Novas

Continuan en caída as cifras da Covid19

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 930, deles 169 infeccións son da área sanitaria de Lugo. Malia unha pequena suba dos positivos en PCR, que nas últimas horas eleváronse ata as 9 persoas, o certo é que Lugo continúa amosando as mellores cifras dende hai 3 meses.
Nos hospitais da provincia, cada día quedan menos pacientes covid. Así, hoxe a provincia conta con 3 pacientes en plantas de hospitalización (2 en Monforte e  1 na Mariña), ademáis dunha persoa que continúa a recuperarse na UCI do Hula.
Na comunidade, do total de pacientes positivos, 12 están en UCI, 36 en unidades de hospitalización e 882 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 178.738 persoas curadas, rexistrándose 2.638 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 2.838.294.
O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 4.377.920.
A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Ao Parlamento a “improvisación” e “abuso” de Concello de Riotorto e Xunta coa planta de Sogama de Aldurfe

O BNG levará ao Parlamento a “improvisación” e “abuso” da Xunta na xestión da ubicación das plantas de Sogama, que ten o seu último episodio no proxecto de instalación dunha planta de transferencia de residuos en Aldurfe, en Riotorto. Así o anunciaron tras unha reunión coa veciñanza da parroquia na que participaron Olalla Rodil e Dani Castro, deputados parlamentarios, e Luis Fernández, concelleiro da formación nacionalista en Riotorto.

Rodil e Castro sinalaron que “a Xunta e o Concello non poden mentir á veciñanza decindo que a actividade destas plantas é inocua. Menos aínda cando, coma neste caso, se pretenden construír en núcleos rurais dedicados á actividade agrogandeira, apropiándos adeamis na práctica das vías de acceso”

“A improvisación, a salta de mata, que está impoñendo a Xunta e Sogama, aquí agravada pola colaboración escurantista do Concello, ten como consecuencia este tipo de abusos”, sinalaron durante o encontro, a carón dos terreos nos que se proxecta a planta, no Franco, a escasos metros das casas e de leiras e fincas das gandeirías da parroquia.

Os prexuízos para a actividade gandeira e a afectación medioambiental son os principais motivos da oposición da veciñanza á construción da planta, en fase de licitación, despois de que o Concello de Riotorto cedese os terreos para a súa instalación.

As iniciativas no Parlamento súmanse as do grupo municipal que, no vindeiro pleno municipal, esixirá a paralizaciíon da construción da planta, revocando a cesión de uso dos terreos que aprobaron sen ter en conta o interese da veciñanza nin as consecuencias ambientais que a nave terá na contorna, onde tamén se sitúa un punto de captación de auga do Roldín que abastece as parroquias de Riotorto e Espasande de Abaixo.

Desde o BNG sinalan que, aínda que inicialmente recibiría lixo dos concellos máis próximos -A Pastoriza, A Pontenova, Meira, Pol e Ribeira de Piquín-, á vista das dimensións do proxecto, a planta está chamada a ser unha macroempacadora a onde chegaría o lixo de media provincia de Lugo -Abadín, Baleira, Castro de Rei, Castroverde, Cospeito, Trabada e Vilalba – polo que o tránsito de camións mesmo superaría a cifra de 10 camións diarios dos que falaron o Xunta de Galiza e o Concello.

80 establecementos participaron no ‘Quero que me entendas’ que se clausurou onte

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a edil de Desenvolvemento Local e Emprego Ana G. Abelleira participaron este xoves no peche da campaña “Quero que me entendas. Comercio Fest”, posta en marcha pola Asociación Lugo Centrum Centro Comercial Aberto e a Asociación de Autónomas, coa colaboración do Concello e da Federación Galega de Comercio.

 Unha campaña, na que participaron 80 establecementos durante todo o mes de setembro. “Esta iniciativa xenerou moita expectación entre os lucenses, tanto en canto a compras realizadas, como de participación nas actividades de ocio, xerando vida na cidade e beneficio para os negocios” destacaba a rexedora.

