Novas

Cervo acollerá este sábado o XIII Campionato de Nadal de Nihon Taijitsu

2021.-O Concello de Cervo acollerá o sábado 18 de decembro o XIII Campionato de Nadal de Nihon Tai-Jitsu nas modalidades de Kata de base e Goshin Shobu (defensa persoal).

O evento foi presentado polo edil de Deportes, David Rodríguez, e polo presidente da Escola de Artes Marciais de Cervo e director do departamento de Tai-Jitsu da Federación Galega de Kárate, Miguel Ángel Rojo.

O escenario da competición, que comezará ás 17:00 horas, será o Pavillón Municipal da Veiga. Ao campionato acudirán participantes das catro provincias galegas.

Estímase que serán medio cento os participantes, desde a categoría alevín ata senior. Haberá medallas para todas as persoas participantes, e trofeos para os tres mellores de cada unha das 6 categorías.

Victor Corral, D.E.P.

Desde o sábado, un dos hectómetros do Paseo dos Soños de Vilalba, á beira do río Madalena, corresponde a Victor Corral Castro, escultor, pintor, poeta e Fillo predilecto do Concello de Begonte.

O hectómetro é unha columna obelisco tallada polos escultores guitiricenses Irmáns Quijada, coroada por unha pomba esculpida polo mestre Corral, símbolo da súa arte, totem da súa obra, da súa familia, da súa casa-museo que, como homenaxe ao antigo castelo de Baamonde, domina o pobo desde o alto para extender sobre el a benéfica acción da súa arte irrepetible.

Desde 2006, o máxico paseo que acompaña ao río vilalbés desde o Muiño da Magdalena ao do Rañego convertiuse no Paseo dos Soños, e cada hectometro queda marcado cun fito que lembra a grandes da literatura que xa están no alén (Manuel María, Fernández Paz, Puente Docampo, Darío, Carballo e os Irmáns Chao Rego) e outros tantos chairegos que viven entre nós. Victor é o primeiro artista plástico, creador de pombas da paz e de infinitas obras senlleiras que polo noso mundo marcan territorio gobernado pola súa arte.

Victor é un artista feliz, creador dun mundo de arte que comparte cos milleiros de visitantes que cada ano acoden a Baamonde a disfrutar coa contemplación das súas obras, dentro e arredor da casa-museo. Pero, sobre todo, é un feliz patriarca familiar que disfruta de oitenta e catro fructíferos anos que se traducen en centos de obras maxistrais, cada unha coa súa historia, dentro da global historia do artista que, no canto de presumir das súas obras, presume de garimosa familia que con el percorreu o Paseo dos Soños, onde o seu simbolo queda para sempre.

4 días despois desta homenaxe, recibo a dolorosa nova da morte de Victor. O sábado foi inmensamente feliz. Que o siga a ser no alén. D.E.P.


Na foto, Victor Corral xunto ao seu “Hectómetro”, entre Elba Veleiro, Alcaldesa de Vilalba e Xulio Xiz.

Continúan á alza os casos activos de covid19 nunha xornada na que descenden lixeiramente os contaxios

A covid non da tregua na provincia e sobe xa das 800 infeccións activas, unha cifra que non se daba na provincia dende inicios de setembro, cando se saía da quinta vaga. E malia que nas últimas horas detectaronse menos positivos que na xornada anterior o certo é que as altas médicas mantéñense á baixa co que non axudan a baixar a incidencia do virus.

En cifras, e segundo o último informe do SERGAS con datos recollidos ata as 6 da tarde de onte, son en total 834 os casos activos na provincia, unha cifra que, como diciamos, non se daba en Lugo dende o 9 de setembro, cando estaba remitindo esa quinta vaga

Pola contra, descende o ritmo de contaxios, eso si, moi levemente. Onte o SERGAS rexistrou un total de 63 positivos detectados, fronte aos 85 que se rexistraran o luns. Pero, contra estes positivos, non loitan as altas médicas das últimas horas. E é que a provincia tan só rexistrou 44 altas.

No tocante á presión asistencial, a área de Lugo, cervo e Monforte, continúa amosando case os mesmos datos. En total 16 ingresados por covid, 4 deles na UCI do HULA, e os outros 12 en unidades convencionais de hospitalización, 5 no Hospital Lucense, 2 en Burela e outros 5 en Monforte de Lemos.

