Novas

Protección Civil limpa o Miño na Estación de Tratamento de Auga

O Servizo de Protección Civil do Concello de Lugo procedeu este venres a limpar o leito do río Miño, en Adai, para retirar pólas e troncos de árbores que poidan atoar a represa da Estación de Tratamento de Auga Potable durante os vindeiros meses.

Os traballos, que cada ano se realizan de forma ordinaria antes de rematar a época de estiaxe, precisaron da intervención de mergulladores así́ como a utilización de guindas- tres que se empregaron para o traslado dos refugallos localizados.

“A finalidade – segundo indican dende o Servizo de Protección Civil – é liberar a cunha fluvial de calquera obxecto, fundamentalmente restos de ramas e de vexetación que arrastran as choivas dende as ribeiras, para evitar que poidan ocasionar algún tipo de atoamento á ETAP, comprometendo o seu funcionamento, dende a que se regula o caudal necesario para abastecer de subministración á cidade”.

 

Só 7 positivos o día que Lugo baixa dos 300 casos

A provincia de Lugo baixa dos 300 casos activos, por primeira vez dende o pasado 6 de xullo cando a provincia amosaba 284 infeccións e todos os baremos ían aumentando a pasos axigantados día si, día tamén.

Así, segundo os datos recollidos polo SERGAS ata as 6 da tarde de onte, Lugo rexistra 296 casos activos, 26 casos menos que na xornada anterior. Un descenso que vén dado, en gran parte, polo baixo nivel de positividade que se está a dar. E é que, na última xornada, tan só se rexistraron 7 positivos en probas diagnósticas, moi na liña da xornada anterior que se rexistraban 6 e lonxe dos 20 do mércores.

Tamén cabe resaltar a presión asistencial con 10 pacientes covid en plantas de hospitalización (tres menos que na xornada anterior) e 2 na UCI do Hula. Por hospitais, o Lucus Augusti conta con 3 ingresados en planta positivos en Covid19 e o Hospital da Mariña, con un. Con todo, o Hospital de Monforte continúa a ser o que máis pacientes rexistra con 6 casos en planta.

Baixan os positivos e suben as altas médicas, nas últimas horas Lugo acadou as 19.319 persoas curadas; mentres que na pasada xornada non rexistrou ningún falecemento quedando esta cifra nos 247.

A Deputación colaborará na solución dos problemas estruturais do paseo marítimo de Viveiro

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este xoves coa Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, un convenio de colaboración a través do que a institución provincial achega ao Concello 100.000€ para acometer o proxecto que solucionará os problemas estruturais que presenta unha parte do paseo marítimo, un proxecto que leva tempo pendente de solución.

O Concello achegará pola súa banda 15.611€. José Tomé subliñou que esta colaboración económica con Viveiro é unha nova mostra do compromiso “que temos na Deputación co Concello e cos seus veciños e veciñas”, e que, sumada a outros investimentos, como o realizado a través do Plan Único, fai que a achega total transferida á entidade local mariñá se sitúe neste 2021 en torno aos 700.000€.

O convenio para o arranxo do paseo marítimo “é un claro exemplo dos bos resultados que ten para a cidadanía a colaboración entre administracións”, explicou o Presidente, pois a Demarcación de Costas, dependente do Estado, elaborou o proxecto; a Deputación de Lugo aporta o financiamento necesario para acometelo, e o Concello de Viveiro encárgase de licitar e executar as obras.

“Sei que a Alcaldesa leva moito tempo preocupándose e pelexando por darlle unha solución a este problema do paseo marítimo, e para min é unha satisfacción poder colaborar dende a Deputación para que poida facelo e ofrecer, deste xeito, mellores servizos aos seus veciños e veciñas”, engadiu o mandatario provincial. Tomé Roca detallou que esta actuación servirá para resolver o deterioro causado polo basculamento do muro cara o mar, no tramo que se sitúa entre o quiosco e o Conservatorio de Música.

“As obras van permitir corrixir eses defectos, garantir a seguridade e recuperar plenamente un entorno emblemático para uso e desfrute dos veciños e veciñas de Viveiro, e para os moitos visitantes desta cidade que se ten consolidado como un importante destino turístico”, indicou.

