Novas

Abre o prazo para solicitar un horto urbano no parque do Rato

Dende hoxe, martes, abrese o prazo para solicitar os 83 hortos urbanos dispoñibles no Parque do Rato. Poden optar a estes espazos, de xeito gratuíto, as persoas maiores de idade, empadroadas nos concellos de Lugo, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín ou Outeiro de Rei que estean exentas de obrigas coas administracións públicas, que non posúan terreos cultivables na capital da provincia e que non convivan con outra persoa usuaria deste servizo.

Desde hoxe e ata o luns 14 de outubro, os interesados poderán presentar a súa solicitude no Rexistro da institución provincial ou a través da sede electrónica da Deputación. Xunto co DNI, será necesario presentar o certificado de empadroamento e o de estar ao día coas obrigas tributarias, de non ter débedas coa comunidade autónoma e coa Deputación e de estar ao corrente coas obrigas da Seguridade Social, o resto da documentación estará dispoñible en Atención ao Cidadán, no Pazo de San Marcos; no Servizo de Medio Ambiente, no Fogar de Santa María e na web da Deputación de Lugo: http://deputacionlugo.gal/.

Se as solicitudes superan as parcelas dispoñibles, aplicarase unha valoración por criterios sociais, priorizando a persoas en situación de desemprego, con rendas baixas, familias numerosas ou xubilados. Os colectivos sen ánimo de lucro e representantes de centros educativos tamén terán prioridade. Ademais, os beneficiarios poderán usar os hortos gratuitamente por un período de dous anos, con posibilidade de prórroga de ata 4 anos, e contarán cun servizo de mantemento e asesoría gratuítos. Os solicitantes que non consigan unha adxudicación formarán parte dunha lista de agarda para cubrir posibles renuncias.

Esquerda Unida denuncia o estado de suciedade do parque do río Miño trala celebración do Festival Caudal Fest

Esquerda Unida, por medio de Chus Rodríguez, ven de emitir un comunicado onde denuncia o estado en que se encontra o lugar da celebración do Caudal Fest, “despois de que pasara xa máis dunha semana da celebración do Festival Caudal Fest na contorna do río Miño, grande parte do lixo alí vertido segue a amorearse sen que o persoal de limpeza municipal se faga cargo da recollida de todos estes restos da festa. Sumado a isto, a pasada fin de semana celebrouse outro evento de grande magnitude no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, o Jarana Fest, deixando tras de si un cúmulo de botellas, envoltorios, plásticos, cabichas, vasos e demais lixo”.

Segundo esta organización política, “ante as demandas de explicacións da veciñanza, o Concello limitouse a responder, que esta fin de semana celebrouse un botellón na contorna do río e os restos de lixo debíanse a este tipo de celebracións”. Basta con dar un pequeno paseo pola contorna do río para ver moreas de vasos co logo do “Caudal Fest”, para comprobar que continúan sen recoller os restos do pasado festival, denuncian dende Esquerda Unida.

A voceira de E.U. declarou tamén que “ reclamamos ao Concello de Lugo, tamén ás outras administracións públicas colaboradoras (Deputación e Xunta de Galicia) que esixa, á hora de conceder grandes partidas orzamentarias, subvencións ou contratos para a celebración de festivais, especialmente, macrofestivais coma o Caudal Fest -que congregou a 40.000 persoas segundo a organización- uns mínimos estándares de calidades medioambiental e, ao igual que precisamos que os eventos culturais que se desenvolven na cidade, con cartos públicos, consideren a perspectiva de xénero, demandamos que eses eventos culturais conten con persoal encargado de velar polo debido cumprimento das normas de seguridade ambiental, tanto á hora da montaxe do festival para á hora a desmontaxe, para evitar que todos este lixo remate verténdose no río”

“Restos de malla do recinto, bridas, material de montaxe e desmontaxe, todo isto, sumado ás cabichas, botellas, vasos, bolsas, poden acabar vertidos no río ou sendo alimento tóxico para a fauna que convive na contorna do río Miño coas nosas veciñas e veciños” -reitera Chus Rodríguez, desde a organización Esquerda Unida-. Ao fío disto, sinala Rodríguez que “onte na prensa falaban desde a organización do Caudal Fest dun retorno económico próximo aos 9 millóns de euros para a cidade, gustaríanos saber branco sobre negro como está calculado e en que exactamente retornou, porque o que si temos claro é que en grandes cantidades de lixo si”. Remata o comunicado.

