Novas

O 8, en Outeiro

O 8 cumpríronse vinte anos do seu pasamento, polo que de novo convocados por Xermolos e a Irmandade Manuel María, os amigos volvemos a Outeiro de Rei para honralo onde repousa. Levamos dezanove visitas, sempre o mesmo día, co mesmo programa: xantar en comunidade, lectura poética nas Penas de Rodas, nova lectura e ofrenda floral no cemiterio, e entrega de “A navalla do Manuel” na Campa da Santa Isabel a persoas coas que o noso escritor comulgaría.

O acto do cemiterio faise diante, no adro, que hai tempo nos chegou a queixa das xentes de Outeiro porque ao ser moi estreito o paso entre as tumbas podía non respectarse axeitadamente a memoria dos que alí repousan, e só se accede ao sepulcro do poeta da Chaira de un en un dos que levan “Unha rosa a Outeiro”.

Recibiron este ano a navalla Luis Fernández Guitián, Alcalde de Sober, profesor, músico, escritor e gran amigo do Manuel; e a título póstumo María Xosé Neira Maseda, activista sociocultural, falecida recentemente.

Esta xornada é unha comuñón laica nas especies de pan e queixo do país e viño da Ribeira Sacra, repartido aos presentes, todos amigos do Manuel e entre sí, que a devoción común fai común a amizade. E o rito da entrega das navallas entra nidiamente na memoria que se garda do Manuel (e de Saleta, a súa dona) porque para el non había coitelos senon navallas, que valían especialmente para cortar e compartir o pan na mesa… ou para facer un caxato para apoiarse no camiñar…

Cada oito de setembro, nin chamada faría falla: Vémonos en Outeiro de Rei, como amigos vellos que se xuntan para lembrar ao irmán maior que nos ensinou a coñecer e querer unha terra, un pobo e unha fala.

Un traballador resulta ferido cando traballa no monte en O Valadouro

O accidente tivo lugar instantes despois das 10:30 horas na parroquia de Moucide.

O 112 Galicia tivo constancia deste accidente a través dun particular que se atopaba co implicado, un traballador dunha empresa madeireira ao que lle caeu enriba a póla dunha árbore. O home sufriu un forte golpe nas costas, pero estaba liberado e accesible.

Rapidamente, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Barreiros e dos axentes da Garda Civil.

Tras ser atendido no punto, o ferido foi trasladado en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.

A Subdelegación do Goberno en Lugo actuará como Punto Violeta de atención ás violencias machistas

subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, anunciou esta mañá xunto á xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller, María Luisa Castro, que as unidades de Información, Rexistro e Estranxeiría pasarán a ser Puntos Violeta, ampliando a rede de espazos públicos de asesoramento, atención e protección a posibles vítimas de violencia de xénero.

Esta iniciativa comezou coa posta en marcha destes puntos nas oficinas do SEPE na provincia, e agora tamén estará presente no edificio da Subdelegación do Goberno en Lugo co obxectivo de ampliar a rede de protección e seguridade desde as administracións públicas para as mulleres que o precisen. Para iso, o persoal vén de recibir unha formación para a mellor prestación deste servizo.

Isabel Rodríguez destacou que a inauguración destes espazos responde a un proceso de mellora progresiva incorporando aos entes públicos, lugares de fácil acceso para a cidadanía. Así mesmo, servirá para facilitar información e materiais sobre como actuar ante un caso de violencia machista a establecementos, entidades, empresas ou organismos públicos. 

Nas unidades nas que se implementará o Punto Violeta atoparanse algúns materiais como guías de información sobre o procedemento de actuación, recursos para as vítimas ou explicacións sobre a detección dos distintos tipos de violencias. A campaña de difusión e concienciación tamén conta con carteis e adhesivos cun código QR vinculado á Guía Punto Violeta.

O Museo Provincial acolle a mostra “Os traballos de Hércules”

O Museo Provincial de Lugo acolle a mostra “Traballos de Hércules”, da Real Academia Galega das Belas Artes, co obxectivo de celebrar o 175 aniversario que reúne 16 gravados orixinais pertencentes á colección da institución.

As obras expostas foron copiadas da serie de pinturas ao fresco que o artista italiano Luca Giordano realizou no século XVIII nunha das salas do Palacio do Bo Retiro de Madrid baixo o encargo de Carlos II. A serie ilustra o encargo mitolóxico realizado a Hércules, que incluía doce aventuras, entre as cales destaca a que se desenvolveu en Galicia: o enfrontamento co rei Xerión para recuperar o rabaño de bois que este arrebatara aos campesiños da rexión. Hércules derrotou a Xerión na Coruña e sobre os seus restos construíu a Torre de Hércules, un símbolo histórico de gran relevancia..

A exposición poderá visitarse no Museo Provincial de Lugo ata o 6 de outubro no horario de apertura.

