Novas

O SERGAS deixa á Mariña sen servizos sanitarios básicos

A atención primaria e hospitalaria están prácticamente desmantelada

A Plataforma Sanitaria da Mariña denuncia que o distrito sanitario da Mariña atópase nunha situación moi deficitaria en relación aos servizos sanitarios básicos en todas as épocas do ano, máis nas épocas estivais agudízanse moito os déficits, xa que a poboación na comarca triplica ou cuadruplica a súa poboación.
Malia que o SERGAS e a Consellería de Sanidade persisten en tentar convencer á poboación de que todo funciona á perfección, a realidade é que a día de hoxe hai centros de saúde onde falta o cen por cen do cadro médico nestes momentos e estase a substituir cunha persoa que realiza actividade asistencial dúas horas , como está a acontecer en Trabada onde hai un ano que se xubilou un dos facultativos e en ningún momento se cubriu esa ausencia; sumándose nestes momentos a falta do segundo facultativo. Na localidade do Vicedo situación de falta de médic@s desde hai máis dun ano é insostible e vergoñenta e desde este colectivo esiximos que se lle de resposta inmediata a unha poboación que está a mobilizarse prácticamente todas as semanas pola falta de facultativos No resto de centros de saúde da Mariña a situación é tamén grave xa que non se cubren as ausencias por baixas, permisos ou vacacións, poñéndose parches a costa do persoal que con moi boa vontade cubren as ausencias d@s compañeir@s ou prolongan a súa xornada. A maiores non contamos con persoal para atender ás persoas desplazadas, o que agrava e magnifica a crítica situación xa existente.
Na atención hospitalaria estamos a sufrir un incremento nas derivacións cara a Lugo para a atención de procesos que deberían ser resoltos no propio hospital da Mariña, pois sumado á decisión da Xerencia de pechar a planta de Medicina Interna, estamos en niveis mínimos de persoal desde hai moito tempo ou incluso con ausencia total de profesionais nalgunha especialidade.
Unha única ambulancia medicalizada para toda a Mariña e na que o goberno da Xunta eliminou o segundo técnico sanitario.
O caso da ambulancia medicalizada na Mariña é outra das eivas que levamos denunciando desde hai anos, xa que a comarca dispón dunha única ambulancia medicalizada para máis de setenta mil habitantes, cifra que se multiplica por catro no verán . Tendo en conta ademáis que esta comarca está moi dispersa en canto a poboación , que se tarda máis dunha hora en percorrela dun extremo a outro , e que a maiores de atender as urxencias no distrito sanitario debe facer certos traslados interhospitalarios, quedándonos nestes casos sen ningún dispositivo durante moito tempo, a conclusión que se pode sacar é que existen tamén serias deficiencias neste servizo. Xunto a estes datos hai que engadir a decisión política de suprimir o segundo técnico sani
tario do dispositivo. Esta decisión resultou ser ineficaz , inefectiva e incomprensible, posto que nestas ambulancias son imprescindibles estas dúas persoas técnicas pois cada unha das dúas ten funcións importantísimas que non poden ser asumidas por unha soa persoa, sendo necesario que en moitas ocasións haxa que mobilizar un segundo dispositivo de soporte vital básico que aporte este persoal suprimido.
A Saúde Mental en situación crítica pola falta de persoal e a centralización de dispositivos
O servizo de Saúde Mental da Mariña atópase tamén nunha grave situación de falta de persoal, con adiamentos nas citas dos pacientes , o que está a producir malestar nas persoas que teñen que recibir tratamentos ou ter consultas de seguimento. Na actualidade solo contamos con unha psiquiatra para a atención de máis de setenta mil habitantes pola non substitución dos outros dous profesionais que faltan nestes momentos. Este situación non é máis que a punta do iceberg dun servizo que conta únicamente con dous especialistas en psicoloxía clínica , o que supón menos da metade dos que debería haber se atendemos ás ratios do Estado, xa de por si deficitarias con respecto a Europa. Esta dramática situación fai que as listas de agarda sobrepasen o ano sen posibilidade de poder impartir psicoterapia de xeito apropiado en tempo e forma, co resultado de que moitos pacientes non se poden beneficiar deste tratamento que contribuiría a diminuir as doses de psicofármacos á vez que melloraría significativamente a súa enfermidade.
A decisión do goberno da Xunta de suprimir a área sanitaria da Mariña incidiu de xeito especialmente negativo no servizo de Saúde Mental, centralizándose os recursos humanos e os dispositivos na capital e impedindo que esta comarca poidera contar con un hospital de día infanto xuvenil e dunha unidade de prevención do suicidio, servizos que desde a Plataforma Sanitaria da Mariña entendemos como básicos e fundamentais, e obrigándonos a desplazarnos a Lugo para poder utiliza

