Novas

Os Bombeiros liberan a dúas persoas que colidiron cos seus coches en Vilalba

O 112 Galicia tivo constancia do accidente minutos despois das 10:30 horas desta mañá, logo do aviso dun particular. Durante a súa chamada explicou que dous turismos colidiran frontalmente na N-634 ao seu paso por Sancovade.

O alertador tamén indicou que os dous condutores non daban saído dos coches e parecían precisar asistencia sanitaria, polo que os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou unha ambulancia, e dos Bombeiros de Vilalba. Tamén se pasou a información á Policía Local, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Vilalba.

A patrulla da Policía Local, xa desde o punto, confirmou que ambos condutores non podía saír dos coches, xa que tiñan as portas bloqueadas. Debido a iso, a dotación de bombeiros que acudiu fixo uso do material de excarceración para poder liberar aos dous feridos. Logo foron trasladados ata o Hospital Universitario Lucus Augusti polo persoal sanitario.

A alcaldesa de Lugo implementará un plan para potenciar o turismo

Semella que a alcaldesa non está moi satisfeita de como se está a xestionar o turismo en Lugo e ven de tomar cartas no asunto. Para elo porá en marcha un plan de marketing turístico para potenciar Lugo como destino “sostible, atractivo e auténtico”

Esta ferramenta enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino “Et Edendo, Lucus: Un percorrido histórico pola enogastronomía”, financiado con fondos europeos.

Paula Alvarellos: “Queremos que Lugo sexa percibido como un destino imprescindible para os amantes da cultura, a historia e, especialmente, a gastronomía e os viños galegos”. O plan inclúe numerosas actuacións como actuacións como a implementación de roteiros de sendeirismo homologados; a creación dun programa de dinamización para o Centro de Enogastronomía que se porá en marcha na Fábrica da Luz, ou campañas publicitarias. A elaboración deste documento veu precedida dun amplo traballo de investigación e diagnose da situación turística do municipio, ademais dun proceso participativo.

A alcaldesa porá en marcha este ambicioso plan de marketing enmarcado no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD), “Et Edendo, Lucus: Un percorrido histórico pola enogastronomía”, para o que o Goberno Local acadou unha achega de 2 millóns de euros de fondos europeos Next Generation. “Esta ferramenta será a folla de ruta que seguiremos nos vindeiros anos, co obxectivo de potenciar Lugo como un destino sostible, atractivo e auténtico, que sexa amplamente recoñecido polo seu potencial cultural e histórico, a súa contorna natural, e a súa destacada enogastronomía”, explicou a rexedora. “Queremos que Lugo sexa percibido como un destino imprescindible para os amantes da cultura, a historia e, especialmente, a gastronomía e os viños galegos. Un lugar onde os visitantes poidan gozar de experiencias culinarias auténticas e de alta calidade, nunha contorna acolledora e familiar”, apuntou Alvarellos.

Deste xeito, co plan de marketing buscase posicionar o municipio como un destino turístico de referencia no ámbito enogastronómico, recoñecido pola súa combinación única de patrimonio histórico, cultura e unha oferta culinaria de alta calidade. Neste senso, o obxectivo principal do plan será crear produtos turísticos que ofrezan unha experiencia completa da identidade de Lugo, combinando visitas a sitios históricos e culturais con experiencias gastronómicas que destacan os sabores locais e as tradicións culinarias. Esta folla de ruta estruturarase ao redor de tres eixos estratéxicos: o eixo verde, relacionado coa contorna rural e a sustentabilidade; o eixo marrón, relacionado coas actividades turísticas históricas e culturais; e o eixo azul, relacionado coas actividades enogastronómicas. E, finalmente, un eixo de gobernanza e xestión, que xestione os recursos do municipio. Dentro de cada un destes eixos desenvolveranse numerosas actuacións como a dinamización e implementación de roteiros de sendeirismo homologados e actividades de cicloturismo (Eixo verde); a creación dun portal turístico cultural oficial de Lugo (Eixo marrón); a creación dun programa de dinamización para o Centro de Enogastronomía que se porá en marcha na Fábrica da Luz (Eixo azul); ou o lanzamento de campañas de imagen de marca (Eixo de gobernanza e xestión.

