Novas

O Concello anuncia a renovación integral de Lamas de Prado

O Concello de Lugo vén de anunciar a aprobación hoxe da renovación da rúa Lamas de Prado, no Barrio da Milagrosa. “Realizaremos unha intervención que renovará a estética e os servizos públicos desta rúa”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “será unha actuación integral que humanizará unha zona importante da cidade”, explicou o edil da área de Mobilidade.

A área de Mobilidade e Infraestruturas abre o procedemento de licitación cun orzamento de 635.530,36€, e un prazo de execución de 4 meses. Arroxo explicou que “Lamas de Prado é a conexión central de todo un barrio que conta con máis de 15.000 habitantes”, e engadiu “realizaremos unha renovación integral que aumente a accesibilidade e que mellore a súa estética, mellorando a imaxe do barrio e do conxunto da cidade”.

A actuación mellorará a seguridade vial da zona. Segundo explicou Rubén Arroxo, “a renovación das beirarrúas permitirá aumentar a accesibilidade ao eliminarse as barreiras arquitectónicas da rúa”. Ao mesmo tempo, continuarase avanzando no calmado do tráfico, ao instalarse na zona novos pasos de peóns elevados, ademais de mellorarse a disposición da sinalización vial. O treito fronte á praza do Castiñeiro converterase nunha plataforma única, “gañando espazo peonil sen afectar á mobilidade dos vehícuños”, explicou Rubén Arroxo

 “Nesta renovación seguiremos avanzando na implantación de alumeado público de baixo consumo”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “a rúa pasará a ter luminarias LED que permitirán mellorar a calidade do alumeado público ao mesmo tempo que se reduce a factura de electricidade que paga o concello, ademais de reducirse as emisións contaminantes”. Xunto coa renovación do alumeado, a área de Mobilidade e Infraestruturas avanzará na retirada do cableado das fachadas dos edificios.

Renovarase, ademais, o mobiliario urbano e as zonas verdes da zona e instalarase unha nova marquesiña para a parada do bus urbano, e habilitaranse novos aparcabicis “para continuar a fomentar o uso da bicicleta e do transporte público como medio de transporte alternativo ao vehículo privado”, afirmou Rubén Arroxo.

O Cebreiro acolle ata o 11 de setembro a exposición sobre Martín de Padrozelos

A Palloza de Quico do Cebreiro (Pedrafita do Cebreiro) acolle ata o vindeiro 11 de setembro a mostra De Amor e de Amigo, as cantigas de Martín de Padrozelos, organizada pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Satiago (APECSA) coa colaboración da Xunta a través do programa O Teu Xacobeo.

O delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, participou hoxe na inauguración da exposición, unha mostra didáctica e itinerante que recolle as dez cantigas, nove de amigo e unha de amor, desta importante figura da lírica medieval galegoportuguesa que, a dicir dalgúns investigadores, foi orixinario de Samos.

mostra, que recibiu 14.600 euros a través de O Teu Xacobeo, finaliza o seu percorrido no Cebreiro despois de ter recalado desde maio noutros oito concellos lucenses: Sarria, Láncara, Paradela, Triacastela, Samos, O Incio, O Courel e Portomarín.

Durante a inauguración brindouse unha homenaxe póstuma a Pilar Armesto, hostaleira que rexentou unha hospedería no Cebreiro e divulgadora do Camiño de Santiago, falecida hai un mes.

Arias sumouse ao recoñecemento e agradeceu o traballo de difusión promovido desde a Apecsa. Tamén animou a “desfrutar desde Ano Santo que se prolonga ata o 2022 nun contexto único” e puxo en valor “a diversidade das iniciativas impulsadas a través do programa O Teu Xacobeo, co que queremos facer unha celebración viva e integradora, polo que estamos apoiando ata 400 propostas socioculturais ben variadas en toda Galicia”.

Xornada de cifras positivas de Covid19: descenso de casos e alivio na presión asistencial

Nova xornada de cifras positivas no tocante á Covid19 en Lugo, e é que por terceira xornada consecutiva, a provincia experimenta un novo descenso de casos activos, ademáis dun alivio na presión asistencial.