Plataforma Sanitaria da Mariña

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A Xunta reivindica a dinamización do rural a través da cultura

O director xeral de Cultura, puxo en valor esta mañá o “importante impacto” que teñen as actividades culturais como axentes dinamizadoras do rural. Fíxoo durante a súa participación na novena edición do Festival dos Eidos, onde reivindicou o apoio do Goberno galego a este tipo de iniciativas, “que crean e fortalecen a comunidade nestas contornas”.

Precisamente, lembrou que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude terá lista despois do verán a orde de creación da Rede Adival de dinamización no rural de Galicia, “unha potente ferramenta para favorecer o acceso universal a cultura na procura de que ningunha    persoa, por mor da súa residencia ou idade, quede fóra deste tipo de programación”.

Deste xeito o alto cargo da Xunta, explicou que con esta rede se vai ampliar a oferta cultural nas vilas e localidades máis pequenas de Galicia para garantir que conten cunha programación regular. Nesta liña, defendeu o apoio que o departamento de Cultura do Goberno galego está a dar a proxectos que axudan a dinamizar a economía da contorna e fixar poboación, ao mesmo tempo que promover o turismo cultural galego.

A Xunta autoriza o traslado dos mexillóns na zona onde o Concello ten previsto instalar a rampla para o baño

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático estudou coa máxima dilixencia a documentación que onte xoves lle foi aportada polos representantes do Concello de Lugo e procedeu a autorizar esta mesma mañá o traslado dos exemplares de náiades Potomida littoralis e Unio delphinus a outra zona do río non afectada polas obras.

A autorización establece que os traballos de translocación serán levados a cabo por persoal da empresa Biosfera e quedan condicionados á supervisión por parte do Servizo Provincial de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Dende a Consellería sinalan que “actuaron unha vez máis de xeito áxil para non perder o tempo innecesariamente, malia as sucesivas modificacións que o Concello de Lugo veu realizando no proxecto ao longo de todo o verán (a última modificación aínda foi comunicada polo Concello á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil o pasado luns, 19 de agosto)”. Ademais salientan “que autorización do organismo de conca para a instalación da rampla é unicamente ata o 15 de setembro do presente ano, o que na práctica fará que a plataforma estea en servizo e operativa para os posibles usuarios apenas uns días”.

Dende o Concello de Lugo consideran que esta autorización ten como condicionante “dúas comprobacións sucesivas despois de pasados dous e cinco días da extracción dos moluscos, o que non evidencian a colaboración ofrecida pola Xunta de Galicia nin o compromiso de celeridade do que nos falaron”. A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos,  lembra que “a administración autonómica dispón da solicitude de traslocación dos moluscos dende inicios da semana e hoxe comunica unha resolución que suporá novos atrasos. “Trátase de un proceso administrativo que poderían ter resolto en horas e levamos case unha semana de espera”, lamentou Alvarellos.

O Executivo local incide en que “trasladar os mexillóns a un punto próximo e habilitar a rampla e a zona de balizamento son labores que se poden facer en moi pouco tempo e con todas as garantías pero para iso é preciso que a Xunta cumpra a palabra dada”, ao tempo que lamentou “que durante todos estes días a única comunicación da Xunta co Concello fose para reclamar a documentación que xa lles fora enviada pola propia Confederación – en alusión á concesión da autorización – así como os informes supletorios que a administración local lle enviou ao Órgano da Cunca para efectivizar ese permiso”.

Abre o prazo para solicitar os comedores escolares dos centros públicos de Lugo

Ven de abrirse o procedemento para solicitar praza nos comedores escolares dos centros de ensino públicos de Lugo.

