Novas

Lendas tradicionais dan vida ao barrio da Ponte

O Goberno de Lugo vén de instalar seis paneis no barrio da Ponte, recompilando lendas tradicionais sobre a vida do barrio e sobre a cultura tradicional do mesmo. O Tenente Alcalde afirmou que “queremos potenciar o atractivo turístico desta zona da cidade, que conta cunha longa historia e cun gran potencial ao atoparse na contorna do Río, ademais de contar cun gran peso patrimonial, coa Ponte Romana”.  O segundo edil explicou que “realizamos esta acción recollendo as solicitudes da veciñanza da zona reclamando este tipo de instalacións para mellorar a imaxe do barrio”.

 A Tenencia de Alcaldía contou coa colaboración do escritor Antonio Reigosa e da ilustradora local Noemí López para a realización desta acción. Arroxo destacou “a gran calidade das ilustracións de Noemí López e o destacable traballo de Antonio Reigosa no eido da investigación da mitoloxía popular e da tradición oral”. 

O Tenente Alcalde animou a toda a veciñanza a pasear polo barrio da Ponte e “coñecer as lendas relacionadas co Río”, e destacou o compromiso do Goberno de Lugo “para achegar á veciñanza de Lugo ao barrio da Ponte conectándoo co resto da cidade, creando unha ruta peonil que remata no Cemiterio Municipal, un dos maiores atractivos turísticos da zona, recoñecido con múltiples premios a nivel estatal e internacional”.

Vilalba implantará a zona azul en varias rúas do centro urbano

O Concello de Vilalba ultima unha nova ordenanza de mobilidade que inclúe zona azul en determinadas rúas do centro urbano.

A zona azul aplicarase na rúa da Pravia; rúa Placido Peña ata a intersección da rúa das Pontes de García Rodríguez; rúa Campo de Puente ata Domingo Goás, e na rúa José María Chao Ledo ata a intersección coa rúa Guitiriz.

O horario será de luns a sábado de 09:00 a 14:00 horas, estando permitido o estacionamento de xeito gratuíto nun período máximo de noventa minutos. Tamén se regulará o aparcadoiro subterráneo da praza da Constitución de luns a sábados de 09:00 a 19:00 horas, de xeito que os vehículos só poderán estacionar neste lugar o máximo permitido de noventa minutos.

Non se implementará esta norma en Vilalba nin os domingos nin os días de feira. “O obxectivo é dinamizar o estacionamento, que nas rúas máis transitadas non se aparque o vehículo desde a mañá ata a noite, pero deixando un amplo marxe de tempo gratuíto para facer xestións ou compras”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas do Concello de Vilalba.

O documento será presentado proximamente a todos os grupos municipais na busca de consenso para a posta en marcha desta medida, necesaria para unha correcta mobilidade.

O Concello nomea funcionarios en prácticas aos aprobados a Inspectores de Policía

A área de Personal do Concello de Lugo, unha vez concluído o proceso selectivo para os Inspectores da Policía Local, acordou nomear aos sete aspirantes aprobados como funcionarios en prácticas, cos dereitos e deberes que legalmente lles corresponden, situación na que desenvolverán o curso de capacitación para a nova categoría na Academia Galega de Seguridade Pública.

A superación do devandito curso constituirá requisito indispensable para acceder á condición de funcionario de carreira na nova categoría, segundo recolle o decreto asinado hoxe pola concelleira de Gobernanza.

O Concello dá por finalizado así un proceso selectivo que paralizou tras ter coñecemento do informe que foi presentado pola presidenta do Tribunal destas oposicións, maxistrada de profesión, e que, conlevou que, previa valoración dos servizos xurídicos municipais, o Concello, co obxecto de salvagardar a legalidade e o correcto desenvolvemento do proceso selectivo, o puxese en coñecemento da Fiscalía por se procedese abrir dilixencias co fin de pescudar se os feitos expostos puidesen ser constitutivos dalgún ilícito penal.

Unha vez que a Fiscalía se pronunciou tras non detectar feitos que puidesen ser constitutivos dalgún ilícito penal, o Concello continuou co proceso selectivo.

Abertas ata o 13 de decembro as inscricións para a XVIII Lugo Monumental

A concellería de Deportes informa que a XVIII edición da Carreira Popular Lugo Monumental – Gran Premio CaixaBank, ten aberta a súa inscrición ata o 13 de decembro. Todas as persoas interesadas poden anotarse, a través da páxina web: www.10klugomonumental.com.

O Concello de Lugo, co patrocinio de CaixaBank, organiza un ano máis a carreira popular Lugo Monumental, que xa ten aberta a súa inscrición. A saída para Adultos terá lugar as 11:00h na Avenida de Ramón Ferreiro, a carón da Praza Horta do Seminario cunha distancia aproximada de 10 km.

A día de hoxe e cos protocolos actuais, a previsión que ten a organización para poder participar na proba é a da obrigatoriedade da presentación do pasaporte Covid-19, e só, se a situación da pandemia empeora e as autoridades sanitarias así o esixen, se pedirá un test de antíxenos ou PCR válido nas 72h anteriores á proba, tal e como figura no regulamento da carreira.


