Novas

O recinto feiral abrirá o 13 de outubro con prezos reducidos

O Concello anunciou que o recinto feiral abrirá un día máis, é dicir, o domingo 13 de outubro logo de escoitar a solicitude dos barraquistas.

A proposta supón ampliar a apertura dos postos do recinto feiral, ofrecendo un prezo reducido tanto nas atraccións para persoas adultas como nas infantís.

Os restos do furacán Kirk deixarán fortes ventos, chuvias intensas e moi mala mar

Os restos do furacán Kirk chegaran a Galicia esta tarde convertidos en borrasca que deixará ventos de ata 140 km/h na Mariña.

O furacán Kirk convertido en borrasca extratropical chega a Galicia esta tarde provocando fortes choivas e ventos de ata 90km/h nesta tarde, e de ata 140 km/h a partir das 6:00h do mércores na Mariña con ondas de ata 7 metros, polo que o mércores activase a alerta laranxa por  mor dos fortes ventos que serán de oeste-suroeste. Tamén na montaña de Lugo prevese que os ventos alcancen ata os 120 km/h.

A borrasca abandonará Galicia na tarde-noite deste mércores.

 

 

A Xunta anima á mocidade lucense con talento artístico a amosalo no certame ‘Xuventude Crea’

A Xunta mantén aberto ata o xoves 10 de outubro o prazo para concorrer ao 15º certame Xuventude Crea, unha iniciativa para que os mozos e mozas de 18 a 30 anos poidan amosar a súa creatividade e talento artístico en disciplinas moi variadas.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que nesta edición hai 16 categorías, dúas máis que o ano pasado. Así, ás áreas de artes plásticas, fotografía, moda, deseño de xoias, arte urbano, música, cociña, videocreación, banda deseñada, novela curta, videoxogos, poesía, danza e teatro, súmanse agora as modalidades de DJ e creación de contido.

A categoría de teatro divídese en dous apartados cos seus respectivos premios económicos: teatro Amador, para grupos xuvenís vinculados a centros de educación secundaria, grupos amadores ou escolas municipais, entre outros; e teatro Pro, para compañías de nova creación, profesionais emerxentes e grupos formados por alumnos ou egresados da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia. Neste último caso, as persoas ou compañías galardoadas recibirán ademais do premio económico un impulso ao lanzamento do seu proxecto a través do Centro Dramático Galego.

Os traballos presentados optan a galardóns e a oportunidades de promoción en exposicións e eventos finais. Os premios económicos por cada categoría serán de 2.000 euros para o primeiro, 1.500 para o segundo e 1.000 para o terceiro. Os recoñecementos entregaranse nunha gala prevista para mediados de decembro.

As presentacións poden facerse a través da sede electrónica da Xunta. Nesta ocasión, por primeira vez ábrese a iniciativa á participación de persoas galegas residentes no exterior, que poderían viaxar á Comunidade no caso de chegar á final mediante a Estratexia Galicia Retorna. Ademais, grazas aos Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego os responsables das obras gañadoras terán a posibilidade de ser seleccionados para un programa de formación e mentoring para poñer en marcha o seu proxecto.

A Asociación Si, hai saída condena o feminicidio de Moaña

Desde a Asociación Si, hai saída condenamos o feminicidio cometido en Moaña (Pontevedra), que se cobrou a vida de Fadoua Akkar e que deixa orfo de nai a un menor mais.

Así mesmo, unha vez mais reiteramos a inutilidade dos minutos de silencio e das concentracións de repulsa, que non deixan de ser accións “cosméticas” que tentan desviar a atención da auténtica raíz desta brutal lacra: A mais que evidente desprotección e a desatención que sufren as vítimas de violencia de xénero, algo do que darían fe moitas delas se alguén se tomara a molestia de preguntarlles, e que, lonxe de sentirse apoiadas, os viven coma unha ofensa e un engano polas razóns que acabamos de expoñer e que os únicos aos que favorecen son a aqueles que os convocan, que non dubidan en utilizalos como ferramenta para os seus fins, case sempre de marcado carácter político.

Por outra banda, de novo temos que poñer o foco na ineficacia do sistema VioGén, ou, no seu defecto, daqueles que deberían ocuparse de darlle o uso adoitado.

Fadoua non se encontraba incluída neste sistema, pero si o seu presunto asasino, por uns feitos violentos cometidos contra unha anterior parella no ano 2012, polos que chegou a ingresar en prisión, tendo, ademais, unha orde de afastamento en vigor ata o ano 2020 con respecto a muller vítima daqueles feitos.

