Novas

Xuventude propón para este Nadal sesións de escalada, monólogos, sendeirismo e dous grandes concertos musicais

Escalada, masterclass de nutrición, monólogos e mesmo viaxes á neve, son algunhas das propostas que o Goberno Local, a través da área de Xuventude, achega á mocidade lucense para dinamizar este Nadal.

O concelleiro de Xuventude, vén de presentar a programación que, durante as seguintes semanas encherá de actividade a cidade e de diversión as vacacións dos máis novos/as.

“Tanto nesta xornada como na do seguinte sábado, 18 de decembro, convidamos á rapazada a desfrutar con senllas camiñadas por Taramundi (Asturias) – na Ruta da Auga – e polos Ancares, en Belén de Cumio coa subida ao Pico 3 Bispos. Pero tamén temos previsto ofrecer o vindeiro martes, 14, unha Masterclass de nutrición para achegarlles recetas saudables para estas festas”, explicou o edil quen, así mesmo, anunciou unha próxima viaxe a Cabeza de Manzaneda, nun roteiro con raquetas de neve, “cando o tempo así o permita”.

O titular da área referiu alén, como principais novidades deste 2021, unha sesión de escalada no Rocódromo, prevista para o xoves 23, así como un espectáculo de monólogos que, baixo o nome Lugo coa Comedia chegará aos Códex Cinema o venres 17, ás 21:00 horas, da man de Oswaldo Digon, Lois Pérez e Malala Ricoy. As entradas poderán retirarse a través da páxina web https://www.reservaentradas.com

“Nestas datas tan sinaladas queremos que os mozos e mozas lucenses aproveiten o seu tempo de lecer con propostas alternativas que promovan a práctica do deporte e o coidado da saúde, que combinen un aspecto lúdico e didáctico e que propicien a socialización en espazos seguros, por iso, ofreceremos igualmente dous grandes concertos, un o día 22 cos Dj’s Xavibo e Marc Seguí, no Parking do Seminario, de 18:00 a 20:00 horas, (venda de pases en https://entradaslugo.es/) e o Ciclo Colusión que se celebrará o sábado 8 de xaneiro na Casa da Música, entre as 19:30 e as 22:30 horas, coas actuacións de CRNDS, Inma Veiga, Grima e Raquel Álvarez. Un evento co que poremos colofón á programación deste Nadal 2021 á que convidamos a asistir e participar a toda a cidadanía”, concluíu o responsable de Xuventude.

As persoas interesadas en apuntarse poden inscribirse na Casa da Xuventude en http://formulario.xuventudelugo.gal/ ou a través do teléfono 982.29.74.44.

Tres persoas resultan feridas nunha colisión múltiple en Palas de Rei

Unha colisión con catro vehículos implicados na autovía A-54 deixou, na mañá de onte, tres persoas feridas que precisaron ser trasladadas.

O 112 Galicia rexistrou o aviso deste accidente, minutos despois das oito da mañá, a través da central de emerxencias dun dos coches implicados. Nese momento, tamén se recibiu a chamada doutro particular que indicaba que había un coche envorcado, na autovía A-54, ao seu paso polo concello lucense de Palas de Rei, nos carrís en dirección Lugo.

Axiña, os xestores do CIAE-112 Galicia informaron ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061, á Garda Civil de Tráfico, a Protección Civil de Palas de Rei, aos Bombeiros de Chantada e ao GES de Monterroso.

Cando os servizos de emerxencias chegaron ao punto, comunicaron ao 112 Galicia que se tratara dunha colisión por alcance na que se viran implicados catro vehículos e que, un deles, rematara semi-envorcado. Ademais, a Garda Civil de Tráfico sinalou que tres persoas foran trasladadas polos servizos sanitarios ao centro hospitalario de referencia.

O PP lucense leva ao Senado iniciativas contra a perda de servizos ferroviarios

Os senadores do PP lucense -José Manuel Barreiro, Rosa Arza, Manuel Varela e Juan Serrano- levan á Cámara Alta os escasos servizos que supoñen unha “discriminación para a provincia”. Lugo non dispón de suficientes frecuencias e conexións directas con Ourense e Madrid a través do AVE que está anunciado que chegará á provincia de Ourense o vindeiro 21 de decembro. Advirten tamén de que “a provincia de Lugo se atopa desconectada a nivel ferroviario do resto de Galicia e de España” e condenan “a perda da conexión directa de Lugo con Santiago”.

