Novas

Consello de Turismo. Fonte: Deputación de Lugo.

O turismo sostible pecha en Lugo con sesenta actuacións estratéxicas

Na última reunión do Consello Provincial de Turismo, realizado este venres no Salón de Plenos, foron detallados e recollidos os logros e accións desenvoltas pola institución a nivel provincial. Pilar García, vicepresidenta do departamento, explicou que a Deputación pecha este 2024 cun reforzo ao modelo de turismo sostible con dez novas propostas en comparación á anualidade previa, acadando as 60 actuacións.

Nun comunicado emitido do Gabinete de Comunicación da Deputación de Lugo, destacan o programa ‘Coñece a túa provincia’, que posibilitou a realización de excursións gratuitas por parte de persoas pertencentes a 82 tecidos asociativos de 67 concellos. Poñen en valor a involucración en eventos, asemade, como La Vuelta ou o Campionato de España de Taekwondo.

Noutras liñas de novidades á oferta turística ou de ocio, destacan a implementación de propostas relacionadas co turismo intelixente, o ecoturismo ou a gastronomía. Asemade, subliñan o aumento en número de viaxeiros que no seu paso polo territorio aproveitaron o abano de rutas fluviais artelladas.

Fonte: Concello de Monterroso.

Con ‘Mellora do camiño Pedraza Sur’, as vías de Monterroso son renovadas

As vías de acceso a San Lourenzo e Pedraza do municipio de Monterroso están a ser melloradas a través de traballos de obra acollidos aos proxectos ‘Mellora do camiño Pedraza Sur’ e ‘Mellora do camiño Pedraza Norte’, ao cargo do Plan de Cooperación cos Concellos. Dende a casa consistorial monterrosina foron planeadas as obras, de 542 metros de lonxitude na primeira zona e de 745 metros na segunda.

Ambas as actuacións supuxeron un investimento conxunto de 59.101 euros para o refirme dos tramos que presentaban desperfectos e conformaban un perigo tanto para vehículos como para peóns.

Os cines Codex estrean esta tarde o filme “As fillas do Califato”

Esta tarde os Codex Cinema estrean  o filme francés baseado en feitos reais “AS FILLAS DO CALIFATO”, un thriller intenso que explora os escuros recunchos do extremismo e a loita pola liberdade.

Sinopse: impulsada pola promesa dunha nova vida. Jessica, unha moza francesa, viaxa a Siria para unirse ao Daesh. Na cidade de Raqa, é acollida nunha casa onde mulleres de todo o mundo agardan converterse en esposas de combatentes. Pronto Jessica gaña a confianza de Madame, a carismática e temida directora do centro, quen exerce unha fascinante e perigosa influencia sobre ela. Esta relación, marcada pola submisión e o control empuxa a Jessica máis aló dos seus propios límites, enfrontándoa a unha realidade cada vez máis escura.

Asemade os Codex estrean tamén na tarde de hoxe a película “CANDO CAE O OUTONO”, filme francesa cunha magnifica interpretación por parte da veterana actriz Hêlêne Vicent, nunha entretida combinación do cómico e o tráxico, onde o seu director François Ozon reivindica o sentido e a necesidade das segundas oportunidades.

Sinopse: Michelle, unha avoa en plena forma en todos os aspectos, vive unha xubilación tranquila nunha aldea de Borgoña onde tamén reside a súa mellor amiga. Cando chegan as vacacións de outono, agarda ilusionada a visita da súa filla, Valérie, e o seu neto, Lucas. A filla vai vela pero coa idea de que coide a Lucas durante toda a semana de vacacións. Sen embargo, nada ocorre como tiñan pensado e todo se complica: un prato de cogomelos tóxicos, a aparición do fillo da amiga….

Clausura aniversario Confraría de Burela.

Burela celebra a clausura do centenario da Confraría de Pescadores

Este xoves, 12 de decembro, tivo lugar o peche do aniversario número 100 da Confraría de Pescadores do concello lucense de Burela. O acto foi celebrado na Nave de Redes do porto burelés. No evento foron realizadas mostras como do ronqueo do atún e a súa preparación, así como se artellaron exposicións dos Patróns Maiores ou os realizados por mulleres en relación co mar.