Novos achados no xacemento de Penas do Castelo na Pobra do Brollón

Os achados descubertos nesta cuarta campaña de escavacións, que se desenvolve no castro desde a semana pasada, son froito dunha sondaxe feita polos arqueólogos, a cal revelou estes importantes descubrimentos. Trátase de dous recipientes cerámicos, practicamente completos, e outra grande cantidade de fragmentos aínda por determinar. Nun dos cacharros aparecen ademais grans de cereal e restos concrecionados nas súas paredes interiores. Os fragmentos cerámicos serán tratados pola restauradora Alba Losada, que intentará reconstruír as pezas co fin de coñecer a súa tipoloxía e cronoloxía. Os restos de semente, xunto ás concrecións e numerosos carbóns atopados, analizaranse en laboratorio e poden aportar información sobre o momento de uso do xacemento.

Os arqueólogos consideran que no xacemento arqueolóxico de Penas do Castelo, datado na Idade do Ferro, se rexistrou un lume que faría colapsar as paredes de pallabarro da construción, caendo sobre canto había no interior da edificación deixándoo selado e nun óptimo estado de conservación, como se observa no caso dos recipientes.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou esta mañá o xacemento, onde se veñen de rexistrar  estes novos achados e destacou a importancia deste tipo de proxectos de investigación para coñecer mellor o pasado da provincia e consolidar novos recursos turísticos e valorou especialmente que en Penas do Castelo teña un carácter comunitario. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude financia os traballos, nos que leva investido  preto de 70.000 euros e conta, asemade, coa colaboración do Concello e da Asociación de veciños e a Comunidade de Montes de Salcedo.

 

Mobilización veciñal da veciñanza de Castelo para reclamar maior seguridade na estrada da Fonsagrada

A veciñanza do barrio de Castelo  convocan hoxe a partir das 19 horas unha mobilización para reclamar unha maior seguridade viaria na estrada da Fonsagrada.

A estrada da Fonsagrada conta cunha intensidade media diaria de 10.311  vehículos no seu punto de medida máis próximo ao barrio de Castelo. O barrio atópase dividido polo percorrido da vía, e conta cunha importante mobilización veciñal para reclamar melloras entre as que se atopa unha nova limitación de velocidade (pasando a 50 Km/h en lugar dos 70 Km/h actuais), a instalación de pasos de peóns nas paradas de bus para evitar que as persoas, especialmente as de avanzada idade ou con problemas de mobilidade teñan que cruzar unha estrada aberta ao tráfico ou a creación dunha beirarrúa que una a rúa San Eufrasio co Carqueixo, creando un itinerario peonil seguro.

As estradas de Portomarín e de Friol, malia que contan cunha mellor limitación da velocidade nos núcleos de poboación, teñen tamén deficiencias á hora de facilitar o acceso ás paradas de bus urbano. No caso da LU-612, só se atopa un paso de peóns ao comezo do percorrido, na intersección coa Estrada Vella de Santiago, dificultando o acceso das veciñas e veciños dos núcleos de Piúgos e da contorna ás paradas de bus. Trátase de pasos de peóns moi reclamados pola veciñanza, dado que se trata dunha zona con numerosa poboación. A LU-232 non conta con ningún paso de peóns, malia que esta estrada conta con cruzamentos do Camiño Primitivo.

Os cines Codex estrean esta tarde os filmes “Raíñas” e “Luz do 86”

Os Codex Cinema estrean esta tarde de venres os filmes “RAÍÑAS” e LUZ DO 86”

“RAÍÑAS”, un drama conmovedor da directora Klaudia Reynicke que debuxa con asombro e realismo unha historia familiar que trata de afianzarse nun panorama político inestable

Sinopse: Perú, anos 90. A situación política do país é moi convulsa cos militares controlando as rúas. Dúas irmáns adolescentes están a punto de abandonar o país para sempre cando se reencontran inesperadamente cun pai ausente. Para saír de Perú a nai necesita a autorización del. O reencontro amplificará e aliviará á vez a súa dor polo cambio inminente.

