Novas

Pranta de Alcoa en San Ciprián das Viñas (Ribadeo). Fonte: Google Maps.

O Parlamento pide garantir a permanencia de Alcoa na Mariña lucense ao Executivo cunha serie de medidas

Este mércores, 4 de decembro, o Parlamento de Galicia probou por unanimidade a proposición non de lei presentada polo Partido Popular a través da que piden ao Goberno central a adopción de medidas que garantan a permanencia da factoría Alcoa na Mariña lucense. Entre as peticións, o texto solicita a autorización dos parques eólicos estatais que subministrarán á factoría, a activación dunha posible intervención pública ou a presenza dos ministros de Industria e Transición Ecolóxica o día 9 de decembro na Mesa de Seguimento do pacto de viabilidade.

Como indica un comunicado emitido polo Grupo Popular, con dita proposición non de lei, defendida pola representante da formación Elena Candia, o Parlamento persegue trasladar “o apoio aos traballadores e traballadoras que, directa ou indirectamente, vénse afectados pola situación de incerteza da fábrica de alúmina e aluminio de Alcoa na Mariña lucense e amosa a súa solidariedade polas familias afectadas”.

Noutras liñas de acción, o documento recolle a necesidade da articulación dunha liña de axudas públicas e apoios extraordinarios que garantan o investimento para a modernización da planta, a modificación do Estatuto do Consumidor Electrointensivo para crear a figura das empresas hiper-electrointesivas ou a dotación de orzamento de compensación de custes polas emisións indirectas de C02 ata o máximo legal vixente na normativa europea.

Concentración da CIG na cidade de Lugo. Fonte: CIG.

Delegados do CIG concéntranse en Lugo contra a ampliación das competencias das mutuas

Este mércores, 4 de decembro, delegadas e delegados da Confederación Intersindical Galega (CIG) concentráronse diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza na cidade de Lugo, así coma nas outras seis cidades de Galicia. A mobilización foi convocada, segundo indica o tecido nun comunicado, para trasladar ao administrativo o seu “rexeitamento á ampliación das competencias das mutuas e a que estas poidan xestionar as baixas por doenzas músculo-esqueléticas”.

No escrito, a central anfatiza a súa “firme oposición a dar máis poder a estas entidades privadas, fonte de abuso a prol dos intereses da patronal”, polo que veñen a pedir á Xunta de Galicia adoptar unha posición negativa á cesión de competencias públicas a entidades do eido privado.

Fonte: Ministerio de Transportes.

O pavimento da A-6 en Guitiriz, O Corgo e Lugo será mellorado logo da licitación por 25 millóns

No Consello de Ministros deste martes, 3 de decembro, foi aprobada a licitación por 25,17 millóns de euros a mellora dunha parte do pavimento da autovía do Noroeste, a A-6, concretamente en sesenta quilómetros do seu paso. O percorrido no que serán desenvoltos os traballos é o do tramo comprendido entre os concellos de O Corgo e Guitiriz. Ficando neste tramo, as melloras terán tamén lugar no concello de Lugo, onde o firme comparte o estado deteriorado.

A actuación, como concreta un comunicado emitido dende o Ministerio de Transportes, está proxectada para a corrección dos perxuízos do pavimento, así como para a mellora da seguridade e comodidade da circulación viaria. Os traballos que especifican, entre outros, son o fresado de capas de firme, a reposición de servizos afectados da DXT ou a renovación da sinalización horizontal.

 

Cartaz IX Foliada da Fonsagrada.

A novena Foliada da Fonsagrada afía as ferreñas para tres días de obradoiros, foliadas e feiras

Tendo como homenaxeado ao “mestre da trompa de Fonfría”, Herminio Villaverde, como indican os organizadores da Asociación Cultural Petapouco e a Destempo a través das súas redes sociais, a IX edición da Foliada da Fonsagrada pon inicio este xoves, 5 de decembro, ata o sábado, día 7. A programación promete todo tipo de ocio: baile, música, literatura…

Actividades que serán realizadas en diferentes puntos da localidade, como locais ou escolas, así como na carpa de concertos habilitada. Ademais, será artellada unha feira de artesanía.

A partir das 11:00 horas da mañá deste xoves, inicia o evento de folclore coa realización da Ruta dos Pintores. Posteriormente desenvolveranse obradoiros de iniciación a pandeireta e bailes asturianos para, logo, rematar a xornada cunha butelada popular. O venres, 6 de decembro, será realizada unha rolda de cantos de taberna a partir das 12:00 horas da mañá, seguida por outro obradoiro e difernetes actuacións na carpa de concertos.

O sábado, 7 de decembro, é a xornada con máis variedade e programación. Entre a oferta, ás 12:00 horas ten lugar a presentación do libro Alborada en Vilaquinte, seguida por unha demostración da tradicional olaría de Buño, propia da Costa da Morte.