No acto estiveron presentes Luis Planas, Ministro de Agricultura; Carmela López, alcaldesa e Deputada de Economía e o presidente da Confraría de Pescadores de Burela, José Basilio Otero, entre outros persoeiros.

Kit Dixital. Fonte: Goberno de España.

Aberto o prazo de solicitudes a empresas lucenses para o Kit Dixital

A mañá deste xoves foi anunciado, pola subdelegada do Goberno de Lugo, a apertura da presente convocatoria de axudas de Kit Dixital impulsado polo Goberno de España e xestionado por Red.es. Por vez primeira, as empresas poden acceder a un catálogo de catorce temáticas como xestión de redes sociais ou ciberseguridade, así como as novidades relacionadas coa Intelixencia Artificial.

Na presente convocatoria a contía das axudas do bono dixital será de 25.000 euros para aquelas empresas de entre 50 e menos de 100 empregados e de 29.000 euros para as empresas cuxo número de traballadores sexa de entre 100 e menos de 250 empregados.

Presentación programación de Nadal. Fonte: Deputación de Lugo.

Danza e gincana son as novidades da programación de Nadal en Lugo

A programación de Nadal para a cidade de Lugo, recentemente presentada pola Concellería de Xuventude e Deportes, vén de anunciar dúas novas ofertas de ocio. Xunto cos tradicionais obradoiros e actividades normalmente ofertados, como a “scape-room”, suma as opcións dunha gincana baixo o nome “La Búsqueda del cofre perdido” pola urbe romana e dun taller de danza e coreografías.

Entre o 16 de decembro e o 4 de xaneiro, serán realizadas as oito diferentes actividades. O vindeiro luns o acto que será encargado de abrir a axenda é o obradoiro de decoración de Nadal, dende as 17:00 ás 20:00 horas da tarde na Casa da Xuventude. Estas actividades serán repetidas os días 17 e 18 de decembro.

Xornada Fiscalidade. Fonte: CEL.

A Confederación de Empresarios de Lugo reúne corenta persoas para analizar a normativa cara o 2025

Este xoves, 12 de decembro, foi realizada a xornada informativa “Novidades normativas 2025. Como preparar á nosa empresa: Novidades fiscais e factura electrónica” na sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL). Case corenta empresarios de toda a provincia lucense estiveron presentes no acto, dividido en dúas partes: modificacións lexislativas no imposto sobre sociedades e facturación electrónica.

Ambas estiveron guiadas por diferentes figuras especializadas nas materias. Entre os colaboradores no discurso, moitos pertencentes á empresa Deloitte, estiveron a especializada en operacións de reestruturación Diana Soto ou Antía López, especializada en tributación indirecta.

‘Si, hai saída’ de Lugo alerta do aumento de violencia de xénero a través das redes sociais

A Asociación Si, hai saída alerta do perigo da crecente tendencia, promovida por algunhas famosas, de substituir as denuncias por violencia de xénero pola publicación en redes sociais das mesmas.

Desde a Asociación Si,hai saída desexamos manifestar a nosa alarma ante a evidente e cada vez maior tendencia a substituír as denuncias por situacións de violencia de xénero pola la publicación en redes sociais das mesmas, promovidas por algunhas famosas, como está a suceder nestes días na última coñecida ata o momento, protagonizada pola atleta Ana Peleteiro, por mencionar tan so un exemplo,así como a alertar do grave risco que isto implica.

NUNCA, e repetimos, NUNCA a publicación en redes sociais pode substituir a denuncia, e fomentar este comportamento, como están a facer estas mulleres, é, ademais de unha grave irresponsabilidade, un factor de risco e perigo para as vítimas.
Entendemos, e é moi lóxico, ademais, que unha vítima de violencia machista non saiba, inicialmente, identificarse como tal, como tamén, e o vivimos día a día con elas, o seu temor a dar o paso de denunciar, así como a necesidade de respectar os seus tempos. De feito é vital
facelo.

Non deixamos, así mesmo, de comprender que, nun momento dado, precisen contar a súaexperiencia, sendo para isto os seus referentes mulleres mais ou menos famosas, que o fan a través das redes sociais, obviando a denuncia, ignorando o risco que isto supón.
O feito de non denunciar implica, entre outras cousas, que os seu maltratadores non paguen polos seus delitos, co risco que isto supón para elas mesmas, xa que, evidentemente, non van ter acceso a ningunha medida de protección, e para outras mulleres que, con toda seguridade, tamén están a ser ou serán maltratadas.

