Novas

A Audiencia condena a catro anos de cárcere a un acusado de vender cocaína en Lugo

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a catro anos de cárcere e ao pago dunha multa de 3.000 euros a un home que se dedicaba á venda de pequenas cantidades de cocaína a través do negocio que rexentaba a súa nai, situado en Lugo. O tribunal considera acreditado que os clientes adoitaban contactar co acusado no establecemento para solicitar a substancia.

O Tribunal considera probado que o acusado víñase dedicando á venta ao menudeo de cocaína a través do negocio que rexentaba a súa nai na capital. Precisamente aí, nese local, era onde solían contactar co acusado “para interesar a substancia”.

Segundo explica a sentenza, un segundo home púxose en contacto co acusado diante do establecemento en Maio de 2017, pedindo cocaína, dirixíndose así a unhas galerías, acudindo instantes máis tarde o acusado e abandonando case de inmediato o lugar, “procedendo axentes da policía nacional a seguir a ese home que entrega a un menor a papelina que adquirira do acusado que foi interceptada polos axentes e resultou conter 0,411 gr. de cocaína cunha pureza do 55,71%, e un valor no mercado ilícito de 57,012 €”.

Como consecuencia desta investigación que se encadra noutra de máis amplo alcance, autorizouse polo Xulgado de Instrución número 1 de Lugo a entrada e rexistro no domicilio que constaba alugado pola nai do acusado e na que vivía a súa irmá, “vivenda respecto da cal este tiña as chaves na súa poder ao tempo da súa detención, atopándose nunha habitación do inmoble, que non era o cuarto ocupado pola irmá do acusado, un envoltorio de plástico de cor branca contendo 28,75 gr de cocaína cunha pureza do 22,71%, e un valor no mercado ilícito de 1.625,735 € e útiles destinados á habilitación da droga para o tráfico, tales como filme transparente, unha báscula de cor azul con restos de cocaína, arame envolto en plástico de cor verde, recortes de plástico para albergar as doses e unha culleriña con restos de cocaína”.

Ao tempo de ser detido o acusado portaba 1.480,50 € procedentes do ilícito tráfico de drogas e un teléfono móbil
marca LG.

O alcalde de Ribeira de Piquín, positivo en Covid19

A Deputación de Lugo vén de informar de que na mañá de hoxe tivo coñecemento de que o Deputado de Recursos Sostibles e Alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico, deu positivo en Covid-19 tras realizar unha proba PCR.

Segundo indica o Goberno Provincial, o Deputado, que recibiu no seu momento as dúas doses da vacina, encóntrase ben e con síntomas moi leves, e seguirá traballando a distancia durante os días de confinamento que lle indiquen as autoridades sanitarias.

Precisamente, a pasada semana coñecíase tamén o positivo da vicepresidenta do Executivo Provincial e titular da área cultural en Deputación e Concello de Lugo.

‘A historia da miña muller’ chega a Codex Cinema

A memorable historia de época de Ildikó Enyedi estréase este venres ofrecendo un manifesto feminista a partir da famosa novela de Milan Fust. Despois de gañar o Oso de Ouro no festival de Berlín de 2017 con En corpo e alma, a cineasta húngara Ildikó Enyedi embárcase nun proxecto moito máis ambicioso: a adaptación cinematográfica de A historia da miña muller, un dos grandes clásicos da literatura húngara. Un drama de infidelidades sobre un home que un día fai unha aposta cun amigo: casará coa primeira muller que cruce pola porta do bar no que se atopan. Alí comeza unha primorosa historia sobre o desexo e a sexualidade, sobre a necesidade de amar e ser amado.

O autor Milan Fust escribiu esta novela durante a Segunda Guerra Mundial, nun momento de gran drama en todo o continente. Cun estilo moi influenciado polo modernismo literario, de Proust a Kafka, Fust apelaba ao sentimento amoroso como o motor que move á humanidade. Enyedi rescata esta historia para o cinema, cun estilo suntuoso e unha reconstrución histórica formidable.

