Novas

Colectivos denuncian que unha plantación de eucaliptos dana gravemente un castro en Alfoz

As asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio presentaron denuncia perante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural por mor dos posibles danos ocasionados no xacemento arqueolóxico do Castro da Croa de Montoxo (Alfoz – Lugo), durante a realización de traballos forestais de corta e replantación de eucaliptos.

Ao visitaren o xacemento, ADEGA e Mariña Patrimonio comprobaron que se abriran no Castro de Montoxo novas pistas para o paso da maquinaria e a saca da madeira, afectando gravemente os parapetos e os foxos defensivos en varios puntos. Así mesmo, nos parapetos, nos foxos e máis na croa do castro realizáronse centos de furados con pa mecánica para a plantación de novos eucaliptos. En moitos destes furados pódense apreciar pedras das antigas construcións do castro así como numerosos restos cerámicos de olaría da Idade do Ferro.

As asociacións denunciantes sinalan tamén que na zona máis elevada do xacemento chama poderosamente a atención a gran cantidade de fragmentos de tella medieval que aparece nos furados abertos pola pa mecánica.

Erros de xeolocalización 
Para ADEGA e Mariña Patrimonio, a intervención e os danos provocados no Castro de Montoxo constitúen un auténtico atentado contra o Patrimonio Cultural de Galiza, cuxa responsable directa podería ser a propia administración pública. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural está outorgando permisos de intervención a sabendas de que no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia existen erros, tanto na xeolocalización como na delimitación de moitos xacementos. En concreto, o Castro de Montoxo, catalogado e protexido, aparece situado nun lugar equivocado nos visores de consulta pública de aproveitamentos forestais e do Plan Básico Autonómico.

Lembramos que ADEGA e Mariña Patrimonio fixeron varias denuncias públicas en 2020 ao detectar erros de localización e delimitación de xacementos, especialmente numerosos e graves en toda a metade norte da provincia de Lugo, na revisión e actualización do Catálogo de Patrimonio Cultural que fixo a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural nos anos 2018 e 2019, e que se pode consultar nos visores do Plan Básico Autonómico e no de Aproveitamentos Forestais.

Malia a contar cun investimento público de 1.100.000 euros, a actualización e revisión do Catálogo incorpora numerosos erros de xeolocalización e delimitación dos xacementos inadmisíbeis que desprotexen unha importante parte do Patrimonio Cultural de Galicia e, por outra banda, protexen oficialmente parcelas que non son xacementos  arqueolóxicos. Ademais, estarían creando un problema de inseguridade xurídica para os propietarios/as das parcelas, que oficialmente figuran como xacementos cando realmente non o son.

No caso do Castro de Montoxo, o erro na xeolocalización é especialmente grave porque, á parte de ser facilmente recoñecible polo seu dobre foxo e triplo parapeto, vese perfectamente nas imaxes LIDAR dos visores de ortofotografías da Xunta de Galicia . Ademais, trátase dun castro coñecido que aparece documentado xa no século XIX por Villa-Amil y Castro nos seus traballos “Los castros y las mámoas de Galicia” e “Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia” . Así mesmo, na actualidade, autores como A. Canoura Quintana, Isaac Ferreira, Manuel Lourenzo e Xesús Pisón ou arqueólogos como Abel Vigo falan deste xacemento e dos achados que se teñen atopado nel nas súas publicacións.

Casualmente, no transcurso da visita que membros de Mariña Patrimonio e ADEGA fixeron ao Castro de Montoxo para comprobaren os danos producidos no xacemento, localizouse unha rocha na que foron labradas dúas “salas” de aproximadamente 4m de longo por 2m de ancho, coas esquinas redondeadas e cuns pequenos ocos na parede picada na pedra. Dáse a circunstancia de que esta edificación non estaba localizada, aínda que se sabía da súa existencia grazas ás publicacións de J. Villa-Amil y Castro, quen a denomina Petra Naufa.

