Novas

As vítimas da Dana das que ninguén semella lembrarse

Desde a Asociación Si, hai saída desexamos ter unha lembranza moi especial, a vez que facer un chamamento para que se teña en conta, dentro do posible nesta tremenda catástrofe da DANA, dun colectivo cuxa situación de risco, xa habitual, se eleva de xeito notable.

Estamos a falar das vítimas de violencia de xénero e, por suposto, das súas fillas e fillos.

O comprensible e lóxico estado de nerviosismo pola tremenda situación que se está a vivir nas zonas mais afectadas, é un caldo de cultivo perfecto para que tamén aumente a agresividade dos seus maltratadores, e, porén, o perigo ao que están expostas.

Moitas delas están totalmente illadas cos seus agresores, incomunicadas, sen poder sequera cargar os seus teléfonos por encontrarse sen electricidade,e sen posibilidades, porén, de pedir axuda.

En canto as FCSE damos por sentado que tamén se están a ver sobrecargadas por esta dantesca situación, polo que é mais que posible que, ante unha chamada de auxilio por unha agresión machista, non poidan responder nin actuar coa celeridade e eficiencia que sería de desexar.

Son estes, para elas, momentos de especial perigo, e temos que recoñecer que nos angustia enormemente pensar nos momentos de pánico que moitas delas estarán a vivir, e con todo fundamento.

Unha vez mais debemos apelar a veciñanza, que, como todos podemos ver, está a responder de xeito exemplar, e que, ante unha situación de violencia machista, ou a sospeita de que se estea a producir, lles brinden todo o apoio e refuxio que lles sexa posible.

Somos conscientes de que é pedir moito, dadas as tremendas circunstancias, pero, por favor, non as esquezades.

Estamos seguros de que non o faredes.

Asociación Si, hai saída

4 Novembro 2024

O Concello de Lugo envía un destacamento de bombeiros a Valencia

O Concello de Lugo enviou hoxe un destacamento especial composto por 10 bombeiros para colaborar nas tarefas de emerxencia que ocasionou a DANA na Comunidade Valenciana, en resposta ás necesidades de recursos materiais e humanos coordinadas pola Federación Valenciana de Municipios e Provincias (FVMP). Este operativo súmase ao dispositivo xa activado en Lugo para canalizar a solidariedade cidadá, que inclúe a recepción de doazóns de produtos esenciais e a mobilización de voluntariado.

A unidade de apoio enviada a Valencia está integrada por 10 bombeiros, divididos en dous equipos de 5 membros, a razón dun cabo e 4 bombeiros en cada grupo. Esta unidade leva consigo recursos materiais preparados para as condicións da emerxencia como bombas de achique – entre elas unha bomba de gran caudal, 4 bombas eléctricas e 2 de augas sucias; medios de arrastre e transporte; equipos de iluminación; equipos de auga e traxes de protección así como material de autosuficiencia como poden ser carpas, camas pregables ou esterillas para asegurar a autonomía da unidade en Valencia.

En paralelo ao desprazamento do destacamento, o Concello de Lugo ten activado un dispositivo de recollida de doazóns e voluntariado:

1.    Doazóns de produtos: a recollida realizarase no Centro Social Díaz Castro (Rúa Díaz Castro, 6) de luns a venres, en horario de 16:30 a 20:30 horas. Solicítanse produtos de primeira necesidade como auga, leite, fiambres, pan, pan de molde, latas de atún, artigos de hixiene persoal e doméstica, cueiros e compresas que, se agradece, sexan entregados en caixa aberta para facilitar a súa clasificación e posterior transporte.
2.    Voluntariado: a Oficina Municipal de Voluntariado xestionará o rexistro de voluntarios que desexen colaborar na recepción e clasificación das doazóns. A inscrición pode realizarse a través do correo voluntariadolugo@lugo.gal ou presencialmente, a partir do martes, no Centro Social Uxío Novoneyra (Rúa Quiroga Ballesteros, s/n), en horario de 09:00 a 14:00 horas.

O Concello de Lugo aconsella que todas as colaboracións se realicen a través de organismos oficiais para garantir que a axuda chegue ás persoas realmente afectadas pola DANA.

A Xunta activa unha nova edición dos Bonos Activa Comercio

A Xunta está a destinar 2,5 millóns de euros, cos que prevé mobilizar 12 millóns en vendas nos establecementos de proximidade galegos co obxectivo de incentivar a demanda e atraer nova clientela ao sector.

