Novas

Proposta para nomear o novo auditorio da cidade de Lugo

A presenza dos nomes de muller no nomenclátor da cidade (rúas, prazas, centros sociais e culturais, auditorios) non chega a un 10%. É unha mostra máis da desigualdade estrutural entre homes e mulleres que evidencia a exclusión histórica e a invisibilización da aportación feminina en todos os ámbitos do saber. O nomenclátor do mapa urbano de Lugo é unha forma de memoria colectiva con gran significado simbólico e pedagóxico. Por iso, entendemos que reparar o desequilibrio entre a representación feminina e masculina é unha obriga social inaprazable. MARUXA VILLANUEVA A Barrela 1906 Santiago de Compostela 1998 Filla dunha mestra que foi quen a iniciou no canto. En 1926, cando tiña vinte anos, emigrou a Arxentina. En Bos Aires contacta co matrimonio composto polo pianista vasco Juan Gueresta e a cantante galega Esperanza Blanco, que despois de escoitala cantar, lle posibilitarán algúns contratos para participar en varias emisións radiais. En 1936, o seu éxito como cantante é recoñecido polos medios e por unha extensa nómina de admiradores no seo da colectividade galega. Consagrada totalmente ao canto e tamén á escrita de moitas letras dos temas musicais que interpretaba, foi considerada unha auténtica “raíña do alalá”. Maruxa colaborou moi activamente nas actividades a favor da República organizadas polo sector da colectividade emigrada que se decantara nese sentido. Neses anos coñece ao que será co tempo o seu marido, o dramaturgo estradense Daniel Varela Buxán, que daquela se iniciaba como autor teatral. Varela convidouna a cantar na estrea da súa primeira obra titulada “Se o sei… non volvo á casa” no Teatro Maravillas de Bos Aires, moi frecuentado pola colectividade galega. Era o ano de 1938 e así botaba a andar a Compañía de Teatro Aires da Terra, na que tamén participaba outro galego ilustre das artes escénicas, o ourensán Fernando Iglesias, máis coñecido como Tacholas. Varela Buxán e Maruxa forman unha compañía estable Compañía Gallega de Comedias Marujita Villanueva. Esta compañía puxo en escena, ademais de Os Vellos non deben namorarse de Castelao (1941), a práctica totalidade da produción dramática do autor da Estrada. Algunhas destas pezas, con Maruxa como primeira actriz, chegaron a ser representadas en máis de cen ocasións en teatros de Bos Aires e Montevideo, onde precisamente Maruxa casou con Varela Buxán en 1941. Durante os longos anos que botou na Arxentina trabou amizade con Salvador de Madariaga, Eduardo Blanco Amor, Xavier Bóveda, Ramón D.Villar, Castelao, Alberto Vilanova e sobre todo, coa pianista e soprano arxentina Maruja Iniesta En 1949, regresou á terra. A súa amizade con Otero Pedrayo deulle a oportunidade de facer unha actuación musical no Círculo das Artes de Lugo con grande éxito. A esta, e sempre introducida por persoeiros importantes da cultura galega, seguiron outras en Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo. En 1953, retomou tamén a actividade teatral cunha pequena compañía, “Os Labregos”, dirixida por ela, integrada por xente nova da súa parroquia natal. Aínda que as actuacións que fixeron tiñan fins filantrópicos, a censura franquista rematou coa súa acƟvidade. Anos máis tarde, en 1958, desencantada polos problemas existentes en Galicia para desenvolver o seu labor, Maruxa volve a Bos Aires, Forma parte do trío vocal “Rosalía de Castro”, xunto coas sopranos arxentinas Elsa de Zoppo, e a súa grande amiga Maruja Iniesta. En 1962 retorna definitivamente a Galicia e cando en 1971 o Dr. Agustín Sixto Seco foi elixido presidente do Padroado Rosalía de Castro propúxolle a Maruxa atender Casa Museo, onde tamén viviría a partir de 1974. Desde entón dedicou todo o seu tempo á casa e á obra de Rosalía e converteuse nunha auténtica especialista no tema. Foi obxecto, tanto en Galicia como en Bos Aires, de numerosos premios e homenaxes, entre eles a Medalla Castelao da Xunta de Galicia e, postumamente, o premio María Casares de teatro. Maruxa Villanueva, que naceu como María Isaura Vázquez Blanco, finou no Hospital de Conxo de Santiago de Compostela o 24 de novembro de 1998 aos 92 anos de idade. En definitiva, Maruxa Villanueva é unha figura feminina vinculada co teatro, coa produción teatral, coa interpretación coral e solista. Relacionada co galeguismo histórico, co mundo da emigración e do exilio. Malia todo é unha personaxe descoñecida, por iso entendemos que o seu percorrido vital ben merece ser rescatado do esquecemento pola súa relación coas artes interpretativas e musicais, coa cultura galega e coa memoria histórica. No caso da nosa cidade é tamén unha cuestión de xustiza paritaria. A pesar do ata aquí exposto, existen outras mulleres que ben poderían dar nome ó novo Auditorio, como é o caso de Maruxa Mallo, figura de proxección mundial. A súa biograİa , de sobra coñecida, abrangue moitos eidos, tamén teatrais: maqueta, figuríns, escenografía para teatro. Salientamos a ópera bufa Clavileño, de Rodolfo HalƩer, cuxa estrea quedou frustrada pola guerra civil. Novembro 2024.