O Presidente lembrou que o paseo marítimo de Viveiro “é un lugar de ocio e convivencia privilexiado, tamén un espazo para a celebración de actividades musicais ou culturais de todo tipo”. De feito, a propia Deputación celebrou en agosto neste entorno unha das xornadas do programa Saborea a túa provincia, dirixido a incentivar o consumo de produtos de proximidade e apoiar a economía local fronte ó impacto da pandemia. O acto de sinatura do convenio tivo lugar no propio paseo, e, ademais do Presidente e da Alcaldesa vivariense e Deputada de Muller e Igualdade, contou coa presenza do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, o Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, de concelleiros e concelleiras do Goberno local, e de veciños e veciñas de Viveiro.

Novo reparto de competencias en Vilalba logo da dimisión do tenente de alcalde

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, anunciou esta mañá a remodelación de goberno para facer fronte á segunda metade do seu mandato. Unha nova distribución de responsabilidades para dar continuidade ao proxecto iniciado no 2019 tras o cambio histórico no municipio.

O Grupo de Goberno do Partido Socialista anuncia os cambios co principal obxectivo de ofrecer aos vilalbeses e vilalbesas o servizo público para o que foron elixidos como partido máis votado nas derradeiras eleccións.

A edil Marta Rouco asumirá a portavocía do Grupo de Goberno e ocupará a primeira tenencia de alcaldía. Ás súas áreas de Políticas Sociais e Comercio, suma as delegacións de Economía e Facenda. No tocante á xestión do persoal, porase ao frente a nova incorporación do executivo, Eduardo Vidal, deputado provincial e concelleiro na anterior lexislatura. Coa súa chegada ao equipo de goberno, que se fará efectiva en sesión plenaria logo dos trámites pertinentes, comezará a dirixir as delegacións de Réxime interno, Seguridade cidadá e Servizos.

A rexedora, Elba Veleiro, responsabilizarase da xestión directa no relativo á Promoción do territorio e Turismo, garantindo que “o equipo e a remodelación que hoxe presentamos está pensada para dar continuidade a un proxecto ilusionante, nun contexto co que ninguén contaba no ano 2019, despois dunha profunda crise sanitaria, económica e social que precisa de decisións que contribúan a superar os grandes retos que temos por diante con convicción e responsabilidade”.

Nesta liña, a alcaldesa puxo de manifesto que “traballaremos con firmeza e constancia para avanzar nas liñas trazadas e cumprir co compromiso que adquirimos cos vilalbeses e vilalbesas hai dous anos, tendo en conta os tempos que nos impuxo a pandemia da Covid-19, pero coa plena convicción de que agora é o momento de amosar altura de miras e dar resposta ás necesidades dos nosos veciños”. Nese senso, “temos a man tendida ao acordo político e á negociación para acometer os cambios e melloras que Vilalba precisa, e que a maioría da xente demanda”.

No ecuador da lexislatura, desde o goberno aseguran que “son moitos os avances feitos, aínda que non todos se poidan visibilizar nun espazo tan curto de tempo; o máis complexo é sentar as bases para que Vilalba progrese e o concello responda aos principais problemas da poboación”.

Coa remodelación anunciada, a distribución das áreas delegadas quedaría da seguinte forma:

  • Elba Veleiro, alcaldesa, Promoción do territorio e Turismo
  • Marta Rouco, concelleira de Políticas Sociais, Economía e Facenda, e Comercio
  • Eduardo Vidal, concelleiro de Réxime interno, Seguridade cidadá e Servizos
  • Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas e Urbanismo
  • Vanesa Siso, concelleira de Cultura, Comunicación e Igualdade
  • Ignacio Criado, concelleiro de Medio ambiente e Rural
  • Antía Rama, concelleira de Educación, Infancia e Mocidade, Feiras e Mercados
  • Xosé Teixeiro, concelleiro de Deportes

‘O País das Bandas’ chega este domingo a Vilalba coa de Vilaboa

O ciclo O País das Bandas, promovido pola Xunta e a Federación Galega de Bandas de Música Populares no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22, chega o domingo a Vilalba, cun concerto da Banda de Música do concello pontevedrés de Vilaboa. A actuación terá lugar ás 19,00 horas no Auditorio Carmen Estévez.

