Novas

Adega consegue frear cauterlamente no TSXG o proxecto eólico Neboada

ADEGA vén de recibir Auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza polo que acolle a pretensión da organización ecoloxista desuspender cautelarmente o proxecto eólico Neboada, nos concellos de Quiroga e Ribas de Silda Rúa na provincia de Lugo e A Pobra de Trives, San Xoán de Río e Vilamartín de Valdeorras en Ourense. Desta maneira, o alto tribunal galego deixa sen efecto a resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética do pasado 2 de xuño de 2023 pola que se autorizaba o proxecto, cando menos, ata que non haxa sentenza firme relativa ao recurso contecioso-administrativo interposto por ADEGA contra este polígono eólico.

A única parella de aguia real da provincia de Lugo, en perigo

O P.E. Neboada forma parte dun único macroproxecto eólico de 65 MW de potencia xunto cos chamados Orballeira e Xeada, ambos recorridos xuridicamente por ADEGA e este último tamén paralizado cautelarmente a instancias da asociación. Os tres comparten infraestruturas, están promovidos por empresas que forman parte dunha mesma matriz de accionistas e suman un total de9 aeroxeradores de 220 metros de altura nas montañas do Courel, Valdeorras e Ribeira Sacra. Este macropolígono eólico afectaría de forma crítica a supervivencia da única parella de aguia real da provincia de Lugo.

Ademais, este proxecto eólico, situado nos límites do espazo Rede Natura Ancares-Courel, incidiría negativamente no proceso de recuperación e expansión do oso pardo polas montañas orientais galegas. Tamén se atopa dentro da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, e no corredor ecolóxico de tres espazos naturais protexidos: ZEC Ancares-Courel, ZEC Macizo Central e ZEC Enciña da Lastra; nunha área prioritaria para a protección da avifauna.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza considera suficientes os indicios achegados pola organización ecoloxista ADEGA como proba dos elementos ambientais “altamente sensibles” que se verían danados de levarse adiante a construción do polígono eólico Neboada. En concreto, a sala entende que “concorre a circunstancia dunha proximidade relevante a espazos xa caracterizados ambientalmente como altamente sensibles, quer por pertenceren xa á Rede Natura, quer por estaren previstos para a súa ampliación”. Ademais, o tribunal recolle no seu auto que “a acreditación dun risco de dano irreparable ou de difícil reparación derivado da execución das obras é clara”.

O Concello anuncia que devolverá a rodaxe cobrada aos propietarios de vehículos agrícolas

O goberno local vén de anunciar que “devolverá a rodaxe cobrada aos propietarios de vehículos agrícolas” , xa que os vehículos agrícolas están exentos do imposto de rodaxe, pero antes esta exoneración aplicabase de oficio e agora hai que solicitala, ademais deben de inscribilos no ROMA (Rexistro Xeral de Maquinaria Agrícola), tal e como explican dende o Concello.

Ante esta situación a concelleira popular Flora Rubinos explicou que “a exención da rodaxe a tractores, remolques, semirremolques e maquinaria provistos de la Cartilla de Inspección Agrícola se recolle no artígo 4º, apartado 1.7 da Ordenanza Municipal Nº 200”.

Tras coñecer que houbo unha nova forma de aplicar a normativa municipal xa que “ata o de agora a exención se aplicaba de oficio”
dende o Partido Popular coa intención de apoiar a todos os afectados bríndase a axudar a facer as reclamacións oportunas e tamén a facilitar
información para que non se repita nos próximos anos este cobro indebido.

O PP pide o arranxo urxente da rúa Fermín Rivera no barrio da Ponte

A veciñanza da Ponte séntese “abandonada polo PSOE e o BNG que desatende cuestións básicas de mantemento no barrio da Ponte onde é prioritario que se arranxe a rúa Fermín Rivera una vía de 730 metros de lonxitude que parte da intersección coa estrada vella de Santiago e que remata nas proximidades da igrexa de San Lázaro, xunto a pasarela do Miño”. A vía ten un importante nivel de tráfico e tamén é utilizada polos peregrinos que fan o Camiño e está en moi mal estado e faltan beirarúas.

Así llo comunicaron á voceira do Partido Popular, Elena Candia, nunha xuntanza celebrada onte no local veciñal onde lle trasladaron varias peticións para mellorar a seguridade viaria do barrio. Entre as súa peticións está a de colocar bandas redutoras en Pena de Mula (comprometidas polo goberno local en decembro); a limpeza da maleza en rotondas que impiden a visibilidade; facer beirarrúas dende o Aniceto ata o Cemiterio de San Froilán e instalación de cámaras para control de tráfico no acceso á Calzada da Ponte.

Outro asunto que tamén enfada á veciñanza son as avarías de auga que deixan sen servizo tanto ao barrio como a zona de Orbazai, dándose o
caso de ata catro roturas simultáneas en catro metros na estrada vella de Santiago.
Asemade os residentes no barrio tamén reclaman unha marquesiña de bus en Álvaro Cunqueiro e a reparación da varanda que hai nesta rúa e que está esnaquizada.

