Novas

A Deputación de Lugo esixe á Xunta un plan de execución para os proxectos pendentes na provincia

A Deputación de Lugo esíxelle á Xunta de Galicia a dotación de fondos económicos e un plan de execución para os proxectos pendentes na provincia de Lugo. Así se acordou este martes no Pleno ordinario do mes de outubro tras unha proposta presentada polo Goberno provincial, que saíu adiante co apoio do PSdeG e o BNG, e cos votos en contra do PPdeG.

En concreto, a institución provincial reclámalle ao Executivo autonómico que se acaden niveis de compromiso coa provincia e se fixen dotacións orzamentarias para os grandes proxectos pendentes na provincia de Lugo, con especial atención ás infraestruturas e aos servizos. Entre elas, exemplifican a Vía de Alta Capacidade da Mariña, as obras relacionadas co subministro de auga, o Porto Seco de Monforte, a Ronda Leste de Lugo ou o Cuartel de San Fernando, entre outros. Tamén os servizos públicos, como a recuperación de cadros de persoal e especialidades no conxunto da rede provincial do Sergas, o mantemento do profesorado en niveis similar aos do curso escolar 2020/2021 ou o desenvolvemento industrial.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, fixo fincapé en que a Xunta ten paralizados proxectos de dúas categorías. “Están proxectos que van ano tras ano con partidas de similar contía pero que logo non se executan; e logo están os proxectos que nin figuran nas contas da Xunta, a maioría deles son reclamados polos Concellos pero que non aparecen. A lista sería interminable, pero basta con facer alusión ás necesidades que presentan os concellos para o abastecemento e depuración de augas ou nas comunicacións”, indicou.

García Porto mencionou que as contas autonómicas “deberían ser realizadas de abaixo cara a arriba, e non de arriba cara abaixo para responder ás necesidades dos concellos, escoitando aos Alcaldes e Alcaldesas”. Subliñou que “a proposta nace como reacción ante a soberbia e a ineficacia do Goberno da Xunta que non ten en conta as opinións da veciñanza, e da ineficacia duns orzamentos que xeran titulares de prensa pero que están baleiros de contido. Escoitamos que os orzamentos volven acadar cifras récord, o Goberno vai de récord en récord, pero ao final non se atraen empresas, non se crean prazas de escolas infantís, seguimos sen acceso a Internet de calidade e entre outras carencias, sen docentes dabondo nos centros de ensino”, recalcou a Deputada.

A sesión plenaria de outubro tamén sacou adiante unha proposta socialista -cos votos a favor do PSdeG e BNG e a abstención do PPdeG- para reclamarlle á Xunta de Galicia un plan de recuperación dos servizos bancarios na provincia de Lugo. Unha iniciativa que responde ao peche de oficinas que se suceden nas vilas e concellos galegos nos últimos doce anos, significando estes peches o 51% da rede bancaria que había.

García Porto indicou que nos últimos doce anos se perderon máis de 5.000 empregos en Galicia “ante a indiferenza e a falta de planificación económica dos sucesivos gobernos populares”. A Deputada evidenciou que máis de 7.000 veciños e veciñas da provincia carecen de acceso aos servizos bancarios no seu lugar de residencia, poñendo de exemplo os municipios de Negueira de Muñiz, O Páramo, Ribeira de Piquín ou Samos, que carecen xa de oficina bancaria.

“A Xunta contribúe ao desmantelamento dos servizos bancarios, porque con fondos públicos está subvencionando que as entidades instalen caixeiros nos concellos pechando oficinas, sen garantir axeitada atención persoal á veciñanza”, dixo a voceira socialista do Goberno provincial.

Sinalou, así mesmo, que a proposta tamén inclúe a petición dun plan integral de telefonía móbil no rural que permita acceder aos servizos de banca electrónica e telemática, á vez que tamén insta a que se dote de financiamento aos concellos para que poidan desenvolver plans de formación dirixidos á terceira idade para fomentar o uso das tecnoloxías. “A día de hoxe as apostas por bancas telefónicas ou a través de internet non son as solucións máis acaídas para unha provincia rural como é a de Lugo. Temos unha cobertura móbil deficiente e unha poboación de idade avanzada que prefire os trámites presenciais. Por iso, a falta de oficinas provoca que a veciñanza teña que buscar fórmulas de desprazamento con custes engadidos, que tamén dependen do estado de saúde das persoas”, salientou.