Esta formación musical nace en 2015 como resposta para crear unha agrupación para o alumnado da escola de música e está dirixida desde os seus inicios polo seu fundador, Daniel Figueira Bello.

O repertorio previsto para concerto do domingo inclúe as pezas Juventus, Two celtics folksongs, Ortigueira, Medley boleros e Banda galega. Soarán tamén Non chores por min Arxentina, Desfilando, The avenges, Martiñika e Smoke on the water. Completan o programa Blinding light, Accidentalmente namorado, Viva a vida, Escoita como vai! e A rianxeira.

O País das Bandas arrincou o pasado 1 de xullo e percorrerá Galicia ata o 30 de setembro con case un cento de concertos a cargo de 77 agrupacións que suman máis de 3600 músicos. O obxectivo é impulsar a recuperación da actividade das bandas na Comunidade, como grandes depositarias da tradición musical galega.

A iniciativa desenvólvese ao abeiro do acordo asinado o pasado maio entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Federación de Bandas, mediante o que a Xunta cuadriplicou a súa colaboración con este colectivo, cunha achega de 400.000 euros.

Castiñeira: “Algúns pequenos concellos pagan agora facturas de luz máis altas que antes de aplicar medidas de aforro enerxético”

O incremento do prezo da enerxía eléctrica crea graves problemas a institucións, á industria e aos particulares. O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, pon hoxe o foco nos concellos lucenses que “sofren tamén, igual que os nosos veciños, como as pequenas, medianas e grandes empresas, o elevado custe da enerxía eléctrica, consecuencia do fracaso absoluto da estratexia enerxética equivocada do Goberno de PSOE e Podemos, que afecta directamente a nosa provincia”. O PP defenderá unha moción no próximo pleno da Deputación para instar ao Goberno central a adoptar medidas eficaces para poñer freo á suba do prezo da electricidade.

Castiñeira sinala: “Os problemas estanse facendo visibles nas empresas, que perden competitividade, o que repercute nos postos de traballo. Outros dos afectados seriamente son os concellos, especialmente os pequenos, que teñen case as mesmas construcións e edificios que outros máis grandes; falamos de dependencias municipais de todo tipo: casas de servizos sociais, casas do concello, pavillóns, colexios, etcétera”.

O portavoz municipal explica: “Hoxe desprazámonos a un concello pequeno, da montaña lucense, ao Cádavo, para testemuñar esta circunstancias. A moción que defenderemos no próximo pleno da Deputación vai nese sentido. Queremos que na Deputación, que é a casa de todos os concellos, todos esteamos de acordo en pedir ao Goberno do Estado que faga todo o posible por rebaixar o prezo da factura eléctrica, que pagan tamén os concellos”.

Castiñeira declara: “Moitos dos concellos vense afectados en miles de euros cada mes. Estanse dando casos de municipios que durante todos estes anos estiveron aplicando medidas de aforro enerxético, e resulta que neste mes á factura é moito máis grande que noutros meses, pese a aplicar as medidas de aforro. É unha situación moi grave; esperemos que teñamos o apoio de todos os grupos na Deputación para evitar esta intransixencia enerxética do Goberno, que está a levar á ruína a moitas empresas e a pasalo mal a moitas casas e concellos da nosa provincia”.

A Faba volve a Lourenzá cunhas xornadas en lembranza das Festas antes da pandemia

O Concello laurentino organiza do 1 ao 3 de outubro unhas xornadas para lembrar a Festa da Faba de Lourenzá que se celebraba antes da pandemia. As actividades foron presentadas hoxe, venres, pola alcaldesa, Rocío López, e o concelleiro de Cultura, Manuel Arango.

A rexedora municipal explica que este evento “non ten nada que ver co formato habitual que víñamos facendo da Festa da Faba en anos pasados. Non se celebra a tradicional degustación que se facía anteriormente nin tampouco haberá as casetas dos fabeiros na Praza do Concello nin os postos que se colocaban nas rúas. Pero si estamos organizando unhas xornadas para esa fin de semana, na cal a faba vai estar presente e imos recordar o noso produto estrela”.

