Novas

O protocolo para a hostalería retrásase unha semana

E falabamos onte do protocolo sanitario para a hostalería que se atrasará, presumiblemente, unha semana máis e incluirá, en principio, o uso das barras. A obrigatoriedade de presentar o certificado  covid para acceder aos locais queda excluído do documento, “a non ser que haxa novidades no recurso xudicial” presentado pola Xunta. 

Aínda que o Executivo autonómico esperaba aprobar o protocolo sanitario para o sector hostaleiro na reunión do comité desta semana, finalmente non ocorreu así. Con todo,  Comesaña remarcou que esperan “o visto e prace para a semana que vén” e que “as conversacións co sector son continuas”.

E a nivel estatal, o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde acordou ampliar o aforo permitido nos estadios de fútbol de Primeira e Segunda División e nos pavillóns da liga ACB. Así, nos campos de fútbol ao aire libre o aforo poderá ser de ata o 60%, mentres que nos pavillóns pechados elevarase ata un 40%, segundo adiantan medios estatais. Hai un mes fixouse nun 40% nos instalacións abertas e nun 30% nas pechadas.

López Abella e Javier Arias asisten á exhibición de xadrez ‘Taboleiro pola igualdade’

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, achegáronse esta tarde ata a praza de Santa María de Lugo para presenciar a exhibición de xadrez ao aire libre Taboleiro pola igualdade, a cargo da Gran Mestra Feminina Yudania Hernández.

A actividade forma parte do proxecto Xóvenes Peregrinos que impulsa a Escola Luguesa de Xadrez co patrocinio da Xunta a través de O Teu Xacobeo, e que esta semana achega a Lugo unha concentración nacional de xadrez de alto nivel que inclúe actividades para o público en xeral. As exhibicións seguen mañá nos xardíns do Museo de Lugo (18.00 horas) e o domingo na praza do Concello de Palas de Rei (12.00 horas).

Suborno, tráfico de influencias e pertenza a grupo criminal: os delitos que imputan a Liñares na Pokemon

Manuel María Lamas Meilán, fiscal da Operación Pokemon, propón xulgar a Francisco Fernández Liñares, Gervasio Rodríguez, José María Tutor e Javier Reguera polos delitos de suborno, tráfico de influencias e pertenza a grupo criminal. Así o informaba a primeira hora desta mañá un xornal galego tras recibir un escrito entregado no xulgado de instrución número 1 de Lugo o pasado martes.

Fernandez Liñares é o exconcelleiro de Urbanismo en Lugo, quen, segundo o Ministerio Fiscal, xunto a Rodríguez (administrador da empresa Vendex), Tutor (delegado de Vendex en galicia) e Regueira (funcionario encargado do servizo ORA), colaboraron para que a empresa Vendex obtivese a adxudicación municipal do servizo da ORA a cambio dunha cantidade fixa ao mes, en forma de suborno, que, presuntamente rondaría os 3.500 euros.

Segundo o escrito da fiscalía, que suma 46 páxinas, danse por probados estes feitos, para os que o exedil valíase de Javier Reguera, que xa contaba cun amplo historial de delitos, para que intermediara entre Liñares e os membros de Vendex.

Presuntamente, e segundo desvela o diario galego, Liñares e os outros tres imputados reuníronse en Madrid en dúas ocasións para expor a súa estratexia para a adxudicación do contrato da ORA, cuxa concesión se lle acabaría á empresa Setex Aparkisa uns meses despois.

A primeira xuntanza foi no 2008, cando Liñares se comprometeu a adxudicar o contrato ORA ao grupo Vendex. Di o escrito que “puido ser o propio Gervasio quen encargase ao seu delegado rexional, José María Tutor, que buscase a unha persoa con influencia no Concello”; Tutor, contaba dende hai anos cunha boa relación con Javier Reguera quen xestionaba o servizo de aparcamento coa empresa Setex Aparkisa e podería controlar a concesión.

A segunda das reunión foi no 2009, pouco antes da adxudicación oficial ao Grupo de Gervasio Rodríguez. O escrito apunta que nesta xuntanza, en forma de comida, fixaron “as condicións de efectuar os pagos e, pechado o trato, celebrouse unha comida nun restaurante madrileño”.

A única persoa que, polo momento, queda libre de culpa é Pablo Fuentes, o enxeñeiro municipal encargado de xestionar os trámites da adxudicación e de valorar as propostas presentadas. Malia que o Ministerio Fiscal recoñece que “a obtención dos documentos intervidos constitúe o único indicio que apunta cara a Fuentes” e que “parece acreditada a existencia dese indicio”, tamén explica que “non é unha proba directa” e que, nin sequera poden acreditar a autoría das notas manuscritas polo que, segundo o escrito, “non se pode falar de prevaricación, xa que os seu informes non tiñan condición de resolución”.

