Novas

Os bombeiros recuperaron do río o corpo sen vida dun home en Monforte

Eran as 14:30 horas, cando un particular alertou ao 112 Galicia da presenza dun corpo no río, preto da rúa Arousa, en Monforte de Lemos, indicando que eran necesarios medios de rescate para acceder ata el.

Desde a sala de operacións do 112 Galicia solicitouse a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Policía Nacional, dos Bombeiros e da Policía Local de Monforte de Lemos. Así mesmo, informouse á Garda Civil e aos voluntarios de Protección Civil da localidade.

Unha vez no lugar, os bombeiros realizaron o rescate do corpo do home, e o seu falecemento foi confirmado polos equipos sanitarios.

Por outra banda un home resultou ferido tras caer dun andamio na Pobra do Brollón.

Os feitos tiveron lugar pouco despois das 17 horas, un particular contactou co 112 Galicia para alertar que un veciño caera desde un andamio de aproximadamente dous metros de altura na rúa das Pendellas, en Salcedo. Durante a chamada, o alertador sinalou a gravidade da situación.

Ao chegar ao lugar, o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atendeu ao ferido e finalmente trasladouno ao centro hospitalario lucense. No operativo tamén participaron axentes da Garda Civil.

Crueldade

A vilalbesa Cristina Castaño, manifestamente pelrubeira (seica así se chama en galego ás “perlirrojas”), ten confesado o mal que o pasou de pequena na miña vila precisamente pola cor do seu pelo, vivindo acoso pola súa diferencia dos demais.

Como esto tivo que ser mediados os anos oitenta, que foi cando coñecín en Vilalba aos seus pais, vin que pouco se adiantara en canto ás diferencias nos trinta e un anos que lle levo, porque na miña nenez os diferentes eramos carne de cañón.

Ao ser o que subscribe coma o Pedro Chosco da canción – cun ollo pechado e o outro na lúa – o de que “miraba contra o goberno” só mo decían os máis amigos, e o sobrenome de “birollo” acompañoume coma un pecado orixinal irredimible.

Que non quero dicir que eu fora alleo a similares acosos porque non me recataba de chamarlle “patatrenca y jorobado” a outro compañeiro discapacitado ata que miña nai me recordou que se non me gustaban os alcumes tampouco o rapaz me merecía ese trato.

Posiblemente hoxe as barbaridades sexan diferentes, e os nenos aprenden cos exemplos dos maiores xa que tampouco este mundo que estamos construíndo potencia as sensibilidades. Fan falla moitas campañas, moita mentalización, moitas denuncias para lograr que desapareza a lacra do acoso, que moitas veces é o abuso dun acomplexado para marcar a outros e sentirse superior.

Todo se pode abordar con humor e intelixencia cando un vai medrando, e quero lembrar aquí ao benquerido Arcadio Silvosa, que co cariño que nos unía, de cando en vez me chamaba “Polifemo”, lembrando ao xigante dun só ollo, fillo de Poseidón, ao que Ulises derrotou.

Arde unha vivenda case por completo en Becerreá

Unha vivenda ardeu case por completo no Concello de Becerreá. Foi a chamada dun particular ás 10:25 horas a que fixo que o 112 Galicia fora coñecedor do incendio ocorrido nunha vivenda no lugar Regosmil, na parroquia de Fontarón, en Becerreá. Segundo informaba o alertante na chamada, unha casa estaba ardendo considerablemente, aínda que non había persoas no interior da mesma.

De inmediato, desde a sala de operacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias pasouse aviso aos Bombeiros de Sarria, os cales unha vez remataron as tarefas de extinción das lapas indicaron que a vivenda viuse afectada polo lume considerablemente, ardendo case na súa totalidade. A maiores, informouse do sucedido aos axentes da Garda Civil e aos efectivos de Protección Civil.

Nestes momentos as forzas da orde tratan de esclarecer as circunstancias do suceso.