Imaxe de arquivo: saída da carreira popular en anos anteriores

O TSXG autoriza a esixencia do certificado Covid en albergues turísticos ao 100% de capacidade

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta prorrogar, ata as 00.00 horas do día 18 de decembro, a esixencia do certificado COVID-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa ás persoas maiores de 12 anos que fagan noite en habitacións compartidas dos albergues turísticos que amplíen a súa capacidade ata un 100 %. O tribunal considera que se mantén “o xuízo de idoneidade, necesidade e proporcionalidade da medida”, pois advirte que “continuamos nunha situación epidemiolóxica -empeorada- que determina un risco de transmisión do virus apreciable ata o punto de facerse necesaria a regulación de determinadas actividades para que o seu exercicio sexa compatible coa contención da súa expansión”.

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG indica no auto que a Xunta achegou, xunto coa solicitude de autorización, un documento no que ofrece datos sobre a evolución da COVID-19 en Galicia. Nel, informa de que a comunidade presenta unha taxa de incidencia do virus a sete e a 14 días superior á de hai unha semana, así como da tendencia á alza da porcentaxe de positividade das probas diagnósticas e dun incremento dos ingresos en unidades de coidados críticos. A Sala salienta no auto que considera xustificada a medida debido á situación epidemiolóxica actual da comunidade. Contra a resolución cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

O Concello propón outorgar as Medallas de Ouro 2021 ao persoal municipal que traballou durante a pandemia

A alcaldesa de Lugoproporá á Corporación Municipal outorgar as Medallas de Ouro deste 2021 aos empregados municipais que durante o primeiro Estado de Alarma desenvolveron o seu labor de forma presencial.

“Traballadores que, dende o primeiro momento da pandemia, contribuíron co seu esforzo non só a garantir o correcto funcionamento dos servizos básicos e estratéxicos da Administración local, senón que tamén foron o soporte que permitiu manter operativas as prestacións públicas e que mesmo se incrementaran para facer fronte ás consecuencias sociais que comezaban a derivar da pandemia”, sinalou a rexedora.

A Medalla de Ouro é a máxima distinción que o Concello de Lugo concede a entidades ou á cidadanía, por iso, o seu regulamento fixa que “deben recibir este galardón persoas que teñen atribuídos méritos verdadeiramente extraordinarios o que así se pode considerar na figura do persoal municipal ao que queremos agradecerlle o seu compromiso que, en moitos casos, excedeu a súa responsabilidade laboral”, salientou a alcaldesa.

O recoñecemento súmase así ao outorgado o ano anterior aos colectivos profesionais que cubriron os servizos esenciais no inicio da COVID como foron o sector sanitario e farmacéutico, os servizos sociais, as forzas e corpos de seguridade e o sector agroalimentario, transportistas, etc.

As Medallas de Ouro do Concello de Lugo de ámbalas dúas edicións se entreganunha cerimonia conxunta que terá lugar o próximo martes, 30 de novembrono MIHL. Unha xornada “tremendamente simbólica para a cidade” na que tamén se conmemora a declaración da Muralla romana como Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco.

Esta homenaxe é, se cabe, máis especial xa que a facemos coincidir co XXI aniversario da nosa Muralla como Ben Mundial, por iso, se a evolución da pandemia non o impide, organizaremos un acto que nos permita enxalzar as nosas orixes, e a valía da comunidade lucense que unida, loitou e loita contra a adversidade, amosando a súa cara máis solidaria e comprometida en prol do benestar da cidadanía”.

Un rogo solicita ao Concello que reclame 3.000 horas máis para o SAF

O Partido Popular defendeu hoxe en comisión un rogo para que o goberno local reclame 3.000 horas máis para o Servizo de Atención ao Fogar (SAF) que completarían as 18.796 horas que xa ten asignadas ao mes. A concelleira popular Macamen López Silva presentou esta iniciativa despois de coñecer que, a setembro de 2021, o Concello de Lugo atende ao 64% das peticións que lle chegan solicitando o SAF, quedando en lista de espera 247 familias.

Macamen López Silva lamenta que o PSOE dixera hoxe que “non lle competía tomar a iniciativa neste asunto” engadindo que “quen debe coñecer e preocuparse polas necesidades das familias debe ser a administración local, non é de recibo que intenten pasarlle a responsabilidade á Xunta”. “Se fan falta máis horas para o SAF teñen agora a oportunidade de reclamalas”.

Outro aspecto que, segundo os populares, beneficia ao concello é que a Xunta aportará preto de 300.000€ máis en 2022 para o servizo de axuda a domicilio en Lugo grazas ao incremento de achega na hora de prestación que pasará de 9,7 a 11 €. Neste momento o Concello de Lugo ten 226.080 horas anuais de SAF asignadas, polas cales a Xunta estaba poñendo á súa disposición 2.192.976 €

López Silva explicaba que os expedientes que esperan axuda da administración local son 227 de grao I; 27 de grao II e 2 de grao III. Dado que para prestar o SAF é preciso ter persoal suficiente e que teña formación axeitada, os populares solicitarán que se incremente o orzamento municipal para o SAF de cara ao 2022 “está claro que hai unha demanda crecente e que se durante a pandemia había receos en utilizar este servizo, coa nova normalidade parece que se recupera a demanda desta prestación”.

