Novas

O PP propón ao goberno local un plan antibotellón para frear os contaxios

O PP propón ao Goberno Local que convoque a Xunta de Seguridade “para afinar a coordinación entre os distintos corpos de seguridade diante dos botellóns rexistrados nas últimas semanas na cidade”. O vicevoceiro popular Antonio Ameijide asegura que “o concello de Lugo non pode eximirse desta responsabilidade con frivolidades como a que utilizou o voceiro socialista”. Dende o PP afirman que “a estas alturas e logo dos episodios de violencia e inseguridade cidadá que está vivindo Lugo nos últimos días o concello xa debería ter implantado un plan antibotellón, con dispositivos especiais, para contribuir a frear os contaxios entre a xente moza”.

Os populares lamentan que “coma sempre o bigoberno bote balóns fóra e intente eludir a súa responsabilidade nun asunto que compete a todas as administracións”. “A Xunta de Galicia é clara, e o que non entende as medidas será porque non lle convén” asegurou Antonio Ameijide manifestando que “desantender as indicacións dadas suporía unha irresponsabilidade e iría en contra dos comercios, hostalaría … así como da propia veciñanza”. Os populares agardan que o voceiro socialista e a alcaldesa rectifiquen nesa actitude obstrucionista e que “colaboren tal e como se lles pide dende a Xunta”.

Vilalba Aberta propón un proxecto de permutas voluntarias de terras agrícolas entre particulares

Vilalba Aberta defenderá no vindeiro Pleno Ordinario unha iniciativa para a reorganización da propiedade rural a través de permutas. A proposta, cuxo obxectivo é o de mellorar a rendibilidade da superficie agrícola do concello, subvencionaría, ademais, ata un 75% dos gastos notariais a aqueles veciños aos que, voluntariamente, lles interesara intercambiar as súas fincas.

Dende a formación municipalista, contextualizaron a medida na demanda por parte da veciñanza das parroquias de “instrumentos útiles, prácticos e dinámicos que permitan promover a reorganización da propiedade a nivel local, sen necesidade de agardar por procesos máis complexos como as concentracións parcelarias (hoxe coñecidas como reestruturacións parcelarias) tan demoradas no tempo”.

O voceiro da formación, Modesto Renda, instou aos grupos con representación na corporación municipal a apoiar unha iniciativa que “se facía necesaria no Concello de Vilalba” e que, seguindo o exemplo do que xa ese está a facer en Friol “poría en marcha un instrumento, dende 2015, definido na vixente Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia e que aínda non fora posto en práctica no territorio galego”.

“Dende Vilalba Aberta entendemos que o Concello ten a responsabilidade de reverter a continuada perda de terras agrícolas que, dende hai máis dunha década, está a afectar negativamente á rendibilidade do noso agro. O noso papel como oposición é procurar solucións serias e contrastadas ás demandas da veciñanza e as do noso sector agrogandeiro, non poden agardar máis”, explicou.

Delimitación dos traballos

Os traballos a realizar, unha vez definida a superficie, consistirían no achegamento ao perímetro de actuación, estudo da caracterización da zona, análise da propiedade do terreo, anteproxecto de reestruturación, coa súa posterior tramitación ata que se obteña a aprobación da Dirección Xeral de Infraestruturas e, finalmente, proceder á repartición, marcación e transferencia á notaría do rexistro e finalmente ao seu rexistro.

Así mesmo, a iniciativa de Vilalba Aberta concíbese como complementaria a calquera outro mecanismo de reestruturación, aínda que está especialmente pensada para as áreas locais e específicas que están pouco cultivadas.

“Permitiríase o acceso á terra das explotacións existentes, así como a agrupación de superficie para facilitar o acceso ás explotacións, o que suporía un valor engadido para aqueles propietarios/as que non cultiven nin exploten as súas terras, xa que as porían en valor”, lembrou a este respecto Renda.

“A posta en marcha de iniciativas coma esta, de permutas agrícolas entre particulares, é unha necesidade evidente que se detecta desde hai anos, e agora, logo de contrastar o exemplo do veciño concello de Friol e, agardemos, co apoio de PP e PSOE locais, pode facerse, ao fin realidade, no Concello de Vilalba”, sentenciou.

O PP propón catro cambios para mellorar o tráfico na contorna de Ramón Ferreiro

Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo estudaron os cambios de tráfico realizados en Ramón Ferreiro para constatar, dixeron, as queixas trasladadas por condutores e peóns, “xa que moitos aseguraron que agora se dan situacións perigosas para todos os usuarios”.