A película conta ademais co protagonista de dous dos actores máis desexados da última década: a modelo e actriz francesa Léa Seydoux (A vida de Adele, O gran hotel Budapest) e o tamén galo Louis Garrel (Soñadores, O oficial e o espía), nunha gran produción europea que, a pesar de todo, non deixa de ser un drama intimista sobre as relacións de parella e a liberdade feminina. Un filme extraordinario que causou moita polémica no festival de Cannes deste ano, entre grandes defensas e furibundos ataques.

Tampouco deixa indiferente a ninguén o norteamericano Abel Ferrara. Radicado desde hai máis dunha década en Roma, tras abandonar EEUU ante a falta de oportunidades, o director de Tenente corrupto leva anos entregándose a un cinema persoal e único. Proba disto é a súa última obra, Zeros and Ones, un drama apocalíptico sobre unha conspiración mundial. Terroristas, hackers, bandas paramilitares e revolucionarios aparecen nunha película que trata tamén sobre como internet e as novas tecnoloxías mudaron para sempre as relacións humanas. Un filme construído como un enorme pesadelo cibernético onde a cidade de Roma é atacada por diversos atentados terroristas mentres un home (Ethan Hawke) busca ao seu irmán, un soñador revolucionario que vai na busca dun paraíso imposible.

Os grandes éxitos do ano volven ás pantallas
A semana pasada os Codex estrearon Valentina, o filme de animación de Chelo Loureiro, que encheu as salas galegas a fin de semana. Codex Cinema abarrotouse de nenos para ver esta historia inclusiva sobre unha nena con síndrome de Down que soña con ser trapecista. Os cines foron un dos poucos en toda Galicia que apostaron por proxectar a versión orixinal en galego en lugar da dobraxe en castelán e o público reaccionou masivamente amosando que a xente quere cinema en galego, tamén os máis pequenos. Valentina continuará esta semana nas billeteiras de Codex para os que queiran apoiar o cinema feito na nosa terra.

Por último, aproveitando a tempada de premios, rescatan Maixabel de Icíar Bollain, na que o lucense Luis Tosar interpreta a un antigo membro de ETA que acepta reunirse cunha das súas vítimas. A película foi masivamente avalada pola crítica e o público na súa estrea en setembro e agora volve as pantallas tras gañar dous galardóns na recente edición dos Premios Forqué, un para Blanca Portillo á mellor actriz e o Premio ao cine en educación e valores.

Tanto Valentina como Maixabel son dúas películas sobre educación e valores que pensamos que son adecuadas para a formación das novas xeracións. Cine para nenos no primeiro caso e para adolescentes no segundo, perfecto para grandes grupos e para pais e nais que busquen algo máis que o ocio superficial do cinema de Hollywood.

O Vello Cárcere acollerá a presentación da antoloxía poética galega máis nova e actual

O Vello Cárcere será o escenario pero, sen ningunha dúbida, os protagonistas son mozos que non chegan aos 22 anos. 21 poetas do século XXI é o nome da antoloxía máis nova e actual da poesía galega contemporánea. Un libro no que se reunen 21 poetas que naceron no século XXI; é dicir, 21 mozos galegos que este ano cumpriron como máximo 21 anos. Entre eles, o vilalbés Lois Gayoso ou a guitirica Clara Blanco.
A presentación desta obra conxunta será o sábado 18 de decembro ás 12:00 no Salón de actos do Vello Cárcere.  Coa presentación do coordinador da antoloxía, Carlos da Aira e Antón de Guizán, da NPG Nova Poesía Guitirica.
Asemade, a presentación do libro irá acompañada da intervención e o recital deste poetas entre eles, Clara Blanco, Fabián Niño, Lois Gayoso, Lorena Fernández Iglesias, Mariña Maceiras, Paula Varela, Rosalía Bernárdez Riopedre e Silvia García Fernández.
A obra
21 poetas do século XXI é unha escolma da poesía máis ca novísima que se está a escribir en lingua galega hoxe, un libro que culmina case un ano de traballo de Carlos Da Aira de busca e posterior diálogo coas 21 voces que amosan finalmente neste traballo unha boa mostra da potencia e a calidade do presente e o futuro do xénero máis senlleiro da literatura galega.