Mozos de cinco países chegan a Lugo co ‘Erasmus + Rural Voices of Europe’

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou aos participantes que forman parte do intercambio que se está a celebrar no albergue xuvenil Lug II baixo o proxecto Erasmus + Rural Voices of Europe. Cristina Pichel puxo en valor este proxecto que servirá para idear novas iniciativas emprendedoras no rural e loitar contra a despoboación, un reto compartido a nivel europeo e no que Galicia tomou a dianteira en España coa Lei de impulso demográfico.

Nesta última semana de outubro reúnense nestas instalacións da rede pública autonómica de Galicia 30 mozas e mozos de Italia, Lituania, España, Serbia e Ucraína. Os participantes, vidos de zonas urbanas e de lugares rurais dos seus respectivos países, desfrutan de actividades de convivencia que lles permiten compartir puntos de vista e experiencias coa finalidade de mellorar as súas habilidades en diferentes eidos como o emprendemento.

Cristina Pichel puxo en valor encontros como este, impulsados polo proxecto europeo Erasmus +, que promove oportunidades de mobilidade á xuventude e apoia o diálogo e a formación non formal das mozas e mozos.

O Concello revalida o patrocinio ao C.D Lugo e C.B Breogán polo impulso que dan á imaxe e promoción económica da cidade

O Executivo de Lara Méndez, a través da concellería de Deportes que dirixe Mauricio Repetto, revalidará mañá o patrocinio que o Concello de Lugo fai ao C.D Lugo e ao C.B Breogán.

Unha actuación que se enmarca na gran contribución que ambas entidades fan ao impulso da imaxe da cidade, ampliando o seu coñecemento público e repercusión mediática – aproveitando a transcendencia da súa participación nas competicións deportivas de fútbol de Segunda División e na LIGA ACB nas que militan, respectivamente – así como no labor de promoción económica do municipio que acadan a través do retorno que xera na capital a celebración dos partidos.

Xunta de Goberno autorizará mañá ámbalas dúas actuacións que teñen un importe de 82.500 euros cada unha.

Por outra banda, na sesión desta semana, aprobarase a prórroga para o servizo de mantemento dos equipos contra incendios do Concello, así como a contratación dos seguros de responsabilidade civil e danos a bens mobles e inmobles pertencentes á Institución, ao tempo que se concederán dúas licenzas urbanísticas para a rehabilitación dunha vivenda na rúa Illa da Toxa e para acometer modificacións nunha granxa de vacún de leite en Benade.

CIG, CCOO e UGT convocan Folga Xeral na Mariña

O pasado 17 de outubro, a comarca da Mariña participou masivamente nunha nova manifestación co lema “FUTURO PARA A MARIÑA”, convocada polos tres sindicatos, CCOO, CIG e UGT. Agora, baixo idéntico lema, convocan de novo a toda a veciñanza a secundar unha folga xeral para o mércores 17 de novembro, que afectará a todas as actividades desempeñadas polos traballadores e traballadoras de empresas privadas e polos empregados e empregadas do sector público, con vínculo funcionarial, estatutario ou laboral, no ámbito territorial da Comarca de A Mariña.

A convocatoria da folga, que se iniciará ás 00 do mércores 17 e rematará ás 24h dese día -agás para as quendas que comecen e rematen antes desas horas-, foi entregada esta mañá no rexistro da Consellaría de Emprego e Igualdade polos/as responsábeis comarcais das tres centrais sindicais, quen reclamaron medidas inmediatas porque “a pobreza, a desertización industrial e o despoboamento da nosa comarca poden ser imparables”.

Xa o pasado ano, cando se convocou a manifestación do 22 de xuño, os tres sindicatos consideraron a posibilidade de convocar unha folga, pero, dada a situación de pandemia na que estabamos inmersos e a situación tanto da industria como do comercio e hostalaría en toda a contorna, decidimos adiar a convocatoria, ao entender que non era o momento.

