Novas

O Concelleiro de Guntín renuncia á súa acta e solicitará a baixa no PP

O edil de Guntín, José Vázquez Barreiro,  condenado por explotación laboral, presentou esta maña un escrito no rexistro municipal no que comunica a súa renuncia á acta de concelleiro polo Partido Popular e ás obrigas derivadas da súa condición de membro do goberno local.

Vázquez Barreiro comunicou no mesmo momento ao alcalde, Ángel Pérez, a súa decisión adoptada de forma voluntaria e coa convicción de que “é o mellor” para non danar a imaxe do Concello, nin do goberno municipal, nin do Partido Popular.

A ese respecto, tamén solicitará a suspensión da militancia no Partido Popular. Nin a dirección do PP local nin provincial coñecían previamente os feitos nin a situación do ata agora concelleiro que vén de tomar esta decisión de forma persoal.

O Concello colocará cámaras en distintas rúas do casco histórico e polo recinto feiral durante o San Froilán

O Concello de Lugo impulsa a contratación dun centro de control móbil para reforzar o dispositivo de seguridade das festas do San Froilán. O obxectivo é dotar á Policía Local dunha ferramenta avanzada que permita supervisar o recinto en tempo real, reducindo o tempo de resposta ante calquera incidencia e facilitando unha intervención inmediata e precisa.

O Goberno local planea conectar este centro de control con cámaras estratéxicamente situadas en todo o recinto feiral e nas zonas máis sensibles do centro histórico, especialmente nos días e horas de maior afluencia de público. Esta monitorización permitirá previr concentracións masivas e ofrecer unha vixilancia máis efectiva.

Segundo o prego de contratación, o centro de control móbil deberá instalarse na Praza Horta do Seminario e estar equipado con sistemas de videovixilancia, incluíndo cámaras portátiles e fixas, que se conectarán ao centro para a súa visualización en tempo real. A gravación de todas as imaxes rexistradas polas cámaras e a súa conservación realizarase cumprindo co disposto na Lei Orgánica 3/2018, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Ademais, o Concello esixe que o dispositivo teña un funcionamento eficaz durante as datas e horarios máis críticos do San Froilán, reforzando así os turnos da Policía Local. A contratación inclúe tamén un técnico especializado que se encargará da instalación e funcionamento do centro, garantindo unha coordinación efectiva.

O proceso de adxudicación deste centro de control móbil busca mellorar a capacidade de resposta da Policía Local, facendo das festas do San Froilán un evento seguro para todas e todos.

Toma de posesión da nova xefa de Educación do Concello de Lugo

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, presidiu esta mañá a toma de posesión de Beatriz Pérez Traseira como nova xefa do Servizo de Educación do Concello de Lugo. Esta incorporación faise en comisión de servizo, mentres a titular da praza exerce as súas funcións noutra administración.

A rexedora trasladoulle os seus parabéns a Beatriz Pérez, destacando que a súa incorporación reforzará o equipo técnico de Educación, “clave para construír o futuro da nosa cidade”. Alvarellos subliñou a importancia de seguir apostando por políticas educativas inclusivas e innovadoras, co fin de mellorar a calidade de vida da cidadanía.

Deste xeito, a chegada de Beatriz Pérez Traseira complementa as recentes incorporacións levadas a cabo noutras áreas do equipo municipal e fortalece o compromiso do Concello con aqueles ámbitos clave que, como a educación, son motor de progreso e igualdade.

O Outono Gastronómico da Xunta ofrece promocións en 23 casas de Turismo Rural da provincia

A Xunta de Galicia ten en marcha ata o 15 de decembro a 18ª edición do programa Outono Gastronómico de Turismo Rural, a iniciativa coa que cada ano promove as viaxes fóra da tempada alta combinando o turismo rural e a gastronomía co fin de desestacionalizar e dar pulo ao sector. Nesta campaña participan 23 establecementos da provincia de Lugo.

O delegado territorial, Javier Arias, visitou hoxe un dos aloxamentos adheridos, Casona de Labrada, no concello da Pontenova, para dar a coñecer os detalles deste programa.

