Novas

A área de Muller e Igualdade impulsa clases gratuítas de defensa persoal

A área de Muller, Igualdade e Inclusión no Concello de Lugo vén de anunciar a posta en marcha dunha nova actividade, a partir do xoves día 21, dirixida ao fomento da defensa persoal, co obxectivo de previr a violencia de xénero e os casos de bulling. 

 Trátase dunha actividade gratuíta, dirixida tanto a menores como a mulleres, e que se impartirá todos os xoves, de 19.00 a 20.00 horas, na Casa da Xuventude. A edil de Muller fai fincapé en que “con esta actividade imos intentar dar unhas nocións básicas e técnicas orientadas a impedir unha agresión e sobre todo enfocadas a que as mulleres que participan adquiran un maior grao de seguridade e máis auto protección, de cara a unha posible agresión”.

As persoas interesadas en asistir a esta actividade poderán inscribirse desde mañá na web do Concello, cubrindo un formulario que se atopa no apartado de “a un click” da Concellería de Cohesión Social e Territorial, na que se atopa a súa vez a área de Igualdade, para envialo unha vez cuberto ao correo igualdade@lugo.gal. Tamén poden acceder á seguinte ligazón. As clases comezarán o vindeiro xoves, día 21, e se prolongarán ao longo de todo o ano, seguindo o calendario do curso escolar.

 O encargado de impartir estas clases de defensa persoal é o lucense Alejo Crespo, cinto negro, octavo dan e mestre deste arte marcial pola Federación Internacional de Taekwondo. Nun principio, as clases terán un máximo de 30 prazas, e poderán asistir nenos e nenas, a partir de 3 anos, aínda que neste caso e ata os 5 anos, ambos inclusive, deberán estar acompañados das súas nais, sendo conveniente que as proxenitoras adestren nas clases de defensa persoal. 

Alejo Crespo, director técnico da Korea Taekwondo Combat Associatión (KTCA), é tamén profesor de defensa persoal en varios colexios da cidade e explica que a idea é aplicar esta arte marcial á defensa persoal, “non para fomentar a violencia, senón a auto protección; a seguridade no caso dos menores que sofren bulling; e no caso de mulleres que poidan ser vítimas dunha agresión, incrementar as súas posibilidades de defenderse ante o maltratador”.

A nova aceleradora TurisTalent 5.0 empezará a funcionar a comezos do vindeiro ano

A nova aceleradora TurisTalent 5.0 empezará a funcionar a comezos do vindeiro ano con sede no edificio Impulso Verde, situado na Garaballa. O Goberno Local vén de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público a licitación deste programa de aceleración de proxectos empresariais innovadores no sector turístico e enogastronómico.

As empresas interesadas en concorrer ao contrato para a xestión e posta en marcha do programa, que conta cun orzamento base de licitación de 167.664 euros, terán de prazo ata o vindeiro día 16 de decembro para presentar as súas ofertas. A iniciativa enmárcase no Plan de Sostenibilidade Turística en Destino “…Et Edendo, Lucus: Un percorrido histórico pola enogastronomía”, para o que o Goberno Local acadou 2 millóns de euros de fondos europeos Next Generation.

Esta aceleradora busca converterse nun espazo de referencia do emprendemento no sector turístico e enogastronómico en Lugo xa que permitirá identificar e canalizar todos os recursos e ferramentas do ecosistema emprendedor, tanto a nivel público como privado, co

 As fases do programa

 1.- Convocatoria: Esta fase discorrerá dende o momento que se lance a convocatoria pública de captación de proxectos emprendedores ata que se publique a listaxe de proxectos elexidos que participarán na Fase II: Talent Day. 

2.- Talent Day: A fase de pre-aceleración Talent Day consitirá na organización dunha serie de actividades e dinámicas de grupo que permitirán avaliar as habilidades e competencias dos/as participantes. 