Os populares lembran que “tanto os universitarios lucenses coma as persoas maiores ou aquelas con diversidade funcional ou pertencentes a outros colectivos precisan do tren para poder desprazarse a outros puntos de Galicia e España” e, polo tanto, defenden que “Renfe, como operadora pública, non pode someter aos usuarios a prexuízos derivados de criterios economicistas. Non se pode poñer a suposta falta de demanda como escusa para desmantelar cada vez máis servizos e facer non desexables os que aínda permanecen en activo con horarios imposibles, traxectos longuísimos e falta de conexións adecuadas con outras cidades”.

En relación á alta velocidade, os populares instarán ao Goberno a través dunha moción a aumentar as frecuencias dos servizos ferroviarios entre Lugo e Ourense para que a provincia lucense non quede descolgada. “Das catro conexións planificadas inicialmente por Renfe entre Lugo e Madrid, tres serán en Alvia cunha duración aproximada de cinco horas e só un deles contempla traxecto directo entre Lugo e Madrid. Os outras dúas máis o AVE implican viaxes en trens de Media Distancia ou Intercity e, polo tanto, un transbordo en Ourense”.

A proposta do PP recolle tamén implantar, cando menos, un servizo de Media Distancia entre Lugo e Ourense a primeira hora da mañá para que os lucenses poidan chegar a Madrid antes do mediodía. “Cos horarios establecidos será imposible realizar xestións de mañá na capital e volver a Lugo no día”, advirten. “A única viaxe para a que os lucenses si poderán coller o AVE dende Ourense chegará a Madrid ás 18:40 horas, o que impide poder realizar actividades profesionais ou de calquera outra índole no día que supón practicamente un día enteiro destinado á viaxe e a obriga de pasala noite na capital”.

Os senadores esixen planificar adecuadamente as conexións dende o resto de cidades e pobos da provincia lucense para que os veciños do rural non queden marxinados da alta velocidade ferroviaria. E, por suposto, inciden na necesidade de “construír as variantes da liña de tren entre Lugo e Ourense de Os Peares-Canabal e Rubián para diminuír o tempo do traxecto en tren entre Lugo e Madrid”; así coma “executar á maior brevidade a electrificación e a mellora da vía entre Lugo e Monforte de Lemos para recortar os tempos do traxecto en tren entre Lugo e Madrid”.

Falta de trens para conectar Lugo con outras cidades
A través doutra iniciativa, os representantes do PP lucense na Cámara Alta advirten da falta de tren directo dende Lugo ata Vigo e Pontevedra, polo que pedirán establecer un servizo a cada sentido de modo que “o traxecto entre as dúas cidades pontevedresas non teña que discorrer pola Coruña e investir case catro horas de viaxe”. Tamén inclúe o establecemento de, cando menos, unha conexión directa vía férrea entre Lugo e Santiago e outra entre Lugo e Ferrol; ademais de mellorar o horario do traxecto que xa existe para que a chegada á capital lucense non se produza pasadas as nove da noite.

A proposta dos populares recolle a recuperación de servizos “desmantelados polo Goberno coa escusa da pandemia”. É o caso do tren-hotel a Barcelona ou do servizo entre o País Vasco e Lugo. “É necesario, ademais, mellorar a conexión entre Lugo e Bilbao e Llodio para que non haxa que investir máis de dez horas nin realizar enlace en Segovia”. Tamén piden no Senado a recuperación do tren e a redución do tempo de traxecto a Salamanca, vital para moitos estudantes universitarios.

Os senadores exporán tamén na Comisión de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana unha reivindicación constante do PP lucense para mellorar as vías e a electrificación para os trens que circulan entre Lugo e Ourense de forma que “poidan alcanzar polo menos os 200 km/hora e que non se vexan obrigados a circular a menos de 50 km/hora nalgúns tramos”.

Os representantes do PP da provincia no Senado tamén pedirán explicacións ao Goberno sobre a eliminación do único servizo ferroviario que a conectaba con Santiago de Compostela de forma directa, converténdose na única capital galega que non conta con conexión directa vía ferroviaria coa capital de Galicia.

A Milagrosa premia aos deportistas e clubs da provincia

A Asociación de Veciños da Milagrosa celebrou onte a súa tradicional Gala do Deporte, onde o barrio senlleiro recoñece anualmente a deportistas e clubs da provincia polo seu traballo e traxectoria. No acto participaron, entregando os galardóns, distintos membros das corporacións provinciais e locais.

Así, por exemplo, o Deputado de Promoción Económica e Social foi o encargado de entregar catro dos catorce galardóns concedidos nesta 30ª edición. O deputado provincial destacou que todos e todas os premiados “encarnan os mellores valores do deporte, como o esforzo, a constancia, a vontade de superación, o compañeirismo e o respecto aos demais. Uns valores que son tamén os que impulsan o movemento veciñal que promove este recoñecemento e que son máis necesarios ca nunca nestes tempos nos que a pandemia e o seu impacto social e económico nos volveu a poñer a proba”.

