Novas

Agromuralla fai un chamamento “á solidariedade da poboación” cos gandeiros que se manifestarán o xoves en Lugo

Agromuralla pide a toda a poboación, teña ou non vinculación directa co medio rural, que este xoves se mobilice en defensa duns “prezos xustos para os produtores de leite que permitan a supervivencia das explotacións e o mantemento da vida e a actividade económica nas zonas rurais”.

Agromuralla, que engloba a gandeiros e gandeiras das provincias de Lugo e A Coruña, convocou para este xoves unha marcha polas rúas da cidade de Lugo e o seu presidente, José Luis Pérez Barreiro, apela á solidariedade do conxunto da cidadanía, á que invita a participar nos actos de protesta, ao igual que apela “á unidade de acción de todas as entidades que representan aos produtores”.

“Durante os meses de confinamento e pandemia sanitaria recibimos moitas mostras de apoio e agradecemento porque os gandeiros e gandeiras seguimos traballando todo este tempo para producir alimentos e que os liñais dos supermercados non quedasen desabastecidos. Agora é o momento de devolver ese compromiso que os gandeiros e gandeiras tivemos coa sociedade apoiando a nosa xusta e lexítima reclamación duns prezos dignos que cubran o incremento de custos de produción que estamos a sufrir nos últimos meses as explotacións por unha suba insostible da luz, os pensos e o gasóleo e que está a afogar ás granxas”, asegura José Luis Pérez Barreiro.

Saída ás 12 da Ronda da Muralla

Os gandeiros sairán á rúa este xoves 4 de novembro para reclamar unha suba do prezo do leite en orixe que compense o “incremento desmesurado” dos custos de produción que están a sufrir as explotacións como consecuencia da suba do prezo da enerxía, os combustibles e os pensos.

A protesta arrincará ás 12 da mañá diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, previa presentación por rexistro dun escrito coas reivindicacións, e discorrerá polas rúas da cidade até rematar diante da Subdelegación do Goberno, na rúa Armanyá, onde os gandeiros e gandeiras rexistrarán un escrito dirixido ao Ministerio de Agricultura coas súas demandas.

Unha caravana de tractores acompañarán aos manifestantes no seu percorrido e despois quedarán estacionados durante todo o día na Ronda da Muralla, igual que o fixeran no 2015, unha imaxe convertida xa en símbolo da loita dos gandeiros e gandeiras por un prezo xusto para o leite que producen.

Momento “crítico” para as ganderías

O presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, asegura que “as granxas estamos a atravesar unha situación crítica debido á suba desmesurada dos custos de produción e á conxelación do prezo do leite” e esixe ás Administracións “que adopten as medidas necesarias para garantir a viabilidade e continuidade dun sector estratéxico para o conxunto de Galicia”.

“Galicia non se pode entender sen o rural e o medio rural de Galicia non se pode entender sen ás 6.500 ganderías que producimos leite e as 11.000 que se adican á produción de carne”, dous sectores “en risco grave de desaparecer” polos baixos prezos en orixe, insiste.

Que a suba do leite nos supermercados se traslade ás granxas

Por iso, José Luis Pérez Barreiro demanda a “implicación directa” tanto da Xunta de Galicia como do Ministerio de Agricultura para garantir “un prezo digno aos produtores que cubra os custos de produción”, tal como obriga a Lei da Cadea Alimentaria, e “medidas urxentes que eviten que se produzan nos vindeiros meses peches en cadea de explotacións”.

Para salvar o “momento crítico actual”, o presidente de Agromuralla esixe que a suba do prezo do leite que se está a dar nos liñais dos supermercados “se traslade de xeito inmediato ás ganderías que o producen”. “Non pode ser que se encareza o prezo do leite aos consumidores co pretexto de pagar mellor aos produtores e que despois ese incremento quede polo camiño e o repartan entre as industrias e as cadeas de distribución sen que chegue ás granxas”, di, polo que reclama “unha actualización inmediata do prezo fixado nos contratos de recollida do leite”.

Finalmente, José Luis Pérez Barreiro tamén considera necesario “que se corrixa o diferencial negativo no prezo do leite de máis de dous céntimos en litro que se vén arrastrando en Galicia a respecto da media que cobran os produtores do resto do Estado” porque, di, “non ten ningún sentido que na comunidade autónoma onde se produce o 40% do leite de todo o Estado e cunha calidade demostrada se estean a cobrar os prezos máis baixos de toda España e da Unión Europea”, denuncia.

