Novas

O Concello esixirá responsabilidades a Urbaser trala descarga de lixo nunha finca de Abella

O tenente de alcaldesa, e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, mandou abrir unha investigación do acontecido e esixirá á empresa Urbaser que pida responsabilidades a que corresponda e adopte as medidas necesarias para que non volva a acontecer.

O edil explicaba que “tan pronto como tivemos constancia do acontecido, notificamos a incidencia á empresa, e esiximos en primeiro lugar que acondicionara a zona así como, unha explicación das causas que provocaron unha situación que propiciou malestar nos veciños e veciñas da nosa cidade”.

Nestes intres, a área de Medio Ambiente do Concello de Lugo, informa que a zona está en perfectas condicións, pero que “non hai unha explicación do acontecido, xa que están a investigar pero reclamaremos a Urbaser que esixa responsabilidades a quen corresponda”.

O edil de Medio Ambiente, aproveitou tamén para pedir desculpas aos veciños polas molestias ocasionadas.

De Fonmiñá para Carlos Valcárcel

O Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá quere facer constar o seu pesar e o de todos os seus membros, polo pasamento do gran fotógrafo e magnífica persoa Carlos Valcárcel Gay.

A súa técnica e sensibilidade artísticas eran parellas á súa modestia e calidade humana, polo que deixa en todos nós a imaxe dun grande artista que pasou pola vida traballando e dialogando, sempre en harmonía e paz.

Vaia para a toda a súa familia a nosa solidariedade e sintonía coa súa dor, e o recoñecemento pola amizade coa que nos distinguen, como Carlos nos demostrou desde hai case medio século.

O PP de Vilalba pide un plan de sinalización de parroquias, barrios e espazos de interese turístico e cultural

Os populares de Vilalba demandan un Plan Municipal de Sinalización das principais parroquias, barrios e espazos de interese turístico e cultural dotado cunha partida de 100.000 euros nos futuros orzamentos municipais para o próximo ano 2022.

A voceira do Grupo Municipal Popular, Sandra Vázquez, sinala que esta proposta que defenderán no vindeiro pleno da corporación vilalbesa consta dunha dobre vertente. Por unha banda, “consideramos necesaria manter unha correcta sinalización da rede de estradas municipais porque permiten a mobilidade dos veciños e conectan núcleos de poboación; pero, especialmente, porque facilitan o acceso aos servizos esenciais ou de urxencias”.

Por outro lado, cremos que “o Concello debe coidar, manter e tamén facer visibles para os visitantes os lugares e recursos de interese turístico das 29 parroquias vilalbesas”. Polo tanto, “faise imprescindible sinalizar as zonas de interese turístico e cultural co obxectivo de facilitar a mobilidade dos visitantes interesados en coñecer o noso patrimonio”.

O Concello abre o mércores as inscricións do ‘Aprende Xogando’ para o Nadal

Este próximo mércores, día 1 de decembro, oConcello de Lugo, a través da área de Muller, abrirá o prazo de inscrición do programa Aprende Xogando tanto para as mañás de vacacións de Nadal (22,23,27,28,29,30 de decembro e 3,4,5,7 de xaneiro) como para o 2º trimestre do curso escolar, correspondente ás tardes dos meses de xaneiro, febreiro e marzo.

“Trátase dun programa orientado a favorecer a conciliación nos eidos laboral, familiar e persoal. Queremos apoiar de xeito especial ás mulleres na súa integración laboral, beneficiando tanto ás e aos menores como á unidade de convivencia no seu conxunto, dando atención a unhas 350 familias na cidade, aproximadamente” explicou Alonso.

A concellería de Muller porá en marcha todas as medidas necesarias para garantir a saúde de todas as persoas participantes, “adaptándonos ás condicións sanitarias do momento e ás recomendacións que realicen as autoridades. A tal efecto, poderán verse afectadas as localizacións, aulas, aforos etc – engadiu a edil – que, nun inicio se desenvolverán nos centros de convivencia Uxío Novoneyra, Maruja Mallo e Milagrosa”.

