Novas

A Audiencia de Lugo condena a 25 anos de cárcere a un home por violar e obrigar a prostituírse á súa parella

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condena a 25 anos e tres meses de cárcere a un home que obrigaba á súa parella a prostituírse, a violaba e a maltrataba. O tribunal considerouno autor de delitos de explotación sexual, ameazas condicionais, agresión sexual continuada e malos tratos habituais no ámbito familiar. Ademais da pena de prisión, impúxolle a prohibición de aproximarse e comunicarse coa vítima durante 36 anos; once anos de privación do dereito á tenza e porte de armas; e 13 anos de liberdade vixiada.

Os maxistrados tamén condenaron a un ano de prisión a outro acusado, pois consideraron probado que ambos, un como autor directo e o outro como cómplice, obrigaban a manterse na prostitución á afectada, quen non a podía exercer libremente, senón que era cominada diariamente a exercela. Ademais, o seu compañeiro sentimental requisáballe as ganancias que obtiña.

‘Localmente Lucense’ o movemento cidadá que aposta polas compras de proximidade

A alcaldesa de Lugo acompañada da tenente de alcaldesa e edil de Desenvolvemento Local e Emprego presentou hoxe na rúa Quiroga Ballesteros, a carón da Praza de Abastos, a nova campaña de dinamización da cidade posta en marcha polo executivo municipal baixo o título Localmente Lucense.

A rexedora explicou que se trata dunha campaña que nace para impulsar a economía dos barrios de Lugo, a través de fortalecer e incentivar a compra nos comercios e na hostalaría de proximidade. “Non podemos esquecer que só estando ao lado dos nosos veciños, os que viven e crean traballo cos seus pequenos negocios, coas súas tendas, restaurantes, bares e outros establecementos, poderemos manter con vida os espazos nos que vivimos e vemos crecer aos nosos fillos”, subliñou.

“As pequenas empresas son a columna vertebral da nosa economía, xa que forman parte da identidade dos barrios achegándolles unha riqueza e valores insubstituíbles. Esta crise está a afectarlles con dureza e por iso, desde o Concello de Lugo queremos impulsar esta campaña para animar á xente a consumir e a coñecer ás pequenas empresas das súas contornas”, apuntou.

A rexedora avanzou que “o obxectivo é crear o movemento cidadá Son Localmente Lucense que abandere un sentimento de orgullo e defensa do noso, da vida dos nosos barrios, porque temos que defendela entre todos sendo conscientes de que a recuperación da economía comeza na porta das nosas casas”. Con este obxectivo, a campaña que hoxe dá comezo e que durará todo o ano 2022, combinará unha ampla oferta de lecer e entretemento por barrios con formación específica e asesoramento dirixido a locais comerciais e de hostalería para que resulten máis atractivos.

Esta campaña, para a que o Concello destina preto dun millón de euros, enmárcase na Estratexia global de dinamización, reconstrución e reactivación da economía de Lugo que puxo en marcha Lara Méndez para paliar as consecuencias da crise provocada pola Covid-19.

A alcaldesa explicou que “no lema xogamos coa idea de “local” e “lucense” para trasladar confianza, ilusión e aposta firme no noso. Utilizando o adverbio “localmente” que se forma con “local+mente”, proxectamos e difundimos unha conciencia de consumo local, ou consumo km0, un factor importante para un desenvolvemento sostible de calquera municipio”.

Volven os problemas no cobro dos salarios das traballadoras do SAF de Castroverde

Os problemas no SAF de Castroverde continúan e as traballadoras teñen sen cobrar a nómina de novembro e a paga extraordinaria de nadal. Despois da entrada en concurso de acredores da empresa adxudicataria, Asistencia Castroverde, e de que un administrador se fixera cargo da mesma, existía o compromiso por parte do Concello e do administrador de abonar puntualmente os salarios ás traballadoras, toda vez que se tivo que prorrogar forzosamente o contrato do servizo.

Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo, explica que o Goberno municipal sacou a concurso o servizo de axuda no fogar en xuño pasado, pero foi anulado debido á impugnación por parte dunha das empresas participantes por erros graves na licitación. Neste contexto foi cando se chegou a acordo para prorrogar  o contrato a Asistencia Castroverde até 2022 baixo o compromiso de que os salarios se pagarían en tempo e forma.

“Porén, a realidade é que os problemas persisten e nestes momentos as traballadoras teñen pendente de percibir a nómina de novembro e a paga extra de decembro. E aínda por enriba, teñen que pagar dos seus petos o material de protección Covid, como as luvas e o resto de medidas de protección individuais, nun servizo municipal de atención básico e que se desenvolve no interior dos domicilios das usuarias e usuarios, cos riscos que isto supón”, denuncia Paz.

Subliñan, ademáis, dende a central sindical que as  máis de 30 traballadoras do SAF veñen sufrindo atrasos continuados e impagos dende hai máis de un ano e tras a entrada en concurso da empresa, tiveron que acudir ao FOGASA para poder cobrar as nóminas que se lles debían. Por iso, reclámanlle ao Concello de Castroverde unha solución que poña fin a esta situación penosa, porque xa están fartas de ser tratadas como traballadoras de segunda, cando fan un labor esencial para moitas veciñas e veciños.

Cómpre lembrar que estas traballadoras formaban parte do cadro de persoal do Concello até que o servizo de axuda no fogar foi externalizado. Agora esixen que se axilice a licitación do novo concurso e que se faga con todas as garantías para, cando menos, teren a certeza  de poder percibir os seus soldos de maneira puntual.

O persoal de Jofrasa logra un acordo para mellorar os salarios e as condicións laborais

A loita das traballadoras e dos traballadores de Jofrasa, que están en folga indefinida dende o pasado 1 de decembro, daba onte os seus froitos ao atinxirse un acordo coa empresa para regular as particularidades do traballo de limpeza no complexo de Alcoa San Cibrao e dignificar as condicións salariais, sociais e laborais deste colectivo.

Tras alcanzar este acordo coa empresa, o persoal decidiu suspender a folga dende hoxe, venres día 17. Así, esta mañá o persoal procedía a descolgar a faixa que colocaran no acceso de entrada á fábrica de San Cibrao coincidindo inicio da folga (achegamos imaxes). Porén, a desconvocatoria definitiva do paro farase unha vez que Jofrasa redacte o texto final do acordo e se comprobe que inclúe todas as melloras pactadas entre as partes.

Entre outras cuestións, explica Xoán Díaz, da CIG-Servizos da Mariña, a través deste acordo quedan reguladas materias específicas deste servizo que non se contemplan no convenio colectivo de aplicación -o de limpeza de edificios e locais-, tales como a realización de reténs e as horas extraordinarias e a inclusión dun plus de turnicidade para o persoal suxeito a este tipo de xornada.

No relativo aos incrementos económicos, que durante meses Jofrasa se negou a asumir, conseguiuse unha suba do 7,75% en tres anos que irá ao salario base e que, sumado ao sistema de complementos, suporá un aumento das retribucións neste período superior ao 10%. Ademais, a estes incrementos engadiránselles as subas que se pacten no convenio provincial da limpeza de Lugo.

Xunto a isto, conséguese rematar coa discriminación por razón de sexo que afectaba a un grupo de traballadoras que, facendo o mesmo labor que os seus compañeiros, percibían salarios inferiores xa que estaban nunha categoría diferente con soldos máis baixos.

A CIG quere pór en valor a determinación e a firmeza das traballadoras e dos traballadores de Jofrasa na defensa dos seus dereitos que, logo de meses de negociacións coa empresa, de ter que realizar mobilizacións diante da fábrica de Alcoa e de soportar unha folga durante 17 días, dá os seus froitos, evidenciando que a loita é o camiño para conquistar os dereitos da clase obreira.

Muller e Igualdade difunde unha guía de xogos e xoguetes non sexistas para este Nadal

O Concello de Lugo, a través da área de Muller e Igualdade, retoma un Nadal máis a súa campaña para fomentar os xogos e xoguetes non sexistas.