3.- Academia: Os proxectos aprobados que sexan aceptados polo Comité Técnico de TurisTalent poderán incoporarase á aceleradora que se ubicará no edificio Impulso Verde, situado na Garaballa. 

4.- Turistalent Day: Haberá un evento final para seleccionar os proxectos que pasarán á fase de aceleración.

5.- Aceleración: Tras a celebración do Turistalent Day, os proxectos seleccionados polo Comité Técnico e que acrediten os compromisos descritos nas bases da convocatoria poderán incorporarse á fase de Aceleración.

6.- Investors Day: Os proxectos que superen satisfactoriamente a fase de aceleración poderán presentar o seu proxecto ante un panel de inversores no Investors Day.

Concerto de JOANA SERRAT en Tebras Club Veex

A cantante e compositora, Joana Serrat, ofrecerá un concerto da man de Tele-Clube Lugo, o vindeiro sábado ás 20:30h na sala TEBRAS CLUB CODEX. Un concerto en pequeno formato para desfrutar da música desta creadora catalana que presentará o seu novo traballo discográfico, o sexto na súa carreira. Sons dos anos 90 que formaron parte da súa xuventude (do indie-rock al dream-pop y el noise-rock) e os elementos contemporáneos experimentais.

Data: 16/11/24
Apertura de portas: 20:00h
Hora concertos: 20:30h
Lugar: Tebras Club Codex
Entradas: www.entradium.com

Cavilando

Non deixo de cavilar en Valencia, e sinto a necesidade de contalo. Nos medios audiovisuais é o lóxico centro de atención, pero no canto de ampliar o tempo informativo, queda como único tema, se exceptuamos as eleccións a Presidente de medio mundo. Con ser obrigada e urxente a atención aos que sufriron a catástrofe, da a sensación de que sempre se conta o mesmo, mesmos os lugares, mesmas as persoas, unha e outra vez, como se o demais non existise; como un bucle, historia interminable.

Nas cavilacións gardo amplo espazo para admirar e recoñecer ás persoas e institucións que colaboran, traballan, recaudan, apoian aos damnificados, pero non poido deixar de pensar que, se somos un dos paises da Europa de primeira, ¿como é posible que faga falla caridade, axuda, prestación popular, diñeiro, medios, cando temos concellos, deputacións, gobernos autonómicos e goberno central, con orzamentos mil millonarios procedentes dos nosos impostos, e unha organización que comprende milleiros de especialistas nas máis varias disciplinas, e entreles os que teñen que capitanear catástrofes.

Está moi ben axudar; beneficia ao que recibe e ao que da; é un magnìfico mecanismo de cohesión, de asentamento social, de engrandecemento humano, de humanidade… pero evidencia que algo falla estrepitosamente, sexan as previsións, decisións, coordinación, os medios ou o sursum corda.

Por se alguén non se decatou, esto é unha guerra para a que un país civilizado ten que estar preparado. Se fosemos atacados por outra potencia, teríamos que acudir armados con paus á primeira linea de combate? Desde o Lugo colaborador e entregado, sigo cavilando, e non lle vexo xeito.

Este xoves chega por primeira vez a Lugo a Semana Nacional do Deporte Antigo

A Semana Nacional do Deporte Antigo abre o xoves as súas portas, cunha posposta cultural que se desenvolverá ata o 23 de novembro, e que concentrará en Lugo a máis de cincuenta atletas e especialistas de toda España. Organizado pola Área de Xuventude e Deportes do Concello de Lugo, xunto coa asociación Lucius Spiculus Divulgación, o evento é unha cita máis que consolidada no panorama nacional que por primeira vez chega a Lugo.

