Novas

Orquestra Terra Nova. Autor: Mario Lourés.

O Novo Auditorio de Lugo estrearase ao son de panxoliñas o 20 de decembro

Este 20 de decembro, será inaugurado o Novo Auditorio da cidade de Lugo, que aínda está pendente de bautismo. Sexa Darío Xohán Cabana, Fuxan os Ventos, Maruja Mallo ou Maruja Villanueva, a construción, con finalidade memorial e cultural, abre as súas portas a partir do terceiro venres deste mes cun ciclo de “Concertos De Nadal”.

O venres, a partir das 20:00 horas da tarde, a soprano española Ainhoa Arteta oferta un recital que, debido á alta demanda de entradas, volverá a ter lugar o domingo 22 de decembro unha hora antes. Nunha muda do instrumento a empregar, o 21 de decembro, a partir das 19:00 horas da tarde, a veciña Orquestra Terra Nova continuará coa oferta clásica de melodías navideñas para Lugo.

Entradas gratuitas

As entradas están a ser entregadas á veciñanza lucense de forma gratuita, contando cun límite máximo de catro tickets por persoa e ata encher o aforo dispoñible, de 10:00 a 14:00 horas no Edificio de Novas Tecnoloxías e, de 16:00 a 20:00 horas, na Conserxería da Casa do Concello.

Fonte: Concello de Lugo.

67 establecementos lucenses súmanse a un proxecto pioneiro para a reciclaxe eficiente

Para o cumprimento da normativa vixente ao respecto da xestión de residuos, a Área de Transición Ecolóxica do Concello de Lugo abre un servizo pioneiro, xestionado a través da empresa de limpeza EcoLugo, de recollida de grandes xeradores de biorresiduos. O sistema, co que se busca a reciclaxe eficiente da materia otgánica, será estreado na súa fase inicial con 67 establecementos da cidade.

Entre as empresas e establecementos involucrados, atópanse 36 centros educativos, 13 residencias de maiores, 9 hoteis e restaurantes e outros 9 espazos entre supermercados ou comedores sociais. Dende o comunicado emitido dende o Concello, apuntan que os establecementos adheridos contan cunha serie de “vantaxes significativas”, sendo estas: “recollida directa e gratuíta na porta, entrega de contedores específicos e a asignación dun ‘selo con garantía ambiental’ que destaca o compromiso social e medioambiental”, así como á contribución “á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e ao cumprimento da normativa europea sobre reciclaxe de residuos orgánicos”.

Requirimentos e contacto para a suma de establecementos

Aqueles establecementos interesados na súa inclusión na nova oferta, estes deben cumplir cos requirimentos da separación da materia orgánica doutros residuos, o seu depósito nos contedores marróns facilitados e o mantemento da súa hixiene. A empresa EcoLugo ofrecerá formación e asistencia personalizada para asegurar unha correcta xestión dos residuos, así como será posible para as empresas adheridas comunicar incidencias como rebasamentos ou falta de mantemento a través das vías de contacto habilitadas.

Concello, no seu escrito, pon á disposición xeral para os tecidos de Lugo que se queiran sumar a iniciativa o contacto da oficina de EcoLugo, na Rúa Clérigos, así como o teléfono 900 909 671 ou a aplicación ‘bitPAYT’.

Presentación do Caudal Fest 2025

Hoxe tivo lugar en Lugo a presentación da nova edición do Caudal Fest que se celebrará os días 19 e 20 de setembron onde se informou dalgúns dos concertos previstos, nos que se inclúen Love of Lesbian, Dani Fernández, Carolina Durante, Duncan Dhu ou Marlon. Tamén se confirmaron hoxe as actuacións de Niña Polaca, Alcalá Norte, Elyella, The Rapants, Carlos Ares, Dollar Selmouni, Merino ou Chicle. Está previsto que haxa máis artistas que se irán  confirmando..

Impulso ao turismo de Lugo

A Xunta enviou un comunicado, onde destaca que “o apoio ao Caudal Fest enmárcase na aposta da Xunta de Galicia por impulsar o turismo da provincia de Lugo e da cidade a través de distintas iniciativas. De feito, Turismo de Galicia leva investidos ao redor de 1,8M€ en nutrir a oferta de espectáculos e ocio de Lugo e a súa provincia”.

 

Indignación contra o Goberno Municipal polas entradas de Ainhoa Arteta

Dende máis dunha hora antes de que puideran retirar as entradas para os concertos de Ainhoa Arteta os vindeiros 20 e 22 deste mes de decembro, co gallo da inauguración do novo auditorio. Todo transcorría con normalidade ata que ás doce do mediodía dábase por rematada a entrega das entradas, gratuítas, ata as catro da tarde.