O Deputado subliñou neste sentido o “firme compromiso” da Deputación co deporte, que o Goberno reforzou un ano máis subindo as partidas económicas dedicadas a este eido nos Orzamentos do ano 2022 que vén de aprobar. Pablo Rivera lembrou que a institución aposta tanto polo deporte de base, “como elemento de integración, educación en valores e fomento da igualdade real entre nenos e nenas”, como polo deporte profesional e por consolidar á provincia de Lugo “como escenario de eventos deportivos con repercusión dentro e fóra das nosas fronteiras. Neste tipo de probas, o deporte convértese nun bo elemento de promoción do noso territorio”.

Rivera Capón destacou que os premiados e premiadas na Gala do Deporte da Milagrosa contribúen “igualmente a esta promoción”, sendo “grandes embaixadores da provincia de Lugo, do talento e da valía cos que contamos”. O Deputado agradeceu o traballo da Asociación de Veciños da Milagrosa, “que traballa día a día para impulsar o seu barrio e demostra que o movemento veciñal é un factor fundamental para o dinamismo das nosas vilas e das nosas cidades”.

A Deputación de Lugo artella os mecanismos para aprobar o seu primeiro Plan de Igualdade

A Deputación de Lugo está artellando os mecanismos necesarios para elaborar, negociar e aprobar o primeiro Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes co que contará a institución provincial. A voceira socialista do Goberno Provincial e Deputada de Réxime Interior anunciou que se trata dun instrumento de “modernización do sistema de xestión da Deputación que garanta unha estrutura interna e unhas relacións coa sociedade guiadas pola igualdade de xénero”.

Esta mesma mañá o Presidente, José Tomé Roca, convocou unha Xunta de Voceiros e Voceiras para manifestar a vontade por parte do Goberno de elaborar un Plan de Igualdade, unha proposta que recibiu o apoio unánime dos grupos políticos representados na Corporación. Tras esta xuntanza, o vindeiro mércores constituirase a comisión encargada de impulsar e coordinar os traballos para sacar adiante o Plan de Igualdade, que estará formada por 8 persoas, entre representantes da institución, persoal técnico da Deputación e representantes das organizacións sindicais.

A institución provincial está, ao mesmo tempo, traballando nun estudo de diagnose da situación actual do organismo en materia de igualdade, que “servirá para detectar as medidas de mellora a incorporar no Plan, que, se non hai imprevistos, esperamos ter listo nos primeiros meses do vindeiro ano 2022”, apuntou a voceira socialista.

A deputada recordou que o Goberno provincial busca “favorecer a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres, utilizando para elo todas as ferramentas ao noso alcance. Así o recollemos precisamente no pacto de Goberno, e por iso aplicamos políticas de igualdade de maneira transversal en toda a nosa xestión”. “Ademais, por decisión do Presidente da Deputación, este mandato é o primeiro no que esta institución conta cunha área específica de Muller e Igualdade, dirixida pola Deputada María Loureiro”, sinalou. “Dentro deste compromiso constante”, engadiu, “agora daremos un paso máis, moi importante, sacando adiante o primeiro Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da Deputación de Lugo”.

Industria pide a Alcoa que garanta inversións e emprego no seu plan industrial

Nunha reunión de traballo entre o Goberno, Xunta de Galicia e sindicatos para analizar a última proposta de Alcoa, o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo pediu á empresa que explique e detalle o plan industrial para a planta de San Ciprián, garantindo os investimentos e o emprego, incluído o das empresas auxiliares, así como a  subministración aos provedores para garantir a carteira de clientes.

O  Ministerio de Industria explicou que nestes momentos conta con instrumentos relacionados coa enerxía para que o custo enerxético sexa competitivo para Alcoa. En concreto, as axudas ao CO2, as compensacións dos cargos enerxéticos e a posibilidade dos contratos bilaterais. O obxectivo do Ministerio é que a comarca da Mariña convértase no polo de aluminio máis importante de España.

Para o Goberno, hai unha oportunidade para que a planta de San Ciprián manteñan as súas capacidades industriais e sexa competitiva. Para iso, o Goberno comprométese a ofrecer todos os instrumentos de política industria e enerxética necesarios para modernizar o complexo de San Ciprian e garantir a súa competitividade, todo iso no marco da normativa europea. E pide unidade de acción entre Administracións, sindicatos e traballadores.

