Novas

Continúa a subir o número de casos activos e novos positivos por Covid na área sanitaria de Lugo

Un día máis a área sanitaria de Lugo supera os cen novos infectados, 102 nas últimas 24 horas e de novo incrementase o número de casos activos, xa que a provincia suma outros 15 casos e sitúa a cifra en 1.437 segundo os datos facilitados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade

No que respeta ao total de casos activos de coronavirus en Galicia é de 8.953 deles 2.384 son da área da Coruña,  708 da de Ourense, 689 da de Pontevedra, 1.773 da área de Vigo, 1.320 da de Santiago e 642 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 55 están en UCI, 194 en unidades de hospitalización e 8.704 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 166.050 persoas curadas, rexistrándose 2.557 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.728.327.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 4.047.960.

O delegado da Xunta recomendalle a Tomé “que se informe antes de falar”

Nova controversia entre Xunta e Deputación de Lugo, esta vez por mor dunha estrada no Courel. O delegado da administración autonómica en Lugo, ante as declaracións do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, reclamando á Xunta a  renovación do traxecto entre Folgoso e Seoane do Courel, o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, sinalou que “recomendamos ao señor Tomé que se informe antes de falar, xa que o pasado 23 de xuño, tal e como se publicou no DOG, anunciose a resolución do procedemento ambiental do proxecto de mellora da estrada LU-651, treito Folgoso-Seoane, no concello de Folgoso do Courel, ao ser unha zona incluida en Rede Natura”.

Temos que insistir, incidiu Arias, que este é un paso importantístimo, no que se estivo traballando a partir do proxecto e do estudo de impacto ambiental sometido a información publica. Nestes momentos, a Xunta segue adiante para acadar a aprobación do proxecto de trazado, e en paralelo, traballa no proxecto construtivo da primeira fase. De feito, este outono avanzarase en ambos os expedientes

O Presidente da Deputación declarara, a proposito da licitación do tramo de vía entre  Pedrafíta e Seoane por parte da Deputación de Lugo que “este investimento contribuirá a avanzar cara o reequilibro territorial, do que tanto se fala e que tan pouco se practica por parte doutras administracións, e que resulta imprescindible para o futuro do noso rural. O bo sería que a Xunta de Galicia se mirase no espello da Deputación, e que renovase tamén a estrada que é da súa competencia, a que vai de Folgoso do Courel a Seoane”, indicou. “Isto suporía que teríamos unha boa comunicación entre os concellos de Pedrafita do Cebreiro e Quiroga, e que, realmente, avanzaríamos cara o reequilibrio territorial e cara o futuro do rural, que tanto botamos de menos por parte da Xunta de Galicia”.

Arias rematou subliñando que “gustaríanos que ao igual que o señor Tomé reclama á Xunta estes proxectos, faga o propio co Goberno do Estado, que non o pon nada fácil, en canto aos criterios que impón na repartición dos fondos Next Generation, que dificultan investimentos nos municipios de menos de 50.000 habitantes, deixando fóra ao 98% dos concellos de Galicia

Finalizado o acondicionamento do Castro de Castromaior en Portomarín

A Xunta de Galicia vén de rematar os traballos de acondicionamento do poboado fortificado da Idade de Ferro de Castromaior, en Portomarín, que consistiron na súa limpeza e consolidación. Para dar a coñecer o resultado hoxe organízase unha xornada de portas abertas, na que participa o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, acompañado polo alcalde de Portomarín, Juan Serrano. Dita visita parte do propio asentamento situado na parroquia de Santamaría de Castromaior, e conta con varios arqueólogos que formaron parte da campaña.

O castro está datado entre os séculos V a.C e I d.C., e destaca pola súa gran extensión -ao ocupar máis de cinco hectáreas ao carón do Camiño Francés- e pola súa complexidade estrutural, con presenza de ata seis recintos delimitados por murallas e fosos, ademais de varios socalcos exteriores asociados, que dotan a todo o conxunto dunha gran monumentalidade.