Nese momento a indignación comezou a elevarse, xa que, segundo moitas das persoas que facían cola, aseguraban que no teléfono de información do Concello se lles asegurara que se entregarían entradas ata rematalas. As persoas que agardaban descoñecían esta medida, polo que a tensión foi “in crescendo” tendo intervir a policía municipal.

O PP denuncia que “o bipartito nin sabe xestionar nin asume responsabilidades”

Os populares fixéronse eco da indignación que levantou o reparto de entradas para os concertos inaugurais do auditorio de Magoi, unha situación que é produto do xeito de gobernar do bipartito, pensando na foto e na propaganda e non en facer as cousas ben”.

Os populares denuncian que “se alcanzaron momentos de tensión na porta do edificio de novas tecnoloxías, con berros e ata un indignado cidadán tomándoa contra dun empregado do concello, ao que agarraron pola chaqueta. As protestas chegaron tamén aos despachos dos concelleiros, coa concelleira de Cultura negando ter responsabilidade en todo o que ten que ver co auditorio e a súa inauguración e culpando directamente a alcaldía, cun asesor do lado socialista contándolle aos veciños que a prensa non reflectira correctamente a forma deseñada polo bipartito para a entrega das entradas e a alcaldesa escudándose na súa apertada axenda para non atender aos veciños que lle protestaban

Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade

Mañá tres de decembro e con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, dende COGAMI e o seu movemento asociativo formado por 60 entidades representativas da discapacidade física e orgánica en Galicia, queren destacar que, a pesar dos avances conseguidos, o colectivo segue a enfrontarse a multitude de barreiras que dificultan a “nosa inclusión na sociedade. Dende a educación ata o emprego, pasando polo acceso á saúde, o lecer e a cultura, a discriminación por razóns de discapacidade continúa sendo unha realidade. Esta situación resulta aínda máis grave para as mulleres e nenas con discapacidade, que viven unha discriminación interseccional que acentúa as desigualdades”.

En palabras do presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, “a sociedade debe tomar conciencia de que moitas persoas con discapacidade e as súas familias viven a súa vida marcada polo incumprimento dos seus dereitos. O dereito a vivir de maneira autónoma e independente precisa dunha sociedade libre de barreiras físicas, mentais, sociais e psicolóxicas”.  Queiruga explica que nos últimos anos producíronse avances para o colectivo pero apunta que “aínda que se perciben melloras nalgúns aspectos, queda moito por facer para garantir a igualdade de oportunidades e a non discriminación en todos os ámbitos da vida”.

Demandas e propostas clave

Vivenda: dende COGAMI “adherímonos ás reivindicacións do Manifesto lanzado polo CERMI para este 3 de decembro, no que se recolle a vivenda como soporte vital da autonomía e independencia das persoas con discapacidade. Reclamamos o dereito a vivir nun domicilio libremente elixido, cos apoios que se precisen, pertencendo e participando na comunidade. E para que este dereito sexa efectivo, a vivenda debe ser accesible, alcanzable e inclusiva”.

Autonomía persoal: avanzar cara a un sistema de atención máis coordinado e con recursos suficientes, que promova a vida independente das persoas con discapacidade, evitando na medida do posible, a institucionalización. Fomentar os servizos de promoción da autonomía persoal, innovando e flexibilizando as súas tipoloxías, así como outras prestacións destinadas a facilitar a vida independente.

Saúde: actualizar a lexislación sobre o dereito á saúde das persoas con discapacidade, garantido a detección precoz, a atención integral e accesible en todo o territorio, especialmente nas áreas rurais. Desenvolver un Plan de Atención Sociosanitaria que promova a cooperación entre os servizos sociais e sanitarios, garantindo unha atención centrada na persoa.

Educación: desenvolver plans integrais de atención temperá e impulsar plans de educación inclusiva, garantido que todo o alumnado teña acceso a itinerarios educativos en igualdade de oportunidades. Impulsar programas de accesibilidade nos centros educativos, adaptando espazos e recursos ás necesidades do alumnado con discapacidade. Dispoñer de produtos e tecnoloxías de apoio e adaptación de postos escolares atendendo ás necesidades individuais de cada persoa.

Emprego: impulsar a nova Lei de Inclusión Laboral, establecendo políticas activas de emprego adaptadas ás necesidades das persoas con discapacidade. Modificar a lexislación do emprego público, incrementando a cota de reserva do 7% ao 10% nas administracións públicas. Fomentar os Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social e garantir recursos adecuados para que as persoas con discapacidade poidan acceder ao mercado laboral.

