Novas

Camiñar

Camiñar por Lugo é unha experiencia; un placer. Aínda que non mo dixeron por escrito, os que saben do funcionamento dos corpos dixéronme que hai que camiñar, e camiño. Ordenaron que fosen corenta minutos diarios, e estou conseguindo medias de noventa. Paréceme que así lles levo un pouco a contraria, que esta debe ser das poucas rebeldías que a estas alturas me quedan.

Camiñar polo centro é doado para os que andamos pola segunda mocidade, porque non hai grandes costas se circulamos polo gran lombo deste promontorio que discorre entre Garabolos e Fingoi con dúas portas da muralla por medio.

Síntome algo máis torpe ca antes, e tropezo en calquera palla, xa non digamos nas lousas levantadas en Santo Domingo, nas mal colocadas arredor da muralla, nas que van erguendo as raíces das árbores, nas que nunca estiveron ben postas. Recordo cando os albaneis usaban un nivel para que non quedasen aristas nin buratos nos pavimentos. Desque entramos en Europa entendo que os niveis están prohibidos e todo se amaña a ollo.

Foime difícil nas festas, aborrecendo os paraugas, camiñar os días de choiva. E por principio négome sacar o coche para vir ao centro, salvo caso de forza maior, e arrepíntome dos centos de veces que vin traballar a golpe de volante, comprobando agora que se chega moito máis axiña no coche de San Fernando. Mesmo coido que estou traballando cando pola rúa atopo alguén con quen debia falar, ou por teléfono soluciono algún tema. Media vida pensando que o coche é o medio perfecto para desplazarme, e resulta que o mellor sistema téñoo incorporado desde que nacín. E, polo de agora, funciona. A ver se dura.

O Concello reforza os buses cara o cemiterio coincidindo co 1 de novembro

O Concello de Lugo anunciou os horarios dos buses especiais do Cemiterio Municipal coincidindo coa data do 1 de novembro

O percorrido especial partirá desde a parada de Obras Públicas, continuando pola Ronda da Muralla, rúa Santiago, e Volta da Viña, chegando ao cemiterio tras pasar pola Estrada Vella de Santiago. O percorrido de volta ao centro será pola Estrada Vella de Santiago, rúa Santiago e Rolda da Muralla, rematando na parada de Obras Públicas.

Na hora en punto, e cunha frecuencia de 30 minutos, poderase coller o bus en Obras Públicas, mentres que as chegadas ao cemiterio realizaranse a e 30 e a e 45. Este bus estará dispoñible nos momentos de maior afluencia no Cemiterio, funcionando o 31 de outubro entre as 15:00 e as 19:00, e o mércores 1 en horario de 10:00 a 19:00.

A Policía Local localiza a un menor de tres anos que camiña só pola rúa

Os feitos tiveron lugar no mediodía do día 27 cando unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo se despraza a unha praza da zona norte da cidade xa que varias persoas alertan que un neno pequeno camiña só sen compañía dun adulto. Os axentes localizan ao neno duns tres anos, facéndose cargo do menor e iniciando as investigacións para localizar aos seus pais, sendo localizados no interior dun local de culto, manifestando que os nenos quedaron a cargo doutros máis maiores, mentres cumprían coa súa relixión, descoñecendo que se extraviou, facéndose cargo del e levantando acta de intervención para a súa remisión ao órgano competente de Menores.

Asemade na noite do día 27 unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é informada pola Sala do 092 de que unha muller alertaba que desde hai horas non sabe nada do seu marido, cando ao parecer saíu do HULA e enviou unha mensaxe inquietante.

Os axentes comprobaron que dita persoa non fora atendido no devandito centro hospitalario, trasladándose ao Puente Novo onde esta persoa enviara unha foto a un amigo, pero non se atopaba no lugar, sendo localizado no interior do seu vehículo preto do Río Miño, nervioso e preocupado xa que estaba a pasar por un mal momento, sendo auxiliado e tranquilizado polos policías que requiriron unha ambulancia que o trasladou ao HULA para a súa atención médica, sendo acompañado no interior da ambulancia por axentes deste Corpo.

Fotografía: arquivo Policía Local de Lugo.