Javier Arias lembrou que despois de escavar parcialmente o xacemento entre os anos 2006 e 2009, deixando á vista unha serie de edificacións e parte da súa muralla, a Xunta emprendeu novos traballos de limpeza e consolidación do asentamento baixo control arqueolóxico entre os anos 2020 e 2021, que veñen de rematar. Como resultado, o castro ten unha mellor estabilización e conservación e favorécese tamén a súa visita cultural.

Consolidación de muros e rúas

O delegado territorial destacou en concreto que durante estes dous últimos anos realizáronse traballos de documentación e diagnose que permitiron a roza e limpeza manual da zona escavada e de toda a croa do castro de Castromaior para conseguir unha boa visión de toda a zona arqueolóxica.

Tamén se realizaron traballos de conservación e consolidación das estruturas arqueolóxicas como muros, pavimentos, fogares ou rúas, así como na muralla e na entrada principal, nunha superficie total de 800 metros cadrados.

Este tipo de intervencións enmárcanse na aposta da Xunta coa recuperación dos bens patrimoniais máis senlleiras de Galicia. Cómpre salientar, neste sentido, que este ano se incrementa o esforzo inversor do Goberno autonómico no ámbito da conservación do patrimonio cun 19% máis de investimento específico.

CCOO solicita a dotación dun especialista en enfermaría obstétrico-xinecolóxica en Sarria

CCOO ven de solicitar á dirección da Área Sanitaria de Lugo a contratación dun/dunha novo matrón/a que reforce o servizo, que na actualidade conta cunha soa profesional.

A día de hoxe Galicia conta con 59 enfermeitos especialistas en enfermaría obstétrico-xinecolóxica por cada 100.000 mulleres en idade fértil por baixo da media española de 71/100.000, e moi por baixo das recomendacións da OMS de un/unha profesional por cada 400 mulleres).

A media na nosa comunidade é dun/dunha profesional por cada 1694 mulleres en idade fértil. No caso do Centro de Saúde de Sarria, unha sóa matrona atende a unha poboación de 4699 mulleres en idade fértil.

Cómpre lembrar que a profesional que presta servizos neste centro de saúde, atende tamén ás usuarias dos concellos de Paradela, Samos, Triacastela, Láncara, Páramo, Incio, Castroverde e Corgo, de xeito que tanto a dispersión como a carga de traballo se vexa incrementada notablemente.

O PP urxe á Confederación Hidrográfica a reparación do caneiro do Muíño

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Óscar Poy, lamenta que, unha vez que xa pasou unha boa parte do verán, o caneiro que hai á altura do Muíño segue roto, tras case unha década neste estado, despois de que se rachase deliberadamente para executar as obras de arranxo da ponte romana.

Óscar Poy recorda que non se trata da primeira vez que o Grupo Popular reclama o arranxo desta infraestrutura, vital para o mantemento do nivel do río, algo que tamén reclamou no pasado o BNG e prometeu realizar o PSOE, pero que “agora que comparten goberno e moqueta” semellan ter esquecido xa que “non queren nin oír falar do tema”.

O popular sinala que esta é a mellor época para levar a cabo estes traballos, tanto polo nivel do río como da estación na que nos atopamos xa que o arranxo debe facerse antes de que chegue o mal tempo e aumente o caudal do río.

O concelleiro popular urxe á reparación do caneiro do Muíño, sobre todo tendo en conta que hai semanas que se coñeceu o fallo xudicial que revertía a titularidade deste caneiro de novo á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, “polo que dende a Confederación xa non teñen ningún tipo de escusa para non reparalo”. Sinala Óscar Poy que a propia Confederación Hidrográfica xa repetiu en numerosas ocasións que tiña preparado un proxecto para a súa reparación, por un importe de 320.000€.

A reparación deste caneiro é unha vella demanda da cidadanía, sobre todo daqueles persoas que máis empregan o río, como son os piragüistas, polo que é necesaria unha intervención decidida para que non se agrave aínda máis o mal estado deste caneiro.

Recorda Óscar Poy que os problemas con este caneiro comezaron co arranxo da ponte romana en 2012, unha obra realizada baixo a batuta do BNG, cando Paz Abraira era a concelleira responsable de Infraestruturas. Para a realización desta obra era preciso que baixara o nivel da auga, polo que se optou por romper o caneiro. “O problema é que cando rematou a obra, dende o BNG esqueceron misteriosamente urxir á empresa que realizou os traballos o arranxo do caneiro, algo do que se acordaron unha vez racharon o pacto de goberno con Orozco. Semella que á volta á oposición lles fixo recordar os problemas da cidade”, sinalou.