Os negocios que desexen participar nesta iniciativa levan sumándose desde o pasado 23 de outubro, e teñen de prazo para seguilo facendo ata o 15 de decembro. Mentres, as persoas consumidoras poden descargar desde xa na web www.bonosactivacomercio.gal bonos desconto de ata 30 euros para as compras que realicen nos comercios vencellados.

Os bonos teñen formato dixital QR e están dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe vaise reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Como en anteriores ocasións, cada persoa pode descargar un único bono, e non se limitará o número de usuarios, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.

Na última edición superáronse os 6.800 negocios participantes. En total, nas catro edicións anteriores acadáronse os obxectivos, mobilizándose no sector comercial retallista máis de 77 millóns de euros.

O Concello de Lugo activa un operativo especial para colaborar coas persoas afectadas pola DANA

O Concello de Lugo acaba de poñer en marcha un dispositivo de emerxencia en resposta á solicitude de axuda trasladada pola Federación Valenciana de Municipios e Provincias (FVMP) co obxectivo de canalizar a solidariedade dos lucenses e ofrecer unha vía segura para colaborar coas persoas afectadas polo temporal.

Hai dúas vías de colaboración dispoñibles: voluntariado e doazóns

As persoas interesadas en colaborar teñen á súa disposición dúas modalidades:

  1. Voluntariado: a Oficina Municipal de Voluntariado articulará un rexistro de voluntarios para axudar na recepción e clasificación das doazóns. Quen queira sumarse a este labor poderá facelo a través do correo electrónico voluntariadolugo@lugo.gal ou presencialmente, a partir do martes, no Centro Social Uxío Novoneyra, en horario de 09:00 a 14:00 horas.
  2. Doazóns de produtos: o Concello habilitará o Centro Social Díaz Castro para recibir doazóns de produtos de primeira necesidade que a FVMP solicitou, como auga, leite, fiambres, pan, pan de molde, latas de atún, artigos de hixiene persoal e doméstica, cueiros e compresas. As persoas que desexen doar poderán facelo de luns a venres, de 16:30 a 20:30 horas.

Comeza a vacinación fronte a gripe e a covid-19 para os menores de 80 anos

A Consellería de Sanidade iniciou onte a vacinación fronte á gripe e a covid-19 nos grandes recintos convocando a 36.160 lucenses de entre 70 e os 79 anos no Hospital Universitario Lucus Augusti, o Hospital Público da Mariña e o anexo do IES Río Cabe.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, supervisou hoxe no Hula a marcha da campaña e explicou que as persoas neste tramo de idade poden participar voluntariamente no ensaio clínico GalFlu para testar a vacina antigripal de protección reforzada.

Arias lembrou que este tipo de vacina xa se está a aplicar a maiores de 80 anos, e o propósito nesta fase de estudo é corroborar se resulta igualmente beneficiosa para as persoas de entre os 65 e 79 anos. No 2023 levouse a cabo a primeira fase, sendo Lugo a provincia que rexistrou unha maior participación; obtivéronse resultados positivos, ao reducir a taxa de ataque de infección por gripe do 14,6% en galegos de 65 a 79 anos non vacinados ata o 10,30% de media na cohorte de GalFlu.

A vacinación das persoas de 80 e máis anos continúa nos centros de saúde de cabeceira; os niveis de cobertura acadados en Galicia neste grupo xa son do 66,5% no caso da gripe, e do 62% no caso da covid, e nos vindeiros días tentarase repescar aos que aínda non se vacinaron.

Ademais, tamén se pode pedir autocita para inmunizar aos nenos e nenas fronte ao virus respiratorio sincitial nos centros de saúde a partir do 4 de novembro e ata finais dese mesmo mes. O departamento sanitario galego pretende recaptar aos nenos e nenas que non se inmunizaron nos hospitais, de forma que agora poderán facelo no seu centro de saúde de cabeceira.

A medida está dirixida a nenos e nenas sen factores de risco nados desde o 1 de abril de 2024 ata que remate a actual campaña, o 31 de marzo de 2025.

 

Os cines Codex estrean este xoves os filmes “Rita” e “Salva María”

Esta semana chega as pantallas dos Codex Cinema os filmes “SALVE MARÍA” e “RITA”

SALVE MARÍA, un filme inquietante pero ao mesmo tempo sensible e fascinante pola profundidade e a cantidade de matices. Un maxistral thiller de terror sobre a maternidade.

Sinopse:  María, unha escritora que acaba de ter un fillo, atópase cunha nova sobre un suceso arrepiante dunha nai que afogou aos seus fillos xemelgos de dez meses de idade. O infanticidio déixaa atónita e obsesiónaa tanto, pensando as razóns detrás dese feito tan atroz, que comeza a aparecérselle como unha posibilidade aterradora.

