Novas

A Xunta sinala de novo que a solución en Alcoa debe pasar por fixar un prezo eléctrico competitivo

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, sinalou hoxe, tras a súa participación na mesa industrial de Alcoa, que a solución definitiva en Alcoa debe pasar primeiro por fixar un prezo eléctrico competitivo “que realmente viabilice e garanta a produción de aluminio primario” en San Cibrao.

No encontro, no que Alcoa expuxo as liñas xerais da súa proposta, a directora xeral apelou ao Goberno central a buscar solucións e poñer todos os mecanismos e todos os instrumentos enriba da mesa para garantir o marco enerxético necesario. Paula Uría insistiu en que no proceso de negociación se precisan “certezas e garantías”, tamén  por parte da empresa, para unha continuidade do emprego na Mariña, non só dos traballadores da propia planta senón dos das industrias auxiliares.

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais insistiu en que a Xunta de Galicia está sempre ao carón dos traballadores, con todas as ferramentas ao seu dispor. “A produción de aluminio primario na Mariña de Lugo podería ter unha continuidade”, sinalou a representante da Xunta no encontro, “con esas garantías e esa busca de solucións por parte do Goberno central” para un prezo eléctrico competitivo.

DAR CREDITO SEMPRE: Imaxe: Dominique Hommel (Creative Commons) https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Adri%C3%A1n_V%C3%A1zquez_Eurodiputado_Cs.jpg

Cs Lugo pedirá a comparecencia do Ministro Planas para que explique por que a Lei da Cadea Alimentaria “non cumpre o seu obxectivo”

Cs Lugo pedirá a comparecencia do Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para que explique por que a Lei da Cadea Alimentaria “non está a cumprir o seu obxectivo”.

Así o confirmou o europarlamentario de Cs, Adrián Vázquez, tras os encontros mantidos hoxe con representantes do sector primario na provincia de Lugo.

“É insostible o prezo do leite cos custos de produción que están a soportar os nosos gandeiros. Ao longo dos encontros de hoxe, tanto Agromuralla, como Agaca e Aira confirmáronnos que a entrada en vigor da Lei da Cadea, de momento, non logrou o seu labor e continúan vendendo os seus produtos lácteos por baixo do prezo de produción”, denunciou.

Por iso, desde a formación laranxa comprométense “a levar a cabo tres iniciativas: imos levar as súas preocupacións ao Parlamento Europeo. De feito xa estamos a estudar como se pode motivar que se aplique con eficacia a directiva europea para combater o comercio inxusto e os prezos desleais no sector primario no noso país. Por outra banda, pediremos a comparecencia, tanto do ministro Planas como da axencia Aica, para que ambos expliquen que está a pasar con esta lei e que pasa coas investigacións que se terían que levar a cabo en todos os tramos desta cadea alimentaria para dirimir onde falla. Por último, pediremos ao Goberno de España que aclare se se van a producir sancións en caso de incumprimento desta lei como así se regula na normativa ou se pola contra van continuar mirando cara a outro lado mentres o noso sector primario afúndese”, sinalou Vázquez.

Pola súa banda, Olga Louzao, secretaria autonómica de Organización da formación laranxa e portavoz municipal no Concello de Lugo agradeceu a visita de Vázquez, relatou a dura situación á que se enfrontan os gandeiros na provincia e esixiu un maior compromiso por parte das Administracións.

“Nos últimos meses, desde a crise sociosanitaria orixinada pola pandemia, pecharon case 400 explotacións. O sector primario é un piar fundamental na economía de Lugo. Debemos pelexar por lograr evitar que as nosas empresas, exemplo de produción de calidade para toda Europa, continúen pechando. Pola contra enfrontarémonos a un panorama desolador, posto que a crise do sector primario arrastrará ao resto do noso economía. Pedimos que as Administracións públicas, tanto Xunta, como Deputación e Concellos, involúcrense máis nesta loita que é un clamor social na rúa. As institucións non poden permanecer á marxe desta realidade”, concluíu.


Imaxe: Dominique Hommel (Creative Commons)

 

“A veciñanza disfrutará en breve dunha nova praza do Sagrado Corazón”

O Tenente Acalde e o edil de Infraestruturas Urbanas do Concello de Lugo visitaron a obra de humanización da praza do Sagrado Corazón. “Desde a área de Mobilidade e Infraestruturas poñemos en marcha esta obra  de humanización para dar continuidade ao traballo realizado tras a instalación do novo ascensor” detallou o Tenente Alcalde que se reuniu con responsables da obra durante a súa visita.