Pero dende aquela ata o día de hoxe, ano e medio despois, non só non se produciu ningún avance, nin se achegaron solucións ao abandono e á crise industrial, económica e social que atravesa a comarca, senón que a situación foi a peor:
*As infraestruturas que reclamabamos seguen sen ser executadas.
*Non se arranxou o conflito de ALCOA
*VESTAS presentou un ERE extintivo
*Houbo unha perda cuantiosa de servizos: bancarios, TXSS, FACENDA, SMAC
*O FEVE está en absoluta decadencia
*O desmantelamento do Hospital da Costa vai a máis, e aínda que acaban de aprobar un equipo de resonancia fixa, as viaxes a hospitais de Lugo aumentan cada vez máis.

A maiores, nesta última semana acábase de facer público que:
*Nos orzamentos do Estado soamente hai unha partida de cen mil euros para cada tramo da A-74 (igual que o pasado ano)
*Nos orzamentos de Galicia non hai nada referido a esta comarca e, por riba, o PP no Parlamento de Galicia non deu o seu apoio ás mocións do PSdG e BNG que pedían un plan de reindustrialización para a Mariña.

En definitiva, que todo o apoio que os partidos políticos da comarca manifestan ás nosas reivindicacións non se ven reflectidas nos feitos tanto da Xunta (PP) como do Estado (PSOE- UP).

“Como ben dicíamos na lectura do manifesto do pasado día 17, A Mariña precisa feitos e non boas palabras! A Mariña precisa feitos e non fume! E estes feitos terían que verse tanto nos Orzamentos do Estado como nos da propia Xunta porque, doutro xeito, volveremos estar, un
ano máis, sen nada”.

“Resulta evidente que as multitudinarias manifestacións de xuño do ano pasado e do 17 de outubro puxeron enriba da mesa as nosas reivindicacións como comarca, pero vistos os acontecementos posteriores non foron tidas en conta por quen ten capacidade de actuar”, analizan dende os sindicatos. O  pasado ano os gobernos de Madrid e Santiago “ignoraron” nos orzamentos os compromisos que precisabamos. “Este ano volven facelo, pero desta volta non imos cruzarnos de brazos. Imos demostrarlles a nosa firme decisión de loitar para arrancar compromisos reais e palpables, compromisos que se plasmen nos orzamentos e que signifiquen que as cousas van cambiar
para mellor”, explican. “Non podemos deixar de novo pasar a oportunidade de facer realidade os seus compromisos verbais”.

Chamamento a toda a sociedade
Por todo iso, tendo en conta a transcendencia para esta comarca do que reclaman, e tendo en conta o crítico momento no que estamos e a urxencia para poder incidir nos orzamentos para o 2022 tanto do Estado como de Galicia, é polo que deciden convocar esta FOLGA XERAL COMARCAL.

“Somos conscientes da transcendencia que unha medida deste calado ten, da perda económica que supón para as traballadoras e traballadores, tamén para o conxunto da sociedade. Pero estamos convencidos e convencidas de que é un esforzo mínimo comparado cos beneficios que pode reportarnos. A Mariña sálvase loitando e este é un paso máis na loita”, engaden.

Só a inversión en infraestruturas, en servizos, poden crear as condicións axeitadas para conservar as nosas industrias, os postos de traballo e atraer investimentos que reporten a implantación de novas empresas e a creación de novos empregos. “Temos que recalcar que esta folga non é solo unha folga de traballadores e traballadoras. Esta folga é unha folga do pequeno comercio, autónomos, hostalaría, portos pesqueiros e toda a veciñanza. É unha Folga de toda a Comarca. Por iso, solicitan que se unan a este paro, igual que o fixeron o 22 de xuño e o 17 de outubro cando nos manifestamos POLO FUTURO DA MARIÑA, porque seguimos pedindo o mesmo.

“Sabemos que é un sacrificio, nunca é doado pechar, pero sempre será máis doado pechar un día por unha loita xusta que ter que botar o peche definitivo”, conclúen.

