Novas

4 empresas optan a xestionar as Casas das Linguas municipais

O Concello de Lugo vén de informar sobre a renovación da concesión das Casas das Linguas municipais, da Estrada da Granxa e María Balteira; dúas instalacións onde os lucenses poden levar adiante actividades “para mellorar a súa formación en distintos idiomas”.

O persoal técnico do concello de Lugo comezou hoxe a revisión da documentación presentada polas 4 empresas que optan a xestionar este servizo. O contrato terá unha duración dun ano, prorrogable ata un total de 5, e saíu a licitación cun orzamento base de 105.420,10€.

A edil responsable da área de lembrou que “as casas das linguas ofertan actividades durante todo o curso, dirixidas por persoal formador con especialidades en distintos idiomas”, entre as que destacou “os campamentos de nadal e verán, unha alternativa para a conciliación que mellora as competencias lingüísticas das nenas e nenos”.

Curso 2021-22

A edil de Cultura informou que as bases de admisión para o curso 2021-22 publicaranse o vindeiro 30 de agosto. O período de inscricións e probas de nivel durará entre o 1 e o 14 de setembro, e as listas publicaranse durante o 15 de setembro. Entre o 16 e o 24 abrirase o proceso de matrícula, e as clases darán comezo o luns 27 de setembro.

Executado o 75% do Plan Ilumin@ da Deputación

A Deputación de Lugo rematou a execución de case o 75% do Plan Ilumin@, un programa dotado con 723.000€ co que a institución provincial axuda aos concellos da provincia a aforrar custes enerxéticos. Do total do investimento, o 80% son fondos europeos que a Deputación conseguiu a través do IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía), un organismo dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica. Xa son 28, dos 38 concellos que decidiron adherirse a este programa, os que teñen as actuacións completadas, consistentes na substitución de luminarias públicas por outras máis eficientes.

Os contratos de subministro e instalación de material que inclúe o Plan Ilumin@ está dividido en zona norte, centro e sur. O 100% da zona centro está rematada, mentres que na zona norte 11 dos 14 concellos xa se benefician do programa e un, Burela, está rematado, pendente de certificar. Pola súa banda, cinco concellos da zona sur xa teñen o Plan Ilumin@ completo e os 7 restantes -As Nogais, Carballedo, Monforte de Lemos, O Incio, O Páramo, O Saviñao e Samos- están en execución.

Con este plan, os 38 concellos da provincia que decidiron adherirse cambiarán en total unhas 3.200 luminarias por outras de tecnoloxía LED, o que suporá un aforro conxunto de 62.000€ ao ano, isto é, ata un 63% da facturación eléctrica das instalacións municipais nas que se actuará, fundamentalmente alumeados públicos exteriores. Ademais, a tecnoloxía LED permitirá reducir o consumo nun total de 450.000 quilovatios ao ano, o que minimizará tamén a pegada de carbono.

O Plan Ilumin@ forma parte do obxectivo estratéxico da Deputación de cooperar cos municipios para que poidan prestar servizos públicos eficientes á cidadanía aforrando custes, pero tamén preservando o medio ambiente.


Imaxe de arquivo: sinatura do Plan

Volve a caída de casos Covid á provincia, nunha xornada que suma 3 falecementos

Volven as cifras positivas á provincia de Lugo, nunha xornada na que descende o número de casos activos, así como a presión asistencial e o ritmo de contaxios. Na contra, está o número de falecidos tras contaxiarse de Covid que as últimas horas ascendeu ata ás 230 persoas, 3 máis que na xornada anterior.

Por cifras, a provincia suma hoxe un total de 1287 casos activos, 57 persoas menos que na xornada de onte. Unha mellora que se debe á suba das altas (117 nas últimas horas) e ao significativo descenso no ritmo de contaxios que pasou de 100 positivos detectados o martes aos 60 localizados durante o día de onte.

Como diciamos, na última xornada a presións asistencial experimentou tamén un lixeiro descenso. E é que en total os hospitais da provincia restan un ingreso en planta e outro na UCI. Así, o HULA conta hoxe con 25 pacientes Covid, o Hospital da Costa con un e o de Monforte rexistra 2 pacientes en planta de hospitalización. Asemade, o Hospital Polusa conta tamén cun paciente covid. Por último, a UCI do HULA hoxe rexistra 6 casos covid.