No seu chequeo, os concelleiros populares “constataron como a nova glorieta instalada no cruzamento de Ramón Ferreiro coas rúas Vilalba, Anxo López Pérez e Rodríguez Mourelo provoca confusión nos condutores, que ven como teñen primeiro unha regulación semafórica que, unha vez lles da paso, ven como se atopan cunha glorieta que, en moitos casos está ocupada por outros vehículos polo que non poden circular”, explican os populares.

“Consideramos axeitado realizar unha nova regulación deste cruzamento para evitar perigos aos condutores e tamén para evitar os atascos que se están a producir case todos os días”, sinalan.

Neste punto tamén consideran preciso sinalizar axeitadamente, “dende o inicio do carril”, o acceso aos veciños residentes de Bispo Aguirre. “A este carril de circulación pode acceder calquera usuario que, ata unha vez pasado o semáforo, non se sinala que se trata dun carril especial para determinados usuarios, polo que cando queren incorporarse ao carril da esquerda para acceder á glorieta non poden xa que está ocupado ou a rotonda con outros vehículos”.

Sinalan tamén os populares, que os peóns se queixan da cabina telefónica que hai no paso de peóns de Rúa Vilalba, un elemento xa en desuso que impide “totalmente” a visibilidade da glorieta e que ocupa un espazo da beirarrúa moi importante “xa que neste punto adoita haber un número importante de persoas agardando para cruzar”.

Os populares propoñen que se estude a necesidade de permitir que algunha das rúas como Celso Emilio Ferreiro ou Rúa Cambria cambien de sentido ou sexan bidireccionais, “para permitir a incorporación cara a Ramón Ferreiro, evitando tráfico innecesario que acaba en Anxo López Pérez e que colapsan en horas punta a glorieta”.

“Os veciños e usuarios do entorno das Rúas Galicia, Dinán, Celso emilio Ferreiro, Jacinto Calvo, Cambria, en caso de querer ir en dirección á Av. De Madrid, vense na obriga de dar un rodeo por Anxo López Pérez, acumulando tráfico innecesario nesa rúa e colapsando o funcionamento da rotonda”, explican os populares.

Tamén se preocupan os concelleiros populares pola situación na que quedan os novos semáforos instalados en Ramón Ferreiro, “xa que unicamente dan servizo aos conductores e non hai pasos de peóns habilitados” , polo que moitos lucenses se ven na obriga de cruzar “de calquera xeito” ante a falta dunha regulación.

“É preciso tamén reforzar a sinalización horizontal dos carrís e dos movementos permitidos nos cruces entre Rúa Dinán e Rúa Hermanitas, e entre está e San Roque, de cara a evitar confusións e colisións como as que xa se teñen producido. Ao non estar ben delimitados os carrís destas interseccións, os conductores cambian de carril sen control téndose xa provocado varios accidentes”, aclaran.

Por último urxe tamén reparar un importante bache que se xerou na Rúa Dinán na súa confluencia con Rúa Hemanitas fronte ao acceso á Estación de Autobuses.

A Xunta sacará á venda 282.000 m² de solo empresarial con ata o 50% de bonificacións

O Diario Oficial de Galicia publicará mañá a resolución pola que se anuncia un novo concurso de venda de solo empresarial con bonificacións de ata o 50% nos parques que xestiona o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). Serán en total 116 parcelas que suman unha superficie de preto de 282.000 m² e se distribúen en 17 polígonos.

Así o avanzou hoxe o director do IGVS, Heriberto García, durante unha visita ao parque empresarial da Raña, no Barco de Valdeorras, na que estivo acompañado polo rexedor municipal, Alfredo García, e representantes de dúas asociacións de empresarios da zona aos que lles anunciou que a Xunta ofertará neste polígono 13 parcelas con case 37.600 m² e un desconto sobre o prezo de venda do 50%.

Cómpre subliñar que este é o segundo concurso que convoca o Goberno galego este ano co fin de mobilizar o solo industrial que ten dispoñible nos seus parques e facilitarlles así ás empresas que queiran asentarse na Comunidade ou ampliar as súas instalacións, terreos urbanizados e en localizacións axeitadas ás súas necesidades.

Neste sentido, Heriberto García explicou que, ao igual que no concurso convocado en marzo por Xestur, as parcelas que o IGVS sacará á venda mañá terán un desconto do 30% ou do 50%, dependendo da súa localización. Así, o importe total das bonificacións que ofrece a Xunta para adquirir estas 116 parcelas ascende a 5,76 millóns de euros.