A outra estrea da semana é “RITA”, filme dirixido pola actriz Paz Vega no seu debut na dirección cun exquisito gusto pola luz e o encadre e que nos conta un desasosego drama familiar de tenrura e violencia

Sinopse:  Rita e Lolo son dous irmáns de sete e cinco anos, fillos dunha familia obreira  que vive en Sevilla. Comezan as vacacións de verano e todo o país está revolucionado porque a selección de fútbol pasou a cuartos de final na Eurocopa de Francia. É xuño de 1984, vai moita calor e Rita soña con ir á praia pero a vida no barrio tenlle reservadas outras sorpresas…

O Concello cede os terreos necesarios para a construción da nova comisaría de Policía Nacional

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarllos, anuncio está mañá durante o transcurso do pleno extraordinario solicitado polo Grupo Municipal Popular que os terreos necesarios para a construción da nova Comisaría de Policía Nacional en Abella xa están ao dispor do Ministerio de Interior.

Así, a alcaldesa informou de que na Xunta de Goberno Local celebrada está mañá antes da sesión plenaria aprobouse a cesión dos terreos acordados coa Dirección Xeral da Policía Nacional e coa Delegación do Goberno de España en Galicia nos múltiples encontros celebrados ao longo dos últimos meses que chegaron á súa culminación na reunión mantida con ambas as institucións o pasado 9 de outubro na casa do concello na que o responsable da área de Infraestruturas Policiais e a arquitecta da Sección Norte do Servizo de Arquitectura da Policía Nacional confirmaron a idoneidade dos terreos ofertados polo Concello, que contan coa edificabilidade necesaria para o proxecto que se quere levar a cabo.

Deste xeito, aprobouse a transmisión con cambio de titularidade de dúas parcelas, unha  de 2.117 metros cadrados, sita no número 1 da rúa Orquídea, e outra de 483 metros de superficie situada no número dous da rúa Aquilino Iglesias Alvariño, situada fronte á anterior e destinada a prestar  servizos complementarios da actividade que se desenvolverá na nova sede da Policía Nacional en Lugo. Ambos os terreos, valorados en 1.005.399 euros, pasarán así a titularidade da Administración Xeral do Estado para a súa afectación permanente ao Ministerio de Interior para ser destinadas á construción da nova comisaría.

A Asociación Si, hai saída alerta sobre o perigo de identificar as acusacións en redes sociais con denuncias

Desde a Asociación Si, hai saída, ante as acusacións vertidas contra o xa ex voceiro de Sumar no Congreso dos Deputados Íñigo Errejón a través de mensaxes en redes sociais e que, desde diversos eidos, comezando pola receptora de tales mensaxes, Cristina Fallarás, denominan como “denuncias”, queremos aclarar o seguinte.

Nunca, e recalcamos, nunca, este tipo de mensaxes se poden considerar denuncias.

A efectos legais, son, sinxelamente, acusacións, sen fundamento ningún, por moi verdade que sexa o que nelas se relata.

As únicas denuncias válidas, tras as cales se pode iniciar un procedemento xudicial son as interpostas nunha Comisaría ou nun Xulgado.
A ninguén beneficia inducir a este tipo de confusión, se non que pola contra, causa un grave prexuízo, principalmente as vítimas, agás a persoa, neste caso a Sra. Fallarás, que se está encargando de espallalos, o que, obviamente, está a beneficiala a nivel mediático, no que é
evidente que, dun tempo a esta parte, decaera a súa presenza.

Entendemos, por suposto, que para as vítimas resulte menos traumático relatar as súas dolorosas experiencias por esta canle, pero o que non se pode permitir é que se lles engane dándolles a entender que isto vai ter un percorrido legal e xudicial, cando é totalmente falso.

É, por outra banda, intolerable e inxustificable que,desde diversos medios de comunicación, principalmente programas de Tv. nos que certos “pseudoexpertos” mais que opinar, ditan as súas sentenzas, case sempre un tanto desatinadas, se fomente esta confusión, e se frivolice
sobre algo tan grave como a violencia sobre a muller coma se de un tema da prensa do corazón, do que viven , se tratara.