O comité de Alcoa convoca unha nova mobilización

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao vén de anunciar a convocatoria dunha nova mobilización. Así o dixo o seu presidente, José Antonio Zan, quen explicou que a manifestación esta vez terá forma de marcha nocturna. Será o vindeiro sábado 6 de novembro no municipio de Xove.

E é que os traballadores da compañía de Cervo seguen en pé de guerra alentados, en parte tamén, polo gran éxito das anteriores convocatorias, en especial desta última, celebrada o pasado domingo e que xuntou preto de 1000 vehículos.

Como é habitual, Zan aposta por convidar a “todo o que quera sumarse” a esta “marcha nocturna” que transcorrerá “dende o campo de fútbol e ata o Concello”.

Como petición para os veciños da localidade, Zan solicita que, en apoio dos traballadores de Alcoa San Cibrao, a veciñanza apague as luces “e que os da rúa principal e a rúa que dá ao Concello prendan cirios ou velas nas fiestras para que se visualice que está todo ás escuras e se vexan as luces dos traballadores cando cheguen”. Así explicaba Zan que avanzaba, asemade, que “vai ser unha protesta moi vistosa”.

Doutra banda, Zan volveu facer un chamamento ao Ministerio de Industria e é que, segundo explica o presidente do comité, dende que o Tribunal Supremo tombou o ERE que plantexaba a compañía, o Goberno “non deu signos de vida, e levan así máis dun mes”.  “Non temos un papel escrito por parte do Ministerio”, lamenta Zan quen afeou ao Goberno que dean “moi boas palabras e ningún bon feito”.

E máis cando, en palabras de Zan, “hai ofertas” de empresas que queren mercar a planta de San Cibrao e, insistiu “o problema radica na SEPI”. O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao ratificou que hai “catro empresas solventes” que “queren facer esa operación”. Empresas que, segundo Zan, “estarían encantadas” se o Goberno participa “cun tanto por cento do accionariado” e que queren que “se lles garanta un marco enerxético e unha continuidade de futuro”.

A Deputación conmemora o 50 aniversario do programa Mab da UNESCO

A Deputación de Lugo organiza un programa de actividades con motivo do 50 aniversario do programa Home e Biosfera (Mab) da UNESCO, que promove e ampara as Reservas da Biosfera, unha figura que favorece a protección ambiental e o impulso sostible do territorio.

Como xestora de dous dos espazos da provincia que contan con este recoñecemento, Terras do Miño e Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, a institución impulsa actos conmemorativos durante esta semana e a vindeira, entre os que destacan conferencias, cursos, visitas, mostras e degustacións.

Hoxe tivo lugar unha visita a catro rutas de sendeirismo en Castroverde: A de Soutomerille, a do Val do Río Tórdea, a que vai de Furís ó Páramo, e a de Montecubeiro a Barredo. A Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde encargouse do mantemento destas rutas grazas á liña de subvencións de concorrencia competitiva para entidades das reservas Terras do Miño e Ancares Lucenses que lanzou este ano a Deputación de Lugo. O Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo, acompañou aos participantes na visita polas rutas celebrada esta mañá.

Unha xornada nos hortos urbanos que a Deputación ten no Río Rato será a protagonista do calendario de actividades este xoves, a partir das 16.30 horas. Consistirá nunha exposición da primeira colleita dos usuarios, que se complementará coa conferencia Que é a Reserva da Biosfera e a interacción coa agricultura. A charla, impartida pola USC, terá lugar no Centro de Interpretación Terras do Miño.

O sábado, 6 de novembro, haberá unha xornada de degustación da Tenreira Galega en San Román de Cervantes. Organizada polo ANPA do CPI Cervantes e a cooperativa da Carqueixa, a cita comezará ás 11.00 horas no polideportivo do colexio e contará cunha mostra de artesanía, obradoiros e actuacións.

Xunto coa Sociedade Micolóxica Lucus, a Deputación organiza entre os días 8 e 13 de novembro, 5 xornadas teóricas e 1 práctica sobre micoloxía. Será un curso completo sobre os aspectos básicos relacionados coa micoloxía: bioloxía, ecoloxía, formas de vida dos fungos e aspectos básicos para a identificación e clasificación de setas.

A UNED acollerá os días 10 e 11 de novembro no seu salón de actos o curso Reserva da Biosfera Terras do Miño e custodia do territorio, que terá o recoñecemento de 1 crédito de libre configuración. A acción formativa completarase o día 15, ás 18.00 horas, cunha visita ás Insuas.