Dende o inicio da pandemia, Lugo suma un total de 230 falecidos por mor do virus. Os últimos 3 falecementos rexistrados nas últimas horas. Trátase de dunha muller de 85 anos que finaba en Ribadeo, outra de 89 que o facía en Burela; e un home de 93 anos que perdía a vida en Monforte de Lemos.

A exposición itinerante “Aquela nena de Sarria” foi presentada en Miño

Foi presentada onte, na Biblioteca pública municipal de Miño (A Coruña) a exposición AQUELA NENA DE SARRIA, confeccionada polo Colectivo Egeria na honra de Xela Arias, por térselle dedicado este ano o Día das Letras a esta sarriá que viviu os seus primeiros anos na Granxa de Barreiros (Sarria) e na capital lucense. No acto inaugural participaron o Alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo; Pura Galán Voutureira, en representación da Secretaría Xeral de Política Lingüística; a pintora e ilustradora lucense Sabela Arias, e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio
Xiz.

A mostra, co patrocinio da Xunta, que ten visitado xa máis de medio cento de localizacións en toda Galicia, e está a percorrer os Camiños de Santiago na provincia de Lugo, desprázase agora ao Concello de Miño pola colaboración entre este Concello e o Colectivo Egeria, tendo en conta que Miño é o lugar de veraneo tradicional para numerosos lucenses, especialmente os da capital da provincia.

AQUELA NENA DE SARRIA estará na Biblioteca Pública municipal de Miño durante a segunda quincena do mes de agosto, e os visitantes recibirán cadanseu exemplar do catálogo da exposición, coa totalidade dos contidos da mostra.

Exposición AQUELA NENA DE SARRIA
Esta exposición está composta por doce paneis que percorren os primeiros anos da vida de Xela, o seu vencello co noso idioma, o papel da familia na súa traxectoria como escritora e tradutora, e a homenaxe poética que lle renden os estudantes de Sarria, os membros da “Nova poesía guitírica” ou as “Compañeiras de viaxe” da escritora, proporcionando ampla información sobre unha Xela descoñecida que os galegos evidencian interese en coñecer. Nesta mostra figuran unha serie de fotografías da  nena Xela facilitadas pola súa familia, que contan co contrapunto de cadansúa creación da artista Sabela Arias, residente en Miño, o que confire un singular aire xuvenil a esta exposición.

Arroxo: “As inxurias, a través dos medios de comunicación, non impedirán que reciba a Jesús Vázquez”

O Tenente Alcalde e concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, saíu ao paso das declaracións feitas polo presidente da Federación de Asociacións Veciñais ‘Lucus Augusti’, Jesús Vázquez.

“As inxurias, a través dos medios de comunicación, non impedirán que reciba a Jesús Vázquez”, dixo Rubén Arroxo e engadiu “todo o mundo vai expoñer a súa postura independentemente de que represente a máis ou menos veciñanza, incluso atendemos a persoas a título individual”.

Na súa carta aberta, remitida dende a Asociación ‘Porta de Lugo’ e que se pode ler na nosa sección de opinión, Vázquez “ignora os grupos políticos con representación na corporación local: PSOE, PP e CIDADANS que apoiaron, na Mesa do Transporte, a transformación das liñas de bus e foron democraticamente elixidos e elixidas”.

“Estamos a traballar por Lugo e para mellorar a vida das persoas que viven aquí” dixo Arroxo e sinalou “fixemos a necesaria transformación do bus dentro do contrato existente, coa colaboración de representantes democraticamente electos e electas e agardamos a que pase o verán para ver o seu funcionamento”.

O Tenente Alcalde manifestou que “tamén a opinión do persoal técnico ten un peso importante e a da veciñanza entendemos que está representada polos grupos políticos xa que non debe ser doutra maneira”. “De todos os xeitos estamos cos ouvidos abertos e vixiantes por que entendemos que a remodelación dos buses é complexa” asegurou Arroxo.

“Recibimos a todas as asociacións veciñais que o solicitaron e a Federación non vai ser menos, pese a quen lle pese ”, afirmou Rubén Arroxo que informou, unha vez máis, da recepción á Federación Veciñal. Lamentou que Vázquez “faga da inxuria cara a miña persoa e cara a miña idade a súa principal e única arma. El di representar os intereses de persoas e debería chegar a este a punto con outros argumentos e co liderazgo que se arroga cando fala”.