Desde Si, hai saída non imos a pronunciarnos sobre a culpabilidade ou inocencia de Íñigo Errejón xa que, nin somos, obviamente, quen para facelo, nin temos a información precisa para isto, e, apelamos, unha vez mais a prudencia, pero si que hai algo que desexamos aclarar e
que é, a día de hoxe, un feito irrefutable, guste ou non admitilo: Íñigo Errejón, é, en tanto a xustiza non se pronuncie, presunto culpable dos delitos que se lle imputan, non sendo este o caso da Sra, Fallarás, que si é autora dun delito tanxible e certo, e é que, dispoñendo de tal
información, non acudira a cumprir coa súa obriga de denuncialo, en lugar de apresurarse a publicalo en redes sociais, algo do que ninguén semella decatarse, sen ter en conta o dano que está a facerlles a todas as mulleres vítimas de violencia machista ou de calquera tipo de
agresións, xa que lonxe de aumentar a súa credibilidade, está a contribuir a que sexan cada vez mais cuestionadas, coma se xa non no o estiveran, lamentablemente, abondo.

Non podemos, por outra banda, esixir que as leis e a xustiza actúen correctamente, en tanto se ignoren actuando dun xeito tan irresponsable como está a facelo a Sra. Ferradás e se está instando a facelo desde diversos medios.

Desde Si, hai saída non podemos mais que instar a que todas as mulleres vítimas de calquera tipo de agresión denuncien e, por suposto, no caso de que, cando o fagan, non se consideren debidamente atendidas, arroupadas, ou protexidas, tamén o digan, porque a nosa obriga é traballar para tentar impedir que isto suceda e non aproveitarnos da súa desgraza para sacarlle rendemento, sexa do tipo que sexa.

Asociación Si, hai saída.

Tamén ti, Errejón?!

As persoas estamos dotadas dun sentidiño que nos fai distinguir entre o correcto e o incorrecto e entender que a nosa liberdade – dereito máximo, vital – remata cando colisiona coa liberdade de outro. Cando souben da dimisión de Errejón por agredir dereitos dunha ducia de mulleres, viróuseme o sentido, durándome a incredulidade ata repasar páxinas de prensa e explosivos minutos televisivos. Diante dunha denuncia deste tipo, compre que se investigue, que se presenten probas ou testemuñas e se contrasten versións, sendo clarificador se no caso do denunciado chove sobre mollado.

Se algo teñen os novos movementos políticos de esquerda é a ánsia de renovación, de marcar diferencias e exaltar a muller de xeito que o seu plural identificativo sempre é feminino – “nosoutras” – como proba do respecto en todos os ámbitos. Que Errejón, elemento vital de formacións de esquerda, resulte acosador ou algo máis, agrava un comportamento abominable.

No Lugo público coñecémonos todos, e na clase política de Madrid, seguro que todos tamén saben de que pé coxea cada quen. Extraña que un comportamento así non se coñecese, pero aínda que aquí nos coñecemos todos, ninguen foi quen de saber no Concello de Lugo que habia unha autoridade con comportamentos impropios (de outro tipo) ata que os investigadores destaparon os feitos.

Non sabemos que repercusións xudiciais vai ter o proceder deste polìtico con cara de neno inocente, pero somos conscientes de que os feitos socavan confianzas, que o dano ocasionado ás vítimas é irreparable, qué é un fito nefasto aínda máis innoble nunha autoridade, e que nos fai temer que todo o irracional poida resultar posible.

Un traballador resulta ferido ao caerlle unha árbore enriba en Alfoz

Os feitos tiveron lugar contra ás 17:00h cando un particular contactou co 112 Galicia para avisar dun accidente laboral: a un home caéralle un eucalipto enriba, na parroquia de Bacoi, aínda que non se atopaba atrapado.

Con esta información, desde o CIAE 112 Galicia avisouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Barreiros e á Garda Civil. A dotación de bombeiros era precisa para mover ao ferido, pois atopábase nunha zona de difícil acceso, aínda que non chegaron a acudir: varios particulares da zona xa conseguiran mobilizar ao home. Posteriormente sería trasladado polo persoal sanitario ata o Hospital de referencia.

Trasladada unha persoa logo de ter unha fuga de gas na súa casa en Lugo

Asemade o 112 Galicia tamén informou de que foi coñecedor a través das urxencias sanitarias pouco despois das 15:30 horas, momento no que se produciu unha fuga de gas nunha casa da rúa Irmáns Carro, cunha persoa dentro do inmoble.

Desde a Sala de Operacións do 112 Galicia avisouse rapidamente aos Bombeiros de Lugo, á Policía Nacional e á Local e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Lugo.

Despois de que a dotación de bombeiros actuara no lugar, estes indicaron que a fuga proviña dunha estufa de gas que estaba prendida. Tras apagala e ventilar a estancia, as medicións correspondentes deron negativas. A persoa que estaba na vivenda atopábase inconsciente e tivo que ser trasladada polo persoal sanitario.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com