Cortes de tráfico durante seis días dende mañá nas obras da autovía Nadela- Sarria

O avance das obras para a conversión en autovía da vía de altas prestacións Nadela-Sarria, no treito entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro, farán necesario cortes de tráfico diúrnos durante seis días, desde o luns día 13 de decembro.

Os traballos centraranse nestes días na preparación da sección da plataforma sobre a que se asentará a base do firme da segunda calzada da nova autovía que está a executar a Xunta, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 13+500 e 24.

Así, para seguir avanzando na execución das obras proponse ampliar a duración dos cortes actuais en distintos treitos da VAP durante os días 13, 14, 15, 16, 20 e 21 de decembro, interrompendo o tráfico entre as 10:00 e as 18:00 horas. Unha vez rematadas as voaduras para obtención de materiais para terrapléns, comeza agora esta nova fase da obra, cuxo obxecto é preparar a sección da plataforma sobre a que se asentará o cimento do firme da segunda calzada da nova autovía. Os labores necesarios para situar a sección de plataforma transcorre en varios tramos por zonas de roca nas que non é posible a escavación con medios mecánicos, o que fai necesario a execución de microvoaduras neses puntos.

Os cortes puntuais programados teñen como obxectivo garantir a seguridade durante a execución dos traballos e non afectarán ás condicións normais de servizo da vía de altas prestacións durante as horas punta da mañá e do serán. Os cortes permitirán, ademais, reducir nun mes o prazo de execución destes traballos e, consecuentemente, os cortes de tráfico actuais.

Estas intervencións enmárcanse nas obras da primeira fase de conversión en autovía da vía de altas prestación Nadela-Sarria, nas que a Xunta inviste preto de 25 millóns de euros. Trátase da execución da primeira autovía autonómica da provincia, libre de peaxe, que comeza polo tramo sinalado como prioritario polos técnicos, aproximadamente 11 quilómetros entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro.

As obras da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que comezaron en novembro do 2020 e teñen un prazo de execución de 24 meses, céntranse na construción dunha nova calzada paralela á existente, pola marxe esquerda sentido A Pobra de San Xiao, pasando dunha calzada con dous carrís actuais a dúas calzadas con dous carrís por sentido.

A intervención inclúe tamén a adaptación dos enlaces e dos pasos inferiores existentes, así como a reposición dos camiños de servizo afectados. Ademais, o treito de autovía entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro contará con valla reforzada en ambos os lados para reducir a accidentalidade causada polo xabaril. Colocarase esa valla pola marxe esquerda, por onde irá a nova calzada, e substituirase a xa existente no
lado que non se desdobra.

A nova autovía permitirá realizar o percorrido de xeito máis rápido, máis seguro e con maior comodidade, cunha velocidade máxima de 120 Km/ h.

Comeza mañá a instalación da iluminación da pasarela peonil sobre a N-VI

O Concello de Lugo vén de informar de que, no día de mañá, comezará a instalarse a iluminación exterior decorativa da pasarela peonil sobre a N-VI, logo de que a funcional xa fora colocada en días pasados, e como paso previo á entrada en funcionamento da nova dotación.

Os traballos, que comezarán o día 13 e se estenderán – segundo a previsión – até o venres, obrigarán a cortar, por quendas, os carrís tanto en dirección A Coruña como en sentido Madrid e o tráfico desviarase polos dous ramais – cara o centro comercial Carrefour e ata a rotonda onde se atopa a gasolineira de Galp (Avda. dos Deportes) – en horario laboral diurno, entre as 08:30 e as 20:00 horas, aínda que estes cortes non serán continuados e a circulación se restablecerá en canto rematen os labores.

