Novas

A federación de veciños de Lugo recibe 200 novos comprosteiros para promover a reciclaxe dos residuos orgánicos domésticos

A Xunta de Galicia, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), entregou 200 novos colectores para facer compostaxe doméstica á Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti, co fin de promover a reciclaxe da materia orgánica en orixe.

O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, explicou que as novas unidades foron subministradas a petición da entidade veciñal, que xa recibira outros 100 composteiros de uso doméstico no mes de xullo.

Os recipientes teñen capacidade para 400 litros e están fabricados con materiais reciclados e reciclables. O obxectivo da Federación é repartilos entre os seus asociados para que convertan os restos orgánicos en compost, un abono natural con excelentes propiedades para o solo, que ademais de achegarlle nutrientes protéxeo fronte a pragas e enfermidades. Lucus Augusti pretende así contribuír a recuperar unha práctica tradicional no rural galego dunha forma cómoda, hixiénica e eficiente.

Arias explicou que con cada unidade proporcionouse un manual didáctico co fin de que os usuarios conten cos coñecementos básicos para levar a cabo o proceso. Nel indícase o lugar no que hai que colocar o recipiente (nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores); a relación de materiais que deben ir ao colector e os que hai que evitar depositar nel; e outros aspectos relacionados co control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.

Tamén se indica que o abono resultante debe de estar húmido pero non mollado e ten que reunir uns determinados requisitos para que poida ser empregado na agricultura e xardinería con garantías e sen restricións, cumprindo coas esixencias que marca a normativa vixente.

Ademais, Arias apuntou que Sogama imparte cursos de formación para explicar aos participantes os pasos a seguir, resolver dúbidas e lembrar os principios que deben rexer a xestión sostible dos residuos: redución, reutilización e reciclaxe.

Lembrou que un total de 83 entidades da provincia de Lugo forman parte do programa de autocompostaxe xestionado por Sogama: 44 concellos, 29 centros educativos e 10 colectivos sociais, que levan recibido máis de 3.500 composteiros de xeito gratuíto.

A autocompostaxe permite converter a materia orgánica en recurso, constituíndo todo un exemplo de economía circular. Dado que o residuo orgánico representa o 42% da composición media dunha bolsa tipo, se se recicla en orixe, evítase o seu depósito no contedor verde convencional, circunstancia que contribúe ao aforro de custos ambientais, económicos e sociais. As persoas interesadas poden acceder a máis información a través do sitio web www.compostaconsogama.gal.

24 andainas simultáneas percorreron Galicia hoxe en contra da violencia contra a muller

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participan hoxe en senllas andainas das 24 que percorren a nosa comunidade de xeito simultáneo no marco do proxecto “O rural contra a violencia de xénero”. Un proxecto que inclúe un amplo programa de actividades organizadas polos 24 grupos de desenvolvemento rural (GDR) de toda Galicia e que se celebrarán deica o 25 de novembro, data na que se conmemora o Día mundial da eliminación da violencia contra a muller.

En concreto, Inés Santé participa na marcha organizada polo GDR Ribeira Sacra-Courel, que culmina diante da Casa do Concello de Triacastela. Pola súa parte, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, acude á organizada polo GDR Miño-Ulla, que conclúe en Palas de Rei. Cabe lembrar que estas andainas buscan implicar a miles de persoas do rural para que camiñen desde 24 puntos distintos do noso territorio cos obxectivos de reclamar o fin da violencia machista e de defender a igualdade. A través deste acto reivindicativo e simbólico, a Xunta tamén quere poñer en valor os diferentes roteiros de peregrinación do Camiño de Santiago, co gallo do Xacobeo 21-22.

A Axencia de Desenvolvemento Rural, responsable de coordinar todos os grupos de desenvolvemento rural da comunidade, é a artífice desta iniciativa, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade e da Axencia de Turismo de Galicia e que se inscribe no acordo da Xunta para implementar as medidas propostas polo Pacto de Estado en materia de violencia de xénero. Foron os propios 24 GDR os que deseñaron e organizaron un completo programa de actividades socioculturais nos municipios que engloban e cuxo acto central é a andaina popular que ten lugar hoxe.