Para aportar esa visión rigorosa e experta nestes temas, entre os poñentes destacan Alfonso Mañas, Doutor en Historia do Deporte, experto en gladiatura, investigador da Universidade de Berkeley e membro do Consello Editorial de The International Journal of the History of Sport.; Juan Tranche, editor e divulgador sobre a Antiga Roma e autor da novela Spiculus; Fernando Barriales, recreador histórico especializado en gladiatura e creador de musealizacións; e Javier Romay, fundador de Lucius Spiculus Divulgación e especialista en deportes antigos. Cada un deles xogará un papel importante nos ciclos de conferencias, que se desenvolverán ao longo dunha semana, e que permitirán un maior enriquecemento da historia e das orixes da cidade de Lugo.

Entre as actividades máis destacadas desta semana, inclúese o V adestramento nacional de gladiatura, que en edicións anteriores acolleron cidades como Tarragona e Madrid. Os adestramentos, abertos ao público, permitirán observar de preto as técnicas e prácticas destes antigos combates. Ademais, o vindeiro día 23 celebraranse os Xogos Panhelénicos no Campo Municipal de As Pedreiras, onde o público poderá experimentar disciplinas deportivas da antigüidade e presenciar unha competición de nivel nacional.

Lucius Spiculus Divulgación, que coorganiza estas xornadas, traballa desde a súa fundación en 2020 para recrear e dar a coñecer o deporte da antigüidade cun rigor e compromiso que os levaron a participar en eventos tanto nacionais como internacionais. Colaboradores habituais do Arde Lucus, esta asociación tamén tivo presencia en encontros de renome en cidades como Mérida, Turín e Roma, posicionándose como unha referencia na divulgación e práctica da gladiatura e outras disciplinas antigas.

Adega Lugo presenta o programa de roteiros 2024/25 “Auga, o quebracabezas da vida”

A delegación de ADEGA en Lugo presenta a programación de roteiros 2024/25, cuxo tema central será desta vez a problemática da auga, substancia química imprescindible para a vida e da que todo depende. Os Roteiros de ADEGA-Lugo son andainas pola Natureza que organiza a delegación de Lugo da organización ecoloxista ADEGA desde hai máis de 20 anos e que están dirixidas á poboación de todas as idades, co obxectivo principal de achegar as persoas á súa contorna natural para que coñezan os valores naturais, patrimoniais e culturais que enriquecen e identifican o noso territorio.

O programa de roteros “Auga: O quebracabezas da vida”

17 novembro. O Courel

22 Decembro. Corro dos Mouros/Penarrubia

19 de xaneiro. A Pontenova

16 de febreiro. Castroverde / A horta do Rei

16 marzo. Santo Estevo do Ermo

20 abril. Ancares por Terras do Val do Ser

11 de maio. Carballeda de Valdeorras

15 de xuño. Arousa. ALTRI NON

As persoas interesadas terán que inscribirse a través do formulario de reserva antes das 13:00 do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.
Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades, aínda que as persoas socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como estudantado, persoas en situación de desemprego ou menores de 14 anos.
No caso de que haxa servizo de autobús, as tarifas serán:
Prezo xeral: 22€; Socios/as de ADEGA: 15€; Estudantes ou en paro: 17€; ata 14 anos: 6€.
Se non hai servizo de autobús a tarifa é de 6€.
O prezo inclúe o seguro de accidentes para menores de 75 anos.
O pago ten que realizarse con antelación e por transferencia bancaria. Enviaranse os datos unha vez feita a reserva. As prazas asignaranse por orde de inscrición ata o venres previo ao roteiro ás 13h.
Os roteiros son de xornada completa. Cómpre levar roupa e calzado axeitados e comida para o camiño. O bo humor é cousa de todes.

Regresan a Lugo os bombeiros que estiveron nas tarefas de limpeza en Valencia afectadas pola DANA

Despois de días de intenso labor en zonas afectadas pola DANA en Valencia, o destacamento de bombeiros do Concello de Lugo regresou onte ao municipio. A unidade, formada por dez efectivos, estivo centrada na apertura de vías, limpeza de garaxes e apoio á recuperación de infraestruturas clave como centros de saúde en áreas como Alfafar e Paiporta. A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, destacou que os efectivos lucenses “recibiron numerosas mostras de cariño e gratitud por parte dos veciños, que valoraron enormemente o seu apoio neste momento difícil”.