Por outra banda, desde o momento no que isto se fai público, o dereito a presunción de inocencia que, nos guste ou non, existe e compre respectalo, é vulnerado, polo que algún dos agresores, sentíndose aludido, pode ser quen denuncie, pasando a vítima real a ser autora dun
delito.

Non esquezamos, así mesmo, que, lamentablemente, e malia ser moi inxusto, non é o mesmo ser unha vítima anónima que unha vítima coñecida ou famosa que, obviamente, vai ter, no caso de que as súas manifestacións provoquen algunha consecuencia , medios e recursos para defenderse dos que non vai dispoñer nunca unha vítima descoñecida.

Non se pode, aproveitándose da súa fama como personaxes públicos ou coñecidos, e, en aras do “seu dereito a romper o seu silencio”, de “dar voz as vítimas”, ou “visibilizar a violencia de xénero”, inducilas, aproveitando a súa vulnerabilidade emocional, o seu medo, e a súa
necesidade de sentirse comprendidas, a ignorar o que é un paso fundamental, en primeiro lugar, para que poidan ser protexidas e para que os seus agresores paguen polo seu delito.

Se de verdade a Sra. Peleteiro e outras coma ela que, lamentablemente, exercen unha enorme influencia en moitas mulleres, principalmente entre as mais novas, queren axudalas, que comecen por dar elas o primeiro e correcto paso: DENUNCIAR.

Non serve a escusa de que non o fixeron antes porque non eran conscientes da súa situación. Se agora, como din, o son, o delito non prescribe, polo que poden e deben denunciar.

Entón, e so entón, poderán servir de exemplo e serán de axuda para moitas mulleres que están pasando polo mesmo e que as teñen como referentes.

Facer o contrario, é, como xa dixemos, unha enorme irresponsabilidade, se ben tamén, sexamos sinceros, un lucrativo negocio, para algunhas delas, e para os medios que lles dan voz, tanto ou mais irresponsables.

Non se pode, se se ten, como debería suceder, un mínimo de coherencia, criticar as leis, a xustiza, e esixirlles resultados, e, a mesma vez, ignoralas.

Hai que traballar e loitar, eso si, para que, as vítimas de violencia machista, os seus fillos e fillas, sexan debidamente asistidos e protexidos, e dar voz cando isto non suceda.

Converter esta sanguenta lacra nun “reality “ ou nunha travesía de plató en plató, fomentando unha conduta claramente irresponsable. non é loitar nin dar voz,

É, sinxelamente, facer negocio da dor e un xeito mais de maltratar, por mais que, quen o faga, fora, a súa vez, no pasado, vítima.

Asociación Si, hai saída.

Fonte: Google Maps.

Comeza a desmontaxe da valla situada no acceso á Rúa Moucho

Tras a aceptación por parte da propiedade domiciliar que se apoiaba na valla da orde municipal de arranxo, comezan os traballos de desmontaxe da invasiva estrutura que se sitúa na entrada da Rúa do Moucho, en Lugo. Esta, situada á carón da construción romana por excelencia da urbe, leva instalada máis de 25 anos.

O elemento soportábase, prácticamente de xeito total, sobre o monumento romano. A súa finalidade, cando foi instalado, era a de manter o equilibrio da casa e evitar que se desmoronase, xa que ameazaba ruina. Mediante execución subsidiaria, estaba prevista a acometición dende o concello das obras mais, tras o cambio de dono da casa, as obras foron activados.

Cartaz. Fonte: Xunta de Galicia.

O programa de capacitación dixital é aproveitado por máis de mil galegos

A través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a Xunta de Galicia lanzou o programa gratuito e en liña de Formación Digital, no que están a participar na convocatoria presente máis de mil alumnas e alumnos. O obxectivo principal da actividade é preparar á cidadanía para a adquisición da Certificación Galega de Competencias Dixitais (ComDix) e fomentar a alfabetización dixital no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030.

O curso é de nivel intermedio e ten unha duración de dous meses e medio. No programa, o alumnado inscrito será formado en creación de contido dixital, seguridade ou solución de problemas dixitais, entre outros puntos do temario. A actividade formativa é financiada co Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea e, a día de hoxe, a inscrición a través de www.formaciondixital.gal segue aberta.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com