Entre as accións programadas polos GDR deica o 25 de novembro, encóntranse exposicións, concursos de debuxo e fotografía, concertos, proxección de documentais con testemuños de vítimas de violencia machista, actividades e charlas en colexios, teatro ou puntos de atención itinerantes para vítimas de violencia machista.

Amplo programa polo 25-N

A Xunta programou este ano un amplo abano de actuacións para conmemorar o 25-N e chamar á sociedade a se implicar na loita contra a violencia de xénero. Entre outras medidas, estanse a celebrar xornadas de sensibilización nos campus universitarios contra a violencia sexual. Deseñouse, ademais, un Plan de formación para os 189 concellos incluídos na Rede galega contra a violencia de xénero e para os centros de información á muller (CIM).

Doutra banda, permanece aberto ata o 15 de novembro o concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais dirixido aos centros de educación non universitarios de Galicia.

Outras actividades que se desenvolverán para conmemorar o Día internacional contra a violencia de xénero son o Congreso da Asociación de Mulleres no Sector Público (18 e 19 de novembro en Santiago); o Congreso Medios de Comunicación e Igualdade (26 de novembro en Santiago de Compostela) e a andaina contra a violencia de xénero que baixo o lema

“Camiño ao respecto” está aberta á participación da cidadanía e se celebrará o 21 de novembro desde o Monte do Gozo ata a Praza do Obradoiro.

A calidade e a modernidade da FP galega, nas Galiciaskills 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presidiu hoxe o acto de entrega das medallas de oro e prata das Galiciaskills 2021, as olimpíadas da FP, cuxos gañadores sinalou como expoñentes “da calidade e modernización da Formación Profesional galega”.

Felicitou, asemade, a estes 50 alumnos pola súa excelencia. “Estamos moi orgullosos de vós, xa que sodes piares que facedes que a nosa FP sexa un sinónimo de calidade, de profesionalidade e de innovación”, afirmou.

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia puxo en valor o modelo de éxito destas ensinanzas na nosa comunidade. “Non hai máis que repasar as cifras dos últimos anos para comprobar que a FP galega experimentou na última década unha verdadeira revolución silenciosa”, explicou, sinalando que os datos de matrícula actuais “duplican practicamente aos que tiñamos hai 10 anos, ata superar a barreira dos 60.000 estudantes”.

Así mesmo, destacou a implantación de novas modalidades, como os másters de FP, “poñendo en marcha 13 cursos de especialización en áreas de futuro”, ou a FP Dual, “que é hoxe un dos principais valores da nosa oferta. De feito este ano acadamos a cifra récord de 160 ciclos, nos que se forman 2.000 alumnos”, dixo.

Román Rodríguez quixo facer tamén fincapé nas cifras de inserción laboral destas ensinanzas, que se sitúan no entorno do 90% e mesmo por riba no caso da FP Dual. “Agora máis ca nunca a nosa Formación Profesional é sinónimo de prestixio, competitividade, empregabilidade e adaptación ao entorno laboral”, salientou.

O Concello de Taboada incluído no programa ‘Xantar na casa’ da Xunta

A conselleira de Política Social, Fabiola García, asinou onte co alcalde de Taboada, Ramiro Moure a incorporación do concello ao programa de atención alimentaria a domicilio Xantar na casa. Unha decena de veciños do concello lugués beneficiaranse deste servizo que a Xunta desenvolve en colaboración coas entidades locais. O obxectivo de Xantar na casa é garantir unha dieta saudable, equilibrada e adaptada ás necesidades de cada usuario, que son, principalmente, maiores que viven sos. Esta iniciativa tamén se dirixe ás persoas dependentes e a aquelas con poucos recursos que están en risco de exclusión.

A comida repártese nas vivendas nunha única entrega para todos os días da semana, incluídos sábados, domingos e festivos; polo que soamente hai que quentala antes de consumila. Aos destinatarios tamén se lles facilitan os electrodomésticos que precisen no caso de que carezan deles, como neveira e microondas.