A fin de semana do 13 e 14 de novembro, terán lugar unhas xornadas promovidas por ADEGA baixo o título Aproximación ao patrimonio cultural e natural dos valados na paisaxe da Reserva da Biosfera Terras do Miño, que terán lugar no concello de Muras. O sábado haberá un seminario no local social da asociación, que comezará ás 10.30 horas e despois haberá unha ruta interpretativa. O domingo, un obradoiro de reconstrución de muros con técnicas sostibles, no Camiño das Ucheiras.

As intimidades das relacións de parella en As fantasías

O filme dirixido polos franceses David y Stéphane Foenkinos, que se estrea esta semana en Codex Cinema, amosa as diferentes caras da guerra de sexos nun sorprendente filme coral.

As fantasías está dirixida polos irmáns David e Stéphane Foenkinos, autores de comedias francesas de gran reputación como Algo celosa ou A delicadeza. Para a súa nova aventura contan cun reparto no que se atopan as estrelas máis importantes do cinema francés como Ramzy Bedia, Nicolas Bedos, Denis Podalydès ou Céline Sallette, ademais de consolidadas figuras internacionais como Monica Bellucci, Carole Bouquet e Karin Viard (vista recentemente en Codex en As apariencias).

Este traballo inspírase nun filme australiano de 2014 titulado A pequena morte, de onde extrapolaron escenas con grandes posibilidades de cruzar as fronteiras e de facer comedia tratando diferentes tabús de homes e mulleres nas súas relacións de parella. Para iso, os irmáns Foenkinos buscaron información de profesionais e levaron a cabo unha investigación para compilar unha lista de case 250 fantasías buscando ser o máis realistas posibles. Ao final, de todas elas escolleron seis, coas que deron forma ás diferentes historias da película. Por incongruentes que sexan as situacións nas que se atopan as personaxes, os cineastas buscaron acceder a eles a partir da empatía.

O que desde o prexuízo poden parecer “desviacións” ou condutas intolerables, para os irmáns Foenkinos non é máis que material dramático coas que construír historias humanas onde todos os espectadores poden verse reflectidos. Historias da vida cotiá que se non se manifestan é pola mirada conservadora e anticuada que se ten sobre o sexo e a intimidade de parella.

Entradas á metade de prezo co Bono Cultura

Desde este 1 de novembro entra en acción a iniciativa Bono Cultura da Xunta de Galicia, unha campaña para a recuperación do sector cultural pola cal se poderán mercar as entradas de Codex Cinema á metade de prezo, ata un máximo de cincuenta euros. Despois de completar o rexistro na web www.bonocultura.gal, simplemente terás que descargar a aplicación móbil e activar o teu bono que terá efecto para librerías, concertos e outras actividades culturais nas que por suposto non falta Codex Cinema.

Mañá abre o prazo para solicitar os 41 hortos urbanos da Deputación no Rato

A Deputación de Lugo abrirá mañá, 2 de novembro, o prazo para que as persoas ou entidade interesadas en optar a algún dos 41 hortos urbanos que quedan dispoñibles no Paseo do Río Rato formulen a súa solicitude. Así o recolle o Boletín Oficial da Provincia (BOP) deste sábado, onde se especifica toda a documentación que é necesario presentar para formalizar a petición dunha parcela.

O prazo para a presentación de solicitudes é de 10 días hábiles a contar dende mañá martes, polo tanto, rematará o vindeiro 15 de novembro. Os beneficiarios terán dereito a utilizar os hortos de maneira gratuíta durante un período de dous anos.

A adxudicación farase a través dun proceso de concorrencia competitiva no que primarán criterios sociais, como estar en situación de desemprego, ser representante dun centro educativo ou traballar para un colectivo social, entre outros. Os usuarios e usuarias deben ser persoas físicas ou representantes de asociacións e ser veciños do concello de Lugo ou dalgún municipio limítrofe.

A Deputación de Lugo dispón dun total de 150 hortos neste espazo público que pon ao servizo da cidadanía para o seu uso, cunha actividade de lecer que fomenta o interese pola agricultura ecolóxica, a concienciación no coidado do medio ambiente e, ao mesmo tempo, permiten realizar actividades ao aire libre e en familia.

Para contribuír a estes obxectivos, a institución provincial ofrece un servizo de dinamización dos hortos urbanos, que asesora aos usuarios e usuarias en temas relacionados coa horticultura ecolóxica e a xestión de recursos, materiais e maquinaria que a Deputación de Lugo pon á súa disposición para o cultivo dos terreos.

Coas 41 parcelas que quedarán adxudicadas no novo proceso para o que se abre o proceso de solicitude mañá, quedarán concedidos o total de 150 hortos urbanos que a Deputación ten habilitados no Rato, posto que xa se adxudicaron 109.

