Novas

A maquinaria adquirida polo Concello de Samos axilizará a limpeza e mantemento das vías municipais

O Concello de Samos ampliou o seu parque de maquinaria para o mantemento das vías municipais cun tractor e unha mini pa adquiridos recentemente. Trátase de vehículos polivalentes, con equipamento para realizar diferentes tarefas de limpeza, desbroce e mantemento en vías e espazos verdes ao longo das 24 parroquias do municipio. O tractor conta cunha desbrozadora lateral e coitela para a neve, así como rampas de remolque para o desprazamento da mini pa, que ten dous cazos.  A este equipamento, súmase unha máquina hidrolimpadora para  limpar muros, beirarrúas ou varandas.

A alcaldesa de Samos Chus López explicou que “a incorporación desta nova maquinaria permitiunos dobrar o ritmo de traballo na limpeza e desbroce de pistas municipais nos últimos dous meses, xa que agora dispoñemos de dous tractores, e tamén nos permite afrontar o inverno con maiores garantías de sermos capaces de actuar cando se requira. Ademais, a mini pa danos a posibilidade de facer pequenas obras con medios propios, abaratando os custes” e subliñou  a necesidade “da colaboración institucional” referíndose a Deputación, para executar este investimento, que o Concello non podería facer só con recursos propios”

Marisol Bravos premio José Castiñeira de humanidades

Marisol Bravos López, ven de obter o primeiro premio  José Castiñeira de humanidades, convocado polo Orfeón Lucense en memoria do seu fundador, en colaboración coa Diocese de Lugo,a Catedral lucense e a Familia Castiñeira.

O premio, instituído para honrar a persoas ou institucións que se distingan polo seu labor humanístico, a prol da convivencia social e na mellora das relacións humanas, foi concedido por unanimidade dos compoñentes do xurado despois de estudar as trece candidaturas propostas por institucións e particulares.

O galardón concédese a Marisol Bravos polo labor de toda unha vida a prol das persoas con diversidade funcional, da superación de todo tipo de barreiras físicas ou sociais, dando exemplo permanente de integración e abrindo camiños que centos de persoas poden percorrer    libremente nun mundo máis grande e máis humano.

O premio, consistente nunha placa, será entregado no claustro da Catedral de Lugo o próximo domingo, 27 de outubro, inmediatamente despois da celebración (às 13,00 h.) do cabodano do P. Castiñeira, e antes da ofrenda que tradicionalmente se celebra diante da súa tumba.

 

Carballo galego para o whisky escoces

Representantes das empresas galegas Forestal Peninsular e Tevasa e  a escocesa The Edrington Group Limited  proxectan fusionarse, o que  permitirá a utilización do carballo galego para envellecer o whisky escoces. En concreto, a compañía galega Forestal Peninsular unirase con Tevasa, unha empresa familiar galega provedora de longa traxectoria que fabrica toneles de alta calidade feitos con carballo europeo. Nace así Tevasa Forestal Group, que se asociará co grupo The Edrington Group Limited, empresa internacional de bebidas alcohólicas con sede en Glasgow e produtor de whiskys/whiskies de pura malta como The Macallan, Highland Park, The Glenrothes, Naked Malt e o whisky escocés mesturado The Famous Grouse. A alianza entre o grupo galego e The Edrington Group asegura a subministración sostible de toneles de carballo galego de alta calidade procedente de serradoiros galegos á destilería escocesa The Macallan, ao mesmo tempo que serve de escaparate e mellora á competitividade das empresas da industria forestal galega.

PP: Lugo non lle debe nada ao ministro Oscar Puente, nin fixo nada polo que ser premiado

