Novas

Comezan os ensaios cun bioherbicida para eliminar a vexetación da Muralla

A Xunta de Galicia iniciou os ensaios cun bioherbicida a base de ácido pelargónico para eliminar a vexetación da Muralla de Lugo, desenvolvendo así unha das medidas previstas no Plan Director para a conservación do monumento.

O procedemento está a ser supervisado por especialistas, baixo a dirección do responsable do Plan Director, o arquitecto Ignacio López de Rego. Nunha primeira fase estudáronse no laboratorio os posibles efectos sobre a pedra e o morteiro, con resultados satisfactorios.

Hai quince días procedeuse a probar a súa eficacia en catro cuadrículas delimitadas xunto ao cubo LXXI, fronte ao Edificio Administrativo, das que se está a facer  seguimento. A solución aplicada ten en todos os casos o ácido pelargónico como principio activo, pero usáronse distintas técnicas e concentracións segundo os diversos tipos de plantas,  densidade ou tipoloxía de morteiro, entre outras consideracións.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude valorará a súa efectividade e incidencia sobre os muros, e se os resultados son positivos estenderase a lenzos enteiros durante a próxima primavera. A última fase consistiría en aplicala sobre todo o perímetro, xa no vindeiro outono, e propoñer a súa incorporación aos protocolos de mantemento.

Mentres tanto, tamén se retomou estes días na mesma zona a limpeza da Muralla cos métodos manuais tradicionais, traballos que cada ano deben interromperse a partir de  abril ou maio, a época en que máis medra a vexetación e tamén o momento en que os cirrios retornan aos seus niños ocultos nos muros.

 

 

Marisol Bravos López recibe o Premio José Castiñeira

O próximo domingo, 27 de outubro, vai ter lugar no Claustro da Catedral de Lugo, a entrega do primeiro Premio José Castiñeira a Marisol Bravos López.

O premio foi convocado polo Orfeón Lucense, en memoria do seu fundador, co apoio do Bispado de Lugo, a Catedral lucense e a familia José Castiñeira para premiar a persoas ou institucións distinguidas polo seu labor humanístico. a prol da convivencia social e na mellora das relacións humanas.

A entrega eefectuarase ao remate da misa de aniversario do P. Castiñeira (13,00 h.), e antes da ofrenda que tradicionalmente se celebra diante da sua tumba.

Os cines Codex estrean esta tarde os filmes “Amal” e “A gran escapada”

Esta semana chega as pantallas dos Codex Cinema os filmes “AMAL” e “A GRAN ESCAPADA”.

AMAL, un filme magnífico e impactante sobre unha mestra que se enfronta á censura dos extremistas, un thriller implacable, conmovedor e ao mesmo tempo alarmante.

Sinopse:  Amal, unha profesora francesa dun instituto en Bruxelas, crea un método didáctico baseado en animar aos seus alumnos a cultivar o amor pola lectura, defender a liberdade de expresión e promover a tolerancia. Sen embargo, as súas ideas molestan a algúns compañeiros e alumnos, vinculados co extremismo islámico, contrario e totalmente oposto ao seu método de ensino. Amal mantense firme pensando que se o interiorizan a súa actitude pode mellorar e especialmente, cando ten que axudar a Monia, unha das súas estudantes, unha moza reservada a quen veñen de atacar, acosar e ameazar por sospeitas sobre a súa homosexualidade.

A outra estrea da semana éA GRAN ESCAPADA“, filme baseado en feitos reais. Unha conmovedora historia real, con dous grandes do cine, Michael Caine e Glenda Jackson que desprenden unha clase inigualable nos seus papeis protagonistas cunhas interpretacións soberbias.

Sinopse:  No verán de 2014 Bernard Jordan, un home de 89 anos que participou na Segunda Guerra Mundial, decide escapar da residencia na que vive coa súa cónxuxe para viaxar a Francia e unirse ás celebracións que conmemoran o 70 aniversario do Desembarco do Día D nunha praia de Normandía.

