Novas

A Deputación investirá en Foz medio millón de euros para a urbanización da rúa Costa do Castro

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Foz, Francisco Cajoto Caserío, asinaron este martes na vila mariñana un convenio de colaboración a través do que a institución provincial aporta ao Concello medio millón de euros para acometer a urbanización da rúa Costa do Castro, unha vella aspiración do Concello que se fará realidade despois de trinta anos.

O acordo entre ambas administracións para levar a cabo esta actuación urbanística, que suporá “unha mellora de primeira orde en canto á mobilidade na trama urbana de Foz”, destacou o Presidente, recolle un investimento total de preto de 600.000€ en dúas anualidades, dos cales a Deputación aporta o 80%, isto é, 466.880€, e o Concello, o 20% restante, que ascende a 116.720€.

O acto de sinatura do convenio tivo lugar na propia rúa Costa do Castro, e contou coa presenza da Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, concelleiros e concelleiras do Goberno local e veciños e veciñas de Foz.

Grazas ao apoio económico da Deputación de Lugo, acometeranse unhas obras que consistirán na mellora do firme e a construción de beirarrúas, o soterrado do tendido eléctrico existente e a dotación do percorrido de alumeado público, combinando a calidade lumínica e a eficiencia enerxética.

O Presidente salientou que con esta obra a veciñanza “van contar cunha vía urbanizada, en boas condicións”, pola que poderán “pasear e desprazarse con comodidade e seguridade dende o centro da vila a servizos e lugares, como o cemiterio, a residencia de persoas maiores ou o barrio de Marzán”, ao tratarse dunha rúa que comunica este lugar e a Avenida Álvaro Cunqueiro, unha das arterias principais da localidade.

O mandatario provincial asegurou que esta actuación “é un exemplo de colaboración entre administracións, entre a Deputación e o Concello, pero tamén demostra a boa xestión e a planificación do Concello de Foz, que traballa para avanzar na mellora das comunicacións, e polo tanto, na mellora da calidade de vida dos seus veciños e veciñas”.

O freo do ritmo de contaxios trae consigo un novo descenso de casos activos

Xornada de freo no ritmo de contaxios na provincia de Lugo e que trae consigo un novo descenso de casos activos, por segundo día consecutivo.

Así o revela o último informe do SERGAS con datos recabados ata as 6 da tarde de onte e que cifra en 1437 as infeccións activas na provincia, 20 menos que na xornada anterior. Unha baixada que vén dada polo descenso tamén de positivos detectados, eso si, en cifras aínda moi altas con 51 diagnosticados novos; e a suba de altas médicas que xa rondan as 17.500 dende o inicio da pandemia.

No tocante á presión asistencial, os hospitais manteñen as boas cifras de xornadas anteriores con 28 pacientes covid en planta e 4 na UCI. Así, o HULA contabilizaba na tarde de onte 22 pacientes covid, 3 permanecían no Hospital da Mariña e outros tantos no de Monforte de Lemos.

Malia a melloría, non todo son boas cifras, nas últimas horas, Sanidade daba conta dun novo falecemento. Trátase dun home de 92 anos de idade que finaba no HULA logo de ser diagnosticado coa infección e que contaba con patoloxías previas. Con el suman xa 233 as vítimas que a covid cobrouse na provincia dende o pasado ano.

A Xunta contacta con 121 colectivos sociais para localizar persoas sen vacinar

A Xunta de Galicia, a través da Delegación Territorial de Lugo, está a contactar cun total de 121 asociacións e colectivos de carácter social e xuvenil, sen ánimo de lucro, para localizar persoas que aínda estean sen vacinar.

Esta actuación responde a unha iniciativa conxunta das xefaturas territoriais de Sanidade e Política Social, da Delegación Territorial, na procura de persoas en situación de vulnerabilidade que, por diversos motivos, non recibiron aínda a vacina contra o Covid-19.

Esta mesma semana a xefatura territorial de Política Social enviou cartas a través de correo electrónico a estás 121 asociacións solicitando a súa colaboración voluntaria para remitir unha relación de todas aquelas persoas das que teñan constancia que non están inmunizadas e que desexan recibir a vacina.

Ademais, e co obxectivo de incidir na campaña de vacinación, Política Social está a poñerse en contacto telefónico con estas 121 asociacións que operan na provincia de Lugo.

