Novas

Cambios nos accesos, itinerarios e horarios de carga e descarga no casco histórico de Lugo

Na Comisión de Tráfico celebrada este venres levouse a cabo a reorganización integral da mobilidade no casco histórico para acadar novos itinerarios e accesos  e que permitan reducir os niveis de contaminación nunha zona que abrangue os tres Patrimonios da Humanidade e incrementar a sostibilidade, dentro do novo modelo de cidade

Os cambios se aplicaranse unha vez que finalice a colocación das novas cámaras de acceso a través da lectura de matrículas e comece a funcionar o sistema, pero de inicio se aplicarán durante un período de proba.

O novo sistema de acceso implicará a substitución dos bolardos retráctiles actuais por cámaras de lectura das matrículas, que tamén incorporarán de maneira automática o expediente sancionador de quen incumpre para evitar a picaresca actual.

Os permisos de accesos manteranse como até agora cos residentes, preto de 3.000 existen na actualidade, así como cos vehículos de carga e descarga e os permisos especiais. O Concello estudará todas as diferentes casuísticas para darlles resposta.

Novas zonas do casco histórico

 Coa reorganización o centro histórico de Lugo pasará a dividirse en 5 zonas, en lugar das 8 establecidas ata o momento, coas súas correspondentes zonas e horarios de carga e descarga. Estes quedarían de 7.00 a 11.00 horas e de 15.30 a 17.30 horas (antes eran de 8.00 a 12.00 horas e de 15.00 a 17.00 horas), co obxectivo de que as rúas queden liberadas de camións nas horas de maior tránsito peonil.

Respecto ás zonas de carga e descargas, mantense as actuais, pero se engaden dúas máis: Lois Peña Novo e Rúa Nova, a carón da zona axardiñada do Museo.

Estas son as seguintes:

ZONA 1

Ámbito: Rúas da Raíña, Progreso, Xoan Montes, San Pedro, Nóreas e Carril dos Carteiros.

Acceso: Rúa Progreso

Saída: Rúa Progreso

Carga e descarga: Zona Nóreas, Nóreas – San Pedro, Xóan Montes – Raíña e Progreso – Nóreas

Horario Carga e Descarga: 7.00 -11.00 h. e 15.30 -17.30 h.

ZONA 2

Ámbito: Rúa San Froilán, Rúa Nova (tramo Porta Nova – R/ Montevideo) e Amor Meilán.

Acceso: Rúa San Froilán/Quiroga Ballesteros

Saída: Rúa San Froilán/Rúa Quiroga Ballesteros/Rúa Nova.

Carga e descarga: Zona San Froilán – Quiroga Ballesteros, San Froilán – Rúa Nova e Rúa Nova – Amor Meilán.

Horario Carga e Descarga: 7.00 -11.00 h. e 15.30 -17.30 h.

ZONA 3

Ámbito: Rúa Bispo Aguirre, Praza Maior, Praza de Anxo Fernández Gómez, Praza e Rúa Campo Castelo, Praza Pío XII, Rúa Cregos, Rúa Catedral, Praza Fernando Casas Novoa, Praza de Santa María, Bispo Basulto, Rúa da Cruz.

Acceso: Rúa Vilalba-Tramo peonil Ronda e Porta de Santiago

Saída: Rúa Vilalba-Tramo peonil Ronda e Porta do Campo Castelo

Carga e descarga: Zona Fernando Casas Novoa, Praza e Rúa Campo Castelo, Praza de Pío XII

Horario Carga e Descarga: 7.00 -11.00 h. e 15.30 -17.30 h.

ZONA 4

Ámbito: Rúa Tinería, ámbito Porta Miñá, Rúa do Miño, Rinconada do Miño, Rúa Nova, Praza do Campo, Praza e Rúa da Soidade, Carril dos Fornos, Rúa María Balteira, Rúa do Moucho, e Rúa Falcón.

Acceso: Porta Miñá (María Balteira por R/ Montevideo)

Saída: Porta Miñá/Rúa Montevideo

Carga e descarga: Rúa Nova (zona Museo e zona Praza Soidade), Zona Tinería (Rúa Tinería e Rinconada do Miño), zona Praza do Campo

Horario Carga e Descarga: 7.00 -11.00 h. e 15.30 -17.30 h.