 

Foro Feminista de Lugo

O Belén de Begonte abrirá ao público dende o 30 de novembro ata o 1 de febreiro

Os tres directivos responsables do funcionamento e atención ao Belén de Begonte están dando os últimos toques á instalación para que todo estea a punto para comezar a funcionar a finais do presente mes, en concreto abrirá ao público dende o 30 de novembro ata o 1 de febreiro de 2025, ampliando asía o seu período de funcionamento.

Carlos Torres Llamas, Jesús Veiga Sangiao (Sito) e Ramiro Cruz Gómez levan traballando desde mediados de outubro revisando a instalación, incorporando figuras e reestruturando a situación de outras para que no Belén da próxima tempada e no Museo do Belén se aprecien importantes cambios.

O Belén vai funcionar desde o 30 de novembro ata o 1 de febreiro de 2025, co seguinte Horario de visitas:
– 1 a 19 / 12 / 2024: Sábados, Domingos e Festivos, de 11,00 a 13,00 e 16,00 a 19,00.
– 20/12/2024 a 6/01/2025: TODOS OS DÍAS, de 11,00 a 13,00 e 16,00 a 19,00 h.
– 7 a 26/1/2025: Sábados, Domingos e Festivos, de 16,00 a 19,00h. Para visitas colectivas, haberá que concertar cita previa no Tfno. 610.907306. Para información sobre o Belén e as súas actividades, consultar a web https://www.belendebegonte.es

O Campo de fútbol da Polvoreira retoma a actividade

O Campo de fútbol da Polvoreira retoma este venres a actividade tras a súa renovación. Esta intervención supuxo a substitución integral do céspede artificial, agora certificado pola FIFA, garantindo que a superficie cumpre cos estándares de calidade FIFA QUALITY e FIFA QUALITY PRO, o que permitirá aos deportistas xogar en condicións óptimas de seguridade e confort. A mellora representa un investimento significativo, e responde ao compromiso do Goberno local por dotar a cidade de Lugo de infraestruturas deportivas de alto nivel.

Co campo renovado, os clubs locais poderán retomar os seus adestramentos a partir de mañá, garantindo unha transición cómoda para os equipos. Entre as entidades que volverán á actividade destacan o EF Polvorín, o San Roque, o Ceosport Lucense e a Gimnástica Lucense, todas elas elementos clave no fomento do deporte base na cidade.

A partir da próxima semana, o CEIP das Mercedes tamén poderá recuperar o seu uso habitual do campo, empregando as instalacións para as súas actividades deportivas escolares, así como para as horas de recreo, unha práctica xa consolidada que contribúe á formación física dos estudantes.

O primeiro encontro competitivo tralo remate das obras terá lugar o sábado ás 10:00 horas, cando o equipo CEOSPORT Lucense B se enfronte ao EF Polvorín B nun partido da Liga Local Infantil. Ao longo da fin de semana, o campo acollerá un total de 12 partidos, abarcando categorías desde infantil ata a Liga Rexional.

Comisións Obreiras denuncia a privatización de servizos municipais no Concello de Lugo

A sección sindical de CCOO no Concello de Lugo denuncia a privatización de servizos municipais en vez de reforzar o sector público. Deste xeito, o sindicato expresa “o seu rexeitamento pola decisión da xunta de goberno local de contratar servizo especializado para a reparación de avarías e apoio na rede de abastecemento e saneamento de auga cun orzamento de 423.500 euros anuais, que poderían superar os 700.000 en caso de prórroga”.