Visitantes asturianos por A Fonsagrada

O pasado martes tivo lugar a presentación do evento por parte do alcalde de A Fonsagrada, Carlos López, que destacou o movemento percibido na vila “con gentes llegadas de Galicia y de Asturias”, o que lle supón “un orgullo”.

Edificio propiedade da Asociación Prodeme na Rúa Bolaño Rivadeneira. Fonte: Google Maps.

Julio Cortiñas, director de Prodeme, sobre as obras no edificio de Bolaño Rivadeneira: “Daremos a xestión a unha entidade en favor do servizo social”

Na sesión plenaria do Concello de Lugo deste xoves, 5 de decembro, será acollida na acta e posta a tratar a concesión da licencia de obras no edificio da Rúa Bolaño Rivadeneira propiedade da Asociación Prodeme. Segundo indica Julio Cortiñas, director do tecido asociativo que da servizo e acompañamento ás familias de e persoas con discapacidade intelectual, a petición da licencia para o inicio dos traballos foi presentada por vez primeira en marzo de 2022.

A construción é propiedade de Prodeme “dende hai case sete anos”. Como é habitual na súa actividade “iniciada xa polos anos 80”, buscan que cada novo proxecto no que se ven incvolucrados sexa de proveito ou outorgue activididade, “sexa laboral, social ou lúdica”, ás persoas vinculadas á asociación. No que atinxe a esta instalación na cidade lucense, Cortiñas contextualiza a inicial decisión de crear un apartamento turístico: “Nun principio, polo contexto de Lugo, pensamos na creación dun albuergue turístico que sexa xestionado por persoas con discapacidade a través do Centro Especial de Emprego”.

Dende a asociación teñen clara a cesión do inmoble para a xestión por parte dunha “entidade que se enfoque na actividade social e estea ao servizo do social”, de forma que sigan a súa máxima de “mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade”. O director concreta, seguidamente, a súa posición de total apertura a novas e diferentes propostas: “Contamos con outros proxectos enfocados á gandaría, por exemplo. Se algunha outra entidade que estivese especializada na inclusión laboral nos pedise a xestión do edificio, estamos dispostos a colaborar”.

Foto de arquivo Mercadiño Nadalmente Lucense. Fonte: Concello de Lugo.

Música, talleres e chocolatada poñen inicio ao mercadiño Nadalmente Lucense este xoves

A Praza Mario de Lugo, dende este xoves, 5 de decembro, ata o 5 de xaneiro, acolle o mercadiño navideño Nadalmente Lucense. O evento, co que se busca promover e manter o tecido comercial local, será inaugurado cunha chocolatada ás 16:30 horas da tarde. A esta seguiralle a visita de Mamá e Papá Noel, que estarán presentes ata as 21:00 horas, franxa na que están programadas a realización dun taller así como de un “teatrillo” infantís. O lugar será dinamizado musicalmente a partir das 20:00 horas, coa actuación do DJ Fetén.

As casetas, decoradas e iluminadas seguindo os detalles e estética da época, estarán abertas en horario de 11:00 a 14:30 horas, pola mañá, e de 16:30 a 21:00 horas, pola tarde. Os días 24 e 31 de decembro, o horario verase reducido ata as 14:30 horas, e os días 25 e 1 de xaneiro, nos que permanecerá pechado. Máis alá dos postos de venda de entidades lucenses, durante a actividade do mercadiño serán desenvoltas na Praza Maior diferentes actividades de ocio e actuacións dirixidas para todos os públicos.

O concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, como establece nun comunicado emitido dende o goberno local, coa proposta buscan que “este Nadal, os negocios de Lugo teñan unha plataforma única para exhibir a calidade e variedade dos seus produtos”.

Buzón Máxico. Fonte: Correos.

As crianzas lucenses xa poden enviar as súas cartas ao Apalpador e aos Reis Magos

Dende este mércores, 4 de decembro, ata o día 5 de xaneiro, os nenos e nenas da cidade de Lugo poden depositar as súas peticións de Nadal, por escrito, nos buzóns de Correos habilitados na oficina principal e a través da sucursal de Agro do Rolo. A empresa de envíos comprométese a facer chegar as cartas de maneira directa aos remitentes, Apalpador e Reis Magos.

Para aquela infancia que se atope ingresada en hospitais e centros sanitarios, a entidade organiza un equipo de voluntarios encargado de acudir ás diferentes instalacións para recoller as súas epístolas. De volta, como indica Correos a través dun comunicado, seralles entregado un detalle para esta parte da rapazada.

Cartaz SECAL 2024. Foto libre de dereitos muralla de Lugo.

Arte e patrimonio lucenses á exposición no centro histórico este xoves, no marco da SECAL 2024

A Semana de Exaltación da Cultura e a Arte de Lugo, organizada pola Asociación de Empresarios Lugo Monumental e adicada este 2024 á Escuela Superior de Arte y Diseño Ramón Falcón, pon inicio este 5 de decembro. Ata o vindeiro xoves, día 15 de decembro, os locais do centro histórico da cidade contarán con exposicións de diferentes artistas para a promoción e difusión da súa obra.