O pleno da Fonsagrada debaterá se acolle ou non o GES da zona

O Concello da Fonsagrada debaterá no vindeiro pleno o ofrecemento da Xunta para acoller na localidade a base do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES). Así o expresaron dende o grupo municipal Popular que defenderá na sesión unha proposición para que o Concello acepte este servizo.

É por iso polo que os populares insisten na necesidade de dotar ao municipio dun Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) e, polo tanto, volverán a pedir no vindeiro pleno que o goberno local acepte o ofrecemento da Xunta e acepte acoller no municipio a base do GES.

Concretamente, os populares piden a creación dun equipo de traballo, do que queren formar parte, para iniciar os trámites para a recuperación do servizo GES para o concello.

O portavoz, José Luis Regueiro, insiste en que “é necesario dotar á Fonsagrada deste servizo con persoal cualificado e material axeitado para atender as necesidades que se poidan presentar en materia de emerxencias no noso concello, cun termo municipal moi extenso”.

“Se o goberno socialista se opón a este servizo, estará cometendo un grave erro de pésimas consecuencias para os nosos veciños e veciñas”, segundo manifesta o popular que lembra: “a Xunta trata de dar aos veciños da Fonsagrada un servizo do que carecemos ata o de agora e a custe cero para o Concello”.

O popular lembra que A Fonsagrada xa contaba con este servizo que “o goberno local do PSOE non parou ata desmantelar deixando desprotexidos aos veciños da zona en materia de emerxencias”.

Nova suba de infeccións activas malia un lixeiro freo nos contaxio

Baixa o ritmo de contaxios de covid na provincia de Lugo, ao tempo que se mantén en cifras semellantes a días anteriores o número de altas médicas, o que non chega para contrarrestar a suba de positivos. Isto deixa á provincia, de novo, en ascenso no número de casos activos.

Así o revela o último informe do SERGAS con datos recabados ata as 6 da tarde de onte e que cifra en 170 as infeccións activas, 17 máis que na xornada anterior.

E é que malia que se reduciron lixeiramente o número de positivos, que nas últimas horas foron 20 persoas, fronte as 26 da xornada anterior o certo é que o mantemento das altas médicas nunha ou dúas diarias rexistradas nas últimas catro xornadas está causando esta nova suba de casos.

Así, segundo informou o SERGAS, no día de onte tan só recibiron a alta médica 2 persoas, ao igual que na xornada anterior.

Un baremo que mellora de xeito significativo é a presión asistencial. Nas últimas horas o HULA baleiraba todas as súas camas de unidades convencionais de pacientes covid. Nestes momentos, segundo informa o SERGAS tan só hai un ingresado na provincia que está na UCI do Lucus Augusti. O resto de hospitais continúan hoxe sen rexistrar casos covid.

Asemade, nas últimas horas o SERGAS confirmaba un novo falecemento o dunha muller de 86 anos que perdía a vida o pasado martes no HULA loitando contra a covid. Con ela, son 255 os falecidos por mor do virus dende o inicio da pandemia. Do outro lado da balanza están os 19.757 lucenses que xa poden dicir que superaron o virus.

Monterroso prevé inaugurar o Museo das Feiras de Galicia e Don Carlos no 2022

Comeza a conta atrás para a apertura en Monterroso do Museo das Feiras de Galicia. Á vista do estado da tramitación deste proxecto, é posible prever que será inaugurado ao longo do próximo ano. Será, sen dúbida, unha referencia no ámbito cultural, etnográfico e histórico na zona central de Galicia e cubrirá o baleiro existente no estudo das fundamentais manifestacións económicas, sociais e culturais que son as feiras.

A execución deste proxecto é posible grazas a colaboración económica da Xunta de Galicia, que, por medio da Consellería de Cultura, aporta para este fin 200.000 euros en dúas anualidades. Este proxecto é reflexo, no que ao terreo municipal se refire, ao traballo en plena sintonía da coalición formada por IxM, dirixida por Rocío Seijas (alcaldesa) e polo PP, pilotado por Eloy Pérez (primeiro tenente de alcalde).

O goberno municipal de Monterroso sinala que, unha vez rematadas as obras e completadas as composicións dixitais, solo quedará colocar no seu lugar cada unha das pezas doadas por Carlos Méndez.

A execución deste proxecto está avanzada, de maneira que se pode asegurar a apertura do museo no próximo ano. A súa xestión dende Monterroso fará que resulte un atractivo máis para atraer visitantes a este municipio. Polo tanto, o Museo das Feiras de Galicia terá unha función múltiple: cultural e etnográfica, pero tamén económica e social, en tanto que axudará a mellorar a economía do municipio.

No día de hoxe visitaron as obras de acondicionamento interior Don Carlos Méndez, a alcaldesa e o tenente de alcalde.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com