Novas

Cuartel de San Fernando. Fonte: Turismo de Galicia.

Medio millón de Cultura irá destinado ao Museo da Romanización de Lugo

Nos orzamentos programados para o 2025, a Consellería de Cultura proxecta a inversión de medio millón de euros no proxecto do Museo da Romanización de Lugo. O anuncio foi emitido polo Goberno galego este 9 de decembro, luns, na Comisión de Orzamentos do Parlamento de Galicia. Esta supón a primeira partida económica concreta para a iniciativa, a completar cos orzamentos doutras administracións.

A intención dos traballos é transformar o antigo cuartel de San Fernando nun museo que custodie os múltiples restos da época romana aínda presentes na cidade.

Cervo Madruga. Fonte: Concello de Cervo.

ANPAS e Concello de Cervo artellan en favor da conciliación

‘Cervo madruga’ permite a conciliación ás familias do concello de Cervo. Ata o 19 de decembro, o programa está aberto ás familias para a realización de inscricións das crianzas para, o 8 de xaneiro, comezar co servizo prestado nas primeiras horas da mañá. O baseamento da acción estivo coordinada entre a casa consistorial e as ANPAS do CEIP de Cervo e do CEIP Península da Paz.

Os horarios ofertados van de 7:30 a 8:30 horas da mañá, con almorzo incluido, ou de 8:30 a 9:30 horas, no caso do CEIP Península da Paz. Tamén está aberta a opción das 9:35 horas, no caso do CEIP de Cervo.

Votar e rebotar

Na Administración hai informes preceptivos, que compre solicitar para completar determinados procedementos. E estes poden ser vinculantes ou non, segundo haxa que facerlles caso, ou a resolución pode disentir deles.

Desde o concello de Lugo chaman a votar sobre o nome do auditorio, polo que entendo que cada expresión formulada é un informe voluntario, aínda que polo que parece o concello tomaría a votación como vinculante, aceptando o que diga a maioría dos votantes. O proceso pode ter a seriedade que cada quen lle asigne, que eu recordo cando hai medio século, por Radio Popular, Manolo Lombao, co seu Match Musical facía á xente nova pronunciarse entre dous cantantes, e as rapazas do Instituto Feminino e doutros centros andaban como tolas pedindo votos para que Raphael saíse triunfante.

Proba de pasarse polo arco de triunfo unha votación foi a comezos de século cando Orozco quixo presumir de democrático e convocou ás entidades culturais para que propuxesen nomes para Cronista Oficial, coidando – din as linguas afiadas, que no concello sempre as houbo – que lle ían propoñer un do seu gusto. Pero propuxéronlle tres que non lle gustaban, polo que agora mesmo levamos vinte e nove anos e dous meses sen Cronista, desde o pasamento de Trapero Pardo. Dos tres propostos, o terceiro díxolle por activa e por pasiva “Dominus non sum dignus”, e que pasaba do tema, recomendándolle que elixise entre os dous que seguen estando plenamente en activo: Adolfo de Abel e Felipe Arias.

A ver se o nome do Auditorio – de escasa importancia para a cultura de Lugo – non tarda tanto, e o voto non volve facer rebotar a quen decida.

IES Nosa Señora dos Ollos Grandes. Fonte: Páxinas Galegas.

Os aparcamentos do Lucus Augusti e Ollos Grandes poderían ser abertos as fins de semana

Javier Arias, delegado da Xunta de Galicia en Lugo, remitiu este martes, 10 de decembro, unha carta na que oferta a firma do convenio que habilitaría os aparcamentos dos institutos Lucus Augusti e Ollos Grandes para a súa utilización nos horarios non lectivos. Como indica no escrito, dende a Administración galega queren e deben “traballar de maneira coordinada” co Concello.

O delegado considera necesario a plasmación dun convenio para o axeitado avance do acordo, especificando as condicións de utilización e as responsabilidades asumidas por cada institución.

Fonte: Deputación de Lugo.

O padrón municipal de 67 concellos lucenses contará cun novo sistema tras unha inversión de 1,2 millóns

Este martes, 10 de decembro, no Pazo de San Marcos foi asinado entre a Diputación de Lugo e os alcaldes de 67 concellos lucenses un convenio de colaboración dotado dun investimento de 1,2 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia cos que será desenvolto un novo sistema de xestión de información sobre o territorio local, que será coordinado co Instituto Nacional de Estatística.

A liña de axudas, segundo indica un comunicado emitido pola Deputación de Lugo, “vén completar o camiño de modernización e transformación dixital das administracións locais que iniciamos co Impulsa TIC, que está executado ao 100%”. No ano pasado, coa iniciativa captaron “máis de 4M€” e foi realizado o en “52 concellos que decidiron sumarse voluntariamente”.