O popular lamenta levar demasiados anos escoitando tanto a socialistas e nacionalistas que Lugo ten que mirar cara ao Miño, algo no que nós estamos de acordo, “pero precisamos feitos e non palabras”. “É momento de deixarse de promesas, hai que pasar aos feitos xa que, por desgraza, todo o que ten que ver con potenciar o río, que depende do PSOE e BNG, foi un auténtico fracaso”, lamentou.

O Concello promove formación en negocios dixitais a través de cursos online gratuitos

O Goberno de Lara Méndez promove dous novos cursos online e gratuítos para formar a mozas e mozos inscritos no sistema de garantía xuvenil. Trátase das accións formativas “Negocios dixitais, economía circular” e “Marketing dixital e branding en liña”, que se desenvolverán no marco dun convenio de colaboración entre a área de Desenvolvemento Local e Emprego e a Fundación INCYDE, cofinanciados pola UE a través do Fondo Social Europeo.

 Ambos cursos, que comezarán no mes de setembro, terán unha duración de seis semanas, con dez horas á semana. O horario será o seguinte: luns, mércores e xoves de 16:00 a 19:00 horas, no caso do curso “Negocios dixitais, economía circular” e de 17:00 a 20:00  horas, no caso da acción “Marketing dixital e branding en liña”. As clases serán en liña a través de Zoom e haberá unha hora de titoría individual á semana, segundo a dispoñibilidade dos alumnos.

 En total ofértanse 25 prazas para cada curso e os requisitos para participar son figurar como beneficiario no sistema de garantía xuvenil, ser menor de 30 anos e non estar estudiando nin traballando no momento da formación.

 Negocios dixitais, economía circular

O Programa de Emprendemento en Negocios Dixitais aplicando principios de Economía Circular e ODS busca impulsar a creación de negocios dixitais baseados no compromiso pola produción de bens e servizos de maneira sostible, conservando o maior tempo posible o seu valor e reducindo a cantidades mínimas os refugallos ou residuos xerados.

 Ao longo de seis semanas, os participantes van traballar no deseño e elaboración dun plan de negocio, coa axuda de expertos consultores en diferentes temáticas, como en oportunidades de negocio, business plan, márketing circular, finanzas, xurídico e fiscal, entre outros.

Rematan os roteiros da programación de Benestar “Lugo Móvese con Maiores”

concelleira de Benestar Social, Inclusión e Persoas Maiores, Olga López, saudou esta mañá ás persoas participantes no último roteiro pola cidade enmarcado dentro da edición de verán da iniciativa Lugo móvese cos maiores, coa que finaliza así este programa de animación sociocultural.

Na xornada de hoxe ás e os asistentes percorreron o Lugo Histórico, unha ruta que tamén incluíu a visita ao Museo Provincial e coa que se completa a proposta de Benestar “para que as e os maiores de 65 anos coñezan e gocen non só o patrimonio artístico e cultural da contorna urbana senón tamén do noso rural”, afirmou a edil en alusión ás andainas que se guiaron por puntos de interese das parroquias do municipio como son a Vía Künig, o Camiño Primitivo ou o Vello Lugo Agrario.

Estes roteiros, xunto ás clases de ximnasia grupais ao aire libre, nas prazas da cidade, foron algunhas das propostas coas que o executivo local quixo promover, entre as e os maiores de 65 anos, alén da súa socialización, un entretemento saudable para gozar do seu tempo de lecer nun contexto sanitario seguro.

O TSXG denega a Lugo Monumental a medida cautelar contra o pasaporte Covid

A Sala de Vacacións do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia denega a medida cautelar solicitada pola Asociación de Empresarios Lugo Monumental sobre presentación do pasaporte COVID e aforos. O tribunal entende que concorre, dunha parte, a perda sobrevinda do obxecto respecto da medida cautelar en relación co denominado pasaporte COVID ao ser resolta definitivamente a cuestión.