Galicia supera o 75% da poboación xeral vacinada

A Consellería de Sanidade continúa avanzando no proceso de inmunización contra a Covid 19. E é que na última xornada 30.875 persoas completaron a pauta de vacinación. Así, a poboación que xa está completamente inmunizada supera os 2 millóns de persoas, o que supón un 83,11% da poboación a vacinar e un 75,5% da poboación xeral.

O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, deu conta na tarde de onte dos novos datos de vacinación para a Comunidade Galega, trala reunión do comité clínico do pasado martes.

Nestes intres, os menores de 19 anos que xa recibiron algunha dose da vacina chegan case aos 161.000, o que supón preto do 85% da poboación desa etapa. Un dato que o titular da Consellería cualificou como “francamente bo” e que sitúa a Galicia como “a Comunidade con máis vacinados” nese grupo de idade. Detsta franxa, admeáis nas últimas 24 horas uns 6.000 nenos recibiron a súa primeira picada.

Ademais, outros 181.368 mozos de entre 20 e 29 anos de idade tamén teñen polo menos unha dose, o que representa o 77,5%, e unha cifra que a Consellería espera “incrementar” coas autocitas do venres 3 de setembro.

En total, 2.244.594 galegos recibiron polo menos unha dose da vacina contra a  covid, o que representa un 83,1% da poboación xeral e un 91,2% da  dianaA este respecto,  Comesaña sinalou que Galicia presenta 15 puntos máis de inmunización que a media española.e este modo, Galicia administrou un total de 4.093.105 dose da vacina (33.455 nas últimas horas), o que supón o 97,6 % das doses recibidas.

Doutra banda, o conselleiro de Sanidade animou á poboación maior de 20 anos a solicitar as autocitas para esta franxa de idade libres para o venres 3 de setembro. Ademáis, sinalou que se cubriron o 50% dos ocos dispoñibles dende a tarde do pasado venres.

Cs Lugo critica a “falta de previsión” do BNG no tocante ao San Froilán

O concelleiro de Cs Lugo, Juan Vidal-Pardo, criticou esta mañá a falta de previsión do Goberno local en relación á próxima edición de San Froilán. O edil considera inadmisible a falta de concreción demostrada por parte da responsable da área de Cultura, Maite Ferreiro, na comisión de Festas celebrada esta mañá. “Resulta decepcionante ver como a falta dun mes para a chegada do San Froilán non existe un plan concreto para organizar as mellores festas posibles dentro do actual contexto sociosanitario. Ao fracaso das casetas do polbo súmase agora o das barracas. Na nosa opinión, non existen escusas. É unha actitude inxustificable que deixa en evidencia a gesntión do Gobierbno local” sinalou o concelleiro da formación laranxa.

“Desde o noso grupo municipal levamos un ano avisando da necesidade de prever un escenario no que as restricións para conter a expansión da covid seguisen vixentes. Con todo, o Goberno local non fixo absolutamente nada esperando única e exclusivamente a que a situación epidemiolóxica mellorase e fiando o futuro das festas a este único factor. Ferreiro escúsase nun estudo que afirma que organizar un reciento feiral nestas condicións é imposible. Con todo, devandito estudo técnico e económico non existe. Quedáronse sentados a velas vir e as consecuencias da súa inacción pagarana os lucenses desde o punto de vista cultural e económico. Non podemos esquecer que o San Froilán ademais de ser unhas das nosas máximas expresións identitarias é un axente dinamizador da economía local. O Bloque prefire quedar sentado na súa cadeira de brazos en lugar de axudar a moitas familias luncenses a saír do pozo no que se atopan”, apuntou Vidal-Pardo.

O edil lamentou a “incapacidade” do BNG para establecer vías de comunicación cos colectivos implicados neste asunto e acusou a Ferreiro e ao seu equipo de non saber escoitar. “A falta de dialogo é o denominador común que impregna toda a xestión do Bloque no Concello de Lugo. Manteñen un actitude despótica que é muyn preocupante. Unha vez máis non quixeron coñecer que de primeira man que opina o colectivo de feirantes e que pode achegar para contar cunhas festas seguras e dinámicas. Negáronse a reunirse con eles. É inadmisible que a data de hoxe non se reuniron aínda co colectivo de feirantes. Non están a planificar un San Froilan para unha cidade senón só para uns poucos, onde os beneficiados son os de sempre e os prexudicados, o conxunto da cidadanía”, concluíu.