Seguimento individualizado
Ademais de ofrecer uns menús sans, a través desta iniciativa é posible facer un seguimento individualizado, previr posibles incidencias e actuar con celeridade ante calquera incidencia.

Son os servizos sociais municipais os que se encargan de seleccionar as persoas beneficiarias. Pola súa banda, a Xunta financia o 50% do custe da comida e o resto o asumen, a partes iguais, os concellos e os beneficiarios. Coa incorporación de Monfero e Taboada, son xa 190 as localidades de toda Galicia adheridas ao Xantar na casa, co que se atende diariamente a 1745 persoas.

Aprobada a peonalización de Rafael de Vega

O Concello de Lugo vén de anunciar a aprobación do proxecto de peonalización da rúa Rafael de Vega, no barrio da Estación, onde se construirá unha nova zona peonil para o goce da veciñanza. Así o dixeron dende o Goberno local que explicaron que durante a elaboración do proxecto mantiveron xuntanzas coa veciñanza da zona “contando co seu apoio e tendo en conta as súas necesidades”.

O Goberno de Lugo aprobou iniciar o procedemento de licitación desta actuación cun prazo de execución de 6 meses e un orzamento que rondarán os 285.840 euros.

Traballadores de Vestas sairán cada venres a protestar ante a falta de acordo coa empresa

Avisárono estes días e onte fíxose efectivo. Os traballadores da fábrica de Vestas en Chavín (Viveiro) saían onte ás rúas de Foz ante a falta de acordo acadado coa empresa no relativo ao ERE extintivo que quere aplicar e que se fará efectivo, previsiblemente, de aquí a finais de ano.

Unhas 300 persoas entre traballadores da factoría e outros apoios saíron do peirao de Foz para percorrer a localidade chegando, incluso, a cortar o tráfico nalgúns puntos, para rematar onde a delegación de Facenda. Unha manifestación que se fixo oír con cánticos de “A indemnización non é solución” ou  a xa escoitada noutras concentracións “Sen industria non hai futuro”.

Así, o comité de empresa avanzou onte que estas manifestacións se farán efectivas cada venres dende onte e ata final de ano por outras localidades da comarca como Viveiro, Burela, Xove ou San Cibrao.

En apoio a estes 115 empregados que poderían sufrir o ERE extintivo, ao igual que aos empregados de Alcoa ante o futuro posible peche da fábrica de San Cibrao, toda a comarca da Mariña realizara un paro total, este mércores 17 de novembro.


Imaxe de arquivo: o comité de empresa de Vestas reúnese coa Xunta e a compañía

Lugo supera os 100 casos activos de Covid logo doutro aumento nos positivos detectados

A provincia aumenta o ritmo de suba de casos de xeito exponencial. Víamolo nos últimos días, nos que o SERGAS pasaba de detectar 4 casos a primeiros de semana aos 11 ou os 14 de antonte e onte. Hoxe volve a subir este baremos que trae consigo a suba de casos activos, sen afectar, polo momento, á presión asistencial.

Así, Lugo se sitúa hoxe nos 101 casos activos, unha cifra que non se daba dende que comezou a baixada de casos da vaga estival. Asemade, segundo os datos recabados polo SERGAS ata as 6 da tarde de onte, detectáronse 19 positivos en probas diagnósticas. Unha suba que xa se viña dando en todo o Estado e que comeza a notarse na nosa comunidade.

Como dicimos, a presión asistencial mantense, polo momento, nas mesmas cifras que en días pasados, con 3 persoas ingresadas no HULA, 2 en planta e unha na UCI.

‘Instintos’ de Luz Airado, na Casa da Cultura de Vilalba

NPG Nova Poesía Guitirica presentará o vindeiro venres 19 de novembro o poemario Instintos de Luz Airado. O acto será a partir das 19 h na Casa da Cultura de Vilalba.