As inscricións para usuarios fixos no servizo poderá realizarse ata o 31 de agosto, mentres que as prazas para usuarios esporádicos poderán realizarse ata as 20:00 do día lectivo anterior. Os prezos son de 3.96€ ao día usuarios fixos do servizo de comedor (que poderán solicitar días soltos da semana ou os 5 días), mentres que para os esporádicos é de 5,06€. O servizo de madrugadoras e madrugadores conta cun prezo único de 1,98€ ao día e permite a entrada nos centros en diferentes quendas a partir das 7:30 da mañá. As familias poden obter máis información sobre os comedores escolares a través da páxina web do Concello de Lugo ou nas oficinas da concellería de Educación.

Unha vez pechado o prazo de solicitude de praza, e no caso de que as solicitudes de inscripción sexan maiores que a capacidade total do comedor, tódalas solicitudes recibidas serán baremadas para a admisión no servizo, tendo preferencia de entrada, seguindo esta orde:
1º – Solicitude de usuario fixo 5 días semanais
2º – Ambos proxenitores traballan en horario de comedor
3º – Familias monoparentais
4º – Irmáns
5º – Sorteo

Todas as solicitudes entregadas que non obtiveran praza, quedarán en lista de agarda ata que se produza unha vacante no servizo e irán entrando en orde seguindo os criterios anteriores.

Queda aberta a inscripción, durante o resto do curso, baremando cada mes, sempre que haxa prazas vacantes, e despois de que entrasen tódolos usuarios que realizaron a inscripción no primeiro prazo.

Agromuralla denuncia irregularidades nas analíticas do leite feitas polo Ligal

Segundo información facilitada por Agromuralla, “dende que comezou o verán, un alto porcentaxe de gandeiros produtores de leite de vaca galegos, veñen tendo problemas coas analíticas do punto crioscópico. Poren, despois de facer todas as revisións técnicas necesarias, puideron comprobar que non se debe a un problema que exista nas súas granxas”.

O punto crioscópico é un parámetro que se analiza para medir a cantidade de auga que ten o leite. Trátase dun valor negativo, de xeito que, se sube a presenza de auga no leite os gandeiros son penalizados pola industria láctea que lles merca o produto, penalización que se traduce nunha redución no prezo do leite.

O único laboratorio oficial existente en Galicia para facer análises do leite é o LIGAL (Laboratorio Interprofesiomal Galego de Análise do Leite). O cal está integrado pola FENIL (Federacion Nacional de Industrias Lácteas), AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias) e os sindicatos agrarios, Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego.

Logo de recibir as queixas de multitude de gandeiros, dende a Asociación Agromuralla, “optouse por levar diversas mostras, aleatoriamente, ó laboratorio oficial doutra comunidade autónoma, para facer análises de contraste. “Sendo a nosa sorpresa que, non só no punto crioscópico se observa un valor que penaliza máis ó gandeiro, se non que outros parámetros que se analizan e que inflúen directamente no prezo do leite en orixe, como é o caso do contido en graxa, tamén arroxan resultados dispares, o cal se traduce nun menor prezo do leite para o gandeiro que lle analizaron o leite no LIGAL”, afirman dende Agromuralla.

Ante esta problemática, dende Agromuralla “solicitamos unha reunión con carácter urxente coa persoa competente do LIGAL, non tendo resposta a data de hoxe, a pesar da gravidade da situación”, subliñan.

Dadas as circunstancias, Agromuralla solicitou unha xuntanza coa consellería do ramo, “mantivemos unha reunión coa Conselleira do Medio Rural para informala do que está a acontecer e pedirlle que, dende a Consellería se tomen as medidas oportunas para regularizar a situación, xa que se nos está a prexudicar economicamente, pois os resultados das analíticas feitas polo LIGAL tómanse como base para fixar o prezo final que as industrias nos pagan ós gandeiros polo noso produto”, informan dende a Asociación de gandeiros”.

Tamén foi unha desagradable sorpresa para Agromuralla, “comprobar cómo se están cometendo estas irregularidades e os representantes dos gandeiros dentro do laboratorio se manteñen pasivos, permitindo que as industrias lácteas que operan en Galicia se lucren a costa das perdas económicas que sofren os produtores”.