Os Microefectos Dramatúrxicos retornan ao Clube Clavicémbalo de Lugo logo dun ano e medio

Logo dunha parada dun ano e medio con motivo da pandemia de coronavirus os Microefectos Dramatúrxicos regresan ao Clube Clavicémbalo este xoves, venres e sábado en pases de 20:30 e 22:30. Nesta sesión representaranse, coma sempre, catro pezas novas. A sesión do sábado será a principal novidade desta nova volta para ofrecer unha alternativa que compense as restricións de aforo. As reservas faranse a través do seguinte correo electrónico: club@clavicembalo.com

O grupo, que cumpriu oito anos durante este mes de maio, pon en escena pezas teatrais duns 15 minutos de duración nas que contan historias da vida para rir ou chorar, cunha escrita directa e actual, que cada tres meses practicamente completa o aforo do Clavi.

O Concello presenta o Plan de Tráfico durante o paso da Volta Ciclista a España pola cidade

A Volta Ciclista a España chega a Lugo mañá, venres, e o Concello avanzou na tarde de onte o plan de tráfico para garantir a seguridade viaria durante o tempo que dure a proba deportiva.

O plan ten como principal obxectivo reordenar a circulación na cidade durante o paso dos ciclistas co fin de garantir a súa seguridade, causando as menores molestias á veciñanza debido aos cortes de tráfico e contará cunha dotación de 28 Policías locais,  ademais de 15 membros de Protección Civil. Durante varias horas se restrinxirá ou prohibirá a circulación, a parada e o estacionamento de vehículos en distintas vías urbanas afectadas mediante a instalación de sinalización vertical provisional.

Percorrido

A proba ciclista chega ao  concello de Lugo  desde  Fonsagrada pola estrada  LU-530 e continúa pola  rúa San Eufrasio, accedendo á Avda. De Fontiñas, que a percorre na súa totalidade, segue por Ronda das Mercedes, desviándose na  Avda. de Madrid  en dirección  Madrid pola N-VI e a LU-11 ata Nadela, onde continúa polo  carretera LU-546 ata Monforte.

Cortes no tráfico

No tramo de San Eufrasio estará prohibida a circulación nos dous sentidos, 45 minutos antes do paso do primeiro corredor (entre as 15:30 e as 16:00  h) e ata o paso do último corredor. Afecta este corte  tamén ás pistas de Camiño da Vía; Barrio de Xuiz e Galegos de Abaixo, así como o paseo  do Rato – estrada provincial CP- LU-2925. Nese tramo, para o acceso ao Hospital universitario Lucus Augusti (HULA), deberán de utilizar a saída 497 da A-6 coa  estrada de Meira  N-640 ou a Avda. De Adolfo Suárez, ou a Rolda Norte.

A saída do Barrio da Chanca farase a través da Rúa da Chanca, Río Mosa e conexión cos aparcamentos nos terreos da antigüa Campsa na estación do tren. Para iso cambiouse a dirección da circulación sinalizado convenientemente. A citada  rúa San Eufrasio estará tamén cortada na súa ligazón con calle Conde Fontao no citado tramo horario e desvío cara a rúa Castelao e Miguel de Cervantes.

Na Avda. das Fontiñas, estará prohibida a circulación no sentido desde San Eufrasio a Rolda das Mercedes no horario citado. Nese tramo tamén está prohibido o estacionamento no carril esquerdo pegado á mediana desde as 00.00 horas do día 2 ata a tarde do día 3.

Na Rolda dás Mercedes prohíbese a circulación en sentido Avda. de Madrid así como o estacionamento de acordo coa sinalización aplicada, no mesmo horario. Todas as vías transversais coa Avda. Das Fontiñas, Roldas Mercedes e a Avda. de Madrid desde a praza Fonte do Rei ata a glorieta Vítimas do Terrorismo, están afectadas con prohibición de acceso ás citadas anteriormente.

Colocouse sinalización nas vías próximas para desviar o tráfico. Isto afectaría á rúa Montero Ríos, carril de Caiñós,  rúa Primavera, carril dos Indios, carril das Flores, que accederán  a San Roque a través de Ramón Montenegro e carril das Hortas.

O tráfico de Xosé  Ferro, Carril do Xuízo e Pena Anda, accede a San Roque por Catasol. O acceso a San Xillao realízase a través de Rúa  Vilaverde e  Rof Carballo. A  rúa  Montirón (antes de Avda. das Fontiñas) desvíase en  Rof  Codina e saída por Rei Don García.