Así o revela o último informe do SERGAS, con datos recabados ata as 6 da tarde de onte e que cifra en 1402 as persoas que contan con infección activa por coronavirus, son 25 menos que na xornada anterior.

Descende tamén a presión asistencial, con 23 pacientes en plantas de hospitalización, fronte aos 28 da xornada anterior. Baixan os ingresados covid no HULA que queda con 19 pacientes e no Hospital de Monforte que hoxe amencía cun só paciente covid. No Hospital da Costa, continúan 3 pacientes. Namentres, na UCI do HULA rexistránse 4 camas ocupadas por pacientes covid.

Pero non todo son boas cifras, nas últimas horas o ritmo de contaxios experimentou un lixeiro aumento, con 76 positivos detectados. Asemade, na tarde de onte o SERGAS notificaba dous novos falecementos. Trátase de dúas mulleres de 87 e 93 anos de idade, ambas usuarias da Residencia das Gándaras. Con elas, Lugo suma xa 235 vítimas.

Urxen ao Goberno do Estado a reparación da N-120a en Pantón

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas na cámara baixa para que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana realice as actuacións precisas na N-120a ao seu paso polo Concello de Pantón debido ao seu mal estado. A formación nacionalista reclama a limpeza da maleza, que diminúe a visión aos condutores, e que se leven a cabo as obras de reparación e acondicionamento do firme que se atopa nunha grave situación de deterioro.

“O actual estado da N-120 ao seu paso polo Concello de Pantón é de total abandono e cun mantemento practicamente inexistente a pesar de ser, esta estrada, a principal vía de comunicación para a veciñanza da localidade” explica o deputado do BNG. Esta nacional consta de dous tramos principais: un que vai do Torrón, nos Peares, cara a capital da zona na vila do Castro de Ferreiro; o outro tramo, comprende desde a capital do Concello até o límite xeográfico do municipio con Monforte, na parroquia de San Mamede de Mañente.

En ambos tramos, os anos foron pasando sen un adecuado mantemento e “deron como resultado un firme en mal estado e grande maleza que invade os carrís de circulación, ocultando os quitamedos e impedindo a visibilidade dos condutores”. Todo iso fai que se produzan numerosos accidentes polo que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ten que “garantir a seguranza viaria dos vehículos que circulan pola vía”.

“Debe lembrarse que a maleza, ademais de impedir a visibilidade e aumentar o risco de accidente, favorece a proliferación de incendios nos meses de verán e impide o tránsito dos ciclistas e peóns” enfatiza Rego. O Consello de Ministros fixo público en 2019 que se licitarían os contratos para a conservación e explotación de estradas do Estado na Galiza. “Nos pregos incluíase a N-120a mais non se realizaron labores de mantemento ou mellora do firme nos últimos anos” lembra Rego.

Outra das razóns polas que é urxente a reparación e acondicionamento da nacional é que “é a vía de acceso a moitos dos elementos do patrimonio histórico e natural da zona”. Desde a Torre da Bastida, declarada como BIC, até as parroquias como a de San Vicente de Pombeiro e de Santo Estevo de Atán onde se atopan igrexas románicas declaradas como Ben de Interese Cultural. “Esta estrada leva ao empalme coa estrada provincial que leva á fervenza da Augacaída, un dos monumentos naturais máis visitados da Ribeira Sacra e que tamén está declarada como BIC, facendo parte do núcleo central da candidatura a patrimonio da humanidade” subliña o deputado nacionalista.

Galicia Baleira reclama investimentos con criterios non políticos do canon da auga

Galicia Baleira reclama unha vez máis, investimentos do canon de augas non con criterios políticos do partido gobernante en cada momento, senón cun criterio baseado nas achegas reais de cada municipio polas cotas anuais. Non é asumible que municipios do mesma cor política que o Goberno autonómico reciban anualmente case a totalidade das achegas que realizan os municipios máis contributivos (ver como exemplo o municipio de Lugo, onde unha parte do recibo da auga obrigatorio inclúe o canon da auga que pagamos todos e que os concellos transfiren á Xunta de Galicia) e estes leven anos sen recibir plans e orzamentos para o seu saneamento a pesar das millonarias achegas anuais.