E precisamente, este aumento de casos, acúsase en gran medida nos centros educativos galegos. Hoxe o SERGAS volvía actualizar os datos relativos a este sector de poboación. Así, segundo explicou o Servizo de saúde, en toda Galicia son 2591 os contaxios relacionados con centros escolares, 710 máis que no último informe, é dicir, que hai 7 días. Esta cifra obriga a manter pechadas 214 aulas no conxunto da Comunidade.

Así, e malia que todas as áreas aumentan o número de casos Covid en centros escolares, a área sanitaria de Lugo, Cervo e Monforte pode presumir de estar á cola nesta listaxe. Con todo, no último balance o SERGAS contabiliza 138 entre alumnos e profesores, ou o que é o mesmo, 17 casos activos máis que hai unha semana, o que conleva o peche de 18 aulas (unha máis).

En canto ás escolas infantís, aquí as cifras redúcense considerablemente. Malia iso, Galicia suma 39 casos relacionados con este ámbito educativo(0-3 anos) e 11 aulas pechadas. A provincia de Lugo non conta con aulas pechadas nas escolas infantís malia que contabiliza 2 casos.

 

Falece o ribadense exdirector do Banco de España, Víctor Moro

As bandeiras do Concello de Ribadeo ondean a media asta como mostra do pesar da vila de Ribadeo polo pasamento de Víctor Moro. O economista e ex director do Banco de España en Cataluña faleceu hoxe aos 95 anos de idade. O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “lamentamos a súa perda. Víctor Moro, ribadense de nacemento, sempre estivo moi vinculado á nosa vila a onde acudía con certa frecuencia”.

Víctor Moro fora nomeado Fillo Predilecto de Ribadeo o 2 de setembro de 2012. O rexedor destacou no discurso pronunciado esa xornada que “mención especial debe ter o seu compromiso con este Concello que o quere laudar e coa súa Ría, a Ría de Ribadeo que, sendo de todos e todas, divide administrativa e teoricamente unha realidade que as xentes de ambas as beiras se encargan de borrar no decorrer do día a día, compartindo relacións comerciais, lingua, cultura e tradicións. Neste caso, o Sr. Víctor Moro Rodríguez foi e é un activo defensor da legalidade, recoñecemento e difusión do topónimo histórico, legal e vixente Ría de Ribadeo”.

E engadía: “así pois, logo de toda unha vida, queda patente a súa implicación e relación de amor profundo a esta terra que o viu nacer, que o fai merecente do nomeamento como Fillo Predilecto de Ribadeo. Este recoñecemento viráselle engadir a outros tan excelsos como a Orde do Mérito Constitucional, a Cruz do Mérito Naval, ou a Creu de Sant Jordi, entre outros, méritos todos estes que non podemos desmerecer aínda que ningún deles seguramente teña o significado emotivo e agarimoso como o que lle recoñecemos nós como “profeta na súa terra”, e é por isto que a Corporación Municipal que me honra presidir, outorgou o pasado xoves, por unanimidade, o título de Fillo Predilecto de Ribadeo a D. Víctor Moro Rodríguez”.

En sinal de loito polo pasamento de Víctor Moro as bandeiras do Concello de Ribadeo ondean a media asta.

O Pleno de Cervo aproba a moción do PPdeG en apoio ao sector lácteo

O pleno do Concello de Cervo aprobou na mañá de hoxe unha moción proposta polo PP de Galicia para establecer medidas de control en favor dos gandeiros e gandeiras do sector lácteo.

A moción inclúe un total de cinco puntos nos que se insta ao Ministerio a habilitar mecanismos para conseguir que todos os gandeiros cobren polo seu produto, polo menos, os seus custos de produción; tamén pretende impulsar, a través da cooperación entre administracións unha campaña de concienciación dirixida ao consumidor e reforzar a promoción dos produtos lácteos galegos, reforzando aspectos como a seguridade alimentaria, o benestar animal nas explotacións e a diversificación na súa produción.

Outra das demandas pasa por proporcionarlles prioridade na licitación de polígonos agrogandeiros de carácter público e axilizar os trámites para constituír o “Observatorio Lácteo Galego” como instrumento para acadar unha mellor estrutura entre os diferentes axentes do tecido produtivo.

En declaracións da delegada de Medio Ambiente, Mali Méndez: “temos que protexer aos nosos gandeiros e gandeiras, posto que é un dos sectores máis importantes dentro da nosa comunidade, e por suposto, tamén da comarca da Mariña. Desde as administracións públicas deberiamos establecer uns mecanismos que garantan un prezo mínimo, que polo menos cubra os custos de produción”.

