Novas

Feridas cinco persoas nunha colisión múltiple en Lugo

Un accidente múltiple no corredor de Sarria a Nadela deixou cinco feridos de gravidade. O sinistro produciuse ao chocar un vehículo todo terreo modelo pick up contra un turismo e impactando contra outros dous vehículos que circulaban pola zona. O choque que foi frontal, produciuse a uns centos de metros da rotonda de Nadela no término municipal de Lugo.

Como consecuencia do impacto, os dous ocupantes dun dos vehículos sinistrados quedaron atrapados e deberon intervir os bombeiros. Ademais, tratábase dos feridos coas lesións máis importantes, xa que foron atopados inconscientes.

O 112 Galicia recibiu a alerta sobre o accidente por distintas vías: as chamadas das testemuñas do accidente e o sistema ecall dun dos coches implicados, que ofreceu as coordenadas do lugar do sinistro e mesmo posibilitou a comunicación co interior do habitáculo.

Con toda a información recollida, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia activaron os protocolos correspondentes para que fosen mobilizados os seguintes recursos: Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Bombeiros de Lugo, Garda Civil de Tráfico e Policía Local.

Tamén foi avisado o persoal de limpeza e mantemento da vía, neste caso da Axencia Galega Infraestructuras (AXI).

En total, cinco persoas resultaron feridas a causa desta colisión con catro coches implicados, e dous dos accidentados necesitaron a asistencia dos bombeiros para poder saír do vehículo e recibir a atención sanitaria.

Modificacións do tráfico na cidade a partir desta madrugada por mor de “La Vuelta”

O plan de tráfico alternativo deseñado para acoller a saída da decimo terceira etapa de la Vuelta Ciclista a España 2024 suporá cambios de sentido, cortes de circulación e restricións de estacionamento en ata unha vintena de rúas, prazas e avenidas, principalmente na contorna da Horta do Seminario, praza desde a que o pelotón ciclista tomará a saída neutralizada. Para que a saída cumpra coas necesidades da proba o Concello deseñou un plan de tráfico alternativo, que, nalgunhas das súas medidas, entrará en vigor na madrugada do mércores ao xoves, e que estará vixente ata pasadas as 18.00 horas do día da etapa lucense, o venres día 30.

As primeiras medidas que terán que ter en conta os lucenses afectarán á liberación de zonas de estacionamento en varias rúas da cidade, unha medida que deberá ser efectiva desde a media noite do mércores ata o día da etapa ás 18.00 horas.

Así, prohibirase o aparcamento nas avenidas Ramón Ferreiro, desde a rúa Salvador de Madariaga á Glorieta Xaquín Lorenzo; Rodríguez Mourelo, en ambos sentidos de circulación e en ambas marxes da calzada; avenida Alcalde Anxo López Pérez; e rúas Cidade de Vigo e Armando Durán. Estas tres vías deberán quedar liberadas tamén dende a media noite do mércores, co obxectivo de habilitar o dobre sentido de circulación para darlles saída pola rúa Cidade de Vigo.

Durante toda a xornada do venres a caravana da volta necesitará varios espazos libres, polo que prohibirase o aparcamento desde a media noite do xoves ata as 18.00 horas do día 30, na avenida Ramón Ferreiro, dende a rúa Salvador de Madariaga á rúa Cornubia e Fonte do Rei; rúa Celso Emilio Ferreiro, rúa Vilalba e aparcamento do edificio administrativo do Seminario.

A montaxe da infraestrutura que require unha proba deportiva destas características, tanto para a liña de saída, control de firmas, como o resto do percorrido pola cidade, precisa a ocupación de diferentes espazos, polo que xa desde primeira hora da mañá do xoves 29, deberán quedar baleiros os treitos das rúas e das avenidas xa mencionadas para empregalos como parking de equipos, prensa, organización e caravana publicitaria. Pola tarde, chegarán os camións e a infraestrutura de saída da volta e se procederá ao montaxe dos sets e á colocación da valos para acoutar espazos reservados.

O venres, a montaxe da engrenaxe desta proba comezará ás 06.30 da madrugada, e ao longo da mañá chegará a caravana publicitaria e se desenvolverán as montaxes dos espazos de control de firmas, saída da carreira, neutralizada e arcos de saída. O desmontaxe da zona de saída non comezará ata despois das 16.15 horas.