Esta obra está a ser executada pola área de Mobilidade e Infraestruturas urbanas para garantir as boas condicións dos servizos públicos e mellorar a calidade de vida e o benestar da veciñanza da contorna. O titular de Infraestruturas Urbanas explicou os detalles, “mellorarase o firme da praza e a súa iluminación, o que converterá este lugar nun espazo máis  aberto e amábel coas persoas” subliñou o concelleiro “e comunicará a praza co ascensor recentemente inaugurado”

O proceso conta cun orzamento municipal de 86.020 €, nun prazo de execución de 3 meses. Para a área de Infraestruturas Urbanas, os barrios teñen que ter as atencións necesarias. Alexandre Penas indicou que “podemos facer moitas actuacións sen grandes gastos que melloren a calidade de vida das persoas”. Coa renovación do alumeado público avanzarase na implantación de luminarias LED, que contan con consumos inferiores ás luminarias instaladas actualmente, e terán unha tonalidade máis agradable que a actual.

 

Meira acolle un novo acto de rememoración aos 124 anos desde o nacemento de Avelino Díaz

Dentro da programación arredor dos 124 anos do nacemento de Avelino Díaz, celebrarase no Centro Sociocultural de Meira un acto que contará coa conferencia de Inés Mosquera Calvo, estudosa da obra de Avelino, titulada A faceta tradutora de Avelino Díaz, e coa actuación de Tango en xaneiro, un dos primeiros grupos que musicou letras do Poeta de Meira.

O evento, que será presentado por Silvia Basanta Camiño, educadora da Institución Libre de Enseñanza, terá lugar o sábado, 18 de decembro, a partir das 17.00 h.

Comeza o prazo de inscrición das Aulas Abertas da Programación de Nadal

O Concello de Lugo, a través da área de Benestar Social, abre o prazo de inscrición das Aulas Abertas, “programación que permitirá que as familias poidan compatibilizar as súas obrigas laborais cos períodos non lectivos, e da que se beneficiarán, un total de 120 rapaces e rapazas de Lugo este Nadal” explicaba a edil titular de Benestar.

As familias interesadas en acollerse á programación de Nadal das Aulas Abertas, poderán presentar a súa solicitude a partir de hoxe, ben de xeito presencial – entre as 09:00 e as 13:00 horas no centros de convivencia Uxío Novoneyra e Lamas de Prado, ben a través do enderezo electrónico aulasabertas@lugo.gal para o que poden xa descargar as instancias correspondentes, na páxina web do Concello de Lugo: www.concellodelugo.gal, dentro do apartado Animación Sociocultural (http://concellodelugo.gal/gl/actuacions/programa-gl-animacion-sociocultural).

As prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de inscrición e o listado de persoas admitidas publicarase o día 17 de decembro. A matrícula deberá formalizarse entre os días 20 e 21 de decembro, cubrindo o formulario modelo 603 de pago de taxas (http://www.lugo.es/Modalidad3/Autoliquidacion?modelo=603) efectuando o abono da mesma e entregando o xustificante no centro de convivencia correspondente.

O PP considera que a alcaldesa “da largas” para non entrar no auditorio de Magoi e “ocultar novos desperfectos”

O Grupo Popular afirma que o goberno local “segue dándonos largas para impedir que entremos no novo auditorio de Magoi”. O voceiro popular lembra que estamos a punto de cumprir un ano e medio dende que a alcaldesa recibiu as chaves do edificio e que “lonxe de ver avances que fagan pensar na súa apertura semella que están deixando que se deteriore pola falta de uso e de mantemento”.

Os populares lembran que das dúas peticións que fixeron para acceder ao interior do Auditorio de Magoi (setembro e novembro) tan só nos responderon á última cun escrito no que alegaban que “os funcionarios encargados de tales tarefas teñen a súa axenda comprometida e que unha vez se solventaran ditas cuestións organizativas se nos indicaría o día e hora para facer a visita a esta instalación”.

Ramón Carballo reflexiona “é unha escusa inverosímil” engadindo que “pasaron xa 22 días dende que nos enviaron esta resposta e de momento non nos deron autorización para entrar nesta instalación”. “Todo apunta a que queren gañar tempo para tapar a súa falta de xestión y de interese por abrir esta infraestructura”, engadiu.

O Partido Popular comparte cos veciños do barrio de Magoi a súa preocupación polo estado do novo auditorio e volve preguntar ao goberno local “se deron parte á compañía de seguros desta rotura que o Grupo Popular denunciou o pasado 29 de setembro”. “De momento a resposta oficial dada en comisión é que a rotura debeuse a un fallo estructural por un cambio de presión” pero independentemente dos motivos “non é de recibo que logo de tres meses estea sen cambiar este panel de cristal”.