O Ministerio de Industria comprométese a convocar a Mesa Industrial de Alcoa e hoxe mesmo poñerase en contacto con Alcoa para trasladarlle a disposición de todas as partes de iniciar unha negociación con Alcoa para garantir o futuro do complexo industrial de San Ciprián.

O Concello do Incio convoca un concurso de decoración de vivendas, fachadas e balcóns polo Nadal

O Concello do Incio convoca un concurso de decoración de vivendas, fachadas e balcóns polo Nadal, coa finalidade de promover e contribuír a crear un ambiente festivo no Concello nesta datas. Tal e como establecen as bases, poderán participar no concurso todas aquelas persoas que teñan vivendas situadas no ámbito territorial do Concello do Incio, podendo inscribirse unha persoa maior de idade por vivenda.

O prazo para inscribirse estará aberto ata o día 20 de decembro a través da sede electrónica do Concello do Incio https://concellooincio.sedelectronica.gal ou ben presencialmente no rexistro, en horario de 9:00 h a 14:00 horas, cubrindo un anexo de inscrición, dispoñible no taboleiro de anuncios da sede electrónica e nas oficinas municipais.

As bases fixan ademais que a temática de decoración será relacionada exclusivamente co ambiente propio das Festas do Nadal. A decoración deberá estar visible dende a vía pública, e completamente  instalada durante o período do 21 de decembro de 2021 ao 6 de xaneiro de 2022.

A decoración deberá ser nunha vivenda situada no ámbito territorial do Concello do Incio (fachadas, xardíns, balcóns, xanelas) e non deberá causar ningún perigo nin prexuízo a persoas e bens, sendo responsable de calquera dano o propietario e eximindo ao Concello de calquera responsabilidade, podendo ser excluído por este motivo.

Os participantes inscritos poderán achegar fotografías da súa decoración, que o Concello exporá nas súas redes sociais, entre os días 21 de decembro de 2021 ao 6 de xaneiro de 2022.

A valoración das decoracións será realizada por un xurado que se designará ao efecto, e que realizará visitas as vivendas, sen previo aviso, entre os días 21 de decembro de 2021 ao 6 de xaneiro de 2022. Haberá tres premios para os gañadores: Un 1º premio de 150,00 euros; un 2º premio de 100,00 euros; e un 3º premio de 50,00 euros.

Criterios de valoración

Orixinalidade: 0 a 2 puntos.
Complexidade: 0 a 2 puntos.
Deseño: 0 a 2 puntos.
Artesanía: 0 a 2 puntos.
Iluminación (non/si): 0 a 1 puntos.
Utilización de materiais reciclados (non/si): 0 a 1 puntos.

No caso de empate, o xurado establecerá o mecanismo que considere máis axeitado para desempatar. A resolución dos premios será exposta no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello do Incio. O Concello do Incio comprobará durante o prazo de participación (21 de decembro de 2021 a 6 de xaneiro de 2022) que efectivamente a decoración permanece exposta, sendo motivo de exclusión o non cumprimento deste punto.

O PP critica que a dez días do pleno de orzamentos o Goberno non lles entregou o documento para analizalo

“As tensións no desgoberno municipal son cada día máis evidentes e unha nova mostra foi a ausencia do Tenente de alcalde na presentación dos orzamentos que fixo a rexedora esta mañá aos grupos da corporación, administracións públicas ou entidades do tecido social e económico, o que evidencia que a distancia entre a alcaldesa e o tenente de alcalde é cada vez maior, mentres a rexedora e o tenente de alcaldesa optaron por escenificar unha unión ficticia ao acudir xuntos á presentación ante os medios de comunicación”, así o denunciou esta mañá o grupo municipal popular que criticaba as formas dos dous mandatarios ao tempo que aproveitaban para evidenciar que “seguramente que as tensións do goberno máis caro da historia de Lugo se suavizarán no momento de levantar a man para aprobar as contas municipais para o vindeiro ano”.

Unha ausencia que non fixo máis que “dar a razón á denuncia que a semana pasada realizou o Partido Popular”, cando os populares aseguraron que as tensións entre PSOE e BNG atrasaban a confección dos orzamentos municipais para 2022 polas liortas entre Méndez e Arroxo á hora de distribuír os fondos do 60 – 40% no que quedaron no pacto de desgoberno municipal.

No referente ás contas, o vicevoceiro popular, Antonio Ameijide, acusa ao Goberno local de padecer un “escurantismo crónico” xa que unicamente fixeron unha presentación de 15 minutos na que non aportaron “nin un só papel, dilatando ao máximo a entrega da documentación”. Os populares acusan á rexedora de “seguir vendendo fume” a través “duns números pouco fiables e que non van ser capaces de executar”.