O programa está dirixido a nenas e nenos empadroadas/os no Concello de Lugo cunha idade comprendida entre os 3 e os 12 anos e as solicitudes, que poderán presentarse até o vindeiro 7 de decembro, efectuaránse de xeito telemático polos/as proxenitores/as dos/das menores, no e-mail aprendexogando@lugo.gal sinalando nome, apelidos da/o menor e nome, apelidos e D.N.I. do/da proxenitor/a solicitante aportando anexo normalizado para a solicitude e a documentación requerida.

Tanto as bases como a instancia poden descargarse a través da seguinte ligazón: http://concellodelugo.gal/gl/actuacions/programa-gl-aprende-xogando.

Gran éxito organizativo e competitivo do Campionato de España Máster de Pista Cuberta

Como de extraordinario pódese calificar o Campionato de España Máster de pista cuberta desenvolto durante esta fin de semana no recinto cuberto de Expourense que xuntou aos máis importantes atletas a nivel nacional e internacional do momento.

A excelente actuación a nivel xeral, viuse acompañado polo gran campionato dos atletas galegos que en un número de 219 acudiron a Ourense como a delegación máis numerosa. Da súas actuacións sairían nada menos que un récord do mundo, tres récords de España, vintedous récords galegos, corenta e tres medallas de ouro, trinta e cinco pratas e trinta e un bronces, que en termos absolutos representa o mellor balance de todas cantas Comunidades acudiron a disputar o evento nacional.

Novamente, Esther Pedrosa foi unha das grandes protagonistas desta edición. A atleta compostelá lograba xa na xornada inaugural do venres un novo récord mundial sobre a proba dos 3.000 F60 mellorando a súa propia plusmarca ata deixala en 10:08.45. Con este novo rexistro xa son tres os récords mundiais batidos pola corredora internacional en apenas dous meses Para rematar e como colofón, o domingo sumaba outro título e récord nacional sobre a proba dos 1.500 m. con 5:15.00

O resto de récords veu da man de equipo de relevos F55 do Club Atletismo Sada quen sobre os 4×200 m. lograban o titulo e o récord nacional con 2:07.58.

Colleita importante de metáis

Como diciamos un total de 109 medallas serían as logradas polos nosos atletas entre as que destacan os dous ouros logrados polo atleta do Atletismo Sada M40 Daniel Giménez nos concursos de altura e lonxitude; Basi Bernárdez de A Silva na M45 en triplo e lonxitude; Rosario Sureda do Lucus Caixa Rual Galega na F55 en altura e 200 m.; Esther Pedrosa do Playas de Castellón na F60 sobre os 3.000 m. e nos 1.500 m.; Carlos Ferrer do Atletismo Narón na M60 sobre os 60 valos e o Pentathlon e Domingo Álvarez do Burgas Ourense na M65 sobre os 400 m. e os 800 m.

Alcoa plantexa ceses temporais durante 4 anos e non despedir aos empregados

Alcoa desenvolverá un plan de viabilidade que asegure o emprego e a solución a medio-longo prazo. A compañía comprométese así, nunha proposta enviada o Ministerio de Industria, a dar luz verde a un permiso retribuido para os traballadores da factoría de San Cibrao durante os cese temporais que precise realizar a empresa, ao mesmo tempo que promete non acometer ningún despedimento colectivo nos vindeiros 4 anos, é dicir, ata o 2025. Asemade, a compañía asegura o rearranque das cubas o 1 de xaneiro de 2024 ata chegar ao 100% da produción de aluminio primario e o intento de acadar, o antes posible, preacordos de suministro eléctrico para un período de medio-longo prazo a partir de 2024.

Na proposta, da que se fixo eco o propio Ministerio, tamén plantexa o cese transitorio da actividade de electrólise e da planta de ánodos, coa consecuente parada das cubas.

Neste senso, o propio Goberno do Estado asegurou que a súa posición sempre se orientou hacia o mantemento do emprego e da “capacidade produtiva de aluminio primario da planta a medio e a longo prazo”.

