior do libro inclúense tres fermosas fotografías realizadas pola xornalista Pilar Zaragüeta. Silva precisou que na primeira parte do libro (Cartas ao Director/a) “coméntase e afea a utilización inadecuada dalgunhas palabras ou frases que non significan para nada o que os autores das mesmas, queren dicir, especialmente políticos e xornalistas”.

Tamén reflexiona sobre acontecementos políticos e sociais rexistrados neste primeiro cuarto do século XXI. Na segunda parte (In memoriam) -ilustrada cunha fermosa posta de sol reflectindo o ‘ocaso’- inclúense dezaseis apuntas necrolóxicas sobre outros tantos personaxes de distintas e variadas profesións que, segundo afirmou, “morreron antes de tempo”, pero que “tanto coa súa vida como coas súas obras deixáronnos un magnífico legado”.

Manuel Silva (Moldes-Melide, A Coruña, 1943) está licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid e diplomado en Estudos Eclesiásticos (Filosofía e Teoloxía) polo Seminario Maior de Lugo.

Despois de dedicarse cinco anos á docencia en Lugo (1968-1973) –no Seminario e no Instituto de Bacharelato Lucus Augusti-, en 1975 ingresou na Axencia EFE, da que foi delegado en distintos lugares.

Mercado de Nadal "Merca o Teu 2013" Mercado de Nadal “Merca o Teu 2013”

Unha ducia de artesáns no Mercado de Nadal da Paza de San Marcos

Esta mañá abriu o Mercado de Nadal organizado poa Vicepresidencia da Deputación, o cal ofrece unha ampla variedade de produtos artesáns nos postos instalados na Praza de San Marcos, cunha ducia de obradoiros de artesanía e alimentación: Ceniza de papel, Bolboretas de Coiro, Otero Regal, Enxógate, La Bellota Mágica, Senda Coiro, Tres Caracoles, Amigurumis Jano, Fonte Meimil, A Sariña Maquinando, Cunqueiro e Mel Toxalriba.

Pezas de cerámica, xoguetes feitos a man, complementos e outros obxectos elaborados con coiro e mel forman a oferta do Mercado de Nadal, que ofrece a firmas de artesanía lucense a posibilidade de amosar e vender a pé de rúa os seus produtos durante estas datas.

O Mercado incorpora este ano unha axenda de demostracións que ofrece a posiblidade de coñecer de primeira man, xunto ás artesás e artesáns do Mercado, o proceso de elaboración dos produtos que venden ou elaborar pezas propias seguindo as súas técnicas. As actividades realízanse en horario de tarde -das 17.00 a 20.00 horas – , con participación aberta e gratuíta.

A Audiencia de Lugo condena a dez anos de cárcere a un home por violar á filla menor dunha amiga

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a dez anos de cárcere a un home por agredir sexualmente a unha menor de idade, filla dunha amiga. A Sala considera probado que o día 15 de abril de 2023, o procesado, que estaba a pasar uns días no domicilio da súa amiga, quen saíra a traballar, quedou na vivenda coa súa filla menor, de 14 anos, e dirixiuse á habitación na que estaba. Unha vez alí, segundo a sentenza, ofreceulle cartos, sen que os aceptase, polo que se foi, pero regresou uns minutos máis tarde e violouna. Tras os feitos, o procesado abandonou o domicilio e a vítima comunicoullo á súa nai en canto chegou, acudindo ao médico.

“O procesado limítase a negar os feitos, pero o seu testemuño está claramente desmentido non só polo testemuño da menor, senón tamén polo resultado das probas xenéticas. Ademais, refire a nai da menor que cando conseguiu contactar con el, recoñeceu os feitos”, salienta a Sala no fallo.

Ademais da pena de prisión, o tribunal impúxolle a prohibición de comunicarse coa vítima e de aproximarse a ela por un período de 15 anos, así como 10 anos de liberdade vixiada, unha vez sexa cumprida a pena de prisión. O tribunal tamén o inhabilitou para exercer profesión, oficio ou actividades que conleven contacto regular e directo con menores de idade durante 15 anos e privouno da patria potestade ou inhabilitado para o exercicio dos dereitos da patria potestade, tutela ou curatela durante sete anos. Así mesmo, deberá de indemnizar á representante legal da menor con 10.000 euros por danos morais.

Plan de tráfico da XXI Carreira Popular Lugo Monumental 2024

O Concello de Lugo anunciou hoxe o plan de tráfico que se aplicará o próximo domingo, 22 de decembro, con motivo da celebración da XXI Edición da Carreira Popular Lugo Monumental 2024. Esta proba deportiva, que reúne corredores de todas as idades, comezará ás 11:00 horas e percorrerá diversas rúas da cidade.
As rúas efectadas serán a Avenida Ramón Ferreiro, Rúa Alcalde Anxo López Pérez, Ronda da Muralla, Rúa Recatelo, Rúa Avelino Pousa Antelo, Rúa Puro Cora, Praza de Avilés, Avenida Rodríguez Mourelo, Praza Pío XII, Rúa Bo Xesús, Praza de Santa María, Travesía Dean Fernández Varela, Rúa dos Clérigos, Rúa do Bispo Aguirre e Rúa Vilalba.
Será necesario liberar as prazas de estacionamento a partir do sábado 21 de decembro ás 08.00 horas en áreas clave como a Avenida Rodríguez Mourelo, a Praza da Constitución e a Avenida Alcalde Anxo López Pérez. Estas restricións prolongaranse ata as 20:00 horas do domingo. En tramos específicos, como a Ronda da Muralla e a Rúa Puro Cora, habilitaranse carrís separados para vehículos e corredores, asegurando a coexistencia ordenada durante a carreira.