Socialistas de Abadín piden o arranxo da estrada autonómica que atravesa o Concello

O Voceiro Socialista de Abadín, Pablo Díaz avanzou hoxe que defenderá unha moción no vindeiro pleno, para demandar ao Concello que inste ao Goberno de Feijóo a mellorar e reparar a estrada autonómica LU-133 que atravesa o Concello ata Moncelos.

“Este vial é moi utilizado tanto polos transportistas que transcorren polo noso Concello, e tamén pola veciñanza da contorna. Polo tanto demandamos ao Goberno de Feijóo que inclúa a reparación desta estrada nas súas prioridades. É necesario a reparación do pavimento deteriorado así como a substitución da sinalización horizontal e vertical e o pintado da mesma.”

Pablo Díaz explicou que “presentamos esta proposta tras escoitar ás demandas da veciñanza que se queixan do mal estado deste vial autonómico. Dende o PSdeG reclamamos a mellora da comunicación e a mobilidade dos veciños e veciñas de Abadín e de toda a Comarca que utiliza a LU-133, e polo tanto a súa seguridade vial e comodidade”,  remarcou.

Por último emprazou ao Alcalde e a todo o Equipo de Goberno de Abadín “ a dar unha voltiña polas parroquias e polas estradas que atravesan o Concello para comprobar o estado na que se atopan as mesmas, co fin de que se poñan a traballar para mellorar as nosas infraestruturas”, dixo Díaz.

Comeza a conta atrás, iniciada fai 30 anos, para quitar a pasarela peonil provisional de San Roque

Hai 30 anos o exalcalde lucense Notario Vacas instalaba, de xeito provisional, unha pasarela que, paralela á Ronda da Muralla, permitía aos peóns cruzar dende San Roque ata Monterio Ríos sen arriscarse a camiñar entre o tráfico.

Tan provisional foi a antedita pasarela que hoxe, trinta anos despois, e tras numerosos anuncios, a rexedora de Lugo anunciaba, por fin, o inicio das obras de urbanización desta esquina de San Roque coa Ronda da Muralla.

Un proxecto co que o Concello pretende non só poñer en valor un enclave no que conflúen dous Bens Mundiais, como son o Camiño Primitivo e a Muralla, senón tamén dignificar unha das principais entradas ao recinto histórico da cidade e que, logo de ser autorizado inicialmente o pasado mes maio, recibía en outubro o visto e prace definitivo da Xunta de Goberno, co informe favorable da Dirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, dando por concluído o procedemento burocrático.

Entre os detalles técnicos da actuación, a alcaldesa lembrou hoxe que os traballos “contemplan tarefas de demolición e reposición de pavimentos na calzada, apertura de gabias para redes de servizos, derruba de muros e de dúas  edificacións en San Roque (números 5 e 7), así como a construción da infraestrutura para a nova beirarrúa. Obras que afectan ao subsolo nunha zona de ámbito PEPRI polo cal será a obrigatoria a realización das escavacións arqueolóxicas o que esixe, á súa vez, un proxecto de control permanente sobre as mesmas”, sinalou a rexedora

Os labores, que comezaron hoxe, están cuantificados en 123.757 euros e terán un prazo de execución de 6 meses. Completaranse, alén, coas medidas necesarias para o establecemento da prioridade peonil do devandito Carril das Flores, incorporando elementos de sinalización e regulación viaria e, en canto ao deseño do firme,  procurarase a continuidade do trazado do Camiño sobre a rúa de San Roque e a Rolda da Muralla, sen perder de vista a futura perspectiva dunha recuperación total dos usos peonís en todo o ámbito, dentro dos futuros plans de mobilidade e circulación que poida deseñar o Concello.

Así, a actuación prevista implicará a erradicación daqueles espazos que, pola súa configuración actual, resultan insalubres ou entrañan situacións de risco para a veciñanza como pode ser a pasarela de acceso aos establecementos comerciais. Isto reverterá, igualmente, noutros aspectos da seguridade cidadá, de forma especial en horario nocturno, porque a reforma pretende minimizar as consecuencias para a poboación por cuestións de xénero.

Costas financiará sendas peonís en Foz e no Vicedo

A Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, avanzou hoxe dous importantes proxectos nos que traballa o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que se van executar nos concellos de Foz e O Vicedo.

Isabel Rodríguez destacou que o Goberno reforza o seu apoio á comarca da Mariña e concretamente ao aproveitamento dos seus recursos naturais e paisaxísticos con dous proxectos que ten en marcha a Dirección Xeral de Sostenibilidade da Costa e do Mar que supoñen un investimento de 1,4 millóns de euros.

