Novas

A rampla de acceso ao Miño estará aberta ao público desde mañá

Varios operarios de distintos servizos municipais do Concello de Lugo remataron hoxe a instalación da rampla de acceso ao Miño, na zona da Tolda, que estaba pendente da colocación da varanda, para garantir a seguridade das e dos usuarios na entrada e saída ao río. A pasarela estará aberta ao público desde mañá, unha vez concluíron os traballos do sistema de seguridade, é dicir a estrutura con puntais, unidos por corda náutica de nylon marítimo, para que non lles afecta a corrosión e a humidade.

A zona na que se instalou a rampla de acceso ao Miño conta con vestiarios, aseos, parque infantil, hamacas, mobiliario urbano e servicio de socorristas, en horario de 12.00 a 20.00 horas, todos os días da semana. 

Un incendio calcina varios vehículos e o tellado das instalacións do punto limpo de Escairón

Os primeiros avisos chegaron ás 1:45 horas da madrugada, cando un particular alertou aos xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de que ardía o punto limpo de Escairón, na parroquia de Vilasante. Pouco despois, as lapas xa consumían o tellado que cubre as instalacións, que albergaban vehículos e nas que se acumulaban diversos materiais.

Rapidamente, desde o 112 Galicia solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia de modo preventivo, Bombeiros de Chantada e de Monforte de Lemos, Garda Civil e dos voluntarios de Protección Civil do Saviñao. Tamén se informou ás autoridades medioambientais da Xunta de Galicia.

Unha vez no lugar, os equipos de extinción traballaron para controlar e extinguir as lapas, o que conseguiron pasadas as 5 horas. Finalmente, comunicaron a relación de danos materiais: o lume calcinou o tellado da nave, dous camións de recollida do lixo e unha máquina para limpar as beirarrúas. Ademais, arderon contedores, colchóns, restos de madeira e outros materiais.

Fin de semana intensa para a Policía local

A fin de semana pasada, foi intensa para a Policía local, xa que tivo moitas e variadas intervencións en distintos puntos da cidade e  tamén no rural  así tiveron que intervir na mediación entre hospedes  e patroa , asistencia a veciños mancados, voo de dróns sen permiso, falta de respecto a axentes, intervención nas festas de A Milagrosa etc. De todas elas hai dúas que destacan de xeito especial pola singularidade e ousadía.

 Voo de dron sen autorización

Ás 19’30 horas do sábado 31, varios cidadáns informan á Sala do 092 sobre o voo dun dron, a pouca altura na zona da Tolda, próximo ao Río Miño, informando tamén sobre a presenza dun home, entre os paseos do Miño e do Intre, nunha tumbona e co que parece ser o mando de control do citado dron. Os axentes contactan con varias testemuñas e afectados polo voo do dron. Un deles manifesta que voou sobre el varias veces, a escasa distancia da súa cabeza, chegando a pasar baixo a ponte del Río Intre de tal forma que, se chega a pasar por alí algunha persoa camiñando ou en bicicleta, impactaría contra a mesma. Outra das persoas afectadas engade que puido ver como o dron mantívose uns instantes estático baixo a citada ponte. (foto1) Os axentes localizaron ao individuo que manexaba o aparello, comprobando que tiña outro dron máis (nese momento parado e ao seu lado), así como que, ademais de utilizar o mando de control para o manexo da nave, tamén facía uso dunhas lentes de realidade virtual. Os policías levantaron acta polo sucedido por observar varias infraccións: o home manifesta non estar en posesión da licenza para pilotar os devanditos aparellos, non consta rexistrado como operador de UAS, non pediu autorización para o voo (tratándose dun espazo restrinxido afectado polo heliporto do Hospital Universitario Lucus Augusti), ningún dos aparellos presenta marcado de clase nin placa identificativa, o dron sobrevoaría zonas poboadas facéndoo con risco para as persoas, o piloto perdería de vista a nave durante a súa utilización; constituíndo todas elas presuntas infraccións, polo que a acta será remitida á autoridade competente AESA (Axencia Estatal de Seguridade Aérea), a cal, dependendo da catalogación de cada infracción, podería sancionalas coas seguintes contías: leve de 60 a 45.000 €, graves de 45.001 a 90.000 € e moi grave de 90.001 a 225.000 €.