Na provincia de Lugo, estarán dispoñibles un total de 82 parcelas repartidas nos polígonos de 7 concellos. En concreto, a Xunta porá á venda 6 parcelas en Bóveda cun total de 4.643,00 m². En Lourenzá, haberá 7 parcelas con 8.855,44 m². Monforte terá á venda 13 parcelas, en total 53.993,00 m²; 39.403,00 m² estarán dispoñibles en Monterroso, repartidos en 22 parcelas.  Quiroga terá 9 parcelas con 6.401,00 m², Taboada, 13 parcelas por un total de 13.717,50 m² e Xermade, disporá de 12 parcelas con 11.126,00 m². Todas elas terán bonificacións do 50%.

Liberdade vixiada

Para min, que o Presidente Feijóo, estes días, ten que andar deacougado pola postura dos galegos en relación coas malfadadas mascariñas que envolven a nosa expresión desde hai máis dun ano. Seguro que o noso comportamento lle rompe os esquemas.

Porque desde marzo de 2020, os galegos fomos perfectos exemplo de cumprimento das disposicións que a Xunta foi establecendo: Pecharse na casa, que funcionasen só os servizos esenciais, bares pechados, mascariñas aillantes, toque de queda… e todos nós, como unha sóa persoa, seguindo as instrucións no mellor exemplo de civismo que na nosa terra puido contemplarse.

Fóronse abrindo portas, e tímidamente as fomos cruzando; abrironse bares, e volvemos aos ritos sociais; elimínase o toque de queda, pero seguimos pechándonos nos nosos pazos de inverno… E tanto tempo suspirando por eliminar as mascariñas, e cando nos autorian a retiralas no exterior neste que parece tempo de desconto da pandemia e de vacinación masiva…, e nin caso.

Non sei se o apego á mascariña é unha desviación do Síndrome de Estocolmo, por acomodamos á pandemia; se é unha íntima rebeldía, para demostrar que non se nos pode gobernar en todo, ou que non nos fiamos de ninguén neste tempo difícil.

Porque camiñar por Lugo estes días produce unha fonda extrañeza xa que todos os viandantes presumen de mascariña e non a apean para nada, mirando con sospeita aos escasos que ousan quitala. Eu intenteino, pero vendo que era o único desenmascarado, sentín vergoña e volvín colocala, co sentimento de culpa que produce ir en dirección contraria a todos os demais.

Agora que coidei que ia esmorecer o negocio dos fabricantes de mascariñas, vexo que segue a funcionar vento en popa, e seguiremos a levar varias nos petos para solventar esquecementos, perdas ou roturas que todo pode pasar con este artiluxio.

Sendo tan cuidadosos, non sei como os virus logran invadirnos, se ben hai que lembrar que o noso corpo contén millóns de elementos diminutos con vida propia, imprescindibles para a nosa vida. Seguiremos embozados, pero eu teño previsto, o mesmo que se empeza a dar a man ou chocar os codos, de cando en cando, como ao descuido, tentar alixeirar esta liberdade vixiada na que parece que temos medo a deixar de estar vixiados.

O SLG pide a retirada da campaña ‘#MaisCarneMenosVida’, por “falaz e enganosa”

O Sindicato Labrego Galego quere expresar a súa “máis absoluta indignación” diante da campaña iniciada polo Ministerio de Consumo na que “se criminaliza o consumo de carne a través de medias verdades que, de seguro, van crear unha grande confusión entre a cidadanía” .

“Neste senso, o vídeo de 6 minutos no que o ministro de Consumo, Alberto Garzón, tenta convencernos do nocivo que é o consumo de carne para a nosa saúde e para o planeta é toda unha cadea de despropósitos que, como organización agraria, non podemos tolerar”, explica o Sindicato.

A principal confusión da campaña #MenosCarneMásVida é que ás penas distingue de modelos produtivos, metendo no mesmo saco as producións sostibles en base a pastos e terra coas producións industriais e intensivas sen terra, ou o consumo de carne de proximidade con outras importadas dende miles de quilómetros. “Un bo exemplo desta manipulación témolo no propio vídeo do ministro, no que, nos seus seis minutos de criminalización do consumo de carne, dedica só 10 segundos a mencionar de pasada que existe a posibilidade de producir carne de maneira sostible” .