Polo de agora, a resposta das asociacións está sendo inmediata e a iniciativa está a contar coa máxima implicación destes colectivos. Algúns notificaron que todos os seus residentes, traballadores ou asociados contan coa pauta completa, mentres que outros están a elaborar os listados, que remitirán posteriormente á xefatura territorial de Política Social.

O Concello convoca unha nova Mesa do Transporte para avaliar o proceso de implantación das novas liñas

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo vén de convocar unha xuntanza da Mesa de Transporte Público, na que participan todos os grupos da corporación e que terá lugar o vindeiro martes 7 de setembro para “avaliar o proceso de implantación das novas liñas de bus urbano, tal e como acordamos en anteriores ocasións”.

Rubén Arroxo lembrou que durante o proceso de elaboración das novas liñas de bus urbano “tivemos en conta centos de peticións veciñais achegadas ao concello por distintas vías, dentro do contrato xa asinado polo anterior goberno coa empresa concesionaria”, e engadiu, “todo o proceso de elaboración das liñas contou co seguimento da corporación municipal a través da Mesa de Transporte Público, que se reuníu en múltiples ocasións para avaliar o traballo realizado”.

Arroxo lembrou que o proxecto de liñas de bus urbano “foi aprobado co apoio de todos os grupos da corporación municipal na Mesa de Transporte Público”, e explicou que “co novo sistema de liñas optimízase ao máximo o quilometraxe contemplado no contrato co que contamos na actualidade”.

Os socialistas culpan ao “abandono” do Goberno de Feijóo da sobreprodución do lobo

A Secretaria Provincial do PSdeG-PSOE e Deputada Autonómica, Patricia Otero aludiu as declaracións da Presidente do PP que xunto con outros representantes deste partido “voltaron a utilizar a hipocrisía en relación coa situación do lobo, co fin de tratar de avalar as responsabilidades exclusivas da Xunta e do Goberno do PP”, lamentou.

Otero advertiu que Elena Candia “aproveitou o tema da clasificación do lobo como especie protexida para lanzar a pedra e agochar a man”. Por iso puntualiza que “a protección aínda non foi aprobada e, polo tanto, nada puido ter que ver coa superpoboación actual deste animal no noso territorio, senón todo o contrario”, advertiu.

Nesa liña remarca que “a sobreprodución do lobo débese ao absoluto abandono de responsabilidades da Xunta de Galicia no mandato do PP. Por unha banda, o Plan do Lobo aprobouse en 2008, incluíndo a obriga de revisalo nun prazo de 10 anos. Incumprimento flagrante deste plan, porque xa pasaron 3 anos do prazo sen que a Xunta levase a cabo ningunha revisión”.

“Tampouco houbo novidades sobre o Foro Galego do Lobo, onde todos os sectores implicados e os obrigados pola lei tamén deben estar presentes en estudos zonais sobre o comportamento deste animal para revisalos cada cinco anos. Outro incumprimento máis do PP e da Xunta, xa que hai que lembrar que o último censo do lobo data do ano 2014”, criticou a socialista.

“Noutras palabras, os fracasos do Goberno de Feijóo, para os que ata a data de hoxe carecemos de determinadas cifras sobre os rabaños que habitan o noso territorio foron os que impediron levar a cabo calquera acción para controlar este animal”. Así as cousas “a situación actual corresponde exclusivamente ao abandono dos gobernos do PP, que careceron de calquera iniciativa para afrontar o probable crecemento da poboación de lobos”, espetou Otero.

Dilixencia en tramitar as axudas

Por último a secretaria provincial dixo que “o PP, máis que adicarse a espallar falsidades, debería traballar para que o Goberno de Feijóo cumpra coa dilixencia de que hoxe carece para tramitar as axudas polas perdas producidas polos ataques dos lobos aos nosos gandeiros. Unhas axudas que non só deben incluír a avaliación da perda do animal, senón tamén debe incluír os beneficios perdidos; é dicir, a avaliación dos danos que a súa desaparición temperá causa á actividade produtiva dos seus propietarios”, expuxo.

O Concello clausura as actividades das Aulas Abertas con medio milleiro de asistentes todo o verán

O Concello de Lugo clausura mañá as actividades das ‘Aulas Abertas’ organizadas dende a área de Benestar co fin de facilitar a conciliación familiar e laboral, nas que participaron preto de 500 nenos e nenas de Lugo.