Igual que en anteriores ocasións, o Concello, que xa deu conta do aviso á Policía Local e á DXT, indicará as obras coa sinalización oportuna.

Esta nova dotación, que se enmarca na estratexia Dusi Muramiñae e está financiada ao 80% cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), ten como obxectivo mellorar a conexión da cidade coa contorna fluvial.

Coa súa creación o goberno de Lara Méndez pretende habilitar un novo itinerario para peóns e bicicletas, favorecendo a continuidade do casco urbano co río Miño, diminuíndo a dependencia do uso do vehículo e incrementando a seguridade e a comodidade das e dos viandantes ao tempo que se atende unha vella demanda da cidadanía lucense.

Cuberta a pista de pádel de Begonte

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado territorial en Lugo, Javier Arias, comprobaron onte o resultado dos traballos de instalación da cuberta da pista de pádel de Begonte, da man do alcalde do municipio, José Ulla. A obra contou cun orzamento de preto de 50.000 euros (48.393,97 euros), co 58% sufragado pola Xunta (28.000 euros) e o restante 42% achegado polo goberno local (20.393,97 euros).

Cómpre salientar que xa en 2020 levouse a cabo a pista de pádel, renovada agora coa cuberta que vén de ser instalada. Daquela, o convenio entre Xunta e Concello contou cun orzamento de 25.000 euros, sendo o 80% achegado polo Goberno galego (20.000 euros) e o 20% polo municipio lucense (5.0000 euros). A pista de pádel foi unha das dotacións máis demandadas en Begonte; trátase dunha pista regulamentaria, construída ao aire libre, e dispón de iluminación LED para prolongar as horas de uso. Agora, grazas a súa cuberta, poderá ser utilzada mesmo nos días de chuvia.

Segundo explicou o secretario xeral, o Goberno autonómico apoia a creación e mellora de infraestruturas deportivas para “satisfacer o crecente interese social existente, especialmente en determinadas modalidades”. Ao respecto, destacou que o pádel é un deporte en auxe e que a oferta de instalacións “debe ser coherente coas demandas de cada territorio, coa fin de que cada vez máis persoas realicen actividade física, que é un dos obxectivos primordiais da Xunta de Galicia, acadar u nha sociedade activa e saudable”.

“A instalación desta cuberta, nun territorio como o galego no que estamos acostumados ás inclemencias meteorolóxicas, supón que os nosos veciños poidan realizar a práctica deportiva nas mellores condicións”, apuntou.

En total, dos 32.474.216 euros cos que conta a Secretaría Xeral para o Deporte en 2021 (un 28,5% máis que en 2020), 9,15 millóns foron destinados a obras de creación e reforma de infraestrutura deportiva, un 118% máis que en 2020 cando se destinou ao mesmo obxecto 4,2 millóns de euros.

O persoal de limpeza da fábrica de San Cibrao cumpre 11 días en folga indefinida para esixir un acordo digno

As traballadoras e os traballadores de Jofrasa (auxiliar que realiza a limpeza industrial en Alcoa San Cibrao) cumpren o décimo primeiro día en folga indefinida para esixir un acordo de empresa que regule as condicións laborais e contemple melloras retributivas e sociais acordes coa tarefas que desenvolven. A folga ten un seguimento de máis do 90% do persoal, xa que na principal só están entrando a traballar as persoas asignadas aos servizos mínimos.

Malia esta rotunda resposta do persoal, Jofrasa mantén unha postura inmobilista e non trasladou aínda unha nova proposta que permita avanzar nun acordo e rematar co conflito. Ao contrario, explica o responsábel da CIG-Servizos da Mariña, Xoán Díaz, a dirección convocou a representación social a unha xuntanza para o pasado martes “na que agardabamos que nos trouxera algunha oferta, mais o único que quería era retomar a negociación dos servizos mínimos”.