Palmarés XLVI Semana de Cine de Lugo

Estes son os premios acadados polas peliculas que se presentaron aos distintos apartados da 46 Edición da Semana de Cine de Lugo.

Premio do Público á Mellor Película da Sección Oficial:

CHINAS (España, 2023) de Arantxa Echevarría. (2,24 puntos).

A puntuación do público para o resto das películas presentadas a Sección Oficial foi a seguinte:

MAS PESADO ES EL CIELO (Brasil, 2023) de Petrius Cariry. (2.21 puntos).

VESTIDA DE BLANCO (México-España, 2023) de Juan Carlos Blanco. (2.04 puntos).

A FUEGO LENTO (Francia, 2023) de Tran Anh Hung. (2,00 puntos).

LAS PREÑADAS (Argentina, 2023) de Pedro Wallace. (1,72 puntos).

EL ÚLTIMO VERANO (Francia, 2023) de Catherine Breillat. 1,69 puntos).

Premio do Público a Mellor Curtametraxe (As curtas tamen son cine):

PEQUEÑO (España,2023) de Meka Ribera. (5,00 puntos).

Premio do Público á Mellor Película Galega (Curtametraxes):

UDRA (España, 2024) de Charles Alexander. (3,00 puntos.

Premio do Xurado á Mellor Película Galega (Longametraxes): MENOS A MORTE (Galicia, 2023) de Adrián Viador.

Premio do Xurado á Mellor Película Documental: 7:11 CUARZO (España, 2023) de Daniel Ortiz.

Premio do Xurado a Mellor Película do Ciclo: Cine Español Inédito: INTERSEX (España, 2023) de Tomás Aceituno Maldonado.

A Organización e o Xurado da 46 SECILUGO (Semana de Cine de Lugo) conceden cadansúa MENCION ESPECIAL ás seguintes películas, polo especial tratamento dos temas, ás persoas e ao cine:

AVETIMOLOGIA (España, 2024) de Xosé Zapata. DOS (España, 2023) de Kiko Prada. LOS ÚLTIMOS PASTORES (España, 2023 de Samu Fuentes). HEROES OLVIDADOS (España, 2023) de Juan Manuel Plaza Pascual. EMOCION ASTURIAS: LAS CUATRO ESTACIONES (España, 2023) de David Alvárez e Juan Ignacio Cuadrado.EL CINE DEL PASADO (Colombia, 2023) de Andrés Echeverri. LA NATURALEZA DE LO EXTRAORDINARIO (España, 2023) de Ligia Pájaro e Vicente Navarro. DOLOR IMPUNE (España, 2023) de Gabriel Chicano. OS VALORES NO CAMIÑO (Galicia, 2024) de Raquel Freiria. AURORA (Galicia, 2023) de Area Erina. PARADISO DE ANIBAL (Brasil, 2023) de Diego Baraldi. CLAUSTROFOBIA (Galicia, 2024) de Paco Guitian e Tadeo Puglieso. O CAUREL: TERRA DURA, TERRA BRAVA (Galicia, 2023) de Maruxa González Xampos. LA CENA (España, 2023) de Jesús Martinez. MON COEUR EN ARRIERE (Bélgica, 2023) de Sarah Gouret. TO BIRD OR NOT TO BIRD (España, 2023) de Martín Romero. PURA (Galicia, 2024) de Carmen Mendez. ANTES DE QUE SEPOÑA O SOL (Galicia, 2’23) de Nani Matos.

 

Xesus Mato, amigo

Lembramos a Xesús Mato, xigante de Paradela, descubridor de mundos; conquistador irrefreable de milleiros de persoas, que fixo seus amigos; que nos fixo seus amigos. Tiña o don de facer amigos. E de facer o ben. E do milagre da música.

E falo no nome destes amigos; de  todos; devotos dun home sinxelo, humilde e grande, traballador, entusiasta, estudoso, escritor, músico, escoitador… sensible, agarimoso, popular… crego por riba de todo. Cercano, sanador de almas e conciencias, redentor dos que sufrían, forte diante dos poderosos, pequeno cos nenos, rapaz cos rapaces, vello sabio cos vellos…

Podía pensarse que Mato nacera para escoitar, para aconsellar, para axudar. Pero tamén para decidir, para pedir, para protestar, para berrar cando facía falla… Era un galego consciente, ilusionado, sabio, con visión de futuro, asunción do pasado, con vontade de redención do presente.