“O obxectivo é concienciar á cidadanía e promover a igualdade de oportunidades dende idades temperás para que as nenas e nenos poidan decidir sobre os xogos e xoguetes que máis lles gustan sen que a súa elección teña connotacións de xénero”, explicou a concelleira titular da área. A iniciativa, segundo referiu a edil, céntrase en apelar á responsabilidade das familias á hora de escoller os regalos para as crianzas.

“A Casa da Muller do Concello de Lugo editou a guía Xogamos pola Igualdade na que se recollen 10 claves ou aspectos a ter en conta para un Nadañ libre de prexuízos sexistas, que priorice xogos potenciadores de todo tipo de habilidades, que fomenten a igualdade e a comunicación entre nenos e nenas participantes e que propicien o xogo cooperativo e sen actitudes violentas”, referiu a responsable de Muller.

A Concellería levará a cabo accións de sensibilización e difundirá carteis e folletos cun código QR que dará acceso á devandita guía, tamén dispoñible na páxina web municipal http://concellodelugo.gal/sites/default/files/guia_xogamos_igualdade.pdf

O material entregarase nas escolas infantís, nos colexios, nas xogueterías e noutros establecementos de venda de xoguetes e en centros comerciais e de lecer infantil, entre outros. Tamén se entregará nos programas municipais Aulas Abertas e Aprende Xogando, así como no Pazo de Feiras e Congresos, que acolle actualmente a feira Xuvenlugo.

Os xoguetes, ferramentas coas que aprender

“Sabemos que os xoguetes axudan á construción da identidade individual propia dos nenos e nenas e a desenvolver a súa autonomía, redundando no beneficio da poboación en xeral e, dado que eses xogos e xoguetes xeran expectativas de xénero, cremos que deben ser ferramentas coas que aprender e descubrirse como persoas iguais e non promover a asignación de roles sexistas”, afirmou Silvia Alonso.

A edil convidou á cidadanía a consultar a publicación e lembrou, alén, que un estudo recente do Instituto da Muller presentado a finais do 2020 reflexa que o 38’5% de anuncios de xoguetes amosan ás nenas replicando arquetipos femininos de beleza ou de coidadora e nai/esposa, que case no 22% dos xoguetes para nenas se emprega a cor rosa e que en aproximadamente a metade dos anuncios protagonizados por nenas, elas xogan con bonecas mentres que, nos protagonizados por nenos, o 45% xoga con figuras de acción ou vehículos, ao igual que na publicidade protagonizada por nenas o 58% dos xoguetes non teñen funcións electrónicas nin mecánicas.

Somos conscientes de que nos últimos tempos as distintas marcas de fabricantes cambiaron nos seus catálogos e foron eliminando estereotipos sendo cada vez máis frecuentes as imaxes que amosan pequenas realizando tarefas socialmente recoñecidas como masculinas e viceversa. Andouse camiño, pero aínda queda por facer, especialmente en datas tan sinaladas coma estas nas que os xoguetes cobran un protagonismo especial polo que, dende a Administración local, convidamos á veciñanza a que nos axude a non fomentar a discriminación”, concluíu a concelleira de Muller e Igualdade, Silvia Alonso.

O PP faise eco das queixas dos usuarios da piscina de Frigsa que denuncian que a auga está fría

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Óscar Poy, pide axilidade á area de Deportes para que a auga da piscina climatizada de Frigsa volva a estar á temperatura axeitada, xa que dende hai varios días as queixas entre os usuarios está a aumentar debido a que está fría.

Óscar Poy sinala que xa son varios os usuarios que se puxeron en contacto con concelleiros populares para denunciar a situación, explicando algún usuario que “non chegou a entrar en calor pese a estar nadando durante unha hora”. Unha afirmación que fala ás claras da temperatura que ten a auga estes días.

Segundo as pesquisas realizadas polo concelleiro popular o problema radica nun dos filtros dunha das máquinas dun dos vasos da piscina, polo que pide dilixencia ao responsable de deportes para solucionar o problema no menor tempo posible e así que a piscina poda empregarse en condicións óptimas.