Obviamente, isto, seguir incluído no sistema, non serve de nada se non se lle fai un seguimento.

A eficacia é tanta coma estar incluído nun listado para enviarlle publicidade, por poñer un exemplo.

Desde Si, hai saída non podemos por menos que lamentar profundamente e condenar con toda rotundidade non tan so a crecente violencia machista e os feminicidios que, en consecuencia, do mesmo xeito aumentan, se non tamén a hipocrisía e o fariseísmo que ao seu abeiro non deixa de medrar, e que a tantos e a tantas beneficia.

Asociación Si,hai saída

O Partido Galego expulsa a Pablo Losada concelleiro en Monterroso

O Partido Galego que contaba ata o pasado venres con dous concelleiros no pleno de Monterroso, pasa, a partir de agora,  a contar cun só representante, o portavoz e cabeza de lista, Xabier Vázquez.

A decisión de expulsar a Pablo Losada do Partido Galego, ten as súas orixes no informe que o voceiro do partido no concello de Monterroso trasladou á executiva nacional no que se poñía de manifesto que Losada actuaba á marxe dos acordos tomados polo comité local e facía funcións de voceiro e defendendo posturas opostas ás de Vázquez, portavoz da formación política.

Ante esta situación,a executiva nacional do partido na reunión ordinaria celebrada o pasado 1 de outubro, tomou  a decisión de expulsar do Partido Galego a Pablo Losada en base ás “reiteradas actuacións políticas de Pablo, tanto nas intervencións no Pleno como nas votacións deste, actuando pola súa conta e contrarias ás acordadas pola Agrupación local”.

Coa expulsión de Losada, o pleno, xa atomizado, aínda pode incrementar os grupos, se Losada non se integra en ningún dos grupos xa existentes, e pasa ao grupo mixto.

 

 

 

“Efrén pasa la mopa” con este berro a afección do Breogán amosou os seu enfado pola suspensión do Breogán Tenerife

A afección que asistía onte ao partido Breogan Tenerife no Pazo dos deportes,  tivo que soportar , por dúas veces, o bochorno de que o arbitro tivera que suspender o encontro que o Breogán disputaba contra o Tenerife, por mor da condensación.

Ao berro dos afeccionados “Efrén pasa la mopa” que coreaban as bancadas dirixidas ao Vicepresidente do BNG Efrén Castro, por da humidade existente na cancha, que facía que os xogadores esbararan cada pouco, o arbitro non tivo máis remedio que mandar os xogadores, despois de falar cos capitáns, aos vestiarios.

Algúns medios deportivos como Sport titularon a noticia deste xeito:”Las goteras obligan a suspender el Breogán Tenerife con el partido empezado! Información que non deixa a cidade de Lugo nun bo lugar

Por mor de dita suspensión, o Partido Popular fixo un comunicado pedindo responsabilidades políticas ao Vicepresidente da Deputación, “o Grupo Popular culpa directamente a  Castro da penosa imaxe que se transmitiu onte de Lugo: o nome de Lugo é titular en España por unha noticia moi mala da que o único responsable é Efrén Castro por levar máis de 5 anos negándose a asumir e solucionar os problemas do Pazo”

A directiva do Breogán pediu desculpas polo sucedido, a espera de que se sinale unha nova data para rematar o partido.

 

 

 

Arranca en Lugo a VIII Edición de “Cultura e Tradición no Camiño”

Fundación Artesanía de Galicia colabora coa oitava edición do evento Cultura e Tradición no Camiño, que se celebra no adro da Catedral de Lugo entre o día 5  e o 12 de outubro, coincidindo coas festas do San Froilán. En concreto, apoia tres obradoiros gratuítos impartidos por
profesionais de Artesanía de Galicia, que iniciarán ao público nos oficios da cestería de palla, na ourivería compostelá e na cerámica. Estas actividades terán lugar no mesmo horario de apertura do evento, de 11,30 a 14,30 e de 16,30 a 20,00 horas.

Hoxe sábado 5 de outubro, o artesán Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén) – Premio Nacional de Artesanía 2023 – impartirá un obradoiro de cestería de palla; o luns 7, a ourive compostelá Susi Gesto encargarase do obradoiro de xoiería; e o ceramista Antón Román (Gondomar) será o encargado do obradoiro de cerámica que se celebrará o xoves día 10 de outubro.