Asociación de Veciños de Lugo

Mulleres Veciñais e Ecoembes imparten charlas no Incio

A área de Muller da Federación de Asociacións Veciñais “ Lucus Augusti” da provincia de Lugo –“Mujeres Veciñais”, que dirixe Dna. María del Carmen Casasnovas García, acudirá esta tarde de martes 26 de outubro de 2021 ao local social de Vila de Mouros, no concello lucense do Incio, para impartir unha charla-coloquio baixo o título “ Igualdade e loita contra a Violencia de Xénero non medio rural”, tal e como vén facendo durante os pasados meses do presente ano 2021 ao longo de toda a provincia de Lugo.

Esta actividade realízase en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, e “pretende concienciar na prevención dunha das grandes secuelas sociais que nos axexan na actualidade: o drama da Violencia de Xénero, e focalizala no ámbito rural”.

Doutra banda, tamén na tarde de hoxe, e a continuación de chárlaa-coloquio anteriormente indicada, Ecoembes dirixirá, con D. Francisco Javier Otero, unha exposición e posterior coloquio centrado na concienciación acerca da importancia na reciclaxe de residuos e o seu impacto no Medio Ambiente.

Ambas as charlas celebraranse no local social de Vila de Mouros –O Incio-, ás 19 h. Entrada libre e gratuíta.

O SLG convoca ao sector leiteiro a unha xuntanza para demandar prezos xustos

O sector leiteiro galego leva meses a agardar e demandar medidas frente os dous graves problemas de fondo que se manteñen presentes como a máis inmediata ameaza á súa viabilidadeo baixo prezo do leite e os altos custos de produción.

Segundo datos de agosto, das 11.687 persoas produtoras de leite que sobreviven no Estado español, 6.540 son galegos e galegas (a seguinte comunidade autónoma é Asturias, con 1.476). Sen embargo, non nos pagan o leite como no resto do Estado nin se apunta unha mellora nos próximos meses. A pesar de que algunhas industrias anunciasen subidas, na maioría dos casos fanse insuficientes. Noutros, precisamente os que por volume de recolla pesan no Observatorio Lácteo e nos contratos que o toman de referencia, non teñen pensado mover os prezos.

En xaneiro de 2021 o prezo medio estatal foron 0,34 euros por litro. Na Galiza 0,33 €/l. En agosto o prezo medio estatal foron 0,338 euros por litro. Na Galiza 0,327 €/l. É de salientar que a maioría inmensa das granxas sitúanse en realidade por debaixo desas referencias.

Isto, cando os custos de produción medios foron valorados, xa no inicio de xullo e por tanto antes de meses de suba constante, em 0,3565 €/l polo Observatorio da Cadea Alimentaria do Ministerio de Agricultura.

A alza xeralizada dos custos de produción está tamén afectando directamente ao sector leiteiroAs granxas de leite galegas perden 10 millóns de euros cada ano por non cubrir custos de produción. E prevese que esta situación empeore significativamente a partir de xaneiro do ano 2022, cando volte ser estipulado o prezo de insumos que se negocian anualmente, como os cereais ou, nalgúns casos, a electricidade.

A grande distribución, pola súa banda -que cando lle peta segue a empregar o leite como produto reclamo vulnerando o acordo lácteo-, xa subiu prezos nos supermercados, e agora comeza a facer campaña tentando xustificar un novo aumento de prezos ás persoas consumidoras argumentando que teñen que pagarlle máis ás persoas que producen.

O resultado do desprezo absoluto polo sector lácteo galego amosado tanto polas institucións políticas como polas industrias lácteas e grandes superficies comerciais pódese traducir a números: 317 granxas desapareceron na Galiza entre agosto do 2020 e agosto do 2021.

Dende o Sindicato Labrego Galego levamos meses denunciando esta situación que está afogando ao sector leiteiro galego. Tamén enviamos unha carta ao Conselleiro de Medio Rural, aos grupos parlamentarios galegos, ás parlamentarias galegas en Madrid e no Parlamento Europeo. Pero as decisións séguense a tomar na liña de discriminar e desprezar Galiza. Nin a Consellería nin o Ministerio están querendo escoitar.