Freo do avance da covid durante á fin de semana grazas ás numerosas altas médicas recibidas por pacientes con infección

A covid freou o seu avance esta fin de semana, e mantense estable no que a casos activos se refire. E todo grazas ás numerosas altas médicas que contrarrestaron con forza o aumento de positivos detectados, en parte, nos gromos activos na provincia. 

Así o revela o último informe do SERGAS con datos recabados ata as 6 da tarde de onte no que se cifran en 189 as infeccións activas, as mesmas que na xornada anterior e, mesmo, 2 menos das rexistradas xoves e venres. 

Con todo, non se pode falar de descenso dado o gran número de positivos detectados durante a fin de semana e que ascendeu, dende o venres a preto de medio centenar. Con todo, ningún dos días, venres, sábado nin domingo, superaron os 28 positivos detectados o xoves. No día de onte esta cifra baixaba ata as 13 persoas contaxiadas, pero tendo sempre en conta que os domingos tende a rexistrarse un descenso no ritmo de contaxios. 

Doutra banda, contra os 48 positivos detectados, 50 altas médicas; todas elas clave no mantemento das cifras nesta xornada. 

Con todo, a presión asistencial reflicte claramente un empeoramento é que hoxe a situación, malia que semellante a de días anteriores, con 4 pacientes covid ingresados, é lixeiramente peor. O Hula, que onte contaba con 3 pacientes en planta de hospitalización queda con unha persoa ingresada na unidade convencional, mentres que outros dous recupéranse na UCI. Doutra banda, por primeira vez en semanas, o Hospital de Monforte rexistrou esta fin de semana un ingreso novo dun paciente covid en planta de hospitalización. 

E é que os gromos están afectando en gran medida á nosa provincia. Nas últimas xornadas, non só se descubriu un gromo en Sarria onde, na última semana se rexistraron unha trintena de positivos. Sanidade realiza ao longo da xornada de hoxe un cribado masivo na localidade para descartar novos casos e dar por acotado este gromo

O mesmo ocorre en Lugo onde, o macro-gromo de Mallorca que xa suma 900 casos en todo o Estado, deixou máis de dez de positivos entre estudantes e familiares; entre eles algún da variante Delta do virus. En total, a capital da provincia rexistrou na última semana un total de 40 positivos, 69 nos últimos 14 días; polo que se prevé que nas vindeiras xornadas aumente o número de casos activos. 

Para rematar, Sanidade informaba esta mañá dun novo gromo, esta vez en Chantada que suma unha decena de casos tras unha comida entre amigos. Con todo, a área sanitaria da por acotado este gromo.

Segue estabilizada a cifra de infectados por Coronavirus en Lugo

Na área de Lugo os casos activos por Covid-19 segue estabilizada e á baixa, hoxe os infectados son 189, dous menos que onte. A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 1.451 deles 471 son da área da Coruña, 189 da de Lugo, 164 da de Ourense, 207 da de Pontevedra, 209 da área de Vigo, 146 da de Santiago e 65 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 12 están en UCI, 36 en unidades de hospitalización e 1.403 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 125.371 persoas curadas, rexistrándose 2.435 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.350.751 e o de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 2.636.787.

 

Os socialistas esixen ao PP que impulse o corredor da costa de Lugo

A Secretaria Provincial do PSdeG-PSOE e Deputada Autonómica, Patricia Otero esixiu hoxe a Feijóo que impulse a via de alta capacidade da Costa Norte, comprometida polos sucesivos gobernos do PP fai máis de 20 anos. A dirixente socialista demandoulle aos alcaldes do PP da Comarca “que non se poñan de perfil nun asunto tan importante como son as melloras nas nosas infraestruturas viarias. Implíquense xa nesta reclamación, porque esta dotación é fundamental para a vertebración da Mariña”.