Na programación inclúese tamén un obradoiro de instrumentos musicais de percusión con Manels Percusións (Ordes), que terá lugar mañá domingo 6 de outubro, así como demostracións de diferentes oficios como a forxa, a cantería, o téxtil, os instrumentos musicais, o encaixe, a cestería, a xoiería, a olería ou o traballo co esparto. Entre os artesáns que farán estas demostracións atópanse profesionais de recoñecido prestixio como Forxa Chago (Santiago de Compostela), Ubedíes (Jaén) ou o propio Leiro, que fará unha demostración de corozas. Tamén diferentes profesionais de Artesanía de Galicia como José Luis Canteiro (Vilalba), Suso Gestal Instrumentos de vento (Frades), Pequeno
tres pesos artesanía (Vilalba) ou a Asociación de Palilleiras Rendas (Camariñas).

O evento complétase coas actuacións musicais de Xisco Feijoó e María Vidal o día 9, e de Suso Vaamonde mañá día 6 -as dúas ás 19,00 horas-, co desfile do Día do Traxe que terá lugar mañá, domingo das mozas, a partir das 11,00 horas na Praza Maior, e mais cunha
Mostra de Indumentaria tradicional e corozas no C.I. do Camiño Primitivo (Rúa do Miño, 10). Toda a programación é gratuíta e non require inscrición previa.

Comeza o San Froilán 2024 co desfile de gando e o pregón de Luz Darriba

O San Froilán 2024 comezou cunha intensa tarde de actividades no centro de Lugo, co desfile do gando que é xa unha das actividades máis destacadas das festas do San Froilán e o pregón de Luz Darriba.

Luz Darriba agradeceu a oportunidade de ser pregoeira e lembrou con emoción ao seu pai, que de nena contáballe historias da súa infancia en Lugo e da muralla, que centrou boa parte do seu pregón co recordo a todas e todos os que fixeron posible o Cumulum, aquel proxecto “tan colectivo e solidario” sinalou. Lembrou con agarimo as súas vivencias do San Froilán e pediu “festexar como crianzas, que non nos quiten nunca a ledicia da festa”. Tamén tivo palabras para todos aqueles que “nos fan superar os 100.000 habitantes” aos que deu a benvida “veñan de onde veñan”. Ao igual que transmite nas súas obras, Darriba, amosou a súa faceta máis reivindicativa en “defensa da alegría, da lingua, da cultura ou da terra”, entre outras cousas, e pediu a todas e todos gozar da cidade e dun Lugo “inclusivo, asociativo, multicultural, feminista, igualitario”.

Pouco antes do pregón, a alcaldesa e a concelleira de Cultura fixeron entrega a Luz Darriba, en sinal de agradecemento á artista, dun cadro premiado no concurso de pintura rápida de 2023, obra do pintor Oniel Rodríguez López, que co emprego de café plasmou no lenzo unha vista da Praza Maior de Lugo. 

 

Codex Cinema estrea esta tarde “Os Destellos” o novo filme de Pilar Palomero

Esta tarde chega as pantallas dos Codex Cinema os filmes “OS DESTELLOS” e “ANTES ERA DIVERTIDO”

“OS DESTELLOS“, a terceira longametraxe de Pilar Palomero e a mellor con diferencia. Neste filme Palomero reivindica a bondade e empatía, cunha Patricia López brillante e Antonio de La Torre na máis emotiva e a súa mellor interpretación de toda a súa carreira.

Sinopse:   A vida de Isabel dá un xiro inesperado cando a súa filla lle píde que visite regularmente a Ramón, que se atopa enfermo. Despois de quince anos afastada do seu ex-cónxuxe, un home a quen ve como un descoñecido malia que foron familia durante anos, Isabel comeza a sentir de novo rancores que pensaba superados. Sen embargo, acompañando a Ramón no seu momento máis vulnerable, consegue ver de xeito diferente o fracaso que viviron xuntos e centrarse no presente da súa propia vida.

A outra estrea da semana é “ANTES ERA DIVERTIDO”, unha película excepcional que merece a pena descubrir. A súa actriz principal, Rachel Sennott da vida a historia de Sam con un toque sensible,  creando un retrato de alguén que aprende a facer fronte ás traxedias da vida e a abrazar o seu lado divertido.

Sinopse: Sam Cowell é unha moza aspirante a monologuista e coidadora que sofre estrés post traumático. Mentres se enfronta a esta depresión que afectou á súa carreira, ten que decidir se unirse ou non á busca de Brooke, unha adolescente desaparecida a quen coidaba.

 

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com