Novas

A Xunta Inviste máis de de 7 millóns en 17 obradoiros de emprego duais en Lugo

A Xunta de Galicia vén de notificar a aprobación de 17 obradoiros de emprego duais en Lugo, aos que destina un investimento de máis de 7,1 millóns de euros. Unha parte do orzamento destinarase a incentivar a contratación das persoas participantes unha vez rematada a súa formación.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que as iniciativas aprobadas implican a 46 concellos e están dirixidas a mellorar as oportunidades laborais de 340 persoas desempregadas. Entre os sectores aos que fan referencia estas accións -que se estenderán durante 9 meses- rexístranse os relativos á atención sociosanitaria, distintos aspectos da construción, o sector forestal ou de viveiros e xardíns, a limpeza, xestión de residuos, turismo, tratamento de datos e control de pragas.

Os obradoiros duais perseguen mellorar a empregabilidade dos participantes, ofrecéndolles unha formación teórico-práctica para o emprego de calidade. Ao tempo, suporán a mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, así como a prestación de servizos de interese xeral e social que repercuten na mellora da calidade de vida e dos servizos para o conxunto da sociedade.

Para acceder a estes programas, priorizaranse as persoas con especiais dificultades de inserción: mulleres, vítimas de violencia de xénero, emigrantes retornadas, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, desempregadas de longa duración, maiores de 45 anos ou persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, entre outras. Terán preferencia tamén as persoas discapacitadas ou as beneficiarias do tramo de inserción da renda básica de Galicia, así como as que solicitaran este servizo a través da súa demanda de emprego e, dentro destas, aquelas que teñan prevista a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción laboral.

A Xunta de Galicia encargarase de financiar a formación profesional para o emprego, así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos cos participantes, que serán 20 por taller.

Desde o ano 2009, a Xunta de Galicia destinou máis de 490 millóns de euros a case un milleiro de obradoiros duais, que se realizaron con preto de 21.000 participantes en toda Galicia.

 

OBRADOIROS NOTIFICADOS NA PROVINCIA DE LUGO

PROMOTOR CONCELLOS ASOCIADOS DENOMINACIÓN
Cervo Burela, Xove Sendas de Burela, Cervo, Xove XI
Ribadeo Barreiros Constrúe en verde
Ribas de Sil Quiroga, Folgoso do Courel Sillor XI
Chantada Carballedo, Taboada Serra do Faro IX
Monforte de Lemos …. A Pinguela II
Pantón Sober, O Saviñao Ricra VIII
Bóveda O Incio, Pobra do Brollón Bóveda, O Incio e A Pobra do Brollón
Castro de Rei Cospeito, Outeiro de Rei Camiño da Chaira VIII
Ribeira de Piquín Castroverde, Pol, A Pastoriza, Riotorto O Castro X
Vilalba Abadín Terra Chá no Camiño V
Begonte Friol, Rábade Cumes da Terra Chá VIII
Sarria …. Sarria, Camiño de Santiago V
Láncara Samos, Paradela Os Soutos
Lugo …. Salus Lugo
Portomarín Monterroso, Palas de Rei Terras do Miño-Ulla I
Pedrafita do Cebreiro Cervantes, Navia de Suarna e Triacastela Comarca de Ancares VII
Becerreá Baralla, As Nogais Vía Künig VI

O vindeiro sábado celebraráse a XVII Festa da Pandeira en Piornedo

A Asociación Cultural O Teixeiro, vai celebrar o vindeiro sábado a  XVII Festa da Pandeira en Piornedo. Unha cita que ano a ano reúne a decenas de tocadoras e tocadores para facer soar os seus instrumentos.

Quedan xa lonxe no tempo as primeiras edicións onde as mulleres que gardaron a tradición, hoxe xa desaparecidas, se xuntaron naquelas primeiras edicións, grazas ao impagable traballo da asociación o Teixeiro  que foi quen de recuperar esta tradición da Serra dos Ancares e fixo que moitas persoas se interesaran pola pandeira.