Os consumidores poden escoller entre diferentes modalidades que inclúen menús deseñados especialmente para esta campaña, así como estadías dunha noite ou dunha fin de semana. A maiores, algúns establecementos ofrecen actividades complementarias, como visitas culturais, roteiros de sendeirismo, paseos a cabalo ou descenso en canoa, entre outras. Hai tamén paquetes para as familias que viaxan con nenos e nenas.

Na provincia de Lugo adheríronse ao 18 Outono Gastronómico dez casas de turismo rural da Zona Sur -situadas en Taboada, Folgoso do Courel, Chantada, O Saviñao, Pantón, Quiroga e Sober-; cinco da Mariña -en Cervo, Foz, Lourenzá, A Pontenova e Trabada-; tres na comarca de Lugo -en Castroverde, Lugo e O Corgo-; e outras cinco en Castro de Rei, Cervantes, Monterroso, As Nogais e Sarria.

Javier Arias destacou que o obxectivo deste programa é “dar pulo ao sector do turismo rural, dinamizando a oferta fóra das épocas de maior ocupación” e instou a todos a “aproveitar esta oportunidade para desfrutar dos excelentes produtos e servizos que temos en Galicia”.

Un accidente entre dous coches e un camión deixa dous feridos en Barreiros

Pouco despois das 8:30 horas desta mañá, produciuse unha colisión entre dous coches e un camión no quilómetro 28 da N-642. Segundo comentou o alertador ao 112 Galicia, os ocupantes dun dos turismos estaban atrapados no interior.

Con esta información, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención dos Bombeiros de Barreiros para que puidesen ser liberadas as persoas atrapadas. Porén, non fixo faltar excarcerar. Tamén se avisou ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Barreiros.

Trala chegada dos servizos de emerxencias ao punto, estes confirmaron que non había persoas atrapadas en ningún dos vehículos. Ademais, indicaron que o accidente puido deberse a unha mala visibilidade por mor do sol, o que provocou que un coche cruzase varios carrís ata bater con outro turismo e un camión de grixo.

Como resultado, dúas persoas tiveron que ser trasladadas polo persoal sanitario. Pola súa parte, a dotación de bombeiros encargouse de levar a cabo labores de limpeza na vía debido a restos do accidente.

Andrés Rivas Rodís na Galería NÉBOA

O vindeiro venres 20 de setembro, a partir das 19h, a Galería NÉBOA inaugura tempada expositiva coa mostra individual “Gramática de superficie” do artista compostelán Andrés Rivas Rodís , esta é a primeira exposición individual de Andrés Rivas Rodís na Galería NÉBOA.

O elemento “superficie”, implicado tanto no proceso como na visualización das obras, constitúe precisamente, o fío condutor de toda a mostra. A superficie como capa externa desprotexida e base para a inscrición (de aí a súa relación coa escrita) é o soporte sobre o que, inconsciente ou premeditadamente, deposítanse todo tipo de elementos dun xeito xeolóxico, estratificados e remitíndose constantemente uns aos outros. Un movemento tectónico, no que o artista dispón certos obxectos (telas, papeis, madeira, etc.) sobre os que realiza composicións básicas coa intención de producir o menor ruído posible e así, evidenciar as interaccións do externo no plano pictórico.

A partir do descoido ou do accidente as pezas vanse “contaminando” do entorno, do espazo de traballo no que hai lixo, po, pegadas e desprendementos. Asemade, as obras sofren unha contaminación formal, consciente e promovida polo propio artista a base de materiais atopados extraídos de calquera libro esquecido: un debuxo simulando unha bobina, un circuíto eléctrico ou a silueta dun nocello. Como é obvio, a referencia orixinal non se asocia directamente. Para Rivas Rodís, o elemento da translación é esencial para entender como, mediante o emprego da plástica, opera a nosa visualidade, o aceno en relación coas superficies, con todo o que é susceptible de ser visto, manchado e copiado. Algúns dos papeis que utiliza nos collages son rescatados de antigos cadernos, libros ou cartas que perderon a súa función e que foron visiblemente atravesados polo tempo: un papel mercado hai dúas horas conxúgase, xustaponse e dialoga con outro de corenta anos. E volve cobrar sentido, reactívase na superficie da obra sen medo de superpoñerse á anterior. Un movemento que opera repetidamente, e que fai que unha peza non sexa un círculo pechado ou teña un punto final, senón que funcione coma unha estrutura poliédrica. Se, como dicía Paul Válery “o máis profundo é a pel”, é porque a pel é un órgano de contacto, de permeabilidade e repleto de poros. O capilar, o térmico, a súa división en estratos, fai que poida vinculala ao espazo do taller e ao propio proceso pictórico, xa que se converte nun espazo con milleiros de puntos perceptivos: xa non só contamos co visual, a superficie é a resposta á somatización, á asimilación dun espazo, e as obras forman parte dese corpo somático, vivo e quente que é a pintura.