A Asociación Si, hai saída condena o crime machista de Covas

Desde a Asociación Si, hai saída amosamos a nosa mais enérxica condena ante o presunto crime machista que acabou coa vida dunha muller no día de hoxe en Covas (Viveiro) e facemos chegar as nosas condolencias e agarimo a todos os seus seres queridos.

Asi mesmo, recordamos, unha vez mais, que, malia atoparnos nunhas datas de máximo risco, como son as de Nadal, e ser perfectamente coñecedores do incremento da violencia de xénero nelas, non se estea a facer, desde as institucións, absolutamente nada para tentar paliar esta inxustificable circunstancia, ficando todas elas baixo mínimos, especialmente as Ufam (Unidade de Familia e Axuda a Muller) das comisarías, que ficarán practicamente baleiras, ata o 7 de Xaneiro ( 32 días en total desde a ponte da Constitución nos que as vítimas e os seus fillos e fillas quedan case totalmente desprotexidos), limitándose a levar a cabo “accións cosméticas” como son as concentracións e os minutos de silencio, que, obviamente, non serven de nada, agás para o seu propio lucimento, malia que a súa credibilidade é cada vez menor .

Outra cousa é que, ben por intereses ou por outras causas, que, por outra banda, todos coñecemos, non se exprese e mesmo haxa quen non dubide en unirse a elas ou imitalas, buscando, repetimos, tan so o seu proveito.

Unha vez mais, nos vemos na dolorosa e pouco agradable obriga de recordar que hai moitos xeitos de maltratar, sen ser o executor material dese maltrato.

Ignorar a realidade, non levar a cabo todas aquelas medidas para tentar palialo, tendo a obriga e a posibilidade de facelo, é un dos mais graves.

Asociación Si, hai saída.

O Concello e o CHMS asinan un convenio para a unión dos parques do Rato e do Miño

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, asinaron esta mañá o convenio que permitirá a unión dos parques do Rato e do Miño, coa creación dunha nova zona verde paralela ao río, duns 600 metros de lonxitude. Esta colaboración interadministrativa queda recollida no acordo, que contempla a cesión dos terreos necesarios por parte do Concello, e por outra banda a redacción e execución do proxecto, por parte do Organismo de Conca, quen despois cederá a nova dotación á Administración local, quen se encargará do seu mantemento e conservación.

Optimizar a mobilidade na zona periurbana é un dos principais obxectivos do proxecto que recolle o convenio asinado esta mañá; un acordo que contempla, entre outras actuacións,  mellorar a biodiversidade, crear unha barreira natural coa N-VI e habilitar unha nova senda de 600 metros de lonxitude. Esta nova dotación, que unirá os parques do Rato e do Miño, completará un gran cinto verde transitable, que na actualidade xa dispón de máis de 30 quilómetros de carreiros conectados paralelos ao río.

Presentación da Cabalgata de Reis 2025

Esta maña deronse a coñecer os pormenores da Cabalgata de Reis deste vindeiro ano 2025. O desfile leva por título “Nómadas” e sairá do parque da Milagrosa ás 18 horas, con chegada aproximada á praza Maior ás 19:30. A cabalgata volverá entrar ao centro da cidade a través da porta de San Fernando, e desde a Tenencia de Alcaldía publicarase o percorrido definitivo nos vindeiros días, unha vez se analice o estado actual das obras de peonalización do centro da cidade.

O desfile contará cas catro carrozas, as tres dos Reis e a dos agasallos. A cabalgata contará con 14 espectáculos que inclúen a partipación de 80 actrices, actores e músicas. Submarinos, caravanas cirquenses, zeppelíns, grandes animais, músicas diversas e moito máis, unha espectacular posta en escena que acompañará ás súas maxestades no seu percorrido pola cidade. Durante o desfile, os paxes reais repartirán 1500 quilos de caramelos entre todas as nenas, nenos e maiores que se acheguen a saudalos.

Concerto do Orfeón Lucense para inaugurar a programación de Nadal na Biblioteca Provincial da Xunta

A Biblioteca Pública da Xunta en Lugo acollerá mañá ás 19.00 horas o ‘Concerto de Nadal’ do Orfeón Lucense, co que inaugura a programación especial con motivo destas festas. O venres día 20 tomará o relevo Zuma, grupo galego de tributo á banda de música Los Secretos, e o día 27 “La penúltima sabinera” co seu tributo a Sabina, ambas actuacións a partir das 20.00 horas.

Para o mesmo venres 27, ás 12.30 horas, a Biblioteca programa tamén o espectáculo destinado ao público infantil “Son animal”, de Paco Nogueiras. Todas as actividades terán lugar no salón de actos e son gratuítas ata completar aforo.

O centro, dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, tamén manterá ata o día 20 de xaneiro a exposición Toma castaña Galicia, organizada pola Xunta e centrada nos 22 exemplares e formacións de castiñeiros incluídos no Catálogo de árbores senlleiras de Galicia. Igualmente, ata o 31 de xaneiro permanecerá exposta a mostra “Os maragatos da porta de San Pedro”, complemento do libro do mesmo nome recentemente publicado por Xulio Xiz e Antonio Giz.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com