Cabe recordar que Galicia é a Comunidade Autónoma na que os gandeiros cobran o leite máis barato, de toda España, de feito foi sempre así, non hai máis que consultar os datos estatísticos publicados polo MAPA. Dende Agromuralla afirman que, “non descartamos que estas irregularidades nas análises do leite estean directamente relacionadas con ese menor prezo do leite que as industrias pagan ós gandeiros galegos, sen descartar outras causas.” De feito, estes días fixéronse públicos datos de referencia, a nivel internacional, sobre os prezos do mercado lácteo, arroxando, todos eles, unha tendencia á alza, e poñendo de manifesto, unha vez mais, dous datos que xa non son novos: por un lado, que os gandeiros galegos somos os que menos cobran o leite de todo o estado, a pesar de ser a Comunidade Autónoma onde mais leite se produce cunha calidade diferenciada extraordinaria; e por outro lado, que, “novamente, as industrias lácteas non teñen xustificación para baixar o prezo do leite en orixe, tendencia que marcou a renovación dos contratos fai escasas semanas”.

Agromuralla fai un chamamento a todos os gandeiros produtores de leite en Galicia, para que revisen con detalle os resultados das análises feitas polo LIGAL e, se é o caso, tomen as medidas que consideren mais oportunas, “se quen nos representa non nos defende, temos que facelo nos”,conclúen.

 

As tendas poderán sacar os seus produtos á rúa o último martes de cada mes

O Concello promove o comercio local facilitando que as tendas de Lugo saquen os seus produtos á rúa o último martes de cada mes.

Un total de 50 tendas de toda a cidade xa se adheriron á iniciativa de sectores diversos, como téxtil de adultos e de nenos, deporte, calzado, bixutería, xoiería, librería, óptica, etc. Os comercios participantes serán identificados cunha bandeirola e localízanse principalmente no centro histórico e na contorna da Avenida da Coruña. 

Dende o Concello animan “a todas e todos os veciños a que aposten polo comercio local e se acheguen a participar nesta iniciativa, para seguir facendo que o noso comercio sexa un motor de prosperidade e un orgullo para todos nós”.

Rescatan unha muller tras caer por un terraplén en Chantada

Os feitos tiveron lugar pasadas as 11 desta mañá, cando unha persoa chamou ao 112 e explicou que unha muller caera por un terraplén en Pincelo, Nogueira de Miño, Chantada. Avanzaba que tiña unha importante lesión nun brazo, e que serían necesarios medios para subir a ferida desde o fondo do terraplén ata a ambulancia.

Deste xeito, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pediron a colaboración dos efectivos do parque comarcal de Chantada, así como dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos axentes da Policía Local.

Pola súa parte, os bombeiros lograron o rescate da ferida que presentaba un brazo roto, rabuñadas na faciana e a luxación dun dedo e foi evacuada que  ao Hospital de Monforte por unha dotación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

A Xunta Inviste máis de de 7 millóns en 17 obradoiros de emprego duais en Lugo

A Xunta de Galicia vén de notificar a aprobación de 17 obradoiros de emprego duais en Lugo, aos que destina un investimento de máis de 7,1 millóns de euros. Unha parte do orzamento destinarase a incentivar a contratación das persoas participantes unha vez rematada a súa formación.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que as iniciativas aprobadas implican a 46 concellos e están dirixidas a mellorar as oportunidades laborais de 340 persoas desempregadas. Entre os sectores aos que fan referencia estas accións -que se estenderán durante 9 meses- rexístranse os relativos á atención sociosanitaria, distintos aspectos da construción, o sector forestal ou de viveiros e xardíns, a limpeza, xestión de residuos, turismo, tratamento de datos e control de pragas.

Os obradoiros duais perseguen mellorar a empregabilidade dos participantes, ofrecéndolles unha formación teórico-práctica para o emprego de calidade. Ao tempo, suporán a mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, así como a prestación de servizos de interese xeral e social que repercuten na mellora da calidade de vida e dos servizos para o conxunto da sociedade.

Para acceder a estes programas, priorizaranse as persoas con especiais dificultades de inserción: mulleres, vítimas de violencia de xénero, emigrantes retornadas, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, desempregadas de longa duración, maiores de 45 anos ou persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, entre outras. Terán preferencia tamén as persoas discapacitadas ou as beneficiarias do tramo de inserción da renda básica de Galicia, así como as que solicitaran este servizo a través da súa demanda de emprego e, dentro destas, aquelas que teñan prevista a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción laboral.

A Xunta de Galicia encargarase de financiar a formación profesional para o emprego, así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos cos participantes, que serán 20 por taller.

Desde o ano 2009, a Xunta de Galicia destinou máis de 490 millóns de euros a case un milleiro de obradoiros duais, que se realizaron con preto de 21.000 participantes en toda Galicia.