Denuncia por falta de respecto aos axentes

Ás 17’50 horas do domingo, cando dous axentes de Policía de Barrio atopábanse corrixindo infraccións de tráfico na Calzada dá Ponte, para ao seu lado un individuo que, sen mediar máis palabra, comeza a proferir frases como “non facedes nada, sodes uns inútiles”, chegando a, o co seu dedo índice,  bater con pequenos golpes  contra o peito dun dos axentes, o que constitúe unha falta de respecto e consideración cara aos axentes, ademais de interferir o labor policial, xa que os axentes atopábanse interactuando cos condutores que facían uso do lugar sen ser residentes no mesmo, que son os únicos autorizados para circular pola zona; motivo polo cal o home foi denunciado por unha infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá

O PP realizará unha serie de actividades para conseguir a apertura do novo auditorio

O Partido Popular anuncia a realización dunha serie de actividades coas que pretende “convencer ao goberno local bipartito para a apertura do Auditorio de Magoi” atendendo a “unha reivindicación social e cultural” e unha vez finalizadas as obras de reparación das patoloxías do edificio “despois de máis de 4 anos e 2 meses dende que o bipartito dispón das chaves desta infraestrutura que mantivo pechada todo este tempo deteriorándose co paso dos días sen uso”.

En pasados días, din dende o PP, “escoitábamos a través dos medios de comunicación que os xestores culturais advertían que o auditorio non estaba posto a punto para a súa apertura, información que o goberno local non desmentiu. Antes contaban mentiras e daban escusas e agora xa nin escusas poñen”, subliñan.

Os concelleiros do PP esixen información clara e que “o bipartito desbloquee a situación para poñer en marcha estas instalacións ofrecendo o servizo, que xa se debería estar prestando en Lugo dende fai moito tempo, en óptimas condicións”.

Os populares consideran “inaceptable que o Auditorio de Magoi no que a Xunta investiu máis de 20 M€ continúe pechado polo goberno municipal “despois de moitos anuncios, escusas e contradicións”.

Dende o Grupo Municipal Popular condenan a “pasividade do bipartito que impide aos lucenses e artistas -que recentemente tamén impulsaron unha campaña reivindicando a súa apertura- dispoñer desta infraestrutura cultural na cidade de Lugo”.

Os concelleiros do PP lembran que “pasaron máis de 4 anos dende que a actual alcaldesa, Paula Alvarellos, firmase a formalización da acta de recepción do Auditorio de Magoi, pero nada se sabe da data de apertura nin se o bipartito prevé unha xestión pública ou non, á vista do carácter privatizador no que están inmersos”.

O Grupo Municipal Popular anunciaba recentemente que levará unha nova iniciativa ao pleno do Concello para solicitar a apertura do novo centro cultural – auditorio da Cidade.

Luz Darriba será a pregoeira das festas de San Froilán 2024

A comisión de festas acordou que a artista multidisciplinar Luz Darriba sexa a pregoeira desta edición das festas “unha lembranza ao 25 aniversario do proxecto Cumulum, un dos pasos máis importantes para que a Muralla fose recoñecida como patrimonio da humanidade”. A ofrenda a Rosalía correrá a cargo da artesá Marga Portomeñe e da escritora Ana Carreira.

O proxecto Cumulum foi o punto de partida para apoiar a candidatura da muralla de Lugo á condición de Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, acontecemento que ocorreu en novembro do ano 2000. Cumulum, Muralla dos Libros, proxecto iniciado no outono do ano 1.999 foi unha instalación de 650.000 libros arredor da Muralla Romana de Lugo, na que participaron preto de cinco mil persoas. En total, colocáronse arredor da Muralla 126 toneladas de libros, 11.800 metros cadrados para a que hoxe é lembrada como unha das intervencións artísticas máis relevantes da historia de Lugo.

Luz Darriba, artista plástica multidisciplinar nada en Uruguai e formada en Arxentina. Realizou máis de 250 exposicións colectivas, 40 exposicións individuais e recibiu numerosas distincións internacionais. Ademais de Cumulum, liderou proxectos como Porta de Alcalá “Unha porta á cultura” (colocación de 40.000 libros na Porta de Alcalá, Madrid 2001) e “Libres avec des ivres” (10.000 libros colocados a modo de enredadeira na sede da UNESCO en París). Forma parte do TFAP (The Feminist art Project), do IMOW (Museo Internacional da Muller), do Museo da Muller de Costa Rica, e formou parte do persoal da revista virtual Foeminas, pioneira no Estado en materia de xénero, participou na elaboración do I Plan de igualdade entre homes e mulleres de Lugo. Actualmente traballa de xeito multidisciplinar cos diarios da viaxe da súa nai como polizón co seu pai a América. Moitos duros para as mulleres, moi duros para a vida.