“O sector gandeiro precisa dun apoio estrutural que lles permita gozar de ferramentas para fomentar a comunicación e a cooperación entre os diferentes elos da cadea de produción, ademais de establecer relacións coas diferentes administracións públicas”, engadiu a concelleira.

Traballadoras da limpeza do Concello de Lugo inician mobilizacións para denunciar a sobrecarga laboral que padecen

Traballadoras do servizo de limpeza das dependencias municipais do Concello de Lugo iniciaron hoxe un calendario de mobilizacións para denunciar a sobrecarga de traballo que teñen que soportar, esixir condicións dignas e demandar do Goberno local urxencia na licitación do novo contrato.

Ante o deterioro progresivo das condicións laborais e falta de solucións tanto por parte da empresa concesionaria, Lacera, como por parte do Concello, o persoal acordou en asemblea iniciar mobilizacións diante nas dependencias municipais, que se repetirán todos os mércores e venres, ás 11 horas, aínda que se non descarta incrementar as medidas de presión.

Asunción Castiñeira, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, lembra que Lacera está prestando o servizo de limpeza en situación de prórroga dende o ano 2016 e a empresa négase dende hai tempo a cubrir as baixas do persoal, escudándose en que ao estar o contrato caducado non se lle aplicaron incrementos económicos e non pode afrontar o gasto das substitucións.

Pero a non cobertura das baixas, engade Castiñeira, provoca que as compañeiras teñan que asumir unha sobrecarga de traballo cada vez maior para poder prestar o servizo, que repercute na súa saúde e acaba de derivando nun maior número de traballadoras que caen enfermas.

Por iso, con estas concentracións, tamén se quere reclamar ao Concello de Lugo que licite canto antes o novo contrato “porque a situación actual é insostíbel para as traballadoras e ademais non se pode garantir o cumprimento dos protocolos de limpeza nos edificios municipais, algo esencial no contexto de pandemia no que nos atopamos”.

A CIG-Servizos xa se dirixiu á Concellaría de Medio Ambiente para tratar o estado do servizo de limpeza e para reclamar que se aproveite a elaboración dos novos pregos para introducir melloras nas condicións laborais (sobre todo en materia de xornada) do persoal e que se dignifique esta actividade.

Inaugurado o ‘Diversiarte’, o mercado solidario de Nadal de Lugo

A Concelleira de Benestar Social, Inclusión e Persoas Maiores, Olga López Racamonde, e outros edís da Corporación Municipal, visitaban este mércores os 24 postos do mercado solidario Diversiarte, na Horta do Seminario co obxectivo principal de “colaborar coas asociacións e colectivos a que recaden para desenvolver os seus proxectos e accións dentro do seu ámbito”. Neste sentido, a edil lembrou que o ano pasado non se puido celebrar esta iniciativa polas restricións da COVID-19, polo que “estabamos todos desexando que chegase este día”.

A 15 edición desta iniciativa solidaria, que organiza o Concello de Lugo en colaboración coas distintas asociacións do eido social de Lugo, “é unha oportunidade para que a cidadanía aporte o seu gran de area”. A Concellería de Benestar Social convidou “a todos os  lucenses e veciños a que participen e adiante nas compras de Nadal neste mercado Solidario”.

Durante a inauguración, a edil destacou a “importancia de apoiar iniciativas deste tipo á hora de recadar fondos para as asociacións, que demostran o compromiso do Concello de Lugo co tecido asociativo, ademais de, servir para axudar e visibilizar o traballo tan importante que estas entidades realizan con colectivos que requiren da axuda de todos e todas”.

A campaña de venda arrincaba esta mañá, e durará ate o vindeiro 17 de decembro en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas. Neste Diversiarte, o comprador poderá mercar obxectos realizados polos propios asociados e asociadas de cada colectivo; bonecos, cestos, xabóns, entre outros. O xoves 16, ás 19:00 horas, terá lugar unha lectura de contos de obras escritas por persoas con discapacidade, esta actividade está organizada pola Fundación Anade, e a continuación, ás 19:30 horas, a Asociación Os Pinchacarneiros interpretará a obra de teatro O Lazarillo do Miño. Dentro da programación de actividades, esta previsto para o venres 17, unha actuación musical, ás 19:30 horas, a cargo de Luis Pérez e Miguel Bello.

O mercado solidario conta coa colaboración do Concello de Lugo, e a participación dos seguintes colectivos: Síndrome Wolf, AGAL, Capaces, Alucem, Alusor, Alufi, AECC, Diabéticos Lucenses, AFALU, ALCER, ASPALU, FADEMGA, ONCE, AUXILIA, ADACE, ASPNAIS, FEAFES, ALUME, COGAMI, ASORLU, ASFEGA, DOWN, San Vicente de Paúl, Bonhomía, Os Pinchacarneiros e Raiolas.