Andrés Rivas Rodís (Santiago de Compostela, 2000) é graduado en Belas Artes pola Universidade Politécnica de Valencia (2022), mestrado en Investigación e Creación en Arte pola Universidade do País Vasco en Biscaia (2024), e actualmente doutorando pola Universidade de Vigo. No 2024 recibiu o Premio Gaztea do Concello de Leioa (Biscaia) e no 2022 foi galardoado co Premio Cátedra Bodegas Faustino & Willy Ramos (París) co proxecto Luz negra. Ademais, foi finalista do Xuventude Crea de Santiago de Compostela (2020 e 2021) e un dos participantes no Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura EAN11 (2021) coordinado por Rafael Doctor. Entre as súas exposicións destaca a colectiva dos galardoados coa Cátedra Faustino & Willy Ramos na Galería Lupe Fullana (Valencia, 2023), XXVI Certamen Jóvenes pintores da Fundación Gaceta (Salamanca, 2023), Paisaxe_0 na Galería Metro (Santiago de Compostela, 2022), La imagen de la memoria na Biblioteca Azorín (Patraix, Valencia 2022), Xuventude Crea na Igrexa da Universidade (Santiago de Compostela, 2021) e Hidden Sessions co colectivo Orbis Vacui no Centro Cultural escuela de Ruzafa (Valencia, 2020)

Desmontada a plataforma para o baño instalada no río Miño

Dúas semanas despois da súa instalación, esta mañá operarios do Concello procederon a retirar a plataforma para o baño tal e como ordena a Confederación Hidrográfica Miño – Sil, que foi a administración que autorizou a súa montaxe do 15 de xuño ao 15 de setembro durante 25 anos.

Os trámites para levar a cabo a colocación desta infraestrutura nas beiras do Miño alongouse durante todo o verán e foi o pasado 3 de setembo cando por fin abriu ao público, pero doce días despois ten que ser retirada.

O Caudal Fest arrinca este xoves co concerto da banda lucense Virtua Tennis

A sexta edición do Caudal Fest, a última gran festa do verán galego, arrincará este xoves coa actuación da banda lucense Virtua Tennis no Coliving Artístico do Carme. A partir das 19:00 horas, o grupo ofrecerá un directo neste espazo cultural no que mostrarán a súa gran aposta musical, na que combinan os ritmos rotos, con cadencias hip-hop e unha base instrumental na que se mesturan as guitarras e os sintetizadores. Así mesmo, o sábado, ás 15:00 horas, o dúo de DJs lucense Galician Army actuarán nas Caldas do Miño, situadas nas inmediacións do recinto do festival, nun espectáculo que tamén contará con entrada libre.

O Caudal Fest traerá á cidade de Lugo algúns dos artistas con máis éxito do país. O venres 20 de setembro estará protagonizado por Amaral, Viva Suecia, Carlos Sadness, Varry Brava, Huecco, Karavana, Ana Lua Caiano, Xina Mora e Ramón Mirabet. Ademais, o festival engade aos galegos Carlangas y Los Cubatas e Lontreira.

O sábado 21 protagonizarán a segunda xornada do Caudal Fest os seguintes artistas: Mikel Izal, Arde Bogotá, Ginebras, Nil Moliner, Ladilla Rusa, Tu Otra Bonita, Siloé, Parkineos, e Monoulious DOP, Dani Dicostas e Querido e os lucenses Beach Avenue.