Marga Portomeñe comezou a súa carreira artística no teatro, participando como actriz, docente ou deseñadora de vestirario. O seu interese polas marionetas fíxoa anotarse a un curso impartido por Marcelino de Santiago “Kukas”, onde aprendeu técnicas de construcción de máscaras, figuras ou cabezudos. É especialista en restauración e construcción de xigantes e cabezudos, utilizando a antiga técnica dos mestres falleiros e incluíndo tamén o deseño e confección de vestiario. No seu taller de artesanía, Portomeñekos, crea figuras artesanais aproveitando materiais reciclados, realizando encargos personalizados segundo cada cliente.

Ana Carreira nace en Lugo en 1968. Graduada en Arte Dramática pola ESAD de Galiza, é dramaturga, narradora oral e actriz. Traballou como dramaturga para compañías como Vía 6, Limiar, Il Maquinario, Galeatro, Ítaca, Centro Dramático Galego e Ubú teatro. Como narradora oral percorre bibliotecas, centros escolares, e calquera lugar onde se acollan contos. É actriz en Pínconus e Ubú Teatro. Acadou o IV Premio Varela Buxán de dramaturxia pola peza «Un intre antes do solpor» e o XII premio Manuel María de literatura infantil pola peza «Nin me amoles» (Xerais, 2023).

Este venres Lugo é punto de saída da etapa número 13 de La Vuelta

Este venres tivo lugar a saída dende Lugo do pelotón de La Vuelta nunha etapa que percorrerá a provincia.

A cidade foi o escenario dun neutralizado que discorreu ao redor da Muralla romana dende Ramón Ferreiro. Os ciclistas saíron da capital lucense ao mediodía cara os Ancares, nun percorrido que amosa os atractivos da provincia ao seu paso polos concellos do Corgo, Baralla, Becerreá e Cervantes. Catro tramos montañosos e a riqueza paisaxística achegan ao itinerario, de 171 quilómetros, un atractivo extraordinario.

 

A partir de este venres os cines Codex regresan co mellor cine de autor en versión orixinal

Codex Cinema está de volta. A partir de este venres 30 de agosto os cines Codex regresan coas estreas dos filmes:  “BONNARD, O PINTOR E A SÚA MUSA”, “ VOLVEREDES” e “ILLA PERDIDA”

 “BONNARD, O PINTOR E A SÚA MUSA”, filme francés que explora a complexa relación entre Pierre Bonnard e a súa musa, Marthe, marcada pola reclusión e dependencia mutua.

Sinopse: Pierre Bonnard non sería o famoso pintor sen Marthe, a súa enigmática musa e compañeira, quen aparece en máis dun terzo da súa obra e quen, coa súa forte personalidade e misterioso pasado, inspira profundamente a Bonnard, influíndo na súa arte ata o final.

A outra estrea da semana é o novo filme de Jonás Trueba “VOLVEREDES”, unha comedia sobre o fin do amor, fresca, sensata, emocionante, quizáis a mellor película de Trueba (fillo).

SinopseDespois de quince anos xuntos, unha parella que decide separarse pensa en organizar unha festa para celebrar a ruptura e invitan a familiares e amigos. Malia sorpresa e incredulidade de todos pola noticia e pola festa, eles mantéñense firmes na decisión, pero sosterán esta firmeza?

E para rematar as estreas desta semana, Codex Cinema estrea “ILLA PERDIDA”, un drama romántico con misterio, protagonizado por Matt Dillon e Aida Folch e dirixido por Fernando Trueba.

Sinopse: Álex é unha muller española que comeza un novo traballo como camareira nun restaurante dunha illa perdida. Aínda que rapidamente conquista o corazón do brasileiro Enrico, Álex namórase de Max, o xerente norteamericano do establecemento. Mentres o seu amor vai medrando, aparecen inquietantes indicios dun escuro e misterioso pasado de Max.