O PP tilda os orzamentos do Concello de “bomba de fume”

O voceiro do Grupo Popular afea a actitude “de rodillo do goberno de esquerdas de Lugo que volveu a ningunear as preto de 80 propostas que presentamos para mellorar o borrador de orzamentos”. “É unha mágoa que PSOE e BNG se enrroquen nunha postura tan antidemocrática cando estamos falando do documento guía dos proxectos de Lugo para o vindeiro 2021”.

Así o criticou hoxe o voceiro popular no Concello, Ramón Carballo, quen opinou que o documento presentado polo Goberno local reflicte “ás claras” que son unhas contas que teñen por obxecto “sacar unha rendibilidade electoral” pero que “carecen dun proxecto único para Lugo”.

“O único no que coinciden o proxecto vital de Méndez e Arroxo é manterse no cargo e repartirse todos os anos, a conta dos orzamentos municipais, o botín para manter o seu relato”, denunciou Carballo.

Os populares plantexan a súa crítica aos presupostos municipais en tres partes: As cifras que máis lles chaman a atención neste documento e que tildan de “ficticias”; o que botan de menos nos orzamentos; e as incongruencias que din atopar despois de coñecer o documento.

“Estamos diante dun orzamento ficticio. As contas do bipartito son unha bomba de fume. A proba de que son unha contas desfasadas e que son irrealizables é máis que evidente tendo en conta que os ingresos reais que ten o Concello que non chegan para pagar os gastos correntes. Analizando as contas que presenta o goberno de Lugo vemos como o 83% dos orzamentos (88,3M€) destínanse a pagar ao persoal municipal e para pagar a empresas que prestan servizos no municipio, mentres tanto, a recadación da última liquidación cerrada do ano 2020 desvela que a recadación foi de 74,7M€”, critican os populares.

“Estamos ante un borrador de orzamentos no que o goberno local fai encaixe de bolillos e infla os ingresos para cadrar as contas”, explican os populares que consideran que o documento amosa varios exemplos nos que contemplan “ingresar partidas” que son imposibles recadar.

Ademáis os populares tildan o documento de “orzamentos dos parches” xa que, segundo denuncian, “se trata de pactar gastos improductivos e con aire propagandístico. “A alcaldesa de Lugo xestionará o mesmo diñeiro para
a súa promoción e autobombo que o que prevé destinar a Emerxencia social. (250.000 € en gastos diversos de protocolo, gabinete e secretaría da alcaldesa). Desagréganse en: 50.000 € atención a protocolo; 150.000 € publicidade e propaganda; 50.000 € en gastos diversos a maiores dos 135.000 € en traballos a outras empresas fronte aos 300.000 € que hai para emerxencia social. Curiosamente repiten partida cando o lóxico sería subir neste apartado”.

O que botan en falta

Hai varias partidas que os populares botan de menos nos Orzamentos de 2022. Unha delas é a do novo Auditorio de Magoi para o que non figura ningunha partida para a súa posta en funcionamento. “No capítulo de investimentos nin Cultura nin Patrimonio contemplan investir os 300.000 € dos que no seu momento falou Lara Méndez para corrixir as deficiencias”.

Asemade, dentro da promoción e ao fomento do deporte “non hai cartos” para empezar a construír o novo pavillón salvo a reserva de 80.000 € para facer o proxecto. “Non figura ningunha partida con nome e apelido para a execución da Praia Fluvial no Miño”, critican.

Os recursos destinados á promoción e reinserción social redúcense con respecto ao ano 2020 e pasan de 505.000 a 216.000 €. Emerxencia social repite a mesma cifra de gastos. “É continuista cando neste momento é máis necesario que nunca ter unha previsión para familias afectadas pola crise económica que se prevé”.

Doutra banda, os populares ven certas “incongruencias” neste documento. Así, segundo explican, no capítulo de gastos figura un incremento para transporte público de 292.000 € o que, en palabras dos populares, “certifica o fracaso do modelo de autobuses urbanos do goberno local e confirma que a remodelación das liñas non gusta aos lucenses e que non o usan como estimaban. Pasaron de destinar 2.4 a 2.7 M€”.

Ademáis, os populares critican a falta de investimento en cámaras de videovixilancia nos polígonos, monumentos e edificios públicos, mentres que o Mercado e a Praza de Abastos si contan cunha partida destinada a tal efecto.