“No SLG non negamos datos como que o Estado Español é o maior consumidor de carne da UE, ou que nel producen 7,6 millóns de toneladas anuais co sacrificio de 70 millóns de animais. Tampouco negamos datos como que a gandería produce o 14,5% dos gases con efecto invernadoiro do planeta”, aseguran dende o SLG.

“O que queremos denunciar, dende o SLG, é que todos eses datos cos que se criminaliza o consumo de carne responden a un modelo industrial intensivo e exportador que non ten nada que ver coa produción sostible de carne. Un dato revelado polo informe Alimentos quilométricos de Amigos da Terra é taxativo sobre a insostibilidade do modelo produtivo dominante: España importa máis de 25 millones de toneladas de alimentos cada ano, emitindo máis de 4 millóns de toneladas de CO₂”, explican.

 

O Concello renova a pavimentación na zona da Croa

O Tenente Alcalde anunciou hoxe que o Goberno de Lugo está a renovar a pavimentación na zona da Croa, no barrio de Albeiros. Rubén Arroxo explicou que “desde a área de Mobilidade e Infraestruturas seguimos a traballar nas zonas periurbanas da cidade para garantir que as veciñas e veciños teñan garantidas cuestións importantes como a seguridade viaria ou a accesibilidade en todos os puntos da cidade”.

Na zona da Croa estase a renovar o asfalto nos viais que quedaron pendentes despois da renovación da rúa Romeu a finais do ano 2019, que contaban cun asfalto moi deteriorado polo paso dos anos. O asfalto renovarase cunha nova capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, que garantirá un selado do firme ante a acción da auga superficial e garantirá unha prolongada duración da actuación.

Os traballos previos ao asfaltado consistirán na limpeza da área de actuación e a reconstrucción do firme para evitar que os defectos da capa base poidan chegar á nova banda de rodadura. Unha vez se remate o asfaltado, adaptaranse os rexistros e renovarase a sinalización horizontal e vertical. A área de Mobilidade e Infraestruturas inviste en total 34.001€ na realización desta actuación.

A Deputación impulsa o turismo dos Ancares e Terras de Burón coa edición dunha guía de experiencias

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves na Fonsagrada, no salón de actos dos Chaos, na presentación da campaña turística Déixate Marabillar! Ven a Ancares Terras de Burón, organizada por este Xeodestino. A iniciativa inclúe unha guía de experiencias, que imprimiu a institución provincial, na que se recompila a oferta de recursos de turismo e hostalería dos 10 concellos deste territorio: Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro e Ribeira de Piquín.

No acto celebrado esta mañá estiveron presentes o Alcalde da Fonsagrada, Carlos López López; e o Alcalde de Navia de Suarna e presidente do Xeodestino Ancares Terras de Burón, José Fernández Fernández; ademais dos deputados de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e representantes dos concellos de Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro e Ribeira de Piquín; e profesionais do turismo e da hostalería da contorna.

A guía, da que a Deputación imprimiu uns 300 exemplares, estará a disposición da veciñanza e dos visitantes no local do GDR, nas casas dos concellos e na oficina de turismo da Fonsagrada.

José Tomé apuntou que esta é unha iniciativa “dirixida a promocionar a oferta turística dos Ancares e de Terras de Burón e, desta forma, seguir consolidando este territorio como un xeodestino con personalidade e con entidade propias”. O Presidente engadiu que “a publicación recolle todo o que agarda ó visitante sobre o terreo. Boa comida, produtos da terra, receitas tradicionais, establecementos hostaleiros para desconectar da rutina diaria, as rutas xacobeas ou paisaxes impresionantes. E algo moi importante: a profesionalidade e o trato acolledor que ofrecen os profesionais do sector turístico e hostaleiro”.

“A campaña Déixate Marabillar chega nun bo momento”, apuntou Tomé Roca, que sinala que “dentro da prudencia que aínda aconsella a situación sanitaria, o que toca agora é impulsar proxectos coma este”.

O Presidente sinalou que esta iniciativa cumpre un dobre obxectivo: “axudar á recuperación da economía, sobre todo dos sectores máis afectados pola crise da Covid, como o turismo, ahostalería e o comercio local; e, por outra banda, un obxectivo máis a medio e longo prazo, que consiste en consolidar un modelo de turismo de calidade, sostible e de experiencias como unha vía de desenvolvemento para a nosa provincia. Un modelo de turismo totalmente adaptado ó que demanda a sociedade co paso da pandemia porque, polas súas propias características, evita as masificacións e busca a experiencia persoal, o desfrute tranquilo dunha ruta personalizada ó gusto do visitante”.