 

 

O XIX concurso de tapas de Lugo celebrarase entre o 8 e o 24 de novembro

O XIX concurso de tapas celebrarase entre o 8 e o 24 de novembro, e contará con sorteos para as persoas que degusten as distintas tapas participantes.  Os locais participantes ofertarán as súas tapas a todas as persoas que o desexen, que exercerán de xurado popular para escoller a tapa gañadora do concurso e as finalistas, que serán avaliadas posteriormente por un xurado profesional.

As persoas que o desexen, poderán votar as distintas tapas mediante un cupón de votación individual, que deberá ir selado polos establecementos participantes. Cada tapa poderá ser puntuada cunha nota do 1 ao 5. Todos os cupóns presentados participarán no sorteo de distintos premios, os cupóns participantes cun mínimo de 12 establecementos visitados, participarán no sorte o dunha escapada gastro-relax para dúas persoas no Hotel Abadía de los Templarios, en Salamanca, e os selados por 25 establecementos participarán no sorteo dunha viaxe dunha semana para dúas persoas a París. Ademais, este ano púxose en marcha un novo sorteo a través da rede social Instagram, onde todas as persoas que sigan á APEHL (@eparacomerlugo) e publiquen algunha das tapas participantes coa etiqueta #concursotapaslugo participarán no sorteo de 3 ceas sorpresa para dúas persoas.

A edición 2024 do concurso de tapas de Lugo conta con 43 locales de hostalería participantes distribuídos por toda a cidade: 3 pés, a Laxa, Anda, Antas, Ave César, Bulló Xantar, Casa D’Auga, Colmado 1769-Pazo de Orbán, Desnivel tapas e copas, Devega, Eduri, El Boni (gañador en edicións anteriores), El Dotmas Bas, Galo, Gran Café (Gran hotel de Lugo), Hotel Mercure Lugo Brasas Brancas, Karrusel, La Cosechera de 1977, La pepita Burger Bar, La terraza del Méndez, Las Cinco Vigas, Malizzia Street Food, Mesón El Castillo, O Castor, O Cincuenta e Seis, O Figón, O Mercado, O Portalón do Gordo, O Pote, Orixe do Campo, Ourizo, Paprica (gañador en edicións anteriores), Parada 33, Pasarela, Portal 36, Prebe by Bret, Pulpería o Castelo, San Marcos Café, Santeiro’s Terraza, Taberna Pimentel, Tapería Beira, Tapería o Peque e Toni Portela.

Acordo entre o Concello e a Diocese de Lugo

O concello de Lugo chegou a un acordo co Colexio Diocesano san Lourenzo para dispoñer do seu campo de Fútbol 8, deste xeito, facilítase o uso destas instalacións por parte dos clubs deportivos da cidade entre outubro de 2024 e xuño de 2025, coa posibilidade de estender esta colaboración a vindeiras tempadas..

O convenio inclúe o uso do campo, vestiarios e iluminación, sumando un total de 359 horas dispoñibles para os clubs da cidade, que poderán desenvolver tanto as súas actividades formativas como as competicións programadas.

 

O conselleiro de cultura asegura que a Xunta mantén o apoio á creación do museo da romanización

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asegurou hoxe que a Xunta mantén o seu apoio á creación do Museo da Romanización de Galicia no antigo cuartel de San Fernando, un Ben de Interese Cultural do século XVI, situado na capital lucense. Así o garantiu en resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento, na que lembrou que o Goberno galego “só está á espera” de que o Concello de Lugo consiga financiamento europeo ou estatal para completar esta achega, “tal e como se comprometeu o Executivo local hai agora un ano”, lembrou.

“A Xunta de Galicia quere colaborar co Museo da Romanización”, aseverou López Campos na súa intervención parlamentaria, onde lembrou que, no pasado mes de xullo, o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, xa confirmou que a Administración autonómica estaba disposta a colaborar neste proxecto.