A xornada comezará ás 10:30 horas co obradoiro de bailes tradicionais da serra e, ao remate, levarase a cabo un taller de iniciación aos toques da pandeireta. Será a partir das 13.00 horas cando se leve a cabo a acollida e o xantar homenaxe. Xa pola tarde, ás 16,30 horas, haberá tocadoras de pandeireta, música e baile da zona e actuacións de distintas agrupacións e escolas. O encontro despídese coa cea e Polavila.

O programa complétase o venres 23 de agosto cun obradoiro de pandeireta de balde impartido polo músico, tocador e mestre Luís Prego.

Egilona, raíña

Nos libros de estudo dos anos sesenta, a conquista de España polos árabes como outros moitos asuntos vitais, resumíase nun par de frases, falando de Don Rodrigo, de problemas dinásticos, conflitos entre a nobreza e complicidade hispana. Nada souben da raíña Egilona ata a lectura do libro de Manuel Romay que revive a historia da esposa do último rei godo, e a fai protagonista dunha ficción histórica que nos adentra de xeito xenial nunha época apaixonante.

Romay fai gala de fondo coñecemento histórico e axil narrativa en todas as súas obras e demóstrao de novo adentrándose nos comezos do século VIII, coa agonía do reino godo e a expansión do Califato, que viña de conquistar o norte de África e atopou na península un paraíso coas portas francas.

Usa o escritor artificio enxeñoso para presenciar os feitos, conversar coas persoas, testemuñar actitudes para conseguir unha perspectiva total superando as barreiras de espazos e tempos, e facer minucioso estudo da situación de Hispania e do Califato, onde se entrecruzan os intereses públicos cos personais, as crenzas coas ansias de poder, as riquezas materiais coas miserias persoais.

A historia de Egilona, muller en sociedade e tempos patriarcais, é un facho de luz sobre un tempo da historia nunca ben coñecido, no que as personaxes – coma nun teatro intemporal – reviven os seus papeis, soñan futuros imposibles, aman ou sofren, sometidos a poderes implacables.

“Egilona, reina cristiana y sarracena” é un anaco da gran historia de Hispania, desmiuzada con inxenio para que poidamos coñecer o acontecido como se ocorrira arredor de nós.

“Egilona, reina cristiana y sarracena”. Manuel Romay López.Seleer,2023.

 

Unha percebeira de Rinlo doa ao Museo do Mar as súas ferramentas de traballo

O Museo Provincial do Mar, en Cervo, acolle dende este martes cinco novos elementos que serviron como ferramentas de traballo a María del Carmen del Río Martinez, percebeira en Rinlo, Ribadeo. A doante, que participou na mostra “Mariñas, Marosas e Maruxainas” que contaba a historia de 16 traballadoras do mar e da terra, unha por cada concello da Mariña, permite así coñecer o seu oficio a todas as persoas que visiten o espazo provincial.

O material está formado por cinco elementos. Por unha banda están tres utensilios como dispondas e o gancho para coller o percebe e, por outro están o gancho e o saco que se atan á cintura para a recollida deste crustáceos. Esta doazón ven a complementar o traballo das fotografías, asinadas por Germán Limeres, Xosé Reigosa, Ignacio Castro “Nachok” e Lucía Sánchez, que amosan o paso do tempo polas facianas e as mans de pescantinas, redeiras, mariscadores, percebeiras, empregadas de conserveiras, taberneiras ou labregas.

O deputado de Rural, Mar e Mocidade Daniel García celebrou esta nova doazón que “nos permite coñecer máis sobre a nosa historia e a vida de mulleres mariñás que deixaron pegada no presente. Con pezas coma esta complementamos a narrativa de xénero e sumamos un novo proxecto á memoria histórica”.

Tamén se inaugurou a mostra “Conservas da memoria”, unha proposta artística realizada da man da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias de Burela e Viveiro (AFAN) e as súas usuarias e usuarios. A mostra conta con 25 latas de conserva nas que mulleres e homes plasmaron a súa historia a través de imaxes e debuxos.

“Conservas da memoria” poderá visitarse no Museo do Mar ata o Día Mundial do Alzheimer, 21 de setembro, e que permitirá concienciar sobre esta doenza que afecta a un gran número de poboación maior de 60 anos.