A Subdelegación do Goberno en Lugo clama contras violencias machistas

No marco da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a Subdelegación do Goberno en Lugo reafirmou o compromiso do Goberno de España coa erradicación de todas as formas de violencia machista. Así se manifestou na lectura da declaración institucional, situando esta cuestión de Estado como a expresión máis crúa da desigualdade e as relacións de poder entre homes e mulleres.

Na provincia de Lugo, os datos do sistema VioXén reflicten a persistencia desta problemática estrutural: 796 casos activos que afectan a 773 vítimas, das cales o 64,6 % son españolas e as 35,4 % estranxeiras. En canto aos agresores, 182 dos 780 rexistrados son persistentes, con máis dunha vítima, e deles, 138 son de nacionalidade española. Ademais, destácase que 768 casos contan con ordes de protección activas, mentres que os dispositivos COMETA e ATENPRO están en funcionamento en 49 e 32 casos respectivamente.

Con 1.286 mulleres asasinadas desde 2003 por violencia de xénero en España, desde a Subdelegación instaron a redobrar esforzos desde todos os ámbitos: “A vergoña non pode estar do lado das vítimas, senón dos agresores e de quen mira cara a outro lado. Debemos seguir traballando unidos por unha sociedade libre de violencia contra as mulleres e as nenas”. Neste senso, condenouse explicitamente a violencia “que golpeou na nosa provincia esta fin de semana, con dúas agresións machistas en Lugo e Vilalba”.

No transcurso do acto, tamén se lembrou que o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, aprobado en 2017, permitiu implementar diversas medidas para reforzar a atención ás vítimas en todo o territorio. No último ano, os municipios de Lugo recibiron máis de 240.000 euros para mellorar os servizos e recursos dispoñibles.

“Erradicar a violencia contra as mulleres é un deber de toda a sociedade, porque malia os avances lexislativos e o aumento da cobertura económica, social ou psicolóxica das vítimas, queda moito por facer”.

O acto culminou cun minuto de silencio en memoria das mulleres vítimas da violencia machista e cun chamamento para renovar o compromiso colectivo, político e social para lograr unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Colectivos veciñais de todo o estado debaten na sede da Xunta en Lugo sobre vivenda e transportes

Onte inaugurábase a asemblea xeral da Confederación Estatal de Asociacións Veciñais (CEAV), que reúne no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta en Lugo, a máis de 200 representantes de distintos puntos de España.

Os principais eixos da xornada, vivenda, infraestruturas e o transporte, están sendo abordados desde distintas perspectivas por profesionais de diversos ámbitos, entre eles Rubén Sánchez, secretario xeral da organización de consumidores FACUA, e Marta Vall-llossèra Ferrán, presidenta do Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España.

Ao acto asistiu o delegado territorial Javier Arias quen explicou que “o problema da vivenda é un auténtico reto de país” e gabou “as interesante achegas que fixo xa a CEAV, como a Guía Veciñal de Rehabilitación aprobada o ano pasado”. Afirmou que “é tamén unha cuestión prioritaria para a Xunta nesta lexislatura, na que pretendemos duplicar o parque público ata chegar ás 8.000 vivendas, e facilitar chan para construír 25.000 novas, 20.000 delas protexidas”.

Arias sinalou que ese obxectivo “comeza a ser unha realidade tanxible”, coa creación da Sociedade Pública de Vivenda de Galicia e o esforzo orzamentario para 2025, que supón triplicar a dotación ata consignar 241 millóns de euros para vivenda e urbanismo.

“Actualmente temos en marcha plans para máis de 1.600 vivendas de promoción pública -asegurou-, das que 779 están en construción ou con proxecto ou obra licitada ou adxudicada; entre elas figuran 146 na cidade de Lugo, que están en fase de redacción do proxecto”.

Por outra banda, lembrou “o inxente traballo” que supuxo o Plan de Transporte Público de Galicia e os incentivos postos en marcha, de forma que as persoas de ata 20 anos ou maiores de 65 contan con 60 viaxes gratuítos ao mes..

Os cines Codex estrean o novo filme de Margarita Ledo “Prefiro Condenarme”

Esta semana chega as pantallas dos Codex Cinema os films “PREFIRO CONDENARME” da lucense margarita Ledo e o filme francés “TEMPO COMPARTIDO”.