 

Arde unha palleira nunha explotación gandeira en Guitiriz

Dez minutos antes das 10 horas, un particular alertou ao 112 Galicia de que ardía unha palleira de grandes dimensións no lugar de Rego Pequeno, nos Vilares.

A palla acumulada acada os seis metros de altura e está a ser retirada cunha pá mecánica para proceder a apagala xa no exterior. Dentro da palleira, que está apartada do resto de instalacións, tamén había maquinaria que xa puideron sacar.

De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción dos Bombeiros de Vilalba, dos GES de Friol-Palas e de Curtis, da Garda Civil, da Policía Local e dos voluntarios de Protección Civil de Guitiriz. Tamén colaboran o persoal do distrito forestal da zona, da Consellería de Medio Rural, e o propio Concello, que facilitou unha das pás mecánicas.

Nestes momentos, os medios continúan no punto traballando para apagar o incendio.

O Concello retira máis de 450 quilos de lixo das arquetas da praza de Abastos

Durante o día de hoxe levouse a cabo un operativo especial de limpeza na Praza de Abastos, que finalizou coa extracción de máis de 450 Kg de resíduos como cascas, restos de peixe, envoltorios, mallas, plásticos ou etiquetas  das arquetas ubicadas no soto. Dende o Concello fixose un chamamento aos distintos praceiros e ás asociacións que din representar os negocios da Praza e do Mercado “para usar as instalacións de xeito responsable, garantindo o benestar tanto dos usuarios como dos negocios que se ubican aquí”.

A edil de Participación, Cristina López, lembrou que os desaugues non deben ser usados como depósito de desfeitos. O Goberno de Lugo puxo en marcha o pasado 24 de maio un servizo de recollida de resíduos para os resíduos orgánicos, con contedores refrixerados que impide o desprendemento de malos olores e unha xestión responsable e eficaz da reciclaxe. Ademais, a instalación conta con contedores suficientes para a reciclaxe de envoltorios, elementos plásticos e outros resíduos.

O novo sistema de recollida de resíduos de carnicería e peixería permite realizar unha mellor xestión dos resíduos específicos destes sectores e avanzar no bo tratamento dos restos que se xeran nestas instalacións.

Esta tarde os cines Codex estrean o filme “O 47”

Esta tarde os Codex Cinema estrean a película “O 47” dirixida por Marcel Barrena, e que narra a historia dun acto de disidencia pacífica e do movemento veciñal, cunha sincera ollada a un barrio, a súa xente e a súa loita.

Sinopse: O 47 conta a historia dun acto de disidencia pacífica e o movemento veciñal de base que no 1978 transformou Barcelona e mudou a imaxe dos seus suburbios para sempre. Manolo Vital, un condutor de autobús que se apropiaba do bus da liña 47 para desmontar unha mentira que o Concello se empeñaba en repetir: os autobuses non podían subir as costas do distrito de Torre Baró. Un acto de rebeldía que demostrou ser un catalizador para o cambio de que as persoas se enorgullecen das súas raíces, dunha loita da veciñanza, da clase traballadora que axudou a crear a Barcerlona dos anos 70.

Mañá venres día de estreas, chegan as pantallas dos Codex Cinema os filmes  “SIDONIE EN XAPÓN” e “XUSTIZA ARTIFICIAL”.

“XUSTIZA ARTIFICIAL”, un thriller protagonizado por Verónica Echegui e Alberto Ammann que propón a posibilidade de que o sistema xudicial español implante o uso da intelixencia artificial coas súas vantaxes e cos seus inconvenientes.

Sinopse:  o Goberno español anuncia un referendo para decidir se implementar un innovador sistema de Intelixencia Artificial na Administración de Xustiza que promete automatizar e despolitizar os procesos xudiciais substituíndo aos xuíces en todos os tribunais do país.

A proposta, apoiada polo goberno e a empresa que desenvolve o sistema,  xera unha encarnizada campaña electoral na que se enfrontan os partidarios do avance tecnolóxico coa carreira xudicial, que defende o compoñente humano na administración de xustiza.

“SIDONIE EN XAPÓN”, baixo a dirección de Élise Girard que nos ofrece un filme minimalista altamente sofisticado.

SinopseSidonie viaxa a Xapón, invitada para promocionar un libro seu. Malia todas as atencións do seu editor xaponés, con quen vai descubrindo os encantos e misterios do país, Sidonie séntese perdida, sen rumbo…. As cousas non melloran cando o recordo do seu marido empeza a atormental

Detida unha persoa por presunto delito de tráfico de drogas

Na madrugada pasada  cara as 00’50 horas, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno realizaba patrulla preventiva pola rúa Lamas de Prado, observa a presenza dun vehículo en circulación que presenta varias deficiencias, todas elas, constitutivas de infracción ao Regulamento Xeral de Vehículos, polo cal ordenan ao condutor que deteña a súa marcha. Os axentes, ao aproximarse ao turismo, comproban que desprende un forte cheiro a “hachis”, polo que proceden ao cacheo do condutor e os catro ocupantes, así como ao rexistro do automóbil, cos seguintes resultados:

A dous dos ocupantes intervéñenselles senllos envoltorios, contendo unha substancia pulverulenta, presuntamente “hachis”, que portaban entre as súas roupas, os cales se interveñen, levantando actas – denuncia por infracción á Lei de Seguridade Cidadá, por tenencia de substancias estupefacientes na vía pública, o que constitúe unha infracción grave á devandita norma, que pode ser castigada cunha sanción pecuniaria entre 601 e 30.000 €.