Para os amigos, Mato era o mellor amigo; comprensivo, sereno, entregado, xeneroso, boa xente; como dicía don Antonio Machado, “en el mejor sentido de la palabra, bueno”.  Era un home intelixente, traballador e bo, que se entregou aos demais porque asumiu que o seu país necesitaba servidores, e estaba disposto a ser o primeiro para que todos os que o coñecesen imitasen a súa xenerosidade e a súa entrega.

Xesús Mato chegou ás nosas vidas -no meu caso cando eu era moi novo- para non irse nunca.  Entre outros moitos mundos descubriunos esta terra. Era un home de Paradela -amaba a terra e as xentes-, que se converteu nun home de Deus. E a nós cómprenos lembralo e imitalo. Cada quen, nas súas posibilidades, no seu traballo, na súa familia, no seu país… Imitalo aínda sabendo que nunca poderemos chegar ao seu exemplo.

Xesús sorriría admirado e agradecido de que este centro vaia levar o seu nome. E o mesmo que lle dicía cando a veces protestaba polas atencións que recibía, dígolle, agora na distancia: Hai que deixarse querer Xesús… Cando che fan isto, por algo será… “De Paradela ao ceo”, no teu caso é verdade. Tíñalo ben gañado. Míranos aquí a todos… Isto é para ti. Se todos nós sabemos querer, ti es o responsable. Tés que deixarte querer.

(Xulio, na homenaxe a Mato en Paradela, o 28.09.24)

Homenaxe a actriz lucense Melania Cruz

A Semana de Cine  rendeulle unha homenaxe na  tarde de onte á actriz lucense Melania Cruz, coa descuberta dunha placa no Paseo do Cine de Lugo, no parque de Frigsa, e cun acto no Salón de Actos do Pazo de San Marcos onde se proxectou o filme  “Pontevedra hora cero” de Alfonso Zarauza, un dos que figura na longa lista de películas, series de televisión e obras de teatro en que a actriz lucense participou ao longo da súa traxectoria.

A actriz Melania Cruz é unha das actrices máis recoñecidas de Galicia e conta cunha extensa carreira no teatro, cinema e na televisión. Ten acadado os premios máis importantes da escena galega. En 2021 foi recoñecido o seu traballo co galardón Mestre Mateo a Mellor Interpretación Feminina por «ONS», de Alfonso Zarauza. Destacan os seus traballos en cinema como protagonista de «Arima», «Dhogs» e «A Esmorga»; e para televisión en series como  «Clans», «Rapa T.2» e «A Unidade». En 2022, Melania gañou o premio de Cultura Galega das artes escénicas.

Os cines Codex estrean esta tarde os films “Emmanuelle” e “A virxe vermella”

Esta semana chega as pantallas dos Codex Cinema os filmes “A VIRXE VERMELLA” e “EMMANUELLE”

 “A VIRXE VERMELLA”, dirixida por Paula Ortiz na súa mellor película ata agora, cunha Najwa Nimri espectacular que brilla con este perturbador personaxe.

Sinopse:  Hildegart é concibida e educada pola súa nai, Aurora, para ser a muller do futuro, converténdose nunha das mentes máis brillantes da España dos anos 30 e nun referente sobre sexualidade feminina. Aos seus dezaoito anos comeza a experimentar a liberdade e coñece a Abel Velilla con quen explora un novo mundo emocional e, pouco a pouco, vaise desmarcando do férreo niño materno. Aurora decátase e, temendo perder o control sobre a filla, fai todo o posible para evitar que a filla se afaste.

A outra estrea da semana é “EMMANUELLE”, remake do filme de 1974 que se centra na viaxe a Hong Kong dunha muller e que se dedica a explorar a vida sexual do hotel no que traballa.

Sinopse: Emmanuelle está a buscar un pracer perdido. Un día, a cadea de hoteis de luxo para a cal traballa, encoméndalle a tarefa de viaxar a Hong Kong e revisar a baixada de ingresos dun dos seus establecementos; pero atópase con que funciona perfectamente. Buscando unha escusa para despedir á directora, coñece a Lee Jae-Yong, un atractivo executivo con rutinas misteriosas e mantén o anonimato fronte ao hotel. Emmanuelle empeza a obsesionarse con el, a seguilo. Esta obsesión despístaa no traballo.

 

 

 

Mojo picón

O “Mojo picón”, asombrounos a primeira vez que pisamos as Illas Afortunadas porque era salsa que picaba con xeito e, xunto coas humildes patacas con pela, tan queridas na nosa cociña, conformaba un plato certamente exótico.

Picaba xenerosamente, e seguimos degustándoa nas diversas viaxes, ata que deixou de picar, devindo nunha salsa bermella que no canto de provocar abrasión tolerable produce no paladar pouco máis ca unha caricia.