A outra estrea da semana é  “LUZ DO 86″, film filandés na que a súa directora  Inari Niemi abraza a catástrofe de Chernobil a través da sombría e sucia fotografía da cidade

SinopsePrimavera de 1986. Tras o accidente de Chernóbil, Mimi viaxa a un pequeno pobo do oeste de Finlandia onde a súa familia tenta empezar unha nova vida; a nena ten que adaptarse e sortear as reservas dalgunhas persoas do lugar. Pero coñece a Mariia, unha moza de quince anos a quen Mimi enche de Luz. Vinte anos despois, cando xa non sabe nada de Mimi, Maria volve ao seu pobo natal para coidar da súa nai enferma. Entón empeza a lembrar detalles daquel verán inesquecible. Pero o pasado destapa un presente doloroso.

 

Hoxe abre ao público o aparcadoiro de Santa María

Este tarde abre ao público as novas prazas de aparcadoiro gratuítas do Fogar de Santa María. O novo aparcadorio conta con 164 estacionamentos, dos cales 33 quedarán reservados a persoal autorizado (traballadores de Deputación provincial e Policía Nacional) e 131 estarán á disposición da veciñanza desde esta mesma tarde. O horario de apertura -ao marxe da xornada laboral- será os días laborables, de 16:00 horas a 00:00 horas, e os fines de semana e festivos de 08:00 horas a 00:00 horas.

Os traballos afectaron á contorna dos pavillóns 1, 2, 3 e 4 do complexo de Santa María, e consistiron na demolición do antigo pavimento e na preparación dunha nova plataforma. Tamén se realizou a execución dunha rede de pluviais coas conexións necesarias aos sumidoiros e ás baixantes dos edificios. Ademais, dotouse á zona de alumeado, xunto coa correspondente pavimentación, e humanizouse o espazo co axardinado. Tamén se acondicionou o acceso peonil entre as zonas superior e inferior que circundan os edificios e, finalmente, colocouse a sinalización.

Denuncia a unha caravana dunha voda

O pasado sábado, día 31 de agosto, a Policía Local recibiu información sobre unha caravana de vehículos que circula pola Avenida. da Coruña, cara ao exterior da cidade, retardando o tráfico rodado. O motivo do mesmo débese a que o automóbil que encabeza a caravana circula a unha velocidade anormalmente reducida, cun individuo con medio corpo fóra do automóbil e faino a través do oco do teito solar situado case sobre o corpo do condutor, o citado individuo porta unha cámara de vídeo e semella estar gravando. Tras deste automóbil circulan gran cantidade de turismos, no que parece ser o grupo de asistentes a unha voda.

Tras recibir información e queixas polas molestias que están a causar, tanto á circulación rodada como aos cidadáns en xeral, xa que os automóbiles facían soar o claxon de forma continua, realizando percorridos pola Avenida. da Coruña, Paulo Fabio Máximo e varias vías máis da cidade, os axentes inician investigacións para a identificación dos mesmos, localizando varios vídeos a través da redes nos que se observan as condutas descritas.

A través das imaxes localizadas púidose conseguir a identificación do vehículo que encabezaba a caravana, iniciando un expediente sancionador por unha presunta infracción de conducir de forma neglixente, que levaría consigo a sanción económica de 200 euros.

Venda ambulante sen autorización con perigo para a saúde

 Durante o dispositivo de vixilancia e control do “mercadillo de Frigsa”, celebrado o martes 3, os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio procedeu á incautación de gran cantidade de material que, de chegar ao consumidor, “podería causar un grave risco para a saúde, xa que se trataba de comida para bebé, caixas de vitaminas, complementos alimenticios, galletas, cereais, chocolate soluble, café, azucre, etc. Estes produtos non eran aptos para o consumo, motivo polo cal se procedeu á súa retirada e destrución.

Ademais, tamén foron intervidos outros obxectos, tales como un amplificador, un pé de lámpada, auriculares, un altofalante, zapatos, etc.

Todo iso atopábase nunha zona da Avd. da Coruña, fronte ao acceso ao Parque da Milagrosa, tapado con pezas de roupa e á beira dun nutrido grupo de persoas.

Queixas e preocupación dos comerciantes do centro polas continúas prorrogas e retrasos nas obras

Lugo Monumental recolle o malestar e a profunda preocupación dos locais asociados pola inexplicable lentitude das obras que se están levando a cabo no centro histórico.

