Novas

O Psoe de Lugo aproba as listas das  persoas que  participarán no congreso federal de Sevilla

A Comisión Executiva do PSdeG-PSOE da provincia de Lugo, presidida polo Secretario Xeral da provincia,vén de aprobar a lista de 13 delegados e 7 observadores que participarán no Congreso Federal que os socialistas celebrarán do 29 de novembro ao 1 de decembro en Sevilla.

A lista estará estará encabezada por José Ramón Gómez Besteiro, Secretario Xeral do PSdG ao que sigue a alcaldesa de Lugo Paula Alvarellos.

Lista de delegados pola provincia de Lugo:

  1. José Ramón Gómez Besteiro
  2. Paula Alvarellos Fondo
  3. José Tomé Roca
  4. Pilar García Porto
  5. Luis Ángel Lago Lage
  6. Lara Méndez López
  7. César Mogo Zaro
  8. Patricia Otero Rodríguez
  9. Carlos López López
  10. Marisol Morandeira Morandeira
  11. Iván Castro Díaz
  12. Alba López Vila
  13. Francisco Otero Besteiro

 

Lista de observadores pola provincia de Lugo:

  1. Carmela López Moreno
  2. Pablo Rivera Capón
  3. Marina Ramudo Graña
  4. Roi Rigueira Agromartín
  5. Sabela Thais Sanjurjo Varela
  6. José Fernández Fernández
  7. Silvia Pigueiras Blanco

Milladoiro

“Están acabadiños”, dixo un rapaz detrás de nós, mediado o concerto de Milladoiro que poñía o peche a unhas festas que, permitido polo tempo, tiveron un remate triunfal. Home, acabadiños, non… se acaso, vivindo de rendas, pola súa especial traxectoria. Abarrote de público interxeneracional, expectación polo espectáculo con resultado garantido… Milladoiro foi o de sempre.

lembrei o Milladoiro que hai corenta anos actuou en Lugo no San Froilán. Era un grupo triunfante, daquela rompedor, que viña a Lugo no día do Santo. Pero no seu camiño, e no noso, cruzouse o furacán Hortensia, que na noite do tres ao catro de outubro de 1984 nos fixo pasar a noite na casa do Concello aos responsables das festas para ser testemuña do seu paso devastador, e procurar solución aos estragos causados.

Entre outros danos, arrasou o escenario instalado na Praza Maior, onde iba actuar Milladoiro, o máis grande que tiñamos. Tentamos negociar co grupo para cambiar o lugar de actuación a outro escenario, algo máis pequeno, pero non houbo nada que facer: ou actuaban no palco da Praza Maior, ou teríamos problemas. De nada valeu mencionar a catástrofe sufrida. Pero aínda que parecía imposible, porque os medios non eran os de hoxe, a brigada municipal de obras facía miragres e salvamos o importante escollo.

Solucionado o problema, o inflexible grupo actuou na Praza Maior, pero aos que andabamos na organización quedounos un regustiño amargo pola incomprensión do gran grupo musical galego nunha ocasión dramática. Como corenta anos non son nada, aquel recordo pesoume na alma o tempo que estivemos contemplando a actuación de Milladoiro.

ADEGA achega a educación ambiental ás crianzas da provincia de Lugo co programa Da Escola á Granxa

ADEGA volve un ano máis coas actividades  do programa “Da Escola á Granxa”. Neste outono a organización ecoloxista volve as aulas para achegar a educación ambiental aos colexios de toda a provincia. A meirande parte das actividades realizaranse ao longo dos meses de outubro e novembro, nos colexios de Palas de Rei, Castro de Rei, Quiroga, o Incio, Guntín e Ribadeo.