Preguntando aos hosteleiros do por que agora o “picón” non pica, atopamos dúas respostas básicas: Dunha banda afírman que o picor non era natural senón provocado pola adición de tabasco e por outra, que parece máis plausible, é que se reducíu o seu picor para acomodarse aos gustos dos delicados extranxeiros que convirten en minoría aos que falamos en canario aínda que sen o acento das Illas.

Aínda que non pique como debera, a nosa neta Sabela é unha devota deste provocador aditamento, e cada viaxe non queremos volver sen traer para a pequena un frasco de “Mojo”. Asi foi esta vez que en Lanzarote mercamos nunha tenda un envase da outrora suxestiva sustancia, que na Seguridade do aeroporto nos foi requisada como se levásemos un animal exótico ou un artefacto perigoso. Non puido pasar o control, agora que non pica, porque a saber que se pode facer trucando un destes frascos.

En canto pasamos o control, mercamos un frasco idéntico na tenda do aeroporto libre de impostos, polo triple do que costa no mercado canario, e puidemos cumprir co ritual. Coas miñas eivas dietéticas, sigo a suspirar polo bravo “Mojo” doutrora, que picaba coma un feixe de toxos, pero sabía a gloria.

 

O PP acusa ao Goberno da Deputación de desleixo no mantemento do Centro de Artesanía

O mantemento do Centro de Artesanía tamén caeu no esquecemento para o goberno provincial que leva moitos anos mirando cara outro lado, sen realizar as necesarias obras de mantemento, o que provocou que “coas choivas destas días, chova coa mesma intensidade no exterior e no interior do edificio”. Declaraba o portavoz do PP Ameijide

O voceiro provincial urxe “medidas inmediatas” para poder garantir a seguridade dos traballadores así como a protección de todas as pezas que se atopan dentro deste centro, “todas de gran valor histórico e cultural”.

A situación deste centro “é moi preocupante” xa que as principais protagonistas non son as pezas que alí se deberían de expoñer, senón as numerosas goteiras que provocan que os corredores estean cheos de cubos, as humidades que poden poñer en risco a saúde dos traballadores e, derivado desta situación, hai zonas nas que o teito se caeu, co conseguinte risco para calquera persoa que pase por esa zona nese momento. Unha triste realidade que vai en consonancia coa política instaurada por PSOE e BNG á fronte do goberno provincial: o nulo mantemento das súas propiedades”.

 

ADEGA-Lugo limpará de lixo o río Rato este domingo no marco da Limpeza Simultánea de Ríos

 ADEGA-Lugo coordinará unha xornada de limpeza no río Rato o próximo domingo, 29 de setembro, no marco da Limpeza Simultánea de Ríos organizada pola asociación ecoloxista e pola súa iniciativa Proxecto Ríos ao longo de toda a xeografía galega. 

 O punto de encontro será ás 9:30 horas na entrada principal do parque de Albeiros e está previsto o remate da actividade para as 13:00 horas. Para participar é necesario inscribirse previamente a través do correo electrónico adegalugo@adega.gal. 

 Ademais, a UNED Lugo e Coidemos Lugo organizan outra limpeza simultánea no río Miño. Neste caso, o punto de encontro será a entrada da UNED ás 11:00 h. A actividade está previsto que remate ás 14:00 h. Para participar tamén é necesario inscribirse a través da seguinte ligazón: https://extension.uned.es/actividad/idactividad/39417

 Todo o voluntariado, tanto nunha coma noutra limpeza, será agasallado cunhas camisolas co lema da limpeza “Móllate polos ríos”. 

Limpeza Simultánea e Proxecto Ríos

 A Limpeza Simultánea de Ríos pretende divulgar as chaves para realizar unha actuación ecolóxica nos ecosistemas fluviais. Neste sentido, ademais de poñerse mans á obra para limpar os ríos, ADEGA repartirá entre o voluntariado un Protocolo de Limpeza de ríos que tamén se pode descargar na web de ADEGA. 

 Calquera persoa particular interesada no voluntariado ambiental pode unirse a esta Limpeza Simultánea de Ríos poñéndose en contacto coas propias entidades locais que artellen limpezas na súa localidade. Nesta ligazón da web de Proxecto Ríos pódese consultar a listaxe destes concellos e asociacións organizadoras xunto cos seus datos de contacto, no caso de todos aqueles grupos que non estean xa pechados. Esta acción está financiada por Augas de Galicia.

