Novas

PSOE e BNG aproban unha subida de impostos e taxas no Concello de Lugo

Esta maña tivo lugar un Pleno Extraordinario no Concello de Lugo onde se aprobaron unha subida de impostos e taxas, coa oposición do Partido Popular e a Plataforma Non á Subida de Impostos.

Un dos impostos que sube este vindeiro ano 2025 é o IBI cunha subida do 10% e que tal e como indicou a rexedora, Paula Alvarellos, “temos unha ponencia da valoración catastral do ano 1998, polo que levamos moitísimos anos que hai que corrixir porque chega un momento que é imposible manter os servizos públicos con impostos que están conxelados fai moitos anos, polo que como todos os Concellos necesitamos aumentar os ingresos”.

Resposta do Partido Popular

O Partido Popular pola súa banda criticou esta subida de impostos e a súa portavoz, Elena Candia, recordou que “no ano 2021 o Concello tiña máis de 35 millóns de euros de remanente e en 2023 só lle quedaban cinco”, e todo este gasto sinalou Candia “gastouse en proxectos como o carril bici, obras de peatonalización innecesarias ou o edificio “Impulso Verde” que está  sen uso”.

 

Convocada a XXXV edición do Certame de Arte de Begonte

O Centro cultural José Domínguez Guizán ven de convocar a XXXV edición deste Certame, dotada con 2.000 € e trofeo, que será adxudicado á obra pictórica que resulte seleccionada polo xurado cualificador.

Poderan participar pintores nados ou residentes en Galicia, cun máximo de dúas obras de tamaño de ata 1,5 X 1 m., que serán remitidas ao Centro cultural convocante, na sede do Belén: Quitimil, 2, 23.373, Begonte.

O prazo de presentación rematará ás 12,00 h. do 25 de decembro de 2024, e as obras seleccionadas serán expostas na Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo a partir do 27 de decembro e, con posterioridade na Casa da Cultura de Begonte.

17 artistas (11 homes e 6 mulleres) gañaron o primeiro premio do Certame de Arte do Belén de Begonte nos últimos 25 anos.
Manuel Carballeira, gañouno en catro ocasións (2008, 2016, 2020 e 2022). Catro lucenses acadárono en dúas ocasións:
Alfredo Seixas (2001 e 2006), Fernando Villalba (2014 e 2017), Iago Eireos (2007 e 2011) e José Manuel Peña Romay (2013 e 2023).
As seis pintoras que conseguiron o premio foron Montse Prieto (1999), Fabiola Mecías (2003), Sabela Arias (2005), Fernanda Fernández (2009), Noa Persán (2012) e Adolfina Mesa (2019).
Nunha ocasión foi gañado por: Fernando Yáñez González (2000), Hipólito Xeada (2004), Luis Valentín Fdez. Vila (2010), Eduardo Pérez Baamonde (2015), Miguel Ángel Carreira (2018) e Oscar Cabana Picado (2021). Luis Valentín Fernández Vila xa fora o gañador en 1990 da I edición do Certame “José Domínguez Guizán. En 2002, o premio quedou deserto.

Fotografía: cadro gañador da anterior edición, obra de  José Manuel Peña Romay.

ADEGA-Lugo organiza un roteiro polo conxunto arqueolóxico de Adai este domingo

A delegación de ADEGA en Lugo organiza unha nova andaina no marco do programa de roteiros “Auga: o quebracabezas da vida”. Nesta ocasión, ADEGA convida a visitar o conxunto arqueolóxico da zona de Adai en Lugo. O roteiro terá lugar o próximo domingo, 22 de decembro, con saída ás 10:00h de Penarrubia, en Lugo.

Neste roteiro descubriranse os tesouros arqueolóxicos da zona de Adai. Un ano máis, teñen o privilexio de contar con Pilar Prieto, membro do Grupo EcoPast, EducoPast – Universidade de Santiago, CISPAC; e con Brais Rodríguez, quen descubrirán este conxunto arqueolóxico tan importante para a Idade do Bronce na Galiza.

Neste percorrido coñeceran os traballos dos dous últimos anos no Corro dos Mouros ou Castrillón, visitaran o Altar de Adai e coñeceran algunhas das teorías sobre este xacemento. No camiño atoparanse  varios petróglifos moi singulares, algúns prehistóricos, e outros non, pero de moito interese igualmente. O percorrido é fácil duns 9Km.