Ademais de no Lugo Monumental, a organización porá nun “catálogo virtual” aquelas obras dos participantes marcadas como “públicas”, para a consulta por parte dos usuarios de datos de autoría e pezas. Estas, con liberdade total en tema e técnica desenvolta, son todas orixinais dos artistas elaboradas para o SECAL 2024.

As candidaturas foron recollidas ata o 30 de novembro. O evento acolle a todo artista maior ou menor de idade, indiferentemente da orixe ou nacionalidade ―mais contando con prioridade aqueles habitantes ou persoas de Lugo―. As vendas das pezas serán realizadas entre o cliente final e o artista, quedando totalmente alleas de comisións e compensacións os locais colaboradores así como a propia Asociación de Empresarios Lugo Monumental.

A Asociación Si, hai saída alerta un ano mais nestas datas, do incremento do risco para as vítimas de violencia de xénero e os seus fillos, e da falta de prevención e a desprotección que sufrirán

Un ano mais, desde a Asociación Si, hai saída, nas vísperas da ponte da Constitución e cando se achega o Nadal, como vimos facendo desde hai mais dunha década, e malia que se nos faga caso omiso, alertamos sobre a desprotección que van sufrir as vítimas e os seus fillos e fillas, xustamente cando mais a precisan, xa que o repunte de casos de violencia de xénero nestas datas é algo mais que demostrado.

De novo as Ufam (Unidade de Familia e Axuda a Muller) ficarán practicamente baleiras, cando non totalmente, desde o Xoves, 5 de Decembro, ata o Luns, día 9, e o mesmo sucederá, co gallo do Nadal, desde o Luns, 23 de Decembro, ata o Martes, 7 de Xaneiro, ademais, por suposto, das fins de semana do 14 e 21 de Decembro, coma todas as do ano, nas que desde a tarde do Venres (días 23 e 21), se dará idéntica circunstancia.

Dito doutro xeito, durante 22 días, Case 1 mes, as mulleres vítimas de violencia machista, ou as potenciais de selo, e os seus fillos e fillas, nas datas nas que mais perigo corren, deberán confiarse a sorte e a desexar que nada irreparable aconteza.

Se ben isto non ten nunca xustificación, resulta especialmente significativo na nosa cidade nunha tempada na que proliferan os minutos de silencio, nos que, por certo, participan persoas e cargos con responsabilidades directas no que acabamos de expoñer, o cal o fai especialmente grave e deixa en clara evidencia a importancia real que se lle da a presunta loita, que ten mais de presunta que de loita, contra a violencia de xénero.

Así mesmo, non podemos deixar de suliñar o deleznable acto organizado polo Ministerio de Igualdade no que se investirán mais de 120.000€ para conmemorar, din, a Lei contra a Violencia de Xénero e “marcar a axenda política”, sobre o que, por certo, non se pronunciou ningún deses “colectivos feministas” que abandeiran manifestacións, que protagonizan sorrintes “selfies” ataviadas coas “cores feministas”, moitos dos cales, naturalmente, participarán neste evento, tan “necesario”, din, desde o propio Ministerio, o mesmo que, cada vez que unha muller é asasinada, ou se produce un novo caso de violencia vicaria, xustifican a desprotección e a nula prevención a falta de recursos.

Absolutamente indecente.

Asociación Si, hai saída.

 

Luar Na Lubre escolle Lugo como punto de partida para xira, último disco e 2025

O venres 10 de xaneiro, Luar Na Lubre inicia a xira programada para o 2025 do seu último traballo musical “Luar Na Lubre XX. Encrucillada” en Lugo. Este próximo aninovo non ten comparación, sendo antesala para a formación de folk galego do seu cuarenta aniversario no 2026. Logo de máis de 2.000 concertos en máis de cincuenta países, Luar Na Lubre volve a un dos seus fogares a repasara súa traxectoria coa publicación que honra os seus máis de 350.000 exemplares vendidos, dous Discos de Ouro ou 9 Premios de Música, entre tantos outros recoñecementos sen chegar a contar o relacionado co valor humano, sementado no seu camiñar alumeante.

A obra, artellada en formato libro-disco, recolle temas emblemáticos e típicos do seu repertorio coa participación das diferentes voces que, nalgún momento da súa historia, formaron parte do grupo. Nas gravacións, foron participantes cantantes como Pablo Milanés, SÉS ou Rosa Cedrón. Pola parte en papel, acolle unha cronoloxía fotográfica e literaria da súa traxectoria, contando co testemuño de máis de sesenta persoas influíntes na música, literatura e xornalismo de Galicia.

O concerto programado para o venres, marco da presentación, ten lugar no Auditorio Municipal Gustavo Freire, ás 21:00 horas. As entradas, a partir dos 17 euros, poden ser adquiridas a través da web de www.ataquilla.com.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com