Novas

Fonte: Google Maps.

Comeza a desmontaxe da valla situada no acceso á Rúa Moucho

Tras a aceptación por parte da propiedade domiciliar que se apoiaba na valla da orde municipal de arranxo, comezan os traballos de desmontaxe da invasiva estrutura que se sitúa na entrada da Rúa do Moucho, en Lugo. Esta, situada á carón da construción romana por excelencia da urbe, leva instalada máis de 25 anos.

O elemento soportábase, prácticamente de xeito total, sobre o monumento romano. A súa finalidade, cando foi instalado, era a de manter o equilibrio da casa e evitar que se desmoronase, xa que ameazaba ruina. Mediante execución subsidiaria, estaba prevista a acometición dende o concello das obras mais, tras o cambio de dono da casa, as obras foron activados.

Cartaz. Fonte: Xunta de Galicia.

O programa de capacitación dixital é aproveitado por máis de mil galegos

A través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a Xunta de Galicia lanzou o programa gratuito e en liña de Formación Digital, no que están a participar na convocatoria presente máis de mil alumnas e alumnos. O obxectivo principal da actividade é preparar á cidadanía para a adquisición da Certificación Galega de Competencias Dixitais (ComDix) e fomentar a alfabetización dixital no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030.

O curso é de nivel intermedio e ten unha duración de dous meses e medio. No programa, o alumnado inscrito será formado en creación de contido dixital, seguridade ou solución de problemas dixitais, entre outros puntos do temario. A actividade formativa é financiada co Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea e, a día de hoxe, a inscrición a través de www.formaciondixital.gal segue aberta.

Proxecto NIRS2CUSTOM. Foto cedida.

Begonte acolle as probas dun proxecto de análise dixital con IA do solo

Este mércores, as instalacións de Cecoagro en Begonte acolleron as primeiras probas de campo do grupo operativo de innovación Nirs2Custom, un proxecto co que a compañía lucense desenvolveu unha ferramenta dixital de analítica de solos en tempo real a través de tecnoloxía NIRS conectada a Intelixencia Artificial. Esta facilitaría a avaliación dos solos para unha toma de decisións precisa de cara á aplicación de fertilizantes.

Enmarcado na convocatoria dos Grupos Operativos de Innovación do ano 2022 da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente de Medio Rural da Xunta de Galicia, o proxecto supón un paso máis cara a dixitalización das explotacións agrogandeiras.

Pedrafita do Cebreiro. Fonte: Avitruga.

Alto do Cebreiro rexistra 1,2 graos baixo cero

A madrugada deste martes rexistrou valores negativos nas provincias lucense e ourensana. Para esta semana, MeteoGalicia previu unha baixada das temperaturas xeral a toda a autonomía que está a facerse moi notoria en certos puntos, entre eles Lugo. Certas zonas da montaña da nosa provincia baixaron dos 0º, entre eles o Alto do Cebreiro, acadando os -1,2ºC.

A cota de neve, pese á baixada de temperaturas que se agravará durante a xornada deste xoves para logo manterse ata a fin de semana, seguirá aos mil metros de altitude.

Paseo do Malecón en Monforte de Lemos. Fonte: Concello de Monforte de Lemos.

Ante posibles inundacións, solicitan para Monforte de Lemos un Plan de Actuación

A voceira do Partido Popular de Monforte de Lemos, Katy Varela, solicitou ao Concello, explicando a habitualidade das inundacións na cidade, a creación dun Plan de Actuación que siga unha distribución por zonas de risco potencial. Como indica a formación nun comunicado, a acción é precisa dado que o concello lucense “adoita anegarse cando chove con certa intensidade” sendo apuntada pola CHMS como “a segunda área hidrolóxica con máis tramos de río, algo máis de 60 quilómetros, en zona de risco de inundacións na cunca do Miño-Sil”.

A representante popular municipal argumentou a viabilidade da petición referenciando a resolución do pasado 18 de outubro do Plan Especial de Protección Civil ante o Risco de Inundacións en Galicia (Inungal), ao que se podería adherir Monforte de Lemos.