Explica Óscar Poy que esta situación non debería de producirse nunha piscina climatizada xa que, repasando as actas da comisión de queixas e suxestións, pode cualificarse como “recorrente”, xa que a maior parte das queixas recibidas nesta comisión sobre as piscinas fan referencia á temperatura da auga.

O TSXG autoriza esixir o pasaporte COVID-19 para acceder a residencias, ximnasios e eventos multitudinarios

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta a esixir en toda a comunidade autónoma a presentación do certificado COVID-19 de vacinación para acceder aos centros sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con diversidade funcional, a instalacións pechadas nas que se practique actividade física e deportiva non federada, a piscinas cubertas e a eventos multitudinarios ou a aqueles que teñan autorizada a venda de alimentos ou bebidas para o consumo no seu interior. A medida estará vixente desde as 00.00 horas do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) e ata as 00.00 horas do 18 de xaneiro de 2022.

Ademais, o alto tribunal autorizou o Goberno galego a prorrogar, ata esa data, a condición de exhibir o certificado de vacinación ás visitas e acompañantes de pacientes de centros hospitalarios, -e a estende aos hospitais de día para tratamentos oncolóxicos e de diálises e aos hoteis de pacientes-, así como para entrar en albergues turísticos, locais de lecer nocturno e establecementos de hostalería e de xogo que conten con servizos de restauración.

Os maxistrados destacan no auto que as persoas non vacinadas teñen a alternativa de presentar un certificado de proba diagnóstica negativa e inciden na necesidade de establecer a medida nos espazos indicados para que poidan manter a súa capacidade máxima e o normal desenvolvemento das súas actividades. “en situacións en que se aprecia o incremento de riscos de contaxio, polas características peculiares de actividade, que deben ser adecuadamente controladas, ou polas características de especial vulnerabilidade que concorren”. Ademais, subliñan que o feito de que o pasaporte COVID-19 “non elimine completamente a posibilidade de novos contaxios”, si reduce o risco de transmisión do virus, polo que entenden que a medida é idónea e proporcionada.

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo tamén indica na resolución que a medida se implementa “en resposta a indicios racionais que poñen de manifesto a existencia dun perigo para a saúde da poboación que se pode ver agravado se non se adopta”. Ademais, o TSXG autorizou que a validación e control dos certificados se realice coa lectura do código QR mediante a aplicación PassCovid de Galicia, creada pola Consellería de Sanidade.

Agromuralla tilda de “insufiencites” as subas no prezo do leite anunciadas polas industrias

Tras rematar hoxe o prazo fixado para que as industrias lácteas fixeran efectivas as subas no prezo do leite que pagan aos gandeiros aos que lles recollen, a asociación Agromuralla considera “claramente insuficientes” as melloras nos contratos ofertadas polas empresas lácteas aos produtores, polo que mantén o seu apoio á convocatoria dunha folga de entregas a nivel estatal promovida pola plataforma de Gandeiros Lácteos Unidos, da que forma parte.

O paro, que se materializaría a nivel de todo o Estado e tería carácter indefinido, comprendería accións como deixar de mandar o leite ás industrias transformadoras e bloquear a circulación das cisternas polas estradas, como xeito de desabastecer os mercados dun produto de primeira necesidade.

Esta medida de presión “extrema e dolorosa” é “a única alternativa que nos deixan aos gandeiros”, asegura o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, unha vez que tanto as cadeas de distribución como as industrias lácteas se negan a trasladar ás granxas a suba no prezo do leite e os produtos derivados que se produciu nos supermercados.

Nas últimas xornadas, nos días previos a que expirara o prazo do 15 de decembro fixado para que as industrias anunciaran as subas no prezo que pagan aos gandeiros, Agromuralla mantivo encontros coas distintas empresas para coñecer de primeira man cal é a súa postura, constatando que “unicamente están dispostas a acometer subidas dun céntimo na maioría dos casos que son totalmente insuficientes para paliar a situación actual do sector”, considera a asociación de gandeiros, polo que segue secundando a convocatoria dunha folga de entregas xeralizada.