As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 13h do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición. Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades, cun prezo de 6 euros.

 

Araceli

Na sociedade lucense ben se sabe que me frefiro a Araceli Herrero Figueroa, profesora e escritora que o Covid nos arrebatou hai catro anos e medio, que tiña en Lugo centos de admiradores e amigos pola súa formación, polo maxisterio; polo talento e polo talante.

Cando Antonio Giz e maís eu coordinamos o libro de homenaxe suscrito por setenta amigos, titulámolo “O sorriso de Lilí” por estimar que o seu sorrir era o máis significativo dos seus signos externos.

Para Xavier Alcalá era “muller de aceiro ao tugnsteno”; “luminosa”, para Víctor Freixanes; “perspicaz” para Ramón Villares; “xenerosa” para Marilar Aleixandre… Era “comprometida” para Inmaculada Cárdenas; “vital”, para Adolfo de Abel; “prudente” para Adela Figueroa e “rigorosa”, para Paco Martín.

Científicamente brillante, profesora cercana, atendendo sempre, acollendo sempre, foi a primeira profesora que impartiu clases en galego aos futuros mestres, sendo para Otero Urtaza “Referente da cultura galega”.

O sorriso de Araceli volverá brillar de novo este xoves, na Facultade de Formación do Profesorado onde ela foi exemplar, cando se lle poña o seu nome á Biblioteca do Centro. Que unha sala da Facultade onde Araceli ensinou leve o seu nome, é o xeito perfecto de lembrar a unha muller con querencia polas aulas, os libros, os alumnos e os amigos, que merece permanecer entre nós.

Nun Lugo de memorias fugaces é confortador que a memoria de Araceli quede plasmada no frontispicio dunha sala. O xoves, sentiremos que ella sorrí de novo, e con ela todos os que fomos os seus amigos.

O próximo domingo terá lugar a vixésimo primeira edición da carreira Lugo Monumental

A carreira Lugo Monumental chega a súa vixésimo primeira edición e terá lugar este domingo, día 22.  Esta nova edición contará cunha moi alta participación, ao xulgar polos máis de 1.200 participantes inscritos, dos que en torno a 955 disputarán a proba na categoría absoluta, para maiores de 16 anos. Son os que se enfrontarán a un circuíto de dez quilómetros polas rúas do centro da cidade, rúas próximas e con volta completa incluída polo adarve da muralla.

A Área de Deportes do Concello de Lugo organiza este evento, dentro da programación de Nadal, en colaboración con outros servizos municipais como Policía Local e Protección Civil e con varias empresas e entidades lucenses. 

A categoría pitufos correrá unha distancia de 200 metros; a sub10-sub12, disputará a carreira nun circuíto de 950 metros; as e os participantes da sub14-sub16 se enfrontarán a unha distancia de 1.200 metros, mentres que as e os deportistas da categoría absoluta, é dicir maiores de 16, se enfrontarán a un percorrido de 10 quilómetros polo centro histórico e polas rúas próximas. Todas as carreiras terán saída e chegada na contorna da praza Horta do Seminario e da avenida Ramón Ferreiro, a partir das 11.00 da mañá e en sucesivas quendas. Haberá servizo de duchas nas pistas de atletismo municipais Gregorio Pérez Rivera (As Pedreiras). Pódese atopar toda a información sobre esta proba na páxina web ccnorte.com.

Uns 300 estudantes asistiron á charla de Reyes Pla na delegación da Xunta dentro do ciclo ‘Luz ó deporte’

Uns 300 estudantes de ESO do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes e dos colexios Franciscanos e A Inmaculada de Lugo asistiron hoxe na sede da Xunta á charla de Enmanuel Reyes Pla.

O boxeador de orixe cubano e afincado dende hai anos na Coruña protagonizou unha conferencia dentro do ciclo Luz ó Deporte, organizado pola Fundación Breogán coa colaboración do Goberno galego. O delegado territorial, Javier Arias, agradeceulle a súa participación nesta actividade.

Na súa charla, titulada A golpe de esforzo, Reyes Pla, medallista olímpico e figura recoñecida a nivel internacional, compartiu cos mozos e mozas lucenses as súas experiencias no deporte e na vida. Os organizadores destacaron que a súa traxectoria marcada pola perseveranza, a superación persoal e o compromiso cos seus soños é unha fonte de motivación para os rapaces e rapazas.