ZONA 5

Ámbito: Rúa Quiroga Ballesteros (Tramo Bolaño Rivadeneira – Praza de Santo Domingo), Fondo da Praza de Santo Domingo, Praza de Antón Fraguas, Praza da Soidade, Carril do Mercado, Carril do Son, Tuñas Bouzón, Rúa Doutor Castro, Rúa Conde Pallares, Praza Armañá, Rúa Lois Peña Novo, Rúa San Marcos, Canella da Deputación e Carril dos Romanos

Acceso: Praza de Santo Domingo, Praza do Ferrol (San Marcos e anexas) e Rúa Quiroga Ballesteros (residentes no tramo entre Bolaño Rivadeneira e Carril do Son)

Saída: Praza de Santo Domingo, Praza do Ferrol (San Marcos e anexas) e Rúa Quiroga Ballesteros (residentes no tramo entre Bolaño Rivadeneira e Carril do Son)

Carga e descarga: Praza de Santo Domingo, Rúa Lois Peña Novo, Praza Armañá (dúas zonas: Tramo próximo de Rúa Armañá cara a Praza do Campo e zona oposta a Lois Peña Novo na Praza de Armañá)

Horario Carga e Descarga: 7.00 -11.00 h. e 15.30 -17.30 h.

Lixeiro repunte nos casos activos por covid na área sanitaria de Lugo

Nas últimas 24 horas o Sergas notifica que o número de novos positivos por coronavirus na provincia incrementouse en 50 novos infectados e o número de casos activos sube lixeiramente con 6 novos casos, sitúandose en 809.

No total de Galicia a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou na súa última actualización, que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.041 deles 1.073 son da área da Coruña, 441 da de Ourense, 249 da de Pontevedra, 602 da área de Vigo, 682 da de Santiago e 185 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 43 están en UCI, 103 en unidades de hospitalización e 3.895 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 174.296 persoas curadas, rexistrándose 2.602 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.785.702.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 4.218.567.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

O Concello do Incio pon en marcha de novo o servizo de madrugadores

O Concello do Incio en colaboración co CEIP Ricardo Gasset oferta de novo este curso escolar 2021-2022 un servizo de madrugadores para os nenos e nenas escolarizados no centro. É unha proposta pensada para axudar na conciliación familiar para aqueles pais e nais que queiran
deixar aos seus fillos cedo, antes do inicio da xornada lectiva.

O servizo, de carácter gratuíto, comeza ás 08:00 da mañá e esténdese ata as 10:00 horas, momento no que comezan as clases. Durante estas dúas horas os nenos e nenas están acompañados dunha coidadora que se ocupa de vixialos.

O servizo préstase no salón de actos do centro, o que permite cumprir con todas as medidas sanitarias en vigor. Na sala teñen diversos xogos e abundante material para poder entreterse.

O Goberno local anima aos pais e nais a interesarse polo servizo de madrugadores a través do Concello ou no propio CEIP Ricardo Gasset, onde poden formalizar a súa inscrición.

O servizo xa se atopa operativo.

CIG Saúde denuncia falta de persoal sanitario na atencion primaria de Lugo

A CIG SAUDE vén de denunciar a falta de persoal sanitario na Atención Primaria en Lugo. Unha situación á que se chega, segundo explican dende o sindicato, “por unha falta de previsión e organización por parte dos responsables da Dirección da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña, e Monforte de Lemos”, obrigando aos profesionais tanto dos centros de saúde do rural como dos das zonas urbanas a ter que asumir atención sanitaria dos doentes dos seus compañeiros, “pechando axendas pola imposibilidade de atender adecuadamente a todos os usuarios, ou mesmo derivalos ao PAC”.
Dende CIG Saúde, salientan como unha mostra do que acontece en toda a Atención Primaria da Provincia,  o acontecido nos seguintes centros:
O centro de Saúde de Viveiro, cunha poboación duns 15000 habitantes, “que se chega a duplicar na época estival na que aínda estamos, no que terían que estar 10 médicos de familia (7 quenda de mañá e 3 de tarde), a cal a día de hoxe está atendida por 2 médicos, mais 1 que atende as urxencias. De 10 pasamos a 3”. No centro de Saúde de Castro Riberas do Lea  levan todo o verán sen substituir 2 facultativos.
Na capital, o centro de Saúde da Praza do Ferrol, a día de hoxe, 2 días á semana na quenda de tarde non hai médico que atenda a poboación; e no Centro de Saúde Illas Canarias ou o da Milagrosa, teñen  ausencias de facultativos e de enfermería sen substitución dende vai varios meses.
Os profesionais facultativos e de enfermería “están ao límite da súa capacidade de atención” para poder dar unha calidade asistencial mínima, “sentíndose impotentes e desbordados ante unha situación na cal o único que necesitan é que a Dirección da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña, e Monforte de Lemos, se poña a xestionar e poñan freo a esta situación alarmante que o único que fai e destruir a Atención Primaria tal e como a coñecíamos e saturar a Atención Hospitalaria”.
“Non hai escusas”, di a CIG. “A resposta non pode ser “non hai médicos” ou “non hai enfermeiros”, é o momento de que tódolos cargos implicados, xefes de unidade, xefes/as de servizo, cargos da xerencia, e o propio Xerente se poñan a traballar en solucionar o problema que eles mesmos crearon por falta de planificación e polos contratos precarios que ofertaron e seguen a ofertar”.
“Hai ferramentas, que as usen, e por último decir que  resultanos incrible, pero por desgraza nalgún concello, como o de Viveiro a situación está ao límite e ao borde de ter que chamar a UME (Unidade Militar de Emerxencias) para que a poboacion poida ser atendida cunha calidade asistencial mínima”, conclúen.