Xa no acceso de Alfonso X á N-VI a estrada estará cortada en dirección Madrid, xestionando a circulación de vehículos a Garda Civil de Tráfico.

Lembrar que o horario de máxima restricción para a circulación (de 15:30 h a 16.00 h) nas vías de paso e de estacionamento en Ronda  das Fontiñas ( carril de paso da carreira) de 00.00  h do día 2 ata a tarde do día 3.

Os socialistas de Baleira emprazan ao alcalde a mellorar a asistencia sanitaria do Concello

A Voceira Socialista de Baleira, Laura Burgué criticou as palabras do Alcalde sobre o proceso de vacinación no noso Concello, xa que lembrou “que incluso o PP apoiou unha moción socialista para mellorar a asistencia sanitaria da vila, co fin de dotar de máis persoal sanitario ao centro de saúde de Baleira”.

Nesa liña lembrou “as queixas das veciñas e veciños que denunciaron que había unha lista de agarda para conseguir unha cita telefónica co médico de ata 9 días. Esta é a asistencia sanitaria coa que conta o concello de Baleira, e mentres o Alcalde atende as peticións da veciñanza os mércores pola mañá na Alcaldía, esa é a atención que lle presta ao noso Concello”, criticou.

Ademais sinalou sobre o proceso de vacinación que o 48% da poboación de Baleira ten máis de 60 anos, e só un 18% ten menos de 40 anos, “polo tanto o plan de vacinación na poboación do noso Concello seguiu co procedemento que marca o propio plan, igual que no resto dos concellos, pero ca peculiaridade de que Baleira conta cunha poboación altamente envellecida que xa esta vacinada polos tramos de idade correspondentes”, explicou Burgué.

Por último emprazou ao Alcalde a traballar por mellorar a asistencia sanitaria no Concello. “Estamos diante dunha pandemia, non podemos abandonar aos nosos  veciños e veciñas, por iso necesitamos unha sanidade pública galega de primeira, e non máis recortes”, advertiu.

O PP tilda de “trágala” o consenso que propón o BNG na comisión do San Froilán

“Nin 24 horas durou a proposta de pactos e consenso que propuxemos onte a PSOE e BNG”. Con estas palabras resumía o voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, a xuntanza da comisión de festas encargada de organizar o vindeiro San Froilán.

Ramón Carballo non entende a postura que defenden tanto BNG como PSOE, “xa que o único consenso que defenden e ao que queren chegar é que deamos o visto e prace a súa proposta sen poder discrepar o máis mínimo”. “En canto facemos algunha proposta ou pedimos cambiar o plan que nos presentan o camiño que marcan é que é o que hai e que senón non gusta xa sabemos o que hai: tragar e punto”, lamentou.

Para os populares a “actitude dictatorial” do BNG, amparada polo silencio do PSOE de Lara Méndez, non fai máis que referendar que estes catro anos de bigoberno son e serán “un rodillo permanente”.

Ramón Carballo defendeu na comisión de festas a instalación de barracas, algo que piden os propios feirantes e ampara a normativa sanitaria da Xunta de Galicia, pero a resposta do BNG foi clara e directa: “no seu modelo de festas non se contempla recinto feiral”.

Ante esta situación, os populares preguntaron polos motivos de que non haxa recinto feiral ao que a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, unicamente respondeu que “non se vían capaces de facer cumprir o protocolo sanitario”. Unha decisión que non se basea en ningún tipo de informe técnico nin policial, o que evidencia “a falta de capacidade de xestión deste bigoberno”.

Unha situación ante a que o Grupo Municipal Popular anuncia que “non acudirá á vindeira comisión de festas” xa que “non estamos dispostos a participar do paripé que propoñen PSOE e BNG, xa que o único consenso ao que queren chegar e aplicar o seu modelo, sen dialogar nin dar participación á oposición”.

Os concelleiros populares tamén lamentaron as formas empregadas polos edís do BNG, que durante a comisión insultaron en varias ocasións aos concelleiros populares. “Está claro que unha vez chegados ao punto de perder a educación, non hai forma posible de dialogar. Están superados polas circunstancias e tentan culpar á oposición da súa alarmante falta de capacidade para xestionar”, lamentou.

Neste senso, Ramón Carballo lanza unha pregunta clara e directa a Lara Méndez: “Vai a seguir permitindo a máxima responsable da corporación os insultos e faltas de respecto dos concelleiros do seu goberno e se está segura de cabalgar da man duns extremistas”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com