A concelleira destacou o éxito e a boa acollida que recibiu a convocatoria que, “nesta edición marcada pola pandemia, contou cunha participación total media que roldou o 90% do aforo permitido, permitindo a pais e nais tanto da zona rural coma da urbana organizar mellor as súas xornadas laborais e persoais coa confianza, ademais, de que os seus cativos gozaban de momentos de lecer, aprendizaxe e socialización de forma 100% segura xa que se respectaron permanente todos os protocolos sanitarios derivados da Covid”.

A resposta dos e das lucenses a estes recursos son un síntoma máis das necesidades de conciliación persoal e laboral crecentes nas familias en Lugo, explicaba a edil, que incidiu en que “dende o Goberno de Lara Méndez seguiremos a traballar nesta liña para ofrecer lecer seguro e saudable que favoreza o benestar dos máis pequenos nestos tempos complexos”.

A concelleira explicou que se traballou na realización dun completo programa de actividades que, “ademais de ser unha ferramenta para as nais e os pais traballadores, foi unha vía de escape para os pequenos de Lugo, que puideron gozar de actividades variadas de carácter educativo e lecer durante as vacacións”. Neste sentido, Olga López destacou o alto nivel de satisfacción das familias co programa así como o agrado dos máis pequenos coas actividades que levaron a cabo nestes meses.

Entre as actividades incluídas nos talleres destacaron os xogos cooperativos e de psicomotricidade, manualidades, etc,  actividades que se desenvolveron sempre que se puido no exterior e que cumpriron as condicións de sanidade e hixiene óptimas de tal xeito que se ofreceu unha alternativa lúdica e tamén didáctica para que as e os cativos socializasen e compartisen vivencias, nun contexto seguro para eles e para as súas famílias.

Descenso de positivos malia a suba de casos na UCI

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 8.275 deles 1.457 son da área sanitaria de Lugo. Que hoxe rexistra un novo descenso no número de hospitalizados.
E é que nas plantas de hospitalización da provincia hai un total de 28 pacientes covid fronte os 31 que se contabilizaban o pasado venres. Así, e malia que o Hospital de Monforte suma un novo ingreso con 3 persoas en total infectadas fronte as 2 que se rexistraban o venres, o certo é que o número total descende logo de que o HULA rexistrara durante a fin de semana 4 altas hospitalarias, así, o Lucus Augusti queda hoxe con 22 pacientes covid en planta e 4 na UCI, un número que tamén aumenta logo da fin de semana. Pola súa banda, o Hospital da Costa continúa a rexistrar tan só 3 pacientes covid, todos en unidades convencionais.
Doutra banda, o número de positivos descendeu onte en comparanza cos días anteriores, un feito que tende a repetirse os domingos e que, logo das últimas semanas con esa tendencia non quere dicir que as cifras estén a mellorar. Así, segundo revela o SERGAS no seu último informe, con datos recabados ata as 6 da tarde de onte, foron 71 as persoas que resultaron positivas nalgún dos test diagnósticos realizados polo SERGAS.
No conxunto de Galicia, do total de pacientes positivos, 54 están en UCI, 201 en unidades de hospitalización e 8.020 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 167.418 persoas curadas, rexistrándose 2.564 falecementos.

A imborrable pegada do pasado nas dúas estreas da semana en Codex Cinema

Un ensaio fílmico arredor da propia memoria familiar da directora e unha nova volta ao trauma do nazismo marcan as dúas películas que chegan aos cines Codex esta semana.

A metamorfose dos paxaros foi unha das grandes sorpresas do circuíto de festivais do ano pasado. Cunha cámara en 16 milímetros, a cineasta portuguesa Catarina Vasconcelos narra en primeira persoa e de forma moi poética unha viaxe aos lugares, as xentes e aos misterios do pasado da súa familia. Tratando de forma impresionista elementos como o mar, a natureza o ceo e as rochas, a directora consegue crear un filme magnético onde a través da cámara nos movemos como unha pantasma por unha serie de escenas a medio camiño entre o thriller sobrenatural, a  reivindicación feminina e a elexía polo fin dunha forma de vida, a dos nosos avós nas aldeas, lugar que case aparece no filme como evocación mitolóxica.