 

Os bombeiros liberan a unha persoa coa perna atrapada nunha motoazada en Sarria

Os feitos ocorreron ás 13:30 horas de hoxe no lugar da Agra, en Corvello, concello de Sarria. Segundo a persoa que chamou ao 112 Galicia, un home necesitaba axuda tras quedarlle unha perna atrapada nunha máquina agrícola. Concretamente, tratábase dunha motoazada e, malia que estaba consciente, era necesaria a intervención dos bombeiros para liberar a súa perna e recibir asistencia médica.

Así, desde o 112 Galicia, avisouse aos Bombeiros de Monforte, así como aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que decidiron enviar unha dotación a bordo do helicóptero con base en Ourense para favorecer unha traslado rápido e eficaz.

Ademais, foron alertados os axentes da Policía Local e da Garda Civil.

‘Irmás Sonoras’ poesía para impulsar desde a cultura a loita contra da violencia machista

O recital de poesía ‘Irmás Sonoras’ para impulsar desde a cultura a loita da sociedade contra a violencia machista, desenvolverase mañá día 29 ás 12 do mediodía no patio do ‘Vello Cárcere’ en Lugo.

O recital será dirixido pola poeta Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía 2023, e conxugará a palabra, a música e a danza. Nel participarán as poetas e xornalistas Olalla Cociña e Nieves Neira, a escritora e tradutora Tamara Andrés, así como Olga Novo e Chus Pato, galardoadas co Premio Nacional de Poesía no 2020 e neste 2024, respectivamente. As súas voces estarán acompañadas pola performance da artista Neves Seara. Ao acto, asistirán a subdelegada do Goberno na provincia, Isabel Rodríguez e a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos,

 

Este acto forma parte da programación anual da Delegación do Goberno en Galicia  arredor do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia sobre as Mulleres, que pode consultarse nesta ligazón.

Lugo incorpora dez novos axentes da Policía Local

Lugo incorpora desde mañá a dez novos axentes ao seu corpo da Policía Local. Deles, sete de prazas libres tomaron hoxe posesión, mentres que os outros tres de mobilidade xa o fixeron a pasada semana. Asemade en breve incorporaranse outros sete axentes, que actualmente están en formación na Academia, e se cubrirán seis postos no organigrama de mandos.

Actualmente o cadro de persoal da Policía Local está integrado por 125 axentes, aos que nos próximos meses se sumarán outros sete axentes e un mando por mobilidade. Deste xeito o Goberno Local sigue adiante para cumprir co obxectivo de irse aproximando ata os 140 operativos da Policía Local, tal e como establece a Relación de Postos de Traballo.

Cinco feridos nun choque entre unha ambulancia e un turismo en Burela

O 112 Galicia foi coñecedor do suceso a través as urxencias sanitarias a falta de 20 minutos para as 12:00 horas, logo de que informasen de que unha ambulancia acababa de sufrir un accidente cun turismo, preto do Hospital de Burela.

Os xestores do 112 Galicia compartiron a información coa Policía Local, que se ía desprazar ata o hospital, onde xa se atopaban os cinco feridos logo do choque, todos de carácter leve.

O “Truco ou Trato” volve un ano máis ao casco histórico

O vindeiro xoves 31 de outubro, preto de 90 establecementos participan no Truco ou Trato de Lugo Monumental no casco histórico da cidade e repartiran doces de balde aos nenos.

O funcionamento non pode ser máis sinxelo: 88 locais repartirán doces de xeito gratuíto aos nenos de Lugo que os queiran visitar, e para recollelos regalarán tamén  2.500 bolsas decoradas ao xeito de cabazas.

Nesta ocasión a Asociación optou por bolsas de papel, seguindo criterios de ecoloxía, e coa vantaxe de que están fabricadas en Lugo, na empresa VrioPack que está no Ceao. Deste xeito, non só se beneficia a firmas locais senón que se elimina unha gran cantidade de plásticos ao usar estas bolsas de papel.

Cada local entregará uns poucos caramelos xa que ao ser tantos establecementos non tería sentido facelo doutro xeito e a idea é que os nenos visiten o maior número posible.

Na web lugomonumental.es están xa colgadas as instrucións de participación e o enlace a un plano de Google Maps coa situación dos establecementos participantes.