A Asociación denuncia que se dan novas prórrogas ás obras (a última aprobouse este martes e prorroga ata o 5 de novembro o prazo da de Montevideo) mentres que o mes de agosto pódese considerar practicamente tempo perdido, dados os moi discretos avances das obras.

Mentres na rúa Montevideo tan só avanzouse uns metros na colocación do solado (aproximadamente 40 metros), en Quiroga Ballesteros instalouse o pavimento na metade do frontal do Colexio.

A rúa Bolaño Rivadeneira leva meses no mesmo estado e todo apunta a que o novo prazo dado tamén será incumprido. “Hai que ter en conta que o mes de agosto o habitual é que as obras avancen enormemente, xa que é un mes seco en que as masas fraguan con rapidez e non hai interrupcións pola choiva”, sinalan.

Para a Asociación “falamos dunha obra que acumula xa sete meses de atraso e que non se prevé que finalice pronto, xa que falta aínda un gran tramo por executar”.

No caso de Santo Domingo o problema é aínda máis grave, xa que o balance dun mes de traballo redúcese a apertura dunha gabia no encontro con Raíña.

Tras a mobilización social que houbo na cidade tras transcender que o proxecto contemplaba a destrución das árbores de Santo Domingo, o Goberno local comprometeuse a modificalo para evitar esa situación. Ese compromiso trasladouse en abril de 2023, e” 17 meses máis tarde seguen sen presentar a modificación do proxecto, polo que a empresa non ten un guion co que traballar”.

Desde a Asociación a preocupación é máxima, xa que a lenta execución das obras e a falta de dirección por parte da administración responsable, o Concello de Lugo, pode poñer en perigo o éxito da campaña comercial máis importante do ano: o Nadal.

Para os asociados de Lugo Monumental o obxectivo neste momento xa non é que se terminen as obras, senón facer previsións realistas para salvar esa campaña, debido a que diso pode depender a supervivencia de pequenos establecementos da zona.

Por iso, dende Lugo Monumental solicitouse unha reunión ao Goberno Municipal, da que non se recibiu resposta (a solicitude enviouse o luns), para facer unha proposta en positivo e que sería a seguinte:

  1. Realizar unha avaliación obxectiva e realista do estado das obras.
  2. De acordo con as empresas adxudicatarias establecer un calendario realista dos traballos que se poidan acometer ata o día xoves 5 de decembro, o último laborable antes da ponte que dá inicio ao groso da campaña do Nadal.
  3. Organizar devanditos traballos de forma que se rematen os tramos que sexa posible e nos demais abstéñanse de abrir gabias ou levantar pavimentos, suspendendo esas actividades ata o 7 de xaneiro, tras o día de Reyes, e realizando nese tempo outro tipo de traballos que non supoñan molestias de gran calado.
  4. Establecer a circulación de tráfico da forma menos invasiva posible e que permita liberar completamente de vehículos San Marcos e Rúanova, algo perfectamente posible xa en que a rúa Teatro non se realizan traballos e por tanto pode ser aberta á dobre dirección.
  5. Poñer en funcionamento o novo sistema de tráfico na Praza do Ferrol. Desta forma evitaríase a maioría dos problemas derivados das obras para o público e facilitaríase o acceso ao centro histórico durante a campaña do Nadal.

 O despropósito da Residencia de Becerreá

Hai anos fixo fortuna a afirmación, atribuída a unha alta autoridade política, de que “o diñeiro público non é de ninguén”. Non se sabe con certeza se a cita é real e produciuse neses termos, ou se é apócrifa. En contraste, adóitase contrapoñer a idea de que o diñeiro público é de todos, e por tanto do seu uso hai que render contas a todos, coa necesarias transparencia e dilixencia. Así, o gasto á parte de resultar conforme á lei ten que ter unha xustificación, ten que resultar procedente ou adecuado. Hai que dicilo claro: non cremos que exista o “diñeiro público”.

O que existe é unha xestión pública do diñeiro, que é cousa moi distinta. Todo o diñeiro é privado e provén dos individuos e das entidades que crean riqueza. Aínda en ocasións óese argumentar, en situacións de crise económica, que o diñeiro o fabrica unha máquina e que basta por tanto, diante dunha crise de liquidez, por exemplo, fabricar máis.