Unha patrulla da Policía Local recupera a unha ave rapaz

Ás 11’35 horas do venres, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio é comisionada nun punto da Rolda da Muralla, onde, segundo chamada telefónica á Sala do 092, hai o que parece ser un ave rapaz ferida e que non logra iniciar o voo. Os axentes trasládanse ao lugar e localizan ao ave ferida, procedendo ao seu traslado ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre do Veral.

Axuda humanitaria

Durante a tarde do mércores, dous indicativos da Unidade Territorial de Policía de Barrio foron comisionadas na Ponte Nova, xa que a Sala do 092 recibira información sobre un home que presuntamente tiña intencións suicidas. Os axentes compareceron de inmediato no lugar e tras poñer a salvo ao home solicitaron unha ambulancia para trasladalo ao HULA. Os axentes procederon á localización do fillo do afectado, co cal convive, que foi informado de todo o ocorrido, do que tamén se dará conta aos Servizos Sociais.

Venda ambulante sen autorización

Con motivo do dispositivo de vixilancia no ”Mercadillo de Frigsa”, durante a mañá do venres, unha muller foi denunciada por ocupación da vía pública para a venda ambulante, infracción leve á Lei de Protección da Seguridade Cidadá castigada cunha sanción de 100 a 600 euros. A muller foi observada cando vendía pezas de roupa expostas sobre unha mesa, sobre as 9’45 horas, sendo advertida da necesidade de autorización, indicándolle que debería deixar libre o lugar; sendo observada de novo ás 11’15 horas, polo que foi levantada a acta correspondente.

Incendio de residuos

Ás 7’05 horas do domingo, a Sala do 092 recibe información sobre un incendio nas inmediacións do Poboado de Nazaret, polo que comisiona no lugar un indicativo de Policía de Barrio. Os axentes comproban que se trata de restos de obra, neumáticos, plásticos, cristais… nos que as chamas se atopan practicamente sufocadas, polo que non é necesario requirir a presenza do Servizo de Extinción de Incendios; aínda que si se solicitou a colaboración do Servizo de Limpeza, xa que os restos afectaban a parte da calzada.

Discusión en vía pública

Ás 1’45 horas do martes, cando un indicativo do Grupo Operativo Nocturno atopábase de patrulla preventiva pola Praza de Avilés, foi requirida por unha parella (cuxa descrición coincidía coa achegada por un informante, instantes antes, sobre unha discusión entre unha parella na rúa Escocia). Os axentes mediaron na discusión, ao parecer provocada por cuestións económicas, e informaron a ambos dos pasos a seguir para formalizar denuncia polos feitos. Tamén ofrecéronlle á muller asistencia sanitaria ou acompañamento ao seu domicilio, dado o seu estado de nerviosismo, ao cal se nega.

 

 

O Concello agarda o permiso da Xunta para traslocar os mexillóns

O Concello de Lugo enviou xa á Xunta de Galicia a solicitude de traslocación dos mexillóns existentes no punto do río onde pretende habilitar o acceso que facilite o baño.

A petición realízase toda vez que a Administración local dispón xa do beneplácito da Confederación Hidrográfica para colocar as estruturas, ao ser este o organismo competente – tal e como indicaba a propia dirección territorial da Consellería de Medio Ambiente no seu informe – para autorizar a instalación das plataformas e o seu balizamento.

A área de Transición Ecolóxica completaba a documentación necesaria para facer efectivo o premiso sinalando finalmente, na petición, un único punto de entrada ao Miño.

Trátase do ubicado augas abaixo e no que se contabilizou a existencia de unicamente 96 exemplares de náiade, o que debería simplificar tanto as tarefas de desprazamento como a minoración dos tempos necesarios para realizar estes traballos que se piden poder enmarcar nas inmediacións da zona de baño nas que se constatou, a este respecto, suficiente capacidade de acollida.

Porén, a rexedora lucense, Paula Alvarellos, explicou que o principal motivo desta decisión obedece ao importante desnivel que presenta a ribeira do río no segundo emprazamento, o situado augas arriba, e que obrigaría a facer un desmonte considerable do terreo.