 Cortes ao tráfico rodado

 Dende as 17:00 horas do xoves 29, ata as 18:00 horas do venres 30 de Agosto estarán cortadas as avenidas Ramón Ferreiro, dende a rúa Salvador de Madariaga a Glorieta Xaquín Lorenzo, e a avenida Rodríguez Mourelo. Ditos cortes afectarán ás vías próximas tendo que facer cambios nas súas configuracións. A esta circunstancia sumase o corte de rúa Cidade de Viveiro por mor de obras municipais iniciadas con anterioridade. Así as rúas Santiago, Ronda da Muralla, Armando Durán, avenida Alcalde Anxo López Pérez e rúa Cidade de Vigo, cambiarán a súa configuración e sentidos de circulación da seguinte maneira:

 Rúa Santiago: Esta vía, ao estar cortada a avenida Ramón Ferreiro e a rúa Cidade de Viveiro por mor de obras municipais, pasará a ser dende o xoves 29 ás 17:00 horas de sentido único de baixada, no tramo comprendido entre a Ronda da Muralla e a avenida da República Arxentina.

 Rúa Armando Durán: Ao non ter saída os vehículos dende Praza de Avilés, a rúa Armando Durán, como se fai nas festas patronais, sinalizarase para que o acceso dos residentes, vehículos autorizados e de carga e descarga se realice pola rúa Pintor Corredoira. As prazas de estacionamento estarán reservadas para facilitar de forma eventual a circulación en ambos sentidos de circulación.

 Ronda da Muralla: Terá un corte de tráfico á altura da rúa Santiago. Desviarase todo o tráfico da ronda pola rúa Santiago a excepción dos residentes das vías Ronda da Muralla, Vilalba e Carril dos Loureiros, permitíndose o acceso a estes e a vehículos autorizados. Neste senso cambiarase o sentido de circulación de Carril dos Loureiros, tendo que saír os residentes destas tres rúas obrigatoriamente polas rúas Isaac Díaz Pardo e Avelino Pousa Antelo. Do mesmo xeito, na Ronda da Muralla, para acadar unha correcta sinalización da reducción de carrís e canalización do tráfico cara á rúa Santiago, disporanse adicionalmente de varios valos con sinalización.

 Alcalde Anxo López Pérez e rúa Cidade de Vigo: a avenida Alcalde Anxo López Pérez non terá saída por Ramón Ferreiro. Así, Anxo López Pérez e Cidade de Vigo establécense en dobre sentido de circulación para facilitar o acceso de vehículos con destino ao aparcadoiro da praza da Constitución, ao aparcadoiro do edificio administrativo do Seminario, residentes con praza de garaxe, taxis e carga e descarga. Para iso prohibirase o estacionamento en batería do lado do muro da estación de autobuses e na avenida Anxo López Pérez. A Praza da Constitución, pola súa banda, sufrirá cambios no seu ordenamento para facilitar a entrada e saída de vehículos despois dos cambios realizados na rúa Cidade de Vigo.

 Novas restricións para o venres

Todos estes cortes e variacións na circulación e acceso de vehículos estarán vixentes durante a xornada do venres, un día no que se farán efectivos novas restricións, dende primeira hora da mañá ás 18.00 horas. Así haberá cortes en varios puntos das rúas afectadas polos diferentes percorridos da proba, como son avenida Ramón Ferreiro, dende Salvador de Madariaga a rúa Cornubia e Praza do Rei, rúa Celso Emilio Ferreiro, rúa Vilalba, Avenida Anxo López Pérez, Ronda da Muralla, rúa Santiago. Non obstante, dentro dos cortes de tráfico sinalados, e eventualmente na avenida Ramón Ferreiro habilitarase o paso e cruce de vehículos, controlado por axentes municipais, na rúa Marina Española.

Ademais, haberá outras actuacións de cara á realización da etapa e ao paso de vehículos e ciclistas pola Ronda da Muralla, como para o tránsito de vehículos de residentes no barrio de Recatelo. Neste sentido, programouse a retirada temporal dos bolardos de zonas peonís, existentes na esquina da Ronda da Muralla coa rúa Bispo Aguirre, e o situado entre as rúas Isaac Díaz Pardo e Recatelo.