Na guanteira do vehículo, os axentes localizan e interveñen dous paquetes contendo unha substancia pulverulenta, similar ás anteriores, cun peso aproximado de 190 (cento noventa) gramos, manifestando o condutor que son unicamente da súa propiedade, polo que, debido á cantidade de substancia, procédese á súa detención  e inícianse dilixencias por un presunto delito contra a saúde pública.

O condutor, que presenta signos externos de consumir algún tipo de substancia, é sometido á proba de detección de drogas por parte da Unidade de Atestados, lanzando resultado positivo en THC, motivo polo cal se confecciona denuncia administrativa por conducir tras inxerir drogas, o que supón unha sanción económica de 1000 € e a detracción de 6 puntos do permiso de conducir.

O vehículo foi retirado co guindastre para o depósito municipal.

 

 

A maxistrada Olalla Díaz Sánchez é reelixida xuíza decana de Lugo

A actual xuíza decana de Lugo, Olalla Díaz Sánchez, foi elixida de novo para o cargo, por unanimidade, na Xunta Xeral de Xuíces celebrada hoxe. A maxistrada, que foi a única candidata, afronta o seu segundo mandato co propósito de “seguir representado, da mellor forma posible,” aos seus compañeiros e compañeiras, “velando polos seus dereitos e intereses profesionais”.

Entre os seus obxectivos para este segundo mandato indicou que se atopan a mellora da accesibilidade e da seguridade do edificio xudicial, así como a implementación da figura do Facilitador, prevista para apoiar ás persoas con discapacidade intelectual e ás persoas maiores durante procesos xudiciais. Conseguir un incremento da planta xudicial é outra das súas aspiracións, entre as que destaca a creación dun xulgado exclusivo de Violencia sobre a Muller.

Olalla Díaz Sánchez ingresou na carreira xudicial en 2010, pasando a desempeñar o seu primeiro destino no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 do Porriño. Por concurso de xuíces, accedeu ao Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Lugo, destino no que promocionou á categoría de maxistrada en 2018 e no que permanece na actualidade.

O 8, en Outeiro

O 8 cumpríronse vinte anos do seu pasamento, polo que de novo convocados por Xermolos e a Irmandade Manuel María, os amigos volvemos a Outeiro de Rei para honralo onde repousa. Levamos dezanove visitas, sempre o mesmo día, co mesmo programa: xantar en comunidade, lectura poética nas Penas de Rodas, nova lectura e ofrenda floral no cemiterio, e entrega de “A navalla do Manuel” na Campa da Santa Isabel a persoas coas que o noso escritor comulgaría.

O acto do cemiterio faise diante, no adro, que hai tempo nos chegou a queixa das xentes de Outeiro porque ao ser moi estreito o paso entre as tumbas podía non respectarse axeitadamente a memoria dos que alí repousan, e só se accede ao sepulcro do poeta da Chaira de un en un dos que levan “Unha rosa a Outeiro”.

Recibiron este ano a navalla Luis Fernández Guitián, Alcalde de Sober, profesor, músico, escritor e gran amigo do Manuel; e a título póstumo María Xosé Neira Maseda, activista sociocultural, falecida recentemente.

Esta xornada é unha comuñón laica nas especies de pan e queixo do país e viño da Ribeira Sacra, repartido aos presentes, todos amigos do Manuel e entre sí, que a devoción común fai común a amizade. E o rito da entrega das navallas entra nidiamente na memoria que se garda do Manuel (e de Saleta, a súa dona) porque para el non había coitelos senon navallas, que valían especialmente para cortar e compartir o pan na mesa… ou para facer un caxato para apoiarse no camiñar…

Cada oito de setembro, nin chamada faría falla: Vémonos en Outeiro de Rei, como amigos vellos que se xuntan para lembrar ao irmán maior que nos ensinou a coñecer e querer unha terra, un pobo e unha fala.

Un traballador resulta ferido cando traballa no monte en O Valadouro

O accidente tivo lugar instantes despois das 10:30 horas na parroquia de Moucide.

O 112 Galicia tivo constancia deste accidente a través dun particular que se atopaba co implicado, un traballador dunha empresa madeireira ao que lle caeu enriba a póla dunha árbore. O home sufriu un forte golpe nas costas, pero estaba liberado e accesible.

Rapidamente, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Barreiros e dos axentes da Garda Civil.

Tras ser atendido no punto, o ferido foi trasladado en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com