Os bombeiros liberaron a unha persoa que quedou atrapada debaixo dun tractor en Pantón

Pasadas as 13 horas, o 112 Galicia tivo constancia deste accidente a través do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061: unha persoa estaba atrapada debaixo do tractor que manexaba nunha finca do lugar de Galegos, en San Vicente de Castillón.

De inmediato, os xestores do 112 Galicia solicitaron a colaboración dos Bombeiros de Monforte de Lemos e da Garda Civil. Aínda que se chegou a mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Ourense, a persoa foi trasladada en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.

Unha vez alí, os servizos de emerxencias fixeron uso do seu material de excarceración para liberar á persoa ferida, que foi evacuada en ambulancia.

Presentación da 46 Semana de Cine de Lugo

Esta mañá tivo lugar a presentación da 46 edición da Semana Internacional de Cine de Lugo. A cita, que se vén celebrando anualmente dende o 1979, terá lugar entre o 23 e o 29 de setembro de 2022. No acto estiveron presentes a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, o presidente do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, Xulio Xiz, así como Manuel Curiel, director da Semana de Cine, representantes da Xunta de Galiza e da USC, e integrantes do Comité Organizador da Semana.

A carteleira, que inclúe 147 películas e poderase ver en cinco espazos da cidade, está organizada en varios ciclos: Infantil, O mellor do ano, Sección oficial, Cine Documental, Homenaxes, Cine español inédito, Cine galego, As curtas tamén son cine e Cine galego curtas. O ciclo Cine galego inclúe unha selección de nove títulos que se proxectarán na edificio da Xunta os días 24, 25, 26 e 27 de setembro:  Os valores no camiño, As tres outras vidas de María S., Pico Sacro, Claustrofobia, Florencio, o cego dos Vilares, Pretérito imperfecto, Aurora, Menos a morte e O Courel: terra dura, terra brava.

O programa da Semana de Cine inclúe tamén homenaxes á actriz lucense Melania Cruz e a Ánxel Fole, entre outros, así como a proxección de películas en Aspnais e en centros penitenciarios dentro do ciclo especial Deixade que o cine…

A alcaldesa de O Valadouro renuncia ao seu cargo e nomea a José Manuel Lamela do PP como novo alcalde

A alcaldesa de O Valadouro, María José Fernández (UDIVAL), anuncia que renuncia á alcaldía por “total perda de confianza nos concelleiros do grupo do PSdeG-PSOE” e que deixará que ocupe á alcaldía José Manuel Lamela do Partido Popular, o número un da lista máis votada nas pasadas eleccións do ano 2023. Será nun pleno extraordinario que se celebrará este venres 13, cando se fará efectivo a renuncia da alcaldesa.

Así o adiantaron nun comunicado conxunto da actual alcaldesa e o concelleiro do PP José Manuel Lamela no que ademais de presentar a renuncia, comunica que tamén ven de cesar a primeira e segunda tenencias de alcaldía designadas nos concelleiros María Xosé Barreira (PSdeG-PSOE) e don Eduardo Chao (BNG), respectivamente, e de revogar a delegación de funcións nos concelleiros do grupo municipal do PSdeG-PSOE (dona María Xosé Barreiro e don Alejandro Fernández) e BNG (don Eduardo Chao e don Eliseo Teijeiro).

Posteriormente e tal e como indican no comunicado  “para a construción e desenvolvemento dun proxecto de futuro para o noso concello poñendo como prioridade os intereses dos veciños e veciñas, os concelleiros de ambas formacións apoiarán a candidatura á alcaldía de José Manuel Lamela, cabeza de lista da candidatura máis votada nas eleccións municipais do 28 de maio de 2023, nun novo pleno de carácter extraordinario para elixir novo alcalde e que se celebrará coa maior brevidade posible, e nun prazo máximo de 10 días atendendo ao artigo 40.5 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais (ROF), asumindo o Partido Popular a alcaldía do Concello do Valadouro”.

María José Fernández Díaz seguirá traballando na súa condición de concelleira elixida pola candidatura de UDIVAL.

 

Árbores caídas

Se o refraneiro afirma que da árbore caída calquera fai leña, é lóxico atopar paralelismo entre a vella árbore que a morte ronda coa do ser humano que despois dunha madurez triunfante afronta o ocaso en soidade, e entre os depredadores da madeira e os que vilipendian ao que deixou de ser importante.

As Caixas galegas foron entidades estimadas e poderosas, e os seus reitores chegaron a posuír poder recoñecido por todos, superior aos cargos políticos que formaban parte do coro de interesados na súa amizade.

O que Caixa Ourense dicía en Ourense; Caixa Vigo en Vigo, e Caixa Galicia en A Coruña e Lugo, era tido en conta. E a vox populi afirmaba que en Vigo non se movía unha palla sen que Julio Fernández Gayoso non dese o seu placet, do mesmo xeito que A Coruña se rendía a José Luis Méndez López, e cando viña por Lugo era noticia en todos os medios e concitaba presenza de notables.

“Pasou o que pasou”, como un moderno diluvio universal, caeron estrepitosamente aquelas caixas, as súas cabezas visibles procuraron xubilación áurea e pasaron a un ostracismo comparable coa situación das árbores orgullosas arrancadas por un furacán.