Fonte: Deputación de Lugo.

Lugo verase reforzada en biodiversidade coa prantación de 150 árbores

A través da Concellería de Transición Ecolóxica, na cidade de Lugo serán prantadas cerca de 150 exemplares de 33 especies de árbores entre as rúas, parques e espazos verdes existentes na urbe. Os traballos, enmarcados no plan anual de reposición de especies arbóreas, serán iniciados nos vindeiros días.

A elección das especies a prantar segue os criterios de sostibilidade e resistencia, buscando que cada exemplar sexa acomodado para a súa ubicación e contribúa ao equilibrio ambiental e á mellora da paisaxe. Diferenciando as finalidades de manter razas autóctonas e ornamentar os espazos, foron escollidos o cereixo xaponés ou o bidueiro, entre outros.

LU-12. Fonte: Flickr.

112 operarios e 64 máquinas garantirán a seguridade viaria na provincia este inverno

En Pedrafita, este mércores, 12 de decembro, foi presentado o Plan de Vialidade Invernal 2024-2025, cuns medios previstos de 112 operarios e 64 máquinas a través das oito empresas que traballan en coordinación coa Deputación de Lugo. O obxectivo da acción é o de garantir unha resposta áxil e eficaz ante as incidencias que poidan xurdir polas inclemencias meteorolóxicas nos 4.217 quilómetros na rede viaria provincial.

Entre os 67 concellos da provincia lucense serán repartidas un total de 420 toneladas de sal nos 12 silos cos que conta a entidade. Os depósitos desta atópanse en Ourol, O Valadouro, Riotorto, Lugo, Becerreá, O Incio, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, Cervantes, Navia de Suarna, A Fonsagrada e Ribas de Sil.

Casco histórico de Lugo. Imaxe libre de dereitos.

Dúas caídas polo firme do casco histórico de Lugo nunha mañá

O firme de baldosas da zona do Lugo Monumental continúa a ser un problemático para os transeúntes. Na mañá deste pasado luns, 9 de decembro, o casco histórico foi o contexto de dúas novas caídas de persoas paseantes. A Rúa Nova, co tránsito de vehículos novamente activado, foi un dos puntos nos que se deu o primeiro accidente. De forma previa, na Praza San Pedro, tivo lugar a primeira caída, á altura do restaurante Eduri.

Segundo indicaron membros da asociación Lugo Monumental a El Progreso, os avisos foron dados “de inmediato” ao Concello de Lugo para a reparación da lousa.

Cuartel de San Fernando. Fonte: Turismo de Galicia.

Medio millón de Cultura irá destinado ao Museo da Romanización de Lugo

Nos orzamentos programados para o 2025, a Consellería de Cultura proxecta a inversión de medio millón de euros no proxecto do Museo da Romanización de Lugo. O anuncio foi emitido polo Goberno galego este 9 de decembro, luns, na Comisión de Orzamentos do Parlamento de Galicia. Esta supón a primeira partida económica concreta para a iniciativa, a completar cos orzamentos doutras administracións.

A intención dos traballos é transformar o antigo cuartel de San Fernando nun museo que custodie os múltiples restos da época romana aínda presentes na cidade.

Cervo Madruga. Fonte: Concello de Cervo.

ANPAS e Concello de Cervo artellan en favor da conciliación

‘Cervo madruga’ permite a conciliación ás familias do concello de Cervo. Ata o 19 de decembro, o programa está aberto ás familias para a realización de inscricións das crianzas para, o 8 de xaneiro, comezar co servizo prestado nas primeiras horas da mañá. O baseamento da acción estivo coordinada entre a casa consistorial e as ANPAS do CEIP de Cervo e do CEIP Península da Paz.

Os horarios ofertados van de 7:30 a 8:30 horas da mañá, con almorzo incluido, ou de 8:30 a 9:30 horas, no caso do CEIP Península da Paz. Tamén está aberta a opción das 9:35 horas, no caso do CEIP de Cervo.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com