En paralelo ao desprazamento do destacamento, o Concello activou un dispositivo de recollida de doazóns, ao que a alcaldesa agradeceu “a gran resposta da cidadanía, que demostra unha vez máis o carácter solidario e xeneroso da sociedade lucense.” Nos próximos días, a axuda será enviada unha vez remate o proceso de clasificación. Ademais, o Concello de Lugo activará novos dispositivos de recollida sempre que a Federación Valenciana de Municipios lle faga chegar novas necesidades.

O Concello activa un novo Plan de Tráfico na Praza de Ferrol

O Concello de Lugo activará este próximo martes un novo Plan de Tráfico na Praza de Ferrol para permitir o arranxo dos danos detectados no pavimento na banda de rodadura fronte ao Centro de Saúde e por detrás da Igrexa.

A empresa adxudicataria do proxecto será a encargada de corrixir as deficiencias derivadas da execución da obra dentro do período de garantía das mesmas o que obedece ao seguimento e control exhaustivo que o Concello está a realizar sobre as actuacións enmarcadas na Estratexia Corazón Verde.

Os labores, que comezarán o próximo martes día 12, implicarán unha serie de restricións para a circulación que quedarán recollidas nun novo Plan de Tráfico, de xeito que os vehículos que accedan dende San Marcos serán desviados a partir desa xornada por Amor Meilán, continuando por detrás do Cuartel a través de Quiroga Ballesteros e a rúa San Froilán, ata a saída pola Porta de San Fernando.

A intervención responde ao compromiso do Goberno de Paula Alvarellos de garantir a calidade das obras executadas, buscando unha mellora duradeira do espazo público para a veciñanza e visitantes, tendo en conta, ademais, que se trata dunha contorna emblemática, de alto valor patrimonial e turística e cunha intensa actividade económica.

A Policía Local reforzará a súa presenza nos puntos clave da nova organización viaria para facilitar o tránsito e garantir o cumprimento das novas medidas que entrarán en vigor esta semana, en coordinación co plan de traballo establecido. Igualmente, lémbrase que só está permitido o acceso ao Centro Histórico a vehículos atorizados (residentes, usuarios aparcamentos, servizos, emerxencias, vehículos con autorización especial) co fin de avanzar cara a futura ordenación da Zona de Baixas Emisións que se implantará neste ámbito e aumentar as condicións de seguridade e confort peonil.

Comeza a XIX edición do Concurso de Tapas de Lugo

Hoxe deu comezo a XIX edición do Concurso de Tapas de Lugo, que se celebrará ata o vindeiro 24 de novembro. O acto de comezo celebrouse no restaurante El Boni, que no ano 2023 resultou gañador deste concurso por cuarto ano consecutivo.