 

Rehabilitación dun camiño agrícola en Sancovade (Vilalba) polo que os veciños levan máis de 20 anos agardando

O Vicealcalde Modesto Renda anunciou hoxe a rehabilitación total do camiño agrícola que une os barrios da Frouxeira e Paxán, en Sancovade.

Esta actuación levaba sendo reivindicada polos veciños da parroquia dende hai máis de 20 anos e o custe total desta obra ascendeu ós 22.022,00€ procedentes na totalidade de fondos municipais.

Renda, contrastou coa veciñanza o resultado e explicou que o obxectivo desta nova obra era o de mellorar as comunicacións e posibilitar, ao tempo, que as moitas parcelas ás que dá servizo teñan ó fin un acceso digno.

Así mesmo, o Vicealcalde trasladou ós veciños e veciñas presentes a súa vontade de aumentar no medio prazo a capa de rodadura do recen estreado vial, de xeito que o actual ancho medio de 3 metros poida verse incrementado, sempre, claro está, que os lindeiros acepten o acordo de cesión.

 

 

 

 

 

 

Montecubeiro

Nunca estivera no Monte Cubeiro de Castro Verde, aínda que tivese oído falar ben veces desta parroquia por razóns poderosas entre as que está a de ter sido alí onde o Rei Silo, hai mil trescentos anos, derrotou aos galegos que pretendían librarse da dependencia astur, ou o triste escenario da traxedia de 1937 na que quince inocentes sufriron morte alevosa, tendo xustiza póstuma no pedrón erguido preto da igrexa parroquial.

Montecubeiro é un dos nortes de Xosé María Gómez Vilabella, castroverdense consciente, moi boa xente, creador incansable que profesa devoción absoluta pola súa terra; un amor fondo que o leva alí nas grandes ocasións, unha delas a despedida de Josefina (Estrella Josefa Rielo Castiñeira), o seu gran amor no decurso dos últimos setenta anos.Oficiada por Nicolás Suseña e José Carlos R. Paradela, a lembranza a Josefina foi entrañable, garimosa, como correspondía á matriarca dunha familia rexida por principios de amizade e devoción á terra e ás xentes.

Xosé María e Josefina deviñeron nunha parella de mozos nonaxenarios para os que o tempo non era máis que a constancia de acumular sabedorías e experiencias, contaxiando optimismo e conseguindo amigos, con Castro Verde e a ledicia (Manuel María dixit) por bandeira.

Fomos a Montecubeiro despedir a Josefina, e comprobar a enteireza de Xosé María, a entrega da súa familia, a presenza dos amigos, e a pervivencia de vida nun rural que pode estarse baleirando pero mantén viva a esencia da terra e da historia. Montecubeiro é terra especial que desperta amor. Xosé María Gómez Vilabella, mozo de 94 anos, é un exemplo de vida, mesmo diante da morte, e ama Montecubeiro. 

Agromuralla responde aos axentes que defenden o bo funcionamento do LIGAL logo de denunciar irregularidades nos resultados das análises do leite

Tras denunciar publicamente dende a Asociación Agromuralla, a detección de irregularidades nos resultados das analíticas do leite que fai o LIGAL, laboratorio oficial en Galicia para controlar a calidade do leite cru, foron moitas as voces que se alzaron escandalizadas por cuestionar a profesionalidade de dita entidade. Tachando de “bulo” o manifestado dende Agromuralla e dicindo que era un invento para danar o laboratorio.

Pois ben, a través da presente a Asociación de gandeiros quere facer unha serie de aclaracións en resposta a moitas das barbaridades que se escribiron estes días ó respecto do tema.

“Queremos aclarar, en primeiro termo, que Agromuralla é unha asociación de gandeiros, maioritariamente produtores de leite, que se financia, exclusivamente, coas cotas que aportan os asociados”, afirma José Luis Pérez, presidente de Agromuralla.