Ordenada como os versos dun poema no que se suceden diferentes voces como parte dunha conciencia colectiva, A metamorfose dos paxaros presentouse o ano pasado na sección Encounters da Berlinale, onde gañou o premio da crítica internacional, para logo ter a súa presentación en España no festival de Donostia, na sección Zabaltegi, na que levou o premio a mellor filme da competición. Un grande éxito para unha película rodada case de forma persoal pola súa directora e que a partir de elementos aparentemente abstractos e poéticos consegue crear unha poderosa  reflexión sobre a vida en represión: a política (os tempos da ditadura portuguesa) e a de xénero (o rol da muller na sociedade).

De represión tamén fala A sala de cristal, de Christian Lerch, outro formidable retrato sobre a introdución do nazismo na sociedade alemá da Segunda Guerra Mundial. Seguindo os pasos dunha nai e un fillo que teñen que fuxir dun Munich bombardeado polo exército aliado ata unha aldea de maioría nacionalsocialista, o cineasta xermano fala de como a presión social, a covardía das figuras de poder e a necesidade de supervivencia foron as forzas que fixeron que a ideoloxía totalitaria e racista se estendese por Alemaña nunha sociedade aparentemente democrática e igualitaria.

Lerch mostra de forma didáctica e sinxela, con grande habilidade narrativa, como unha muller ten que finxir que posúe unha ideoloxía que detesta para garantir a seguridade do seu fillo, e como as crianzas, para sentirse parte dun grupo ou dunha comunidade, acaban por aceptar consignas e valores antidemocráticos e inhumanos. A sala de cristal fala do pasado, pero tendo sempre en conta o presente e a necesidade de lembrar os horrores pretéritos para non  repetilos. O filme de Christian Lerch fala da sedución do mal, do fácil que os discursos máis agresivos e violentos se filtran de forma rápida nas novas xeracións.

Concentración en contra dos recortes no ensino rural en Cervantes

A deputada do BNG por Lugo, Carme Aira e o Voceiro de Educación e Deputado Autonómico, Luís Álvarez participaron onte na concentración convocada pola ANPA do CPI de Cervantes e FAPACEL (Federación de Anpas de Lugo), en contra dos recortes no ensino, os que están deixando sen profesores e servizos dentro do centro e onde os nenos e nenas de tres anos terán que convivir con outros de ata 10 anos.

Carme Aira sinalou que ter un rural vivo significa contar con servizos, non recortalos” ao que subliñou “o PP na Xunta deixa esmorecer á Montaña de Lugo, moitos cativos desta zona van quedar sen profesores especialistas o que non garante un ensino de calidade e en igualdade de condicións” dixo Carme Aira”

Neste sentido, o BNG rexistrará diferentes iniciativas no Parlamento galego sobre a situación do ensino nas zonas de montaña e así dotar con servizos suficientes e adaptados ao territorio para poder contar cun sistema xusto e en igualdade de condicións.

Pola súa banda, Luis Álvarez emprazou á Consellería de Educación a que contrate unha profesora de infantil para atender aos alumnos deste centro do corazón do rural lucense. “O Goberno de Feijóo debe apostar e impulsar a educación que é o piar básico de calquera sociedade, non se poden suprimir prazas de profesorado, máxime nunha situación como a que vivimos coa pandemia do COVID”, sinalou.
O Voceiro de Educación remarcou que a situación do próximo curso, mantendo as medidas de seguridade fronte á covid, aconsellan “o mantemento, cando menos, do mesmo número de profesores do curso que agora remata por motivos sanitarios e por dispoñer dos recursos económicos suficientes”.

 

A exposición NO CAMIÑO con fotos de Eduardo Ochoa no Cebreiro e Samos

Este luns, a exposición NO CAMIÑO abrirase ao público na igrexa de o Cebreiro e na casa do Concello de Samos, no seu percorrido polos concellos dos Camiños da provincia de Lugo.

Promovida polo Colectivo Egeria e patrocinada pola Xuna de Galicia, a exposición reflicte escenas, paisaxes e xentes do Camiño que puideron ver os peregrinos no decurso do tempo a través de antigas fotografías de fotógrafos de sona ou anónima, que representan un caleidoscopio vital do Camiño no último século.

O Comisario desta exposición é o fotógrafo Eduardo Rodríguez Ochoa, responsable de fotografía do Grupo Fotocinematográfico Fonmiña, e o autor dos textos Xulio Xiz, Presidente do Colectivo promotor.

A Mostra está composta por dez paneis dobles, e cada semana ata finais de octubre visitará dúas localidades da provincia situadas nos Camiños Francés, Do Norte ou Primitivo.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com