“PREFIRO CONDENARME”, a nova película de Margarita Ledo que chega aos cines este venres 22 de novembro, tres días antes doDía Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller (25 de novembro) e que logrou a distinción de “especialmente recomendada para el fomento de la igualdad de género” por parte do Ministerio de Cultura. Outra magnifica obra de Margarita Ledo sobre a loita das nosas nais.

Sinopse: Sagrario é unha mariscadora da ría de Ferrol  que, nos anos setenta, desafía as normas sociais e familiares da súa época: aos trinta e tres anos, en 1972, enfróntase a un xuízo por adulterio pois ten unha relación fóra do matrimonio e con el unha filla. Na súa loita por reclamar o seu dereito á igualdade e ao desexo convértese nunha figura similar a Antígona, enfróntase ás convencións sociais que só condenan ás mulleres da súa clase.

“TEMPO COMPARTIDO”, Un  filme do director francés Olivier Assayas, na que probablemente sexa a súa película máis próxima á comedia e na que asina un retrato do confinamento cun ton de autoparodia no que se explora a si mesmo

Sinopse: Paul, un director de cinema, e o seu irmán Etienne, un xornalista musical, atópanse atrapados na casa da súa infancia xunto ás súas novas parellas. Mentres o mundo exterior vólvese cada vez máis inquietante, os catro deben enfrontarse ao paso do tempo, ás lembranzas e os segredos. A medida que afrontan estas tensións, descobren que as súas mellores ferramentas son as artes, o romance e a comedia, que impregnan mesmo os momentos máis cotiáns.

 

O Concello abre o prazo para participar no Mercado de Nadal

O Concello de Lugo abre oficialmente o prazo para participar no Mercado de Nadal, “Nadalmente Lucense”, que terá lugar na Praza Maior do 5 de decembro ao 5 de xaneiro. Este evento, consolidado como un dos puntos de referencia das festas na cidade, busca dinamizar o comercio de proximidade e converter o centro nun espazo cheo de vida e ilusión.

Os interesados en participar deberán presentar a súa solicitude antes do 27 de novembro a través da sede electrónica do Concello ou presencialmente no rexistro municipal. Alternativamente, tamén poderán rexistrarse noutras administracións, sempre que envíen unha copia ao correo electrónico cei@lugo.gal. Xunto co formulario oficial (Anexo I), será necesario achegar: certificados de estar ao corrente coa AEAT, Xunta de Galicia e Seguridade Social; copia do DNI ou CIF; documento acreditativo de alta na TGSS; memoria detallada cos produtos que se van expor, incluíndo fotografías recentes; e a póliza e recibo actualizado do seguro de responsabilidade civil.

As solicitudes admitiranse para diferentes quendas semanais: quenda 1, d+o 5 ao 15 de decembro; quenda 2, do 16 ao 22 de decembro; quenda 3, do 23 ao 29 de decembro; e quenda 4, do 30 de decembro ao 5 de xaneiro.

O Mercado de Nadal contará con casetas decoradas, iluminación especial e un horario amplo: de 11:00 a 14:30 e de 16:30 a 21:00 horas, excepto os días 24 e 31 de decembro, con horario reducido ata as 14:30 horas, e os días 25 e 1 de xaneiro, cando permanecerá pechado.

As bases completas están dispoñibles na web do Concello de Lugo, na seguinte ligazón, onde tamén se publicarán as resolucións de adxudicación antes do 3 de decembro. Para calquera dúbida, os interesados poden contactar a través do correo cei@lugo.gal.