Constituído o comité que coordinará a elaboración do Plan de Igualdade da Deputación

A Deputación de Lugo deu este mércores un paso máis no procedemento para aprobar o seu primeiro Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes constituíndo o comité que se ocupará de impulsar e coordinar os traballos para sacar adiante este instrumento de modernización do sistema de xestión da institución que garanta unha estrutura interna e unhas relacións coa sociedade guiadas pola igualdade de xénero.

O comité, reunido hoxe no Salón de Actos, está integrado polas deputadas de Réxime Interior e de Igualdade; por persoal das áreas provinciais de Recursos Humanos e de Igualdade, e por representantes sindicais dos traballadores e traballadoras da institución.

A constitución deste grupo de traballo é un paso máis dentro do procedemento para sacar adiante o Plan de Igualdade, ao que se suma a celebración o pasado venres dunha Xunta de Voceiros e Voceiras na que todos os grupos da Corporación se mostraron a favor da iniciativa.

Así mesmo, a Deputación traballa xa nun estudo de diagnose da situación actual do organismo en materia de igualdade, que servirá para detectar as medidas de mellora a incorporar no Plan. O Plan de Igualdade abordará materias como o proceso de selección e contratación, clasificación profesional, formación, comunicación e linguaxe non sexista, condicións de traballo, exercicio corresponsable dos dereitos da vida persoal, familiar e laboral, a baixa representación feminina e a prevención do acoso sexual ou por razón de sexo.

A Deputada de Réxime Interior recordou que a Deputación busca “favorecer a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres, utilizando para elo todas as ferramentas ao noso alcance”. Unha vontade que quedou recollida no pacto de Goberno, e que se aplica nas políticas de igualdade de maneira transversal na xestión da institución provincial. “Ademais, por decisión do Presidente da Deputación, este mandato é o primeiro no que esta institución conta cunha área específica de Muller e Igualdade”, engadiu a Deputada.

O Concello autoriza a Xestur á segregación de terreos nas Gándaras para facilitar a finalización da Fase I do polígono

A Xunta de Goberno do Concello de Lugo autorizou hoxe a concesión á Xestur dunha licenza de parcelamento no Polígono das Gándaras.

A solicitude, presentada o 8 de outubro, foi resolta pola administración local en tan só 9 semanas “coa maior das dilixencias” para posibilitar a finalización da Fase I deste parque empresarial. A actuación implica o segregamento da parcela denominada K1.2 de 8.267 m², que dará como resultado dous predios de 4.378 m² (K1.2) e 3.889 m² (K.1.2.2) que terán, respectivamente, unha edificabilidade de 6.567 m² e 5.833’50 m². O primeiro estará localizado fronte ao vial B e o segundo fronte ao vial F, esquina vial B.

A alcaldesa de Lugo emprazou, nunha nova ocasión, á Xunta de Galicia a ser áxil na urbanización do solo industrial deste Polígono así como na posta a disposición de todos estes terreos a aquelas iniciativas empresariais que poidan amosar interese por implantarse aquí.

“Trátase de que Lugo non perda oportunidades económicas nun momento, ademais, no que desde o Concello estamos a impulsar a captación de investimentos co fin de que se asenten negocios na cidade e se poida crear emprego”, afirmou a rexedora.

A rexedora lembrou que para acadar ese obxectivo o Goberno local traballa en diferentes ámbitos, tanto a través da Estratexia Lugo Transforma, que mobiliza 12 millóns de euros na constitución dun fondo público emprendedor para atraer empresas que xeren un alto impacto social e medioambiental, como mediante outras iniciativas, da man do tecido económico e produtivo da cidade, “polo que esa dilixencia resulta tan necesaria como o mantemento dunha comunicación continúa e constante entrámbalas dúas administración que reverta nun incremento da nosa capacidade conxunta para abordar os retos desta etapa post-covid e que pasan pola recuperación e dinamización económica do municipio e o fortalecemento da sociedade a través da xeración de postos de traballo”, concluíu.

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local, autorizou tamén esta semana a readaptación dun edificio en San Pedro, destinado a 6 apartamentos e 3 vivendas, todas de uso turístico(150.644 €), así como a construción dunha instalación de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos, en réxime desatendido, con dous dispensadores para gasóleo e outros dous para gasolina 95, na Avenida Infanta Elena (110.224’60 €).

A primeira das peticións resolveuse no prazo de 4 meses, logo de presentarse o 30 de xullo, e a segunda en pouco máis de medio ano, tras rexistrarse a principios do mes de maio.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com