Cómpre lembrar que, o estudo realizado pola consultora ambiental Biosfera permitiu comprobar a existencia de dúas localizacións, diferentes ás inicialmente sinaladas na primeira proposta municipal, nas que se rexistraba unha baixa densidade de moluscos e que facía factible a colocación das ramplas.

Eses puntos están a escasos metros 10 metros augas abaixo para a plataforma situada augas abaixo – na que o Concello pretende actuar en canto reciba o permiso da Xunta para mover os mexillóns – e en torno a 5 metros arriba, no caso da situada augas arriba pero que, pola orografía da zona, dificulta a súa instalación.

Continúa aberta a convocatoria para concorrer ás axudas á rexeneración de vivendas no Centro Histórico

O Goberno local recorda que ata o próximo 11 de setembro permanecerá aberta a convocatoria para concorrer ás axudas á rexeneración de vivendas no Centro Histórico de Lugo, baixo criterios de eficiencia enerxética, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, que destina un investimento de 850.986 euros. A través desta convocatoria, que se está a xestionar dende a Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EVISLUSA), o Executivo municipal poderá impulsar a rexeneración en aproximadamente medio cento de vivendas, ubicadas no recinto amurallado e na súa zona de influencia, área coincidente coa delimitada polo PEPRI.

A Fase XVII deste Plan de Rehabilitación mobilizará en total preto de 1,6 millóns de euros, 850.000 de financiamento público e 724.000 de achegas particulares. Con estes fondos, se estima que 35 vivendas minorarán entre o 30% e o 45% o seu consumo de enerxía primaria non renovable, mentres que 12 acadarán unha diminución entre o 45% e o 60% e 10 inmobles chegarán a unha redución do seu consumo enerxético superior ao 60%.

Poderán optar a esta subvención aquelas persoas ou entidades propietarias de inmobles dentro da contorna do Centro Histórico de Lugo para obras relacionadas coa conservación e mantemento de inmobles ou a adopción de sistemas de aforro da enerxía e mellora da eficiencia enerxética. Entre outros traballos, contémplanse actuacións nas que se obteña unha mellora acreditada da eficiencia enerxética, con especial atención á envolvente edificatoria nos inmobles de tipoloxía residencial colectiva. Tamén poden solicitar esta subvención quen teñan realizado as obras nos últimos catros anos, sempre que cumpran os requisitos das axudas, cuxas bases reguladoras poden consultarse na propia convocatoria, publicada no BOP de Lugo do 10 de xullo de 2024.

Os criterios de avaliación baseanse nunha gradación de puntuacións en función, por unha banda, do tipo de obra a realizar (podéndose acadar maior puntuación na solicitude en función do aforro enerxético previsto tras a actuación) e, por outra, en función da catalogación establecida para o inmoble ou edificación dentro do PEPRI. Tamén terase en conta a composición do edificio, é dicir, o número de vivendas existentes no mesmo.

Toda a información relativa a esta convocatoria pode atoparse na seguinte ligazón: https://concellodelugo.gal/sites/default/files/documentos/adjuntos/2024/07/anuncio_web_bases_completo_fase_17_casco_hco-comprimido.pdf ao tempo que se mantén aberta unha canle de comunicación directa coa cidadanía interesada en tramitar estas axudas para resolver calquera dúbida e realizar as aclaracións necesarias ben de maneira presencial, nas dependencias de Evislusa, ben a través do teléfono 982.29.74.90 ou do enderezo electrónico: tecnicosevislusa@lugo.gal

 

Ferido grave tras bater co seu vehículo contra unha casa en Vilalba

Segundo a información recollida no 112 Galicia, o sinistro produciuse pasadas as oito da tarde de onte na LU-861, en Fontepisón, Vilalba. Xusto nese punto, un turismo saíuse da vía e bateu contra unha casa. Como consecuencia do impacto, o condutor quedou inconsciente, aínda que liberado e accesible. Así o confirmaron os Bombeiros de Vilalba, que acudiron ao lugar do accidente tras o aviso do 112.

Tamén acudiron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 a bordo do helicóptero medicalizado con base en Santiago para ofrecer os coidados necesarios ao ferido e facilitar o seu traslado rápido e urxente.