Comisións ve “insólito que un goberno que presume de esquerdas e compromiso social» destine case medio millón de euros para encomendarlle a unha empresa privada a prestación dun servizo público”. “Estamos a falar de máis de 423.500 euros anuais que, ben xestionados, en persoal municipal dan para contar cunha brigada municipal importante e que podería realizar eses traballos”, sinalan.

Ante as afirmacións por parte do Concello de que “o contrato permitirá reforzar o mantemento de infraestruturas críticas e garantir unha resposta rápida e eficiente ante posibles incidencias”, a sección sindical e CCOO pono en dúbida. “A brigada municipal funcionou ben durante moito tempo, xusto ata que hai uns anos se comezaron a encargar actuacións a operarios alleos ao Concello”. Esa experiencia proba que a externalización “non redundou nun mellor funcionamento; ao contrario, o abastecemento de auga empeorou e o custe foi considerablemente superior”.

A “inacción” do Concello en relación á brigada de augas xa foi denunciada por CCOO a comezos do verán. Nunha nota remitida aos medios de comunicación o 9 de xullo, o sindicato sinalaba “que a falta de persoal impedía o normal funcionamento e facía que estivese inoperativa as fins de semana e os festivos”.

Para CCOO, unha brigada de só oito integrantes é “claramente insuficiente” para atender as necesidades dunha poboación de 100.000 habitantes”. Precisamente, a comezos do verán, o sindicato xa denunciaba publicamente que “o exiguo equipo non podía operar en fins de semanas e festivos por ter persoal de baixa médica ou gozando vacacións”.

Por todo isto, CCOO esixe “a cancelación desta externalización e a negociación dunha relación de postos de traballo que permita reclasificar e dotar a brigada municipal de augas de quendas de noites e fins de semana —do mesmo xeito que acontece cos bombeiros ou a Policía Local—. Segundo os cálculos do sindicato, esta si seria unha medida «eficiente» e permitiría aforrar uns 300.000 euros para as arcas municipais”.

O PP reclama solucións para que a Escola de Música abra as súas portas canto antes

O Partido Popular recrimina ao responsable desta área, o BNG, que “poña en risco este servizo público que conta cunha alta demanda e que
deixe na estacada aos 350 lucenses que se apuntaron nas listas deste curso académico que debería estar funcionando dende setembro”.

O popular, Javier Vázquez, afirmou que a “Escola de Música é un servizo público fundamental na oferta cultural e educativa de Lugo lembrando que o problema da situación que vive nestes momentos vén motivado porque o goberno local se nega a cumplir o acordo do pleno de subir aos músicos da banda á categoría retributiva que lles corresponde como docentes”

Dende o PP queren respostas claras indicando como “o 28 de novembro rematou o prazo para que se presentansen as persoas interesadas en formar parte do equipo directivo da Escola de Música, un órgano necesario para que funcione este servizo”.

Vázquez insiste en que hai “desinformación aos usuarios, de feito, a Circular Informativa que hai na porta da Escola se pode ler que a previsión é iniciar a actividade académica nos primeiros días de outubro”.

Dende o Partido Popular piden “unha solución urxente e un compromiso real coa cultura”.

O Concello pon en marcha a campaña de control de estorniños para minimizar os efectos

O Concello puxo en marcha esta semana unha nova campaña de control de estorniños, co obxectivo de reducir os efectos que estas aves ocasionan na contorna urbana debido á súa concentración masiva en certos puntos da cidade.

A campaña céntrase na aplicación de técnicas especializadas, tales como sistemas de sons de alarma fixos e móbiles, voos de intimidación de aves rapaces adestradas, así como outras metodoloxías que variarán segundo as necesidades do servizo. Estas intervencións, tal como sinala o prego técnico do contrato, están deseñadas para afectar unicamente á especie diana, o estorniño pinto e outras aves da mesma familia, sen causarlles ningún tipo de dano físico.

Nos vindeiros días, os traballos continuarán en diferentes puntos da cidade, co fin de reducir a poboación de estorniños ata niveis que non resulten molestos para o público.

O Concello manterá un seguimento regular da situación e solicita á veciñanza que colabore avisando ao Servizo de Medio Ambiente, ou chamando ao teléfono 010, en caso de detectar novos asentamentos de estorniños en outras áreas.

Este dispositivo especial de control, que se estenderá nas próximas semanas, inclúe tamén un sistema de vixilancia para evitar que as aves se establezan de forma permanente en zonas urbanas, continuando ata que a situación quede completamente estabilizada.