Así, segundo explica o Ministerio nun comunicado aos medios, agardan manter unha reunión nos vindeiros días onde Alcoa explique a todas as partes (Goberno do Estado, Xunta e Comité de empresa) os termos reais desta proposta, “con maior detalle” e, en particular, especifica o Ministerio “o plan industrial que detalle os investimentos necesarios para garantir as capacidades industriais e a competitividade da planta”.

Asemade, o Ministerio considera “necesario” un maior detalle sobre as actuacións que garantan a base actual de clientes e os seus contratos de suministro. Industria reitera “o compromiso firme” do Goberno co mantemento “da planta e dos postos de traballo e a confianza de que se traballamos xuntos (Goberno, Xunta, Sindicatos e Empresa), chegaremos a unha solución definitiva que garanta o futuro da planta.

Vilalba convoca o III concurso de escaparates de Nadal

O Concello de Vilalba anuncia a convocatoria do III Concurso de Escaparates de Nadal en Vilalba. Este certame está  organizado pola concellería Comercio, co obxectivo de promover e dar visibilidade aos negocios da localidade creando un ambiente propio das Festas do Nadal.

“A decoración e a iluminación de Nadal impulsan as compras, polo que queremos embelecer Vilalba nestas festas apoiando ao comercio local á vez que motivamos á cidadanía a mercar nos establecementos de proximidade nestas datas tan sinaladas”, subliña Marta Rouco, concelleira de Políticas Sociais e Réxime Interno e Comercio.

Poderán participar no concurso todos aqueles locais comerciais situados na localidade de Vilalba,  independentemente do produto que oferten ao consumidor.

Os comercios deberán decorarse con motivos propios das Festas do Nadal, en combinación cos produtos do establecemento. Os escaparates deberán permanecer decorados entre o 13 de decembro e o 6 de xaneiro. O xurado do certame poderá facer visitas sen previo aviso, polo que cómpre que os locais manteñan a decoración e a iluminación en todo ese período.

Os criterios para valorar cada escaparate serán, puntuados de 0 a 5 puntos, a orixinalidade e a complexidade, a artesanía, a creatividade, o deseño e a calidade, o atractivo comercial e a decoración acorde ao produto de venda.

O xurado determinará os tres mellores escaparates, recibindo un premio de 600 euros no caso do primeiro clasificado, de 400 euros no caso do segundo e de 300 euros para o terceiro. Ademais, concederase un premio de 100 euros para o escaparate máis votado nas redes sociais, compatible co resto de premios.

Os comerciantes interesados en participar, deberán inscribirse enviando un correo electrónico a comercio@vilalba.es antes das 14:00 horas do día 13 de decembro. Nese mesmo correo, indicarán os datos do comercio e achegarán unha foto do escaparate para subilo ás redes sociais.

A Xunta mellorará o equipamento de bibliotecas e locais culturais de 40 concellos

O secretario de xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou o venres a biblioteca municipal de Chantada, unha das 40 beneficiarias da orde de axudas da Xunta para mellorar o equipamento das instalacións e locais dos concellos destinados a actividades culturais para a que se destinan 500.000 euros.

Como expresou, trátase dunha liña de axudas “estratéxica” coa que o Goberno autonómico leva anos conseguindo “estender e manter a actividade cultural en Galicia con calidade tanto no eido rural e urbano”. De feito, este apoio económico está a contribuír a que os concellos se doten dos medios necesarios para executar as súas programacións, “e contar coas oportunas infraestruturas que lles permitan realizar as actividades culturais e garantir o servizo público que prestan á cidadanía tanto nos eidos rurais como urbanos”.

En concreto, a través desta liña de subvencións, o Goberno autonómico contribúe ao equipamento de moblaxe de locais, a realización de obras de reforma, ampliación, modernización ou mellora de inmobles, así como a adquisición de materiais técnicos vinculados ao desenvolvemento das accións.