Unha PAC que ignora a Galiza
O 56% dos produtores e produtoras de leite de todo o Estado están na Galiza.Producimos o 40,81% do leite a nivel estatal.Sen embargo, as propostas para a Política Agraria Común 2023 que están anegociar a Consellería de Medio Rural e o Ministerio de Agricultura Pesca eAlimentación son un absoluto despropósito e un desprezo para o sector leiteirogalego. Vémolo no proxecto de decreto de xurros, no proxecto de regulación dobovino, na medición das emisións… Nada se axusta á nosa realidade.As liñas presentadas polo Ministerio afondan nas inxustizas xa presentes na PACactual, ao tempo que incorpora máis esixencias, burocracia e custos. De seguir poreste camiño, esta nova reforma deixaranos, novamente, entre as comunidades cospagos máis pequenos por persoa activa agraria e co maior número de persoasagricultoras a título principal que non cobran PAC.

Tractorada, 4 de novembro

Neste senso, os gandeiros de Lugo sairán á rúa a vindeira semana, en concreto o xoves 4 de novembro, para reclamar unha suba do prezo do leite en orixe que compense o “incremento desmesurado” dos custos de produción que están a sufrir as explotacións como consecuencia da suba do prezo da luz, o gasóleo e os pensos.

A protesta, convocada pola asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla, arrincará ás 12 da mañá diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo e discorrerá polas rúas da cidade até rematar diante da Subdelegación do Goberno, na rúa Armanyá.

Unha caravana de tractores acompañarán aos manifestantes no seu percorrido e quedarán durante todo o día estacionados na Ronda da Muralla, igual que o fixeran no 2015, unha imaxe convertida xa en símbolo da loita dos gandeiros e gandeiras por un prezo xusto para o leite que producen.

Hortos, xardíns e ocio, a nova proposta do Concello para o Barrio Multiecolóxico

Lugo contará próximamente con máis de 12.610 m² de novas zonas verdes que, repartidos en tres parcelas ofrecerán un innovador espazo axardinado, nas inmediacións do Barrio Multiecolóxico que se proxecta na Garaballa ao abeiro do programa Life Lugo + Biodinámico. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou onte os detalles do proxecto co que xa se identifica a estratexia impulsada pola rexedora dende o inicio do seu mandato.

A alcaldesa explicou que a actuación, que sairá a licitación mañá trala súa aprobación en Xunta de Goberno, “inclúe a creación de 1’2 hectáreas de terreo destinadas a zonas verdes dentro das que terán un especial protagonismo uns novidosos hortos ecolóxicos comunitarios artellados en prol dun obxectivo fundamental: propiciar a dinamización social e aproveitar a súa capacidade terapéutica e didáctica”.

A iniciativa contempla a utilización de tres parcelas próximas ao centro comercial da Garaballa que foron escollidas polo confort climático que ofrecerán á cidadanía tendo en conta as precipitacións e temperaturas medias que se rexistran neste enclave, así como a viabilidade das especies vexetais que se plantarán.

Trátase de superficies sen elementos naturais nin construcións que lles proxecten sombra, cunha pendente inferior ao 8%, unha dirección de inclinación propicia para a súa drenaxe e, cunha textura de chan que non presentará problemas de anegamento, con niveis axeitados de metais pesados e sales, alén de ricas en materia orgánica o que suporá outra vantaxe para o desenvolvemento vexetal.

O proxecto

Lara Méndez deu conta de que o proxecto creará un espazo cun valor engadido, que sexa esteticamente pracenteiro e apto para o uso de diversos perfís.

“Foi deseñado, en colaboración coa Universidade Politécnica de Madrid, con criterios de harmonía e beleza para que conte con áreas de cultivo que permitan a conexión coa natureza e fomentar o respecto e o coidado polo medio ambiente, áreas axardinadas que potencien a biodiversiade e estimulen os sentidos e áreas estanciais onde sexa agradable socializar e incluso pasar longas xornadas”.

Todas as parcelas contarán cunha serie de elementos comúns:

– Zonas de hortos. “Coa finalidade de facer un proxecto inclusivo para todas as idades – dende nenos ata maiores – e tamén integrador, tivéronse en conta os posibles perfís de usuarios e usuarias. Para o que se xeraron temáticas e usos propios que contarán con elementos singulares que fagan as parcelas máis atractivas ao usuario obxecto, aínda que estarán abertas a todo tipo de público”, puntualizou Méndez.

