Novas

Alerta laranxa A Mariña. Fonte: Aemet.

Alerta laranxa por temporal na Mariña lucense

Para este sábado, 7 de decembro, foi activada dende a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería da Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia a alerta laranxa por mor de temporal de costa na Mariña lucense. Esta situación de emerxencia meteorolóxica é compartida pola zona costeira da Coruña.

Segundo as indicacións emitidas dende a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico estaará activo dende o mediodía. O mar contará con ondas combinadas con procedencia dende o noroeste, facendo que as ondas podan alcanzar ata os seis metros de altura.

Presentación recollida xoguetes 2024. Fonte: Novas Xeracións de Lugo.

Nova campaña de recollida de xoguetes novos entre Cruz Vermella e Novas Xeracións

A partir do luns, 9 de decembro, ata o 19 de decembro, venres, a sede do Partido Popular de Lugo, na rúa Poeta Cabanillas, no portal número 14, estará aberto un punto de recollida de xoguetes novos para a campaña de Nadal entre Cruz Vermella e a formación Novas Xeracións de Lugo. Como indican nun comunicado, coa proposta buscan “garantir que todos os nenos e nenas podan vivir unhas festas cheas de ilusión”.

O horario de apertura é partido, de luns a venres pola mañá, de 9:30 a 14:00 horas e, pola tarde, de 16:30 a 20:00 horas. As perspectivas para este ano, logo de superar na campaña previa a recollida de máis de 200 xoguetes, son as de aumentar o número de agasallos para as familias.

Cartaz Amnistía Internacional de Lugo.

Amnistía Internacional de Lugo convoca unha concentración para esixir a fin do xenocidio en Gaza

O grupo lucense de Amnistía Internacional convoca, para o martes 10 de decembro, unha concentración na Praza Maior de Lugo para esixir a fin das violencias padecidas pola poboación palestina en Gaza. O encontro, que terá lugar fronte á Casa do Concello, está programado para entre as 20:00 e as 20:30 horas da tarde desa xornada, que é o Día internacional dos Dereitos Humanos.

Amnistía Internacional publicou, o pasado 5 de decembro, o informe “É coma se fósemos seres infrahumanos”: O xenocidio de Israel contra a poboación palestina de Gaza no que se demostra que Israel levou a cabo, e sigue levando a cabo, actos prohibidos pola Convención sobre o Xenocidio, coa intención específica de destruír á poboación palestina de Gaza.

Inaugurado o espazo Xuvenlugo cunha oferta de ocio infantil para as vacacións de Nadal

Un ano máis, contando como ubicación o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, o espazo Xuvenlugo abre as súas portas para ofertar actividades de ocio para os máis pequechos da cidade, habitantes e visitantes, durante a época de Nadal. A inauguración tivo lugar a tarde deste xoves, contando coa presenza de diferentes representantes das institucións provinciais.

As instalacións contan con diferentes atraccións, estruturas inchables e unha ampla variedade de xogos para as nenas e os nenos. A oferta estará aberta ao público durante todas as fins de semana dos meses de decembro e xaneiro, correspondendo coas vacacións de Nadal seguindo o calendario académico.

Auditorio novo en Lugo

Cando era moi novo, na aldea, falábase da “hora vella” e da “hora nova”, para diferenciar a que hoxe teñen en Portugal, a nosa tradicional, da que o réxime elixiu para España nas horas altas do poderío alemán. Do mesmo xeito, cando nunha familia pai e fillo levaban o mesmo nome, falábase do novo ou do vello para diferencialos.

Aquí temos un auditorio vello que vai cumprir corenta anos, dos tempos municipais de Vicente Quiroga, e o novo de paternidade descoñecida por variopinta ou coral. E cando a preocupación deber ser enchelo de programación e de xente, preocupa bautizalo para que o nome sexa detectado por Google.

Hai nomes para todos os gustos, pero parece que o de “Fuxan os ventos” pode ter a fortuna de ser elixido. Xa dixen nestas páxinas que para min, e para moita xente, ese nome é sinónimo do de Xesús Mato, a súa primeira alma.

O debate parece forzado, tendo en conta que Cultura do concello se pronunciou por el hai tempo pero a alcaldía veu dicir que habería que falalo. Esto de agora parece querer solucionar o tema sen que as autoridade teñan que mollarse.

Eu non vou opinarei porque non sei cal Fuxan se quere premiar: se o primeiro que se chamaba “Folk 72”, foi cantar a Mondoñedo e entrou na historia; o que desde aquela ata 1983 se consagrou como gran grupo galego para o mundo, revitalizando o folclore e conquistando as nosas devocións, ou o que desde entón leva o nome pero pouco ten que cos dous anteriores. Como os tres grupos son debedores de Mato, se bautizan así o Auditorio, para min o nome sempre será unha homenaxe a Xesús. Senón, sempre poido chamarlle Auditorio Novo. E que funcione!

 

Estación de autobuses de Lugo. Foto libre de dereitos.