A industria compradora, cando paga o leite ó gandeiro, descóntalle unha porcentaxe de diñeiro en concepto de gastos de mantemento e funcionamento do LIGAL, o cal se traduce en que “os gandeiros sufragamos parte dos gastos de funcionamento do laboratorio, obtendo o resto de financiación por outras vías. Polo tanto, é fácil entender que os gandeiros sexamos os principais interesados en que o laboratorio funcione correctamente”, afirma José Luis.

O LIGAL (Laboratório Interprofesional Galego de Análise do Leite) é o único laboratorio oficial existente en Galicia para facer análises do leite. O cal está integrado pola FENIL (Federación Nacional de Industrias Lácteas), AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias) e os sindicatos agrarios, Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego.

Por outro lado, afirman que non se trata de “bulos” o que están a denunciar. “Temos mostras contrastadas nun laboratorio oficial doutra comunidade autónoma, e non só dúas nin tres, se non bastantes mais. Mostras sacadas ó mesmo tempo, pola mesma persoa, do mesmo tanque de frío”, afirman.

Din non querer desvelar a identidade do laboratorio alternativo, “do mesmo xeito que non se lle esixe a un xuíz publicar, nos periódicos de tirada local, a integridade das sentencias que dicta. Esa información poñerémola enriba da mesa que proceda cando sexa o momento”.

Indican que se trata dun laboratorio Acreditado por ENAC (igual que todos os laboratorios lácteos oficiais de cada Comunidade Autónoma española). Que pasa as súas revisións coa mesma periodicidade e con solvencia, igual que o LIGAL. “Ademais temos constancia de que algún gandeiro, debido ás problemáticas que viña sufrindo cos resultados das súas analíticas, e sen encontrar unha explicación dentro da súa granxa, optou por levar mostras a analizar a distintos laboratorios, tamén oficiais noutras comunidades autónomas, tamén acreditados por ENAC, coas inspeccións en regra e pasadas con solvencia. Resultando que o problema só se deu co laboratorio galego, nos demais laboratorios que analizaron as mostras non se detectou incidencia algunha pero se se apreciou unha diferencia importante en canto ás calidades que se pagan ó gandeiro, sempre en prexuízo deste”, aseveran.

Por dito motivo, “afirmamos que dende Agromuralla non estamos “inventando bulos”, senon que estamos facendo públicos os resultados discrepantes das analíticas feitas en distintos laboratorios oficiais. Casualmente, esas discrepancias afectan negativamente no prezo que cobramos os gandeiros polo leite producido”.

“Somos coñecedores de que existen múltiples factores que inflúen nos resultados das analíticas (calibrado dos equipos, o proceso interno de cada laboratorio, os reactivos usados, etc.), por eso existe un marxe de error tolerable, pero o que salta á vista é que, por exemplo, unha mostra analizada no LIGAL arroxe un punto crioscópico de -518 e outra mostra sacada ó mesmo tempo que a primeira, pola mesma persoa e no mesmo tanque de frío, noutro laboratorio oficial arroxe un punto crioscópico de -526. Esa diferencia, claramente, excede o “marxe de error tolerable”.”

Por outra banda, dende a Asociación de gandeiros e gandeiras, tamén afirman ser coñecedores de que a época estival inflúe no punto crioscópico, o mesmo que a alimentación dos animais ou o sistema de muxido de cada granxa, “pero neste caso trátase de mostras sacadas ó mesmo tempo, do mesmo tanque de frío e pola mesma persoa, e o resultado das analíticas é moi dispar dun laboratorio a outro” afirman.

“Efectivamente, sabemos que, en caso de alteracións nos resultados das análises, podemos chamar ó Servizo de inspección do LIGAL para que os técnicos do propio laboratorio veñan á granxa sacar as mostras e sometelas a un novo estudo. Quen fai esa nova analítica? Efectivamente, o mesmo laboratorio. En Galicia non dispoñemos dun laboratorio acreditado alternativo para facer analíticas de contraste. Isto ocasiónanos indefensión por non contar con medios para poder desvirtuar unha proba dun laboratorio oficial.” critican dende Agromuralla, por iso lle piden á Consellería do Medio Rural que tome cartas no asunto, posto que, “por mais que se diga, os gandeiros sempre somos os eslabón mais feble da cadea. A modificación de normativas ou o cambio de protocolos, é cuestión de vontades.”