Así o dixo tras anunciar que ven de rexistrar unha iniciativa parlamentaria coa que demanda “unha aposta decidida, real e efectiva pola VAC Costa Norte levando a cabo, en diálogo e consenso cos concellos polos que transcorre esta infraestrutura, tódalas accións precisas para rematar a Vía de Alta Capacidade Costa Norte Ferrol – San Cibrao no menor tempo posible”.

Otero lembra que “o proxecto da vía de alta capacidade Costa Norte Ferrol-San Cibrao, que foi anunciado no ano 2001 polo señor Cuiña, dividíase en 11 fases correspondentes con outros tantos tramos e fixaba como data de finalización o ano 2007. Pero non foi ata o ano 2009 cando se iniciaron as obras do primeiro tramo. Trátase dunha infraestrutura prometida hai máis de 20 anos e que aínda segue no aire, e ao ritmo que executa estas obras a Xunta de Galicia a conexión Ferroltera-Ortegal-A Mariña chegará, de ser o caso, no ano 2135”.

A Voceira de Infraestruturas advirte que “este abandono do PP coa VAC Costa Norte implica seguir marxinando as comarcas da Mariña Occidental e de Ortegal e deixando a estas comarcas cunhas vías de comunicación deficientes, que atravesan moitos núcleos de poboación e cun trazado moi antigo. Unicamente contan cun trazado moderno as saídas de Ferrol ata San Sadurniño e as variantes de Ortigueira e Xove”.

Reiterados incumprimentos

Na proposición rexistrada denuncia que “despois de reiterados incumprimentos e inxustificados retrasos por parte do Goberno de Feijóo nesta VAC, en marzo de 2017 o director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas en sede parlamentaria galega afirmaba que para a Xunta de Galicia esta infraestrutura segue a ser unha prioridade e que se ía empezar cos tramos útiles que están conectados coas vías de alta capacidade, empezando polo lado da Coruña, na AG-64 como punto de inicio, no seu primeiro tramo San Sadurniño-Sardiñeira e na parte de Lugo conectando o tramo recentemente posto en servizo entre Celeiro e San Cibrao”.

Un único tramo aberto no 2017

Así as cousas remarca que “na Provincia de Lugo nada novo dende que o Goberno galego inaugurase, en xaneiro de 2017, con tres anos de retraso o primeiro e único dos tramos desta provincia con só a variante de Xove. Treito, por certo licitado 8 anos atrás por un goberno da Xunta de Galicia presidido por Touriño”, resumiu.

 

 

Actividades no Cemiterio e nos mercados polo día do Orgullo LGBT

A área de Participación e servizos para a veciñanza organiza unha serie de actividades no Cemiterio Municipal e nos mercados para celebrar o día do Orgullo LGBT. Cristina López explicou que “realizaremos unha acción simbólica nas instalacións do cemiterio para lembrar a todas as persoas que en vida tiveron que ocultar a súa orientación sexual”.

“Trátase dunha homenaxe a todas as persoas LGBT que repousan no noso Cemiterio, mais tamén é unha chamada ao conxunto da sociedade para avanzar na eliminación de todo tipo de discriminacións e violencia, especialmente contra a diversidade afectivo sexual”, afirmou Cristina López, que lembrou que “malia que se faga especial fincapé en datas sinaladas, como o orgullo LGBT, debemos traballar nisto durante todos os días do ano”.

Os distintos postos da Praza de Abastos e do Mercado Municipal entregarán material promocional con temática LGBT a todas as persoas que se acheguen a realizar as súas compras en ambas instalación municipais.

Cristina López sinalou a necesidade “de visibilizar e reivindicar máis ca nunca o dereito de todas as persoas a vivir libremente” e advertiu “do perigo de certos discursos que fan retroceder á sociedade no recoñecemento da diversidade afectivo sexual”.