O Breogán suma a súa cuarta vitoria

O CB Breogán suma a súa cuarta vitoria (94-89) na liga fronte ao UCAM Murcia nun encontro tenso e interminable que durou dúas horas e media.

O equipo lucense que contou co apoio do Pazo foi case todo o encontro por diante no marcador nun partido “duro e complicado” segundo declarou o seu entrenador, Paco Olmos.

Valentin Formoso

Valentín Formoso novo Secretario Xeral dos socialistas galegos

O presidente da Deputación de A Coruña e tamén alcalde de As Pontes, Valentín Formoso logrou a vitoria nas primarias do PSdeG-PSOE e convertese no novo Secretario Xeral impoñendose a Gonzalo Caballero.

Valentín Formoso recibiu un total de 4.384 votos fronte aos 2.922 que tivo Gonzalo Caballero. Por provincias foi en Lugo onde Formoso obtivo o mellor resultado, 1.158 apoios fronte aos 394 de Caballero.

Rexistrado un terremoto de 3,3 graos fronte ás costas da Mariña

Un terremoto de magnitude 3,3 graos produciouse esta maña ao norte de Viveiro a escasas millas do rexistrado o pasado venres.

Este novo terremoto é o sétimo rexistrado nos últimos tres días con epicentro no mar Cantábrico e o segundo máis forte logo do rexistrado o pasado venres cunha magnitude de 4,4  na escala de Richter e que se senteu en varios concellos de Lugo e A Coruña.

Partido Popular de Ribadeo

Daniel Vega elixido presidente do PP de Ribadeo co 100% dos votos

Daniel Vega vén de ser elixido presidente do Partido Popular de Ribadeo co 100% dos votos. O popular asume así a dirección do partido, na que estará acompañado de Begoña Sanjurjo na secretaría Xeral e por Montse Seijo na de vicesecretaría de Organización.
Visiblemente emocionado, Daniel Vega agradeceu o apoio masivo da afiliación, á que agarda compensar, dixo, “cun intenso traballo que se traduza nun bo resultado para o meu partido en 2023”.

Neste senso, proponse, en primeiro lugar, “ser opción de goberno para ser goberno, e isto pasa por traballar e liderar inversión, e non por un goberno que só pensa na autofoto”, indicou. En segundo lugar, abrir o partido a toda a sociedade ribadense, co fin de “ir sumando cada vez máis persoas ao proxecto que me honra liderar”. E, en terceiro lugar, asumiu diante os asistentes o seu compromiso de “seguir traballando para traer novos investimentos a Ribadeo”.

Sala Tebras

A sala Tebras acolle hoxe a segunda xornada do Festival Músicas Diversas con grupos de pop/rock e nova músicas

Caldiae Factoría Cultura acolle hoxe, a partir das 20.30 horas, o segundo día do Festival Músicas Diversas. Unha nova proposta da empresa e polo que pasarán grupos emerxentes e de contrastada calidade que chegarán á cidade da Muralla dende distintas partes de Galicia.

Hoxe pasarán polo escenario de Tebras, o Grupo coruñés FUA é un cuarteto de corda pouco convencional. A pesar de que os seus integrantes teñen unha formación clásica, o principal obxectivo do grupo é o de facer versións de música moderna cunha agrupación de cuarteto clásico, achegando así estes instrumentos a un público máis amplo.

A banda KAF! formada por músicos de O Porriño e Mos darán conta dos seus novos temas nos que levan traballando desde o ano 2020.

Dende O Grove, Carolina Rubirosa é unha das artistas emerxentes do panorama musical galego cunha importante traxectoria as súas costas; ten compartindo escenario e gravando traballos con artistas como Coque Malla ou Andrés Calamaro. Gravou coa Real Filharmonía de Galicia e gañou varios concursos musicais como o «Revolution Unplugged» de Europa FM.

Os composteláns Sr. Salvaje parte de sons que recordan ao rock estatal de toda a vida, sen esquecer os seus grandes referentes do rock americano dos anos 70. Rock&Roll tradicional, con toques Hard e en castelán que é fiel herdanza da bagaxe musical deste país. SR. SALVAJE crea e constrúe un son directo, visceral e con clase, traballando dende a idea de liberdade e autenticidade. Unha banda sen trampas nin curvas. Un concepto romántico de banda de rock and roll.

O festival dará comezo ás 20.30 horas  e poderáse gozar dende 6 euros con dereito a unha consumición.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com