O Proxecto Ríos, coordinado en Galiza por ADEGA, é unprograma de educación e voluntariado ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos ao proporcionar ferramentas que garantan a súa participación.

A RAG insta as autoridades galegas a executaren as recomendacións de acción inmediata do Consello de Europa para a Lingua Galega

No Día Europeo das Linguas, a Real Academia Galega insta as autoridades galegas a executaren as recomendacións de actuación inmediata sinaladas no sexto informe da comisión de expertos do Consello de Europa encargada de analizar o cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias en España. Na liña do que a RAG ten reivindicado en repetidas ocasións, o documento que acaba de vir a lume reclama con respecto ao galego, entre outras medidas, a eliminación das limitacións que impiden empregar a lingua do país como vehicular en materias de ciencias e garantir que o ensino en galego estea dispoñible en todos os niveis. O texto chama asemade a atención sobre a vulneración da Carta por parte da administración da xustiza e denuncia a falta de medidas para protexer o galego falado fóra de Galicia, en Asturias, Castela e León e Cáceres.

“O Día Europeo das Linguas ofrece un motivo de celebración, mais tamén de reflexión e de reivindicación da plenitude de recoñecemento e dereitos para as persoas que falamos linguas europeas en situación de vulnerabilidade. As autoridades galegas deberían tomar boa nota do informe do Consello de Europa, que sinala vías moi acaídas cara a unha política lingüística eficaz, imprescindible para garantir o porvir do noso idioma”, conclúe o coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG, Henrique Monteagudo, na tribuna publicada na páxina web da institución.

O académico debulla neste artigo as principais conclusións do informe do Consello de Europa sobre o grao de cumprimento dunha Carta que compromete os estados que a ratifican a desenvolveren un conxunto de medidas de defensa e promoción das linguas faladas nos seus distintos territorios, así como de salvagarda dos dereitos dos seus falantes. “Por exemplo, no campo da educación, España obrigouse a establecer unha liña educativa en galego, catalán e éuscaro desde o ensino infantil ata a Universidade, previsión que nunca se cumpriu no noso caso. (…) A inexistencia de tal liña educativa en galego foi reiteradamente denunciada por ese Comité, que, coherentemente, criticou con dureza o Decreto chamado do Plurilingüismo, aprobado pola Xunta de Galicia en 2010 e vixente aínda na actualidade”, concreta.

O comité de expertos urxe tamén a que se adopten medidas para garantir o uso do galego nos centros sociosanitarios e que as persoas galegofalantes poidan relacionarse en galego coas dependencias locais da Administración do Estado. Canto ás autoridades xudiciais, Henrique Monteagudo considera que son “as primeiras en incumprir a Carta” e recorda que o último informe do Consello de Europa é especialmente enfático en volver a esixir que os tribunais leven a cabo os procedementos penais, civís e administrativos en galego a instancia de parte.

Sobre o galego nas comarcas estremeiras, o documento recomenda con respecto ao galego de Asturias ou galego-asturiano o seu recoñecemento como lingua oficial no Estatuto de Autonomía da comunidade veciña, medidas para o seu uso na educación infantil, o incremento da súa presenza na secundaria ou o aumento do seu uso nos medios de comunicación. Para o caso do galego en Castela e León, falado no Bierzo e na comarca de Seabra, entre as principais recomendacións o comité de expertos apunta tamén a necesidade de que se desenvolva o seu uso nos medios, así como  a creación dun mecanismo de asesoramento para as autoridades en todo o relativo ao galego e que se dote dun financiamento específico as organizacións que apoian a súa protección e promoción. Para a Fala de Cáceres, propóñense medidas na mesma liña, ademais do apoio aos traballos iniciados para a elaboración dunha ortografía común da Fala.

Reunión do Consello das Linguas Oficiais e acto no Congreso

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, participará este xoves no acto conmemorativo do Día Europeo das Linguas que terá lugar no Congreso dos Deputados (16:00 horas), un ano despois de que o Parlamento español recoñecese plenamente o uso do galego, o catalán e o éuscaro nas súas sesións e documentos. Esta celebración foi promovida polo Consello de Europa en 2001 co propósito de impulsar o multilingüismo na convicción de que a diversidade lingüística é unha ferramenta fundamental para lograr unha maior comprensión intercultural e un elemento esencial do rico patrimonio cultural europeo.

A Real Academia Galega tamén estará presente na oitava reunión do Consello das Linguas Oficiais da Administración Xeral do Estado. Henrique Monteagudo representará a institución no encontro convocado polo Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, que se desenvolverá na Universitat d’Alacant.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com