Unha broma entre amigos acaba con varios rapaces feridos en Lugo

Os feitos tiveron lugar ás 00’10 horas do mércores, cando un indicativo do Grupo Operativo Nocturno realizaba patrulla preventiva pola Praza de Bretaña, os axentes foron requiridos por un home que manifestou que, instantes antes, a súa filla recibira unha mensaxe ao teléfono móbil, procedente doutro dos seus fillos, no que lle dicía que estaba cuns amigos, nun miradoiro próximo ao Club Fluvial, e estaban a ser atracados por outras tres persoas. Que a partir dese momento, a pesar de que tentou poñerse en contacto co seu fillo, non lle foi posible xa que o teléfono móbil non daba sinal.

Ao lugar trasládanse dous indicativos do Grupo Operativo Nocturno e outro máis da Unidade de Atestados. Unha das patrullas atópase co mozo que enviara a mensaxe á súa irmá, informando os axentes de que fora unha falsa alarma, que todo fora unha broma. Nese mesmo momento, as outras dúas patrullas, que realizaban unha procura por un circuíto deportivo próximo, localizan a outro mozo, tendido no chan e coas pernas ensanguentadas, o cal estaba a ser atendido pola empregada dun establecemento próximo.

Este mozo indica aos axentes que fora vítima dunha broma pesada duns amigos, quedando máis mozos no interior do circuíto, sen luz e desconcertados, polo que os axentes procederon á súa localización, axudándolles a saír do lugar con axuda das lanternas policiais, comprobando que presentaban algunha erosión, causada ao tentar escapar da presunta agresión na zona de matogueira.

Finalmente, os axentes reuniron a todos os implicados e procederon á súa identificación, concluíndo que todos eran coñecidos entre si e que, a tres deles, ocorréuselles gastar unha broma aos demais aparecendo por sorpresa e encapuchados. Foron requiridos servizos sanitarios para atender a algún dos lesionados.

Con independencia de informar aos implicados do dereito para presentar denuncia polos feitos ocorridos e o procedemento para formalizala, os axentes levantaron acta sobre o acontecido, que, por parte dos tres organizadores da broma, podería constituír unha infracción grave á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, castigada cunha sanción entre 601 e 30.000 euros.

Imaxe: archivo Policía Local Lugo.

 

Os GES liberan a unha persoa que sufriu unha saída de vía en Friol

Arredor das 9:00 horas desta mañá, un particular alertou ao 112 Galicia logo de ver como un coche saía da estrada cando circulaba pola LU-934 ao seu paso por Prado.

Debido a que o implicado parecía estar atrapado no interior do turismo, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención dos Bombeiros de Vilalba e do GES de Friol-Palas, así como do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para asistir ao ferido unha vez fora liberado. Tamén se informou á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Friol.

Os bombeiros, aínda que se mobilizaron, non chegaron ata o lugar do accidente logo de que se lle confirmase que a persoa xa se atopaba fóra do coche. Para iso, os membros do GES tiveron que levantar o vehículo e abrir a porta para acceder ata a persoa, sen que fose necesario o material de excarceración. Logo diso, o ferido sería trasladado polo persoal sanitario desprazado ata o punto.

Feridas cinco persoas nunha colisión múltiple en Lugo

Un accidente múltiple no corredor de Sarria a Nadela deixou cinco feridos de gravidade. O sinistro produciuse ao chocar un vehículo todo terreo modelo pick up contra un turismo e impactando contra outros dous vehículos que circulaban pola zona. O choque que foi frontal, produciuse a uns centos de metros da rotonda de Nadela no término municipal de Lugo.

Como consecuencia do impacto, os dous ocupantes dun dos vehículos sinistrados quedaron atrapados e deberon intervir os bombeiros. Ademais, tratábase dos feridos coas lesións máis importantes, xa que foron atopados inconscientes.

O 112 Galicia recibiu a alerta sobre o accidente por distintas vías: as chamadas das testemuñas do accidente e o sistema ecall dun dos coches implicados, que ofreceu as coordenadas do lugar do sinistro e mesmo posibilitou a comunicación co interior do habitáculo.

Con toda a información recollida, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia activaron os protocolos correspondentes para que fosen mobilizados os seguintes recursos: Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros de Lugo, Garda Civil de Tráfico e Policía Local.

Tamén foi avisado o persoal de limpeza e mantemento da vía, neste caso da Axencia Galega Infraestructuras (AXI).

En total, cinco persoas resultaron feridas a causa desta colisión con catro coches implicados, e dous dos accidentados necesitaron a asistencia dos bombeiros para poder saír do vehículo e recibir a atención sanitaria.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com