O Concello contrata un novo servizo dedicado á reparación de avarías nas redes de abastecemento e saneamento de auga

O Concello de Lugo contrata un novo servizo dedicado á reparación de avarías e mantemento das redes de abastecemento e saneamento de auga. Este contrato, cuxa tramitación aprobará hoxe en XGL e que conta cun orzamento base de licitación de 423.500 euros anuais, permitirá reforzar o mantemento de infraestruturas críticas e garantir unha resposta rápida e eficiente ante posibles incidencias, en beneficio de toda a cidadanía.

O servizo especializado estará operativo durante un ano con opción a prórroga por outro adicional. Esta nova contratación busca mellorar a atención ás avarías que se producen fóra do horario habitual da brigada de augas, reforzando o operativo activado nos últimos meses e asegurando un servizo de emerxencias dispoñible en todo momento. A distribución do orzamento contempla 302.500 euros anuais para a rede de abastecemento e 121.000 euros para a rede de saneamento, adaptándose ás necesidades específicas de cada área.

Axudar aos vivos

En Miño, onde veraneo, a Praia Grande loce, xunto coa bandeira azul, unha enseña verde pola que ninguén se preocupa xa que sabemos que naquela praia non hai problemas. Se a bandeira é amarela, só nos torna da praia se a temperatura baixou abondo. Se bermella, que non lembro se se ten posto algunha vez, só despertaría a nosa curiosidade. As cores non doen, e non as interpretamos coa debida firmeza.

En canto á meteoroloxía, estamos tan afeitos a danas, temporais, gotas frías e frontes de choiva que só nos preocupan á hora de programar viaxes, ou se hai que levar paraugas ao saír á rúa. E como case sempre despois de previsións preocupantes resulta que non é para tanto, parécenos que os meteorólogos son algo esaxerados. Coido que se en Galicia houbera un aviso bermello, só lle faría caso unha porcentaxe non moi grande dos que se desen por informados.

Cando en 2021 nunhas enchentes en catro paises europeos houbo douscentos trinta mortos, amilagrámonos todos porque na Europa moderna e preparada se puidese ocasionar unha catástrofe de tal calibre, atribuíndoo á excesiva confianza, falta de preparación, imprudencias ou desorganización. E de súpeto, o mesmo ocorre á nosa beira, onde ou se avisou tarde ou o aviso non se atendeu; ou se conformou a tormenta perfecta, orixinando a catástrofe máis terrible da que temos memoria.

O cambio climático, construcións onde nunca deberon facerse, prevencións imposibles e todos os imponderables conxugados sumíronnos na incredulidade e no horror. Toca chorar aos mortos, axudar aos vivos, e loitar por impedir que volva ocorrer algo así.

 

Morre unha muller tras ser alcanzada por un vehícula na Avenida Infanta Elena en Lugo

O 112 Galicia tivo constancia do suceso pasadas as 20:30 horas, logo de que alertasen as urxencias sanitarias dun accidente na Avenida Infanta Elena Duquesa de Lugo. Ademais, indicaron que o atropelo podía ser grave.

A muller que atravesaba un paso de peóns nese momento foi alcanzada polo turismo e logo da chegada dos servizos de emerxencias ata o lugar, estes confirmaron que a muller estaba falecida.

 

Os veciños e veciñas de Becerreá esixen a Tomé a apertura da residencia comarcal

Os veciños e veciñas que conforman a Plataforma Pro Residencia de Becerreá acudiron hoxe ao Parlamento de Galicia  para esixirlle ao presidente da Deputación de Lugo a apertura do centro comarcal de atención a maiores que leva preto de 3 anos rematado e aínda pechado sen ofrecer servizo aos veciños e veciñas da comarca e sen xerar postos de traballo.

A Plataforma estivo apoiada polo PP de Becerreá cuxo portavoz, José Fernández Carrete, así como concelleiros do Grupo Municipal Popular que tamén se desprazaron a Santiago de Compostela para reivindicar a apertura de dita residencia, coincidindo coa comparecencia do presidente do goberno provincial, José Tomé, no Parlamento de Galicia sobre os orzamentos da Deputación de Lugo para o vindeiro ano 2025.

O portavoz popular lembra que “está a rematar o 2024 e continuamos coa residencia pechada”. Por iso, Carrete esixe ao goberno provincial de PSOE e BNG “partidas orzamentarias concretas” para garantir o equipamento que falta -como a cociña, por exemplo- e tamén “realizar todos os trámites que sexan necesarios para que a súa apertura sexa unha realidade”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com