Noutra orde de cousas, Galicia Baleira pide aos Gobernos central e autonómico, unha fiscalidade diferenciada para un rural galego abandonado, nos impostos de IBI, IAE, cotizacións e nas distintas achegas contributivas aplicables ou por licenzas en novas instalacións ou melloras das existentes, xa que con este sistema contributivo está a baleirar o rural galego por falta de rendibilidade. Co actual sistema, o rural desaparece irremisiblemente, non poden continuar sen resposta unha vez máis estes requirimentos posibles e xustos, inadmisible que unha cantina ou un pequeno ultramarinos rural cotice coma se estivese localizado nunha gran cidade. Hai tempo tamén que Galicia Baleira vén solicitando unha descentralización da administración autonómica e a creación dun portelo único de Atención ao Cidadán nas áreas rurais, (podería ser o propio Concello) desde onde se realizarían todos os trámites (información, solicitudes, tramitacións urbanísticas, xestións do desemprego, pagos de impostos e taxas, etc.) incluídos os doutras Administracións, que evitasen esperas e desprazamentos. Neste sentido observamos como na veciña comunidade asturiana, varios concellos están a dar pasos importantes neste sentido. Mentres en Galicia atopámonos no medio de políticos que viven como urbanitas e ata a data parece non ser da súa responsabilidade o medio rural.

Comisión Executiva de Galicia Baleira

 

 

Candia esixe explicacións ao presidente da CHMS polo baixo nivel de auga de Belesar

A presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia, esíxelle ao presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) e tamén secretario de organización do PSdeG, José Antonio Quiroga, “que dea explicacións sobre o baixo nivel de auga encorada en Belesar que se atopa por debaixo do 30% da súa capacidade máxima”. Acusa ao dirixente do organismo de conca e número 2 de Gonzalo Caballero de “irresponsable” por permitir un nivel tan baixo das reservas de auga na Demarcación Hidrográfica do Miño-Sil: “é sorprendente que haxa menos agua encorada que na conca do Xúcar”.

“Os niveis son alarmantes para esta época do ano tendo en conta que o ano pasado non alcanzou eses niveis ata finais de outubro coa mesma cantidade de choiva caída que este ano”, advertiu hoxe durante unha visita ao encoro ao seu paso polo termo municipal de Chantada acompañada polo alcalde da localidade e senador, Manuel Varela; entre outros alcaldes e portavoces dos municipios afectados.

Candia trasladou a preocupación dos alcaldes e veciños -que son tamén veciños do responsable da CHMS- pola “drástica baixada das reservas de auga” desta presa de abastecemento e aproveitamento hidroeléctrico. Explicou que “hai que manter un nivel mínimo para protexer a flora e a fauna; manter a actividade turística e recreativa; a pesca; e para non comprometer a dispoñibilidade de auga para o abastecemento da zona e como recurso en caso de incendio”.

A mandataria lembrou que xa no mes de xuño varios alcaldes manifestaron a súa desconformidade co baleirado do encoro que dificulta o desenvolvemento das actividades dos clubs náuticos coma o de Taboada ou Portomarín.

Candia especificou que “só os encoros galegos que dependen do Goberno central se están a baleirar de xeito tan alarmante. Os xestionados pola Xunta, os da Demarcación Galicia-Costa, sitúanse en torno ao 65% de ocupación”. Polo tanto, a mandataria popular cre “ten que haber unha explicación” e agarda que “o número 2 de Gonzalo Caballero aclare as circunstancias nas que se produciu o baleirado da auga encorada e con que xustificación”.

A presidenta dos populares lucenses condena “a súa nefasta xestión como responsable de vixiar os encoros do Estado en Galicia” e cre que “está máis preocupado por atacar aos rivais internos do secretario xeral dos socialistas galegos
que polo seu deber de control medioambiental”.

Licitadas as obras de rehabilitación do CEIP Virxe da Luz de Portomarín

Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de publicar na Plataforma de Contratos de Galicia a licitación das obras de rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe Virxe da Luz de Portomarín, ás que destina un orzamento dun millón de euros (1.036.502 euros).

Así o explicou o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, no transcurso dunha visita ao centro na que informou ao director do inicio do procedemento de contratación dos traballos, que contarán cun prazo de execución de cinco meses desde que se formalice o contrato coa empresa que resulte adxudicataria. As firmas interesadas poden presentar ofertas ata o día 17 de setembro.