José Luis Méndez veuse na precisión de renunciar hai xa máis dunha década ao título de Fillo Predilecto da cidade de A Coruña, e agora o Consello de Ministros ven de retirarlle a Medalla do Mérito ao Traballo a Julio Fernández Gayoso. Poden ter organizado un económico futuro perfecto, pero perderon a aura, a influencia, a amizade, o respecto. Se as institucións non andiveran detrás deles cando triunfaban, non tiñan porque facer agora leña de árbores caídas, xoguetes rotos; millonarios pobres de solemnidade.

 

 

Este martes comeza o Lugo Máxico 2024

Lugo Máxico 2024 achegará 17 actividades que terán lugar entre o 10 e o 15 de setembro, ademais de distintas actividades nos centros escolares de Lugo. O HULA acollerá sesións de maxia o venres 13 a partir das 13.00 horas cos magos Kayto, Marcos Waldemar e Xulio Merino.

A primeira actividade terá lugar o 10 de setembro, a partir das 20:00 no Vello Cárcere coa conferencia divulgativa de Paco González, “as estancias do Asombro”. A divulgación sobre a maxia continuará o domingo 15 co obradoiro “Quiero ser maga” de Sara Rodríguez, tamén no Vello Cárcere. Os magos poderán asistir a unha conferencia especializada a cargo de Joaquín Matas o 14 de setembro a partir das 12:00 no Hotel Mercure.

O Vello Cárcere acollerá a exposición “O gabinete de curiosidades”, do mago Paco González, que contará con visitas guiadas os días 11, 12 e 13 de setembro (11:00 e 12:30 para escolares, 17:30 e 19:30 para adultos), e haberá 4 actividades de maxia na rúa, co mago Kayto e o seu espectáculo “Alokayto”, que se poderá desfrutar aa praza maior o 11 de setembro ás 19:00, o 12 de setembro ás 13:00 na praza Maior e ás 20:00 na praza Agro do Rolo e o 13 de setembro ás 18:00 na praza do Castiñeiro. Adrián Conde traerá o seu espectáculo “Intríngulis” á Mosqueira o 12 de setembro ás 19:00.

Lugo Máxico contará en total con 5 galas, conezando o 13 de setembro a partir das 12:00 coa gala para escolares, que terá lugar no Auditorio Municipal Gustavo Freire a cargo de Ricardo Frazer. O gustavo Freire acollerá tres galas máis, abertas a toda a veciñanza, comezando o  13 de setembro a partir das 20:30, Joaquín Matas desenvolverá o seu espectáculo “intimagia”. O 14 será o momento da gala Waldemar (20:30), presentada por Xulio Merino, e que contará coa participación dos magos David Méndez, Román García, Marcos Waldemar, Luís Boyano e Bruni Tarnecci, e o 15 pechará o LugoMáxico coa gran gala Lugomáxico, ás 19:00, e que contará coa participación de Xulio Merino, Joaquín Matas, Ramó&Alegría, Joshua Kenneth e Gonzalo Albiñana, presentados por Luís Boyano. Ademais, haberá unha gala no Mesón do Forno o 13 de setembro a partir das 22:30, presentada por Marcos Waldemar e na que participarán Xulio Merino, Román García, Joaquín Matas e Bruno Tarnecci.

Todas as actividades do Lugo Máxico 2024 serán gratuítas e de acceso libre ata completar a cabida do recinto, agás as galas do Auditorio Municipal Gustavo Freire, cuxas entradas estarán á venta no portal entradaslugo.es a un prezo de 3€.

Sarria acollerá o 12 e 13 de setembro as dúas primeiras etapas da Volta a Galicia

A Volta á Galicia percorrerá un ano máis a xeografía lucense, co apo.  Sarria será o punto de referencia das dúas primeiras etapas da proba que reúne os mellores ciclistas das categorías Sub-23 e Elite e que se celebrarán o 12 e o 13 de setembro.

1º Etapa.  12 de setembro.
A primeira etapa da Volta a Galicia será unha contrarreloxo individual con saída na rúa da Liberdade e chegada na rúa Maior (fronte á Igrexa de San Salvador), e un percorrido de 7,1 quilómetros pola vila e a contorna da localidade. A proba comezará ás 18.00 horas.

2ª Etapa. 13 de setembro.
O trazado deseñado para a segunda etapa da Volta a Galicia, con chegada e saída na rúa da Liberdade, conta con 160 quilómetros nos que os
ciclistas percorrerán tamén outros concellos das comarcas de Sarria e Lugo como Samos, Láncara, O Páramo, O Corgo, Castroverde, Baralla e Lugo (Nadela). A proba iniciarase ás 12.00 horas cunha saída neutralizada.

Trátase dun itinerario de media montaña con terreo bastante rápido e rompepernas, con Montán (Samos) e Sobrado (Baralla) -portos de terceira categoría- como puntos máis altos do circuíto.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com