Fabricar comedeiros para paxaros con material de refugallo, hoteis de insectos, pasta de dentes, papel reciclado ou bombas de sementes son algunhas das propostas coas que ADEGA pretende sensibilizar á cativada nos diferentes problemas ambientais que preocupan como sociedade. A través de actividades lúdicas que se desenvolven nos propios colexios, a escolla das ANPAS, a asociación trata temáticas como a perda de biodiversidade, o cambio climático ou os residuos.
Próximas actividades no CEIP de Palas de Rei

En concreto, este martes achegáronse ao CEIP de Palas de Rei para impartir aquelas actividades de educación ambiental que foron escollidas pola Agrupación de Nais e Pais A Ulloa de Palas de Rei para desenvolver no centro. Nelas participará o alumnado dende infantil ate sexto de primaria. No día de hoxe, a equipa ambiental de ADEGA aprendelle á cativada de infantil a preparar pasta de dentes natural e ecolóxica a partir de herbas que se poden atopar nos hortos. Ademais, creará un hotel de insectos con material de refugallo canda ao primeiro ciclo de primaria, ao que tamén se achegará a importancia dos insectos para a biodiversidade.

Xa para mañá, mércores 16 de outubro, ADEGA traballará co segundo ciclo de primaria a creación de bombas de sementes con arxila, para que as lancen no cole ou no lugar que escollan; e conversará sobre as enerxías que non danan o medio ambiente co alumnado de terceiro ciclo de primaria.

 

Foto: cedida por ADEGA

Presentación da 46ª edición do Rally San Froilán

Hoxe tivo lugar a presentación da 46ª edición do Rally San Froilán, unha das citas máis emblemáticas do automobilismo na provincia de Lugo e un evento destacado dentro do Campionato Galego de Rallys de Asfalto. A Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez,  que presidiu a Xunta de Seguridade para establecer a coordinación das Forzas e Corpos de Seguridade xunto cos representantes dos concellos polos que pasa o rally destacou a relevancia desta proba, que se celebrará os próximos días 18, 19 e 20 de outubro, “non só como unha competición deportiva de alto nivel, senón tamén como unha oportunidade para promover o turismo e o desenvolvemento económico nos municipios polos que transcorre”.

Rodríguez puxo en valor o nivel dos competidores que participarán no rally, cualificándoos como “os verdadeiros protagonistas” e destacando o seu compromiso e destreza como exemplos a seguir. “O talento destes pilotos e equipos contribúe a elevar o prestixio da nosa provincia, consolidando a Lugo como un escenario ideal para competicións deportivas de primeiro nivel”, afirmou.

A subdelegada tamén dedicou unhas palabras á afección, describindo aos seguidores do automobilismo como “a alma” do Rally San Froilán. “O entusiasmo e a paixón dos afeccionados son clave para o éxito do evento, e o seu apoio incondicional é o que converte esta proba nunha verdadeira festa do motor”, agregou.

Por último, Isabel Rodríguez destacou o impacto positivo que o rally ten nos concellos polos que transcorre, non só en termos deportivos, senón tamén como un impulso para a economía local.

Xunta de Seguridade

A subdelgada presidiu a primeira hora da mañá a Xunta Local de Seguridade da 46 edición do Rally San Froilán na Subdelegación do Goberno en Lugo. Á Xunta tamén asistiron representantes dos municipios por onde pasa o rally, responsables da Escudería Miño, organizadora da proba; así como da Garda Civil, Subsector de Tráfico, Policía Local, Policía Nacional, Xefatura provincial de Tráfico, Bombeiros, Protección Civil do Concello de Lugo, e Xunta de Galicia.

Durante a reunión, a subdelegada fixo un seguimento en canto a protocolos e controis en caso de accidente e evacuación, participando activamente no dispositivo deses días para garantir a seguridade dos asistentes e pilotos deste evento.

Intento de secuestro dunha nena en Lugo

Na tarde do pasado día 11, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, é comisionada pola sala do 092 para que se traslade á rúa do Carmen xa que ao parecer un home tentara levar unha nena do interior dun vehículo.