No entanto, o conselleiro insistiu en que para esta implicación da Xunta, o Concello de Lugo debe cumprir coa “palabra dada” en outubro do pasado ano ao propio mandatario galego nunha reunión entre ambas as dúas Administracións. Daquela, o Goberno local comprometeuse a conseguir financiamento de fondos, ben europeos ou do Goberno central, co obxecto de que a Xunta completase ca súa achega a partida que será necesaria para reconverter o antigo cuartel de San Fernando en Museo da Romanización de Galicia.

“Polo tanto, xa hai un acordo enriba da mesa”, remarcou o responsable de Cultura do Goberno galego, quen incidiu na necesidade de que para a incorporación da Xunta ao proxecto de rehabilitación e reconversión en Museo da Romanización de Galicia “so queda que o Concello de Lugo cumpra coa súa parte”.

A Área de Xuventude presenta a programación de Samaín

O Concello de Lugo presentou hoxe a programación do Samaín 2024, unha das festas máis emblemáticas do outono galego.

A programación dará comezo o 28 de outubro coa actividade “Moda arrepiante e caras de medo”, un obradoiro de decoración e maquillaxe de disfraces que se celebrará ata o 31 de outubro, na Casa da Xuventude, de 17:00 a 19:00 horas, dirixido á mocidade que queira adentrarse no espírito do Samaín.

O día 30 de outubro terá lugar o Obradoiro Monster Chef na Casa da Xuventude, onde os participantes crearán pratos inspirados no Samaín, de 17:00 a 19:00 horas.

O día central será o 31 de outubro, cando o centro histórico de Lugo se converterá no escenario de múltiples actividades que comezarán ás 19:00 cunha animación polas rúas, baixo o título “Susto, nin truco nin trato”. Ás 21:00 celebrarase o Rastrexo dos Espíritos, dirixido a mozas e mozos maiores de 16 anos, que deberán superar desafíos polas rúas da cidade para optar a premios, como entradas a espectáculos e vales de 100 euros. A partir das 22:00 horas, os tambores da Santa Compaña percorrerán o casco histórico, e ás 23:30 terá lugar a Noite de voces fantasmais, cun concurso musical na Praza Maior que tamén entregará premios aos mellores participantes.

Finalmente, o 1 de novembro estará dedicado aos máis pequenos coa celebración do Samaín Infantil na Praza de Abastos. A xornada incluirá un concurso de baleirado e tallado de cabazas, onde os nenos e nenas poderán deixar voar a súa imaxinación decorando as súas propias cabazas. Ademais, haberá xogos tradicionais relacionados coa temática do Samaín, pensados para divertir e ao mesmo tempo achegar aos máis novos á tradición galega. A tarde culminará cun acto purificador, no que se mesturará o simbolismo ancestral desta festividade coa diversión. As actividades desenvolveranse entre as 16:30 e as 20:30 horas, con prazas limitadas, dispoñibles ata esgotar as cabazas.

Ademais, levarase a cabo unha decoración especial en varios puntos da cidade, destacando o palco da Praza Maior, que será engalanado para a ocasión, creando unha atmosfera única para a celebración.

O PP propón crear unha oficina municipal de mediación

O Grupo Municipal do Partido Popular propón a creación dunha Oficina de Mediación Municipal para solucionar conflitos de xeito áxil e
sen ter que recorrer aos xulgados.
O concelleiro Gustavo Díaz explica que “o Concello de Lugo ten moito traballo por diante para convertirse nunha administración colaboradora e aberta ao diálogo” recurría a un exemplo do día que ilustra esta realidade: “Hoxe atopámonos coa protesta dun grupo de nais e pais que pola falta de información e de solucións a un conflicto laboral que afecta á gardería municipal decidiron manifestarse ás portas do
Concello”
Segundo declaracións do Partido Popular “A Oficina de Mediación que propoñemos dende o PP mos podería xogar un papel clave para evitar a escalada de conflitos como os que estamos a ver en Lugo, ofrecendo un espazo onde pais, traballadores e representantes do Concello poidan atopar solucións consensuadas”.