O PP urxe a renovación da rede de augas do Ceao para poder aumentar a presión e garantir o servizo de extinción

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, urxe ao goberno local a planificar e proceder á renovación da rede de subministro de auga naquelas zonas do polígono do Ceao nas que a presión da auga é moi pequena para garantir o acceso no caso de emerxencia.

Ameijide fai esta petición despois de ter acceso aos informes municipais derivados do incendio que tivo lugar no polígono do Ceao o pasado mes de abril, suceso tralo cal dende o Grupo Municipal Popular se felicitou aos servizos de emerxencias pola súa magnífica labor, pero tamén se criticou a falta de presión de auga coa que tiveron que afrontar ese suceso.

Neses informes certifícase, din os popualares, a súa sospeita, “que a falta de presión de auga dificultou enormemente as tarefas dos servizos de extinción de incendios”, pese ao cal conseguiron controlar as lapas e sufocar o incendio.

Segundo os informes municipais, a auga nas rúas onde tivo lugar o incendio tiña unha presión moi baixa, de entre 0.6 e 0,8 kg/cm2,  mentres que, por exemplo, na rúa dous carpinteiros, á carón da ITV hai presións de 3,8 kg/cm2.

Para o popular urxe a renovación da rede, “xa que no caso de que o goberno local optase por aumentar de inmediato a presión de auga correríase o risco, nunha porcentaxe moi elevada, de sufrir rebentóns ou roturas na rede xa que as tubaxes son moi antigas, de fibrocemento, polo que moitas delas xa superaron con creces a súa vida útil”.

Unha solución que plantexan os populares e tamén o servizo municipal de enxeñería, xa que no informe falan da necesidade da planificar un plan director do ciclo da auga e, dentro dese plan director, facer unha planificación e propostas de intervención para mellorar a rede de servizos.

A.V. ‘Porta de Lugo’ a Arroxo: “vai de prepotente e non escoita a ninguén”

A asociación de veciños “Porta de Lugo” quere manifestar publicamente o seu desacordo coa actitude do concelleiro do BNG Rubén Arroxo e Tenente de alcalde do Concello de Lugo, pola súa prepotencia, mala educación e desprezo dos cidadáns de Lugo aos que chama mentireiros de forma encuberta e culpando diso á Federación de Asociacións de Veciños e ao seu Presidente Jesús Vázquez.

Señor Arroxo Vde, vai de prepotente e non escoita a ninguén e iso vaille a custar caro politicamente, no tema dos Buses Urbanos Vde. desde que deseñou o novo plan de transporte non consulto a ninguén (con anterioridade e segundo os seus datos só consultou para levalo a cabo a menos de 800 lucenses, somos ao redor de 100.000, con que xoga Vde.) quizais esta aprendendo ou é demasiado inxenuo.

Mire Vde. á Asociación de Veciños “Porta de Lugo” non lle consultou nada nin para deseñar o plan nin lle deu opción de opinar del antes de poñelo en marcha e ver as posibles alegacións. Vde. non cumpre como político e fáltalle moita categoría.

Na nosa zona de ámbito que vemos que Vde. non coñece como a do resto de asociacións, tomo decisións de forma unilateral e ao estilo BNG, percibimos unha serie de cambios e cortes no servizo que non hemos aceptar de ningún modo e trasladámoslle directamente via WhastsApp á súa conta con data 21 de Xuño de 2021 e que dicía o seguinte:
ESIXENCIAS SACRO CORAZÓN EN RELACIÓN Ao NOVO SERVIZO DE BUS URBANO
A veciñanza do Sagrado Corazón e da súa área de influencia, non admite ningún punto do deseño e trazado das liñas de Autobuses Urbanos definido de forma arbitraria e sen consulta previa, nin presentación algunha nin opción de alegacións aos cidadáns de Lugo.

Tampouco temos coñecemento do novo convenio que modifica o servizo de buses, as súas condicións, quen o aprobou (a pesar dos cambios levados a cabo), temos que ter en conta que como servizo público ten que estar moi claro, xa que está en xogo do diñeiro dos cidadáns de Lugo, e queremos coñecer tamén o seu custo incluíndo comparativa entre o novo Plan e o anterior derrogado con escurantismo total.

Non damos como aceptable o Plano de Liñas impreso en papel non interpretable por unha grandiosa maioría cidadá que non é capaz de ler o nome das paradas ás veces nin con lentes, tampouco o sentido de circulación dos buses nin o xeroglífico que substitúe ao mapa da cidade. 