Comeza a terceira edición do Lugo Music Festival

Deu comezo a terceira edición do Lucus Music Festival cunha das novas actividades formativas para profesionais e afeccionados da música no III Encontro Coral Internacional organizado polo Coro Virtual A Piacere.

As actividades, desta terceira edición do Lucus Music Festival, abertas á veciñanza comezan hoxe, cun concerto de músicas populares e tradicionais con Banda Sinfónica a partir das 20:30 na praza Anxo Fernández Gómez

As preto de 60 participantes deste encontro coral contarán con formación a cargo de profesionais da música coral como Lorena Valero, Alberto Ballesta, Gemma Soler, Vivcente Romero, Ruth de los Reyes, Josema Bustamante ou Isabel Barea. A actividade está dirixida polo director Cristian Cavero, e trátase do 3º encontro organizado por este coro nacido de xeito virtual durante a crise sanitaria de 2020.

Concentración en Pedrafita para a reapertura completa do consultoiro de Doiras

A Asociación cultural xuvenil A Cambela, Anpa CPI Cervantes, Os Xardois, BNG, PSdeG-PSOE, Rente ao Couce, Son de Cores, Casa Quindós, CDR Ancares, Teitos do Piornedo, FADEMUR, Asociación de mulleres rurais Ledicia, A.C. O Teixeiro convocan unha concentración en Pedrafita do Cebreiro, esta tarde ás 17:00h para pedir a reapertura do consultoiro de Doiras.

Amelia Amigo, voceira das veciañas afectadas sinalan que “a comenzos do mes de xullo a Consellaría de Sanidade fixo pública a reapertura do consultorio de Doiras, co servizo de enfermería, no mes de agosto. Pasou case medio mes de agosto e seguimos co consultorio de Doiras a medio gas, abrindo só dous días á semana e só co servizo de enfermeria, esto non é suficiente, as veciñas e veciños das parroquias afectadas precisan servizo médico tódolos días, precisan que ass súas necesidades sexan cubertas ao completo”.

“O centro de saúde de Doiras viña prestando asistencia sanitaria de luns a venres entre as 10h e as 15h a un total de 238 persoas. Agora, esta poboación pode ter que desprazarse 18 quilómetros mais dos que xa fai agora. Unha distancia que en tempo se multiplica pola orografía do noso concello, chegando a desprazamentos de arredor de 40 minutos, pois o servizo de enfermaría non é suficiente para atendelos, pois as atencións médicas seguen sen estar cubertas en Doiras. Esta situación é especialmente grave se temos en conta que falamos dunha poboación de máis de 65 anos na súa maior parte que non dispón de servizo de transporte público, e en moitos casos tampouco” denuncia Amelia.

Isto supón unha vulneración flagrante dos dereitos fundamentais da veciñanza afectada directamente, que impide o seu acceso á sanidade pública de maneira próxima e afonda na desigualdade, cada vez maior, da poboación dos concellos rurais e especialmente da montaña. Ademais afectará de xeito importante á calidade do servizo prestado no conxunto do concello.

Ademais disto o centro médico de S. Román quedou se atención médica varios días no mes de agosto, así que a veciñanza de Cervantes non tivo atención médica en todo o concello, “esto demostra a atención que dende a Consellaría de Sanidade lle prestan a Cervantes” engade Amelia Amigo
Por todo isto a Asociación cultural xuvenil A Cambela, Anpa CPI Cervantes, Os Xardois, BNG, PSdeG-PSOE, Rente ao Couce, Son de Cores, Casa Quindós, CDR Ancares, Teitos do Piornedo, FADEMUR, Asociación de mulleres rurais Ledicia, A.C. O Teixeiro: 
1.Rexeitamos o peche do consultorio de Doiras.
2. Denunciamos as mentiras do PP pois o consultorio de Doiras só abre con atención de enfermería e só 2 días á semana
3. Demandamos da Xunta de Galiza que cubra de maneira inmediata a praza de médica que fica vacante no centro de saúde de Doiras, así como que garanta a continuidade da enfermaría durante toda a semana co obxectivo de que a poboación adscrita a este centro continúe a recibir asistencia con normalidade nel.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com