 Lara Méndez lembrou que “dende o Concello de Lugo levamos posto en marcha numerosas iniciativas para reimpulsar o comercio local, logo da crise derivada da Covid-19, como por exemplo: o Plan Reanima; a plataforma Abrindo Lugo para a venda de bonos; a organización de tardeos e mercadillos, ou accións de formación online para mellorar as destrezas dos empresarios e traballadores e convidar a todos os e as lucenses a que sigan a realizar as compras nos comercios de proximidade”.

Rodríguez resalta o “empeño” do Goberno na formación dos traballadores en seguridade laboral

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, resaltou o empeño do Executivo en mellorar a formación dos traballadores para a prevención de riscos laborais e destacou a importancia de que as empresas compartan esta necesidade. Neste sentido, destacou a convocatoria de axudas por importe de 2,3 millóns de euros este ano do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para a mellora da seguridade mineira en dúas liñas destinadas a investimentos materiais e a formación dos traballadores.

Isabel Rodríguez efectuou hoxe unha visita á canteira que ten a empresa Prebetong na parroquia lucense de Santa María de Bóveda, onde se imparte un curso de seguridade mineira subvencionado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que imparte a Asociación Galega de Áridos (ARIGAL). Na visita estivo acompañada polo director da Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia, Javíer Domínguez; así como polo peresidente e o director de ARIGAL, Alberto Novoa e Carlos Martínez; e polo director de Prebetong Hormingóns e áridos, o director facultativo e o xefe de canteiras da Zona Norte de Prebetong Lugo, Andrés Lago, Francisco Rego e David Pazos, respectivamente.

Rodríguez informou de que este é un dos cursos financiados polo Ministerio que este ano concedeu axudas por importe de 40.605 euros a entidades galegas como a Asociación Galega de Áridos para a formación de 157 traballadores. Desde 2019, son 1.052 os traballadores do sector da minería en Galicia que reciben formación para aumentar a súa seguridade laboral grazas a estes cursos aos que o Goberno destinou un investimento, en Galicia, de 150.946 euros.

A actividade formativa que visitou hoxe a subdelegada corre a cargo de ARIGAL, entidade que representa ao 93% das empresas de canteiras e empresas auxiliares do sector de áridos en Galicia. Trátase dun curso de Soporte Vital Básico e manexo de DESA (Desfribrilador Externo Semiautomático), con 5 horas de duración e no que participan 10 traballadores da empresa Prebetong Lugo.

A subdelegada destacou a importancia fundamental da formación neste sector de gran peso para o emprego e a economía da provincia. En total son 20 as canteíras e graveiras existentes na provincia de Lugo, que representan o 27% das existentes en Galicia. No ano 2020 a súa produción foi de 2 millóns de toneladas, que supoñen o 22,5% de Galicia. A súa facturación o último ano foi de 10,25 millóns de euros.

En canto ao emprego, o sector xera 225 empregos directos na provincia aos que hai se engaden outros 80 postos de traballo indirectos.

A brava Marisol

Por acertada decisión municipal, a pregoeira do San Froilán vai ser Marisol Bravos, mestra, defensora da muller e do maltratado, que podería ser Alcaldesa, voceira dos afectados polo Covid ou impulsora dos dereitos dos nenos, porque en todo o humano ten experiencia e atribución. Antes con muletas, agora en cadeira de rodas, é muller combativa, e hai que estar atentos ao que diga no pregón, sabendo que nos vai afectar a todos os descontentos con este mundo, coa situación dos máis febles, coa comodidade cómoda do que ten a vida solucionada.

Marisol era nena nos tempos en que os minusválidos non podían aspirar a unha vida normal. Pero tropezou con Xesús Mato que inventara Auxilia e defendía que os minusválidos podían ser moito máis que válidos para a sociedade. Cando eu mozo, coidábase que ninguén que tivese unha tacha física, como era o meu caso, podía ser mestre porque os nenos podían rirse del.

Marisol estudou, superouse, e dubido que houbese un só alumno que non a admirase. E foi presidenta de Auxilia, sucedendo a Mato nese servizo maxistral de dignificación humana. Exemplo para moitos, é espello no que mirarse os que queiran ser o que poden ser, porque -dixo Iago Santalla, na teoría do “ilímite” – cada un de nós non ten máis límites ca os que un mesmo se pon.