Boa parte das actuacións proxectadas van orientadas a mellorar a eficiencia enerxética, mediante a substitución da cuberta existente por panel de dobre chapa de aceiro con illante intermedio; instalación de sistema de illamento térmico polo exterior con sistema SATE nas fachadas; o cambio da carpintería exterior por outra de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo; así como colocación de novas persianas de aluminio con illante térmico. Tamén se mudarán as luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética tipo LED.

Así mesmo, realizarase o recalce de cimentación nas partes do edificio principal nas que se aprecie que é necesarioexecutarase unha nova soleira elevada na planta baixa; renovaranse aseos e abrillantarase o pavimento de terrazo. Entre as actuacións previstas tamén destaca a reparación e pintado de paramentos, ademais do acondicionamento das escadas de acceso á planta baixa.

Ademais, no edificio do ximnasio procederase á reparación de paramentos, renovación do zócalo interior e substitución da porta de acceso principal. No pavillón levaranse a cabo tarefas de mantemento e limpeza de canlóns e baixantes e incrementarase altura da varanda existente para evitar riscos de caídas.

Arias destacou que as obras previstas permitirán adaptar o CEIP Virxe da Luz ás esixencias construtivas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, que fai especial fincapé no deseño de espazos abertos e multifuncionais que dean resposta ás necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas.

Nese sentido, Arias lembrou que o Goberno galego aposta por “coidar e modernizar a rede de centros educativos públicosnos que o alumnado pasa gran parte do seu tempo formándose, xogando e aprendendo a socializar”, concluíu.

O PP pide un pacto de toda a corporación para traballar na recuperación post pandemia

O portavoz do Grupo Popular do concello de Lugo, Ramón Carballo, explicou onte que este curso político a agrupación do PP dirixirá o foco do seu traballo ás necesidades dos lucenses; Carballo afirmou que o seu partido non cre na política de ataque ao adversario e afirmou que a súa atención centrarase, dixo, en propostas constructivas. Con todo, o popular non descarta que o seu grupo faga “un control”, afirmou, de calquera actuación partidista ou que lesione aos intereses dos lucenses. 

Carballo, aproveitou a comparecencia para lembrar algunha das propostas realizadas polo partido que encabeza dende o comezo da lexislatura e ás que socialistas e nacionalistas votaron en contra nas sesións plenarias. 

“Inexplicablemente rexeitaron presentar a Lugo como candidata para a capitalidade gastronómica no ano 2022 a pesar de que a iniciativa contaba co apoio de colectivos e entidades lucenses de diferentes ámbitos; tamén se propuxo un roteiro alternativo ao carril bici para comunicar a rolda do Carmen co río moito menos invasiva utilizando un camiño que xa existe na zona, moito máis seguro, máis integrado no medio natural e que evitaría eliminar aparcamentos; tamén pedimos a gratuidade do 010; a unión dos paseos do Miño e do Intre; a creación dun rexistro de licitadores para evitar o uso abusivo dos contratos menores; crear unha gran praza na parte de atrás do cuartel de San Fernando; a posta en marcha un Plan de impulso do Barrio do Puente así como o desenvolvemento urbanístico do Barrio do Carmen; a elaboración dunha ordenanza cidadá; a mellora da atención na Casa da Muller ás vítimas de violencia de xénero…”. 

 Ramón Carballo explicou que “a recuperación tras a pandemia será o eixo sobre o que  pivoten as novas propostas populares” tendéndolle a man ao goberno local “para alcanzar un pacto co que acordar onde canalizar tanto os fondos propios como os que reciben doutras administracións para levar a cabo proxectos de recuperación e resiliencia no concello”.

O portavoz do PP cre que tanto PSOE como BNG deben renunciar a facer obras por facer, dixo, cando o que se debería é facer obras que melloren a calidade de vida dos lucenses”.