O Truco ou trato será o día 31 (xoves) e os horarios serán os de cada establecemento.

¿Os nenos teñen que estar disfrazados? Non, entregaranse os doces a todos os nenos que visiten os establecementos, se ben recomendamos que se disfracen para que se divirtan máis.

¿É necesaria inscrición? Non. Os nenos simplemente teñen que ir aos establecementos e “ameazar” ao persoal coa clásica frase: “TRUCO OU TRATO”, e terán así os seus doces por xentileza dos locais participantes.

26 de outubro, Día do Dano Cerebral: as asociacións piden“a garantía efectiva da continuidade asistencial”

Un cerebro nacido san pode verse afectado en calquera momento por un ictus, un traumatismo cranioencefálico, ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido. Isto implica unha hospitalización que tamén supón o inicio do tratamento rehabilitador, un servizo que se interrompe cando a persoa volve á casa. ‘Pola garantía efectiva da continuidade asistencial’ é o lema do manifesto publicado este ano polo tecido asociativo do dano cerebral adquirido. Para demandar que finalice a soidade e abandono no que se atopan as familias nas que acaba de introducirse o dano cerebral adquirido.

O dano cerebral adquirido é unha discapacidade que teñen máis de 35.000 persoas en Galicia. A súa principal característica, o feito de ser adquirida, produce un enorme impacto a nivel da persoa e tamén da familia, xerando un cambio de roles e unha terrible desorientación á hora de procurar recursos de atención. As persoas volven á casa con secuelas, moitas delas invisibles -outra das trazas que definen o dano cerebral adquirido-, e sen recursos de atención pautados.

A segunda demanda do manifesto é, precisamente, a creación dun Código á Alta Hospitalaria que identifique as secuelas como dano cerebral adquirido. Desde xeito será máis doado acceder á información e asesoramento necesarios para que se lle asignen os recursos de atención máis adaptados ás súas necesidades, que, ademais, deben ser garantidos.

Este manifesto, do tecido asociativo organizado en torno a Daño Cerebral Estatal, vaise ler mañá, 26 de outubro, Día Nacional do Dano Cerebral, en actos públicos na Coruña (con ADACECO), Lugo (con Dano Cerebral Lugo), Ourense (con DCA Ourense) e Santiago de Compostela (con Dano Cerebral Santiago de Compostela). Alento, en Vigo, adiantou os seus actos á xornada de hoxe.

Lectura en Lugo

Dano Cerebral Lugo, ademais doutras actividades desenvolvidas ao longo da semana, ten previsto ler o manifesto mañá ás 12:00 diante do Concello. Vaise encargar de facer a lectura unha persoa usuaria da asociación.

Comezan os ensaios cun bioherbicida para eliminar a vexetación da Muralla

A Xunta de Galicia iniciou os ensaios cun bioherbicida a base de ácido pelargónico para eliminar a vexetación da Muralla de Lugo, desenvolvendo así unha das medidas previstas no Plan Director para a conservación do monumento.

O procedemento está a ser supervisado por especialistas, baixo a dirección do responsable do Plan Director, o arquitecto Ignacio López de Rego. Nunha primeira fase estudáronse no laboratorio os posibles efectos sobre a pedra e o morteiro, con resultados satisfactorios.

Hai quince días procedeuse a probar a súa eficacia en catro cuadrículas delimitadas xunto ao cubo LXXI, fronte ao Edificio Administrativo, das que se está a facer  seguimento. A solución aplicada ten en todos os casos o ácido pelargónico como principio activo, pero usáronse distintas técnicas e concentracións segundo os diversos tipos de plantas,  densidade ou tipoloxía de morteiro, entre outras consideracións.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude valorará a súa efectividade e incidencia sobre os muros, e se os resultados son positivos estenderase a lenzos enteiros durante a próxima primavera. A última fase consistiría en aplicala sobre todo o perímetro, xa no vindeiro outono, e propoñer a súa incorporación aos protocolos de mantemento.

Mentres tanto, tamén se retomou estes días na mesma zona a limpeza da Muralla cos métodos manuais tradicionais, traballos que cada ano deben interromperse a partir de  abril ou maio, a época en que máis medra a vexetación e tamén o momento en que os cirrios retornan aos seus niños ocultos nos muros.

 

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com