Non escoiten o pregón os que agarden un texto doce e festivo. Escóitena atentos os que teñan curiosidade polo que diga unha muller que derriba barreiras, defende ao agredido e sabe que as mulleres son, como mínimo, iguais aos homes. Eu escoitareina, e quen me lea fará ben en estar atento, porque todos podemos aprender moito desta guerrilleira social á que compre escoitar en posición de firmes.

Música popular de todo o Estado únese esta fin de semana no Espazo Caldiae

Caldiae Factoría Cultural presenta para esta fin de semana unha nova proposta musical que encherá todos os espazos cos que a factoría conta na capital co Festival Músicas Diversas Lugo Folk.

Así dende mañá, venres, e ata o domingo, a Sala Tebras, o Auditorio Caldiae e o Restaurante Vexetarian acollerán nos seus espazos a artistas nacionais da talla de Korrontzi, Alberto Lucena o Manuel Luna.

O venres, día 1, abrirá boca o guitarrista flamenco Alberto Lucena, de Andalucía, cunha cea-concerto, a partir das 21.30 horas no Vexetarian.

O sábado comezará o Festival ás 13 horas, cunha conferencia a cargo de Fernando Íñiguez, Director de La Tarataña en Radio 3; baixo o título “A situación do folk no Estado Español” no Auditorio Caldiae.

A música comezará a soar o sábado ás 20 horas con Manuel Luna que achega dende Cantabria ao grupo Brena La Música. A continuación a música canaria chegará á Sala Tebras da man de ETNO o proxecto persoal do músico Miguel Afonso.

O broche de ouro a este Festival será o domingo. Ás 13 horas comezará no Auditorio Caldiae unha mesa redonda con Ricardo Ros (As gaitas de boto na música catalá), Agus Barandiaran (El fuelle del infierno: origen y evolución de la trikitixa), Manuel Luna (Etnomúsicas e globalización na era dixital) e Etno Miguel Afonso (Músicas de raíz nas Illas Canarias).

O punto final deste festival será por todo o alto, o catalán Ricardo Ros seguido do euskaldun Korrontzi, encargados de amenizar a última noite, dende as 20 horas; traerán á Sala Tebras as músicas e bailes populares da súa terra.

Información e venta de entradas dispoñible na páxina web da compañía: caldiae.gal.

O cartel

Alberto Lucena

Nacido en Córdoba no 1972, Alberto Lucena dende os seus inicios ata a actualidade, destaca por as súas numerosas actuacións en diferentes festivais e recitais acompañando a cantaores e bailaores flamencos por todo o territorio nacional. O guitarrista da un xiro a súa carreira, abríndose a novos camiños e deixando o flamenco máis puro para prestar os seus servizos no musical de rock sinfónico andaluz, Walada, con Aida Gómez, Igor Yebra e Paco Mora e onde se fusiona estilos tan distintos como rok-andaluz jazz, blues e flamenco. Dende hai sete anos forma parte do tablao flamenco de Córdoba CARDENAL. Na actualidade acompaña nas súas actuacións ao cantaor Raul Alcantara Chacon, El Troya, obtendo inmunerables premios. En maio de 2008 presentou o seu propio espectáculo ALBA, estreándose como concertista con temas propios no festival internacional de guitarra en Córdobacompartindo cartel con grandes artistas nacionais e internacionais. Na actualidade é o guitarrista do Tablao flamenco Cardenal en (CORDOBA) , o cal esta recoñecido como un dos máis importantes do mundo.