Postal gañadora do concurso de Nadal do Concello de Cervo. Realizada por Daniela Ben, de 6 anos.

O Concello de Cervo recibe 39 postais de Nadal da crianza da contorna

Na presente edición do concurso de postais de Nadal impulsado dende o Concello de Cervo, convocada por vixésimo cuarta vez, foron entregadas 39 propostas de nenas e nenos dende os 3 aos 12 anos de idade. As bases plantexaban unha temática libre partindo da base da festividade e, entre as catro obras gañadoras, a institución escolleu unha para ser a felicitación enviada a outras casas constitoriais.

Desta volta, foron premiados Aroa Otero, de seis anos; Daniel Basanta, de cinco anos; Daniela Ben, de seis, e, finalmente, Xela Fernández, de once anos. A postal entregada por Aroa Otero, na segunda categoría dos galardóns outorgados, é a escollida polo Concello para emitir as felicitacións aos organismos municipais.

Cartel Caudal Fest.

Melendi será o cabeza de cartel no Caudal Fest 2025

Coa axenda cultural de setembro de 2025 na cidade de Lugo xa reservada, o Caudal Fest vén de sumar unha das apostas artísticas ás xa confirmadas, como Love of Lesbian ou Carolina Durante. O cantante asturiano Melendi será o “cabeza de cartel”, segundo o definen no comunicado, nesta cita de música en directo na contorna fluvial do río Miño.

Tal como indican no último escrito emitido, dende a organización esperan superar as “máis de 40.000 persoas que asistiron á súa última edición, consolidándose de novo como o terceiro festival máis importante da comunidade”.

Cuartel de San Fernando.

A reforma do cuartel de San Fernando necesitaría dun compromiso plurianual por parte da Xunta

O Concello de Lugo, a través dun comunicado de prensa, indica que dende a institución esixirán á Xunta de Galicia un compromiso plurianual, logo da concesión de 500.000 euros por parte do administrativo galego, para a realización dos traballos de reforma no cuartel de San Fernando, co obxectivo posterior de convertelo nunha sede do futuro Museo da Romanización.

Segundo estableceu a alcaldesa, Paula Alvarellos, a primeira fase de rehabilitación está cuantificada “en máis de 2 millóns de euros”. Co compromiso, tal como indica a representante, o obxectivo que se lograría é o de “contar coa certeza necesaria para involucrar, neste proxecto, ao maior número de institucións”.

 

Traballos no firme do lugar de Calde. Fonte: Concello de Lugo.

Iniciadas en Calde os traballos de mellora do firme da estrada municipal

Enmarcadas no Plan Único de Cooperación cos Concellos de 2024, foron iniciadas este martes, 10 de decembro, as obras de acondicionamento e mellora do firme da estrada municipal de Calde, que conecta devandito núcleo rural co centro da cidade. Este proxecto de enfoque de orzamentos diputacionais e municipais está a ser destinado aos 67 concellos da provincia adheridos.

A actuación programada no caso da parroquia de Calde compete ao aglomerado en quente da estrada xunto ao lavadoiro do lugar.

Cartaz ‘Cine con perspectiva’. Fonte: Xunta de Galicia.

Oito centros lucenses realizarán audiovisual dende a igualdade a través de ‘Cine con perspectiva’

Nunha colaboración entre a asociación cultural Festival Internacional Cine de Bueu e a Consellería de Educación, é convocada a iniciativa ‘Cine con perspectiva’ para a que xa están seleccionados os corenta centros de Galicia que formarán parte. A acción, que propón a incorporación dunha análise crítica sobre o tratamento da muller no cine e noutras formas de expresión audiovisual, é dirixida ao alumnado dos dous últimos cursos de Primaria así como para os dous primeiros da Secundaria.

Durante o segundo e o terceiro trimestre do presente curso académico, serán realizadas actividades co estudantado que combinen a análise e creación audiovisual. Primeiramente, os alumnos visualizarán unha serie de curtametraxes centrados en temáticas como a igualdade de xénero acompañadas de coloquios dinamizados por persoas expertas. Posteriormente, os participantes desenvolverán pequenas producións de seu con enfoque de xénero botando man de diferentes formatos.

Entre os institutos e centros de educación participantes, figuran os pertencentes á provincia lucense de IES Plurilingüe Fotem Albei (A Fonsagrada), CEIP Plurilingüe Concepción López Rey (Baleira), IES Perdouro (Burela), CPI Dr. López Suárez (Friol), CPI Dr. López Suárez (Mondoñedo), IES de Monterroso (Monterroso) e IES A Pinguela e IES Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos).


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com