Contémplanse así, diferentes tipos de hortos:

– Horto Cidadán: o seu obxecto é compartir traballo, aprendizaxe e experiencias con xente da comunidade maior de idade. Serán de grandes dimensións e, neles, os bancais estarán a ras de chan, acompañados de espaleiras que permiten diversificar o cultivo.

– Horto Terapéutico: pretende contribuír á mellora da saúde mental e física da poboación. As persoas utilitarias serán, en principio e por razóns de proximidade, pacientes do Centro de Rehabilitación Lugo Rúa e da Unidade Asitencial de Drogodependencias. Proxectouse en bancais elevados, que facilitarán a realización de tarefas hortícolas.

– Horto para Maiores: A súa finalidade é servir de terapia en persoas da terceira idade. Diseñouse, como o anterior, en socalcos elevados que favorecerá poder traballalos dende unha postura máis cómoda.

– Horto Escolar: destinado ao alumnado das escolas, especialmente das máis próximas, para que sexan visitados en compañía do equipo docente e aprendan, dende curta idade e de forma práctica, sobre cultivos. Prevese un uso maioritariamente en días de semana.

– Horto Familiar: dirixido a familias con crianzas, estímase que a súa utilización será en fines de semana o que evitará que se solape en horario cos anteriores.

– Horto Didáctico: a súa principal finalidade é trasladar coñecementos e información ás e aos usuarios das parcelas sobre o seu mantemento e tamén será empregado para a realización de obradoiros afíns.

Igualmente, as parcelas contarán con bancais de cultivo formados por travesas de madeira e recheos de terra vexetal. A alcaldesa lucense adiantou que “uns irán a nivel do solo e outros serán elevados, pensando e aportar confort aos colectivos con dificultades de mobilidade. A súa altura será a dun asento común (45 centímetros) o que permite acomodarse nos bordos mentres se cultiva”.

En canto á agricultura en altura poderá facerse ben en espaleiras, ben en vertical. “No primeiro caso, trátase de elementos de 1’5 metros de altura, compostos de postes de madeira nos extremos e tensores de cable de aceiro galvanizado que axudarán a dar uniformidade e orde aos cultivos, funcionando como unha pantalla vexetal. Ubicaranse mantendo unha separación suficiente con relación aos bancais para permitir o paso peonil e de apeiros”, abondou Méndez.

En canto aos cultivos en vertical, serán estruturas metálicas de 2 metros de alto que servirán de apoio para suxeitar as macetas que conterán as plantas, inicialmente amorodos. Cada conxunto columnar estará composto de 84 macetas e contará con sistema de fertirrigación por goteo, electroválvula, regulador de presión, mecanismo de dosificación de nutrintes, programador e dispositivo de recirculación de auga.

A rexedora referiu, alén, que as tres áreas acollerán:

– Zonas axardinadas. “Que amosarán unha selección de especies aromáticas, arbustivas, tapizantes e herbáceas, baseada en diversas características de interese paisaxístico como a súa forma, textura, cor, fragancia, que atraian polinizadores, etc…”.

– Zonas estanciais. “Próximas aos cultivos e proxectadas baixo a sombra das árbores dotarémolas de bancos, para facilitar o descanso, e de mesas de picnic – tamén infantís – e randeeiras de dúas prazas para propiciar as relacións interxeracionais da veciñanza”.

Á súa vez, todas as parcelas contará con zonas intersticiais, espazos libres entre as áreas que servirán para a circulación peonil e o desenvolvemento das actividades asociadas ao cultivo.

A actuación, que dispón dun prazo de execución de cinco meses, terá un custo de 773.662 euros e estará cofinanciada pola Unión Europea e liderada polo Concello de Lugo, coa colaboración da Deputación Provincial e o labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade Politécnica de Madrid.