Logo de coñecer a proposta de homenaxe ao ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, os representantes do Partido Popular da provincia de Lugo queren comunicar que: PRIMEIRO.- Non asistiremos aos actos do Día do Veciño ante o conflicto que supuxo o nomeamento de Óscar Puente por parte da Federación de
Asociacións de Veciños de Lugo e a nosa oposición a que sexa premiado debido á súa nula xestión e implicación con Lugo e Galicia.
SEGUNDO.- Tal e como lle temos trasladado por carta o pasado mes de xuño coincidindo con outra visita súa á cidade, reiterámoslle os asuntos pendentes coa nosa provincia en materia de infraestruturas viarias e ferroviarias:
– A recuperación dos proxectos das variantes ferroviarias na liña Ourense Monforte-Lugo de Os Peares-Canaval e Rubián porque son imprescindibles para garantir que a provincia de Lugo dispoña de Alta Velocidade. LUGO
QUERE TREN! LUGO QUERE ALTA VELOCIDADE!
– A mellora da liña ferroviaria Lugo – A Coruña e a súa integración no Corredor Atlántico de Mercancías, a conexión directa entre Lugo con Santiago e A Mariña por ferrocarril e o impulso da liña de FEVE.
– Restablecer o servizo dos cinco carrís da A-6 no viaduto do Castro porque Lugo continúa sen conexión directa por autovía coa Meseta máis de dous anos despois do seu colapso.
– Rematar a autovía a Santiago (A-54) e retomar a construcción da autovíaa Ourense (A-56).
– Avanzar nos proxectos para a construción das autovías da Mariña (A-74) e Ponferrada-Monforte-Ourense (A-76).
– Mellorar a seguridade nas estradas nacionais e autovías da provincia que, en moitos casos, presentan un estado intransitable.

PP de Lugo.

Xosé Lois García presenta en Taboado o libro “Simboloxía do románico de Taboada”

Este sábado 19 de outubro, preséntase na Casa da Cultura de Taboada ás 18.00 horas o libro “Simboloxía do románico de Taboada” de Xosé Lois García.

O autor cualifica o románico de Taboada “como un dos máis interesantes do centro de Galiza” e que exporá o contido da publicación, centrada na iconografía das igrexas románicas taboadenses: Taboada dos Freires, San Xián do Campo e Castelo -as tres con elementos característicos do obradoiro do mestre Pelaxi: Piñeira, Bembibre, Cerdeda e Bouzoa.

Foto: Galicia Digital

 

 

O PP defende flexibilizar a ordenanza de tráfico no centro urbano de Monforte

A modificación da ordenanza de tráfico impulsada polo goberno local no pleno do pasado 26 de febreiro, lonxe de dar solución aos problemas de mobilidade e de facilitar o traballo de transportistas e autónomos, “mantén vivos os mesmos problemas de antes e xerou algún novo, como as multas que están a sufrir as persoas que unicamente están a facer o seu traballo”.

A voceira popular en Monforte, Katy Varela, explica que as modificacións aprobadas polo goberno local afectaron principalmente ao acceso de vehículos a zonas peonís así como ás zonas de carga e descarga e “a pesar de que se realizaron diversas alegacións por considerar a norma pouco flexible e moi prexudicial para os intereses dos pequenos autónomos da zona así como para os residentes” o goberno de José Tomé “négase a modificala e flexibilizala”.

Katy Varela afirma que “semella que o único afán das modificacións realizadas por Tomé e recadatorio xa que, ademais de dificultar o acceso aos traballadores e residentes, a instalación do sistema de vídeo vixilancia nesas zonas foi unha acción totalmente confiscadora”.

Neste senso, dende o PP de Monforte mantiveron numerosas xuntanzas con residencias, comerciantes e profesionais do transporte para escoitar as súas reivindicacións e, tras escoitar as súas peticións, os populares solicitarán no vindeiro pleno que se modifiquen os artigos que fan referencia ao acceso ás zonas peonís para realizar tarefas de carga e descarga “ampliando o horario actual, que unicamente é de 5 horas, a 12 horas diarias, sendo coincidente co horario comercial”.

Lugo, a primeira cidade galega en obter a bandeira verde de Galicia

A Xunta acaba de conceder a Bandeira Verde de Galicia a un total de 24 concellos das catro provincias en recoñecemento ao seu compromiso medioambiental e ás boas prácticas desenvolvidas no eido do coidado da paisaxe e da súa contorna.

O  Goberno galego impulsou en 2020 este distintivo para poñer en valor o traballo que están a realizar moitos concellos e animalos a seguir por ese camiño, a conselleira amosouse satisfeita pola acollida desta última convocatoria, no marco da cal o Instituto de Estudos do Territorio (IET) recibiu 34 solicitudes.

Unha vez analizados todos os expedientes, resolveuse outorgar 24 galardóns a outros tantos concellos, o que supón un 33% máis que na edición anterior e a cifra máis alta de bandeiras verdes concedidas desde a creación deste distintivo.
Na provincia de lugo, ademais dos 4  municipios que xa tiñan bandeira verde ( Cervo, Outeiro de Rei,  Parada de Sil e Sober) lucirán o galardón por primeira vez os Concellos de Begonte, Cospeito e Lugo que se converte na primeira cidade galega en obter a bandeira verde.