O PP pide a Méndez por carta que clarifique “se deixan montar as barracas”

O Partido Popular pide por carta a Lara Méndez que responda á petición dos industriais e dos feirantes para que poidan instalar as barracas este San Froilán. Desde o Grupo Popular afirman que “os protocolos as autorizan, sanidade permíteas, que o comercio e a hostalería local e os barraquistas meréceno e necesitan”.

Dado que non houbo ningún pronunciamento claro da alcaldesa socialista, que apraza a súa decisión á Comisión de Festas que “aínda non ten nin data de convocatoria” hoxe o Grupo Municipal do PP rexistrou unha carta para que Lara Méndez maniféstese xa que dos votos dos
seus concelleiros vai depender que haxa ou non atraccións nas patronais.

“É unha falta de respecto que por parte da esquerda que goberna Lugo que se dilate a toma desta decisión xa que a conta atrás para as patronais avanza e xa só falta 25 días para os festexos”. Para os populares se o goberno ten vontade “aínda se está a tempo de permitir a montaxe das atraccións” insistindo en que hai fórmulas legais vía convenios, peticións de comunicación de ocupación da vía pública ou ben a través dun decreto da alcaldía.

Adxudicada a prestación básica dos servizos da residencia de Meira

O Goberno Provincial informou dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno deste venres, na que se deron novos pasos para abrir nas vindeiras semanas o Centro de Atención a Maiores de Meira, coa adxudicación por preto de 624.000€ do contrato de prestacións básicas. O contrato inclúe o servizo de cociña, limpeza e asistencia para o centro.

Resultou adxudicataria a empresa Troncoso Casares SL ata o 20 de xuño do 2022, con posibilidade de prórroga ata o 17 de abril do ano 2023, segundo explicou Pilar García Porto, quen lembrou que este paso “permitiranos cumprir coas previsións e poñer en funcionamento a residencia de Meira entre finais deste mes de setembro e principios de outubro”. Este será o cuarto centro de maiores que abre o Goberno no que vai deste mandato, e a sétima da rede provincial, pois xa están en marcha Pol, Trabada, Ribadeo, Castroverde, Pedrafita e A Fonsagrada.

A voceira do Goberno sinalou que o CAM de Meira contará con 30 prazas de residencia -ampliables a 38 se fose preciso- e 20 prazas de centro de día. Seguindo o modelo de xestión establecido entre a Deputación e os concellos, os veciños e veciñas de Meira terán prioridade de acceso á residencia, logo os dos municipios limítrofes e, seguidamente, os do resto da provincia de Lugo. Do mesmo xeito, o custe da praza adaptarase á capacidade económica de cada persoa maior para que todos poidan acceder á mesma.

Achega económica para o FIV 2021

A Xunta de Goberno deste venres sacou adiante tamén un convenio de colaboración co Concello de Vilalba, por medio do que a Deputación achega 20.000€ para a celebración do Festival Independente de Vilalba (FIV) deste ano 2021, que terá lugar entre os vindeiros días 17 e 19 de setembro. Un evento musical que naceu no 2008 e que logo de 12 edicións está consolidado como un referente do indie rock nacional e todo un revulsivo para a comarca chairega.

Contratos

Por outra banda, a Xunta de Goberno sacou adiante a licitación de dous contratos para a prestación do servizo de mecanizados para vehículos e máquinas da Deputación por un  importe de 18.000€ e outro de mantemento e reparación dos camións, vehículos especiais e maquinaria do Parque Móbil provincial por 54.000€.