A conferencia de hoxe pecha a terceira edición desta iniciativa que busca achegar ás novas xeracións a deportistas de primeiro nivel que lles poidan transmitir valores e actitudes que teñan un impacto positivo na súa educación. Este ano tamén participaron as xogadoras do Club de Voleibol Arenal Emevé Jessica e Lucy Akamere; o capitán do Lugo Sala, Miguel Muñoz; e o psicólogo deportivo Joaquín Dosil.

Concerto de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre na sala Tebras este domingo 22 de decembro

O vindeiro domingo 22 de decembro ás 19:30h Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre ofrecen un concerto na sala Tebras de Lugo.

Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre despiden o ano 2024 cunha serie de concertos únicos cos que celebran o éxito do seu disco “Axúdame a Sentir” e co fixeron bailar e gozar a moitos seguidores neste ano que está a piques de rematar. Esta xira de fin de ano levará a súa proposta
para experimentar en directo o repertorio do álbum, co inconfundible acompañamento das Adufeiras de Salitre e tamén se converte nunha forma de agasallo anticipado para os seus seguidores e seguidoras.

O disco “Axúdame a Sentir” é a suma de diferentes cancións e lembra aquela frase que Obdulia, a avoa de Xabier, lle dicía sempre.

As entradas para o concerto xa están dispoñibles en www.xabierdiaz.com ou en Ataquilla.com no seguinte enlace: https://entradas.ataquilla.com/es/ventaentradas/conciertos/548-sala-tebras/x3agf605-xabier-diaz-26-adufeiras-de-salitre

Non perdas esta ocasión para deixarche levar pola maxia e a emoción da música galega no mellor peche do ano.

Infografía del proyecto de fábrica de Altri. Infografía del proyecto de fábrica de Altri.

Altri vese disposta a “seguir explicando” a sostibilidade e circularidade do proxecto en Palas de Rei

En resposta á manifestación do pasado domingo, en Santiago de Compostela, para o rexeitamento de forma “radical” da fábrica, o grupo Greenfiber promotor da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei emitiu un comunicado no que explica o deseño “con los más altos criterios de sostenibilidad, circularidad y respeto al medio ambiente, marcados por la normativa europea” do proxecto.

Como argumento, a empresa apuntou que a Comisión Europea “no registró” proba algunha do “incumplimiento” da normativa vixente e que compete á macrocelulosa. Dende a empresa, amósanse dispostos a “seguir explicando” a instalación da planta a entidades e colectivos que “deseen informarse”.

Fonte: Xunta de Galicia.

O volcado dun camión de transporte vacún interrompe a circulación na A-8 en Abadín

Na madrugada deste luns, 16 de decembro, foi interrompida a circulación na autovía A-8 por mor do volcado dun camión que transportaba vacas no paso do tramo polo concello de Abadín. Concretamente, segundo informaron os servizos de prensa do 112 Galicia, o vehículo quedou atravesado na estrada á altura do kilómetro 555, na dirección da carretera a Vilalba.

Actualmente, os operativos enviados, avisados ás 4:30 horas da noite do domingo para o luns, están a traballar na retirada do camión da estrada. Na comunicación, a persoa que realizou a chamada concretou que as persoas ocupantes estaban a saír da cabina polos seus propios medios.

Ata o punto do accidente viario foron trasladados dispositivos dos medios do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico e dos servizos de mantemento da estrada.

Mostra exposición ‘Canción de río’. Fonte: Galería NÉBOA.

‘Canción de río’, a interacción entre auga e memoria a exposición na Galería NÉBOA

Este xoves, 12 de decembro, foi inaugurada a exposición ‘Canción de río’ na Galería NÉBOA. Esta, a primeira exposición individual da artista contemporánea Marina González, entrelaza a auga, o tempo e a memoria a través de elementos como a cerámica, as tellas e outros obxectos escultóricos para configurar un ecosistema poético e minucioso.

Comisariada por Laura Tabarés, a exposición súmase ás configuradas por González como Esta orilla es fruto ou Buen Camino. A súa traxectoria está asemade marcada pola participación en proxectos colaborativos levados a exposición en Pontevedra ou Madrid. A presente en Lugo, ‘Canción de río’, estará disposta ás visitas do público ata o oito de febreiro de 2025.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com