Á vista das declaración formuladas por varios axentes do LIGAL, indicando que o laboratorio segue correctamente todo o proceso, e que son diversos os axentes que inflúen no resultado das analíticas, “semella que se as discrepancias son notables se culpabiliza ó responsable de sacar a mostra, que é o recolledor do leite na granxa, tratando de “tirar balóns fora””, afirma o presidente de Agromuralla.

Dende a Asociación de gandeiros afirman que tamén lles causa indefensión o feito de que non sexa obrigatorio, de acordo coa normativa vixente, sacar dobre mostra. “É certo que o gandeiro pode pedir que se lle saque dobre mostra, pero a data de hoxe non existen, en Galicia, as mostras lacradas, que serían as que garantan que as mostras non se manipulan ata chegar ó laboratorio. E, como xa dixemos antes, tampouco contamos cun laboratorio oficial onde poder analizar as mostras de contraste. Polo tanto, os gandeiros sempre “levamos as de perder””, reiteran.

En Galicia, tal como aseveraron algunhas voces nestes días, contamos cun leite de excelente calidade. Cun contido en graxa, de media, moi superior ó doutras comunidades Autonónomas, “sen embargo, analizando o leite noutro laboratorio oficial fora de Galicia, arroxa un contido en graxa superior ó que se certifica no laboratorio galego. Cousa que se traduce, como xa se indicou, nunha diferencia no prezo do leite que se paga ós gandeiros” aseveran.

“Reiteramos ó LIGAL, a necesidade de manter unha reunión para abordar, con urxencia, a problemática que denunciamos, tal como xa solicitamos fai días e aínda non recibimos resposta.” Insiste o presidente.

En resposta tamén, a distintas voces que afirmaron que Agromuralla forma parte das mesas de negociación do prezo do leite, dende a Asociación manifestan que “esa é a maior mentira difundida estes días para desacreditar ós gandeiros. Facer esa afirmación é mostra do descoñecemento que existe sobre a normativa reguladora, pois unha asociación como é Agromuralla, de acordo coa normativa vixente, non pode formar parte desas negociacións”.

Por último, e non por iso menos importante, dende a Asociación de Gandeiros envian unha mensaxe de TRANQUILIDADE PARA OS CONSUMIDORES, “o que vimos de denunciar NON AFECTA EN MODO ALGÚN À CALIDADE DOS PRODUCTOS LÁCTEOS QUE ESTÁN NO MERCADO, afecta ós prezos que as industrias nos pagan ós gandeiros por litro de leite que nos mercan. Por poñer un exemplo: se nos vendemos leite con un 3,80% ou un 2,80% de graxa, ó consumidor resúltalle indiferente porque o leite enteiro que se vende no supermercado vai ter un 3,50% de materia graxa, poren para o gandeiro vai supoñer unha diferencia de 1 ou 2 céntimos, arriba ou abaixo, por litro de leite, o que se traduce en 600 ou 1.200 €/mes para unha granxa que vende 2000 litros/día” conclúen.

Asociación Agromuralla.

 

 

A Fapacel denuncia a falta de información por parte da Consellería de Educación

Dende a FAPACEL seguimos agardando unha resposta da Xefatura Territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional en Lugo ao escrito que presentamos o 4 de agosto deste ano, no cal solicitabamos que nos remitiran coa maior brevidade posible, de xeito claro e conciso, co fin de informar ás ANPAS, unha aclaración sobre os cambios que van atopar nos seus colexios ao inicio do curso no referente aos novos rateos por aula e por agrupamento: os que se van aplicar a partires de setembro e en qué normativa ou acordo se basean.

 En xaneiro deste ano a consellería asinou con varios sindicatos de ensino un Acordo de Mellora Educativa, no que se contemplaba, entre outros temas, unha redución progresiva de rateos por aula, medida que dende a federación e dende a confederación ANPAS GALEGAS á que pertencemos, nun principio, aplaudimos.