Ademais, o Executivo tamén deu luz verde na súa reunión de hoxe á adxudicación do contrato de subministro de equipos de protección individual, roupa de traballo e uniformes destinados ao cadro de persoal da institución provincial por 284.184€ á empresa Suministros Industriales Bello S.A.

Unha persoa perde a vida nun accidente de tractor en Castro de Rei

Unha persoa perdeu a vida esta mañá despois de quedar atrapada baixo un tractor nunha leira do lugar do San Queitano, en Castro de Rei.

Os feitos sucederon uns minutos antes das doce. Foi, a esa hora, cando o 112 Galicia tivo coñecemento do accidente a través dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Acto seguido, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia solicitaron a intervención dos Bombeiros de Vilalba e dos axentes da Garda Civil.

Xa no lugar do suceso, os servizos sanitarios tan só puideron confirmar o falecemento da persoa accidentada, que tivo que ser liberada polos membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Vilalba.

A Xunta impulsa a primeira pista de atletismo homologada da Mariña

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou na mañá de hoxe as instalacións deportivas da Veiga, sitas no Concello de Cervo, na compaña do seu alcalde Alfonso Villares. Ambos dirixentes exploraron as posibilidades de aproveitamento das pistas existentes, así como de todo o complexo deportivo da Veiga e acordaron impulsar conxuntamente a primeira pista de atletismo homologada da comarca da Mariña. Deste xeito, a nova instalación xuntará a tecnoloxía máis moderna xunto a aposta por unha infraestrutura de calidade como a xa existente mediante a súa optimización.

Cómpre salientar que as instalacións deportivas da Veiga, ademais das nomeadas pistas, contan cun pavillón polideportivo. Ademais, o secretario xeral destacou a idoneidade da localización xa que non dista máis de 20 minutos da metade da poboación de toda a Mariña, que suma, no seu total 70.000 habitantes. As novas pistas homologadas da Veiga, dixo o secretario xeral, darán servizo a “todos os atletas e deportistas de Cervo, da Mariña, de Lugo e de todos os galegos e galegas que queiran facer deporte nunha instalación de primeiro nivel”. Coa nova pista, Cervo e a Mariña occidental situaranse como referentes do deporte na provincia de Lugo.

Nesta nova infraestrutura teñen moito que ver os recentes éxitos do atleta viveirense Adrián Ben, que vén de acadar un diploma olímpico nos 800 metros dos Xogos de Toquio, onde rematou en quinta posición. Unha estratexia similar á levada a cabo en Riberia, onde xa está publicada a licitación das obras de ampliación do Complexo Deportivo da Fieteira e na que tamén foron decisivos os éxitos de Ana Peleteiro, medalla de bronce en triplo salto en Toquio.

A Secretaría Xeral para o Deporte afianza así o seu compromiso coas infraestruturas deportivas. Dos 32.474.216 euros cos que conta en 2021 (un 28,5% máis que en 2020), 9,15 millóns serán destinados a obras de creación e reforma de infraestrutura deportiva, un 118% máis que en 2020 cando se destinou ao mesmo obxecto 4,2 millóns de euros.

‘Mulleres mirando ás mulleres’, música e literatura que se unen para homenaxear a todo un xénero

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación do ciclo “Mulleres mirando ás mulleres”, unha iniciativa conta co apoio da Xunta e que percorrerá varias localidades galegas para homenaxear a distintas mulleres a través das artes.

Mulleres mirando ás mulleres é un proxecto que une música e literatura da man de artistas como a compositora e pianista Julia Mª Dopico, acompañada das tamén intérpretes Isabel Pérez Dobarro (piano), Raquel Areal Martínez (violín) e Sara Areal Martínez (violín). Elas serán as protagonistas dos catro concertos que se levarán a cabo ao longo deste mes de setembro nas cidades de Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol, en homenaxe a figuras senlleiras das artes en Galicia como Rosalía de Castro, Eugenia Osterberger, Fanny Garrido ou Maruxa Mallo, entre outras.

Como expresou o secretario xeral de Cultura durante a rolda de prensa, trátase dunha iniciativa que demostra “o potencial creativo que temos en Galicia e a importancia que a arte, nas súas diferentes manifestacións, ten á hora de render homenaxe a algunhas das nosas principais figuras”, expresou.