Fernando Íñiguez

Burgalés de nacemento, de adolescente viviu no Sáhara Occidental e, tras a Marcha Verde, aterrou na Complutense madrileña para estudiar Ciencias da Información. Tocoulle a intensidade xuvenil do paso do hippismo ao punk, coincidente coa transición da ditadura á democracia. Nos oitenta, licenciado xa, e en plena Movida, ocupou os departamentos de prensa das discográficas Emi e Ariola (hoxe, Sony).
Dende aí impulsou a principios dos noventa, como Director Artístico de Producto Latino, o inicio e/ou desenrolo das carreiras de Juan Luis Guerra, Xuxa, Willie Colon, Chico Buarque, Maldita Vecindad, Caifanes, Los Van Van, Daniela Mercury ou Rocío Dúrcal, entre outras.
Dende 1993 é colaborador habitual do diario El País, ademais de poñer a súa firma en outros artigos e reportaxes referentes á música popular e o seu entorno social publicados en diversos medios.  Dende finais dos 90 compaxina a súa actividade periodística especializada en música
coa faceta de DJ. Coñecía a radio como tertuliano invitado en numerosos programas ao longo da súa vida periodística, pero non debutou neste medio ata abril de 2009, onde conduciu en Radio 3 ata xuño de 2010 o Bonus Track de El Postre. Dende o 11 de setembro de
2010, encargase de Tarataña, o programa de Radio 3 dedicado ao folk e as músicas de raíz da península ibérica e as súas illas.

Korrontzi

Korrontzi, banda de música tradicional (País Vasco) formada por Agus Barandiaran en 2004. Ofrece unha fusión de sons tradicionais de música folclórica do País Vasco cun aspecto contemporáneo, sempre desde a perspectiva dunha música baseada na trikitixa (acordeón diatónico vasco) e acompañada por instrumentos máis modernos. Korrontzi ten dez álbums publicados ao longo dos seus
dezasete anos viaxando coa súa cultura, idioma, danza e música, visitando países tan diferentes como Canadá, Eslovenia, Inglaterra, Marrocos, Alemaña, Estados Unidos, Romanía, Francia, Cabo Verde, Irlanda, Brasil, Malaisia, Grecia, Bélxica, República Checa, Italia, Isla Reunión, Portugal… e converténdose en escaparate da tradición vasca en festivais de música de todo o mundo, onde sempre recibiron unha gran ovación e eloxios. Resumindo, Korrontzi é un grupo de música vasca que non deixa indiferente a ninguén, coa súa forza e enerxía é capaz de transmitir dende sons antigos ás novas tendencias do folk cunha visión única e progresista.

Manuel Luna

Manuel Luna, antropólogo e músico, coñecido pola súa vinculación aos estudos patrimoniais da cultura ibérica, é profesor universitario, investigador e tamén creador de varias bandas de música de raíz e outras formacións musicais do terreo, ademais de divulgador destas músicas, por anos, en Radio 3 e outras emisoras nacionais. Agora preséntanos unha nova faceta da súa obra artística, procedente das músicas da Iberia do norte. O cantante, de orixe cántabra, con máis dunha quincena de traballos no seu historial, decide de novo achegarse ás músicas
do Cantábrico. Brena é unha braña de altura pola terra pasiega, pero tamén un recordo emocionado aos antepasados de Manuel procedente da  saga Samperio. Un territorio, que como outros, sofre un despoboamento crecente, por tanto, un bo momento para parar  e escoitar o silencio dos montes e endereitar uns toques e uns cantes do terreo con arranxos propios, antes que todo sexa un recordo. Manuel Luna é o cuarto disco de tema cantábrico que ofrece ao público, cargado dunha experiencia que lle levou a percorrer con esta e outras formacións, como a Cuadrilla Maquilera ou Citrus Band, escenarios de Europa, Latinoamérica e o Magreb. Luís Anxo Jorrín, José Maria Murillo e Manuel Luna son Brena La Música. Os tres conforman este proxecto inicial, que poderá ampliarse no futuro e que agora nos ofrecen cun novo rexistro interpretativo onde Manuel poñerá a voz, guitarra e percusións.