 

MANIFESTO SI, HAI SAÍDA CO GALLO DO 25 N

Un ano mais, nesta data, a todas vos, as que estades a sufrir o inferno da violencia de xénero, as que estades loitando con todas as vosas forzas para saír dela, as que acabades de deixala atrás e estades a tentar, con uñas e dentes, atopar o xeito de sobrevivir vos, os vosos fillos, as
que vos sentides desprotexidas, porque realmente o estades, utilizadas, infravaloradas e mesmo aldraxadas vendo como a vosa desgraza é utilizada por moitos e moitas no seu proveito, sen que os vosos sentimentos, a vosa dor, sexa tida en conta en absoluto, desde Si, hai saída queremos brindarvos a que cremos, de corazón, que é a mellor das homenaxes que vos podemos brindar:

Estar con vos, traballar por, para e con vos, e loitar con uñas e dentes, de corazón, para atopar esa saída que nos da nome, que, as veces, semella estar demasiado lonxe, mesmo ser tan so unha ilusión, pero que vos aseguramos que existe.

Todo o noso respecto, o noso agarimo, e a nosa admiración por todas e cada unha de vos, porque sodes un exemplo a seguir.

Non vos imos prometer milagres, porque os milagres non existen. Tampouco que o camiño é un camiño de rosas. Hai espiñas, moitas, pero nunca vos faltará a nosa man para percorrelo con vos.

A cambio, soamente vos pedimos unha cousa: Que nunca esquezades canto valedes, o valentes que sodes e que Si, hai saída!.

Asociación Si, hai saída.

Abre o prazo de inscrición para a SECAL 2024

Abre o prazo para inscribirese na Semana de Exaltación da Cultura e a arte de Lugo, organizada pola Asociación de Empresarios Lugo Monumental terá lugar entre os días 5 e 15 de decembro e como é habitual contará con exposicións en locais do centro histórico para que os artistas poidan difundir a súa obra. O prazo de inscrición remata o 30 de novembro de 2024.

Lugo Monumental é unha entidade sen ánimo de lucro e non recibirá comisións de ningunha clase por ningún concepto desta exposición, incluíndo expresamente a prohibición de calquera tipo de comisión por venda de obras participantes na SECAL. Os artistas que expoñan as súas obras non abonarán cota nin cantidade algunha por ningún concepto en caso de vender algunha obra será o artista o que reciba integramente o importe.

Asemade, os socios de Lugo Monumental non abonarán ningún tipo de cota para o pago dos gastos da Semana. Os non asociados si deberán participar cunha achega de tan só 25 euros para colaborar no financiamento dos gastos derivados da organización.

Este ano a SECAL dedícase á Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, en recoñecemento ao gran labor que este centro desenvolve en favor de todas as artes.

 

Cregos

As aldeas baleiras polas que hoxe laiamos comezaron a decaer cando deixaron de ter médicos (que os houbo, aínda que hoxe pareza imposible), mestres e cregos. Esa infraestrutura intelectual e de servizos foi esvaéndose lentamente ata practicamente desaparecer, antecedente ou consecuencia da emigración na percura de mellores aires.

Xantei ao lado de dous cregos amigos na homenaxe ao titular do Santuario dos Milagros. Un deles rexe oito parroquias, outro cinco ademáis doutros cometidos, e o mesmo de Saavedra tiña un total de oito, pero algún coñecin con trinta e tantas parroquias ao seu cargo, o que debera levar incorporado o título de Super Heroe.

Dende agora, dous cregos mozos encargaranse dun conxunto de parroquias de Begonte e de Guitiriz, Saavedra incluída, porque as contas non dan e nin multiplicándoos por seis ou por oito habería un cura por parroquia.

Díxose de Ángel Vigo que atendera nas súas oito parroquias no divino e no humano, e o bispo Cadiñanos subliñou que ese era o papel dos cregos nas parroquias. E como eu fun monaguillo de crego da aldea hai xa sesenta anos coñezo ese mundo que vai desaparecendo, onde disfrutei da amizade, a compañía e o exemplo de xigantes chamados Carballo, Torrado, Eliseo ou Domínguez, que axudaron a facerme como son.

De Ángel, os seus feligreses destacan a disposición permanente, a súa acollida, o sorriso, o diálogo… e os que o coñeceron de nenos falan do seu madridismo, de que xogaba ao fútbol cos nenos, de que se podía contar con el para todo…

A parroquia é a unidade natural da poboación galega. Vai ser difícil entendela sen un crego. Pero tamén nesto hai que compartir.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com