Neste senso, os populares critican que a rexedora de novo opte por endebedar a todos os lucenses ao pedir de novo un crédito de 5.7 millóns de euros. Ameijide tamén fai referencia á que o Goberno presentou os orzamentos sen sentarse a falar co PP, grupo maioritario da corporación e que a semana pasada rexistrou unha batería de 76 propostas, baixo o paraugas de #CosPésEnLugo, xa que reflicten demandas de diferentes colectivos da cidade.

Constituídos os grupos de traballo que impulsarán as marcas Terras do Miño e Os Ancares Lucenses

A Deputación de Lugo constituíu este venres os grupos de traballo que impulsarán as marcas de calidade que identificarán aos produtos e servizos das reservas da biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. O Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo, participou na primeira reunión celebrada hoxe de maneira telemática, á que se sumaron representantes das administracións e tamén dos sectores produtivos interesados neste proceso.

José Luis Raposo destacou que “hoxe damos un paso determinante para implantar unhas marcas para os produtos e os servizos de Terras do Miño e dos Ancares Lucenses, que van diferenciar a súa procedencia, profesionalidade e calidade, e que, polo tanto, supoñerán un valor engadido que axudará no desenvolvemento sostible destas zonas”. Tamén salientou o responsable de Medio Ambiente que a Deputación quixo que este proceso fose participativo “porque cremos que é a mellor maneira de que este proxecto se adapte realmente á realidade e ás necesidades do territorio, dos nosos produtores e empresas”.

“Un dos grandes obxectivos da Deputación de Lugo á hora de xestionar as Reservas da Biosfera é favorecer a protección do medio natural e, ó mesmo tempo, contribuír a que esa riqueza natural sexa unha oportunidade de desenvolvemento sostible para o noso rural, porque, está claro que o medio natural sen xente que lle dea vida, non ten ningún sentido”, explicou o responsable provincial.

As dúas marcas – Reserva da Biosfera Terras do Miño e Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses- xa están rexistradas na Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM) e a Deputación traballa agora nun regulamento consensuado cos produtores e empresarios que desexen empregar este distintivo na etiquetaxe dos seus produtos e servizos. Esta marca tamén lles permitirá empregar o distintivo xenérico de Reservas da Biosfera Españolas, que destaca e diferencia todos aqueles produtos naturais e artesanais dos territorios recoñecidos como Reservas da Biosfera en España, actuando como unha marca paraugas que as aglutina a todas.

A marca estará orientada aos produtos agroalimentarios e artesanais de calidade, pero tamén se poderá aplicar a servizos turísticos (aloxamentos, restauración ou empresas turísticas) que poden á súa vez crear sinerxías cos produtores locais, promovendo unha imaxe integral de calidade de produtos e servizos nas Reservas da Biosfera.

A Xunta insta ao Goberno a tomar a iniciativa con Alcoa e fixar un marco enerxético competitivo

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, instou hoxe ao Goberno a que tome a iniciativa para desbloquear a situación de Alcoa e para que esta compañía explique a letra pequena da proposta para a planta de San Cibrao. Neste sentido, apuntou que traballadores e administracións precisan coñecer cales son as garantías e se se trata dun plan viable que garanta o mantemento do emprego, tanto na propia planta como na industria auxiliar.

Paula Uría sinalou tras a reunión celebrada hoxe, na que participaron tamén representantes do Ministerio de Industria, do comité de empresa e dos sindicatos, que ata que exista un prezo eléctrico competitivo e un marco enerxético estable será imposible garantir unha solución. Neste sentido, o prezo final do MWh para as electrointensivas é de preto de 120 euros, case 60 euros máis que en Francia e 36 euros máis que en Alemaña.

A representante da Xunta na reunión fixo fincapé en que agora é preciso escoitar a proposta de Alcoa, pero sabendo que a solución que poña fin a esta situación está en mans do Goberno fixando un marco enerxético axeitado. “O que lle trasladamos ao Goberno é que tome as rendas e que garanta, cos instrumentos que pode poñer enriba da mesa, ese marco eléctrico estable, e que se convoque esa mesa industrial para escoitar a Alcoa e ver se existe un plan industrial que con ese marco eléctrico estable poida garantir o futuro da planta de aluminio de San Cibrao”, sinalou a directora xeral.

A solución que propón Alcoa é provisional e pasa por deixar de producir aluminio primario en España durante dous anos. Así, en plena escalada de prezos das materias primas, importaríase aluminio de fóra en lugar de fabricalo en Galicia.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com