Na presentación, ademáis da autora, intervirán a ilustradora Viki Rivadulla, habitual colaboradora da Nova Poesía Guitirica na creación das pezas do certame Vilarinhas e tamén da Lareira de soños co prémio Trapeiro de Honra ou a imaxe da restauración dos frescos dos Vilares. Tamén estará a autora do prólogo, a poeta da NPG Luz Campello, autora dos libros Do corazón da terra e O inventario do prohibido.

Luz Airado creou con Instintos um poemario de contidos moi vinculados ás orixes, á maternidade e ao feminismo, temáticas coincidentes coas da artista de Muxía Viki Rivadulla e á poeta de Labrada Luz Campello que a arroupan nesta aventura poética.
O acto será emitido tamén en directo polo facebook da NPG Nova Poesía Guitirica.

Instintos é unha iniciativa promovida pola NPG Nova Poesía Guitirica coa colaboración do concello de Vilalba e a Secretaria Xeral de Política linguística e publicada por Edicións Medulia, que terá unha segunda novidade nas próximas semanas coa publicación de Argonauta de Moncho Bouzas coa colaboración do concello de Muros, e a Secretaria Xeral de Política linguística.

A próxima semana sae editada tamén a antoloxía poética 21, recompilación dos 21 novísimos poetas galegos, nacidos despois do ano 2000 e entre os que que atopa a poeta da NPG Nova Poesía Guitirica Clara Blanco, que acadou este ano tres premios poéticos. 21 está editado por Edicións Da Aira e foi coordinado polo poeta Carlos da Aira.

14 positivos Covid na última xornada eleva a cifra de infeccións a 85

Segue a escalada de casos na provincia. E é que nas últimas horas, o número de persoas infectadas con Covid volveu ascender de xeito significativo. Así, se onte eran 72 os casos activos rexistrados por Sanidade, hoxe o Servizo Galego de Saúde notifica 85, 13 casos máis que na xornada anterior.

Unha suba causada pola gran cantidade de positivos detectados nas últimas horas e que soben ata os 14, fronte os 11 da xornada anterior e lonxe, xa, dos 4 que se rexistraban a primeiros de semana.

No tocante a presión asistencial, todo segue igual. Tres pacientes continúan ingresados na provincia, dous deles en planta e 1 na UCI, todos no HULA.

No que levamos de pandemia, a provincia rexistrou un total de 20.087 positivos, dos cales 19.742 poden dicir que xa superaron a enfermidade e, outros 254 perdían a vida na súa loita contra o virus.

Carballo di que o PSOE retrasa a apertura do Auditorio de Magoi “para que o BNG non o estrene antes das eleccións”

O voceiro do Grupo Popular, Ramón Carballo, acusa á alcaldesa de Lugo de retrasar “de forma intencionada” a apertura do novo auditorio de Magoi. Os populares están convencidos de que ata 2023 non poderemos disfrutar desta infraestructura xa que “Méndez está dilatando a súa posta en marcha para que o BNG, responsable da política cultural, non poida utilizar esta dotación e sacar réditos electorais”.

Por este motivo, o voceiro do PP anima ás asociacións culturais “a que recuperen o espíritu de unión do que fixeron gala cando reclamaron, hai anos, un auditorio de nivel para Lugo”. “É preciso presionar a este goberno para que axilice a apertura do novo Auditorio de Magoi e, deste xeito, incorporaríamos a Lugo nos circuítos de eventos de alto nivel de convocatoria” matizando “eso sen desmerecer as aportacións, sempre valiosas, dos nosos grupos e artistas locais”.

Carballo indicou que “é un despropósito a situación na que se atopa o Auditorio de Magoi” subliñando que “está claro que nin teñen vontade de abrilo, nin saben que modelo de xestión queren implantar para que funcione cunha programación de nivel”. Dende o PP anuncian que pediran explicacións detalladas dos motivos polos que o goberno de Lara Méndez “descartou os informes que xa estaban listos”.

Por último o voceiro popular di que “non é de recibo que a día de hoxe se utilice a Xunta como disculpa cando o 23 de xuño de 2020 o Concello de Lugo recibiu as chaves do edificio que se entregou en bo estado, tal e como informaron favorablemente os propios técnicos municipais antes da súa recepción”


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com