Sobre esta cuestión, lembra que a xurisprudencia é clara a respecto de que a limpeza nunha industria privada non pode ser considerada un servizo esencial e polo tanto “non cabe establecer servizos mínimos”. “Na reunión, reafirmámonos en que só aceptaremos manter a actividade no servizo médico, dadas as circunstancias sanitarias nas que nos atopamos”, sinala Díaz. Pola súa banda, a empresa limitouse a responder que imporá uns servizos mínimos integrados por catro traballadoras/as entre as 6 e ás 14 horas.

A representación do persoal agarda agora a que Jofrasa entregue as designacións de servizos mínimos “para presentar a correspondente denuncia na Inspección de Traballo”. De igual xeito, Xoán Díaz adianta que tamén se poñerá en coñecemento da autoridade laboral as ampliacións de xornada que a empresa ordenou para as traballadoras e traballadores que prestan o servizo nas auxiliares de Alcoa (onde a folga ten un seguimento algo inferior) e que están acudindo a traballar. “Consideramos que esta medida é irregular e un intento da empresa de minimizar o impacto da folga”, denuncia.

Xunto a isto, o representante da CIG critica a chantaxe da dirección que na reunión do martes puxo como condición a desconvocatoria da folga para chegar a un acordo transitorio e seguir negociando durante 2022, á espera do que aconteza en Alcoa. “Xa lle dixemos que non ten sentido condicionar as condicións de traballo no servizo de limpeza ás decisións que tome a multinacional, porque, con máis ou menos persoal, Jofrasa vai seguir prestando o servizo no complexo de San Cibrao e as traballadoras/as teñen dereito a ter condicións económicas e sociais dignas”.

Cómpre lembrar que o persoal de Jofrasa está regulado polo convenio colectivo provincial de limpeza de edificios e locais, que non recolle as particularidades propias do servizo que se presta nas industrias. Pois ademais da limpeza de todas as instalacións de Alcoa, o persoal de Jofrasa tamén se encarga da limpeza de varios compoñentes do propio proceso produtivo e, froito dese tipo de traballos, téñense que establecer unha serie de reténs que son susceptíbeis de ser chamados en caso de necesidade da empresa principal. Este tipo de flexibilidade laboral non está recollida no convenio provincial da limpeza.

Logo de varios meses e varias reunións coa empresa, mesmo con pequenos avances en materia social, as negociacións están encalladas no económico. Un estancamento que non se entende cando a propia Jofrasa ten asumido acordos ou convenios de empresa cunhas condicións económicas moi superiores á que pon enriba da mesa para o persoal destinado en San Cibrao.

O Impulso Verde, mellor proxecto no certame convocado polo líder mundial da lousa

O Edificio Impulso Verde de Lugo foi elixido como o Mellor Proxecto do 2021 dos seleccionados no concurso internacional que lanzou a firma CUPA, líder mundial no sector da lousa natural, no que competía con catro proxectos de Reino Unido, Francia e Dinamarca.

A convocatoria lanzouse nas redes sociais internacionais da empresa co fin de que fose a propia cidadanía a que votase o mellor proxecto e o uso da lousa nos edificios. A construción lucense foi a que acadou a maioría de votos (2.524), cunha diferencia de case 600 sobre o segundo elixido, con 1.946, de Reino Unido.

A alcaldesa lucense, Lara Méndez, destacou o valor deste recoñecemento, “sobre todo porque o Impulso Verde competía con construcións moi potentes e interesantes, e porque o premio foi concedido pola cidadanía xa que se lanzou en redes sociais, o que amosa o enorme interese que está a espertar este inmoble e o que representa na comunidade internacional”.