Miguel Afonso (ETNO)

O proxecto ETNO exponse como concerto, que nos aproxima á diversidade de ritmos, melodías, coplas e romances existentes en Canarias, que aposta por dar a coñecer este legado máis aló das fronteiras do arquipélago e que revaloriza entre os mozos canarios, esa sabedoría popular que nos conecta co esencial. Este tránsito polas músicas antigas, ETNO navega desde a época dos primeiros poboadores das illas, ata profundar nesa interesante e enriquecedora confluencia cultural, que marcou a identidade insular, tras o paso dos séculos.
No transcorrer do concerto, exporemos dúas visións da música antiga de orixe folclórica ou popular: Por unha banda, a mostra do folclore tradicional máis auténtico e doutra banda, a renovación do mesmo a través da creación musical aplicada. Exporase se se advirte en elementos primitivos; se desapareceu ou se pola contra está presente de forma moldeada, tras xiros, matices ou cadencias. Mostraremos as influencias hispanoportuguesas, as chegadas do centro-norte de Europa, de América… O que marcou a sonoridade, os instrumentos utilizados e a súa procedencia, etc.ETNO nace cunha vocación de difusión deste legado entre as novas xeracións, xa que o seu coñecemento, representa un medio para conseguir unha mellor identificación coa súa terra, un instrumento para achegarse ao verdadeiro sentir popular e un acto de responsabilidade para que siga viva a cultura popular. Defender o coñecemento profundo do feito tradicional, porque sen dúbida é xerme de creación e inspiración a novas composicións. En definitiva, ETNO mostra parte do patrimonio intanxible de Canarias, vinculado ao devir da vida dos nosos antepasados. E é que consideramos que o feito tradicional, debería ocupar un papel destacado dentro do ensino regrado, como
excelente vehículo para a formación.

Ricard Ross

ROS é o novo proxecto do músico catalán Ricard Ros i Roig centrado na tradición musical catalá e na súa cornamusa, o sac de gemecs. Coa experiencia dos grupo “RIU” e “Qui hi ha?” o frautista e gaiteiro emprende o seu camiño máis persoal ben acompañado da violinista catalá Marta Barbero, o bouzukista portugués Luís Peixoto e as caixas de ritmos e sintetizadores do arxentino Lucho Torres. O repertorio nútrese de novas composicións e pezas como o ball pla, a sardana e a xota. Centradas na tradición catalá, as composicións, propoñen revalorizar a presenza da súa gaita, “o sac de gemecs”. ROS está arraigado á tradición e tende a man ao presente cun son moderno e unha proposta renovadora. O grupo está composto por Marta Barbero (violín), Luís Peixoto (bouzuki), Lucho Torres (sintetizadores e caixas de ritmos) e
Ricard Ros (sac de gemecs, whistles e ueilleann pipe).

A Xunta organiza un festival del orquestras en Lugo este sábado

A Xunta de Galicia organiza para o vindeiro sábado nos xardíns do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo un festival no que actuarán as orquestras Costa Dorada, Arizona, Suavecito, Salsarena, Alma Latina, Lume, Tapyoka e Limón.

O delegado territorial, Javier Arias, presentou hoxe o programa, impulsado polo Goberno galego no marco do Xacobeo 2021-22 para reforzar o apoio ao sector, un dos máis afectados polas restricións derivadas da pandemia da covid-19.

O espectáculo comezará ás 17.00 horas e terá unha capacidade máxima para 1000 persoas, que estarán de pé e con división en sectores para garantir a distancia e o resto de medidas de seguridade. Cada unha das orquestras participantes ofrecerá cadanseu concerto duns 45 minutos de duración e todas as actuacións serán no mesmo emprazamento, ao aire libre.

A entrada será gratuíta, previa reserva na web www.woutick.es. No caso de non esgotarse por esta canle, as localidades dispoñibles poderán ser retiradas no propio acceso ao recinto. Arias destacou o éxito dos festivais que xa acolleron no marco desta mesma iniciativa outras localidades galegas, nas que se esgotaron os tíckets en pouco tempo.

O delegado apuntou que este circuíto promovido pola Xunta, que inclúe sete festivais na Comunidade coa participación de 50 orquestras galegas, supón un importante reforzo da axuda económica que as empresas deste ámbito veñen recibindo por parte de diferentes departamentos do Goberno galego para lles facer fronte aos efectos da crise sanitaria.