 Nese acordo tamén tocábase un tema importante que foi a ponderación do alumnado con algún tipo de discapacidade dependendo do grado e tamén a novidade de que o alumnado repetidor computará para efectos de rateos; por outra banda, no que se atinxe aos agrupamentos, nese acordo de mellora, faise mención ao acordo do 2009 sobre agrupamentos e nada máis, un acordo que, en poucos casos chegouse a aplicar.

 Agora estamos a ver que nin se está aplicando o asinado en xaneiro no que afecta ao alumnado nin o de rateos do 2009, porque semella que hai un novo documento que non somos quen de atopar, publicado en ningures?? pero que si afecta ao alumnado, especialmente ao dos colexios rurais.

Cando non obtemos respostas é difícil entender estas actuacións por parteda consellería, porque semella que, unha vez máis, o alumnado é o que menos importa desta historia, e o alumnado dos centros de ensino rurais, aínda menos.

 E hai outro tema aínda máis doente; o alumnado que precisa algún tipo de apoio educativo ve reducida a súa atención porque no Acordo de Mellora Educativa, un dos puntos foi a redución de horas lectivas do profesorado e non chegan as horas para dar servizo de calidade a este alumnado.

 Por iso insistimos na necesidade de respostas e sobre todo de solucións, talvez o nome do acordo asinado en xaneiro non é o axeitado, un Acordo de Mellora Educativa non pode comprometer a calidade do ensino que é, para desgraza de todos, o que estamos vendo.

A educación pública require de compromiso coa sociedade e de inversión económica, por parte das administracións.

 

A directiva de Fapacel

O PP considera “inadmisible” que o Concello de Sarria gaste e alugueiros en paga de acondicionar un inmoble da súa propiedade

Os concelleiros do PP de Sarria consideran “inadmisible” que o Concello estea pagando alugueiros mentres ten os seus propios bens sen uso, cando precisamente foron adquiridos para ampliar as instalacións do Concello. Os populares refírense á coñecida como “Casa da Carmiña” un inmoble cun pequeno terreo pegado á Casa Consistorial “que foi adquirida polo Concello por un importe de 117.000 euros hai máis de catro anos”.

Nese sentido, dende o PP de Sarria instan ao goberno municipal para que, “sen máis demora, leve a cabo a tramitación e redacción do proxecto técnico e a posterior execución das obras de rehabilitación e adecuación necesarias para a ampliación das dependencias municipais neste inmoble co conseguinte aforro nas rendas que se abonan mensualmente por alugueiros doutros inmobles”.

A adquisición deste inmoble, que contou co apoio do Partido Popular de Sarria, tiña como finalidade, entre outras, a necesaria ampliación das dependencias municipais e o conseguinte aforro nos alugueiros doutros inmobles. No momento da súa compra, “o goberno de Camiña Sarria consideraba esta operación unha oportunidade de cara a unha ampliación do consistorio”.

Por outra parte, “a adecuación destas instalacións permitiría mellorar a situación de determinados servizos municipais que, en ocasións, atópase moi limitada pola falta de espazo e condicións, como é o caso, por exemplo, das dependencias destinadas á atención de servizos sociais”, subliña Carmen José López, portavoz popular en Sarria.

A popular incide, ademais, en que “co Goberno de Garrido todas as solucións provisionais se acaban convertendo en definitivas, normalmente co prexuízo para as arcas municipais, para os propios usuarios e para os traballadores ao ter que estar en instalacións provisionais e pouco adecuadas porque o goberno non acomete as obras”.

Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra

Esta mañá celebrouse a apertura do evento Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra, unha cita que se celebra por cuarto ano consecutivo no Santuario de Nosa Señora de Cadeiras (Sober), en horario de 11,00 a 21,00 h.

Á mesma asistiron. entre outras autoridades,o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, e polo alcalde de Sober, Luis Fernánde. No acto, Alén destacou a aposta do Goberno galego por este tipo de eventos de pequeno formato para impulsar a comercialización do produto artesán galego, divulgar os oficios tradicionais e consolidar a marca Artesanía de Galicia. Ademais sinalou que feiras como esta demostran que o sector ten futuro e está en auxe, con máis de 800 obradoiros inscritos no rexistro xeral de artesanía, o que contribúe á creación de emprego e á dinamización do rural galego.