Cómpre lembrar que a concesión deste recoñecemento supón, ademais, un mérito que se ten en conta e puntúa para a obtención de subvencións convocadas pola Xunta en materia de patrimonio natural e tamén no eido da xestión dos residuos.

ADEGA-Lugo celebra o Día Mundial das Reservas da Biosfera

Para conmemorar o Día Mundial das Reservas da Biosfera, que se celebra o domingo, 3 de novembro, a asociación ecoloxista ADEGA organiza dúas xornadas de voluntariado ambiental nos concellos de Láncara e Friol

A primeira actividade consistirá nun obradoiro para a conservación dun muro a xunta seca no concello de Láncara, e terá lugar xa o domingo 27 de outubro. Os traballos desenvolveranse pola mañá e ao rematar farase un xantar de convivio para recuperar forzas. Xa pola tarde completarase a xornada cunha pequena andaina pola zona. Para participar é preciso inscribirse antes do venres, 25 de outubro, a través do seguinte formulario: https://bit.ly/xuntasecalancara24. As prazas son limitadas a 15 persoas.

A segunda xornada será no concello de Friol o sábado, 2 de novembro, e estará orientada a aprender en torno á importancia das sebes e a crear unha na finca Lamelos, parcela custodiada por ADEGA na parroquia de Guimarei (Friol). ADEGA fai un agradecemento ao Centro de investigación forestal Lourizán pola cesión das árbores. A xornada tamén rematará cun xantar de convivio. Para participar é preciso inscribirse antes do xoves, 31 de outubro, a través do formulario https://bit.ly/sebefriol24 .

As actividades son de balde e dirixidas ao público en xeral; contan con seguro de accidentes, e ADEGA proporcionará ás persoas participantes o material necesario para a súa realización

Éxito de vendas para a gala  de maxia “Galicia Ilusiona” este venres en Lugo

A Gala Internacional de Maxia Galicia Ilusiona reunirá este venres 18 de outubro no auditorio Gustavo Freire de Lugo a algúns dos mellores magos do mundo co apoio da Xunta.

O delegado territorial, Javier Arias, destaca que dado o éxito das anteriores edicións este ano por primeira vez programáronse dous pases, un ás 18,30 horas e o seguinte ás 21,00 h.

Afirmou que o espectáculo está a espertar moito interese entre o público lucense, especialmente para a segunda función, que ten as localidades case esgotadas. As entradas poden retirarse a través da web oficial do evento.

Os magos Dani Polo e Pedro Bugarín son os directores da gala, que contará con artistas de talla internacional como o francés Jerome Murat, considerado o mellor mimo do mundo; Néstor Hato, tamén de Francia, especialista en manipulación; a arxentina Lore Lavand, que mestura maxia, teatralidade e poesía; ou o ilusionista coreano Kimoon Do, que se mete no papel dun director de orquestra.

Xunto a eles estarán sobre o escenario os premiados Ramó and Alegría (Barcelona), cun show que combina comedia e maxia; e o Mago Murphy (Madrid), que actuará como mestre de cerimonias.

 

Este xoves producirase un corte de tráfico na A-6 á altura de Becerreá

O Ministerio de Transportes e Movilidad Sostible vai levar a cabo un simulacro de actuación e coordinación para casos de accidente con incendio na autovía A-6, dentro do termo municipal de Becerreá, na provincia de Lugo. Para levar a cabo o simulacro, cortarase o tráfico nas dúas calzadas da A-6, entre a ligazón de Becerreá no quilómetro 451 e a ligazón de Cereixal, no quilómetro 456, desde as 22:00 horas do xoves, 17 de outubro, ata as 03:00 horas do venres, 18 de outubro.

Durante este tempo, desviarase o tráfico cara á estrada N-6, garantindo a seguridade dos usuarios e dos servizos de emerxencia. Os cortes e desvíos estarán debidamente sinalizados. O obxectivo do simulacro é o de comprobar a efectividade dos protocolos de actuación e avaliar a coordinación dos servizos de emerxencia – bombeiros, sanitarios, garda civil, xestores do túnel e protección civil- para casos de sinistro con posibilidade de incendio.

O incidente simulado consistirá nunha colisión entre dous vehículos turismos seguido dun incendio que se simulará mediante a utilización dunha máquina de fumes quentes.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com