A subdelegada informou de que o Servizo Provincial de Costas vén de sacar a información pública dous proxectos que teñen por obxecto favorecer o disfrute de novas franxas da costa mariñán.

A subdelegada do Goberno explicou que, no concello de Foz, o Ministerio acaba de sacar a información pública a adaptación do proxecto de obtención de espazos para uso público e execución de sendeiro peonil entre as praias de Peizás e A Pampillosa. Trátase da creación de un sendeiro peonil entre as dúas praias nuns terreos que xa foran expropiados con este fin.

Para esta actuación prevese un investimento de un millón de euros. O proxecto consiste na creación dun sendeiro con unha lonxitude de 1.600 metros e permitirá o peche definitivo do paseo xa existente pola costa, entre a praia dos Fondás, na ría de Foz, e o interior da ría do Ouro.

No caso do concello do Vicedo, a Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e o Mar sacou a información pública o proxecto que ten previsto executar para a recuperación da servidume de tránsito entre Os Castelos e a praia de Fomento e a execución dun sendeiro litoral. Ademais da creación do sendeiro peonil esta actuación inclúe a recuperación da antiga fábrica de salazón existente no contorno.

Este proxecto ten un orzamento aproximado de 400.000 euros e a actuación, que permitirá rematar a conexión peonil pola costra entre a praia de Fomento e Arealonga, será de uns 400 metros.

O Boletín Oficial do Estado publica hoxe os dous anuncios do Servizo Provincial de Costas.

O Concello impulsa a reciclaxe de vidro na hostalería

O Concello de Lugo pon en marcha este mes de decembro unha campaña para impulsar a reciclaxe de envases de vidro no sector hostaleiro do municipio. Así o anunciou hoxe a Alcaldesa quen presentou a iniciativa acompañada do concelleiro de Medio Ambiente e de Germán Fernández, xerente de Ecovidrio, entidade sen ánimo de lucro que colabora nesta iniciativa e que é a encargada da xestión da reciclaxe destes residuos en España.

A rexedora sostivo que “un dos grandes retos que temos como cidade é incentivar una sociedade máis sostible, e unha folla de ruta clara, e nesta clave está incluída a campaña xa que o sector que xera máis do 52% do vidro é o hostaleiro”.

A rexedora avanzou que esta campaña, nunha primeira fase, “comezará hoxe mesmo coa realización de enquisas e entrevistas a todos os establecementos de hostalería para coñecer de primeira man cales son as súas necesidades e poder adecuar os recursos existentes”. Ademais, ofrecerase información detallada aos locais de como reciclar correctamente e das vantaxes sociais, económicas e ambientais que ten a reciclaxe de envases de vidro, algo que a rexedora lle trasladou xa aos representantes do sector.

Nunha segunda fase, e para facilitar a reciclaxe de vidro no canal Horeca (Hostalería, Restauración e Catering), actuarase sobre a contenerización existente e estudiarase a instalación de iglús especiais dotados cunha boca máis ancha para un baleirado máis rápido e mesmo, algúns deles incluirán un sistema de elevación hidráulico que permiten a reciclaxe de grandes cantidades de vidro como as xeradas polos hostaleiros. Tamén se entregarán cubos adaptados con rodas para facilitar o transporte dos residuos de vidro aos colectores.

Para levar adiante esta iniciativa, porase en marcha un traballo de campo con visitas persoais aos hostaleiros para reforzar o coñecemento da lexislación en vigor para o sector dos grandes xeradores en materia de reciclaxe de envases de vidro.

Unha árbore de Nadal de miniglús

Así mesmo, a alcaldesa e o xerente de Ecovidrio anunciaron una segunda campaña dirixida a toda a cidadanía lucense, onde o nivel de reciclaxe está nos 11,3 kg/hab/ano, unha cifra lixeramente por debaixo da media provincial e galega.

Segundo avanzou Germán Fernández, a través desta nova campaña porase en marcha unha acción de sensibilización para concienciar sobre a importancia da reciclaxe de vidro durante as celebracións de Nadal, nas que se xera até o 20% de todos os residuos de envases do ano.

Para iso, Ecovidrio instalará diante da Praza de Abastos unha árbore do Nadal de 4 metros de altura formado por 75 miniglús que se inaugurará o vindeiro martes día 21 de decembro. Eses miniglús repartiranse entre a veciñanza, así como sementes de petunia, entre as 11.00 horas e as 19.00 horas.

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com