Este deseño parece feito aposta para tomar o pelo a quen tente tomar un bus. Non é certo que se tentou dar un mellor servizo cun recorte de tempo entre buses, xa que en varios casos estes tempos están ao redor dos 50 minutos ou unha hora.

Non admitimos a eliminación de liñas en sentido suba por Venancio Senra para acceso ao Polígono Sagrado Corazón e As Gándaras (liña 7ª) nin a liña que levaba ao Cemiterio, nin que algúns servizos sexan un percorrido turístico por varios roteiros do “ concello”.

Esiximos dispóñase de polo menos 3 áreas de transbordo en paradas deseñadas para enlazar toda a cidade. Cunha formulación clara de transbordos gratuítos.

Requirimos conexión desde Sacro Corazón e a súa área con: ESTACION FERROVIARIA, ESTACION DE AUTOBUSES, PRAZA DE ABASTOS, CAMPUS UNIVERSITARIO, CEMITERIO, BALNEARIO DE LUGO, POLIGONOS INDUSTRIAIS, AUDITORIO, EDIFICIO MULTIUSOS XUNTA DE GALICIA, EDIFICIO ADMINISTRATIVO DE CONCELLO DE LUGO, CENTRO DE ESPECIALIDADES PRAZA DO FERROL, FUTURO CENTRO DE SAUDE DE BARRIO DA RESIDENCIA, Avda. DA CORUÑA E ESTRADA DÁ CORUÑA, FONTE DOS RANCHOS, ZONA DE ABELLA, INSTITUTOS DA CIUDAD, CENTRO DE SAUDE DE FINGOY, HULA, A CAMPIÑA, A Ponte – CLUB FLUVIAL, CASTELO, CENTROS COMERCIAIS DE LUGO, Etc.

Supoñemos que este requirimento coincide co de todas as Asociacións de Veciños dos distintos barrios da cidade. Porque este foi un proxecto pantasma que realmente só atende a cidade de Norte a Sur e viceversa, que parece ser desenvolto por un grupo de escolares de infantil, onde non se teñen en conta as necesidades da poboación e os seus barrios, das persoas maiores nin daqueles afectados por minusvalías, nin daqueles con dificultades económicas. Podemos dicir que o Sagrado Corazón está agora incomunicado co resto da cidade e os seus servizos.

Faltan postes indicadores das paradas (algúns retirados para reparar e non devoltos ao seu punto), faltan marquesiñas nas paradas. A pagina web non reflicte claramente o desastre do deseño de liñas e a información electrónica é deficiente e escasa. Igualmente a App.

A Tarxeta Cidadá fracasa por pésima xestión, xa que a maior parte dos nosos maiores non sabe utilizala nin esta permite a unha parella ou matrimonio pagar dous billetes coa mesma tarxeta, (quen puxo as limitacións). Este plan de buses urbanos debe volver ao seu inicio, escoitar aos cidadáns, presentalo e escoitar todas as alegacións, xa que esta chapuza de proxecto non vale para a cidade.

De non ser escoitados, os cidadáns debemos de saír á rúa para manifestarnos e a esixir a súa retirada inmediata, poñendo provisionalmente a funcionar o vello plan de urbanos, para iso trataremos de unirnos todos os barrios coa aposta da Federación Provincial de Asociacións de Veciños da provincia.

Os autobuses deben de ter unha cor uniforme para este “ concello” e serigrafiado o logo e o nome de leste, non a cor ou distintivos dunha empresa privada. Este desastroso plan está a sentirse en todas as liñas da cidade, a maioría dos Autobuses circulan case baleiros. Tampouco queremos oír de boca de ningún político “que para cambiar liñas, hai que eliminar outras”. Se non saben facelo, abandonen as súas ideas, pola contra se non teñen orzamento para ampliar o servizo ás necesidades de Lugo, búsqueno, esa é a súa obrigación. Nós non somos parvos nin plañideras.

21-06-2021 Asociación de Veciños “Porta de Lugo”

Sr. Arroxo, báixese do pedestal porque o seu non é predicar nin dar opinións como o fai e menos exercer como político.

A Xunta contrata a 39 orientadores laborais para concellos e entidades da provincia

A Consellería de Emprego e Igualdade vén de renovar as axudas para a contratación ou mantemento de orientadores laborais, que na provincia de Lugo supoñen un investimento de 953.900 euros para financiar o labor de 39 técnicos que prestarán os seus servizos en máis dunha vintena de concellos e en 14 entidades sociais.