O Grupo Popular entende que a revitalización do comercio e o impulso da actividade turística debería ser unha prioridade dentro deste pacto e por iso anunciou que instará a que socialistas e nacionalistas preparen o centro histórico de Lugo para que poida optar á declaración como Patrimonio da Humanidade. Ramón Carballo explica que “neste momento o recinto amurallado non vive o seu mellor momento polo peche de negocios, a falta de limpeza e seguridade, o  feísmo do cableado aéreo, a falta de avances no paseo interior da muralla, as trabas e atrasos na rehabilitación cun PEPRI  desactualizado do ano 1997 ou a pobreza da política turística” engadindo que “a rivalidade entre PSOE e BNG pola autoría das obras non axuda a encarar a recuperación do centro histórico xa que hai dous modelos distintos que compiten entre si”.

O Concello impulsará melloras da seguridade viaria nas parroquias do rural

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, vén de informar do impulso, por parte do Concello de novas obras de mellora nas estradas municipais do rural co fin de incrementar a seguridade viaria. Son un total de seis actuacións de aglomerado en quente, que se inclúen no Plan Único deste ano, e tres do Plan de Mellora de Camiños de acceso a Parcelas Agrícolas, que serán licitadas na Xunta de Goberno Local de mañá cun investimento de máis de 347.000 euros.

As execucións realizaranse en Camoira, Tirimol, Pedreda, estrada entre Conturiz a Cardoso, Corral de Abaixo, San Pedro de Mera, Burgo, Galego e Bascuas.

Ademais, esta semana comezarán máis actuacións, financiadas polas baixas do Plan Único 2020, en Pías, Tirimol e Piugos, e que contan cun investimento de 60.000 euros.

Todas estas obras súmanse ás que está a desenvolver nestes intres a concellería de Medio Rural, que está a acelerar o acondicionamento dos accesos nunha ducia de parroquias aproveitando o tempo seco da época estival co fin de que queden rematados antes da chegada do inverno, cando as inclemencias meteorolóxicas dificultan os desprazamentos.

O tenente de alcaldesa e edil responsable de Medio Rural, Miguel Fernández, destacou a importancia das actuacións, “que non só benefician aos residentes destas parroquias e que desenvolvemos despois de escoitar as necesidades que nos traslada a veciñanza, coa que estamos en permanente contacto, senón que reverterá en beneficio de todo o tráfico rodado destas zonas”.

Así mesmo, o concelleiro lembrou que “no que levamos de mandato, desde o Goberno de Lara Méndez levamos investido no rural preto de 3 millóns de euros, territorio que supón o 80% do municipio e onde vive o 10% da poboación”. Fernández incidiu no compromiso da alcaldesa “de procurar que, pouco a pouco, as parroquias e a cidade se equiparen en canto a dotacións e servizos públicos co fin tamén de fixar poboación no rural”.


Imaxe de arquivo: unha máquina traballa na mellora dunha estrada rural

A Semana de Cine homenaxeará a Luis Iglesia Besteiro como galego do cine

Luis Iglesia Besteiro (Riotorto, 1962), é o persoeiro do cine galego elixido polo Grupo Fotográfico Fonmiñá para ser homenaxeado na XLIII Semana de Cine de Lugo.

Habitualmente, en cada Semana de Cine vense honrando a destacados lucenses e galegos do cine, téndoo sido nos últimos anos Luis Tosar e  Antonio Mourelos, e con anterioridade –entre outros- Rosario Durcal, Mercedes Cora, Manuel Lourenzo, Prudencia Grifell, Carmen Correa, Frank Braña ou Eduardo Fajardo.

Este ano, Fonmiñá vai publicar un libro homenaxe a Luis Iglesia, obra de Manuel Curiel, director da Semana, que fará o número 22 da Biblioteca da Semana de Cine, e o nome do homenaxeado figurará nunha placa no Paseo do Cine de Lugo (Parque de Frigsa), no que xa teñen placa Luis Tosar, Antonio Mourelos, Prudencia Griffell e Carmen Correa. Asimesmo neste paseo se incluirá unha placa que lembre a figura de  Frank Braña, o actor que máis veces “morreu” no cine español, e que participou na homenaxe que se lle rendeu na Semana de Cine do ano 2007.

A XLIII Semana de Cine de Lugo, que organiza Fonmiñá co apoio da Deputación Provincial, Concello de Lugo, Xunta de Galicia e Universidade de Santiago-Campus de Lugo, celebrarase na capital lucense do 20 ao 25 do próximo mes de setembro.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com