Así, ademais dun convenio inicial e da súa posterior ampliación ata un valor total de 1,24 M€ para organizar estes festivais e para fomentar a contratación de orquestras por parte doutras entidades mediante a subvención do 40% do custo dos cachés, tamén se beneficiaron doutras medidas como as achegas directas a estas formacións musicais; as axudas para traballadores estacionais de orquestras e espectáculos prexudicados polos peches da covid-19 ou o Plan de Rescate para autónomos e pemes.

Alonso Liste representará ao Estado no Campionato Internacional Fia Hill Climb Masters

A Xunta de Galicia apoia ao piloto lucense José Antonio Alonso Liste, que representará a España na FIA Hill Climb Masters, un rally de montaña que reúne aos mellores deportistas internacionais da categoría. Hoxe presentou no CIFP As Mercedes o coche co que participará, nun acto no que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o director do centro, Joaquín Expósito, entre outros.

Liste foi designado pola Federación Española de Automovilismo para participar nesta proba, que organiza a Federación Internacional e terá lugar en Braga entre os días 8 e 10 de outubro. A súa elección é froito dos éxitos alcanzados durante a tempada co seu vehículo, un Ginetta G5 que puxeron a punto no CIFP As Mercedes aproveitando o equipamento punteiro do que dispoñen no Ciclo Superior de Automoción.

Os alumnos da especialidade participaron nos labores de repaso da mecánica e repintado e montaxe da carrocería de fibra de vidro. O instituto conta cos máis modernos sistemas de alineado de dirección e suspensión, entre outras dotacións.

O piloto tamén recibe unha achega da Secretaría Xeral para o Deporte para afrontar os custos derivados da súa participación na proba.

Esta será a cuarta edición da FIA Hill Climb Masters e convoca aos pilotos a completar a coñecida Rampa da Falperra, a proba automovilística máis antiga de Portugal; suma 5,2 quilómetros de subida, cun desnivel duns 272 metros e unha pendente media do 5%.

A CIG denuncia irregularidades nos abonos das nóminas do persoal a tempo parcial en Carrefour

A sección sindical da CIG en Carrefour Lugo denuncia a desconsideración da dirección da empresa que, 24 horas antes da celebración da xuntanza que estaba convocada había máis dunha semana, rexeitou reunirse co comité sen ningún tipo de xustificación. A reunión (prevista para o martes 28) fora solicitada pola representación social ante as reiteradas irregularidades no abono das nóminas que se están a producir no centro de traballo de Lugo.

Dende o pasado mes de xaneiro, a empresa mudou o sistema de abono de salarios nas xornadas parciais, pasando de pagarse por hora traballada a pagarse de forma lineal segundo as horas contratadas.

Porén, dende hai meses estase comprobando que o tempo que se lle abona a este persoal é inferior ao que realmente traballa, polo que o comité se dirixiu á dirección para que explicara como está facendo o cálculo da nóminas. Pero despois de intentar en varias ocasións ter unha reunión coa empresa, a día de hoxe a representación social continúa sen ter resposta nin por parte do responsábel de Recursos Humanos do centro de Lugo, nin por parte da rexional de RH, a pesar de comprometerse a dar contestación.

Ante a pasividade destes mandos, o pasado día 20 de setembro, o comité decidiu convocalos a unha xuntanza extraordinaria para este martes 28, a fin de que aclararan os motivos polos que se lles está pagando de menos os traballadores e traballadoras a tempo parcial e por que non se respectan as planificacións feitas dende Madrid, que a dirección de Lugo cambia ao seu antollo, co resultado de que o persoal que fai 90 horas só está cobrando 75.

A sección sindical da CIG esixe unha solución inmediata ante este roubo e advirte que nesta situación se atopa un número importante de traballadores e traballadoras que vén como os seus salarios minguan mes a mes, mentres a empresa se enriquece ilicitamente co seu esforzo.

O PP non entende que Méndez vote en contra “de que o Concello siga a traballar porque o casco histórico sexa Patrimonio da Humanidade”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, amosou a súa sorpresa despois de que Lara Méndez votase en contra de que o Concello de Lugo siga a traballar para que o casco histórico da cidade sexa nomeado como Patrimonio da Humanidade.