O municipio da capital contará con 25 orientadores, dous no propio Concello de Lugo e o resto en entidades como asociacións empresariais, sindicatos e colectivos que traballan no eido de inclusión social.

Tamén contratan técnicos os concellos de Foz, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria e Burela. Así mesmo, é frecuente que varios municipios compartan os servizos dun orientador, como ocorre en Carballedo e Chantada; Cervantes Becerreá e Pedrafita do Cebreiro; Alfoz, Cervo e O Valadouro; O Corgo, Láncara e Triacastela; Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel; Meira, Riotorto e Ribeira de Piquín; e Sober, O Saviñao e Pantón.
Os contratos teñen unha duración dun ano, financiándose estes empregos cunha contía máxima de 25.000 euros por cada técnico en orientación laboral contratado a tempo completo e con 28.000 euros cando o contrato se desenvolva nunha entidade sen ánimo de lucro que realice actividades de atención a persoas con discapacidade.
Os orientadores encárganse, entre outras funcións, de elaborar diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidades dos desempregados; proporcionar información sobre o mercado de traballo e os distintos incentivos; deseñar itinerarios individuais e personalizados de emprego; ou informar sobre a oferta de accións de formación profesional ou o proceso de recoñecemento das competencias adquiridas. A mellora da orientación laboral cun enfoque a servizos e dirixida tanto a demandantes de emprego como ás empresas é un obxectivo prioritario da Xunta.

Finaliza o pintado dos aparcamentos en torno a Marqués de Ombreiro

As obras do pintado das prazas de aparcamento na rúa Mestre Soutullo, paralela a Marqués de Ombreiro, finalizaron xa. Con esta actuación sinalizáronse 40 prazas en toda a rúa, gañando seis con respecto ás existentes anteriormente e habilitouse, así mesmo, unha praza máis para vehículos de emerxencias.

Neste senso, na marxe dereita da calzada o estacionamento será en batería, mentres que na marxe esquerda, será en espiga cun ángulo de 60º.

Desta maneira, o Concello recupera máis dun centenar de prazas de estacionamento na contorna de Marqués de Ombreiro, retiradas polo Goberno, nun primeiro momento, para a realización da senda ciclista. Unha medida consensuada pola rexedora coa veciñanza da zona o pasado mes de xullo.

Froito desta xuntanza, acordouse tamén realizar o repintado de Marqués de Ombreiro que pasou a ser dun único  sentido de circulación, desde a rúa que baixa desde Avenida das Américas (fronte ao Mercadona) ata a rúa Músico Falla, en sentido descendente cara ao río.

Así, o carril eliminado permitiu manter as prazas de  aparcamento en paralelo ao carril bici, que antes se suprimían, mentres que a reordenación do tráfico de subida realizouse pola rúa Músico Falla ata Avenida das Américas. Hai uns días, Lara Méndez e o tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, acudiron a ver a evolución desta obra, na que aínda están a traballar. E

Paso atrás na quinta vaga: aumentan os casos activos e os contaxios

Xornada de pasos atrás no relativo á quinta vaga da Covid. E é que o último informe do SERGAS revela un aumento de 14 casos activos novos con respecto á xornada anterior; en gran parte, debido aos 100 positivos confirmados en probas diagnósticas realizadas ata as 6 da tarde de onte, moi por riba dos 72 detectados na xornada do luns ou dos 50 do domingo.

Así, segundo informa Sanidade, o día de onte rematou con malas cifras. A provincia de Lugo, non só aumentaba o número de casos activos chegando ata os 1344, e a de positivos detectados; senón que tamén houbo que lamentar dous falecementos.

Así, Lugo suma xa, dende o inicio da pandemia, un total de 227 falecementos por mor do virus. Os dous últimos, informados na tarde de onte, foron os de dúas mulleres, de 83 e 92 anos que finaban durante a fin de semana no HULA, tras ser diagnosticadas con covid.

Con todo, a presión asistencial mantense en cifras semellantes ás da xornada anterior con 30 persoas en planta de hospitalización, nos diferentes hospitais da provincia, e 7 persoas na UCI do HULA (unha menos que no día de onte).

En total, dende o inicio da pandemia son xa 16.321 as persoas que poden dicir que superaron a enfermidade.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com