Por outra banda, en relación á medida de restrición de ocupación das terrazas e interiores dos locais, o alto tribunal galego afirma que “non cabe a adopción da medida cautelar por canto, sen prexuízo do que se poida acordar na resolución do preito principal, non se acreditou pola asociación recorrente a concorrencia de prexuízos de imposible ou difícil reparación coa achega dun principio de proba”.

Os deputados do PP reclaman a comparecencia urxente no Congreso do Secretario de Estado de Medio Ambiente

Os deputados populares no Congreso pola provincia de Lugo, Jaime de Olano e Joaquín García Díez, e pola de Ourense, Ana Vázquez e Celso Delgado, rexistraron esta semana no Congreso iniciativas parlamentarias en relación co “drástico e inxustificado baleirado de varios encoros de abastecemento e aproveitamento hidroeléctrico na Demarcación Hidrográfica Miño-Sil”.

En concreto do lucense de Belesar, no concello de Portomarín e dos ourensáns das Portas e Cenza en Vilariño de Conso e o de Salas en Muiños, que presentan niveis alarmantes moi por baixo dos habituais nestas datas.

A principal iniciativa rexistrada no Congreso foi a de solicitar a comparecencia na Comisión de Transición Ecolóxica e do Reto Demográfico do Secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán para que informe: “sobre as actuacións de control e investigación realizadas polo MITECO en relación coa situación creada este verán polo drástico baleirado de encoros por parte de empresas concesionarias de aproveitamentos hidroeléctricos con explicación de se se excederon os límites de desembalse para turbinación que lle están permitidos. Máxime cando estes baleirados teñen lugar nun momento de altísimos prezos da electricidade, superando o que o sentido común recomenda no uso dun recurso público tan sensible como é a auga”.

Consideran os parlamentarios populares necesario que o MITECO e o organismo de conca Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, responsables dos aproveitamentos hidroeléctricos máis potentes na Comunidade Autónoma de Galicia, “exerzan un control eficaz sobre a actuación das empresas titulares das concesións para garantir en todo momento as reservas de auga necesarias para o abastecemento da poboación e o mantemento dos valores ambientais de biodiversidade, protexendo a fauna que habita nestas masas de auga, e garantindo os caudais ecolóxicos mínimos establecidos”.

Ademais, por medio de preguntas parlamentarias ao Goberno demandan información sobre os resultados dos  expedientes informativos e das investigacións abertas pola Confederación Hidrográfica del Miño-Sil en relación con posibles excesos, este verano, dos límites de desembalse permitidos para a turbinación por parte das eléctricas concesionarias destes encoros.

Continúa o avance do virus na provincia con 124 positivos detectados na última xornada

A Covid19 continúa a arroxar datos negativos na provincia de Lugo, tralos numerosos gromos asociados ás festividades que se están a dar en diversos concellos da provincia.

Neste senso, segundo o último informe do SERGAS con datos recabados ata as 6 da tarde de onte, son xa 1422 as persoas que presentan unha infección activa nestes momentos,45 máis que na xornada anterior. E é que os positivos detectados, que onte experimentaban un lixeiro descenso, volven remontar ata chegar aos 124 positivos nas últimas 24 horas.

Como era de esperar, tras acumular varios días seguidos de suba de casos, a presión asistencial continúa tamén en aumento. Así, nas últimas horas, 30 pacientes covid ocupaban as unidades convencionais dos hospitais públicos da provincia (26 no HULA, 3 na Mariña e 2 no Hospital de Monforte), ademáis, na UCI do Lucus Augusti continúan a rexistrarse 3 pacientes con infección por Covid19.

Dende o comezo da crise sanitaria, Lugo sumou un total de 18.837 contaxiados polo virus, dos cales 17.098 xa superaron a enfermidade.

Repesca de vacinación

E para avanzar nas vacinacións, Sanidade vén de anunciar o lanzamento, a partir das 15.00 horas de hoxe dun novo sistema de autocitas co que repescar a persoas que todavía non se vacinaran.  Así, porán a disposición da mocidade de entre 12 e 19 anos un total de 25.000 citas entre o luns e o martes; mentres que o venres 3 de setembro será o turno para os maiores de 20 anos que contarán con 30.0000 autocitas dispoñibles.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com