Os responsables políticos non teñen unha máquina para crear diñeiro; o diñeiro créao a sociedade, a través do desenvolvemento das actividades económicas creadoras de riqueza. Unha parte da riqueza ou do diñeiro creado pola sociedade detráeselles aos cidadáns e ás empresas (por medio dos mecanismos fiscais correspondentes) e ponse ao dispor dos poderes públicos, aos que se lles encomenda a súa xestión para asegurar os servizos que resultan necesarios para a vida en sociedade (incluíndo, con maior ou menor intensidade, un propósito redistributivo da riqueza).

Por iso consideramos que o que está a suceder coa residencia de Becerreá, onde despois de gastar máis de 5 millóns de euros, esta permanece pechada, unha forma de malversación. que unha dotación fundamental para a comarca de Becerreá, cunha poboación moi envellecida, estea pechada tres anos despois de terminar as obras, unha forma de prevaricación. que as autoridades públicas, ás que se lles presume vocación de servizo, non poñan ao dispor dos veciños da comarca de Becerreá as 96 prazas da residencia e as 40 para o centro de día, un menos prezo a todos os cidadáns aos que din servir que se prometese dotar a Becerreá dun centro de día e residencial que estaría operativo antes do 2020, e aínda estea pechado, unha traizón. Ás autoridades pertinentes; non se preocupen da ausencia de mobiliario, de cociña ou da residencia.

 

Plataforma pro apertura residencia comarcal de Becerreá.

O Concello amplía ata mediados de outubro o prazo para concorrer ás axudas á rexeneración de vivendas no Centro Histórico

O Goberno local amplía ata mediados de outubro o prazo para concorrer ás axudas á rexeneración de vivendas no centro histórico, previstas na convocatoria da fase XVII do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU. Este programa europeo busca lograr unha reducción do consumo de enerxía en medio cento de edificios con rebaixas de entre un 30 e un 60 por cento.  A ampliación do prazo responde ás peticións que fixeron persoas interesadas en concorrer a esta convocatoria.

A Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EVISLUSA) é a encargada de xestionar estas axudas coas que se busca impulsar a rexeneración de vivendas, situadas no recinto amurallado e na súa zona de influencia, área coincidente coa delimitada polo PEPRI. Con estes fondos públicos se estima que 35 inmobles reducirán entre o 30% e o 45% o seu consumo de enerxía primaria non renovable, mentres que 12 acadarán unha diminución entre o 45% e o 60%. Por último, outras 10 vivendas minorarán o seu consumo enerxético nunha porcentaxe superior ao 60%.

As obras que poden optar a este tipo de axudas serán todas aquelas intervencións relacionadas coa conservación e mantemento de inmobles ou a adopción de sistemas de aforro da enerxía e mellora da eficiencia enerxética. Así, contémplanse as obras na envolvente edificatoria nos inmobles de tipoloxía residencial colectiva. Tamén poden solicitar esta subvención quen teñan realizado as obras nos últimos catros anos, sempre e cando cumpran os requisitos das axudas, cuxas bases poden consultarse na convocatoria, do BOP de Lugo do pasado 10 de xullo.

A avaliación das solicitudes dependerá, por unha banda, do tipo de obra e intervención a realizar no inmoble, con máis puntuación canto maior sexa o aforro enerxético a conseguir, e por outra, da catalogación do edificio dentro do PEPRI. Ademais, se terá en conta á hora de puntuar o número de vivendas de cada inmoble.

Toda a información relativa a esta convocatoria pode atoparse na seguinte ligazón: https://concellodelugo.gal/sites/default/files/documentos/adjuntos/2024/07/anuncio_web_bases_completo_fase_17_casco_hco-comprimido.pdf ao tempo que se mantén aberta unha canle de comunicación directa coa cidadanía interesada en tramitar estas axudas para resolver calquera dúbida e realizar as aclaracións necesarias ben de maneira presencial, nas dependencias de Evislusa, ben a través do teléfono 982.29.74.90 ou do enderezo electrónico: tecnicosevislusa@lugo.gal

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com