Preto de 200.000 euros en Lugo
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou a oportunidade que supón para Chantada esta axuda “ao mellorar unha infraestrutura como a súa biblioteca, que dá servizo a gran parte da comarca”. Neste sentido, destacou o investimento na provincia de Lugo, próximo aos 200.000 euros, ao abeiro destas axudas das que se beneficiaron 17 concellos lucenses.

A Muralla: 21 anos de Patrimonio

O vindeiro martes, 30 de novembro, a cidade de Lugo está de cumpreanos. Unha data moi especial para conmemorar o día no que a Muralla Romana, o monumento máis característico e que lembra o épico pasado da cidade, acadaba o título de Patrimonio da Humanidade.

Dende ese 30 de novembro do 2000, a Muralla non é só dos lucenses, senon que, gracias aos esforzos de toda a cidade, o monumento conseguía un dos recoñecementos máis importantes para un monumento histórico outorgado pola Unesco e pasaba a ser patrimonio mundial.

E, por iso, porque o 30 de novembro fai 21 anos deste nomeamento, as distintas administracións están a organizar distintas actividades para conmemorar que, tal día como o martes, a Unesco declaraba á Muralla Romana de Lugo, Patrimonio da Humanidade.

Actividades 

Por parte da Xunta, a Delegación Territorial celebrará o XXI Aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade instalando iluminación con motivos conmemorativos nas portas de San Fernando e na de Bispo Aguirre o día 30. Ademais, o mesmo día convoca dous roteiros co guía turístico Guido Álvarez, que descubrirá aspectos históricos, anécdotas, lendas e outras singularidades do monumento. Os roteiros partirán das escaleiras do adarve na Praza do Ferrol ás 12.00 e ás 18.00 horas.

As portas de San Fernando e Bispo Aguirre lucirán bañadas de luz cunha imaxe superposta en referencia ao
aniversario; a iluminación ornamental permanecerá acendida entre as 18.00 e as 24.00 horas.

Doutra banda, o Concello de Lugo dará comezo ás súas actividades ás 17:00, cando o coro e ensembles de clarinetes do conservatorio Xoan Montes actuará na praza Pío XII, interpretando distintas pezas de Beethoven, Pachelbel ou Mozart, entre outros.

A partir das 19:00, sairá da porta de Santiago un roteiro poético musical, organizado pola área de Cultura e a revista lucense de creación poética Xistral. Contará coa participación de distintos músicos da cidade, entre os que se atopan Yuri, Rulos, Cántigas e Frores ou a Volta do Agro, e con distintas persoas recitando poesía nas distintas paradas do roteiro.

Lugo precisa “dun tren digno” que responda ás necesidades da veciñanza

O deputado do BNG no parlamento do Estado participou na concentración convocada polo BNG de Lugo baixo o lema Lugo quere tren!, reclamando uns servizos ferroviarios dignos para a cidade e a comarca. O deputado do BNG afirmou que “seguiremos traballando no congreso e nas distintas institucións para que Lugo conte cun tren digno, o que pasa por cuestións como a actualización da liña Lugo – A Coruña ou a creación dunha conexión directa entre Lugo e Compostela”.

Néstor Rego afirmou que “Galicia sofre unha evidente e histórica discriminación en canto a investimentos, tanto por parte dos gobernos do PP como do PSOE”, e engadiu “isto tradúcese nun déficit en infraestruturas, equipamentos e servizos, particularmente no transporte ferroviario”.

O deputado do BNG afirmou que “a chegada do AVE á Galicia, con case 30 anos de atraso sobre a data anunciada nun primeiro momento polo goberno do estado, só supuxo que agora sexa máis rápido ir en tren de Lugo a Madrid que de Lugo a Compostela”.

“Non existe servizo de proximidade en ningunha das áreas metropolitanas galegas e, no caso de Lugo, mantense unha liña (Lugo – A Coruña), sen electrificar e con menos sistemas de seguridade que os marcados polos actuais estándares internacionais”, criticou o deputado nacionalista.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com