Presentados de inmediato son recibidos pola requirente, a cal manifesta que momentos antes observou como un home introduciuse na parte traseira dun vehículo que se achaba estacionado, tentando levar unha nena de 9 anos de idade que había no seu interior, aínda que dada a resposta do resto de persoas que había no vehículo, lograron que cesase na súa actitude, ausentándose do lugar, sendo increpado por outras persoas, entre as que se atopaba.

Asemade procédese á identificación das persoas que están na furgoneta, sendo a presunta vítima sobriña dunha delas, manifestando que se achegou un home, abriu a porta do vehículo á vez que facía ademán de coller á nena, saltando esta moi nerviosa e chorando aos asentos dianteiros, polo que o home cesou na súa actitude e ausentándose do lugar.

Os axentes procederon á localización da  persoa, a cal localizan, procedendo á súa detención e traslado a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para o Xulgado de Garda.

 

Premio “José Castiñeira de Humanidades”

O Orfeón Lucense, en colaboración coa Diocese de Lugo, a Catedral lucense e a familia do seu fundador, José Castiñeira Pardo, ten convocada a primeira edición do premio “José Castiñeira de Humanidades” para honrar a persoas ou institucións que pola súa traxectoria, disposición e entrega, se distingan polo seu labor a prol da convivencia social e a mellora das relacións humanas.

Ata o momento recibíronse un total de nove candidaturas para optar a este premio, as cales foron presentadas por particulares ou institucións.

A organización lembra que ata día 15 do presente mes que rematará o prazo, pódese seguir a propor candidaturas.

Foto: Galicia Dixital.

Instalado no Pazo un novo sistema de aire para evitar a condensación

Operarios da empresa Frisaqués completarán ao longo da xornada de hoxe a instalación do sistema de aire para climatizar a pista do Pazo dos Deportes.

Os traballos comezaron o pasado martes, tras constatarse na xornada anterior que a condensación que provocou a suspensión do encontro CB Breogán-Tenerife se produciu como consecuencia dos altos niveis de humidade -con niveis próximos ao 100% – e do choque térmico entre a temperatura ambiente e a do parqué da pista.

Nestes días, os operarios instalaron as tubaxes para a impulsión e retorno do aire que se insuflará baixo a pista e os cadros de control do sistema, que se activará só no caso de que os factores ambientais o aconsellen. Ademais, reforzaron a capacidade de ventilación do Pazo, coa instalación de novas bocas de extracción pensadas para unha evacuación máis eficaz da humidade.

Un traballador perde a vida en Cervo

O 112 Galicia foi coñecedor do suceso pouco despois das 13:00 horas de hoxe, logo de que as urxencias sanitarias informasen de que a unha persoa lle caera unha póla na cabeza. Ademais, indicaron que se atopaba nunha zona de difícil acceso, lonxe da ambulancia, polo que ían ser precisos máis medios.

Sen agardar, os xestores do 112 Galicia avisaron aos Bombeiros de Viveiro, ao GES de Cervo, á Policía Local e á Garda Civil.

Pouco despois, e logo de tratar de reanimalo, o persoal sanitaria indicou que o traballador falecera.

Os feirantes doan medio millar de entradas para familias vulnerables

A área de Benestar Social do Concello de Lugo, fixo entrega de máis de medio millar de entradas doadas polos feirantes a representantes de asociacións que dan apoio a familias vulnerables da cidade. A entrega, realizada no recinto feiral, contou coa presenza da alcaldesa Paula Alvarellos, a concelleira de Benestar Social, Olga López Racamonde; e representantes dos barraquistas, que entregaron o obsequio directamente ás asociacións beneficiarias.

Olga López Racamonde destacou a importancia desta iniciativa, que “permite que as atraccións do San Froilán sexan accesibles para todas as familias, especialmente para aquelas que máis o precisan, garantindo así que ningún neno ou nena quede sen sorrir nesta celebración tan especial.”

As entradas poderán ser utilizadas durante a recta final do San Froilán, coas atraccións abertas ata o 13 de outubro, xornada dedicada ao Día da Infancia, na que se aplicarán prezos reducidos nos distintos postos.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com