O Concello cortará o servizo de auga en Músico Falla, Mestre Soutullo e Marqués de Ombreiro mañá

O Concello de Lugo informa de que con motivo das obras de mellora na rede de abastecemento de auga na Avenida Marqués de Ombreiro, recollidas no plan para erradicar o fibrocemento nas canalizacións da traída municipal, que se está a executar por parte da Área de Cohesión Territorial (Medio Ambiente), será necesario cortar o subministro este martes, 26 de outubro, dende as 11:00 horas, nas seguintes zonas:

  • Marxe dereito da Rúa Músico Falla dende Rúa Mestre Soutullo ata a Avenida Marqués de Ombreiro.
  • Marxe dereito da Avenida Marqués de Ombreiro desde Rúa Músico Falla ata a Estrada de Ombreiro.
  • Avenida dos Deportes.

Inmediatamente rematen estes traballos o servizo será restablecido.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, pide desculpas á cidadanía afectada polas molestias que lles ocasione este corte de auga, necesario para acometer as obras de mellora da rede de abastecemento da cidade, co obxectivo de erradicar a presenza deste material.

O executivo da alcaldesa, Lara Méndez, realiza unha inversión superior a 1’2 millóns de euros a través do cal se está a realizar á substitución destas tubaxes por outras de fundición en 14 rúas da cidade.

Abre o prazo para solicitar instrumentos do Banco da Escola Municipal de Música

A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua anunciou o inicio do prazo para solicitar instrumentos musicais procedentes do Banco de Instrumentos da Escola Municipal de Música. “Trátase dun servizo para que as familias con maiores necesidades económicas, que non poden facer fronte á inversión que require un instrumento musical, poidan facilitar a iniciación das súas fillas e fillos á música”, indicou a titular desa área.

Tres trombóns, catro trompetas, dúas trompas, tres saxofóns altos, un fagot, dous bombardinos, unha tuba, unha gaita en do,  tres packs de percusión,  cinco clarinetes e un requinto forman parte do fondo inicial do banco, que segundo a edil “poderá ser ampliado no futuro, tanto mediante adquisición de instrumentos por parte do concello como con doazóns”.

Sobre o material doado, a concelleira indicou que “sempre que se ceda material para a Escola, converterase en material de préstamo a non ser que o estado ou o interese do instrumento o fagan máis apto para a súa exposición ou conservación”.

As e os alumnos da escola que desexen solicitar instrumentos deberán estar empadroadas en Lugo. Os préstamos durarán como máximo un ano e cada estudante só poderá optar a un instrumento. Para a adxudicación dos instrumentos, terase en conta a situación económica de cada familia.

As solicitudes deberán presentarse preferentemente a través da sede electrónica do concello de Lugo ou a través do rexistro presencial solicitando cita previa no 010 (982 297 350) ou no rexistro de outras administracións

Os lucenses doan 3.228 lentes a Médicus Mundi

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, fixo entrega esta mañá a Médicus Mundi dun total de 3.228 pares de lentes que a cidadanía lucense doou a través da campaña #MisGafasTusGafas coa que colaborou o Concello de Lugo, a través da área de Medio Ambiente que dirixe o tenente de alcaldesa, Miguel Fernández.

Méndez recibiu no Concello a Luis Casado, presidente de Medicus Mundi Norte, Mari Cruz Cuevas, presidenta da Federación de Asociacións Medicus Mundi de España (FAMME) e Miguel García Liñares, delegado de Urbaser en Lugo e, durante o acto, quixo destacar a gran participación da poboación nesta iniciativa coa que se axudará a previr a cegueira en Marrocos, Burquina Faso e Guatemala onde a Ong desenvolve diversas accións en prol da saúde visual de persoas sen recursos.

Durante varias xornadas, a empresa concesionaria do servizo de limpeza e recollida de lixo, Urbaser, habilitou un colector específico nas prazas máis concorridas da capital para facilitar a colleita. Enclaves até os que numerosas persoas se aproximaron para depositar as súas lentes e darlles así unha segunda utilidade.

A alcaldesa aproveitou o encontro para poñer en valor non só a solidariedade da veciñanza de Lugo, senón tamén a transcendencia que ten a cooperación social e institucional para facilitar o desenvolvemento deste tipo de accións “nas que un xesto sinxelo, como reciclar aquelo ao que deixamos de darlle uso, terá un alcance extraordinario en tanto conseguirá evitar doenzas e mellorar a calidade de vida de colectivos vulnerables”, concluíu Lara Méndez.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com