José Tomé lembrou que a Deputación de Lugo leva tempo traballando nesta liña e que por iso, ademais desta campaña, apoiouse –a través do Plan Único- a creación dunha páxina web sobre os recursos de Terras de Burón que impulsaron os propios concellos.

O Mercado dos Domingos presenta nova imaxe onde eliminan o uso dos plásticos

O mercado de produtoras e produtores locais, que se celebra cada domingo ata o 10 de outubro na contorna da praza de abastos de Ribadeo, presentou a súa nova imaxe que dará unidade ao proxecto e o fará máis visible.

O Concello de Ribadeo fixo entrega dos materiais onde se pode ver a nova imaxe do Mercado dos Domingos. Trátase de manteis, mandís, bolsas de tela reutilizables ou marcapáxinas cos datos dos produtores, onde figuran os seus contactos para poder facer os pedidos directamente.

O Mercado dos Domingos, organizado polo Concello de Ribadeo e a Asociación Produtores da Horta A Sucadoira, “ofrece un mercado de produtos de proximidade, onde se poden atopar produtos da horta, así como outros relacionados co sector primario como queixos, pan, ostras ou coitelos. Ademais este ano apostamos ademais pola eliminación do uso dos plásticos. Deste xeito, vanse repartir bolsas de tela reutilizables entre os compradores e premiarase a aqueles que acudan coa súa propia bolsa cunha participación para o sorteo de cestas de produtos, que se celebrarán ao longo do verán”, segundo explicou o concelleiro de Desenvolvemento Local e Comercio, Pablo Vizoso.

O edil ribadense subliñou que “coa implantación dunha imaxe conxunta preténdese dar unha maior visibilidade ao Mercados dos Domingos, que pon en valor a economía de proximidade, potencia o consumo de temporada e saudable, beneficia a nosa economía local e dinamiza a nosa vila”.

NarraSarria encherá o verán de contos e historias para cativos e adultos

NarraSarria nace sendo o primeiro Festival de Narración Oral e Contacontos de Sarria. Unha actividade que levará oito espectáculos ás rúas de Sarria durante os domingos de xullo e o primeiro de agosto. O festival está impulsado pola compañía Feira do Leste e conta coa financiación do Concello de Sarria.

O Malecón, a igrexa de Santa Mariña e a Praza da Vila son os espazos onde os nenos e adultos poderán desfrutar de historias e contos da man de profesionais de recoñecido prestixio da narración oral galega como Ernesto Is, Lorena Pinheiro ou Cris de Caldas. 

A apertura de programación será o vindeiro domingo 11 de xullo da man do actor Santi Prego, nomeado ao Goya no 2020 como mellor actor revelación polo seu papel en Mientras dure la guerra de Alejandro Amenábar. Prego levará ao Malecón a súa peza O teatro máis pequeno do mundo, será ás 12.30 horas. Ese mesmo día, ás 20.00 horas, No e Is contarán historias de humor e picardía no seu espectáculo Dous falabaratos e un destino na igrexa de Santa Mariña.

O domingo 18 de xullo, Ernesto Is entreterá aos máis pequenos coa contada titulada Historias fascinantes de nenos e nenas delirantes. Será no Malecón ás 12.30 horas. Lorena Pinheiro traerá historias, contos e faladurías acompañada da súa pandeireta en Seica (Historias contadas de vergoñas, silencios e rebeldías), unha peza para mozos e adultos. A cita é na Praza da Vila ás 20.00 horas.

O agasallo das árbores, de Cris de Caldas e Xabi do Camiño, unha sesión de contos que ten como fío condutor o conto dos tres porquiños e a concienciación medioambiental. Esta proposta familiar vén acompañada de música en directo e poderá desfrutarse o domingo 25 de xullo ás 12.30 horas no Malecón. Ás 20.00 horas na Igrexa de Santa Mariña estará Cris de Caldas con Contos en lila, unha proposta familiar pola igualdade.

O domingo 1 de agosto, Nerea Brey contará para os máis pequenos ás 12.30 horas no Malecón. Lúa e o tesouro do hórreo recolle as lendas galegas da man dunha rapaza moi bulideira que está na busca dun tesouro. Pechará o festival Iván Davila cos seus Contos na lareira, unha proposta para cativos de máis de 3 anos. Será na Praza da Vila ás 20.00h.

Todas as actividades son de balde e non precisan reserva. Así mesmo, cumpriranse cos protocolos COVID garantindo a distancia de seguridade entre o público e os contadores.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com