 

Mantense en 191 a cifra de casos activos por coronavirus na Área de Lugo

Nas últimas horas o gromo aparecido en Sarria foi o feito máis destacable dos novos casos detectados por Covid-19 na área de Lugo aínda que parece que se estabilizou.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informou na última actualización, que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 1.413 deles 486 son da área da Coruña, 191 da de Lugo, 163 da de Ourense, 176 da de Pontevedra, 203 da área de Vigo, 131 da de Santiago e 63 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 12 están en UCI, 30 en unidades de hospitalización e 1.371 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 125.283 persoas curadas, rexistrándose 2.435 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 2.347.403.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 2.600.212.

O PP cualifica de “bochornosa” a liorta  de PSOE e BNG por Quiroga Ballesteros

O Partido Popular no concello de Lugo, ven de emitir unha nota de prensa onde tilda de “infantil e vergoñento asistir ao tira puxa entre Lara Méndez e Rubén Arroxo” deste xeito resume o PP o novo capítulo da serie á que asistimos estes días os lucenses á conta da inauguración da peonalización da rúa Quiroga Ballesteros.

“Á alcaldesa o único que lle molesta é non sair na foto como promotora desta intervención urbana xa que se ve atrapada na trampa mortal da coalición á que chegou co BNG para ser alcaldesa. Mentres o vicealcalde, con boas palabras, resta importancia ao veto que lles impoñen e, cunha deslealdade pasmosa, plantase cuns gaiteiros na zona burlando esta prohibición”

O PP augura que este tipo de encontronazos se repetirán con maior intensidade nos vindeiros dous anos “este serial o único que demostra é a inestabilidade desta coalición e as loitas internas para ver quen vai ser a forza fagocitada pola outra. Aquí non priman as necesidades dos lucenses se non os réditos electorais”.

O Concello de Antas de Ulla entregou os premios dos certames infantís de Nadal e das Letras Galegas

O Concello de Antas de Ulla fixo entrega este xoves 24 de xuño, día de San Xoán, dos premios dos certames infantís de debuxo e narración convocados pola Biblioteca Pública Municipal con motivo do Nadal e das Letras Galegas.

Foron un total de 28 nenos e nenas os que resultaron premiados con material escolar, libros e un diploma.

A entrega de premios contou cos Bolechas que acompañaron ás tres mulleres que formaron o xurado, Antía Montes, Beatriz García e Andrea Santiago; e ao concelleiro de Cultura, Alberto Galego.

A presentación do acto correu a cargo de Teresa, a bibliotecaria municipal.

O Concello pon en marcha un plan de concentración de dispositivos para abordar a limpeza integral dos barrios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou esta mañá que, a partir de hoxe a área de Medio Ambiente, que dirixe Miguel Fernández, porá en marcha un plan de concentración de dispositivos municipais para abordar, dunha maneira integral, a limpeza dos barrios.

A rexedora explicou que, deste xeito, o Concello articulará un amplo operativo integrado polas empresas encargadas da limpeza urbana, do mantemento das zonas verdes e a revisión dos parques infantís – apoiados polas brigadas municipais – para unificar os esforzos por contornas e mellorar, así, o acondicionamento da cidade, sen descoidar o labor ordinario que se leva a cabo diariamente.

Un esforzo que se manterá mentres non se licita o contrato de mantemento de parques e xardíns – cuxos pregos se levarán á Xunta de Goberno, para a súa aprobación, no vindeiro mes de xullo – e non se adxudica o da limpeza viaria e recollida de lixo, “que se prevé poida outorgarse antes de que remate o verán”, avanzou a alcaldesa.

Pola súa banda, o tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, indicou que, “nos vindeiros meses levaranse a cabo en cada barrio, co obxectivo de incrementar a eficacia das tarefas que abranguen, de forma simultánea e coordinada, a roza – tanto de vías como de predios municipais – o varrido mixto das rúas e bordos – para o que se mobilizará unha varredora e un peón con soprador – a limpeza dos sumidoiros e dos colectores así como dos bancos e resto do mobiliario urbano con máquinas a presión que tamén se empregarán na eliminación de graffiti, o baldeo das rúas e perfilado do céspede; desherbaranse os camiños interiores das zonas verdes e colocarase planta con flor, alén de limpar e amañar os alcorques das árbores e de podar sebes e arbustos”, incidiu Miguel Fernández.