Dez concellos lucenses poderían quedar sen servizo de liña de bus

A través dun comunicado emitido polo Partido Popular da Provincia de Lugo, a formación apunta a decisión do Executivo central ao respecto do mapa concesional de transporte regular en autobús, que “desconecta a Galicia e castiga á provincia de Lugo” con respecto á conexión con outros puntos de España.

Na provincia, son dez os municipios que perderían o servizo por completo, de se manter o mapa proposto. Trátase de Baralla, Chantada, O Corgo, Guitiriz, Meira, Monterroso, As Nogais, Palas de Rei, A Pontenova e Quiroga.

José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano Cámara, senadores populares lucenses explicaron nunha reunión cos alcaldes e portavoces dos concellos afectados que o Senado aprobou unha iniciativa coa que sería posible instar ao Goberno un novo mapa concesional de transporte regular en autobús para “corrixir a discriminación aos pequenos concellos do rural”.

‘La gran recogida’. Fonte: Supermercados Gadis.

O Banco de Alimentos de Lugo recibirá parte dos 96.000 euros en doacións da campaña do Gadis ‘La gran recogida’

Entre as doce entidades de Galicia e Castela e León que serán beneficiadas na vixente campaña ‘La gran recogida’, da cadea de Supermercados Gadis, atópase o Banco de Alimentos de Lugo. A través dun comunicado emitido pola empresa, foron reunidos 233.000 quilogramos de alimentos e 96.000 euros entre as doacións dos clientes.

Con respecto ao ano pasado, este 2024 a cantidade de produtos total aumentou un 39%. Logo da actividade da empresa e voluntarios, e a implicación cidadá, toca aos bancos de alimentos dos diferentes territorios aos que vai dirixida a campaña realizar a distribución e xestión do beneficio benéfico. Estes son: Rías Altas (A Coruña, Santiago y Ferrol), Ourense, Lugo, Vigo, León, Palencia, Ponferrada, Ávila, Zamora, Valladolid, Salamanca e Segovia.

Etiqueta Negra Producciones.

A produtora sarriana Etiqueta Negra volve encher o WiZink Center

A produtora con sede en Sarria, Etiqueta Negra Producciones, logrou, por segunda vez logo do 2022, consolidar a súa posición na escea humorística nacional enchendo o aforo do WiZink Center de Madrid a través da organización do espectáculo “Mentes Peligrosas: La Gran Reunión”. O evento está programado para este sábado, 7 de decembro, no que máis de 12.000 persoas se achegarán ao actuación en directo de artistas como Luis Piedrahita, Sílvia Abril ou Xosé A. Touriñán.

A xornada reunirá a todos os artistas da xira por vez primera sobre un mesmo escenario. A través do espectáculo, “Mentes Peligrosas”, o elenco leva vendidas máis de 70.000 entradas por toda a Península. Este sábado, chega a culminación.

 

LU-P-6101. Fonte: Google Maps. LU-P-6101. Fonte: Google Maps.

Sete estradas con paso por oito concellos lucenses serán melloradas con 2,25 millóns de euros

Este xoves, 5 de decembro, a Xunta de Goberno de Lugo licitou as primeiras obras do paquete de melloras das estradas anunciado para o 2025. Cun investimento toal de 2,25 millóns de euros, serán realizados traballos de mellora e mantenemento nas sete vías con paso polos concellos de Guitiriz, O Corgo, Begonte, Xermade, Vilalba, Castroverde, Trabada e As Nogais.

Pablo Rivera Capón, Deputado de Promoción Económica e Social, realizou nesta xornada o anuncio, apuntando que o proxecto mellorará “a rede de estradas provinciais, así como os servizos, infraestruturas e diversas dotacións de oito concellos da provincia”.

Inauguración Museo Provincial de Lugo. Fonte: Deputación de Lugo.

O Museo Provincial acolle 13 anos de arte inclusiva con ‘Percorrendo Fotografía a Cegas’

Este mércores, 4 de decembro, foi inaugurada no Museo Provincial de Lugo a exposición ‘Percorrendo Fotografía a Cegas’. A mostra é unha recompilación do traballo realizado durante os últimos 13 anos no marco do proxecto promovido pola Rede Museística Provincial. A dinámica naceu como unha proposta para a inclusión laboral de persoas con discapacidade visual dentro da institución e rematou por supoñer un método para a súa integración no proceso creativo fotográfico, ademais dun argumento para desbotar a idea da discapacidade como impedimento.

A exposición atópase na Sala de Exposicións Temporais do edificio e acolle imaxes realizadas nos distintos museos provinciais, coa participación de artistas de diferentes disciplinas como Germán Limeres, Xosé Reigosa, Iago Eireos ou Eva Díaz. Na inauguración foi proxectado un vídeo que contou coa participación de alumnado do Colexio Fingoi, que amosou especial interese pola cotidianidade das persoas con discapacidade visual partícipes nos obradoiros artísticos e parte do persoal dos museos.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com