Anxo M. Lorenzo agradeceu á organización o esforzo por poñer en marcha esta iniciativa que, como recordou, está enmarcada no compromiso da Xunta por “dar continuidade á cultura coa máxima seguridade sanitaria e apoiar aos profesionais que durante todo este verán no que programamos máis de 3.000 actividades deron mostras da súa fortaleza”, indicou.

O ciclo, presentado hoxe no Museo das Peregrinacións e de Santiago, divulgará ao público as figuras como Rosalía de Castro; Fanny Garrido, que formou parte da Real Academia Galega e traduciu a obra de Goethe; Eugenia Osterberger, que destacou pola súa contribución á consolidación de músicas culturas de raíz galega; á pintora e intelectual Maruxa Mallo, así como tamén da artista María Balteira, que protagonizou moitas cancións e poemas de trobadores medievais.

Sanitarios maniféstanse pola “devolución dos dereitos roubados ao persoal do SERGAS”

Hoxe xoves día 9 de setembro, o persoal do SERGAS concentrouse diante do Hospital da Mariña e dos Centros de Saúde para esixir a devolución dos dereitos que foron roubados polo goberno de Feijóo no ano 2010.

Segundo explica o delegado da CIG-Saúde a Mariña Adolfo Corral, Feixó adoptou á súa chegada ao goberno a “medida estrela” de conxelar os salarios dos traballadores/as da sanidade pública galega dos exercicios 2010, 2011 e 2012, medidas que non aplicou ao resto do persoal da administración pública e confiscou os 3 días de libre disposición a todo o persoal do SERGAS.

Desde aquela a CIG-Saúde ven reclamando a devolución dos dereitos laborais e retributivos das traballadoras e traballadores da sanidade pública galega. Máis cando desde o goberno da Xunta se promoveron acordos de mellora salarial -á que tiñan dereito- para outros colectivos da administración pública ou cando se recoñeceu a carreira profesional para todo o persoal laboral e funcionario da Xunta de Galicia, “Ao tempo que negociaban estes acordos amosaban a súa reiterada negativa a negociar un acordo na mesa sectorial para devolver ao persoal do SERGAS os recortes laborais e salariais acumulados dende o ano 2010”, denuncia Adolfo Corral.

Dende a CIG-Saúde lembran que cando o goberno estatal anunciou que había unha recuperación económica, a través das distintas mesas de negociación fixéronse calendarios para a recuperación dos recortes que se produciron mediante esa lei de estabilidade. Porén, máis unha vez “Feixó negouse de forma sistemática a establecer ningún calendario de recuperación para devolver ao persoal do SERGAS os salarios que leva conxelados nos exercicios 2010, 2011 e 2012” nin a devolución dos seus 3 días de libre disposición.

Diferenza de entre 200 e 400 € ao mes co resto do persoal da administración pública Matiza, con todo, que “o que estamos a pedir non é un incremento salarial, é que nos devolva o que nos leva roubado”. Uns salarios que tiñan que ter percibido e que terían permitido que se equipararan as súas condicións á media dos servizos de saúde. Fronte a iso “seguimos estando retributivamente á cola dos servizos de saúde e cuns salarios que minimizaban a diferenza salarial que temos co resto de traballadores e traballadoras da administración pública”, sinala.

Afirma ademais que entre o persoal do SERGAS de igual nivel, pero dunha maior exixencia no rango de titulación hai unha diferenza co resto do persoal da administración pública de entre 200 e 400 euros mensuais. “É dicir, un traballador da administración pública que traballa de luns a venres percibe unha retribución entre 200 e 400 euros superior fronte o persoal do SERGAS que ten unha prestación de servizo as 24 horas do día os 365 días do ano”. Diferenza que, segundo afirma, queda constatada na orde de confección de nóminas que anualmente publica a Xunta de Galicia.

Establecemento dun calendario de recuperación

Xunto a isto, dende a CIG-Saúde reprochamos que agora coa pandemia “Feixó presuma do bo traballo realizado polo persoal da sanidade pública galega e faga promoción política e persoal con isto”. Consideramos que, fronte á propaganda “o que ten que facer é devolvernos o roubado. Cremos que xa é hora”.

Denuncia que o recoñecemento do SERGAS cara o traballo desempeñado polo persoal é seguir negando o establecemento dun calendario de recuperación dos dereitos roubados, “asi é como nos recompensan por facer o noso traballo”, un traballo que se visibilizou na pandemia pero que é o mesmo que facemos o resto do ano”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com