Actuacións, todas elas, que foron planificadas dende Medio Ambiente coas empresas concesionarias dos diferentes servizos e que hoxe mesmo daban comezo no barrio do Castiñeiro.

Todos estes dispositivos permanecerán na mesma zona até durante o tempo que sexa necesario para completar os traballos – abondou o tenente de alcaldesa – e, a continuación, iranse desprazando polo resto da cidade na seguinte orde: Casás, Abella, A Residencia, As Gándaras, Sagrado Corazón, Galegos, Aceña de Olga, Fingoi, Augas Férreas, A Milagrosa, A Cheda, o centro da cidade, Fontiñas, Castelo – A Chanca, Barrio da Estación, Barrio Feijoo, Paradai, Frigsa, San Lázaro – A Ponte, A Louzaneta, Inmediacións do HULA e Montirón – San Fiz”.

A rexedora quixo facer, á súa vez, un chamamento á poboación en prol do civismo, “clave para a convivencia” – dixo – “en tanto coidar o noso entorno é unha tarefa que nos compete a todas e a todos. Por iso quero apelar á concienciación cidadá para que as e os lucenses traballemos da man preservando e mantendo os espazos públicos”.

Unha mensaxe de responsabilidade colectiva que Lara Méndez aproveitou para dar conta de que, dende o 2020, o Concello de Lugo leva tramitados un total de 341 expedientes por acumulación de maleza en predios particulares, instando aos seus propietarios a corrixir esta situación, porque “a neglixencia duns poucos non pode supoñer un prexuízo para todos”.

O procedemento se inicia coa comunicación á ou ao titular dos terreos en desleixo e continúa co trámite de audiencia polo prazo de 15 días, ben para que formulen as alegacións que estimen oportunas e presenten os documentos e xustificacións que consideren pertinentes, ben para que executen as actuacións sinaladas.

Ese escrito inicial, segundo recoñecen dende Medio Ambiente, está sendo, nalgúns casos, estímulo suficiente para que os donos actúen pero, cando non é así, o Concello está procedendo tamén á execución forzosa de forma subsidiaria e á imposición de multas coercitivas

O Goberno local afea ao Pp por instrumentalizar á cidadanía, promovendo que accedera sen permiso ao recinto pechado do Auditorio

“Absolutamente vergonzoso”. Así é como o portavoz do Goberno Local e tenente de Alcaldesa, Miguel Fernández, cualificaba hoxe o acto desenvolvido polo Grupo Municipal do Partido Popular no novo Auditorio.

“Un espazo privado e pechado que foi violentado, manipulando o valado de arame, ao que se entrou sen permiso e sen medidas de seguridade, co único obxectivo de obter réditos mediáticos e políticos, comprometendo a integridade dos alí presentes e mesmo rozando o que podería considerarse un comportamento delitivo, ao acceder á propiedade sen ningún tipo de autorización”, afirmou o concelleiro. Un aspecto que se pode comprobar tanto na imaxes difundidas polos medios de comunicación como nos vídeos que o propio partido publicou nas redes sociais.

Con esta contundencia se refería Miguel Fernández á concentración que o Pp promoveu esta semana reivindicando a apertura do novo auditorio, “unhas présas que non tivo, en cambio, nos quince anos anteriores mentres nin se adxudicaba, nin se executaba, nin se remataba a obra”.

Neste senso, o tenente de alcaldesa instou ao Pp “a empezar a traballar con seriedade, desbotando actuacións neglixentes e oportunistas como esta, que o único que evidencian é a súa falta de escrúpulos e cales son as súas prioridades: nunca o interese xeral de Lugo”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com