Rocío López anuncia que para a fin de semana do 1 ao 3 de outubro “o Concello organiza unha serie de actuacións musicais e culturais, que terán lugar ao longo do venres, do sábado e do domingo. Tamén é importante destacar que se vai celebrar a tradicional carreira popular Val das Fabas o domingo, con dúas probas, unha ás 11 e outra ás 12. O sábado estarán presentes os vehículos clásicos, na rúa Paseo de Oya, e haberá un showcooking na Praza do Conde Santo, a cargo da Asociación de Cociñeiros de Lugo, no que a xente vai poder degustar fabas cociñadas de diversas maneiras”.

A alcaldesa engade que no apartado musical “haberá distintas actuacións: unha delas terá lugar xa o venres ás 20:00 horas no salón de actos, onde actuará o dúo Falúa; o sábado pola mañá polas rúas da vila estará a charanga Louband e pola tarde no claustro do mosteiro terán lugar dous concertos de Xabier Díaz, un ás 17:30 e outro ás 20:30 horas. E xa o domingo pola mañá actuará polas rúas da vila outra charanga, Fanfarria Taquikardia, e pola tarde, ás 18:00 horas na Praza do Conde Santo o grupo Airiños da Freba será o encargado de poñer o toque musical que pechará estas xornadas dedicadas á faba de Lourenzá. Tamén é importante destacar que os bares da vila nas súas cartas, menús e tapas van incluír a faba de Lourenzá, que estará presente cociñada de diversas maneiras”.

A rexedora remata invitando á xente a “que veña a Lourenzá esta fin de semana para desfrutar desta programación distinta e atípica, pero coa esencia da faba”. E destaca que “en todas as actividades programadas cumpriranse os protocolos Covid, co cal a xente poderá estar con plena seguridade e tranquilidade, pero evidentemente pedímoslles que actúen con responsabilidade”.

O PP considera que a reunión de Méndez cos feirantes é “o principio do fin dun matrimonio de conveniencia”

O Grupo Popular interpreta a reunión desta mañá da alcaldesa socialista cos feirantes e propietarios de barracas como unha “desautorización en toda regra ao BNG”. “Isto é o principio do fin dun matrimonio de conveniencia”, afirman.

O portavoz popular alégrase de que “por fin” a alcaldesa saíse do seu letargo e póñase á fronte do concello xa que “leva días desaparecida”. Carballo asegura que “coa reunión de hoxe demostra que Lara Méndez se quere as barracas pero que a xestión independente das áreas do Concello de Lugo, repartidas no pacto de goberno co BNG, impedíalle pronunciarse”. “Esperemos que non sexa xa demasiado tarde e que os lucenses non teñamos, unha vez máis, que sufrir as consecuencias dun goberno bipartito cunha alcaldesa secuestrada polo seu socio nacionalista”, reflexionaba.

O PP desde o minuto un foi claro na súa formulación e propuxo outras alternativas para acordar cos feirantes así como tamén pediu por carta á alcaldesa un pronunciamento público. “Se non se montan as barracas será polo capricho do BNG e pola falta de valentía da alcaldesa de Lugo que tardou demasiado tempo en reaccionar” concluía Ramón Carballo.

En todo caso a xuízo dos populares “a reunión celebrada e convocada esta mañá pola alcaldesa cos feirantes desautoriza e desacredita aos concelleiros do BNG para dirixir calquera área”.

Méndez sáltase ao BNG e reúnese cos feirantes na busca dunha solución para instalar as barracas

rexedora de Lugo, Lara Méndez, mantivo esta mañá unha reunión no Concello cos representantes dos barraquistas que piden poder instalarse en Lugo durante o San Froilán e á que acudiu acompañada polo tenente de alcaldesa e portavoz do Goberno local, Miguel Fernández.

Un encontro que se produce “a instancias das peticións do sector na procura de solucións para, como dende o primeiro momento – manifestou Lara Méndez – era a nosa vontade, se puidera compatibilizar a necesidade que teñen de retomar a súa actividade e dinamización económica do municipio coa seguridade e a saúde pública que é a nosa principal preocupación”.