Accesibilidade: exixir o cumprimento da lexislación vixente en materia de accesibilidade para eliminar as barreiras físicas e sensoriais en todos os ámbitos da vida e para que todas as contornas, produtos, bens, servizos, procesos e procedementos sexan universalmente accesibles. Dende COGAMI pedimos que “se aprobe o decreto de accesibilidade en Galicia iniciado o seu proceso de validación en 2019 e actualmente aínda en fase de borrador, para que Galicia conte cunha norma actualizada, sendo a anterior do ano 2000. Outras medidas que urxen dentro da accesibilidade é a modificación da Lei de Propiedade Horizontal e crear un Fondo Estatal para a Accesibilidade Universal para aquelas persoas propietarias que non poidan asumir a súa porcentaxe de cota para as actuacións de mellora da accesibilidade. É inaceptable que máis de 100.000 persoas en España vivan presas nas súas vivendas.

 

Pregón do Nadal e apertura do Belén de Begonte

Mañá, sábado, 30 de novembro, ás 18,00h., no salón de actos do Centro cultural José Domínguez Guizán, lerá o Pregón de O Nadal de Begonte o Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e F.P., Román Rodríguez González.

Con este motivo interpretarán diversas composicións os solistas, profesores das Escolas de Música Mancomunadas de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol, Tabea Grase (voz) e Gerald Vázquez (compositor e pianista).
A salutación inicial estará a cargo do Presidente de Honra do Belén, Jesús Domínguez Guizán, e ao remate pechará os actos o alcalde de Begonte, José Ulla.

Representantes de Aspnais entregarán ao pregoeiro unha muralla en cerámica, confeccionada nos talleres desta institución.

Inmediatamente despois procederase á apertura do Belén de Begonte na súa LIII edición, que estrea voz en off explicando a historia do Belén, e o Museo do Belén.

Correos abrirá unha oficina de atención ao público no Parque Empresarial de As Gándaras

O Pleno Municipal aprobou por unanimidade a proposición do BNG para reclamar a Correos que abra unha oficina de atención ao público no novo Centro Loxístico aberto no Parque Empresarial das Gándaras.

O novo centro de Correos, que conta cunha superficie de 3.250 metros cadrados, leva en funcionamento desde o pasado 21 de outubro concentrando a todas as unidades de reparto da empresa pública para a cidade de Lugo, incluíndo ás unidades de reparto da zona rural, paquetería de gran tamaño e notificacións.

Non contar cunha oficina de Atención ao Público merma a calidade do servizo prestado por Correos, ao contar os parques empresariais do Ceao e As Gándaras con centos de traballadores e empresas que poderían recibir atención nesta ubicación, aumentando potencialmente a carteira de clientes de Correos, sendo moitas as empresas de ambos parques empresariais as que traballan con esta empresa.

Folga de transporte de viaxeiros os días 28 e 29 de novembro

Os vindeiros 28 e 29 de novembro están convocadas dúas xornadas de Folga no sector do transporte de viaxeiros por estrada para reivindicar o acceso a xubilación anticipada dos condutores e condutoras.

Segundo sinalan dende CCOO, a folga segue convocada a pesar de que se anunciou un acordo con algunha central sindical que o da por bo, e desmarcase da Folga.

Ese suposto acordo non lle vale a CCOO,  “porque son condicións manifestamente peores que as que se acadaron para o sector de mercancías, grúas e transporte sanitario. Para CCOO non existen condutores e condutoras de segunda, queremos as mesmascondicións de acceso para un sector que para outro, porque independentemente de que conduzas un camión ou un autocar, os riscos aumentan a partir dos 60 anos por igual. Por elo hai que pedir XA os coeficientesredutores”.

O asinado por outros sindicatos di “que os condutores e condutoras de autocares teñen que esperar a que se aprobe un Real Decreto que ninguén pode aseverar cando se acordará, mentres que en mercancías, sanitarios ou grúas o van solicitar XA, sen estar condicionados a acordos parlamentarios que ninguén pode asegurar que se produza”.

Polo tanto para CCOO, mais que nunca, a folga segue activa e segue sendo necesaria. CCOO realizará concentracións os días de folga nas principais estacións de autobuses de Galicia, en Lugo ás 12:00hs da mañá.

García Novio presenta a súa nova obra “A voz do mosquito”

Hai veces que as persoas te sorprenden, xa o dicía Rubén Blades, “La vida te da sorpresas”, isto é o que nos pasou a moitos o pasado ano cando soubemos da edición da primeira novela de Francisco García Novio, para moitos, como eu, un recoñecido urólogo pero para nada sabiamos desa outra paixón que, García Novio, mantivo agochada durante decenios.

Teño que dicir tamén que non é a primeira vez que quedo abraiado polas actividades paralelas que desenvolven moitos dos profesionais da medicina, como foi o caso da serie para televisión titulada “Doutor e Galicia” que creei para A Galega, onde profesionais da sanidade contaban en primeira persoa  as  actividades, moitas delas artísticas que desenvolvían no seu lecer.