Recordou Ramón Carballo que no San Froilán do 2019 a alcaldesa de Lugo sumábase a unha iniciativa para iniciar os trámites precisos para que o casco histórico de Lugo fose candidato a Patrimonio da Humanidade, iniciativa que non chegou a fraguar e que é unha lástima non retomar, xa que toda actividade que axude a traer actividade económica e a facer da cidade un lugar acolledor para os seus habitantes é fundamental de cara ao futuro. Fagamos de Lugo unha cidade atractiva para os seus veciños e para os visitantes.

Poucas cidades teñen a riqueza patrimonial, cultural e natural que ten a cidade de Lugo. Cada recuncho da nosa cidade ten unha historia e é a nosa obriga rentabilizar os recursos dos que dispón para facer de Lugo un destino atractivo. Se se fai un traballo serio e se presenta unha candidatura traballada e ambiciosa poderíamos ser a única cidade que teña catro bens declarados Patrimonio de la Humanidad. Pero para levar a cabo esta iniciativa compre poñerse a traballar de inmediato, para facer do casco histórico un candidato solvente e
merecedor desta distinción.

Pero a realidade é tozuda e a día de hoxe temos un recinto amurallado que está moi lonxe de ser un lugar do que sentirse orgullosos. É difícil estar conforme cando vemos a zona da catedral nas noticias nacionais polos efectos do botellón, sen que haxa ningún plan de limpeza, de prevención de botellón, ou de ocio alternativo para os rapaces que buscan nestas zonas ocupar o seu tempo de lecer.

É importante tamén que os lucenses sintan que o patrimonio histórico importa, polo que debe ser protexido das agresións, sen esquecer a mellora da seguridade das persoas. Un sistema de videovixilancia, presencia policial, medios legais que sirvan de apoio ás actuacións
policiais e axuden a velar por unha boa convivencia nas nosas rúas son fundamentais para respaldar unha candidatura solvente que represente unha oportunidade para a cidade de Lugo.

Esta candidatura é un proceso largo, polo que cómpre empezar a traballar nos permisos precisos para a instalación de sistemas disuasorios e de control, para axudar a previr delictos e tamén a resolvelos, pero debe ser un traballo coordinado e encamiñado a un obxectivo final, acadar a nominación de Patrimonio da Humanidade.

Os populares tampouco entenden que o goberno local se negase a apoiar a posta en marcha dunha estratexia de traballo coordinada, entre as áreas nacionalistas de cultura e de vías e obras e as socialistas de servizos sociais e urbanismo, para promover un Plan Estratéxico de Turismo Accesible. A idea é que Lugo, cos seus tres patrimonios da humanidade, sexa un destino de turismo inclusivo a partir deste 2021 de forma que calquera persoa, poida gozar sen impedimentos de todos os servizos turísticos que ofrece esta cidade.

Atención Primaria
Os populares tamén defendían unha proposta para a defensa da atención primaria, que o goberno local tamén optou por denegar, para instar ao Goberno central a facilitar a cobertura de persoal médico na atención primaria.

Os populares pedían que se pedise ao Goberno de España unha habilitación, de forma extraordinaria, dos centros de saúde necesarios para que teñan a consideración de centros acreditados para a formación, así como aos profesionais especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria, unha convocatoria extraordinaria de prazas MIR para incorporar mais profesionais ao sistema sanitario galego e ás reformas
estructurais precisas para flexibilizar e axilizar o procedemento de acreditación de unidades docentes e os seus requisitos, permitindo a formación anual de máis profesionais especialistas.

Reducción da factura da luz
Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular critican a Lara Méndez por negar o seu apoio a unha iniciativa, que si se aprobou grazas aos votos a favor do PP e Cidadáns e a abstención do BNG, para reducir o custo da factura da luz aplicando medidas como a rebaixa do IVE da electricidade do 21 ao 10%, a rebaixa do imposto sobre o valor da producción de enerxía eléctrica ao 0% ou unha revisión dos tramos horarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com