O director xeral tamén puxo en valor as achegas para impulsar o sector, como as axudas abertas actualmente por valor de 1,2 millóns de euros para potenciar a transformación sustentable e a economía circular dos sectores comercial e artesán.

 Programación da xornada

Na edición deste ano participan 18 obradoiros da marca Artesanía de Galicia especializados en oficios como a marroquinería, a madeira, a olería tradicional, a calceta e o gancho, a xoiería, a cerámica, os xoguetes, a bixutería, a elaboración de redes, o manipulado de papel e os complementos de moda.

Os talleres que participan como expositores –moitos deles procedentes da zona da Ribeira Sacra– son os obradoiros de olería de Gundivós (Sober) Elías de Gundivós e Figulus; os da Coruña Arobe Cerámica e Mioco Diseños; os de Quiroga, Armaior e Enxógate; os obradoiros de Ourense, María Aba e Logaro; Artesanía en Coiro Tres Pés (Pontevedra), María Monsalve (Monterroso), Mimacuir (Taboada), Tres Caracoles (Lugo), Péndulo (Burela), Soledad Mato (Oroso), Obradoiro Gorín (Buño, Malpica de Bergantiños), Riomao Estudio (A Teixeira), Olería do Batán (Baños de Molgas) e Redeiras Artesás (Ponteceso).

Ao longo da xornada celebraranse tamén tres obradoiros gratuítos e abertos a todos os públicos que se acheguen ata os pendellos de Cadeiras, en horario de 11,00 a 14,00 e de 16,00 a 21,00 h. A Asociación Galega da Cerámica e outras Artesanías (Gondomar) encargarase de dirixir un obradoiro de Iniciación ao torno cerámico, no que as persoas participantes elaborarán pezas de barro mediante as técnicas da olería tradicional galega. A actividade completarase coa divulgación das principais características das pezas máis representativas da nosa olería.

Guillermo Silvent, de Artesanía Silvent (Caldas de Reis) impartirá un obradoiro de remate de xoguetes de madeira; mentres que os artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop (Vigo), se encargarán do obradoiro de cianotipias, un procedemento fotográfico que emprega papel de acuarela e produtos á luz para obter imaxes en azul prusiano.  A programación do evento Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra complétase coa actuación da Banda de Música de Sober.

 

 

Xuntanza de membros do Concello de Lugo con veciños de Albeiros

Edís do Concello de Lugo mantiveron unha xuntanza coa veciñanza do barrio de Albeiros,  no transcurso de dita xuntanza, a edil de Cohesión Territorial, Ana Abelleira, quen tomou a palabra, demandou dos presentes as principais necesidades da zona para podelas estudar. Durante o mesmo, os membros do Executivo municipal escoitaron as demandas dos veciños e veciñas, co fin de valorar e atender as súas peticións, dentro da política de participación cidadá do Goberno municipal.

Asemade, informaron da actuación que o Concello levará a cabo este mes de setembro, no marco do Plan Único de Cooperación da Deputación de  mellora do firme na vía que comunica Camiño do Souto coa Garaballa de Abaixo. A intervención, “en proceso de licitación e orzamentada en máis de 22.800 euros, permitirá mellorar a seguridade e a accesibilidade dunha das principais vías de comunicación desta zona periurbana”, destacou a Abelleira.

Esta actuación forma parte dun plan integral que o Goberno local impulsa para “mellorar o estado das estradas e camiños dos núcleos de poboación, coa finalidade de garantir unha conectividade axeitada e responder ás demandas da veciñanza”. Rematou.

 

 

Os bombeiros excarceraron unha persoa que sufriu unha saída de vía en Lugo

O accidente rexistrouse dez minutos despois das 8:30 horas en Orbazai, e o 112 Galicia tivo constancia a través dos servizos sanitarios, que explicaron que un coche acababa de saírse da vía e que o implicado, ferido, era incapaz de abandonalo polos seus propios medios.

Entón, procedeuse á activación dos recursos necesarios para a intervención, alertándose a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros e á Policía Local de Lugo.

Os bombeiros empregaron o seu material de excarceración para liberar á persoa, que sería a continuación atendida polo persoal sanitario.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com