O paro, convocado a nivel de todo o Estado pola plataforma de Gandeiros Lácteos Unidos, na que participa Agromuralla, entra agora nunha nova fase, na que se tratará de “sumar ao maior número posible de produtores á folga para que sexa efectiva”, defende José Luis Pérez Barreiro.

Neste sentido, Agromuralla manterá nas vindeiras horas contactos coas distintas organizacións agrarias e grupos de gandeiros dos principais concellos produtores “para que de Galicia non saia nin un só litro de leite”, ao tempo que se manteñen as reunións con asociacións de gandeiros do resto de comunidades para que fagan o mesmo nos seus territorios.

Agromuralla denuncia o “incremento de custos de produción sen precedentes na historia máis recente do sector leiteiro” que fai que producir un litro de leite custe entre 40 e 41 céntimos, mentras a media á que as industrias llo están pagando aos gandeiros é de 32 céntimos.

Debido a este desfase, o sector productor de leite está neste momento “en números vermellos e vendendo a perdas”. “O noso leite ten que ser pagado polo prezo que se merece”, reclama o presidente de Agromuralla, que engloba a 400 produtores das provincias de Lugo e A Coruña.

Os recortes no IES Becerreá chegarán mañá ao Parlamento Galego

Mañá o Parlamento Galego debaterá, grazas a unha moción do BNG,  a situación que está a vivir a comunidade educativa do IES de Becerreá polo “desequilibrio e agravio” ao estudantado como consecuencia da eliminación de materias por parte da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Por isto, o BNG presentou diferentes iniciativas e esixirá na Comisión de Educación e Cultura deste venres que a Xunta de Galicia garanta os dereitos do ensino no rural.

A deputada por Lugo, Carme Aira, participou de novo nas concentracións organizadas pola comunidade educativa, na que lles trasmitiu que “o PP ten que dar explicacións e dar a cara ante os recortes que está impoñendo na Montaña de Lugo”.

Neste sentido, Carme Aira subliñou que esta dinámica non só afecta a Ancares senón a outros puntos de Lugo “Ancares ou O Incio estase vendo prexudicada de forma boraz, o Partido Popular na Xunta está desfacendo as redes que conectan ao rural minguando nos servizos públicos”.

A deputada nacionalista destacou que os recortes no ensino como noutros servizos públicos favorecen ao despoboamento do rural “con esta política, a xente nova do rural ten que marchar para poder desenvolver a súa actividade formativa, o que expulsan á xente pola falta de servizos para desenvolver unha vida plena” declarou Carme Aira.

A Xunta colabora coa Fonsagrada para obras de saneamento e abastecemento

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinou 82.280 euros en concepto de axudas para a execución de melloras no sistema de abastecemento e saneamento do concello da Fonsagrada. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o estado dos proxectos xunto co alcalde, Carlos López, entre outros.

Arias subliñou que a Xunta concedeu unha axuda por importe de 43.558 euros -o 90% do orzamento- para a substitución da tubaxe de abastecemento nun tramo de 600 metros que discorre paralelo á estrada autonómica LU-740 e que aproximadamente no punto quilométrico 1,400 empata cun treito xa renovado. Os traballos, xa rematados, consistiron na retirada das seccións de tubos de fibrocemento existentes e a instalación doutras de polietileno para garantir o servizo e a calidade do subministro.

Igualmente, a Consellería concedeu outra achega por importe de 38.700 euros -o 80% do orzamento- para a construción dun tanque de tormentas de 288 m3 de capacidade, en formigón armado, á entrada da depuradora da zona norte do núcleo urbano da Fonsagrada, nunha parcela do polígono de titularidade municipal.

Arias explicou que ambas actuacións foron sufragadas ao abeiro dun programa de axudas específico para mellorar os servizos de auga en concellos de ata 5.000 habitantes, que na provincia de Lugo supuxo este ano un investimento xeral de 2,1 millóns de euros e posibilitou 52 actuacións en 37 concellos.

O delegado incidiu en que esta é “unha das medidas de colaboración da Xunta en materias de competencia municipal para garantir o mellor funcionamento de dotacións básicas que redundan na calidade de vida dos veciños dos municipios rurais”. As achegas contan coa financiación do eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com