O edificio lucense, impulsado polo Concello de Lugo e que incorpora os avances investigadores do Campus Terra (USC) e da Universidade Politécnica de Madrid, é o primeiro de carácter público da comunidade construído en madeira local e é xa un referente na loita contra o cambio climático, capaz de producir con enerxías alternativas o seu consumo. Ademais, o uso da madeira como elemento construtivo permitirá emitir un 90% menos de CO2 á atmosfera que os edificios de formigón e aceiro e absorberá 280 toneladas de emisións, o que significa que está axudando xa nunha alta porcentaxe a reducir o efecto invernadoiro.

Ademais de madeira local, o inmoble está revestido por lousa galega.

Desde un punto de vista espacial, o edificio conectará ao usuario coa natureza a través do emprego da madeira e da inserción de espazos axardinados, destinados ao descanso e a distensión xa que estará rodeado dun novo parque con pavimentos drenantes, especies autóctonas, xardíns de choiva e unha ampla zona de hortos urbanos innovadores e de usos comunitarios cunha funcionalidade terapéutica e didáctica en prol da convivencia interxeracional.

O Impulso Verde é o primeiro en España e un dos poucos no mundo que logra a prestixiosa certificación de proxecto FSC (Forest Stewardship  Council). Este visado garante que toda a madeira utilizada, igual en estruturas que en encofrados, procede de fontes xestionadas segundo estritos estándares de sustentabilidade tanto ambientais como sociais.

O edificio é a semente do primeiro barrio multiecolóxico que se levantará en España.

Xuventude propón para este Nadal sesións de escalada, monólogos, sendeirismo e dous grandes concertos musicais

Escalada, masterclass de nutrición, monólogos e mesmo viaxes á neve, son algunhas das propostas que o Goberno Local, a través da área de Xuventude, achega á mocidade lucense para dinamizar este Nadal.

O concelleiro de Xuventude, vén de presentar a programación que, durante as seguintes semanas encherá de actividade a cidade e de diversión as vacacións dos máis novos/as.

“Tanto nesta xornada como na do seguinte sábado, 18 de decembro, convidamos á rapazada a desfrutar con senllas camiñadas por Taramundi (Asturias) – na Ruta da Auga – e polos Ancares, en Belén de Cumio coa subida ao Pico 3 Bispos. Pero tamén temos previsto ofrecer o vindeiro martes, 14, unha Masterclass de nutrición para achegarlles recetas saudables para estas festas”, explicou o edil quen, así mesmo, anunciou unha próxima viaxe a Cabeza de Manzaneda, nun roteiro con raquetas de neve, “cando o tempo así o permita”.

O titular da área referiu alén, como principais novidades deste 2021, unha sesión de escalada no Rocódromo, prevista para o xoves 23, así como un espectáculo de monólogos que, baixo o nome Lugo coa Comedia chegará aos Códex Cinema o venres 17, ás 21:00 horas, da man de Oswaldo Digon, Lois Pérez e Malala Ricoy. As entradas poderán retirarse a través da páxina web https://www.reservaentradas.com

“Nestas datas tan sinaladas queremos que os mozos e mozas lucenses aproveiten o seu tempo de lecer con propostas alternativas que promovan a práctica do deporte e o coidado da saúde, que combinen un aspecto lúdico e didáctico e que propicien a socialización en espazos seguros, por iso, ofreceremos igualmente dous grandes concertos, un o día 22 cos Dj’s Xavibo e Marc Seguí, no Parking do Seminario, de 18:00 a 20:00 horas, (venda de pases en https://entradaslugo.es/) e o Ciclo Colusión que se celebrará o sábado 8 de xaneiro na Casa da Música, entre as 19:30 e as 22:30 horas, coas actuacións de CRNDS, Inma Veiga, Grima e Raquel Álvarez. Un evento co que poremos colofón á programación deste Nadal 2021 á que convidamos a asistir e participar a toda a cidadanía”, concluíu o responsable de Xuventude.

As persoas interesadas en apuntarse poden inscribirse na Casa da Xuventude en http://formulario.xuventudelugo.gal/ ou a través do teléfono 982.29.74.44.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com