O edil popular aseguraba que “o compromiso do Partido Popular é claro: presentamos esta iniciativa para traballar por un Concello que
escoite, dialogue e ofreza solucións reais e efectivas, para que casos coma o desta gardería non se repitan e para que toda a cidadanía se
sinta apoiada en situacións de conflito”.

Gustavo Díaz concluía que “coa mediación, buscamos unha administración máis cercana e transparente, que fomente a confianza e
a boa convivencia”.

 

Presentación do XXXIV Festival de Jazz de Lugo

Hoxe tivo lugar a presentación do XXXIV Festival de Jazz de Lugo, que se celebrará entre o 1 e o 17 de novembro.

A nova edición chega a Lugo con 23 concertos que se celebrarán entre o 1 e o 17 de novembro, e contará cun programa dividido nos tres escenarios habituais – Círculo das Artes, Club Clavicémbalo e Casa do Saber – con músicos procedentes dos Estados Unidos, Lugo, As Canarias, México, Líbano, Italia ou Corea.

Case a metade dos proxectos son galegos e na que cinco dos concertos están apoiados desde a Rede Galega de Música ao Vivo que cofinancia a Xunta de Galicia. Trátase das actuacións no Club Clavicémbalo do cuarteto vocal Ejazz; o Drumless Trío, formado por Abe Rábade, Marcos Pin e Alfonso Morán; Martín Otero a dúo coa coreana Ju Young, Inés Carreño, e o proxecto Daydream Sessions, unha proposta artística colaborativa que convida á participación espontánea para tomar parte nun espectáculo aberto a multitude de sons como o neosoul, o hip hop, a música latina, ou rock alternativo, interpretados en clave de jazz.
Ademais dos concertos da Rede impulsada pola Xunta, a participación galega complétase co lucense Kiki Cortiñas, a Savoy Club Big Band, Charo Quicler Octeto co espectáculo The Magic Line, Pablo Sax Cuarteto presentando o seu disco Selene, e o Terra Nova Brass Ensemble.

Todos eles compartirán cartel con coñecidos nomes do jazz internacional, onde destacan as sete bandas procedentes dos Estados Unidos: a da saxofonisa, cantante e compositora Lakecia Benjamin Quartet; o grupo de jazz fusión Bill Evans & The Vans Band All Stars; o singular son de Soul Chemistry enfrontando os saxos de Vicent Herring e Erena Terakubo; a compositora e directora de big bands, Maria Schneider diante da Clasijazz Big Band; a singularidade musical de Federale; o influente trompetista da escena do jazz internacional Jeremy Pelt Quintet; e a voz de Kenny Washington acompañado dos cataláns Ignasi Terraza Trío. Cerrando o cartel internacional actuará o Crossing Quartet, integrado polo mexicano Hugo Fernández, o libanés Tarek Yamani e os italianos Giacomo Tagliava e ugo Alunni.

Desde o resto do Estado o festival recibirá varias propostas con base nas illas Canarias, como a do versátil baixista Tana Santana Quinteto mesturando flamenco e jazz; o virtuoso guitarrista Iván Rojas, que fará dúas sesións o venres 8 e o sábado 9 coa súa formación New Quartet, e o jazz enlazado co folclore lationamericano na música do cuarteto liderado polo contrabaixista Martín Leiton. Por último, desde o Mediterráneo español chegará o violín da novísima Èlia Bastida Trío (Cataluña), e do quinteto encabezado polo trompetista Pepe Zaragoza (Valencia).

A EPAPU de Albeiros acolle este xoves un concerto de Kátya Teixeira

A artista brasileira Kátya Teixeira dará un concerto este xoves 24 ás 16h 30 na EPAPU do barrio de Albeiros. A actividade está coordinada polo Departamento de Portugués do centro e ten como principal obxectivo achegar a cultura e música do Brasil ao alumnado atraveso dunha aula-espectáculo. O concerto encádrase dentro da xira europea no 30 aniversario da traxectoria da cantora, compositora, instrumentista e investigadora da cultura popular brasileira.

.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com