Así, a alcaldesa lucense referiu que “a xuntanza, que se desenvolveu nun clima cordial e de entendemento, posibilitou o intercambio de pareceres entre as expectativas dos empresarios e as restricións de aforo que impón a normativa autonómica, tratando de buscar alternativas que concilien o seu dereito a traballar cos medios e as dotacións das que dispoñemos as administracións para velar porque isto suceda sen contravir os protocolos Covid en vigor e con totais garantías para a poboación”, sinalou Lara Méndez.

A rexedora avanzou tamén que o Executivo analizará as propostas do colectivo “co obxectivo de, como fixemos noutras ocasións como puido ser esta pasada fin de semana no Caudal Fest, durante o Arde Lucus ou coa celebración de numerosas probas deportivas na cidade, ir recuperando a normalidade que tan necesaria é para a recuperación dos concellos dende o punto de vista económico pero tamén social”.

Unha meta na que cómpre traballar sempre, sempre, sempre con responsabilidade e na que o diálogo debe ser a ferramenta na que se apoie a nosa capacidade de xestión”, concluíu Lara Méndez.

A Deputación leva a Pleno a aprobación do convenio para construír o Centro de Atención a Maiores de Pantón

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, levará ao Pleno ordinario deste mes de setembro, que se celebrará o vindeiro martes, a aprobación do convenio de colaboración entre a institución provincial e o Concello de Pantón para a construción do Centro de Atención a Maiores desta localidade por un importe de 1,7M€. En cinco anualidades, a Deputación aportará 1,4M€ e a entidade local 300.000€ para construír e poñer en marcha esta dotación social nun terreo situado no centro de Ferreira de Pantón.

A residencia terá capacidade para entre 30 e 39 prazas, distribuídas en 18 habitacións dobres e 4 individuais, máis 3 prazas en enfermaría. O Presidente subliñou que, con este acordo, que supón un paso determinante para a creación da residencia de Pantón, “queda demostrado de novo que na Deputación de Lugo cumprimos co compromiso adquirido co Concello e cos veciños e veciñas de facer unha residencia, que traballamos para os 67 concellos da provincia por igual, sexan da cor política que sexan, e que seguimos criterios obxectivos e sen sectarismos”.

Neste sentido, o Presidente lembrou que cando tomou posesión, en xullo de 2019, encargouse de formalizar o compromiso que existía co Alcalde de Pantón de construír un Centro de Atención a Maiores neste concello asinando ese mesmo ano un protocolo de colaboración, momento a partir do que a Deputación comezou a traballar na redacción do proxecto, que foi presentado aos veciños e veciñas o pasado mes de xuño nun acto público celebrado na Casa da Cultura da localidade.

Nese momento, José Tomé avanzou xa que estaba traballando para aprobación do convenio, unha proposta que eleva ao Pleno do vindeiro martes. A residencia de Pantón ofrecerá un servizo público asistencial de calidade e personalizado aos maiores, favorecendo o seu arraigo, ademais de crear emprego sostible no rural.

O proxecto da residencia de Pantón foi o primeiro da Rede Provincial de Centros de Atención a Maiores que se elaborou integramente contando co asesoramento do Servizo de Benestar da Deputación. “Isto ten a vantaxe de que se incorporaron todas as melloras que se foron detectando grazas á experiencia conseguida nas residencias que xa temos en funcionamento”, afirmou Tomé Roca.

“Será moi acolledora, tanto pola súa situación, en pleno centro de Ferreira, o que permitirá que os usuarios vivan plenamente integrados co resto da veciñanza, como polo seu deseño, pensado por e para as persoas, de tal xeito que favorecerá unha atención personalizada e unha convivencia agradable”, destacou sobre a nova dotación social. Así mesmo, a residencia desta localidade da Ribeira Sacra creará emprego e actividade económica. Aos en torno de 25 postos de traballo directos que xerará o centro, hai que sumar o emprego indirecto e o retorno económico que o funcionamento deste servizo terá para os negocios locais, tales como a farmacia, comercios, supermercados, hostalería ou
produtores de alimentos.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com