Por iso hoxe queremos achegarlles aos lectores de Xornal de Lugo a conversa que mantivemos con García Novio, que ben puidera ter sido un dos participantes daquel programa, dadas as circunstancias.

1.- Ten declarado que vostede leva escribindo dende moi novo, aínda que nunca publicara ate que se xubilou. teríalle  gustado ser escritor en paga de médico?

Non, non cambiaría ser médico por ser escritor, aínda que se as circunstancias foran outras, tal vez, aínda que a medicina é unha profesión magnífica, que enche moito e é difícil de cambiar.

2.A súa primeira novela “Os madrileños non sempre veñen en agosto” desenvolvíase no rural galego. Cal é o escenario desta nova entrega literaria?

Ao ser un libro de dezaseis relatos independentes, “A voz do mosquito” sitúase en  distintos ambientes, rurais, urbanos e nese mundo ambiguo que é o barrio, entre un e outro sen acabar de integrarse en ningún.

Gústame reivindicar este mundo a cabalo entre eles no que nunca fomos capaces de soltar o lazo coa aldea á que pertencemos e non somos capaces tampouco de integrarnos na cidade que pretendemos. Somos un pouco apátridas, por dicilo dalgún xeito.

3.- Que tipo de relatos inclúe “A voz do mosquito”?

Algúns recorren o misterio, sen pretender por iso facer unha historia policial como “A morte de Marcelo”.

Outros falan do amor e do desamor, un dos motores do mundo como “A voz do mosquito” que dá título a todo o libro.

Cousa diversas da vida: Son 6 relatos sen temática común, que se refiren a cousas que pasan ou que lle poden pasar a calquera como “Viño natural”, “O aniversario de Xan Manteiga”, “O atentado de Alexandre Rodríguez” ou “Bocartes mariñaos”.

Fora de clasificación están “O home que vivía na marisma” e “Os matavacas”.

Tema urolóxico: só está “Non todo o monte é ourego”

4.- Cal é o seu proceso de escrita?

Parto case sempre dun feito real ou dunha idea e a partir de aí voume deixando levar. Non elaboro un argumento pechado, pretendendo que sexa unha aventura tamén para min.

5.- Quen son os seus autores favoritos?

Resúltame difícil sinalar autores concretos pero por dicir algún destacarei a García Márquez, Saramago, Eduardo Padura e moitos outros en castelán e galego. Gustoume moito “A esmorga” de Blanco Amor.

6.- Que cree que lle aporta a vostede o proceso creativo?

Escribir ficción permíteme voar e pretender ser libre, aínda que non sempre se logra porque os protagonistas teñen vida propia e non sempre se deixan levar onde un quere.

7.- Que destacaría desta nova obra? Ten similitudes coa anterior?

Desta obra destacaría a diversidade dos temas o que permite cambiar dun mundo a outro sen ter que moverse máis que unha ducia de paxinas. Non lle atopo similitude cos “Madrileños non sempre veñen en agosto”, pero de seguro que se o analizo con detemento en algo se pareceran pero non son eu quen o debe facer porque me perde a subxectividade.

8.- Que día e onde se presenta “A voz do mosquito”? Pode acudir calquera persoa ou é necesario invitación?

A presentación de “A voz do mosquito” están invitados todos os que queiran ir que serán ben recibidos. Celebrarase no patio do Vello cárcere as sete trinta da tarde do xoves vinte e oito de novembro. Gustaríame contar con vos.

Os bombeiros recuperaron do río o corpo sen vida dun home en Monforte

Eran as 14:30 horas, cando un particular alertou ao 112 Galicia da presenza dun corpo no río, preto da rúa Arousa, en Monforte de Lemos, indicando que eran necesarios medios de rescate para acceder ata el.

Desde a sala de operacións do 112 Galicia solicitouse a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Policía Nacional, dos Bombeiros e da Policía Local de Monforte de Lemos. Así mesmo, informouse á Garda Civil e aos voluntarios de Protección Civil da localidade.

Unha vez no lugar, os bombeiros realizaron o rescate do corpo do home, e o seu falecemento foi confirmado polos equipos sanitarios.

Por outra banda un home resultou ferido tras caer dun andamio na Pobra do Brollón.

Os feitos tiveron lugar pouco despois das 17 horas, un particular contactou co 112 Galicia para alertar que un veciño caera desde un andamio de aproximadamente dous metros de altura na rúa das Pendellas, en Salcedo. Durante a chamada, o alertador sinalou a gravidade da situación.

Ao chegar ao lugar, o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atendeu ao ferido e finalmente trasladouno ao centro hospitalario lucense. No operativo tamén participaron axentes da Garda Civil.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com