Entre o 8 e o 24 de novembro os locais participantes ofertarán as súas tapas a todas as persoas que o desexen, que exercerán de xurado popular para escoller a tapa gañadora do concurso e as finalistas, que serán avaliadas posteriormente por un xurado profesional.
As persoas que o desexen, poderán votar as distintas tapas mediante un cupón de votación individual, que deberá ir selado polos establecementos participantes. Cada tapa poderá ser puntuada cunha nota do 1 ao 5. Todos os cupóns presentados participarán no sorteo de distintos premios, os cupóns participantes cun mínimo de 12 establecementos visitados, participarán no sorte o dunha escapada gastro-relax para dúas persoas no Hotel Abadía de los Templarios, en Salamanca, e os selados por 25 establecementos participarán no sorteo dunha viaxe dunha semana para dúas persoas a París. Ademais, este ano púxose en marcha un novo sorteo a través da rede social Instagram, onde todas as persoas que sigan á APEHL (@eparacomerlugo) e publiquen algunha das tapas participantes coa etiqueta #concursotapaslugo participarán no sorteo de 3 ceas sorpresa para dúas persoas.
A edición 2024 do concurso de tapas de Lugo conta con 43 locales de hostalería participantes distribuídos por toda a cidade: 3 pés, a Laxa, Anda, Antas, Ave César, Bulló Xantar, Casa D’Auga, Colmado 1769-Pazo de Orbán, Desnivel tapas e copas, Devega, Eduri, El Boni (gañador en edicións anteriores), El Dotmas Bas, Galo, Gran Café (Gran hotel de Lugo), Hotel Mercure Lugo Brasas Brancas, Karrusel, La Cosechera de 1977, La pepita Burger Bar, La terraza del Méndez, Las Cinco Vigas, Malizzia Street Food, Mesón El Castillo, O Castor, O Cincuenta e Seis, O Figón, O Mercado, O Portalón do Gordo, O Pote, Orixe do Campo, Ourizo, Paprica (gañador en edicións anteriores), Parada 33, Pasarela, Portal 36, Prebe by Bret, Pulpería o Castelo, San Marcos Café, Santeiro’s Terraza, Taberna Pimentel, Tapería Beira, Tapería o Peque e Toni Portela.

Lugo celebrará unha gala benéfica para recaudar fondos para os afectados pola DANA

A sociedade lucense está en shock pola terrible situación que se está vivindo no Levante, tras a destrución ocasionada pola DANA que acabou coa vida de máis de 200 persoas e causou innumerables danos materiais.

Houbo fantásticas iniciativas de empresas e particulares da nosa cidade e provincia que levaron víveres e produtos de primeira necesidade aos afectados, e a este esforzo colectivo únese agora unha nova acción protagonizada por diferentes empresas e artistas locais. Unha gala solidaria: A música e a maxia serán as protagonistas dun espectáculo que é posible grazas á desinteresada colaboración de todos os artistas, técnicos e empresas que interveñen nesta iniciativa. Coordinados polo Mago Rafa, quen tivo a iniciativa deste espectáculo, participan os ilusionistas Dani Polo e o propio Mago Rafa e os músicos David Taboada, Jairo López Quiñoa e Iria Estévez, así como A Penúltima Sabinera (en formato acústico).

Desde mañá sábado día 9 ata o propio venres 15 ás 14:00 horas poderanse obter as entradas, que serán un donativo de tan só 10 euros. O total da recadación, ao 100%, destinarase aos afectados pola DANA a través de Cruz Vermella Española grazas á xenerosa colaboración de artistas, empresas e técnicos, que traballarán de forma desinteresada.

Fixáronse cinco puntos de venda para as entradas, que tamén colaboran desinteresadamente, e son os seguintes:

  • Cruz Vermella de Lugo, Avenida de Madrid s/n
  • Cruz Vermella de Lugo, C/ Mallorca nº 24 (de 8:30 a 15:00 e de 16:30 a 19:00)
  • Lambetadas Ray, Praza Maior nº 20
  • Estacionamentos Ánxel Fole, C/ Ánxel Fole s/n (aberto 24 horas)
  • Cafetería San Marcos, C/ San Marcos nº 1

O propio venres pola tarde, a partir das 20:00 horas, poderanse adquirir as entradas no despacho de billetes do Auditorio.

Fila CERO: Para aquelas persoas que non poidan acudir á gala ou queiran colaborar cun importe adicional, habilitouse unha Fila CERO, facendo unha transferencia ao número de conta seguinte, polo importe que desexen, co concepto “FILA CERO CALMANDO TORMENTAS”

Conta bancaria no Banco Sabadell número ES17 0081 7630 1400 0132 8534 O total dos importes recibidos, sen descontos nin comisións de ningunha clase, será doado a Cruz Vermella Española para os afectados pola DANA.

Tamén se convida aos lucenses para consultar outras formas de doazón directa en www.cruzroja.es.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com