Novo corte de tráfico a partir deste luns na A-6 en Pedrafita

O Ministerio de Transportes e Movilidade Sostible está a executar as obras de reconstrución dos viadutos do Castro, situados na autovía A-6 entre Pedrafita do Cebreiro e Vega de Valcarce. A calzada esquerda atópase en servizo desde decembro de 2023, cun carril de circulación sentido Madrid.

Para poder completar os traballos de impermeabilización e asfaltado que se están levando a cabo entre os km 431 e 430 na devandita calzada, é necesario cambiar o tráfico á outra metade da calzada, actualmente reservada para os traballos de obra, para o que se require previamente desprazar o sistema de contención provisional existente.

Para acometer estes traballos de desprazamento das barreiras de formigón existentes, con garantías de seguridade para traballadores e usuarios da vía, procederase a cortar o tráfico da calzada da A-6 sentido Madrid entre os km 432 e 422, desde as 22:00 e as 7:00 horas, a partir da noite de hoxe luns 16 ao martes 17 de setembro. Estímase unha duración dos traballos de catro xornadas, sempre en horario nocturno para minimizar as molestias aos usuarios, ao termo das cales restituirá o tráfico sentido Madrid, sen cortes nocturnos, polo tronco da autovía.

O itinerario alternativo para o tráfico sentido Madrid realizarase a través da N-6 e A-6 entre os km 432 a 422 desta última, e estará convenientemente sinalizado. Lémbrase a importancia de respectar a sinalización provisional de obras e as limitacións de velocidade para garantir a seguridade de traballadores e usuarios.

Adega consegue frear cauterlamente no TSXG o proxecto eólico Neboada

ADEGA vén de recibir Auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza polo que acolle a pretensión da organización ecoloxista desuspender cautelarmente o proxecto eólico Neboada, nos concellos de Quiroga e Ribas de Silda Rúa na provincia de Lugo e A Pobra de Trives, San Xoán de Río e Vilamartín de Valdeorras en Ourense. Desta maneira, o alto tribunal galego deixa sen efecto a resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética do pasado 2 de xuño de 2023 pola que se autorizaba o proxecto, cando menos, ata que non haxa sentenza firme relativa ao recurso contecioso-administrativo interposto por ADEGA contra este polígono eólico.

A única parella de aguia real da provincia de Lugo, en perigo

O P.E. Neboada forma parte dun único macroproxecto eólico de 65 MW de potencia xunto cos chamados Orballeira e Xeada, ambos recorridos xuridicamente por ADEGA e este último tamén paralizado cautelarmente a instancias da asociación. Os tres comparten infraestruturas, están promovidos por empresas que forman parte dunha mesma matriz de accionistas e suman un total de9 aeroxeradores de 220 metros de altura nas montañas do Courel, Valdeorras e Ribeira Sacra. Este macropolígono eólico afectaría de forma crítica a supervivencia da única parella de aguia real da provincia de Lugo.

Ademais, este proxecto eólico, situado nos límites do espazo Rede Natura Ancares-Courel, incidiría negativamente no proceso de recuperación e expansión do oso pardo polas montañas orientais galegas. Tamén se atopa dentro da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, e no corredor ecolóxico de tres espazos naturais protexidos: ZEC Ancares-Courel, ZEC Macizo Central e ZEC Enciña da Lastra; nunha área prioritaria para a protección da avifauna.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza considera suficientes os indicios achegados pola organización ecoloxista ADEGA como proba dos elementos ambientais “altamente sensibles” que se verían danados de levarse adiante a construción do polígono eólico Neboada. En concreto, a sala entende que “concorre a circunstancia dunha proximidade relevante a espazos xa caracterizados ambientalmente como altamente sensibles, quer por pertenceren xa á Rede Natura, quer por estaren previstos para a súa ampliación”. Ademais, o tribunal recolle no seu auto que “a acreditación dun risco de dano irreparable ou de difícil reparación derivado da execución das obras é clara”.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com