 

OBRADOIROS NOTIFICADOS NA PROVINCIA DE LUGO

PROMOTOR CONCELLOS ASOCIADOS DENOMINACIÓN
Cervo Burela, Xove Sendas de Burela, Cervo, Xove XI
Ribadeo Barreiros Constrúe en verde
Ribas de Sil Quiroga, Folgoso do Courel Sillor XI
Chantada Carballedo, Taboada Serra do Faro IX
Monforte de Lemos …. A Pinguela II
Pantón Sober, O Saviñao Ricra VIII
Bóveda O Incio, Pobra do Brollón Bóveda, O Incio e A Pobra do Brollón
Castro de Rei Cospeito, Outeiro de Rei Camiño da Chaira VIII
Ribeira de Piquín Castroverde, Pol, A Pastoriza, Riotorto O Castro X
Vilalba Abadín Terra Chá no Camiño V
Begonte Friol, Rábade Cumes da Terra Chá VIII
Sarria …. Sarria, Camiño de Santiago V
Láncara Samos, Paradela Os Soutos
Lugo …. Salus Lugo
Portomarín Monterroso, Palas de Rei Terras do Miño-Ulla I
Pedrafita do Cebreiro Cervantes, Navia de Suarna e Triacastela Comarca de Ancares VII
Becerreá Baralla, As Nogais Vía Künig VI

O vindeiro sábado celebraráse a XVII Festa da Pandeira en Piornedo

A Asociación Cultural O Teixeiro, vai celebrar o vindeiro sábado a  XVII Festa da Pandeira en Piornedo. Unha cita que ano a ano reúne a decenas de tocadoras e tocadores para facer soar os seus instrumentos.

Quedan xa lonxe no tempo as primeiras edicións onde as mulleres que gardaron a tradición, hoxe xa desaparecidas, se xuntaron naquelas primeiras edicións, grazas ao impagable traballo da asociación o Teixeiro  que foi quen de recuperar esta tradición da Serra dos Ancares e fixo que moitas persoas se interesaran pola pandeira.

A xornada comezará ás 10:30 horas co obradoiro de bailes tradicionais da serra e, ao remate, levarase a cabo un taller de iniciación aos toques da pandeireta. Será a partir das 13.00 horas cando se leve a cabo a acollida e o xantar homenaxe. Xa pola tarde, ás 16,30 horas, haberá tocadoras de pandeireta, música e baile da zona e actuacións de distintas agrupacións e escolas. O encontro despídese coa cea e Polavila.

O programa complétase o venres 23 de agosto cun obradoiro de pandeireta de balde impartido polo músico, tocador e mestre Luís Prego.

Egilona, raíña

Nos libros de estudo dos anos sesenta, a conquista de España polos árabes como outros moitos asuntos vitais, resumíase nun par de frases, falando de Don Rodrigo, de problemas dinásticos, conflitos entre a nobreza e complicidade hispana. Nada souben da raíña Egilona ata a lectura do libro de Manuel Romay que revive a historia da esposa do último rei godo, e a fai protagonista dunha ficción histórica que nos adentra de xeito xenial nunha época apaixonante.

Romay fai gala de fondo coñecemento histórico e axil narrativa en todas as súas obras e demóstrao de novo adentrándose nos comezos do século VIII, coa agonía do reino godo e a expansión do Califato, que viña de conquistar o norte de África e atopou na península un paraíso coas portas francas.

Usa o escritor artificio enxeñoso para presenciar os feitos, conversar coas persoas, testemuñar actitudes para conseguir unha perspectiva total superando as barreiras de espazos e tempos, e facer minucioso estudo da situación de Hispania e do Califato, onde se entrecruzan os intereses públicos cos personais, as crenzas coas ansias de poder, as riquezas materiais coas miserias persoais.

A historia de Egilona, muller en sociedade e tempos patriarcais, é un facho de luz sobre un tempo da historia nunca ben coñecido, no que as personaxes – coma nun teatro intemporal – reviven os seus papeis, soñan futuros imposibles, aman ou sofren, sometidos a poderes implacables.

“Egilona, reina cristiana y sarracena” é un anaco da gran historia de Hispania, desmiuzada con inxenio para que poidamos coñecer o acontecido como se ocorrira arredor de nós.

“Egilona, reina cristiana y sarracena”. Manuel Romay López.Seleer,2023.

 


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com